Xanto e Balio

cabalos inmortais, propiedade de Aquiles

Na mitoloxía grega, Xanto (en grego antigo Χάνθος) e Balio (Βαλίος) eran dous cabalos inmortais, fillos do deus do vento Céfiro e a harpía Podarxe, a súa irmá e amante[1].

Fresco de Franz von Matsch (1861-1952) que representa o carro de Aquiles arrastrando o corpo de Heitor
"Automedonte [2] xunguiu baixo o xugo os veloces cabalos, Xanto e Balio, capaces os dous de voar coma o vento. Enxendrounos a harpía Podarxe na súa unión con Céfiro"
Ilíada XVI, 148-151

Ámbolos dous cabalos foron o regalo que o deus Poseidón fixera a Peleo cando casou con Tetis. Cando tivo lugar a Guerra de Troia, Peleo xa era maior e por iso foi Aquiles quen acudiu ó mando dos Mirmidóns, e Peleo regaloulle os cabalos inmortais, a armadura e a lanza. Durante a guerra os cabalos causaron o asombro de todos polas súas capacidades. No carro de Aquiles xunguíanse xunto a Pédaso, outro cabalo extraordinario, aínda que mortal, que o heroe capturou cando tomou a cidade de Eetión.

Homero relata na Ilíada unha conversa entre Aquiles e os cabalos. Trala morte de Patroclo a mans de Heitor e a reconciliación de Aquiles con Agamenón, o heroe volve á loita. Insta ós cabalos a grandes gritos para que os levaran a salvo (a el e a Automedonte) ó campamento aqueo, reprochándolles por non ter evitada a morte de Patroclo. Xanto, ó que Hera concedeu momentaneamente voz humana, respondeulle que non foi por seren lentos nin por preguiza que Patroclo morrera, senón que foi Apolo quen lle causou a morte. Xanto engadiu que o destino de Aquiles anunciaba a súa próxima morte a mans dun deus e dun home [3].

"Aquiles cortoulle a carne [a Heitor] que rodeaba os tendóns dos talóns. Logo pasou unhas tiras de coiro polos cortes, atounas ó seu carro e, fustrigando ós seus cabalos Balio, Xanto e Pedaso, arrastrou o corpo cara as naves a medio galope"
Graves, px. 726

Notas editar

  1. Curiosamente, Xanto era tamén o nome dun dos cabalos do carro de Heitor, xunto a Podargo, Etón e Lampo (Ilíada VIII, 184).
  2. O auriga de Aquiles.
  3. Ilíada, XIX, 399 ss. Efectivamente, Aquiles morrería ferido polas frechas de Paris -un home- dirixidas por Apolo -un deus-.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Enlaces externos editar