Euritión (centauro de Hipodamía)
Euritión (ou Éurito) foi un centauro que intentou violar e raptar a Hipodamía e resultou morto a mans de Teseo
Pirítoo e Hipodamía celebraron a súa voda e invitaron, entre outros, ós centauros, cos que ela tiña unha relación de parentesco. Os centauros (disque por non estar afeitos ó viño sen augar) terminaron emborrachándose [1] e atacando á noiva e ós invitados. Euritión encabecou a liorta arrastrando a Hipodamía dos cabelos, mentres que o resto dos centauros se abalanzaron sobre as outras invitadas e mesmo sobre os homes mozos presentes.
Os compatriotas de Pirítoo, os lapitas, ós que se uniu Teseo, amigo de Pirítoo, saíron en defensa das súas mulleres e comezaron unha forte loita contra os centauros (loita coñecida como Centauromaquia), que rematou coa morte de moitos deles e a fuxida do resto.
"Porque a ti, o máis bestial dos bestiais centauros, Éurito, ardíache o corazón tanto polo viño como pola visión da noiva, e reinaba unha embriaguez que duplicaba a luxuria. De socato... a acabada de casar é raptada pola forza, agarrada polos cabelos. Éurito colle a Hipódame; os demais, a que cada un gustaba ou podía... Por azar había alí preto unha antiga crátera con altos relevos; lévántaa o fillo de Exeo [é dicir, Teseo] , erguéndose máis enorme do que de por si era, e lánzaa contra o rostro do seu adversario. Este, vomitando pola ferida e pola boca callóns de sangue, miolos e viño, de costas sobre a area enchoupada, patexaba".(Ovidio: Metamorfosis XII 219-239)
Notas
editarBibliografía
editar- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, 210-458 [a numeración segue a utilizada neste texto].