Orfeo

personaxe da mitoloxía grega

Orfeo é un personaxe da mitoloxía grega, o poeta e músico máis famoso de todos os tempos e fillo do rei tracio Eagro e da musa Calíope.

Orfeo coa lira e rodeado de bestas, Museo Cristiano-Bizantino, Atenas.

O mito de Orfeo é un dos máis escuros e máis cargados de simbolismo de cantos rexistra a mitoloxía helénica. Coñecido desde época moi remota evolucionou ata converterse nunha verdadeira teoloxía, en torno á cal existía unha literatura moi abundante e, en gran medida esotérica. Non se pode dicir que o mito de Orfeo non exercese unha influencia certa na formación do cristianismo primitivo e está testemuñado na iconografía cristiá. A historia máis coñecida sobre Orfeo é a que se refire á súa esposa Eurídice.

Orfeo

Orfeo e EurídiceEditar

Un día, cando Eurídice paseaba cerca de Tempe, no val do río Peneo, atopouse con Aristeo, quen tratou de forzala. Na súa fuxida pisou unha serpe e morreu a consecuencia da mordedura. Despois de chorala moito, Orfeo descendeu valentemente ao Tártaro esperando recuperala e levala de volta. Utilizou o pasadizo que se abre en Aorno, en Tesprótide, e a súa chegada non só encantou ao barqueiro Caronte, ao can Cérbero e aos tres xuíces dos mortos coa súa melancólica música, senón que conseguiu que se suspendesen temporalmente as torturas dos condenados.

Deste modo amoleceu o duro corazón, e díxolles que o motivo da súa viaxe era a súa esposa, a cal morrera a causa da mordedura dunha víbora que lle roubara os seus prometedores anos. El suplicoulles que deixasen marchar a Eurídice, se non quedarían coa súa vida tamén. Estes concedéronlle a súa petición cunha única condición: que Orfeo non mirara atrás ata que ela estivese a salvo baixo a luz do Sol. Eurídice seguiu a Orfeo polo escuro pasadizo guiada polos sons da súa lira, pero cando chegaron a onde xa había luz solar el volveuse para comprobar se ela o seguía, e entón perdeuna para sempre.