Ventos (mitoloxía)

Na antiga relixión e na mitoloxía gregas, os Anemoi (grego: Ἄνεμοι, "Ventos") foron deuses dos ventos que tamén estaban adscritos a un punto cardinal, dende o que proviñan os seus ventos, e tamén foron asociados ás diferentes estacións e condicións meteorolóxicas. Foron representados como meros refachos de vento, personificados como homes con ás, e tamén como cabalos nas cortes da tormenta do deus Eolo, que proveeu a Ulises cos Anemoi durante a Odisea. Os espartanos foron rexistrados sacrificando un cabalo ós ventos no Monte Taixeto. Eolo e Eos, a deusa do amencer, eran os pais dos Anemoi segundo o poeta Hesíodo.

Rosa dos ventos segundo eran coñecidos na Grecia antiga, creado por Adamantios Korais en 1796.

Dos catro ventos principais, Bóreas (Aquilón en latín) era o vento do norte que traía o ar frío do inverno, Noto era o vento do sur que traía as treboadas de verán e outono, Céfiro era o vento do oeste que traía o ar da primavera e as brisas de verán; e Euro, o vento do leste, non estaba asociado a ningunha das tres estacións gregas, e é o único dos catro que non é mencionado na Teogonía de Hesíodo ou nos himnos de Orfeo. Ademais, había outros catro ventos menores asociados ó nordeste, sueste, noroeste, e suroeste.

As deidades equivalentes ós Anemoi na mitoloxía romana eran os Venti. Malia teren nomes diferentes, eran moi semellantes ós gregos pois mantiñan os seus atributos.