Cuarto de dólar Washington

moeda de curso legal estadounidense
Cuarto de dólar Washington
Modelo orixinal (1932-1998) [1]
A/: Retrato de George Washington cara á esquerda. Marca de gravador (JF) e data.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST.

R/: Aguia coas ás despregadas de pé sobre un feixe de setas, con dúas pólas de oliveira debaixo. Marca de ceca.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / QUARTER DOLLAR.

O cuarto de dólar Washington é unha moeda co valor nominal de 25 centavos de dólar emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, cuñada por vez primeira en 1932 e caracterizada pola representación dun busto de George Washington no seu anverso, obra do deseñador e escultor John Flanagan.

Cando os Estados Unidos se preparaban para a celebración en 1932 do centenario do nacemento do seu primeiro presidente, George Washington, os membros do Comité do Bicentenario creado no Congreso avogaron pola creación dunha moeda de medio dólar na súa honra. Estes congresistas procuraban inicialmente a substitución ese ano do medio dólar "Liberdade camiñando", mais o Congreso optou finalmente por cancelar o cuarto de dólar "Liberdade en pé", para o substituír pola nova moeda en homenaxe a Washington.

O Comité contratara a escultora Laura Gardin Fraser para que crease unha medalla conmemorativa e pediulle que adaptase o seu deseño para a nova moeda. Aínda que o traballo de Fraser contaba co apoio da Comisión de Belas Artes e do seu presidente, Charles W. Moore, o secretario do Tesouro, Andrew W. Mellon, optou no seu lugar por un novo deseño de John Flanagan, e o seu sucesor no cargo, Ogden L. Mills, corroborou tal decisión.

O novo cuarto de dólar Washington de prata entrou en circulación o 1 de agosto de 1932 e seguiu a ser cuñado nese metal ata que en 1965 se cambiou por unha combinación dun núcleo de cobre cun revestimento de cuproníquel, mantendo inalterado o deseño. En 1975 e 1976 produciuse un primeiro cambio no deseño, xa que se utilizou un reverso especial para conmemorar o Bicentenario dos Estados Unidos; todas estas pezas levan no anverso a dobre data da conmemoración (1776-1976), polo que non hai ningún cuarto de dólar coa data de 1975.

A partir de 1999 deixou de utilizarse o reverso orixinal da aguia e, no seu lugar, esta face pasou a estar dedicada a diferentes motivos, como os 50 estados dos EEUU, outras divisións administrativas, lugares históricos e naturais ou mulleres senlleiras da historia do país. O busto de Washington tamén foi lixeiramente modificado en 1999 e fíxose algo máis pequeno, e modificáronse as lendas do anverso. En 2010 restituíuse o busto inicial —mantendo o tamaño inferior—, e en 2021 o deseño orixinal de Flanagan volveu a ocupar o seu lugar no anverso, en tanto que o reverso amosa a Washington cruzando o río Delaware en 1776. Finalmente, en 2022 iniciouse un novo deseño do busto de Washington no anverso: o creado por Laura Gardin Fraser en 1932 para a súa proposta de cuarto de dólar Washington.

Prolegómenos editar

Antecedentes editar

 
O presidente Herbert Hoover opúñase á creación do cuarto de dólar Washington.

O 2 de decembro de 1924, o Congreso constituíu a Comisión do Bicentenario de George Washington, o primeiro presidente do país. Esta efeméride celebraríase en 1932 e o Congreso quería planificar a celebración coa suficiente antelación. O presidente Calvin Coolidge encabezou ex officio a Comisión, na que se integraban funcionarios do Goberno e representantes destacados da sociedade civil, entre eles o fabricante de automóbiles Henry Ford. En 1929, o ata entón secretario de Comercio, Herbert Hoover, sucedeu a Coolidge tanto na presidencia do país como na da comisión.[4]

Hoover estaba preocupado pola grande cantidade de deseños que se utilizaran para as moedas conmemorativas durante a década de 1920 e temía que tal confusión beneficiase os falsificadores. Cando o Congreso lle enviou un proxecto de lei de moedas conmemorativas, Hoover vetouno o 21 de abril de 1930. Nunha extensa mensaxe ao Congreso para xustificar a súa postura e devolver o proxecto de lei, Hoover incidiu na súa preocupación pola falsificación e declarou que as moedas conmemorativas doutros eventos estaban a comercializarse mal, como era o caso do medio dólar conmemorativo da Ruta de Oregón, do que quedaran sen vender grandes cantidades de exemplares.[4]

Mais naquel momento a Comisión quedara practicamente sen actividade, logo dunha avalancha inicial de comunicados de prensa.[4] En febreiro de 1930 creouse un novo grupo, o Comité do Bicentenario de George Washington, mediante unha lei do Congreso.[5]

Idea inicial dun medio dólar editar

 
Laura Gardin Fraser, autora da proposta de deseño para o medio dólar.

O novo Comité do Bicentenario tiña o propósito de lanzar unha moeda de medio dólar na honra de Washington e tratou de disipar as preocupacións amosadas por Hoover propondo que todos os medios dólares de 1932 representasen no seu anverso a Washington, no canto do deseño habitual da "Liberdade camiñando". Coa Gran Depresión reducírase a demanda de moedas en circulación; non se cuñara ningunha moeda de medio dólar desde 1930 e non se tiña prevista ningunha nova cuñaxe ata 1933. Considerouse que o medio dólar era o deseño máis grande e prominente, xa que o dólar Peace non se estaba a cuñar daquela e non circulaba de facto en gran parte do país. En tanto que o común ata o momento fora que as moedas conmemorativas tivesen unha tiraxe duns poucos milleiros de exemplares e se vendesen cunha prima sobre o valor facial, neste caso pretendíase que o medio dólar Washington constituíse a emisión circulante ordinaria da moeda de medio dólar correspondente ao ano 1933.[6]

Malia non dispor aínda da preceptiva autorización do Congreso, o comité seguiu adiante e convocou un concurso de deseño, coa idea de que un mesmo artista crease primeiro unha medalla conmemorativa e logo a moeda. O anverso tanto da medalla como da moeda deberían basearse na coñecida estatua de Washington (1786) do escultor francés Jean-Antoine Houdon, en tanto que non se daba indicación ningunha no relativo ao deseño dos reversos. A lei esixía que os deseños das moedas fosen aprobados polo secretario do Tesouro, que naquel momento era Andrew W. Mellon, un coñecido coleccionista e coñecedor da arte, que se prevía que non puxese obxeccións ao plan.[6]

Logo de analizar as candidaturas, tanto o Comité do Bicentenario como a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos optaron polos deseños presentados por Laura Gardin Fraser[7] —a esposa de James Earle Fraser, deseñador da moeda de cinco centavos buffalo—, unha coñecida deseñadora de moedas que xa se encargara doutras emisións como a do medio dólar conmemorativo da Ruta de Oregón. Cun busto de Washington orientado cara á dereita, a idea era que o deseño de Fraser fose utilizado tanto para o anverso da medalla como para o da moeda de medio dólar.[8]

Aprobación do cuarto de dólar editar

 
O cuarto de dólar "Liberdade de pé"[9] presentaba problemas de produción; en 1931, O Congreso esixiu a súa substitución.

Non obstante, o 9 de febreiro de 1931, o representante por Nova Jersey Randolph Perkins presentou un proxecto de lei para a creación dunha moeda dun cuarto de dólar co busto de Washington, o que causou consternación no Comité do Bicentenario e na Comisión de Belas Artes. O Comité de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes emitiu un memorando no que se indicaba que o deseño da moeda dun cuarto de dólar en vigor era insatisfactorio e que a nova moeda proposta non só se cuñaría en 1932, senón que substituiría permanentemente o deseño anterior. Deste xeito, o novo cuarto de dólar sería unha homenaxe a Washington no seu bicentenario e ao mesmo tempo aliviaría a Casa da Moeda dos Estados Unidos da carga de emitir unha moeda de difícil comercialización.[10]

O 12 de febreiro de 1931, o presidente da Comisión de Belas Artes, Charles W. Moore, escribiu ao Comité da Cámara de Representantes para se opor ao cambio de plans e propor que se ordenase a emisión da moeda de medio dólar cos deseños previstos de Laura Fraser. Mais a solicitude de Moore foi ignorada e o 4 de marzo de 1931 o Congreso aprobou unha lei pola que se creaba o cuarto de dólar Washington.[10][1] A lei establecía que a imaxe de Washington, que debía aparecer no anverso, debía basearse no "célebre busto" do expresidente realizado por Jean-Antoine Houdon.[11]

Modelo orixinal (1932-1998) editar

Concurso de deseño editar

 
John Flanagan foi o artista escollido para o deseño do cuarto de dólar Washington.

O 14 de xullo de 1931, a subdirectora e daquela directora en funcións da Casa da Moeda dos EEUU, Mary Margaret O'Reilly, escribiu a Moore para lle solicitar que a Comisión de Belas Artes asesorase no concurso de deseño da nova moeda, e Moore contestoulle que, dado que Fraser gañara xa o concurso para a medalla, debería adaptar o seu deseño para o novo cuarto de dólar Washington. O secretario do Tesouro Mellon foi quen contestou a Moore, e díxolle que, ao non ter participado o Tesouro no anterior concurso de deseño, non estaba obrigado a aceptar o seu resultado e, de feito, non o faría.[12]

Así as cousas, o Tesouro convocou un novo concurso de deseño e, cando se reuniu a Comisión de Belas Artes, baixo a presidencia de Moore, para examinar as propostas presentadas e emitir o seu ditame, optou por escoller novamente o deseño de Fraser. Por outra banda, os deseños presentáronselle en novembro de 1931 ao secretario Mellon —a quen lle correspondía tomar a decisión— , e este decantouse polo deseño de John Flanagan, decisión que lle comunicou a Moore. Este e o membro da Comisión de Belas Artes Adolph Weinman intentaron que Mellon cambiase a súa decisión e pedíronlle máis tempo para que Fraser mellorase a súa proposta, e MEllon accedeu a conceder un novo prazo non só a ela, senón a todos os artistas concorrentes. Finalmente, o 20 de xaneiro de 1932, logo dunha nova presentación dos proxectos, a Comisión de Belas Artes renovou o seu apoio aos deseños de Fraser.[12]

O secretario do Tesouro Mellon deixou o seu cargo o 12 de febreiro de 1932 e foi sucedido por Ogden L. Mills.[13] Moore renovoulle a súa proposta ao novo secretario mediante unha carta enviada o 31 de marzo, na que se desaconsellaba o deseño de Flanagan e se instaba o novo secretario a acceder á recomendación da Comisión de Belas Artes.[14] Mills, que xa fora informado por O'Reilly acerca desta disputa, respondeu a Moore o 11 de abril, e informouno de que, logo da súa proposta, accedía a solicitarlle algúns cambios ao escultor, pero non anularía a decisión de Mellon de escoller a Flanagan como deseñador.[13] O 16 de abril, a escolla dos deseños de Flanagan foi anunciada oficialmente.[15]

Mellon estaba ao tanto da identidade dos artistas que participaran no concurso e foi acusado de discriminar a Fraser por ser unha muller. O historiador numismático Walter Breen afirmou que "o machismo de Mellon motivou, en parte ou na súa totalidade, a súa falta de vontade para deixar que gañase unha muller.[16] No entanto, Q. David Bowers cualificou esta alusión ao machismo de Mellon como unha "ficción numismática moderna" e sinalou que Mellon aprobara varias veces outros deseños de Fraser para moedas conmemorativas, así como os doutras mulleres, e que ningunha fonte contemporánea se refería a ningún nesgo machista por parte de Mellon.[15]

Décadas despois, o deseño de Fraser para o anverso da moeda foi aproveitado en 1999 para unha moeda de ouro de 5 dólares conmemorativa do bicentenario do falecemento de Washington,[17][15] e máis recentemente escolleuse para o cuarto de dólar Washington a partir de 2022, en substitución do de Flanagan.[18][19]

Anverso editar

 
Copia do busto de Washington creado por Houdon (1786), no que se baseou Flanagan para o anverso.

En 1785, a Asemblea Xeral de Virxinia encargoulle ao escultor francés Jean-Antoine Houdon que esculpise un busto de George Washington. Houdon fora recomendado polo ata entón ministro dos EEUU en Francia, Benjamin Franklin, que acababa de regresar ao seu país. Washington, daquela xeneral retirado, posara para Houdon na súa residencia familiar de Mount Vernon, en Virxinia, entre o 6 e o 12 de outubro de 1785.[20] Á súa volta a París, Houdon utilizou a máscara de xeso que creara do xeneral para facer varias esculturas, entre elas a de mármore encargada pola Asemblea Xeral de Virxinia, que hoxe se acha no Capitolio deste Estado.[21]

Os retratos de Washington en medallas e noutros soportes posteriores á visita de Houdon estiveron baseados no seu traballo. Aínda que na década de 1920 só un estadounidense, Abraham Lincoln, aparecera nunha moeda circulante dese país, o busto de Houdon utilizárase xa en 1900 como base para o retrato de Washington no dólar Lafayette e no medio dólar do sesquicentenario dos EEUU, de 1926. Segundo o comerciante e autor numismático Q. David Bowers, o busto de Houdon, mesmo daquela, era a representación máis común de Washington nas moedas e nas medallas.[7]

Pouco se coñece do proceso creativo de Flanagan nestes deseños, aínda que saíron ao mercado modelos dunha moeda deseñada por el cunha representación diferente de Washington, ollando cara á dereita e cunha aguia distinta.[11] Esta adaptación de Flanagan difire do busto de Houton nalgúns detalles; por exemplo, a forma da cabeza é diferente e hai un guecho de cabelo que non se acha no deseño final do busto do cuarto de dólar.[22]

O historiador da arte Cornelius Vermeule dixo acerca do cuarto de dólar de Flanagan que "un deseñador de cuños non podía equivocarse se tiña como prototipo a imaxe neoclásica de Houdon [..], aínda que cabe preguntarse se é xusto impor un retrato idealizado de Washington creado en 1785 a un artista que traballa en 1932; hai algo frío e sen vida nos resultados".[11] Vermeule suxeriu que o cuarto de dólar Washington iniciou unha tendencia de moedas con retratos similares emitidas polos Estados Unidos, sinaladamente nos cinco centavos Jefferson e no medio dólar Franklin.[23] Este historiador preferiu a proposta de deseño de Laura Fraser e cualificou o reverso de Flanagan como "un pouco de fría heráldica en medio dunha grilanda demasiado grande e demasiadas letras ou demasiado grandes".[24]

Reverso editar

O reverso orixinal de John Flanagan para o cuarto de dólar Washington, que se mantivo vixente ata 1998, representaba unha aguia coas súas ás despregadas sobre un feixe de frechas, enmarcado nunha grilanda de pólas de oliveira, xunto co lema E PLURIBUS UNUM, habitual nas moedas estadounidenses.[1][2][25]

Produción editar

 
Cinco anversos do cuarto de dólar Washington: o da versión de prata, o da versión revestida, o do Bicentenario, o utilizado entre 1999 e 2009, e o do período 2010-2021.

Moeda de prata (1932-1964) editar

A principios de xullo de 1932 os xornais comezaron a anunciar que se estaba a cuñar a nova moeda dun cuarto de dólar co busto de Washington, e que estaría ao dispor da poboación a finais dese mes, en canto houbese unha cantidade de pezas suficiente como para comezar a súa distribución a nivel nacional. As noticias incidían en que non se trataba dunha moeda conmemorativa, senón que supuña unha substitución da moeda de prata dun cuarto de dólar en circulación.[26][27]

O cuarto de dólar Washington púxose en circulación o 1 de agosto de 1932. Aínda que daquela non había unha gran necesidade de circulante no comercio,[28] anunciouse unha tiraxe prevista para aquel ano de seis millóns de exemplares.[29] En xeral, a aparición da nova moeda foi ben recibida,[28] aínda que o reverso suscitou o debate acerca de se trataba dunha aguia calva ou dalgún outro tipo. Un experto en aguias consultado por The New York Times concluíu que, efectivamente, se trataba dunha aguia calva.[30]

En 1932 producíronse arredor de 6,2 millóns de pezas, dos que 5,4 millóns se cuñaron na Casa da Moeda de Filadelfia. Da Casa de Moeda de Denver e na de San Francisco saíron tiraxes de pouco máis de 400.000 exemplares en cada unha nese primeiro ano, que seguen a ser as máis baixas da serie. A escasa cantidade de pezas cuñadas en Denver en 1932 implicou que houbese poucas dispoñibles para o acaparamento por parte dos comerciantes numismáticos, o que levou á situación actual de escaseza destas moedas en estado de conservación "sen circular"; mesmo se chegaron a falsificar cuartos dólares Washington de 1932 das cecas de Denver e de San Francisco. En 1933 non se cuñou esta moeda en ningunha das tres cecas, xa que a primeira emisión, de 1932, supuxera un exceso de oferta.[28][31]

De xeito diferente ao caso de moedas anteriores, o carto de dólar Washington cuñouse excepcionalmente ben, resaltando todos os seus detalles. Esta nitidez é posible porque os deseños de ambas as faces estaban ben repartidos, sen puntos de altorrelevo.[22] Malia todo, a Casa da Moeda axustou repetidamente o seu deseño. Nos primeiros tres anos de emisión (1932, 1934 e 1935) coñécense anversos con tres lixeiras variantes. Segundo a aparencia do lema IN GOD WE TRUST da esquerda do busto de Washington, estas variantes coñécense como "lema lixeiro", "lema mediano" ou "lema pesado";[32] só a primeira delas se amosa en pezas de 1932, en tanto que os tres se detectan nas de Filadelfia de 1934, e a terceira unicamente nas de Denver de 1934.[33] En 1935 só aparece o "lema mediano" nas tres cecas. No entanto, o "lema pesado" parece que foi o máis satisfactorio para a Casa da Moeda, xa que a partir de 1936 só se cuñaron as moedas con esta variante nas tres cecas.[2]

Por razóns descoñecidas, o reverso orixinal só se utilizou en 1932 e cando se retomou a cuñaxe en 1934 os cuños do reverso xa sufriran algún lixeiro axuste. O estilo orixinal tiña un bordo alto arredor do deseño do reverso que o protexía particularmente ben do desgaste, polo que as pezas de 1932 amosan un desgaste similar en ambas as faces, en tanto que nos anos posteriores, cun bordo máis baixo, os cuartos de dólar de prata en circulación tenden a estar máis gastados polo reverso.[34]

As postas a punto do deseño continuaron ata o final da produción desta moeda en prata en 1964. Durante ese tempo, o anverso sufriu seis modificacións salientables. Nunha desas revisións, en 1944, deixáronse distorsionadas as iniciais de Flanagan (JF) situadas no truncamento do busto de Washington, o cal se axustou o ano seguinte. Entre 1937 e 1964 utilizouse un reverso para a cuñaxe das moedas en versión proof —fondo espello e relevo mate— para coleccionistas con algunhas diferenzas con respecto ás moedas producidas para a circulación xeral. Esta variedade apréciase máis claramente ao examinar as letras "ES" na palabra "STATES", que case se tocan nas moeda para a circulación e teñen maior distancia nas da versión proof.[35]

O cuarto de dólar Washington de prata cuñouse nunha cantidade superior aos 100 millóns de pezas anuais ata 1964. No entanto, a Casa da Moeda de San Francisco non acuñara exemplar ningún en 1949 e cesara a súa produción en 1955.[36]

En 1964 produciuse unha grande escaseza de moedas.[37] Os prezos da prata estaban subindo e a poboación respondeu a este feito acaparando non só o cuarto de dólar Washington, senón tamén o medio dólar Kennedy e mesmo outros valores, como os cinco centavos de níquel e o centavo de cobre, carentes de calquera contido de prata.[38] Coa esperanza de que unha emisión maior de pezas de prata con data de prata contrarrestase a especulación con elas, o Tesouro obtivo unha autorización extraordinaria do Congreso para seguir cuñando cuartos dólares de prata durante 1965, mais amosando aínda a data de 1964.[39]

Moeda con baño de cuproníquel (1965-1998) editar

A produción desas derradeiras tiraxes masivas en 1964 e 1965 esgotou as existencias de prata do Tesouro. Os prezos do metal estaban a subir ata tal punto que a principios de xuño de 1965 un dólar en moeda de prata contiña metal por valor de 93,3 centavos a prezo de mercado. O 3 de xuño de 1965, o presidente Lyndon Johnson anunciou os seus plans de eliminar totalmente a prata das moedas de dez centavos (dime) e dun cuarto de dólar, en favor dunha composición cun núcleo de cobre puro revestido por unha capa de cuproníquel, co que manterían o seu aspecto de metal branco. Pola súa banda, a moeda de medio dólar baixaba a un 40 % de prata, no canto do 90 % anterior.[40] O Congreso aprobou en xullo a nova Lei da Moeda de 1965, en virtude da cal a Casa da Moeda deixou de cuñar os cuartos de dólar de prata coa data de 1964 e comezou a cuñar os equivalentes con revestimento de cuproníquel, xa coa data real de 1965,[41] costume que se normalizou na emisión de 1966 e en todas as posteriores.[42]

 
Versión proof para coleccionistas dun cuarto de dólar Washington da Ceca de San Francisco (marca de ceca S) de 1977.

Os novos cuartos nde dólar Washington revestidos cuñáronse entre 1965 e 1967 sen marca de ceca, independentemente de en que ceca se produciran. A partir de 1968 volveron incluír marca de ceca, excepto no caso da de Filadelfia, que, como era habitual, prescindía dela. A Ceca de San Francisco reabriu tamén ese ano, mais a partir de entón só cuñou moedas dun cuarto de dólar para o coleccionismo, a maioría delas en condición proof.[43] A Casa da Moeda axustou ambas as faces da moeda para o inicio da cuñaxe revestida en cuproníquel, para o que tivo que rebaixar o relevo. En 1974 o anverso tamén sufriu lixeiros axustes para remarcar algunhas arestas.[44] As marcas de ceca nas moedas posteriores a 1967 áchanse na parte posterior dereita do anverso, á dereita do pescozo de Washington.[45]

A partir de 1976 e durante os vinte anos seguintes, os gravadores da Casa da Moeda reaxustaron o deseño varias veces.[46] Entre 1977 e 1979 producíronse tamén cuartos de dólar na Casa da Moeda de West Point, aínda que carentes de marca de ceca, polo que hoxe non se poden identificar.[47] Pola súa banda, a Ceca de Filadelfia comezou a utilizar en 1980 a marca de ceca "P".[48]

En 1992, a Casa da Moeda dos EEUU comezou a comercializar xogos de moedas de prata con acabamento especial proof, para coleccionistas, nos que se incluía un cuarto de dólar Washington cuñado en prata de 900 milésimas; estas emisións mantéñense na década de 2020.[49] Aínda que o presidente George H. W. Bush asinou unha lei que autorizaba estas moedas en 1990, a súa cuñaxe non comezou ata 1992 por mor da dificultade de obter suficientes discos de prata de 900 milésimas para a súa cuñaxe.[50]

Emisión especial do bicentenario (1976) editar

 
O deseño de Jack L. Ahr na moeda do Bicentenario.[51]

En xaneiro de 1973, o membro da Cámara de Representantes Richard C. White presentou un proxecto de lei para a modificación temporal das moedas dun dólar Eisenhower e de medio dólar Kennedy para conmemorar deste xeito o bicentenario dos Estados Unidos en 1976.[52] O 6 de xuño, a daquela directora da Casa da Moeda dos EEUU, Mary Brooks, compareceu ante unha comisión do Congreso en resposta á preocupación amosada por algúns congresistas acerca de que só se emitise unha emisión conmemorativa do Bicentenario nas moedas menos populares e que tiñan un uso menor; Brooks aceptou entón estender a emisión conmemorativa á moeda máis popular, a dun cuarto de dólar Washington.[53]

O 18 de outubro de 1973, o presidente Richard Nixon asinou a lei pola que se ordenaba o redeseño transitorio das moedas deses tres valores faciais para todas as cuñaxes producidas entre o 4 de xullo de 1975 e o 1 de xaneiro de 1977. Todas estas pezas amosarían a dobre data da conmemoración, 1776-1976, polo que non se distinguirían entre si as cuñadas en cada un deses dous anos. Ademais das moedas destinadas á súa posta en circulación ordinaria, o Congreso dispuxo que se cuñasen 45 millóns de moedas do Bicentenario cun 40 % de prata.[54]

Ante o temor de facer unha emisión de escasa tiraxe que acabase sendo atesourada pola poboación —como sucedera recentemente coas moedas dun céntimo de cobre—, o que crearía unha escaseza desa moeda na circulación, en decembro de 1974 a US Mint acadou a autorización do Congreso para continuar coa cuñaxe de moedas dun dólar, de medio dólar e dun cuarto de dólar coa data de 1974 ata que comezase a cuñaxe das moedas do Bicentenario. Ese é o motivo polo que non existen cuartos de dólar Washington datados en 1975.[55][56][57]

Cuñáronse arredor de dous mil millóns de cuartos de dólar do Bicentenario,[58] xa que a Casa da Moeda quixo asegurarase de que a moeda tivese unha tiraxe suficiente como para facerse común no uso diario.[59] A US Mint vendeu os xogos de moedas de prata e as súas versións con acabamento especial proof durante máis dunha década, e a súa comercialización finalizou a finais de 1986.[60] O tamborileiro colonial deseñado por Jack L. Ahr que caracterizou o reverso da emisión do Bicentenario do cuarto de dólar Washington foi substituído o 1 de xaneiro de 1977 polo deseño orixinal de Flanagan.[43]

Modelos a partir de 1999 editar

Serie dos 50 estados (1999-2008) editar

 
Cuarto de dólar da serie dos 50 estados dedicada a Nova Jersey (1999).[61]

Nunha comparecencia ante o Congreso en xuño de 1995, o director da US Mint Philip N. Diehl e un grupo de destacados numismáticos instaron o Congreso a aprobar unha lei que permitise a circulación dunha serie de moedas conmemorativas similares aos cuartos de dólar que o Canadá puxera en circulación había pouco sobre a temática das súas provincias. Como resposta a esta solicitude, o Congreso aprobou a denominada Lei de Moedas Conmemorativas de 1996, que foi asinada polo presidente Bill Clinton o 20 de outubro de 1996. Nesta lei encargábase á Casa da Moeda dos Estados Unidos a realización dun estudo acerca das probabilidades de éxito dunha emisión dese tipo.[62]

A US Mint estudou debidamente o asunto e informou favorablemente. Aínda que a lei lle outorgaba ao secretario do Tesouro, Robert Rubin, a autoridade para executar o expresado no informe, pola súa potestade para a selección de novos deseños de moedas, Rubin preferiu esperar pola postura do Congreso, que como resultado aprobou a Lei do Programa de Moedas Conmemorativas dos 50 Estados, asinada posteriormente polo presidente Clinton o 1 de decembro de 1997.[63] Baixo esta lei, cada un dos 50 estados sería honrado cunha nova moeda dun cuarto de dólar Washington, que se emitirían en grupos de cinco anuais a partir de 1999, nunha secuencia determinada pola orde en que cada Estado entrara na Unión.[64][65] A lei permitíalle ao secretario do Tesouro determinar a posición dos lemas de aparición obrigada nas moedas estadounidenses, como é o caso de IN GOD WE TRUST; e para dar cabida a un deseño grande no reverso, as inscricións UNITED STATES OF AMERICA e QUARTER DOLLAR trasladáronse ao anverso, o que obrigou a reducir lixeiramente o tamaño do busto de Washington.[66] Os deseños correspondentes a cada Estado serían escollidos polo secretario do Tesouro, por recomendación do gobernador de cada Estado en particular.[67]

Como parte desta serie, a Casa da Moeda dos EEUU comercializou versións para coleccionistas con acabamento proof, entre as que se incluían pezas cuñadas en prata de 900 milésimas.[64][68] A ceca pública estadounidense estimou que o Goberno obtivo un beneficio de 3.000 millóns de dólares mediante a señoriaxe das moedas gardadas polo público —é dicir, na diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción— e a través doutros ingresos.[69]

Serie do distrito de Columbia e Territorios dos EEUU (2009) editar

 
Moeda dedicada ao territorio das Illas Marianas do Norte (2009).[70]

A Cámara de Representantes dos Estados Unidos acordara ata en catro ocasións a ampliación do programa dos 50 estados para abranguer tamén o Distrito de Columbia e tamén outros territorios vinculados aos EEUU pero que non constitúen Estados. No entanto, o Senado non tomou en consideración estas iniciativas en ningunha ocasión. Finalmente, as disposicións que autorizaban a ampliación do devandito programa incluíronse nun proxecto de lei de asignacións urxentes e aprobáronse en decembro de 2007.[71]

Como resultado desta ampliación, en 2009 a US Mint creou o denominado Programa dos cuartos de dólar do Distrito de Columbia e dos Territorios dos Estados Unidos, mediante o cal se mantiña inalterado o deseño do anverso de George Washington e se destinaban os deseños dos reversos ás representacións de seis novos territorios: o Distrito de Columbia, Porto Rico, Guam, a Samoa Americana, as illas Virxes Estadounidenses e as illas Marianas do Norte. Todas estas moedas levan a data de 2009.[72][73][74]

Serie America the Beautiful (2010-2021) editar

 
Cuarto de dólar de Yellowstone (2010), da serie America the Beautifull.[75]

En 2008, o Congreso aprobou a Lei de Moedas de Cuarto de Dólar dos Parques Nacionais America's Beautiful,[76] que prevía a emisión de 56 moedas, unha por cada Estado e outras xurisdicións, nunha repartición de cinco modelos anuais, comezando en 2010[77] e concluíndo en 2021.[78][79] Cada unha destas moedas representa no seu reverso un dos bosques nacionais ou lugares singulares adscritos ao Servizo de Parques Nacionais dos Estados Unidos. Estas moedas manteñen o busto de Washington deseñado por Flanagan nos seus anversos, aínda que cun lixeiro retoque para resaltar os detalles. Paralelamente á serie destinada á súa posta en circulación e da dedicada ao coleccionismo, nesta ocasión a US Mint produciu tamén unha serie en prata concibida para o investimento, co mesmo deseño pero cun diámetro moi superior (6,2 mm) e un peso de cinco onzas troy (155 g).[80][81][82]

 
Cuarto dólar da ceca de West Point (2020) coa marca V75.[83]

En maio de 2012, a US Mint anunciou os seus plans para a produción de cuartos de dólar Washington na Ceca de San Francisco con acabamento estándar, a primeira vez que sucedía desde 1954, dado que esa ceca só estaba a cuñar exemplares en versión proof. Estas novas moedas, porén, non entrarían en circulación, senón que se venderían en rolos e en bolsas plásticas cunha prima sobre o seu valor nominal.[84] Por outra banda, a versión de prata para coleccionistas correspondente a 2019 cuñouse cunha pureza de 999 milésimas, no canto da habitual de 900 milésimas.[85][86][80]

Tamén en 2019, na Ceca de West Point cuñáronse dous millóns de exemplares de cada un dos cinco deseños do cuarto de dólar da serie America the Beautiful, coa súa correspondente marca de ceca "W". Estas moedas entraron na circulación mesturadas coas da produción habitual das cecas de Denver e Filadelfia.[47] Esta situación mantívose en 2020 coa diferenza de que este ano os cuartos de dólar de West Point, á parte da súa marca de ceca, amosan nos seus anversos a marca V75 inserida nunha cartela, á esquerda do busto, en lembranza do 75 aniversario da vitoria aliada durante a segunda guerra mundial.[82][86][83]

Volta ao anverso orixinal (2021) editar

 
A emisión de 2021 retoma o deseño orixinal de Flanagan de 1932.[87]

O anterior programa dedicado aos sitios e parques naturais chegou ao seu fin en 2021. O secretario do Tesouro, Steven Mnuchin, tivera a opción de encargar á Casa da Moeda dos Estados Unidos unha segunda xeira deste programa, composta por outras 56 moedas, pero non o fixo na data límite de finais de 2018, como esixía a lei de 2008 que regulaba a súa emisión.[76]

O 25 de decembro de 2020 a US Mint anunciou cales serían os deseños do cuarto de dólar que se emitiría con data do ano seguinte.[88] Para o seu anverso decidiuse retomar o deseño primitivo de Flanagan de 1932, en tanto que para o reverso se escolleu unha interpretación da escena de Washington cruzando o río Delaware na noite do 25 de decembro de 1776.[87] En outubro de 2019, o Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda reuniuse para tomar en consideración os deseños, e a elección final do motivo foi tomada polo secretario do Tesouro Mnuchin.[89] O deseño do reverso foi creado por Benjamin Sowards e gravado polo escultor Michael Gaudioso. Este cuarto de dólar entrou en circulación o 5 de abril de 2021 e cuñouse ata finais de 2021.[88][90]

Lei de redeseño: serie Mulleres Americanas (desde 2022) editar

 
Moeda da serie Mulleres Americanas (2022) dedicada a Anna May Wong.[91]

A Lei de Redeseño de Moedas Circulantes de Colección de 2020 (Lei pública 116-330)[92] estableceu tres novas series de moedas dun cuarto de dólar para a década de 2020: a serie Mulleres Americanas (2022-2025), a conmemorativa dos 250 anos dos EEUU (2026) e a dedicada aos deportes xuvenís (2027-2030).[93][94]

O programa de moedas dun cuarto de dólar da US Mint que comezou en 2002 prevé a emisión de cinco novos deseños anuais ata 2025, con reversos dedicados á exaltación dos logros de mulleres ao longo da historia para o progreso do país. O anverso desta serie recupera o a proposta de retrato que Fraser presentara no concurso para a primeira versión do cuarto de dólar Washington en 1932.[95][96][97]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "George Washington Quarter". United States Mint.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Dollar "Washington Silver Quarter" (1932-1964)". Numista.com
  3. "Dollar "Washington Quarter" (1965-1998)". Numista.com
  4. 4,0 4,1 4,2 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 30.
  5. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 31.
  6. 6,0 6,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 31-32.
  7. 7,0 7,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 32.
  8. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 360.
  9. "Dollar "Standing Liberty Quarter"". Numista.com
  10. 10,0 10,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 33.
  11. 11,0 11,1 11,2 Vermeule, C. (1971). Páxina 178.
  12. 12,0 12,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 360-362.
  13. 13,0 13,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 35.
  14. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 363.
  15. 15,0 15,1 15,2 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 36.
  16. Breen, W. (1988). Páxina 365.
  17. "5 Dollars George Washington Death Bicentennial". Numista.com
  18. Gilkes, P. (2021).
  19. "¼ Dollar ''Washington Quarter'' (2022)". Numista.com
  20. Cadou, C. B. (2006). Páxina 120.
  21. Vermeule, C. (1971). Páxinas 177-178.
  22. 22,0 22,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 39.
  23. Vermeule, C. (1971). Páxina 179.
  24. Vermeule, C. (1971). Páxina 180.
  25. Guth, R.; Garrett, J. (2005). Páxina 79
  26. "Don't Quote Me". En San Jose News. 9 de xullo de 1932. Páxina 7.
  27. "George Washington on new silver quarter". En The Reading Eagle. 10 de xullo de 1932. Páxina 12. Retrieved February 13, 2012.
  28. 28,0 28,1 28,2 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 40.
  29. "New Washington Quarters Are In Circulation Here". En The Star and Sentinel. 6 de agosto de 1932. Páxina 1.
  30. "Eagle on New Quarter Defended By Expert as Bald, Not Golden". En The New York Times. 21 de agosto de 1932. Páxina 2.
  31. Breen, W. (1988). Páxina 366.
  32. "The Washington Quarters of 1934". Numismatic Guaranty Company. 8 de xaneiro de 2004.
  33. "1934 & 1934D; Light Medium and Heavy Motto". Washingtonquarterresource.com
  34. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 46-48.
  35. Breen, W. (1988). Páxina 367.
  36. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 171-173.
  37. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 41.
  38. Bardes, H. C. (1964-b-).
  39. Bardes, H. C. (1964-a-).
  40. Dale, E. L. (1965).
  41. "Coin Bill Approved By Senate and Sent To the White House". En The New York Times. 15 de xullo de 1965. Páxina 1.
  42. Bardes, H. C. (1966).
  43. 43,0 43,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 42-45.
  44. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 49-50.
  45. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 173.
  46. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 50-51.
  47. 47,0 47,1 Gilkes, P. (2019-a-).
  48. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 178.
  49. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 349-351.
  50. Gilkes, P. (2012-a-).
  51. "Dollar "Washington Quarter" Bicentennial". Numista.com
  52. Coin World Almanac (1977). Páxina 419.
  53. Coin World Almanac (1977). Páxinas 421-422.
  54. Coin World Almanac (1977). Páxina 422.
  55. Breen, W. (1988). Páxina 421.
  56. Coin World Almanac (1977). Páxina 51.
  57. Ganz, D. L. (1976). Páxinas 66-68.
  58. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 228.
  59. Reiter, E. (1979).
  60. Webster, D. (1986).
  61. "Dollar "Washington Quarter" New Jersey". Numista.com
  62. US Mint (ca. 2009). Páxina 4.
  63. "Public Law 105-124 - DEC. 1, 1997". Govinfo.gov
  64. 64,0 64,1 "United States Mint's 50 State Quarters Program". Numista.com
  65. "50 State Quarters Program". United States Mint.
  66. US Mint (ca. 2009). Páxina 6.
  67. US Mint (ca. 2009). Páxina 14.
  68. US Mint (ca. 2009). Páxinas 11-12.
  69. US Mint (ca. 2009). Páxina 13.
  70. "Dollar "Washington Quarter" Northern Mariana Islands". Numista.com
  71. "Public Law 110-161 - DEC. 26, 2007". Govinfo.gov
  72. "DC and U.S. Territories Quarters Program". United States Mint.
  73. "2009 District of Columbia and U.S. Territories Quarter Images". United States Mint. Retrieved February 13, 2012.
  74. "United States Mint's District of Columbia and United States Territories Quarters Program". Numista.com
  75. "Dollar "Washington Quarter" Yellowstone, Wyoming". Numista.com
  76. 76,0 76,1 "Public Law 110-456 - DEC. 23, 2008". Govinfo.gov
  77. "United States Mint Unveils First Five Coins in America the Beautiful Quarters Program". United States Mint. 24 de marzo de 2010.
  78. "United States Mint to Release Final America the Beautiful Circulating Quarter on January 4th". United States Mint. 1 de xaneiro de 2021.
  79. McPike, S. (2021). "The End of an Era: America the Beautiful Quarters Program Comes to a Close". United States Mint. 30 de marzo.
  80. 80,0 80,1 "America the Beautiful Quarters Program". United States Mint.
  81. "Quarter series starts in 2010". En Numismatic News. 10 de setembro de 2009.
  82. 82,0 82,1 ""America the Beautiful" Quarters Program". Numista.com
  83. 83,0 83,1 "United States Mint Producing 2020-W National Parks Quarters with V75 Privy Marks". Govmint.com. 30 de xaneiro de 2020.
  84. Gilkes, P. (2012-b-).
  85. Unser, M. (2019).
  86. 86,0 86,1 Gilkes, P. (2020).
  87. 87,0 87,1 "¼ Dollar "Washington Quarter" Crossing the Delaware". Numista.com
  88. 88,0 88,1 "United States Mint Announces New Quarter Dollar Reverse Design". United States Mint. 20 de decembro de 2020.
  89. Gilkes, P. (2019-b-).
  90. "General George Washington Crossing the Delaware Quarter". United States Mint.
  91. "¼ Dollar ''Washington Quarter''". Numista.com
  92. "Public Law 116-330-JAN. 13, 2021". Govinfo.gov
  93. "H.R.1923 - 116th Congress (2019-2020): Circulating Collectible Coin Redesign Act of 2020". Congress.gov
  94. Gilkes, P. (2021).
  95. "American Women Quarters Program". United States Mint.
  96. Fischer, D.; Masto, C. C. (2021). "American women who shaped history are coming soon to quarters, just like George Washington". En USA Today. 14 de febreiro
  97. "American Women Quarter Program". Numista.com

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Monografías e catálogos editar

Artigos e outras fontes

Outros artigos editar

Predecesor:
Cuarto de dólar da Liberdade en pé
 
Cuarto de dólar estadounidense

Modelo orixinal
(1932 - 1998)
Sucesor:
Cuartos de dólar dos 50 estados