Peneo (mitoloxía)
Na mitoloxía grega, Peneo era un deus fluvial de Tesalia, un dos tres mil ríos de Grecia. Era fillo de Océano e Tetis.
Casou coa ninfa Creúsa (ou Filira), coa que tivo catro fillos, entre os que se cita a Hipseo, rei dos lapitas, e tres fillas, Cirene (nai de Aristeo), Dafne e Estilbe, aínda que algunhas fontes consideran a Cirene unha das súas esposas. Estilbe tivo do deus sol, Apolo, dous fillos xemelgos, Centauro e Lapites, epónimo do pobo do mesmo nome e antecesor de Auxías e Pirítoo, entre outros personaxes mitolóxicos coñecidos; algúns tamén a fan nai de Eneo.
A máis famosa das súas fillas foi Dafne que, perseguida por Apolo, implorou a axuda do seu pai para escapar do acoso do deus, e Peneo converteuna en loureiro [1]. Apolo tivo que consolarse con cortar unhas pólas e coroarse con elas, e esa coroa de loureiro converteuse en símbolo de vitoria na cabeza de heroes, xenerais e emperadores romanos.
"Agotadas as súas forzas, palideceu ela e vencida polo esforzo da rápida fuxida, dixo mirando ás augas do Peneo: 'Axúdame, pai, se os ríos sodes divindades, bota a perder, cambiándoa, esta figura coa que gusto demasiado'. Apenas acabou a súa plegaria, un pesado sopor invade os seus membros, unha delgada casca cingue o seu tenro peito, os cabelos medran como follas, os brazos como ramas, os seus pes, ha pouco tan veloces, adhírense en raíces preguiceiras, en lugar do rostro está a copa. Só a beleza queda nela".(Ovidio: Metamorfosis I, 543-552)
Galería de arte
editar-
Os deuses fluviais consolan a Peneo pola perda da filla
-
Apolo e Dafne, e Peneo ós pés de ambos (Jean-Étienne Liotard)
-
Apolo e Dafne, con Peneo ós pés (Nicolás Poussin) [2]
-
Apolo e Dafne (Bernini)
-
Apolo e Dafne
(Placido Costanzi)
Notas
editar- ↑ Hixino dá outra versión: cando Apolo estaba perseguindo a Dafne, ela pediu axuda á Terra, que a acolleu dentro dela e transformouna na árbore do loureiro (Fábulas, 203). Graves recolle esta versión e engade que a Nai Terra levouna ata Creta, e deixou un loureiro no seu lugar (Graves, px. 90).
- ↑ O cadro completa o mito coa prersenza de Eros, o deus do amor, disparando unha frecha a Apolo para namoralo de Dafne, sabendo que esta o rexeitaría, como vinganza ante a burla de Apolo sobre a súa destreza co arco.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Peneo |
Bibliografía
editar- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. (en castelán)