Comisión de Ensaios dos Estados Unidos

axencia gobernamental estadounidense

A Comisión de Ensaios dos Estados Unidos (en inglés: United States Assay Commission) foi unha axencia do Goberno dos Estados Unidos en vigor desde 1792 ata 1980, encargada de supervisar as emisións anuais de moedas de prata e de ouro —e nos últimos anos tamén de metal común— producidas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, para garantir o cumprimento das súas especificacións legais.

Comisión de Ensaios dos Estados Unidos
United States Assay Commission

Seal of the United States Department of the Treasury.svg
Logotipo do
Departamento do Tesouro dos EEUU


TipoAxencia do Departamento do Tesouro
Fundación2 de abril de 1792
LocalizaciónSeal of the District of Columbia.svg Washington, D.C.
Estados Unidos de América Estados Unidos.
IndustriaAnálise da moeda de prata e de ouro dos EEUU.
editar datos en Wikidata ]

Aínda que algúns dos seus membros estaban predeterminados pola lei, a maior parte das persoas comisionadas nomeábase anualmente entre destacadas personalidades estadounidenses. O nomeamento da Comisión de Ensaios era moi solicitado, en parte porque os seus membros recibían unha apreciada medalla conmemorativa. Estas medallas, diferentes cada ano, son extremadamente raras, coa excepción da de 1977, que se vendeu ao público xeral.

A creación da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos foi autorizada pola Lei da Moeda de 1792 e a partir de 1797 reuniuse a maioría dos anos na Casa da Moeda de Filadelfia para comprobar o peso e a lei das moedas de ouro e de prata. En 1971 foi a primeira vez que a Comisión se reuniu mais sen moedas para analizar en metais preciosos, dado que xa non existían; así as cousas, en 1977 o presidente Jimmy Carter deixou de nomear os membros da Comisión que eran da súa competencia e en 1980 asinou unha lei que a abolía formalmente.

HistoriaEditar

Fundación e primeira etapa (1792-1873)Editar

Xa en xaneiro de 1791, o secretario do Tesouro Alexander Hamilton presentou ao Congreso un informe no que propuña a creación dunha fábrica pública de moeda. No seu informe, Hamilton concluía o seguinte:[1]

O remedio para os erros no peso e na aliaxe das moedas debe formar parte necesariamente do sistema dunha casa de moeda, e o xeito de aplicalo ha requirir unha regulación. Esta é unha descrición da práctica en Inglaterra sobre este particular: de cada quince libras de ouro que se cuñan na Casa da Moeda de Londres, extráese promiscuamente un certo número de pezas que se depositan, para a súa custodia, nunha caixa forte chamada "pyx". Esta caixa ábrese en ocasións en presenza do Lord Chanceler, dos funcionarios do Tesouro e doutros, e selecciónanse porcións das pezas de cada cuñaxe, que se funden xuntas, e a masa é ensaiada por un xurado da Compañía de Ourives [...]. A conveniencia dunha regulación similar semella ser manifesta..

En resposta ao informe de Hamilton, na Lei da Moeda de 1792 que o Congreso aprobou, ademais de establecer a normativa para a cuñaxe das moedas da nova nación, dispuxo unha especie de versión americana do xuízo británico do Pyx:[2]

Que de cada masa separada de prata ou de ouro estándar que se vaia converter en moeda na Casa da Moeda, se tomará, se apartará e se reservará na súa custodia un certo número de pezas, non menos de tres, e que unha vez ao ano as pezas así apartadas e reservadas serán ensaiadas baixo a inspección do presidente do Tribunal Supremo dos Estados Unidos, o secretario e o controlador do Tesouro, o secretario do Departamento de Estado e o Fiscal Xeral dos Estados Unidos, que pola presente están obrigados a asistir para ese depósito á Casa da Moeda o derradeiro luns de xullo de cada ano [...] E se se comproba que o ouro e a prata así ensaiados non son inferiores aos seus respectivos padróns aquí declarados, en máis dunha parte en cento corenta e catro partes, o funcionario ou os funcionarios da Casa da Moeda a quen concirna consideraranse escusables; mais se aparece unha inferioridade maior, certificarase ao presidente dos Estados Unidos e os devanditos funcionarios serán considerados inhabilitados para ocuparen os seus respectivos cargos.

O xaneiro seguinte, o Congreso aprobou unha lei que cambiaba ao segundo luns de febreiro a data da reunión dos funcionarios designados como comisionados, aínda que as reunións non se levaron a cabo inmediatamente, xa que a Casa da Moeda aínda non realizaba cuñaxes de ouro nin de prata.[3] A cuñaxe de prata comezou en 1794 e a de ouro en 1795, e desas moedas gardáronse xa algunhas para o seu ensaio. O primeiro documento da Casa da Moeda que menciona pezas gardadas para ensaiar é de xaneiro de 1796, e indica que se apartaron exactamente 80 dólares de prata. Os primeiros comisionados para o ensaio non se reuniron ata o luns 20 de marzo de 1797, un mes máis tarde da data prescrita.[4] Despois de o facer, as reunións anuais tiveron lugar cada ano ata 1980, bardante en 1817, xa que nesa data non se cuñara ouro nin prata desde a última reunión —ata 1837, a Comisión examinou as pezas desde a última proba, no canto dun ano natural concreto—.[3]

 
Inscrición na portada dun diario da Casa da Moeda para as moedas reservadas para a Comisión de Ensaios.

En 1801, a reunión habitual adiouse, o que provocou que o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Elias Boudinot, se queixase ao presidente John Adams de que os depositantes de metal para a cuñaxe estaban ansiosos por unha auditoría para que a Casa da Moeda puidese liberar as moedas cuñadas co seu metal precioso. O numismático Fred Reed suxeriu que o atraso se puido deber ao mal tempo, que dificultou a viaxe dos funcionarios desde a nova capital de Washington ata Filadelfia para o ensaio.[4][5] Como resposta, o 3 de marzo de 1801 o Congreso cambiou a designación dos funcionarios que debían asistir, que serían: o "xuíz de distrito de Pensilvania, o fiscal dos EEUU no distrito de Pensilvania e o comisionado de préstamos do Estado de Pensilvania".[6] A reunión tivo lugar finalmente o 27 de abril de 1801. As sesións de 1806 e de 1815 sufriron demoras por mor de andazos de doenzas en Filadelfia; e a de 1812 celebrouse cun mes de atraso por unha forte treboada de neve que impediu que os comisionados chegasen á Casa da Moeda de Filadelfia.[7] En 1817 non se celebrou ningunha reunión, por dous motivos: un incendio danara a Casa da Moeda de Filadelfia o ano anterior e, ademais, non se producira cuñaxe ningunha en ouro nin en prata.[8] En 1818, o Congreso substituíu o colector do porto de Filadelfia polo comisario de préstamos de Pensilvania como membro da Comisión de Ensaios.[9] Coa Lei dea Moeda de 1834,o Congreso eliminou a inhabilitación automática dos funcionarios da Casa da Moeda no caso dun ensaio desfavorable, e deixou a decisión nas mans do presidente.[10]

A Lei da Moeda de 1837 estableceu a Comisión de Ensaios na forma que tería durante a maior parte do resto da súa existencia. Dispuña que se realizase:[11]

un xuízo anual das pezas reservadas para este fin na Casa da Moeda e nas súas sucursais, ante o xuíz do tribunal de distrito dos Estados Unidos e o fiscal dos Estados Unidos para o distrito oriental de Pensilvania, e o recadador do porto de Filadelfia, así como as demais persoas que o presidente, de vez en cando, designe para ese fin, que se reunirán como comisionados, para o desempeño deste deber, o segundo luns de febreiro, anualmente.

O procedemento habitual para o nomeamento de membros da Comisión logo de iniciados os nomeamentos públicos iniciábase con que o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos lle enviase ao presidente do país unha listaxe de candidatos para a súa aprobación.[3] Segundo Jesse P. Watson na súa monografía sobre a Oficina da Casa da Moeda, a admisión de membros civís na Comisión de Ensaios significou "que a permanencia e a alta dignidade oficial deixaran de ser características da Comisión".[12]

En 1861, ao estoupar a guerra civil estadounidense, Carolina do Norte uniuse aos Estados Confederados. A Casa da Moeda de Charlotte, tomada polos confederados, acabou pechando ao se esgotar os cuños que se enviaran desde a de Filadelfia, xa que non puido conseguir máis. No entanto, enviáronse desde Charlotte ata Filadelfia 12 moedas de cinco dólares de ouro atravesando as liñas inimigas, en outubro de 1861, que a Comisión de Ensaios analizou en 1862 e comprobou que eran correctas.[13]

En 1864, ante a escaseza do níquel que se utilizaba para a aliaxe coa que se cuñaba a moeda dun centavo, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos James Pollock pediulle á Comisión dese ano que opinase acerca dun posible substituto do níquel nesa aliaxe de cuproníquel utilizada no centavo, e os membros aprobaron o chamado bronce francés, cun 95 % de cobre e un 5 % de estaño ou cinc, como aliaxe substituta para o céntimo, así como unha proposta para unha moeda de dous céntimos.[14] Pollock enviou as súas conclusións ao secretario do Tesouro, Salmon P. Chase, quen llas remitiu xunto cun proxecto de Lei da Moeda ao senador por Maine William P. Fessenden, presidente do Comité de Finanzas do Senado.[15] A Lei da Moeda de 1864 foi asinada polo presidente Abraham Lincoln o 22 de abril de 1864.[16]

Etapa intermedia (1873-1949)Editar

 
"É evidente que algunhas moedas desta entrega carecen da tolerancia legal". Extracto da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos de 1921, onde se detallan os problemas dos cuartos de dólar de 1920-D, algúns dos cales foron cuñados con prata excesivamente pura.

Unha nova norma, a Lei da Moeda de 1873, serviu como revisión de todas as leis anteriores acerca da moeda e a cuñaxe nos Estados Unidos, e supuxo a supresión de varias moedas, entre elas a de dous céntimos.[17] Esta lei tamén modificou o perfil dos funcionarios que debían formar parte da Comisión de Ensaios:[18]

Para asegurar a debida conformidade das moedas de ouro e de prata cos seus respectivos padróns de finura e de peso, o xuíz do tribunal de distrito dos Estados Unidos para o distrito oriental de Filadelfia, o controlador da moeda, o ensaiador da oficina de ensaios de Nova York e as demais persoas que o presidente designe no seu momento, reuniranse como comisionados de ensaios na Casa da Moeda de Filadelfia, para examinar e probar, en presenza do director da Casa da Moeda a finura e o peso das moedas reservadas polas diversas casas de moeda para este propósito, o segundo mércores de febreiro, anualmente.

A lei tamén esixía que a Casa da Moeda reservase para o ensaio unha de cada mil moedas de ouro cuñadas e unha de cada dúas mil de prata. Igualmente, indicaba o procedemento para apartar esas moedas, selalas en sobres e colocalas nunha caixa para que a abrisen os comisionados de ensaio.[19]

A Comisión de Ensaios de 1881 descubriu que aproximadamente 3.000 moedas dun dólar de prata cuñados na Casa da Moeda de Carson City (1881-CC) foran cuñados nunha aliaxe de 892 milésimas de prata, no canto das 900 esixidas pola lei. Non está claro se o Tesouro tomou algunha medida para evitar a posta en circulación das pezas cuñadas. Pola súa banda, a Comisión de Ensaios de 1885 detectou un só dólar de prata que tiña 0,098 gramos de prata por baixo das especificacións, tendo en conta que a tolerancia era de 0,097 gramos.[20]

Xa no século XX, en 1921, A Comisión de Ensaios descubriu algunhas moedas cuñadas na Casa da Moeda de Denver que estaban cuñadas con prata de 905 ou de 906 milésimas, por riba da tolerancia legal. Unha investigación achou que algúns lingotes que foran rexeitados e que estaban destinados á súa fundición foran utilizados para a cuñaxe das moedas.[21] Tamén a principios do século XX, a Casa da Moeda de San Francisco cuñou moedas de prata para as Filipinas, que daquela eran unha posesión estadounidense, e esas pezas foron incluídas tamén nos ensaios da Comisión.[22] Do mesmo xeito, incluíronse como obxecto de ensaio por parte da Comisión as moedas estadounidenses cuñadas con acabamento especial (proof) para coleccionistas, aínda que non as cuñadas por contratos con países estranxeiros.[23]

A caixa onde se apartaban as moedas para a Comisión de Ensaios era de palisandro, de tres pés cadrados (0,91 metros cadrados) e selada con pesados cadeados.[24][25] En 1940, a cantidade de moedas para ensaiar chegou a ser de 79.847 pezas, todas de prata, xa que non se cuñou ningunha de ouro,[26] e en 1941, moitas das moedas reservadas para o ensaio non puideron gardarse na caixa e tiveron que ser colocadas en caixas de embalaxe, que rebordaban sobres selados coas moedas.[23] A finais da década de 1940 só na Ceca de Filadelfia se cuñaban máis de dez millóns de moedas ao día,[27] e en 1947, o Congreso viuse obrigado a reducir a cantidade de moedas para o ensaio, baixando a proporción das moedas de prata desde unha de cada 2.000 a unha de cada 10.000.[28] Esta redución fíxose a instancias do Departamento do Tesouro, xa que ter que almacenar tantas moedas para o ensaio supuña unha carga para a Casa da Moeda.[29]

Derradeiros anos e abolición (1950-1980)Editar

 
A directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, dirixindo a Comisión de Ensaios de 1952.

Na década de 1950, os numismáticos competían por seren nomeados membros da Comisión de Ensaios. Os designados non recibían remuneración ningunha, mais o nomeamento era moi prestixioso e levaba consigo unha prezada medalla emitida pola Casa da Moeda, que variaba anualmente. O procedemento modificouse para que o director da Casa da Moeda presentase os nomes de máis persoas das que finalmente serían nomeadas como comisionadas, elección que se facía na Casa Branca.[3] Os nomeamentos posteriores tamén foron examinados pola Oficina Federal de Investigación[30] e polo Servizo de Impostos Internos. O director da Casa da Moeda recibía nomeamentos para formar parte da Comisión de lexisladores, organizacións políticas, funcionarios do Goberno e membros civís da poboación.[31]

En 1971 foi a primeira vez que a Comisión de Ensaios non tivo ningunha moeda de prata para examinar, xa que a Casa da Moeda non cuñou ningunha para a circulación durante o ano 1970.[20] Aínda que as moedas de medio dólar de Kennedy parcialmente prateadas foron cuñadas en 1970, a emisión era só para coleccionistas e non foron apartadas para o ensaio. No seu lugar, os comisionados puideron examinar 21.975 moedas de dez centavos e 11.098 moedas dun cuarto de dólar, todas elas fabricadas cun revestimento de cuproníquel,[24] aínda que, como indicou Associated Press ao informar sobre a Comisión de Ensaios de 1973, "non se producira un descubrimento dunha moeda de mala calidade en anos".[32] Só se reservou para o ensaio unha de cada 100.000 destas moedas revestidas dun cuarto de dólar, e unicamente unha de cada 200.000 das de dez centavos.[33]

Na reunión de 1974, descubriuse un dólar Eisenhower de cuproníquel que pesaba 0,97 gramos por baixo das especificacións e, logo de consultar a normativa, considerouse que entraba dentro do aceptable. O numismático Charles Logan, no seu artigo de 1979 sobre a inminente fin da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, afirmaba que este incidente puña de manifesto o problema básico do ensaio anual: "en primeiro lugar, os membros non coñecían exactamente como se facía o seu traballo nin cales eran os requisitos; e en segundo lugar, mesmo se a moeda dun dólar fose considerada como defectuosa, iso tería poucas consecuencias, excepto a de provocar unha maior vixilancia na Casa da Moeda".[34]

 
Moeda elongada do comerciante numismático Leonard W. Stark, membro da Comisión de Ensaios de 1963.

A principios de 1977, a directora saínte da US Mint, Mary Brooks, enviou unha listaxe de 117 persoas candidatas ao novo presidente, Jimmy Carter, das que cumpriría seleccionar unha ou dúas ducias de nomes. Carter negouse a facer ningún nomeamento público, ao considerar innecesaria a Comisión de Ensaios, xa que a Casa da Moeda xa realizaba o mesmo traballo a través de controis internos rutineiros, e tendo en conta que os 2.500 dólares anuais asignados supuñan un mal uso do diñeiro dos contribuíntes. . Nas Comisións de Ensaios de 1977 a 1980 só houbo membros do Goberno.[34][35] Así e todo, houbo numismáticos que solicitaron formar parte da comisión de 1978.[36]

A reunión de 1979, á que asistiron os membros representantes do Goberno e a directora da Casa da Moeda, Stella Hackel Sims, celebrouse con oito días de demora, o 22 de febreiro, por mor de problemas de axenda.[34] En xuño de 1979, o proxecto de reorganización presidencial de Carter recomendou nun informe a supresión da Comisión de Ensaios e tamén doutras dúas pequenas axencias. Ese informe estimaba que a Comisión de Ensaios lle custaba ao Goberno arredor de 20.000 dólares e que o traballo que desenvolvía o facían mellor os fabricantes de máquinas expendedoras, para evitar que as súas máquinas resultasen atascadas.[37] En agosto, o columnista Jack Anderson considerou que a Comisión era un exemplo de dispendio en Washington e caracterizou así as súas actividades: "hai máis dunha década que o Goberno deixou de pór ouro e prata nas súas moedas, mais a Comisión segue a celebrar o seu xantar anual; solemnemente, os comisionados miden as cantidades de metais non preciosos nas moedas dos Estados Unidos e cuñan unha medalla para conmemorar as súas actividades, e este exercicio inútil custa aos contribuíntes uns 20.000 dólares anuais".[38] Como dixo o coleccionista de moedas e tamén columnista Gary Palmer en 1979: "a quen lle importa realmente se unha moeda dun cuarto de dólar de cuproníquel se desvíe un gran ou dous".[39]

O 14 de marzo de 1980, Carter aprobou unha lei que suprimía formalmente a Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, xunto con outras axencias, tal e como recomendara o seu proxecto de reorganización. O presidente escribiu unha declaración na que xustificaba que coa fin das cuñaxes de ouro e de prata a necesidade da comisión diminuíra.[40] Os representantes do sector numismático amosaron a súa oposición á fin da Comisión, ao considerar que o gasto era pequeno e que pagaba a pena manter a tradición, aínda que coincidían en que se convertera nun anacronismo.[41] No momento da súa supresión, a Comisión de Ensaios era a comisión gobernamental con máis antigüidade. En 2000 e 2001, o congresista por Nova Jersey Steven Rothman presentou un proxecto de lei para reactivar a Comisión de Ensaios, e afirmou que o seu restablecemento garantiría a confianza do público nas moedas de ouro, de prata e de platino cuñadas pola Casa da Moeda para coleccionistas. Este proxecto de lei non saíu adiante.[35][42]

Funcións e actividadesEditar

 
A directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, observa como dous membros da Comisión de Ensaios de 1942 pesan unha moeda.

A función xeral da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos era o exame das moedas de ouro e de prata cuñadas na na Casa da Moeda, para se asegurar de que estas cumprían as especificacións fixadas pola lei.[43]

Na maioría dos anos, os comisionados formaban parte dun destes tres comités: o de reconto, o de pesaxe ou o de ensaio. O comité de reconto verificaba que a cantidade de cada tipo de moeda nos paquetes seleccionados coincidise co que os rexistros da Casa da Moeda indicaban que debía haber. O comité de pesaxe determinaba o peso das moedas e comparábao co esixido pola lei. O comité de ensaio traballaba co ensaiador da Casa da Moeda de Filadelfia para medir o contido de metais preciosos dalgunhas moedas.[44] Algúns anos houbo tamén un comité de resolucións, que en 1912 instou a que se publicase un folleto informativo destinado aos visitantes da colección numismática da Casa da Moeda, e a que se cuñase unha medalla para conmemorar esta colección. Daquela, o pleno da Comisión de Ensaios aprobou o informe deste comité.[45]

En 1828 o Congreso esixira que as pesas conservadas polo director da Casa da Moeda fosen sometidas a probas de precisión en presenza dos comisionados de cada ano.[46] En virtude dunha lei aprobada en 1911, a Comisión debía inspeccionar as pesas e as balanzas utilizadas nos ensaios da Casa da Moeda de Filadelfia, e informar sobre a súa exactitude;[47] isto incluía o peso oficial da libra estándar do Goberno, que fora traído desde o Reino Unido.[20][48]

Segundo a descrición da reunión da Comisión de 1948, as moedas de prata seleccionadas para seren ensaiadas colocábanse primeiro entre roletes de aceiro ata que o grosor se reducía ata 0,0025 milímetros, e logo cortábanse en anacos finos e disolvíanse en ácido nítrico. A fineza da prata na moeda podía determinarse pola cantidade de solución salina necesaria para precipitar toda a prata no líquido.[27] O numismático Francis Pessolano-Filos describiu así o traballo da Comisión de Ensaios:[49]

Utilizando balanzas e pesas, a Comisión pesou varios exemplares de cada tipo de moeda, logo utilizou calibradores para os examinar e comprobar o seu grosor e, por último, utilizando diversos ácidos e disolventes, determinou a cantidade de aliaxe utilizada na fabricación dos discos para a cuñaxe. Tamén se examinaron os libros de contabilidade e os diarios da Casa da Moeda e, se había algunha imperfección ou desviación das normas legais nas moedas examinadas, a información enviábase inmediatamente ao presidente dos Estados Unidos.

A Comisión operaba consonte as regras adoptadas por primeira vez na reunión de 1856 e logo transmitidas, ano tras ano, e modificadas nas sucesivas reunións anuais, aínda que na práctica houbo poucos cambios.[48] De acordo co regulamento, o director da Casa da Moeda chamaba os comisionados á orde e a seguir presentaba o xuíz federal, membro de oficio, que presidía as reunións; se o xuíz estaba ausente, os membros elixían un presidente da sesión. O presidente dividía os membros nos comités e os comisionados exercían o seu labor, e, finalmente reuníanse novamente para informar dos resultados e votar o informe da sesión.[50]

Cada Comisión de Ensaio aprobaba as moedas que se debían examinar. A celebrada en 1885 informou sobre unha moeda de prata de calidade inferior procedente da Casa da Moeda de Carson City, aínda que instou o presidente a que non se tomase ningunha medida, xa que a moeda tiña unha falta de peso tan pequena que non podería ser detectada polas balanzas ao dispor daquela ceca.[20]

Os restos das moedas utilizadas nos ensaios eran fundidos na Casa da Moeda de Filadelfia e as que foran reservadas pero non utilizadas púñanse en circulación nesa cidade, sen marca nin distinción de ningún tipo.[35] De feito, había milleiros de moedas ao dispor da Comisión, das que só se utilizaban unhas poucas. Os comisionados adoitaban mercar algunhas destas pezas como recordo, aínda que isto só afectaba ás de circulación ordinaria, xa que as conmemorativas non podían comprarse se o Congreso concedera o dereito exclusivo da súa comercialización a unha entidade patrocinadora; neste caso, destruíanse.[44]

Membros da ComisiónEditar

 
Charles G. Dawes foi membro da Comisión de Ensaios en 1899 e en 1900, e posteriormente vicepresidente do país.

Sábese que os primeiros nomeamentos dos membros civís da poboación na Comisión de Ensaios por parte do presidente foron en 1841,[51] e os derradeiros en 1976.[35] Moitos dos primeiros comisionados foron elixidos polos seus logros científicos. Estas cualificacións non se lles esixían aos nomeamentos políticos posteriores, entre os que se atopaban figuras tan senlleiras como Elling Berlin, a muller do compositor Irving Berlin.[30] As primeiras mulleres que foron designadas como membros da Comisión foron Kellogg Fairbanks, de Chicago, e B. B. Munford, de Richmond, Virxinia, ambas en 1920.[52]

O récord de servizo como comisionado teno Herbert Gray Torrey, con 36 nomeamentos entre 1874 e 1910 —bardante unicamente en 1879—, en virtude do seu cargo de ensaiador da Oficina de Ensaios de Nova York. Pola súa banda, o récord de nomeamentos presidenciais teno James Lewis Howe, xefe do Departamento de Química da Universidade Washinton e Lee, 18 veces membro da Comisión de Ensaios, primeiro en 1907 e logo anualmente entre 1910 e 1926.[53] Entre os nomeamentos presidenciais de cada ano incluíase un empregado da Oficina Nacional de Normalización;[3] que traía consigo as pesas utilizadas para o ensaio, logo da súa comprobación pola axencia.[43] Aínda que ningún presidente dos Estados Unidos fora previamente membro da Comisión de Ensaios, o daquela controlador de moeda Charles G. Dawes foi comisionado en 1899 e en 1900, e posteriormente chegou a ser vicepresidente dos Estados Unidos entre 1925 e 1929.[53][54]

Entre os nomeados estivo tamén o coleccionista numismático e congresista William A. Ashbrook, que exerceu 14 veces como comisionado de ensaios, entre 1908 e 1934.[53] A presenza de Ashbrook na Comisión de 1934 levou a especular con que podería ter utilizado a súa posición para se asegurar unha ou dúas moedas de 20 dólares de ouro de 1933, case todas fundidas por mor da finalización de moedas de ouro para a circulación. Tradicionalmente, aos comisionados autorizábaselles a adquisición de moedas non ensaiadas, e o historiador numismático Roger Burdette sostén que Ashbrook, habitualmente ben tratado por ser un antigo congresista —deixou o Congreso en 1921—, podería ter cambiado outras pezas de ouro polas citadas de 1933.[55]

 
Os membros da Comisión de Ensaios de 1942 asegúranse de que a cantidade de moedas sexa a adecuada.

Os tres espécimes coñecidos do cuarto de dólar de 1873-CC sen frechas aos lados da data, así como a única moeda coñecida de dez centavos desas mesmas características, poden ser pezas rescatadas do ensaio, xa que se ordenou fundir o resto da emisión desas moedas por mor do seu baixo peso.[13] Unha situación similar é a que se dá coa moeda de dez centavos da serie Barber cuñada en 1894 na Ceca de San Francisco, cuxa tiraxe publicada é de 24 exemplares, aínda que non é seguro que esta cantidade inclúa a que se enviou a Filadelfia para a Comisión de Ensaio do ano seguinte. O feito de que un dos comisionados para a reunión de 1895 fose Robert Barnett, secretario xefe da Ceca de San Francisco, levou os escritores numismáticos Nancy Oliver e Richard Kelly a especular coa posibilidade de que fose nomeado comisionado de ensaio para recuperar a moeda de dez centavos. O informe da Comisión de Ensaios de 1895 confirma que a moeda de dez centavos estaba alí, xa que foi contada polo comité de reconto. No entanto, non se menciona que esa moeda fose pesada nin ensaiada. Oliver e Kelly, nun artigo de maio de 2011 no xornal The Numismatist, suxiren que Barnett utilizou ese privilexio dos comisionados para obter esa peza tan rara. Non se sabe, porén, que teña falado nin escrito sobre este asunto antes do seu asasinato en 1904.[56]

En 1964, antigos comisionados de ensaios constituíron a Old Time Assay Commissioners Society (OTACS). Cando o presidente Carter deixou de nomear membros públicos para a Comisión en 1977, a OTACS recadou fondos nun intento infrutuoso de inducir o Goberno a continuar con esa tradición. Esta sociedade reuniuse anualmente ata 2012, normalmente na sede da convención anual da American Numismatic Association (ANA).[31][57] Tendo en conta que a cantidade de membros vivos da OTACS chegou a ser inferior a trinta persoas, a sociedade decidiu non celebrar máis reunións; a de 2012, que tivo lugar en paralelo á da ANA en Filadelfia, incluíu tamén un acto na Casa da Moeda.[58]

MedallasEditar

 
Medalla da Comisión de Ensaios de 1879, coa imaxe do exdirector da US Mint Henry Linderman. Gravador: William Barber.

As medallas da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos foron cuñadas en diversos metais, como cobre, prata, bronce ou estaño. As primeiras cuñáronse con ocasión da Comisión de Ensaios de 1860 baixo a dirección do director da Casa da Moeda James Ross Snowden. O obxectivo inicial destas medallas non era principalmente proporcionarlles un recordo aos comisionados, senón publicitar a capacidade de cuñaxe de medallas da Casa da Moeda. O incipiente costume abandonouse cando Snowden deixou o seu cargo en 1861.[59]

Os numismáticos R. W. Julian e Ernest E. Keusch, no seu estudo acerca destas medallas, propoñen que a volta á cuñaxe de medallas da Comisión de Ensaios en 1867 se debeu á petición que o gravador xefe da Casa da Moeda James B. Longacre lle fixo ao novo director, William Millward.[60] A partir dese momento, as medallas entregáronselles aos comisionados de ensaio logo de cada reunión anual da Comisión, ata que en 1977 se deixou de nomear a membros públicos.[61]

 
Medalla da Comisión de Ensaios de 1901, coa imaxe do presidente McKinley. Gravador: William Barber.

As primeiras medallas representaban no anverso un busto dunha personalización da Liberdade ou unha figura de Columbia, e no reverso unha coroa que rodeaba as palabras ANNUAL ASSAY ("ensaio anual") e o ano.[62] O anverso de 1870, realizado polo sucesor de Longacre, William Barber, representa a Moneta rodeada dos utensilios habituais do ensaiador, como as balanzas e a caixa ou píxide.[63] Os deseños distintivos de cada ano foron en ocasións de actualidade: a medalla de 1876 leva o deseño do centenario da independencia dos Estados Unidos, e a de 1879 representaba o exdirector da Casa da Moeda Henry Linderman, que acababa de falecer. A partir de 1880, a maioría das veces reproducíase a figura do presidente ou do secretario do Tesouro. As medallas de 1901 e de 1903 a 1909 tiveron forma rectangular, un estilo que resultaba popular na época.[64] O reverso da medalla de 1920, obra do gravador George T. Morgan, tiña un deseño que simbolizaba a fin da primeira guerra mundial. En 1921 cuñouse unha medalla adicional en ouro que foi entregada polos comisionados ao presidente saínte Woodrow Wilson, como mostra de recoñecemento.[65]

 
Reverso da medalla da Comisión de Ensaios de 1921. Gravador: George T. Morgan.

A emisión de 1936 presentaba ao mesmo tempo unha imaxe do presidente vixente, Franklin Roosevelt e a do primeiro presidente, George Washington. Levaba no seu canto a inscrición ANNUAL ASSAY 1936 e preparouse así por decisión da directora da Casa da Moeda, Nellie Tayloe Ross,[66] logo de que os funcionarios da ceca se decataran de que esqueceran dispor un deseño especial para a medalla da Comisión de Ensaio.[67]

A medalla de 1950 ilustra unha xuntanza entre os tres titulares de cargos en 1792: o secretario do Tesouro Hamilton, o secretario de Estado Thomas Jefferson e o presidente do Tribunal Supremo John Jay. Malia seren titulares de cargos designados pola Lei da Moeda de 1792, non se realizara ningún ensaio ata 1797, momento en que os tres abandonaran xa os seus cargos.[68]

Para a Comisión de 1954 non houbo unha medalla especialmente deseñada e, no seu lugar, os comisionados, que se reuniron en Filadelfia o 12 de febreiro, optaron por recibir a medalla presidencial estándar emitida pola Casa da Moeda, que representaba a Abraham Lincoln, co nome do comisionado gravado no seu canto.[69]

As derradeiras medallas, de 1976 e de 1977, eran ovaladas e de peltre. A de 1977, que representaba a Martha Washington, non se chegou a distribuír, xa que non foron nomeados comisarios.[70] Por este motivo entregáronselles a varios funcionarios da Casa da Moeda e do Tesouro e, cando esta repartición espertou as suspicacias da poboación, cuñouse unha tiraxe suplementaria que se puxo á venda ao prezo de 20 dólares en todas as casas de moeda do país e noutros puntos de venda do Tesouro en 1978. Para a súa cuñaxe dispúxose de material suficiente para unhas 1.500 medallas,[71] que en 1980 aínda estaban á disposición do público.[41]

 
Medalla da Comisión de Ensaios de 1976, coa imaxe do secretario do Tesouro W. E. Simon. Gravador: Frank Gasparro.

Todas as medallas da Comisión de Ensaios son hoxe extremadamente raras. Coa excepción da de 1977, non se cre que se emitise ningunha cunha tiraxe superior aos 200 exemplares e na maioría dos anos non se emitiron máis de 50.[61] Coñécense copias ilegais dalgunhas destas medallas correspondentes a algunhas emisións do século XIX. O anverso da medalla de 1909, que representa o busto do secretario do Tesouro George Cortelyou, foi reutilizada para o comezo da serie de medallas da Casa da Moeda dedicadas aos presidentes do Tesouro. As pezas posteriores desta serie cuñáronse co reverso en branco, mais a principios da década de 1960 o deseño do reverso da emisión da Comisión de Ensaios utilizouse co anverso de Cortelyou e un número indeterminado chegou ás mans do público. No entanto, a apreciación xeral é de que as reedicións teñen os trazos menos marcados que as medallas orixinais.[72]

NotasEditar

  1. Preston, R. E.; Eckels, J. H. (1896). Páxina 67.
  2. Bureau of the Mint (1904). Páxinas 9-10.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxina 3.
  4. 4,0 4,1 "The United States Annual Assay Commission: 1797 to 1817". En Burdette, R. W. (ed.) (2010).
  5. Coin World Almanac (1977). Páxina 268.
  6. Bureau of the Mint (1904). Páxina 16.
  7. Pessolano-Filos, F. (1983). Páxina 273.
  8. Coin World Almanac (1977). Páxinas 268-269.
  9. Bureau of the Mint (1904). Páxina 20.
  10. Bureau of the Mint (1904). Páxina 26.
  11. Bureau of the Mint (1904). Páxina 35.
  12. Watson, J. P. (1926). Páxina 5.
  13. 13,0 13,1 DeLorey, Thomas (1870). "The Trial of the Pyx". En Nature. 1 (17): 429.
  14. Carothers, N. (1930). Páxinas 196-197.
  15. Taxay, D. (1983). Páxina 240.
  16. Taxay, D. (1983). Páxina 242.
  17. Taxay, D. (1983). Páxina 249, 258.
  18. Bureau of the Mint (1904). Páxina 61.
  19. Bureau of the Mint (1904). Páxina 59.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Herbert, A (2011). "Defunct Assay Commission used to check US coins". Numismaster.com. 13 de setembro.
  21. Mellon, A. W. (1922). "Assay Commisssion's Annual Test of Coin". Annual Report of the Secretary of the Treasury, 1922. US Government Printing Office, Washington. Páxina 631.
  22. Roberts, G. E. (1913). Páxina 59.
  23. 23,0 23,1 "The Assay Commission for 1941". En The Numismatist. Abril de 1941. American Numismatic Association. Páxinas 256-257.
  24. 24,0 24,1 "Assay meet". En Coins. Krause Publications, Iola. Maio de 1971. Páxinas 20-21.
  25. "Assay Commission meets in Philadelphia". En The Numismatist. Marzo de 1834. American Numismatic Association. Páxina 183.
  26. "Annual Assay Commission meets". En The Numismatist. Febreiro de 1941. American Numismatic Association. Páxinas 87-88.
  27. 27,0 27,1 Abbott, H.M. (1948). "Notes on the Assay Commission". En The Numismatist. Abril. American Numismatic Association. Páxinas 268269.
  28. United States Statutes at Large. Vol. 61. US Government Printing Office, Washington. 1947. Páxina 129.
  29. Senate Committee on Banking and Currency (1947). Trial Pieces of Coins, Senate report No. 39, 80th Congress, 1st session. United States Government Printing Office. 28 de febreiro. Páxinas 1-2.
  30. 30,0 30,1 Pessolano-Filos, F. (1983). Páxina xiv.
  31. 31,0 31,1 Coin World Almanac (1977). Páxina 247.
  32. "Coins checked, no clunkers". En Reading Eagle. 15 de febreiro de 1973. Páxina 18.
  33. United States Mint (1976). Páxina 15.
  34. 34,0 34,1 34,2 Logan, C. (1979). "The last 'Trial of the Pyx'". En COINage. Maio. Behn-Miller Publishers. Páxinas 58-59.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 Coin World Almanac (2011). Páxina 164.
  36. "Assay Commission: Last gasp?". En Coins. 22 de maio de 1978.
  37. "Administration finally comes up with victims". En The Argus-Press. 4 de xuño de 1979. Páxina 2.
  38. Anderson, J. (1979). "Defense Secretary Brown may have to defend self". En The Robesonian. 20 de agosto. Páxina 6.
  39. Palmer, G. L. (1979). "Assay Commission meeting abolished". En The Evening News. 14 de xaneiro. Páxina 5B.
  40. Public Papers of the Presidents of the United Statess. 1980-1981. Volume 1. United States Government Printing Office. 1981. Páxina 483.
  41. 41,0 41,1 Reiter (ed.) (1980). "A Mint tradition is continued". En The New York Times. 16 de novembro. Páxinas 32, 38.
  42. Gilkes, P. (2010). "1976 last year for Assay Commission public participation". En Coin World. 7 de xuño. Páxinas 94-95.
  43. 43,0 43,1 Coin World Almanac (1977). Páxina 246.
  44. 44,0 44,1 "Introduction and purpose". En Burdette, R. W. (ed.). (2010).
  45. Roberts, G. E. (1913). Páxinas 60-61.
  46. Bureau of the Mint (1904). Páxina 24.
  47. Watson, J. P. (1926). Páxina 31.
  48. 48,0 48,1 United States Mint (1976). Páxinas 18-19.
  49. Pessolano-Filos, F. (1983). Páxina xii.
  50. United States Mint (1976). Páxinas 9-12.
  51. Pessolano-Filos, F. (1983). Páxina 131.
  52. "Women member of Assay Commission". En The Evening Independent. 26 de marzo de 1920. Páxina 2.
  53. 53,0 53,1 53,2 Coin World Almanac (1977). Páxinas 248-268.
  54. "Charles G. Dawes, 30th Vice President (1925-1929)". United States Senate.
  55. Burdette, R. (2009). "Lifting the veils from the 1933 double eagle". En Coin World. 3 de agosto. Páxinas 1, 104.
  56. Oliver, N.; Kelly, R. (2011). "The 1894-S dime". En The Numismatist. Maio. American Numismatic Association. Páxinas 99-100.
  57. "ANA convention update". En The Numismatist. 81. American Numismatic Association. Xuño de 2012.
  58. Ganz, D. (2012). "Final OTACS meeting set for Philly". Numismaster.com. 23 de xullo.
  59. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxinas 3, 9.
  60. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxina 10.
  61. 61,0 61,1 Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxinas 6-7.
  62. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxinas 10-11.
  63. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxina 12.
  64. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxinas 3-4.
  65. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxinas 4, 42-43.
  66. Pessolano-Filos, F. (1983). Páxina 81.
  67. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxina 4.
  68. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxina 66.
  69. Pessolano-Filos, F. (1983). Páxina 100.
  70. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxinas 86-87.
  71. "Assay medals: Own your own". En Coins, 22. Maio de 1978.
  72. Julian, R. W.; Keusch, E. E. (1989). Páxinas 3-4, 53.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar