Mirmidóns

Pobo mítico da Grecia Antiga

Os mirmidóns (en grego, Μυρμιδόνες) eran un antigo pobo da mitoloxía grega, habitantes da Ftiótida, na Tesalia meridional. Peleo, pai de Aquiles, era rei dos mirmidóns. Segundo a lenda grega, foran creados por Zeus a partir dunha colonia de formigas e, por tanto, derivaron o seu nome da palabra grega para designar a formiga, myrmex (en grego: μύρμηξ).[1]

Gravado de Virgil Solis para unha edición da obra de Ovidio As metamorfoses: Zeus, Éaco e as formigas do carballo.

Mencións nas fontes antigas editar

Segundo a Ilíada de Homero, eran un pobo valente e con guerreiros moi capaces, e na Guerra de Troia loitaron baixo as ordes de Aquiles[2]. Eran descendentes do rei Mirmidón, un rei da Ftiótida, que, pola súa vez, descendía de Zeus e dunha princesa chamada Eurimedusa. Segundo a mitoloxía, para a conquista da bela princesa, Zeus transformouse nunha formiga.

Outra versión é a contada polo poeta romano Ovidio no seu libro As metamorfoses, onde se di que cando a cidade de Exina quedou despoboada tras unha praga, o rei Éaco, rexente da cidade e pai de Peleo, pregoulle a Zeus que repoboase a cidade, así que este converteu as formigas que había dentro dun carballo en humanos para repoboala[1].

Segundo o historiador Estrabón, os mirmidóns chamáronse así, «formigas», porque as súas terras eran áridas e pedregosas, e para poder labrar os campos tiveran que retirar moitos pelouros formando longas cadeas humanas, como fan as formigas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Myrmidon". Encyclopædia Britannica. Consultado o 12 de xuño de 2017. 
  2. "Myrmidons". Myths Encyclopedia: Myths and Legends of the World. Consultado o 12 de xuño de 2017. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar