Moeda de 5 centavos de dólar Jefferson

moeda estadounidense de curso legal
5 centavos Jefferson
Modelo orixinal (1938-2003) [1]
A/: Retrato de Thomas Jefferson cara á esquerda. Marca de ceca e de gravador (FS); e data.

Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY.

R/: Monticello, residencia de Jefferson en Virxinia.

Lendas: E PLURUBUS UNUM /MONTICELLO / FIVE CENTS / UNITED STATES OF AMERICA

A moeda de 5 centavos de dólar Jefferson é unha moeda con ese valor facial emitida en cuproníquel pola Casa da Moeda dos Estados Unidos a partir de 1938, cando substituíu os 5 centavos Buffalo.

Esta moeda caracterízase polo seu anverso co busto do terceiro presidente dos Estados Unidos, Thomas Jefferson, segundo o deseño inicial de Felix Schlag (de 1938 a 2004) e substituído posteriormente polos de Joe Fitzgerald (2005) e Jamie Franki (desde 2006). Pola súa banda, o reverso segue a representar o deseño orixinal de Schlag de Monticello, a residencia de Jefferson en Virxinia, aínda que en 2005 e 2006 a moeda contou con diferentes reversos conmemorativos.

A anterior moeda de 5 centavos Buffalo, cuxa cuñaxe comezara en 1913 presentaba dificultades técnicas para a súa produción e, superado o período de 25 anos en que unha moeda estadounidense só pode ser substituída por un complexo proceso no Congreso, a directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Nellie Tayloe Ross, apresurouse para iniciar o proceso para a substituír sen precisar máis beneplácito que o do secretario do Tesouro. Para iso, a US Mint convocou un concurso de deseño a principios de 1938, no que se solicitou aos participantes que presentasen as súas propostas para a nova moeda, coa condición de que representase a Jefferson no anverso e a súa residencia Monticello no reverso. Schlag foi o gañador, aínda que tivo que renovar completamente o reverso e facer algúns cambios no anverso antes de que a moeda entrase en produción en outubro de 1938.

Chegada a segunda guerra mundial e dado que o níquel era un material estratéxico no conflito, os 5 centavos Jefferson pasaron a cuñarse, entre 1942 e 1945, nunha aliaxe de cobre, prata e manganeso, que non requiría axustes nin nos equipamentos de cuñaxe nin nas máquinas expendedoras. Para sinalar a diferenza, estas moedas amosan unha gran marca de ceca no reverso, por riba da cúpula do edificio.

En 2004 e 2005, a moeda de 5 centavos tivo uns deseños totalmente renovados co gallo da conmemoración do Westward Journey, a expedición de Lewis e Clark, e a partir de 2006 retomou o tradicional reverso de Monticello, mais co novo busto de Jefferson no anverso, creado por Jamie Franki.

Prolegómenos editar

 
Os 5 centavos Buffalo foron substituídos polos Jefferson en 1938.

O deseño dos 5 centavos Buffalo, vixente ata 1938,[2] goza hoxe de boa consideración no ámbito numismático e mesmo foi recuperado pola US Mint para varias emisións conmemorativas, de colección e de investimento, na década de 2000.[3][4] Porén, na época en que esta moeda estaba en produción non era tan apreciada, sinaladamente pola dirección da Casa da Moeda, xa que o seu deseño provocaba frecuentes roturas dos cuños se se pretendía que quedase completamente gravado. Ao cumprirse en 1938 o período de 25 anos en produción, despois do cal o secretario do Tesouro pode decidir libremente o cambio dun deseño, este e a directora da Casa da Moeda, Nellie Tayloe Ross, actuaron rapidamente para efectuar o cambio, o que non provocou ningún tipo de protesta por parte dos usuarios.[5]

Elección do deseño editar

 
A directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, e o representante do Tesouro Edward Bruce, inspeccionan as propostas de deseño para a moeda de 5 centavos (abril de 1938).

A finais de febreiro de 1938, a Casa da Moeda anunciou a convocatoria dun concurso aberto para o deseño da nova moeda de 5 centavos, cuxo gañador recibiría un premio de mil dólares. A data límite para a recepción de propostas fixouse no 15 de abril, e a directora Ross xunto con tres escultores actuarían como xuíces. As indicacións da convocatoria eran que no anverso se debía representar un retrato de Jefferson e no reverso a súa residencia Monticello, en Virxinia.[6]

A mediados de marzo eran poucas as propostas de deseño recibidas, mais esta falta de resposta era enganosa, xa que moitos artistas estaban a traballar nos seus proxectos para os presentar preto da data límite. Superada esta, o 20 de abril o xurado examinou 390 traballos e catro días máis tarde anunciou a proposta presentada por Felix Schlag como a gañadora.[7] Schlag era un deseñador natural de Alemaña e levaba nove anos nos Estados Unidos.[8] O seu busto de Jefferson para o anverso ten unha clara similitude co creado polo escultor francés Jean-Antoine Houdon que se conserva no Museo de Belas Artes de Boston.[9] Ben por un descoido ou ben por algún outro motivo hoxe descoñecido, as iniciais de Schlag non se incluíron no deseño da moeda —como era habitual— ata 1966.[10]

 
Busto de Jefferson no anverso da moeda de 5 centavos.

Antes de comezar as cuñaxes, a principios de maio de 1938 informouse de que a Casa da Moeda esixía algúns cambios no deseño de Schlag. A súa proposta orixinal consistía nun retrato de tres cuartos de Jefferson acompañado dunha árbore, e o tipo de letra resultou demasiado modernista para os directivos da Casa da Moeda. No relativo á árbore, na Casa da Moeda interpretouse como unha palmeira e non se considerou adecuado suxerir que Jefferson puidese ter plantado unha árbore coma aquela. Así as cousas, a finais de maio envióuselle ao autor unha solicitude formal de cambios. Schlag estaba ocupado daquela con outros proxectos e non puido ocuparse deses cambios ata mediados de xuño; cando o fixo, entre outras cousas mudou o reverso por unha vista plana, con perspectiva frontal, de Monticello.[11] O historiador da arte Cornelius Vermeule describe o cambio deste xeito:[12]

O gusto oficial eliminou esta vista interesante, mesmo emocionante, e substituíuna polo mausoleo de aspecto romano e formas borrosas que se pode facer pasar polo edificio na moeda terminada. No reverso do proxecto inicial, o nome "Monticello" resultaba pouco necesario, polo que loxicamente se omitiu, mais na moeda cuñada parece esencial para que non se pense que o edificio representado é a cámara acoirazada de Fort Knox, un edificio de arquivos estatais ou unha biblioteca pública nalgures.

Os deseños foron presentados ante a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos para os someter á súa consideración a mediados de xullo. Estes deseños lavaban xa a nova versión do edificio do reverso, mais é probable que non incluísen cambios no tipo de letra da proposta orixinal. A Comisión aprobou os deseños. Con todo, o seu presidente, Charles Moore, solicitou que se cambiase a posición dos lemas do reverso para que aparecese o nome do país na parte superior da moeda, aínda que esta suxestión non foi atendida. Logo do ditame da Comisión de Belas Artes, o secretario do Tesouro, Henry Morgenthau, aprobou o deseño.[11]

O 21 de agosto de 1938, no xornal Herald, de Anderson, Indiana, líase:[8]

Á Comisión Federal de Belas Artes [...] non lle gustou a vista da casa de Thomas Jefferson, Monticello, así que lle esixiron ao artista outro deseño da fachada da casa. Non lles gustou a letra da moeda; non estaba en consonancia, mais esqueceron dicir con que non estaba en consonancia... Non hai máis razón para imitar os romanos neste aspecto [ao usar o estilo romano na tipografía da moeda] que a que habería para modelarmos os nosos automóbiles a partir do carro da época de Ben Hur.

Produción editar

1938-1945: comezo da emisión e cambios pola guerra editar

 
Primeira emisión dos 5 centavos Jefferson (1938)

A produción da moeda de 5 centavos Jefferson comezou o día 3 de outubro de 1938 nas cecas de Filadelfia, de Denver e de San Francisco.[13] Antes de mediados de novembro xa se cuñaran once millóns de exemplares, que se puxeron en circulación o día 15 dese mes. Ao longo de 1938 cuñáronse arredor de 30 millóns de pezas.[14] A novidade fixo que nos primeiros anos a nova moeda fose acaparada pola poboación e non chegou a verse comunmente na circulación ata 1940.[15]

En 1939, a Casa da Moeda perfeccionou o gravado dos cuños para perfilar mellor os chanzos da fachada de Monticello, que resultaran borrosos nos primeiros lotes cuñados. A partir de entón determinouse como unha proba para saber se esta moeda está ben cuñada que os seis chanzos se vexan con claridade. As moedas con esta particularidade comezaron a ser máis apreciadas polos coleccionistas.[16] No ámbito do coleccionismo especializado mesmo se chegaron a establecer variantes na moeda de 5 centavos de 1939, coñecidas como "reverso de 1938" e "reverso de 1940", esta última máis común na Ceca de Filadelfia e menos frecuente no resto das cecas.[17] Tamén se coñece polo menos un exemplar coa data de 1940 que, extraordinariamente, ten o reverso habitual da moeda de 1938.[18][19]

 
Emisión de guerra, coa nova aliaxe e a marca de ceca sobre o edificio.[20]

Coa entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, o níquel converteuse nun material de guerra crítico, o que obrigou a Casa da Moeda a reducir no posible o seu uso na moeda de cinco centavos, que tiña un 75 % de cobre e un 25 % de níquel. Con tal fin, o 27 de marzo de 1942 o Congreso aprobou unha nova aliaxe para esta moeda, conformada por un 50 % de cobre e un 50 % de prata, aínda que autorizou a Casa da Moeda para que puidese alterar estas proporcións ou mesmo engadir outros metais, na procura do interese público. A maior preocupación da Casa da Moeda era a de atopar unha aliaxe que non contivese níquel pero que seguise a responder igualmente tanto aos detectores de falsificacións como ás máquinas expendedoras. Finalmente, determinouse que a aliaxe axeitada era a composta por un 56 % de cobre, un 35 % de prata e un 9 % de manganeso, e comezou a ser utilizada para a cuñaxe das moedas de 5 centavos a partir de outubro de 1942.[21]

Coa esperanza de que puidesen ser doadamente detectables na moeda en circulación para a súa retirada logo de concluída a guerra, a Casa da Moeda cuñou todas estas "moedas de guerra" cunha marca de ceca de gran tamaño no reverso, por riba da cúpula de Monticello, no canto da súa posición habitual á dereita do edificio. Esa foi a primeira vez que apareceu sobre unha moeda a marca de ceca "P" da Ceca de Filadelfia, xa que nas emisións anteriores as moedas cuñadas en Filadelfia non amosaban marca ningunha. Pola súa banda, as cecas de Denver e San Francisco continuaron coas súas marcas propias, "D" e "S", respectivamente. Na emisión de 1946 retomouse a normalidade, polo que se as moedas volveron a cuñarse en cuproníquel e as marcas de ceca volveron ao seu tamaño e á súa posición habituais —no caso de Filadelfia, volveu a carecer de marca—. Nun artigo publicado en 2000 por Mark A. Benvenuto en The Numismatist, suxeriuse que a cantidade de níquel que se aforrou co cambio durante aqueles anos non foi significativo para o esforzo de guerra, aínda que si que serviu como un recordatorio omnipresente dos sacrificios que se precisaron para acadar a vitoria final no conflito.[21][22]

Dentro do ámbito do coleccionismo coñécese unha variante, nuns casos na cuñaxe oficial e noutros casos como resultado de falsificacións: nalgunhas moedas de 5 centavos da ceca de Filadelfia de 1943 utilizouse un cuño modificado preparado para o ano anterior, o que dá como resultado que por baixo do "3" se faga visible o "2" orixinal.[23] Ademais disto, coñécese tamén unha cantidade indeterminada de moedas de 1944 sen a esperable marca de ceca "P" de Filadelfia sobre a cúpula do reverso. Trátase de moedas non oficiais producidas en 1954 por Francis LeRoy, autor doutras coñecidas falsificacións de moedas de 5 centavos doutras datas.[24]

1946-2003: cuñaxe cos deseños orixinais editar

En 1955 creouse unha cantidade indeterminada de cuños desta moeda coa marca de ceca "S", correspondente á Casa da Moeda de San Francisco, mais finalmente determinouse que non se cuñasen alí moedas de 5 centavos naquel ano e, posteriormente, a Ceca de San Francisco pechou. En consecuencia, os cuños non utilizados foron enviados a Denver, onde se lles modificou a marca de ceca "S" polo "D" e se utilizaron nas moedas emitidas na Ceca de Denver.[25] 1949 e 1954 foron outros anos nos que se utilizaron cuños con marcas de ceca modificadas por diversas causas.[1]

Entre 1938 e 1942 cuñáronse tamén, na Ceca de Filadelfia, versións da moeda de 5 centavos Jefferson co acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— non concibidas para a súa posta en circulación senón destinadas ao comercio do coleccionismo numismático.[26] En 1942 cuñouse a versión proof tanto coa composición ordinaria como na "aliaxe de guerra", e a partir de aí interrompéronse estas emisións especiais. Volveron novamente en 1950, mais en 1964 a interrompéronse outra vez, por mor da escaseza de moedas.[27]

En 1966 produciuse un pequeno cambio no deseño, consistente na inclusión das iniciais do nome do gravador "FS" (de Felix Schlag) no anverso, na parte inferior dereita do busto de Jefferson. A produción e comercialización de moedas en condición proof retomouse en 1968, na Ceca de San Francisco, que volvera abrir as súas portas. Todas as moedas con datas entre 1965 e 1967 teñen a particularidade de carecer de marcas de ceca, independentemente de onde fosen cuñadas. A partir de 1968 volvéronse usar as marcas de ceca, aínda que se trasladaron desde o reverso ata a parte inferior do anverso, á dereita do busto de Jefferson.[27] En 1968, 1969 e 1970 non se cuñou esta moeda na Ceca de Filadelfia, e a partir de 1971, a Ceca de San Francisco deixou de producir os 5 centavos para a circulación e limitouse á produción de moedas en condición proof para coleccionistas.[28] Tanto en 1994 como en 1997 a Ceca de Filadelfia produciu unhas tiraxes moi reducidas dunha variante da versión proof, para a súa inclusión en estoxos conmemorativos, caracterizada por unha aparencia mate de toda a superficie da moeda.[29]

A finais do século XX, a Casa da Moeda fixo unha serie de pequenos axustes nos deseños da moeda de 5 centavos Jefferson. En 1982 afináronse os chanzos de Monticello para a emisión dese ano, e en 1987 afináronse tamén os trazos do cabelo de Jefferson e outros detalles de Monticello, o que fai que a partir desa data sexan máis comúns os exemplares ben cuñados, nos que se aprecian os seis chanzos completos no reverso. En 1993 remarcouse novamente o cabelo de Jefferson.[30]

Desde 2003: emisións conmemorativas e redeseño do anverso editar

 
Anverso de 2004, derradeiro ano do deseño de Schlag.[31]

En xuño de 2002, a dirección da Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou o seu interese por redeseñar a moeda de 5 centavos Jefferson para conmemorar o bicentenario da Expedición de Lewis e Clark. Ao representante republicano por Virxinia Eric Cantor preocupáballe que con estes cambios Monticello, situado no seu estado, desaparecese da moeda de 5 centavos, polo que promoveu unha iniciativa lexislativa que garantise a volta deste singular edificvio á moeda en 2006, logo das emisións especiais conmemorativas de 2004 e de 2005.[32] A resultante Lei de Continuidade do Deseño das Moedas Estadounidenses de 5 Centavos (Lei Pública 108-15,) foi asinada o 23 de abril de 2003.[33] Na súa virtude, o secretario do Tesouro podería variar os deseños das moedas de 5 centavos en conmemoración do bicentenario da Expedición de Lewis e Clark e da Compra de Luisiana, aínda que en 2006 representarían novamente a Jefferson no anverso e a Monticello no reverso.[34] [35]

En novembro de 2003, a Casa da Moeda anunciou os seus dous novos modelos de reverso conmemorativo, que se cuñarían co anverso orixinal de Schlag en 2004.[36][37] O primeiro, obra do deseñador e gravador da US Mint Norman E. Nemeth, representa unha adaptación da Medalla da Paz India, cuñada para Jefferson;[38] a segunda, deseñada e gravada por Alfred Maletsky, reproduce a imaxe dun dos barcos utilizados naquela expedición.[39]

No anverso das moedas de 5 centavos de 2005 amósase un novo deseño do retrato de Jefferson, obra de Joe Fitzgerald, baseada no busto do expresidente realizado por Houdon.[40] A tipografía manuscrita da palabra Liberty tomouse do borrador de Jefferson para a Declaración de Independencia, aínda que para conseguir o "L" maiúsculo Fitzgerald tivo que procurar a súa aparición noutros documentos escritos por Jefferson.[41] O reverso da moeda emitida na primeira metade do ano representa un bisonte americano deseñado por Jamie Franki, que lembra a anterior moeda de 5 centavos Buffalo.[42] O reverso da segunda moeda amosa unha costa marítima e a expresión Ocean in view! O! The Joy!, extraída do diario de William Clark durante a expedición.[43][40] Clark escribira literalmente ocian, mais a Casa da Moeda decidiu modernizar a ortografía.[41]

Reversos do período 2003-2006
 
Novo deseño do anverso a partir de 2006.[53]

O deseño do anverso dos 5 centavos Jefferson a partir de 2006 débeselle tamén a Franki, e representa un Franklin de fronte, baseado nun estudo de Rembrandt Peale de 1800; inclúe tamén a palabra Liberty escrita polo expresidente.[53] Segundo o director en funcións da Casa da Moeda dos Estados Unidos, David Lebryk, "a imaxe dun Jefferson de fronte é unha homenaxe axeitada á súa visión".[54] Pola súa banda, o reverso que comezou a utilizarse a partir de 2006 é novamente o orixinal de Monticello creado por Schlag, aínda que afinado polos gravadores da Casa da Moeda.[55][56] Como o deseño do anverso inicial de Schlag xa non se utilizaba, as súas iniciais como gravador foron trasladadas a partir deste ano ao reverso, á dereita do edificio.[57]

En 2009 cuñáronse para a súa posta en circulación unicamente 86.640.000 moedas de 5 centavos. Esta cantidade incrementouse ata os 490.560.000 exemplares o ano seguinte.[14] As cifras infrecuentemente baixas de 2009 debéronse á falta de demanda de moedas no mercado por mor da mala situación económica.[58] En 2020, esta moeda cuñouse por vez primeira na Ceca de West Point (marca de ceca "W"), non para a súa posta en circulación senón para formar parte dos estoxos anuais de presentación a coleccionistas, con acabamento especial proof.[59] Os plans para incluír tamén unha moeda con acabamento estándar da Ceca de West Point nas presentacións anuais abandonouse por mor da pandemia de COVID-19.[60]

O 13 de xaneiro de 2021, o presidente Donald Trump asinou a Lei de Redeseño de Moedas Circulantes de Colección (Lei Pública 116-330), que prevé a creación de deseños especiais dun ano de duración para 2026, con motivo da celebración do 250 aniversario dos Estados Unidos.[61][62]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "5 Cents "Jefferson Nickel" 1st portrait". Numista.com
  2. "5 Cents "Buffalo Nickel" flat ground". Numista.com
  3. "1 Dollar American Buffalo". Numista.com
  4. "25 Dollars "American Buffalo" Gold Bullion Coinage". Numista.com
  5. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 127.
  6. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 127-128.
  7. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 129.
  8. 8,0 8,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 369.
  9. Vermeule, C. (1971). Páxinas 205-206.
  10. Bardes, H. C. (1966).
  11. 11,0 11,1 Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 129-131.
  12. Vermeule, C. (1971). Páxina 207.
  13. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 141-143.
  14. 14,0 14,1 "Jefferson Nickels Mintage". Jeffersonnickel.org
  15. Lange, D. W. (2006). Páxina 167.
  16. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 143-144.
  17. "1939 5C Reverse of 1938 (Regular Strike)". Professional Coin Grading Service.
  18. "1940 5C Reverse of 1938 (Proof) Arquivado 05 de agosto de 2021 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  19. "1940 5c Transitional Reverse Design". Doubleddie.com
  20. "5 Cents "Jefferson Wartime Nickel"". Numista.com
  21. 21,0 21,1 Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 146-148.
  22. "Composition changes to win war". En Numismatic News. 9 de xaneiro de 2017.
  23. "1943/2-P 5C, FS (Regular Strike) Arquivado 04 de decembro de 2020 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  24. "Hennig Counterfeit Nickel (1944 No P)". Numismaticenquirer.com
  25. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 149.
  26. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 143.
  27. 27,0 27,1 Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 259-260.
  28. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 222.
  29. Zielinski, M. (2012). "The 1994 & 1997 Matte Finish Jefferson Nickels". CoinUpdate.com. 3 de novembro.
  30. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 150-151.
  31. "5 Cents "Jefferson Nickel" Louisiana Purchase". Numista.com
  32. "Va. legislators want to keep their nickel back". Usatoday.com. 23 de xullo de 2002.
  33. "Public Law 108-15 - APR. 23, 2003". Govinfo.gov
  34. "Nation to Get Newly Designed Nickels". United States Mint. 24 de abril de 2003.
  35. "31 U.S. Code § 5112 - Denominations, specifications, and design of coins". Legal Information Institute. Cornell law School (Law.cornell.edu).
  36. "U.S. to get two new nickels". CNN Money. 6 de novembro de 2003.
  37. "Westward Journey Nickel Series". United States Mint.
  38. "Louisiana Purchase/Peace Medal Nickel". United States Mint.
  39. "Keelboat Nickel". United States Mint.
  40. 40,0 40,1 "United States Mint Unveils Dramatic New Nickel Designs for 2005". United States Mint. 16 de setembro de 2004.
  41. 41,0 41,1 Frazier, J. (2005). "New nickel recalls historic moment". En The Register-Guard. 5 de agosto. Páxina C7.
  42. "American Bison Nickel". United States Mint.
  43. "United States Mint Launches New Nickel with Ocean in View". United States Mint. 5 de agosto de 2005.
  44. "5 Cents "Jefferson Nickel" Louisiana Purchase". Numista.com
  45. "Louisiana Purchase/Peace Medal Nickel". United States Mint.
  46. "5 Cents "Jefferson Nickel" Westward Journey, Keelboat". Numista.com
  47. "Keelboat Nickel". United States Mint.
  48. "5 Cents "Jefferson Nickel" Westward Journey, Bison". Numista.com
  49. "American Bison Nickel". United States Mint.
  50. "Cents "Jefferson Nickel" Westward Journey, Ocean View". Numista.com
  51. "Ocean in View Nickel". United States Mint.
  52. "5 Cents "Jefferson Nickel" 2nd portrait, Return to Monticello". Numista.com
  53. 53,0 53,1 "5 Cents "Jefferson Nickel" 2nd portrait, Return to Monticello". Numista.com
  54. "US unveils forward-looking nickel". BBC News. 6 de outubro de 2005.
  55. "United States Mint Announces “Return to Monticello” for 2006 Nickel". United States Mint. 28 de xullo de 2005.
  56. "Nickel: Return to Monticelo". United States mint.
  57. "Jefferson Nickels". Collectors Weekly.
  58. "2009 US Coin Mintages Plummeted as Mint Cut Production". CoinNews.net. 20 de xaneiro de 2010.
  59. Gilkes, P. (2020). "Mint to issue 2020-W Jefferson 5-cent coins as annual set premiums". En Coin World. 10 de xaneiro.
  60. Gilkes, P. (2020). "2020 Uncirculated Mint set won’t contain 2020-W 5-cent coin". En Coin World. 9 de outubro.
  61. "Public Law 116-330-JAN. 13, 2021". Govinfo.gov
  62. Gilkes, P. (2021). "Circulating Collectible Coin Redesign Act of 2020 signed by president". En Coin World. 15 de xaneiro.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar