Argonautas
Na mitoloxía grega, os Argonautas (en grego: Αργοναύται) eran un grupo de heroes que, en anos anteriores á Guerra de Troia, acompañaran a Xasón á Cólquida, na busca do vélaro de ouro. O seu nome procede do nome da súa nave, a Argo, que á súa vez fora designada así en honra do seu construtor Argos; de modo que, literalmente, Argonautas significa "mariñeiros do Argo".
Lenda do mito
editarPelias converteuse en rei de Iolco tras destronar a Esón. Este, temeroso de que o seu fillo Xasón, quen era herdeiro ó trono, fose asasinado enviouno á cova do centauro Quirón onde recibiu instrución ata o seu regreso a Iolco para reclama-lo seu dereito ó trono.
Na súa viaxe a Iolco, Xasón perdeu unha das súas sandalias e ó presentarse ante Pelías este lembrou que un antigo oráculo advertíralle sobre alguén cunha soa sandalia que baixaría do monte para destronalo e matalo. Pelias accedeu a devolverlle o trono a Xasón pero esixiulle cumprir co suposto pedido de regresar á súa orixe o vélaro de ouro.
Xasón aceptou o encargo e ordenoulle a Argos a fabricación dunha nave. Esta embarcación tiña o don da fala e da profecía. Despois formou a tripulación cos mozos máis valentes daqueles tempos.
Os Argonautas partiron da costa de Págasas e, ó seu paso pola illa de Limnos, habitada por mulleres, uníronse con elas coa idea de que concibiran fillos homes. Pasaron por Samotracia e chegaron á terra dos Dolións, onde o seu rei Cícico os acolleu. Ó partir os ventos leváronos de novo á costa, onde por erro se enfrontaron ós seus antigos anfitrións resultando mortos o rei Cícico e a súa corte. Nas costas de Misia, as ninfas apoderáronse de Hilas, e Heracles e Polifemo abandonaron o barco para ir na súa axuda e a viaxe continuou sen eles. Ó pasar pola terra do adiviño cego Fineo, librárono das Harpías, e el en agradecemento deulles o contrasinal para evita-las rochas Cianeas que destruían calquera nave que se atrevese a pasar entre elas.
Despois destas e outras aventuras a expedición chegou ó reino de Eetes. Xasón realizou unha visita ó monarca e solicitoulle a entrega do Vélaro de Ouro. O rei para entregarllo pediulle a cambio que domara os touros con unllas de bronce e que arase o campo e o sementase con dentes de dragón que lle entregaría.
Medea, filla de Eetes e namorada de Xasón, ofreceuse a axudarlle sempre e cando Xasón casase con ela. Entregoulle unha cataplasma máxica para que a aplicase sobre o seu corpo e un escudo co que quedaría protexido contra o lume e o ferro. Advertiulle que ó sementa-los dentes do dragón converteríanse en soldados que o asasinarían. Indicoulle que lanzara pedras sen ser visto e deste modo confundiríaos facendo que loitasen e se matasen entre eles.
Xasón realizou estas tarefas con éxito, pero Eetes incumpriu a súa promesa. Entón Xasón, axudado por Medea, durmiu ó dragón gardián, apoderouse do vélaro de ouro e fuxiu con ela. Cando o rei Eetes descubriu a fuga e o roubo do vélaro de ouro, lanzouse na súa procura. Medea, para atrasalo, deu morte ó seu irmán Apsirto, e lanzou ó mar un a un os seus membros. Eetes non puido levar a bo termo a persecución ó ir recollendo os restos do seu amado fillo.
De regreso, ó seu paso pola illa das sereas, os argonautas foron protexidos dos seus cantos por Orfeo, músico de Tracia, coa súa melodiosa lira e voz; chegaron a Creta, onde se enfrontaron ó xigante Talos coa axuda dos feitizos de Medea.
Ó chegar a Iolco, traendo o vélaro de ouro, Xasón soubo que Pelias asasinara a tódolos seus parentes e que ademais se negaba a entregarlle o trono. Medea convenceu ás fillas do rei a que lle axudaran a eliminalo prometéndolle-la eterna xuventude. Xasón asumiu o trono e, con Medea, reinou en Iolco. Anos máis tarde concibiron un fillo, confiándolle a súa educación ó centauro Quirón.
Os Argonautas máis célebres
editarPartiron en total cincuenta guerreiros, dos cales os principais Argonautas eran:
- Xasón e seu primo Acasto, fillo de Pelias.
- O adiviño Idmon, fillo de Apolo.
- Os Dióscuros (fillos xemelgos de Zeus) Cástor e Pólux.
- Os semideuses do vento, fillos de Bóreas, Calais e Zetes.
- Anfión.
- Etalides, fillo do deus Hermes.
- O xigante Argos, que foi o construtor do navío e o seu piloto.
- Ascálafo, fillo do deus Ares e rei de Orcómene.
- Unha muller Atalanta que tentou embarcar disfrazada de home, mais foi descuberta por Xasón.
- O ladrón Autólico, fillo do deus Hermes e que viría ser o verdadeiro pai de Ulises.
- Laertes, que era o "pai putativo" de Ulises.
- Butes, fillo de Téleon.
- Équion, tamén fillo de Hermes.
- Eufemo, fillo de Poseidón.
- Euríalo.
- Heracles, o seu sobriño Iolao e o seu discípulo Hilas, ambos "amigos moi íntimos" de Heracles.
- Poias e seu fillo, Filoctetes, ambos amigos de Heracles.
- Os xemelgos Idas e Linceo, rivais de Cástor e Pólux, o segundo dotado de agudísima vista, capaz de ver detrás dos muros.
- Oileo, que viría ser pai de Áiax, e que era namorado de Apolo.
- Meleagro.
- O poeta Orfeo, fillo de Apolo e da musa Calíope.
- Peleo, que viría ser pai de Aquiles, e o seu irmán Telamón.
- O concerta-todo Palemón, fillo de Hefesto.
- Poriclimeno, fillo de Poseidón, que tiña o poder de se metamorfosear en calquera animal mariño.
- Talao, rei de Argos.
- Tífis e Anceo que se relevaran como temoneiros do navío Argo.
- Erxino, que substituíu a Tífis cando este morreu.
- Anfiarao, outro célebre adiviño.
- Admeto, fillo do rei Feres.
- Asclepio, fillo de Apolo, médico dos expedicionarios.
- Teseo, príncipe de Atenas.
- Pirítoo, rei dos lapitas etc.