Temis (mitoloxía)
Na mitoloxía grega, Temis (en grego antigo Θέμις Themis, que significa 'lei da natureza’ [1]), representa a Xustiza e a equidade; na mitoloxía romana denomínase Iustitia. Era unha das Titánides, filla de Urano (o Ceo) e Xea (a Terra).
Temis | |
---|---|
![]() | |
Pai | Urano |
Nai | Xea |
Cónxuxe | Zeus |
Fillos | Horas, Epimeteo, Prometeo, Hespérides, Menecio, Adrasteia, Irene, Dice, Eunômia, Astreia, Cloto, Láquesis, Átropos, Têmides, Disis, Auxo, Thallo, Arctus, Carpo e Acme |
Irmáns | Rea, Xapeto (mitoloxía), Cronos, Hiperión, Tía, Océano e Tetis |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Foi a segunda esposa de Zeus, despois de Metis, do que procreou as Horas, as Moiras (Cloto, Láquesis e Átropos), a virxe Astrea (que personificará a Xustiza) e as Ninfas do Erídano (que axudaron a Heracles a chegar ó país das Hespérides).
"En segundo lugar, [Zeus] casou coa brillante Temis que procreou as Horas, Eunomía, Dike e a florecente Eirene, que protexen os traballos dos homes mortais; e as Moiras, ás que grandísima honra outorgou o prudente Zeus, Cloto, Láquesis e Átropo, que conceden ós homes mortais obter o bo e o malo ."(Hesíodo: Teogonía 902-906)
Esquilo é a única fonte que recolle a tradición de facela nai de Prometeo.
Mitoloxía editar
Crese que Temis, como personificación da Lei Natural e da Xustiza, aconsellou a Zeus protexerse coa pel da cabra Amaltea na loita contra os Xigantes. Tamén se di que foi ela a que incitou á Guerra de Troia, como solución para paliar a superpoboación da Terra.
Como esposa de Zeus e pola axuda prestada ós deuses ó inventar os oráculos e as leis, vive no Olimpo e está asociada ós Deuses olímpicos. Tamén foi quen ensinou a Apolo a facer augurios, pois ela era quen ostentaba o Oráculo de Delfos -herdado de Xea- antes de cederllo a Febe. Foi ela quen predixo a Atlas que o fillo de Zeus lle roubaría as mazás de ouro das Hespérides. Foi consultada en Delfos por Deucalión e Pirra.
Iconografía editar
Temis recibiu culto en Grecia: en Ramnunte, na costa da Ática, hai un pequeno templo, de principios do século V a. C., onde se adoraba a Temis e a Némese [2]. A estatua de Temis foi obra do escultor Queréstrato.
Adoita representarse coa balanza e a espada, e, na maioría das ocasións, cos ollos vendados, imaxe que hoxe segue simbolizando a xustiza.
Notas editar
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Temis |
Bibliografía editar
- ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto]
- Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA