Mary Margaret O'Reilly

funcionaria estadounidense, subdirectora da US Mint


Mary Margaret O'Reilly, nada en Springfield, Massachusetts, o 14 de outubro de 1865 e finada na cidade de Washington o 6 de decembro de 1949, foi unha alta funcionaria estadounidense que ocupou o cargo de subdirectora da Casa da Moeda dos Estados Unidos desde 1924 ata 1938. Durante eses 34 anos tivo que exercer con frecuencia como directora en funcións da institución.

Infotaula de personaMary Margaret O'Reilly



Retrato de Mary Margaret O'Reilly.[1]
Biografía
Nacemento14 de outubro de 1865.
Springfield, Massachusetts.
Morte6 de decembro de 1949 (84 anos)
Washington, Distrito de Columbia.
Datos persoais
ResidenciaMassachusetts
Hotel Hay-Adams (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidade Estadounidense.
Actividade
OcupaciónSubdirectora e directora en funcións da Casa da Moeda dos Estados Unidos.
EmpregadorCasa da Moeda dos Estados Unidos (1904–1938) Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Primeiros anos e formación editar

Mary Margaret O'Reilly naceu en Springfield, Massachusetts,[2] o 14 de outubro de 1865, unha dos cinco fillos de James A. e de Joanna O'Reilly, unha familia de inmigrantes irlandeses.[3]

A familia viviu en Springfield e na vila próxima de Chicopee, no estado de Massachusetts, onde o seu pai era comerciante por xunto de licores. Logo do falecemento deste en 1873 por mor dunha grave doenza,[3] a familia comezou a ter non só os evidentes problemas económicos, pola falla de ingresos, senón tamén legais, xa que Austin O'Reilly,[4] empregado do negocio de O'Reilly, logo do seu pechamento, intentou liquidar a herdanza vendendo o alcohol restante, malia carecer da licenza para o facer. Joanna O'Reilly negou ter coñecemento dos asuntos do negocio. A condena de Austin por transportar licor sen licenza foi confirmada polo Tribunal Supremo de Massachusetts.[5]

Mary Margaret O'Reilly deixou a escola despois do noveno curso, aos 14 anos ou pouco despois, xa que cumpría a súa axuda para manter a familia. Probablemente traballase para unha das fábricas téxtiles locais e asistiu á escola nocturna para se formar como oficinista e taquígrafa. De 1885 a 1903 traballou como oficinista, mentres vivía en Worcester cun irmán nunha pensión propiedade da súa nai.[3]

Carreira na Casa da Moeda dos Estados Unidos (1904-1938) editar

Ingreso e responsabilidades editar

 
George E. Roberts, director da Casa da Moeda dos Estados Unidos cando ingresou O'Reilly en 1904.[6]

O'Reilly foi contratada na sede central de Washington da Casa da Moeda dos Estados Unidos como empregada temporal de clase D en 1904, cando tiña 38 anos, máis que a maioría dos novos empregados.[3] O daquela director da Casa da Moeda, George E. Roberts, ficou impresionado pola súa experiencia comercial e pola súa competencia. Aínda que ao principio só tiña un status de temporal, en 1905 pasou a empregada permanente e pouco despois, ese mesmo ano, foi ascendida de novo, desta volta a oficinista de Clase I, xa cun salario de 1.200 dólares. Cando Margaret Kelly foi nomeada examinadora da Casa da Moeda en 1911, a ondada de ascensos que seguiu incluíu a O'Reilly, que pasou a ser axustadora de contas.[7] Segundo Teva J. Scheer, biógrafa de Nellie Tayloe Ross —a derradeira directora da Casa da Moeda antes da xubilación de O'Reilly—:[8]

O'Reilly debeu precisar unha combinación case sen precedentes de pulo e intelixencia para ascender tanto na organización nunha contorna de traballo dominada polos homes

Durante a década de 1910 O'Reilly seguiu acadando ascensos; desempeñou tanto o cargo de examinadora como o de ordenadora de lingotes. Con frecuencia foi chamada a declarar ante o Congreso dos Estados Unidos. En 1915, Robert W. Woolley foi nomeado director da Casa da Moeda, probablemente o favorito de O'Reilly entre os que ocuparon ese cargo durante o seu terzo de século nesa institución. Ela adoitaba concluír os seus informes con bos desexos persoais, e Woolley correspondíalle. Logo da dimisión de Woolley en agosto de 1916, O'Reilly exerceu como directora en funcións durante parte do tempo ata que o sucesor de Woolley, Friedrich Johannes Hugo von Engelken, tomou posesión do cargo o mes seguinte, aínda que o axustador da Casa da Moeda, Fred H. Chafflin, tamén ocupou o cargo en funcións durante gran parte dese período.[7][9]

A maioría dos directores da US Mint de principios do século XX eran nomeamentos políticos, sen experiencia previa no labor.[10] Von Engelken, durante o seu mandato de seis meses como director entre 1916 e 1917, deixou case toda a supervisión das cecas e das oficinas de ensaio nas mans de O'Reilly. A Casa da Moeda eliminou a produción de moedas con acabamento proof, moi populares entre os coleccionistas, en 1916. Aínda que a suxestión de que a US Mint eliminase estas emisións especiais, coas que estaba a perder diñeiro, partira do superintendente da Ceca de Filadelfia, Adam M. Joyce, e foi aprobada por von Engelken, foi O'Reilly a que asinou moitas das cartas dirixidas aos numismáticos, polo que acabou sendo ela a culpada deste polémico cambio de política.[11][12]

Cando von Engelken dimitiu en febreiro de 1917, o seu sucesor na dirección foi Raymond T. Baker. En decembro de 1921 estoupou unha crise de relacións públicas en torno ao deseño do novo dólar da Paz, entanto que o daquela director Baker realizaba unha viaxe de tres días en tren pola costa oeste. Anthony de Francisci, deseñador da moeda, incluíra unha espada rota no reverso, o que pretendía ser un signo da fin da primeira guerra mundial, pero que moitos interpretaron como un símbolo de deshonra. O'Reilly decatouse de que cumpriría eliminar a espada e dirixiuse ao subsecretario do Tesouro, Seymour Parker Gilbert, quen, en condición de secretario en funcións, aprobou un deseño revisado. O gravador xefe da Casa da Moeda, George T. Morgan, retirou habilmente a espada dos cuños da moeda xa preparados, mesmo antes de que Baker enviase por cable a súa aprobación formal do deseño revisado, que non puidera ver.[13]

Ascenso á subdirección editar

 
Raymond Baker, director da US Mint (1917-1922), partidario do nomeamento de O'Reilly como subdirectora.[14]

O director Baker prevía que as mulleres ocuparían cargos cada vez máis altos na Administración. Baker deulle a O'Reilly un papel máis público; cada ano, el comparecía ante o Congreso para defender as solicitudes de créditos da US Mint, e O'Reilly sentaba detrás del nestas comparecencias. En 1920 e 1921, Baker intentou que o Congreso designase formalmente a O'Reilly —que daquela tiña o cargo de secretaria executiva— como subdirectora ou directora adxunta, aínda que sen éxito. Logo da toma de posesión do Goberno do presidente Warren G. Harding, Baker foi substituído en 1922 por Frank E. Scobey, un dos membros da "cuadrillade Ohio" de Harding. O novo director tiña pouco interese nos asuntos da Casa da Moeda, e O'Reilly non só pasou a supervisar as operacións da entidade, senón que foi a testemuña principal ante o Congreso en 1922, para defender tanto a solicitude de créditos como a continua campaña para que fose designada como subdirectora. Desa volta, o Congreso amosouse máis favorable e Reilly acadou formalmente ese cargo a partir de 1924.[2][15]

A xa subdirectora O'Reilly dirixiu a maioría das operacións da Casa da Moeda no período de Scobey e do seu sucesor na dirección, Robert J. Grant.[16]

Aínda que a US Mint estaba moi ocupada na florecente economía da década de 1920, o historiador numismático Roger Burdette sinala que había fallos nas operacións; por exemplo, os traballadores da Ceca de Filadelfia, no canto de separaren as moedas de ouro de cada lote entregado para seren inspeccionadas e probadas pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa xuntanza anual, collían todos os espécimes para o ensaio dunha única bolsa que xa reservaban a principios do ano, o que aumentaba a probabilidade de que as moedas que non cumprisen os estándares pasasen desapercibidas.[17] A Comisión de Ensaios tamén detectara que algunhas moedas dun cuarto de dólar de 1920 producidas na Ceca de Denver estaban cuñadas con prata demasiado pura, algo que a propia ceca pasara por alto nas súas comprobacións internas.[18]

O'Reilly vixiou de preto as operacións de cuñaxe e en novembro de 1931 advertiu á Ceca de San Francisco de que producira menos de 200.000 moedas de cinco centavos, unha cantidade que, de manterse, tería provocado o acaparamento da emisión por parte dos coleccionistas. Como consecuencia, ordenou ao superintendente desa ceca que non cuñase máis que moedas de cinco centavos durante o resto do ano,[17] o que deu como resultado unha produción total en 1931 de 1.200.000 exemplares coa marca de ceca S, que mesmo así é a segunda máis baixa por data e marca de ceca da serie de moedas de cinco centavos Buffalo.[19]

Administración de Roosevelt e retiro editar

 
A directora da US Mint Nellie Tayloe Ross.[20]

Cando a administración demócrata de Roosevelt tomou posesión en 1933, O'Reilly exercía como directora en funcións, logo da dimisión de Grant.[21] O presidente Franklin D. Roosevelt nomeou como nova directora da Casa da Moeda a ex gobernadora de Wyoming Nellie Tayloe Ross, a primeira muller que ocupaba ese cargo.[17] Naquel momento, O'Reilly tiña 67 anos e amosábase como unha muller miúda e con aspecto dunha avoa, que alcumaban como "a noiva do Tesouro", unha aparencia que agochaba a súa forza mental e a súa determinación. O secretario persoal de Ross, Edness Wilkins, describiu a subdirectora da Casa da Moeda como "implacable".[10][22]

Ross e O'Reilly tiñan reticencias mutuas que superar. Ross, que pouco antes mantivera malas relacións con Eleanor Roosevelt e outros membros da campaña de Roosevelt, non confiaba no persoal de carreira. Pola súa banda, O'Reilly vía entrar outro político sen experiencia na dirección da Casa da Moeda en substitución de Grant, que fora superintendente da Ceca de Denver antes de ser director.[10] Así e todo, ambas as mulleres chegaron a apreciar os seus méritos reciprocamente.[8]

Un dos problemas aos que tivo que se enfrontar a Casa da Moeda en 1933 e 1934 foi a devolución da maioría das moedas de ouro. Cando o Departamento do Tesouro promulgou a normativa que permitía entregar esas moedas nas sucursais do Banco da Reserva Federal, O'Reilly enviou un informe coa súa sinatura como directora en funcións, no que sinalaba que o banco non dispuña de instalacións para aceptar ouro que non fose en forma de lingotes cun selo do Goberno.[23] Naquela época, a Casa da Moeda dos Estados Unidos era unha das ramas de menor rango do Departamento do Tesouro, moito menos valorada que o Servizo Secreto e outras axencias relacionadas co cumprimento da lei que dependían do secretario do Tesouro.[24] O investigador Burdette sinala que as regulacións sobre o ouro amosaban unha falta de coñecementos básicos sobre a Casa da Moeda, tanto por parte dos altos funcionarios nomeados por Roosevelt como por parte dos que se mantiñan desde a administración de Herbert Hoover.[23]

 
Mary Margaret O'Reilly e C.M. Hester, conselleiro xeral adxunto do Tesouro, comparecen no Congreso en agosto de 1935.[25]

Ross e O'Reilly chegaron de camiño á división habitual do traballo entre a dirección e a subdirección: a directora ocuparíase dos asuntos públicos e tomaría as decisións políticas necesarias, entanto que a subdirectora tramitaría os asuntos cotiáns da institución. Ross emprendeu un intenso programa de viaxes ás diversas instalacións da US Mint, pronunciando discursos de apoio a Roosevelt e facendo campaña polos candidatos demócratas en Wyoming. Isto deixou a O'Reilly á fronte da sede de Washington como directora en funcións. As dúas mulleres mantiveron unha correspondencia profesional e ao mesmo tempo cordial durante ese tempo; O'Reilly escribiulle a Ross —durante unha xira da directora polas cecas— nestes termos:[26]

Estou tan ansiosa por ter a súa mente tranquila na oficina aquí [en Washington] que recorrín a telegramas bastante frecuentes. Son moito máis directos e actualizados que as cartas [...] O meu afecto para vostede e todos os bos desexos para o éxito das súas visitas ás nosas queridas institucións da Casa da Moeda.

Scheer suxire que O'Reilly considerara valiosos os informes feitos por Ross logo da súa visita ás cecas, xa que amosaban como se recuperara a US Mint desde os primeiros anos da Gran Depresión, cando se producían relativamente poucas moedas, ata mediados da década de 1930, cando a forte demanda de moeda levou a US Mint a xerstionar as súas cecas con dúas ou mesmo tres quendas.[27]

En 1935, O'Reilly acadou a idade de xubilación federal obrigatoria de 70 anos, mais os seus coñecementos dos asuntos da oficina eran tan amplos e tan necesarios que o presidente Roosevelt a eximiu da xubilación obrigatoria por unha orde especial, por petición de Ross, e concedeulle un ano máis ao servizo da Casa da Moeda.[28] Malia o apoio de Ross a esta prórroga, non podía considerarse incapaz de desenvolver o seu labor sen a axuda de O'Reilly, polo que contratou a Frank Leland Howard, da Universidade de Virxinia, que tiña formación en contabilidade, como posible substituto de O'Reilly.[28] Roosevelt aprobou unha prórroga similar á anterior en 1936, unha distinción considerada tan significativa que o secretario do Tesouro Henry Morgenthau ofreceu un xantar na súa honra. Novamente, Roosevelt volveu prorrogar o servizo federal de O'Reilly por un ano a finais de 1937, aínda que advertiu que sería a derradeira vez que o fixese. De feito, un intento do secretario do Tesouro Morgenthau de prorrogar unha vez máis o mandato foi rexeitado polo presidente en xullo seguinte. O'Reilly xubilouse o 29 de outubro de 1938 e foi substituída por Howard.[28]

Presidentes da US Mint
cos que traballou O'Reilly

 

Por petición da propia O'Reilly, non se celebrou cerimonia ningunha para celebrar a súa xubilación, aínda que os seus compañeiros de traballo colaboraron para lle regalar un reloxo con diamantes incrustados, e convencérona para que o aceptase.[22] O presidente Roosevelt e o secretario do Tesouro Morgenthau enviáronlle cartas de agradecemento polos seus servizos.[29] O New York Times publicou a noticia da súa xubilación, mais non unha entrevista, e unha semana máis tarde publicou un editorial no que afirmaba:[22]

Aquí tamén hai modernidade. Unha resposta ao desafío dos Estados Unidos ás mulleres. Sinala o que as mulleres queren da vida, e o que as mulleres poden conseguir e dar.

Etapa final e morte editar

Logo da súa xubilación, O'Reilly seguiu vivindo no luxoso hotel Hay-Adams de Washington. Non se involucrou nos asuntos da Casa da Moeda; aínda que Morgenthau lle enviou algunhas cartas, nelas non se mencionaban asuntos profesionais. O'Reilly mantívose ocupada organizando recadacións de fondos para organizacións benéficas católicas. Tampouco foi chamada a declarar cando a Casa da Moeda investigou en 1944 como puideron chegar ao mercado varias moedas de 20 dólares de 1933 que nunca emitidas oficialmente, unha omisión que Burdette considera pouco esperable.[29]

O'Reilly morreu en Washington o 6 de decembro de 1949. O seu obituario no New York Times lembraba que cando Roosevelt lle concedera a primeira prórroga, os xornalistas intentaran entrevistala, mais o que atoparan fora a seguinte declaración:[2]

Estoulle fondamente agradecida ao presidente pola súa extrema amabilidade. A vida sen traballo non me interesa nin remotamente. Mais, teñen algunha cousa que publicar sobre min?

Notas editar

  1. "Mary M. O'Reilly". Library of the Congress.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Miss Mary O'Reilly, U.S. Mint Ex-Aide, 84". En The New York Times. 6 de decembro de 1949. Páxina 31.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Burdette, R. W. (2014). Páxina 23.
  4. Malia a coincidencia do apelido, descoñécese se tiña vinculación familiar. Véxase Burdette, R. W. (2014). Páxina 23.
  5. "Commonwealth v. Austin O'Reilly". En Massachusetts Reports 116: Cases argued and determined in the Supreme Judicial Court of Massachusetts. September 1874 - January 1875. Boston, 1884. Páxina 15.
  6. "George E. Roberts". En The World's Work. Vol. XLIV. Nº 3. Xullo de 1922. Páxina 230.
  7. 7,0 7,1 Burdette, R. W. (2014). Páxina 24.
  8. 8,0 8,1 Scheer, T. J. (2005). Páxina 183.
  9. Burdette, R. W. (2005). Páxina 56-58.
  10. 10,0 10,1 10,2 Scheer, T. J. (2005). Páxina 182.
  11. Burdette, R. W. (2014). Páxina 25.
  12. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 165-167.
  13. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 35, 208-214.
  14. "Baker, Ray". Library of the Congress (LOC.gov).
  15. Burdette, R. W. (2014). Páxinas 24-28.
  16. Burdette, R. W. (2014). Páxinas 28, 30.
  17. 17,0 17,1 17,2 Burdette, R. W. (2014). Páxina 30.
  18. Mellon, A. W. (1922). Páxina 631.
  19. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 133-134.
  20. "Gov. Nellie T. Ross". Library of the Congress (LOC.gov).
  21. Greenbaum, G. M. (2013). Páxcina 45.
  22. 22,0 22,1 22,2 "Sweetheart Of The Treasury". En The New York Times. 7 de novembro de 1938.
  23. 23,0 23,1 Burdette, R. W. (2014). Páxinas 30-31.
  24. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 178-179.
  25. "Testifying before the House Coinage Committee [...]". Library of the Congress (LOC.gov).
  26. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 183-184.
  27. Scheer, T. J. (2005). Páxinas 176, 184.
  28. 28,0 28,1 28,2 Burdette, R. W. (2014). Páxinas 32-33.
  29. 29,0 29,1 Burdette, R. W. (2014). Páxina 33.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar