Océano (mitoloxía)
Na antigüidade clásica, Océano (en grego antigo Ώκεανός, Ōkeanós ou Ωγενος, Ōgenos, literalmente 'océano';[1] en latín Oceanus ou Ogenus) referíase ao Océano mundial, que os gregos e romanos pensaban que era un enorme río que circundaba o mundo. Falando con propiedade, era a corrente de auga mariña do ecuador na que flotaba o ecúmene (οἰκουμένη, ekuméne).[2][3]
Océano | |
---|---|
![]() | |
Pai | Urano |
Nai | Xea |
Cónxuxe | Tetis e Pompholyge |
Fillos | Clímene, Némese, Calipso (mitoloxía), Amalteia, Europa, Anfitrite, Métis, Tique, Filira, Etra, Pleione, Estige, Ásia, Chryseis, Peitho, Rode, Plota, Hesíone, Doris, Clitia, Callirhoe, Enipeus, Lisiteia, Telesto, Eidyia, Periboea, Acaste, Bolbe, Ceto, Zeuxo, Admete, Eurínome (filla de Océano), Adrasteia, Aqueloo, Nilus, Ínaco, Alfeu, Escamandro, Sangarius, Peneo (mitoloxía), Cebren, Meander, Simoente, Esperqueu, Strymon, Asterión, Axius, Ladão, Merope, Dione, Capheira, Ianthe, Electra, Argeia, Crimiso, Erídano, Asopo, Aeas, Ardescus, Aegaeus, Aesar, Aesepus, Evenus, Istrus, Asterope, Caicus, Daeira, Caanthus, Zeuxippe, Creúsa, Termessus, Symaithos, Phyllis, Kydnos, Cladeus, Chremetes, Clitunno, Cefiso, Cephissus, Cefiso, Caystrus, Ismenus, Hermus, Hydaspes, Hebrus, Haliacmon, Granicus, Borysthenes, Baphyras, Brychon, Elisson, Erasinos, Ascanius, Apidanus, Anaurus, Anigrus, Anapos, Amnisus, Néfele, Cariclo (esposa de Quirón), Orseis, Chrysas, Pamisus, Melibeia, Passalus, Acheron, Oceanids, Klytia, Acmon, Phasis, Ocyrhoe, Leuce, Neda, Triptólemo, Almo, Galaxaura, Hippo, Asterodeia, Beroe, Bromie, Coryphe, Dmia, Dodone, Eidothea, Ephyra, Evagoréis, Eudore, Evenus, Evphrátes, Ganges, Pactolus, Oceánides, Cerceis, Amphiro, Plexaure, Thrace, Pasithoe, Thoe, Ianire, Argie, Xanthe, Menestho, Melobosis, Leucippe the Oceanid e Astydameia |
Irmáns | Tetis, Rea, Cronos, Xapeto (mitoloxía), Hiperión, Temis e Tía |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Na mitoloxía Editar
Na mitoloxía grega este océano mundial era personificado como un Titán, fillo de Urano e Xea. Nos mosaicos helenísticos e romanos (por exemplo en Océano e Tetis, de Zeugma, século III)[4] represéntase con frecuencia a este Titán co torso e os brazos dun home musculoso con barba longa e cornos (moitas veces con pinzas de cangrexo), e coa parte inferior do corpo dunha serpente (compárese con Tifón). En fragmentos dunha vasilla arcaica datada sobre 580 a.C.,[5] entre os deuses que acoden á voda de Peleo e a ninfa mariña (nereida) Tetis aparece un Océano con cola de peixe, levando un peixe nunha man e unha serpente na outra, dons de recompensa e profecía. Nos mosaicos romanos, como o de Bardo, pode aparecer levando un temón e cun barco no colo.
Algúns estudosos cren que orixinalmente Océano representaba a todos os corpos de auga salgada, incluíndo o mar Mediterráneo e o océano Atlántico, as dúas maiores masas acuáticas coñecidas polos antigos gregos. Porén, a medida que a xeografía se fixo máis precisa, Océano pasou a representar as augas máis descoñecidas e estrañas do Atlántico (tamén chamado "Mar Océano"), mentres un recentemente chegado dunha nova xeración, Poseidón, gobernaba o Mediterráneo.
A esposa de Océano era a súa irmá, a titánide Tetis, e da súa unión naceron as tres mil Oceánides (ou ninfas do mar) e todos os Oceánidas, os ríos do mundo, así como as fontes e os lagos.[6] De Crono, da raza dos Titáns, naceron os doce olímpicos, e Hera menciona dúas veces na Ilíada a súa pretendida viaxe "aos confíns da fértil terra para ver a Océano, pai dos deuses, e á nai Tetis, os cales me recibiron de mans de Rea e me criaron e educaron no seu palacio".[7]
Na maioría das versións da Titanomaquia ou guerra entre os Titáns e os Olímpicos, Océano, xunto con Prometeo e Temis non se uniu ao bando dos seus irmáns Titáns contra os Olímpicos, senón que se mantivo alleo ao conflito. Na maioría das versións deste mito, Océano tamén refusou unirse a Crono na rebelión deste contra o seu pai Urano. Na Ilíada, a rica iconografía do escudo de Aquiles que creara Hefesto quedaba pechada, como se cría que o estaba o propio mundo, por Océano:
Entón, correndo ao redor do bordo do escudo, tres veces,
debuxou toda a forza da corrente do Océano.
Cando Odiseo e Néstor camiñaban xuntos pola "beira do estrondoso mar, dirixían moitos rogos ao deus que abraza a terra e a abanea" era a Océano, e non a Poseidón, a quen destinaban os seus pensamentos.
Invocado de pasada polos poetas e concibido como o pai dos ríos e regatos e, por tanto, proxenitor das deidades asociadas, Océano aparece unha soa vez nos mitos, como un representante do mundo arcaico que Heracles constantemente ameazaba e superaba.[8] Heracles obrigou a Helios a que lle emprestara a súa copa dourada para cruzar a grande extensión do Océano na súa viaxe ás Hespérides. Cando Océano sacudiu a copa, Heracles ameazouno e tranquilizou as ondas.[9].
Consortes e descendencia Editar
- Xea
- Creúsa
- Triptólemo (segundo Pseudo-Apolodoro)
- Teia, filla de Memnón
- Tetis
Na cosmografía Editar
Océano aparece tanto na cosmografía helénica como na mitoloxía. Os cartógrafos seguiron representando a corrente ecuatorial circundante de forma similar a como aparecera no escudo de Aquiles.
Aínda que Heródoto era escéptico sobre a existencia física de Océano, rexeitaba que o desxeo fora a causa do desbordamento anual do río Nilo. Segundo o seu tradutor e intérprete Livio Stecchini, Heródoto deixou sen resolver a cuestión dun Nilo ecuatorial, xa que descoñecía a xeografía da África subsahariana.
Apolonio de Rodas chámalle ao baixo Danubio o Keras Okeanoio ('Golfo' ou 'Corno de Océano’) na súas Argonáuticas.[10]
Na Ora maritima de Avieno (século IV) aplícase Accion ('Océano') aos grandes lagos.[11]
Tanto Homero [12] como Hesíodo [13] aluden ao Okeanos Potamos, o 'río océano'.
Hecateo de Abdera escribe que o Océano dos hiperbóreos non é o ártico nin o occidental, senón o mar situado ao norte do antigo mundo grego, chamado "o máis admirábel de todos os mares" por Heródoto,[14] o "inmenso mar" por Pomponio Mela [15] e por Dionisio Periegeta,[16] e cuxo nome é Mare majus nos mapas medievais.
Ao final do Okeanos Potamos estaba a illa sagrada de Alba (Leuke, Pytho Nisi ou Illa das Serpentes), consagrada ao pelasgo (e logo tamén grego) Apolo, que saúda ao Sol nacente do leste. Hecateo de Abdera alude á illa de Apolo desde a rexión dos hiperbóreos, no Océano. Foi en Leuke, nunha versión da súa lenda, onde o heroe Aquiles foi enterrado nun túmulo (até a actualidade, unha das desembocaduras do Danubio chámase Quilia).
Notas Editar
- ↑ Perseus. Liddell, H. G. e Scott, R. (1940): A Greek-English Lexicon, voz Ὠκεανός
- ↑ A ecúmene é o conxunto do mundo coñecido por unha cultura. Xeralmente distínguese como aquela porción da Terra permanentemente habitada, en contraposición ao anecúmene ou zonas inhabitadas ou temporalmente ocupadas. Durante o período helenístico, ecúmene facía referencia á parte da Terra que estaba habitada, xa fora por toda a humanidade ou só por un subconxunto desta. Con frecuencia referíase ás terras habitadas polos gregos, excluíndo aquelas que estaban ocupadas polos bárbaros. Na koiné do Imperio romano e no Novo Testamento, ecúmene significa literalmente 'mundo'; porén, polo xeral se entendía que facía referencia ao mundo romano. Os bizantinos utilizaban ecúmene para referirse ao Imperio bizantino (de aí, o concilio ecuménico). O concepto subxace no título de Patriarca ecuménico que se lle dá ao Patriarca de Constantinopla, así como ao proceso do ecumenismo.
- ↑ Véxase Livio Stecchini, Ancient Cosmology, un ensaio que especula coa posibilidade de Océano como contrapartida ecuatorial ao Nilo. (en inglés)
- ↑ V.V. A.A. (2010): Mitología clásica e iconografía cristiana. Fund. R. Areces. ISBN 978-84-8004-942-9
- ↑ Museo Británico 1971. 11-1.1.
- ↑ O poeta clásico tardío Nono menciona ás Limnai ['lagos'], fillas líquidas de Océano. (Dionisíacas vi. 352.)
- ↑ Homero, Ilíada xiv. 200 e 244.
- ↑ A Suda identifica a Océano e Tetis como pais dos dous Cercopes, aos que tamén derrotou Heracles.
- ↑ A viaxe de Heracles na copa solar polo Océano foi un dos temas predilectos dos pintores de cerámica ática
- ↑ Apolonio de Rodas, Argonáuticas iv. 282.
- ↑ Tolomeo, C. (1883):: Cl. Ptolemaei Geographia. Graece et lat. edidit Car. Müllerus. Paris: Fr. Didot, páx. 235.
- ↑ Homero, Odisea xii. 1.
- ↑ Hesíodo], Teogonía v. 242. 959.
- ↑ Heródoto iv. 85.
- ↑ Pomponio Mela i. 19.
- ↑ Dionisio Periegeta, Descrición da terra v. 165.
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Océano |