Peltre

aliaxe de metal maleable formada principalmente por estaño

O peltre é unha aliaxe tradicionalmente constituída por entre o 85 % e o 99 % de estaño e o resto de antimonio, cobre, cinc e bismuto, e ás veces, menos comunmente hoxe en día, chumbo. Ás veces incorpórase tamén unha pequena cantidade de prata.[1]

Detalle do mango dun garfo noruegués mostrando tres escenas: o rei Olaf II de Noruega, os seus homes e un barco viquingo.

Etimoloxía editar

A palabra peltre probabelmente deriva da inglesa pewter, que quizais sexa unha alteración da voz spelter, termo empregado en inglés para denominar ás aliaxe de zinc, e que orixinariamente era un sinónimo popular de zinc.[2]

Características editar

É un material maleábel, mol e de cor branca, con algunha similitude á prata, pouco reactivo, e que funde entre os 170 e os 320 °C,[3] polo que a súa utilización para adornos é moi común. Durábel, co tempo adquire unha interesante pátina e pode dárselle dureza se se lle agrega unha pequena porcentaxe de chumbo, que lle dá, ademais, unha tonalidade azulada. O seu aspecto é brillante, puído e parecido á prata, e que, ao igual que este metal, tende a ennegrecerse por efecto da oxidación se non recibe un tratamento químico.

Tipos editar

Tradicionalmente hai tres tipos de peltre:

  • Fino. Material de cubertos. Composto de 96-99 % de estaño e 1-4 % de cobre.
  • Trifle. Tamén para cubertos e louza rústica. Composto de 92 % de estaño, 1-4 % de cobre e máis do 4 % de chumbo.
  • Lai. Tamén chamado Lei. Normalmente non é utilizado en cubertos, por conter máis do 15 % de chumbo e pequenas cantidades de antimonio.

O peltre era o material que utilizaban os famosos picheleiros de Santiago para fabricaren os picheis e outros utensilios de cociña, artísticos ou empregados para o culto nas igrexas. Esta substancia, así mesmo, foi utilizada en 1827 por Joseph Nicéphore Niépce para tomar a súa primeira fotografía, a titulada Vista dende a ventá en Le Gras.[4]

Historia editar

O peltre comezou a usarse a comezos da Idade de bronce no Oriente Próximo e na China. A peza máis antiga de peltre encontrouse nunha tumba do antigo Exipto de 1450 a.C. Este material foi estendido por toda Europa polos romanos, que o utilizaban, entre outros usos, para a construción de acuedutos.

Durante a Idade Media o peltre creceu en popularidade para a fabricación de adornos, e substituíndo as louzas de madeira nas casas acomodadas. Así mesmo, nas igrexas máis pobres era utilizado como substituto da prata. Probabelmente o uso do peltre foi causa na época romana e na Idade Media, de numerosos casos de saturnismo (intoxicación por chumbo).

Durante os séculos XVIII e XIX gozou de gran popularidade nos Estados Unidos para a fabricación de vaixelas adicadas a casas de clase media e alta. Tamén, nese país serviu en 1776 para a cuñaxe dunha das súas primeiras moedas durante a Guerra de Independencia, o coñecido como dólar Continental.[5][6][7]

Hoxe en día, e popularmente, tamén se chama peltre aos utensilios de metal bañados cunha capa cerámica ou esmalte cerámico, xeralmente branco.

En Galicia: pichel e picheleiros editar

En galego denomínase pichel a unha xerra alta, de sección circular, máis ancha na base ca no colo, xeralmente de estaño e cunha tapa unida á asa.[8] Sarmiento indicou que esta xerra, feita de estaño ou peltre, tiña unha capacidade de case medio azume (aproximadamente un litro), e que en francés se chamaba picher, en italiano pittaro, e en inglés, segundo Howell e Skinner, pitcher.[9]

Na cidade de Santiago de Compostela, que tiña unha longa tradición de grandes artesáns prateiros e acibecheiros, os picheleiros eran artesáns que facían picheis, e tamén outros diversos trebellos de cociña. Para esta tarefa, servíanse do estaño, abundante en Galicia, un metal moito menos nobre que a prata e, polo tanto, bastante máis barato. A industria do estaño en Compostela tivo unha importancia capital, tal e como indica Eladio Rodríguez no seu dicionario:

Los picheleiros constituyeron en Santiago desde mucho antes del siglo XV una floreciente industria... Los picheleiros no se limitaban a hacer jarras y vasijas, sino que fabricaban platos grandes y pequeños, vinajeras, cálices, custodias, copones, linternas, fuentes, escudillas, saleros, salseros, tazas, candeleros, asas, xarneiras, cruces y picheles redondos, cuadrados, grandes y pequeños. Para poder ejercer púlicamente el oficio y poner tienda, requeríse licencia previa, título o carta de exame expedida por el consejo de Santiago...[10]

Usos na actualidade editar

 
Vasilla contemporánea de peltre.

Na actualidade, as aliaxes de estaño-chumbo utilízanse principalmente para a soldadura. Estas foron prohibidas nas latas de conservas, xa que foron fontes de envelenamento por chumbo, especialmente cando o alimento estaba en contacto con ácidos (limón, concentrado de tomate, vinagre etc).

As proporcións das aliaxes de soldadura varían, pero adoitan ser de ao redor do 63 % de estaño e o 37 % de chumbo; tamén poden conter cobre, antimonio ou bismuto. As aliaxes de estaño-chumbo aínda se utilizan en grandes cantidades na fabricación de órganos.

As aliaxes estaño-chumbo 60/40 eran moi utilizadas en electrónica para a soldadura en placas de circuítos impresos, pero o uso do chumbo foi prohibido pola Directiva RoHS da CE. Agora utilízanse novas aliaxes a base de estaño nas que a temperatura de fusión é máis alta.

Saúde e medio ambiente editar

O manexo frecuente de produtos de peltre coas mans, especialmente en condicións ácidas, ou baixo a forma de partículas, ou a inhalación dos seus vapores, son perigosos para a saúde e o medio ambiente. A combustión destas aliaxes (en incineradores, nos incendios) é fonte de fumes e vapores, cinzas ou escouras tóxicas, e eventualmente de contaminación da terra, o solo ou a auga (en contextos ácidos).[Cómpre referencia]

Notas editar

  1. "Peltre". No Dicionario da Real Academia Galega.
  2. Skeat 1893, pp. 438–439.
  3. Campbell 2006, p. 207.
  4. Landscape in Saint-Loup-de-Varennes (1827) en Niépce’s Catalog of Works. Prints presently in existence. 1. Landscape in Saint-Loup-de-Varennes (1827) (en inglés) Consultada o 29 de marzo de 2015.
  5. "1 Dollar "The Continental Dollar" (pewter)". Numista.
  6. Hudgeons, M. et al. (2014). "1776 Continental Currency". En Official Blackbook price guide to United States Coins. Random House. Nova York. ISBN 978-0-375-72348-3
  7. "Continental Currency". Professional Coin Grading Service.
  8. pichel no dicionario da RAG.
  9. Martín Sarmiento (1746-1770): Colección de voces y frases de la lengua gallega, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca, 1970). En Antón Santamarina (ed.) Dicionario de dicionarios.
  10. Eladio Rodríguez (1963): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Tomo III. Entrada: picheleiro. Vigo: Galaxia.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar