Bóreas

Deus grego do vento do norte

Na mitoloxía grega, Bóreas era un Titán, o deus do Vento do norte, que traía o inverno. Na mitoloxía romana coñécese como Aquilón (ou Aquilo), así como Septentrio [1]. Concebíase como un deus frío, violento, brutal [2].

Bóreas rapta a Oritía (acrótera do Templo dos Atenienses, Delos, último cuarto do século V a.C.)

Era fillo de Eos (a Aurora, deusa da alborada) e de Astreo (fillo de Crío e Euribia), e irmán dos outros deuses do vento: Céfiro, Noto e Euro [3]

Mitoloxía editar

Raptou a Oritía, filla do rei de Atenas, Erecteo [4], mentres xogaba coas súas compañeiras xunto ó río Iliso [5], ou ben mentres participaba na procesión das Tesmoforias cando subía ó templo de Atenea, na Acrópole [6]. Levantouna no aire ata unha rocha, oculto entre nubes escuras. Levouna a Tracia, onde vivía el [7] e tiveron dous fillos, Calais (ou Cálais) e Zetes, os chamados Boréadas, e dúas fillas, Quíone e Cleopatra. A ámbolos fillos varóns nacéronlle ás cando chegaron á idade adulta.

"Cuberto por unha brétema abrazou namorado a Oritía, que treme de medo entre as súas alas marelas... A Actea converteuse na esposa do xeado soberano e en nai que deu a luz dous xemelgos, que tiñan todo o demais da súa nai pero as alas do seu pai. Porén, estas non naceron, contan, xunto co corpo, pois mentres nin tiveron barba baixo os seus loiros cabelos careceron de plumas os meniños Cálais e Zetes".
(Ovidio: Metamorfosis VI, 706-716)

Con outras mulleres tivo outros dous fillos, un chamado Butes e outro Licurgo. Aínda tivo outra amante coñecida, Pitis, unha ninfa que disputou con Pan, pero ela prefiriu a Pan e Bóreas, dun sopro, estampouna contra unha rocha; Xea, compadecida, transformouna nun piñeiro.

Bóreas, transformado en cabalo, cubriu as eguas de Erictonio e enxendrou doce poldros que eran tan veloces que nin siquera dobraban as espigas de trigo cando galopaban sobre o campo, nin encrespaban o mar cando o facían sobre a súa superficie. O mito lembra a lenda narrada por Plinio na súa Historia Natural, de que as eguas iberas preñaban simplemente orientando os seus cuartos traseiros en dirección ó vento.

"Dárdano, á súa vez, tivo por fillo ó rei Erictonio, quen acabaría por se converter no máis rico dos mortais, pois contaba con tres mil eguas que pacían pola pradeira, orgullosas dos seus briosos poldros. Mentres estas se encontraban pastando ás beiras do río Escamandro, o Bóreas namorouse delas, e adoptando a figura dun cabalo de escuras crinas, cubriunas; preñadas del, pariron doce poldras que ...cada vez que xogaban sobre a terra, corrían sobre as méses sen quebrar as espigas, e cada vez que xogaban sobre o ancho lombo do mar, trotaban no alto da rompente da escumosa ondada".
(Homero: Ilíada XX, 219-230)

Aínda tivo máis fillos, veloces cabalos, tras unirse cunha Erinia e cunha Harpía.

Fineo foi un adiviño, rei de Tracia, coñecido por preferir quedar cego se en troques podía gozar dunha longa vida. Unha tradición diferente di que casou con Cleopatra, unha das fillas de Bóreas, coa que tivo dous fillos, Plexipo e Pandión. Pero terminou repudiando a Cleopatra para casar coa filla de Dárdano, Idea e, como vinganza, Fineo cegou ós dous fillos, ou ben foi a propia Idea quen o fixo. O caso é que logo, os Boréadas, fillos de Bóreas e irmáns de Cleopatra, vingáronse cegando á súa vez a Fineo. Disque Zeus castigou a Fineo mandando ás Harpías contra el: comíanlle toda a comida e ensuciaban a súa mesa; como Fineo axudou ós Argonautas indicándolles o camiño para recuperar o Vélaro de ouro, estes axudáronlle a el expulsando ás Harpías, e foron Zetes e Calais, os fillos alados de Bóreas, quen o conseguiron.

No transcurso da Guerra de Troia, aproveitando que Zeus dormía, Hera ordenou a Bóreas que provocara un temporal que desviara o curso dos barcos de Heracles [8]. Foi entón cando Zeus, ó acordar, enfureceuse e colgou a Hera, cargándoa con engras nos nocellos, e cando botou a Hefesto do Olimpo á Terra (outras tradicións recollen que foi a propia Hera a que o botou fóra do Olimpo, avergoñada da súa fealdade). Cando acougou, sacou a Heracles da illa de Cos e dirixiuno a Argos. Tamén por orde de Zeus, Bóreas levou a Leto ata a illa Ortixia (hoxe Delos), onde Poseidón a protexeu cubrindo a illa coas ondas e así puido por fin dar a luz a Apolo e Artemisa [9].

Poseidón tivo un fillo, Eumolpo, con Quíone, a filla de Bóreas. Por medo a que o soubese o pai, botou ó meniño ó mar pero Poseidón conseguiu salvalo e levouno a que o criase Bentesicime, unha filla que tivera con Anfitrite, a súa esposa. Este Eumolpo chegaría a ser rei de Eleusis, pero morreu a mans de Erecteo.

"Quíone uniuse a Poseidón e, ás agachadas do seu pai, deu a luz a Eumolpo e, para non ser descuberta, botou á criatura por un precipicio. Recolleuno Poseidón e levouno a Etiopía e entrogouno a Bentesicime, filla súa e de Anfitrite, para que o criase".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 15, 4)

En Atenas construíuse un templo no seu honor porque se cre que axudou ós gregos na guerra contra os persas. No 492 a.C., un furacán afundiu uns 300 barcos da frota que enviara o rei persa Darío I contra Grecia, provocando a morte duns 20.000 guerreiros. Os gregos atribuíron o feito á intervención de Bóreas, e cando os persas volveron a atacar Grecia no 480 a.C. baixo o mando de Xerxes I invocárono para que os axudara de novo. Non consta que fose por efecto dos ventos, pero os persas foron derrotados e a súa frota destruída [10].

Iconografía editar

 
Tapiz da Creación (Catedral de Xirona)

Dos catro Ventos, unicamente Bóreas e Céfiro aparecen na arte grega, se ben todos eles se recollen abondo na literatura mitográfica [11], así como na arte romana (por exemplo, adornando os cantos dos mosaicos, recoñecibles por ter ás nas tempas e soprar por medio dunha buguina ou unha trompeta). Bóreas represéntase xa en vasos corintios do 600 a.C., como un home forte, alado, barbado [12] e vestido cunha túnica curta pregada e manto [13].

Ocasionalmente, aparece dotado de dúas caras contrapostas [14], que representarían os dous ventos opostos: o Bóreas e o Antibóreas [15]. Tamén pode aparecer con pernas serpentiformes. Existe un vaso de fins do V a.C. no que se representa como un mascarón soprando para desviar o barco de Ulises.

Merece sinalarse a presenza dos catro Ventos nos ángulos do Tapiz da Creación da Catedral de Xirona (do século XI ou comezos do XII), nesta caso con ás nos ombros e nos nocellos e soprando a través de cadansúa trompa dobre. Bóreas aparece identificado como Septentrio [16].

Na Arte moderna e Contemporánea reaparece a representación de Bóreas, grazas á publicación do mito do rapto de Oritía nas Metamorfoses de Ovidio [17], que chama a atención de numerosos artistas, como Annibale Carracci, Rubens, Gaspard Marsy, Pellegrini ou Waterhouse.

Notas editar

  1. E de aí setentrional, sinónimo de boreal.
  2. "... louco de ira, que era usual e demasiado familiar a este vento... ¿por que deixei as miñas armas, a crueldade, a forza, a ira e o meu ánimo ameazador" (Ovidio: Metamorfosis VI, 686-688).
  3. Hesíodo só nomea tres Ventos: Céfiro, Bóreas e Noto (Teogonía 380).
  4. Graves di que Bóreas pedira a man de Oritía moitas veces, pero Erecteo sempre se negaba e atrasaba a decisión (px. 190).
  5. Segundo Apolonio de Rodas, Argonáuticas I, 213-216.
  6. As Tesmoforias eran unhas festas que se celebraban na Antiga Grecia en honor das deusas Deméter e a súa filla Perséfone. Só podían participar mulleres casadas con atenienses.
  7. Para os gregos, Tracia era o país frío por antonomasia. Herodoto e Plinio describen as terras do norte co nome de Hiperbórea ('máis alá de Bóreas').
  8. Dise que cinco naves naufragaron e a sexta encallou na illa de Cos.
  9. Hixino: Fábulas 53, 2; e 140, 3.
  10. Lenda narrada por Herodoto: Historia VII, 189 (citada por Antonio Penadés: "El canal de Jerjes", en Historia, de National Geographic, nº 204, decembro 2020, 48-59).
  11. Por exemplo, na obra dramática Oritía, de Esquilo, hoxe perdida.
  12. Os deuses dos ventos meridionais adoitan ser imberbes.
  13. Esta iconografía é compartida polos seus fillos Zetes e Calais.
  14. Como o Xano romano.
  15. Grimal, s.v. Bóreas.
  16. Elvira Barba, px. 304.
  17. Libro VI, 675-721.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar