Na mitoloxía grega, Pirítoo era o fillo de Ixión, rei de Tesalia, e Día [1]. Casou con Hipodamía (filla de Butes), coa que tivo un fillo, Polipetes. Na festa do día da voda, os centauros, invitados á mesma, intentaron raptar á noiva. Este feito deu comezo a unha violenta batalla entre centauros e lápitas (os parentes de Pirítoo), na que venceron estes segundos, o que se interpreta como o triunfo da civilización helénica sobre a barbarie.

O centauro Euritión intenta raptar a Hipodamía mentres Pirítoo (á esquerda) e Teseo (á dereita) a defenden (detalle dunha crátera de figuras vermellas, c. 350-340 a.C., Museo Británico)

A batalla entre centauros e lápitas editar

Pirítoo e Hipodamía invitaron á súa voda ós centauros, cos que ela tiña unha relación de parentesco. Os centauros terminaron emborrachándose [2], e Euritión intentou violar e raptar á propia Hipodamía mentres que o resto deles se abalanzaron sobre as outras invitadas e mesmo sobre os homes mozos presentes. Os compatriotas de Pirítoo, os lápitas, ós que se uniu Teseo, amigo de Pirítoo, saíron en defensa das súas mulleres e comezaron unha forte loita contra os centauros, que foron derrotados[3].

"Porque a ti, o máis bestial dos bestiais centauros, Éurito, ardíache o corazón tanto polo viño como pola visión da noiva, e reinaba unha embriaguez que duplicaba a luxuria. De socato... a acabada de casar é raptada pola forza, agarrada polos cabelos. Éurito colle a Hipódame; os demais, a que cada un gustaba ou podía... Por azar había alí preto unha antiga crátera con altos relevos; lévántaa o fillo de Exeo [é dicir, Teseo] , erguéndose máis enorme do que de por si era, e lánzaa contra o rostro do seu adversario. Este, vomitando pola ferida e pola boca callóns de sangue, miolos e viño, de costas sobre a area enchoupada, pateaba".
(Ovidio: Metamorfosis XII 219-239)
 
Centauromaquia (Piero di Cosimo, 1500-1515, National Gallery de Londres)

A amizade entre os dous heroes xorde dunha proba que Pirítoo quixo someter a Teseo, do que sabía da sona que tiña, para comprobar as capacidades deste. Pirítoo rouboulle os rabaños de gando que Teseo tiña en Maratón (ou, simplememte, atacou Maratón). Cando se atoparon fronte a fronte, quedaron enamorados da beleza do outro, e Pirítoo renunciou ó combate ofrecéndose a reparar os animais roubados e declarándose escravo de Teseo. Este, que non quixo ser menos, declinou a oferta e acordou esquecer todo o pasado. Xuráronse amizade eterna e, desde aquela, compartiron tódalas fazañas.

Outras aventuras de Pirítoo editar

Pirítoo e Teseo foron dous dos participantes na partida de caza do Xabaril de Calidón que dirixiu Meleagro [4], aínda que non tiveron ningunha actividade relevante.

"... ata que se xuntaron Meleagro e unha escollida presa de mozos ansiosos de gloria: ... Teseo e Pirítoo, feliz parella de amigos...".
(Ovidio: Metamorfosis VIII, 303)

Teseo acampañara a Heracles a conseguir o cinto da raíña das amazonas Hipólita, nun dos traballos que tivo que cumprir para Euristeo, e tomou por esposa (ou como escrava) a Antíope, irmá de Hipólita. Pero algunhas fontes engaden que, posteriormente a estes feitos, Teseo e Pirítoo regresaron onda as Amazonas e que foi nesta segunda viaxe cando Teseo raptou a Antíope [5].

Noutro momento, ámbolos dous amigos decidiron tomar por esposas a cadansúa filla de Zeus e, así, Pirítoo tomou parte do rapto de Helena (cando esta era aínda moza), para Teseo, e Teseo acompañou a Pirítoo ata os Infernos, para buscar a Perséfone, esposa de Hades. Pero Hades tendeulles unha trampa: invitounos a un banquete e unha vez que os tivo sentados á mesa, deixounos encadeados ós asentos. Heracles, cando foi polo can Cérbero, conseguiu rescatar a Teseo, pero non puido salvar a Piritoo [6].

"Cerca das portas do Tártaro, Heracles atopou ós seus amigos Teseo e Pirítoo atados a cadeiras de tortura. Liberou a Teseo pero veuse obrigado a deixar alí a Pirítoo".
(Robert Graves: Los mitos griegos, 561)

A tradición evemerista converte o mito nunha visita de Teseo e Pirítoo á corte do rei Hedoneo, en Epiro. Este estaba casado cunha Perséfone e tiña unha filla chamada Core. Aínda que a intención daqueles era raptar ás dúas, presentáronse coa excusa de pedir á filla en matrimonio, pero xa fora prometida a quen lograse vencer a un can intratable chamado Cerbero. Hedoneo deuse conta do engano e mandou deter ós dous, entregando a Pirítoo á voracidade de Cerbero, que o comeu dun bocado, e metendo a Teseo na cadea. Co tempo veu Heracles, que era amigo de Hedoneo, e conseguiu que o puxera en liberdade,

 
Loita dun centauro e un lápita (métopa 31, Partenón, hoxe no Museo Británico)

Iconografía editar

A Centauromaquia, como se coñece a loita de centauros e lápitas, foi recollida en numerosas obras clásicas, destacando o frontón occidental do templo de Zeus en Olimpia (c. 460 a.C.) ou as métopas do friso sur do Partenón (c. 445 a.C.).

Tamén é representada na Idade Moderna (Miguel Anxo, Jordaens, Rubens, etc.) e Contemporánea (Giorgio de Chirico), ben en escenas de loita colectivas, ben en escenas individualizadas de Teseo contra un centauro (pouco comúns).

Notas editar

  1. Homero, na Ilíada, faino fillo de Zeus e Día.
  2. Os centauros tiñan sona de seren personaxes salvaxes, luxuriosos, violentos cando estaban borrachos, como resultaba habitual neles, excepto Folo e Quirón, os dous únicos centauros sabios e rectos.
  3. Apolodoro: Epítomes 1, 21.
  4. Pseudo-Apolodoro I, 8, 2; Ovidio VIII, 303. Hixino non menciona a Pirítoo na relación de membros da partida (Hixino, 173).
  5. Robert Graves, 386.
  6. Segundo Graves, Pirítoo non puido escapar do Inferno polo feito de ser mortal, mentres que Teseo era fillo de Poseidón.

Bibliografía editar

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 418-419.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, 210-458 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].