Casa da Moeda dos Estados Unidos
A Casa da Moeda dos Estados Unidos (en inglés: United States Mint ou US Mint) é unha unidade do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos responsable da produción da moeda do país, da dirección do seu comercio e do control dos movementos dos metais preciosos en lingotes ou amoedados.[1][2]
Casa da Moeda dos Estados Unidos –United States Mint (US Mint)– | |
---|---|
Logotipo da Casa da Moeda dos Estados Unidos | |
Selo da Casa da Moeda dos Estados Unidos | |
Tipo | Unidade do Departamento do Tesouro |
Fundación | 2 de abril de 1792 |
Localización | Washington, D.C. Estados Unidos. |
Fundador | Goberno dos Estados Unidos. |
Persoas clave | Director: David J. Ryder. |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas e medallas. |
Número de empregados | 1.845 (2006) |
Notas | |
Sucursais en: Denver, Filadelfia, San Francisco, West Point e Fort Knox. | |
Na rede | |
http://www.usmint.gov e https://www.usmint.gov/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A US Mint non produce billetes, xa que a produción do papel moeda está encomendada á Oficina de Gravado e Impresión.[3]
A institución creouse en Fialdelfia en 1792 e de camiño se uniron a ela outros centros de cuñaxe, cuxas moedas se identifican con marcas de ceca propias. A Casa da Moeda dos Estados Unidos componse na actualidade de catro cecas: Filadelfia, Denver, San Francisco e West Point.[2][4]
Historia
editarPrimeira época
editarA primeira autorización para o establecemento dunha casa de moeda nos Estados Unidos produciuse mediante unha resolución do Congreso da Confederación do 21 de febreiro de 1782, e en 1787 cuñouse a primeira moeda de circulación xeral dos Estados Unidos, un centavo de cobre (coñecido como Fugio cent) divisionario do dólar Continental.[5]
A actual institución foi creada polo Congreso dos Estados Unidos a través da Lei da Moeda de 1792, e ao principio estaba adscrita ao Departamento de Estado, aínda que en 1799 se constituíu en axencia independente e, coa Lei da Moeda de 1873, pasou a depender do Departamento do Tesouro.[6][7] En virtude da Lei de 1792, construíuse o primeiro edificio da ceca en Filadelfia, que daquela era a capital dos Estados Unidos; foi o primeiro edificio da República levantado baixo os auspicios da Constitución. No entanto, a sede da actual US Mint (só administrativa, non de produción) radica en Washington como capital federal.[8]
Ademais das actuais plantas produtivas de Filadelfia, Denver, San Francisco e West Point (e un depósito de metais preciosos en Fort Knox, Kentucky), ao longo da historia tivo outras cecas adscritas nas localidades de Carson City, Charlotte, Dahlonega, Nova Orleáns e Manila, en Filipinas.[9]
Inicialmente, na casa da moeda calquera cidadán podía transformar en moeda o seu ouro e a súa prata sen máis custo engadido que o da refinaxe.[9]
O primeiro director da Casa da Moeda dos Estados Unidos foi o reputado científico David Rittenhouse, entre 1792 e 1795, e o primeiro xefe de cuñaxe foi Henry Voigt, a quen se lle atribúen os deseños das primeiras moedas estadounidenses. Outro posto salientable dentro da casa da moeda foi o de gravador xefe, que estivo ocupado por figuras tan salientables como William Barber, Charles E. Barber ou George T. Morgan.[9][10]
Expansión e cecas sucursais
editar- Artigo principal: Casa da Moeda de Charlotte.
- Artigo principal: Casa da Moeda de Dahlonega.
- Artigo principal: Casa da Moeda de Carson City.
- Artigo principal: Casa da Moeda de Nova Orleáns.
- Artigo principal: Casa da Moeda de The Dalles.
Coa progresiva apertura de novas cecas sucursais durante o século XIX a partir da orixinaria de Filadelfia en 1792, produciuse a necesidade de incluír nas moedas marcas de ceca, co fin de identificar a súa procedencia. As primeiras destas cecas foron as establecidas en Charlotte, Carolina do Norte (1838-1861), Dahlonega, Xeorxia (1838-1861), e Nova Orleáns, en Luisiana (1838-1909). As dúas primeiras, con marcas "C" e "D", respectivamente, foron establecidas para a conversión en moeda dos importantes depósitos de ouro local, e cuñaron unicamente moedas deste metal. A Guerra Civil supuxo o pechamento definitivo de ambas as cecas.[9]
A ceca de Nova Orleáns, con marca de ceca "O", estableceuse en 1838 e pechou tamén ao principio da Guerra Civil (1861), aínda que foi reaberta en 1879, logo do período de reconstrución posterior á guerra, ata que cesou a súa actividade en 1909. Durante os seus dous períodos de actividade, produciu moedas de ouro e de prata con once valores faciais diferentes, dez dos cales foron cuñados simultaneamente, en 1851: en prata, moedas de tres, cinco e dez céntimos, así como de cuarto, medio e un dólar; e en ouro moedas de cinco, dez e vinte dólares.[9]
En 1864 proxectouse o establecemento dunha nova casa de moeda sucursal da US Mint en The Dalles, Oregón. Aínda que chegou a iniciarse a construción do edificio que albergaría as súas instalacións, esta detívose en 1870 e a ceca non chegou a producir moeda.[9][11]
En 1870 inaugurouse unha nova ceca satélite en Carson City, Nevada, con marca de ceca "CC", que se mantivo operativa ata 1893, con tres anos de inactividade entre 1886 e 1888. Do mesmo xeito que as cecas de Charlotte e Dahlonega, a de Carson City abriuse para aproveitar a produción dunha grande vea de metal, neste caso de prata, atopada preto daquela localidade, o cal non foi óbice para cuñar tamén moedas de ouro.[9][12]
En 1911 a Casa da Moeda dos Estados Unidos tivo unha muller como directora interina, Margaret Kelly, que se converteu na muller co maior soldo das que estaban na nómina do Goberno. No seu breve peíodo estableceu que as mulleres gañasen o mesmo que os homes no seo da institución.[9][13]
En 1920 abriuse a primeira ceca da US Mint fóra do territorio continental dos Estados Unidos, en Manila, en Filipinas, que daquela estaba baixo administración estadounidense. Esta ceca estivo activa ata 1941 (cunha pausa nos anos 1923 e 1924) e nela producíronse moedas con valores de un, cinco, dez, vinte e cincuenta centavos. As moedas norteamericanas cuñadas en Manila poden carecer de marca de ceca ou amosar a letra "M".[9]
Ademais das moedas para a súa circulación xeral nas illas Filipinas, a ceca de Manila ocupouse, a partir do seu establecemento en 1920, da cuñaxe de moedas de leprosaría para o seu uso no lazareto da illa Culión, que xa se viñan producindo desde 1913 por unha compañía privada.[9][14]
Instalacións actuais
editarA Casa da Moeda dos Estados Unidos conta con catro cecas activas: Filadelfia, Denver, San Francisco e West Point. Ademais, forma parte tamén da institución un depósito de metais preciosos en Fort Knox, Kentucky.
Filadelfia
editar- Artigo principal: Casa da Moeda de Filadelfia.
A planta fabril máis grande da ceca estadounidense é a de Filadelfia, a cuarta das existentes nesta localidade ao longo da historia, que opera nunhas instalacións inauguradas en 1969.
A primeira ceca de Filadelfia establecérase en 1792, cando Filadelfia era aínda a capital dos EEUU, e comezou a cuñar en 1793. Ata 1980, as moedas procedentes desta cidade carecían de marcas de ceca (con só dúas excepcións), e nese ano asignóuselle a esta ceca a marca "P", excepto para as moedas dun céntimo.
Ata 1968, a ceca de Filadelfia foi a responsable da cuñaxe da práctica totalidade das probas numismáticas e das moedas especiais para coleccionistas. Así mesmo, nestas instalacións é onde se producen as matrices dos cuños para as moedas estadounidenses e alberga os departamentos de gravado de cuños e de deseño da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[15]
Denver
editar- Artigo principal: Casa da Moeda de Denver.
A ceca de Denver comezou a súa actividade en 1863 como oficina local de ensaio de metais, só cinco anos despois da descuberta de veas de ouro naquela zona. A comezos do século XX este establecemento xa obtiña uns ingresos de cinco millóns de dólares en depósitos de ouro e prata, e en 1906 converteuse nunha nova ceca da rede da Casa da Moeda dos Estados Unidos.
Denver cuña fundamentalmente moedas para a súa circulación xeral, aínda que no pasado elaborou tamén algunha moeda conmemorativa, como a de 10 dólares en ouro dos Xogos Olímpicos dos Ánxeles de 1984. Esta ceca tamén produce os seus propios cuños, así como outros para outras ramas da US Mint.
A pesar de que as cecas de Denver e de Dahlonega comparten a letra "D" como marca de ceca, en ningún momento chegaron a estar en actividade ao mesmo tempo, polo que non se produce ningunha ambigüidade neste aspecto.[16]
San Francisco
editar- Artigo principal: Casa da Moeda de San Francisco.
A ceca de San Francisco abriu en 1854 para operar co ouro achado durante a Febre do Ouro de California, e utiliza un "S" como marca de ceca. En 1874 trasladouse a un segundo edificio, un dos poucos que sobreviviron tras o gran terremoto e o incendio de 1906, onde mantivo a súa actividade ata 1937, cando se trasladou á planta que ocupa agora. Aínda que a ceca pechou en 1955, reabriu unha década máis tarde durante a escaseza de moeda circulante de mediados da década de 1960.
En 1968, a ceca de San Francisco fíxose cargo da maioría das moedas de proba de Filadelfia.[17] A partir de 1975, produce unicamente moedas de proba para coleccionistas, coa excepción da moeda circulante dun dólar e unha parte da cuñaxe de moedas dun centavo a principios dos anos 80 (estes centavos son indistinguibles dos cuñados en Filadelfia).[18][19]
West Point
editar- Artigo principal: Casa da Moeda de West Point.
A ceca sucursal de West Point foi a de implantación máis recente, xa que obtivo tal consideración oficial en 1988. Ten os seus antecedentes nun anterior depósito de metais preciosos amoedados e en lingotes aberto en 1937, onde tamén se cuñaran moedas dun céntimo entre 1973 e 1986, absolutamente indiferenciables dos de Filadelfia.[20]
Na ceca de West Point cuñouse un bo número de moedas conmemorativas e en condición de proba numismática para coleccionistas, identificables pola súa marca de ceca "W". En 1996, West Point produciu moedas de dez centavos (dimes), aínda que tamén para o coleccionismo, non para circulación.[21]
Esta sucursal da Casa da Moeda dos Estados Unidos en West Point aínda conserva en parte a súa misión inicial de depósito reservas de metais preciosos amoedados e en lingotes, e nas súas instalacións prodúcense todas as moedas de colección e investimento en metais como a prata, o ouro, o platino e o paladio da serie American Eagle.[22]
Fort Knox
editar- Artigo principal: Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos.
Aínda que non se encargue propiamente da cuñaxe de moeda, o depósito de metais preciosos amoedados e en lingotes de Fort Knox, en Kentucky, é outra das sucursais da Casa da Moeda dos Estados Unidos. O seu propósito principal é o almacenamento das reservas destes metais existentes nos Estados Unidos.[23]
Funcións
editarA Casa de Moeda dos Estados Unidos leva a cabo uns amplos programas de mercadotecnia comercial. A liña de produtos da entidade abrangue, ademais das moedas circulantes no país, outras series especiais de moedas de colección, medallas nacionais, ouro cuñado da serie American Eagle, outras moedas de investimento e colección en prata e platino, e tamén moedas conmemorativas de acontecementos nacionais como o Bicentenario da Constitución.
As funcións da ceca son:
- Produción de moeda circulante para os Estados Unidos e para diversos países.
- Produción e comercialización de medallas conmemorativas nacionais.
- Deseño e produción da Medalla de Ouro do Congreso, un premio outorgado polo Congreso dos EEUU.
- Deseño, produción, comercialización e mercadotecnia de cuñaxes especiais non circulantes.
- Salvagarda e control dos movementos dos metais preciosos amoedados e en lingotes.
- Subministración de ouro e prata para fins autorizados.
- Distribución de moedas desde as súas cecas sucursais aos bancos da Reserva Federal.
É de destacar, xa que logo, que a Casa da Moeda dos Estados Unidos non ten a encomenda de producir papel moeda, xa que esta é unha responsabilidade da Oficina de Gravado e Impresión.[3]
A produción e venda de moedas circulantes e as restantes funcións da casa de moeda fináncianse a través do Fondo da Empresa Pública da Casa da Moeda dos Estados Unidos, estabelecido en 1995. Todos os beneficios que poida obter este fondo que excedan os requiridos para o funcionamento da casa da moeda deberán ser devoltos ao Tesouro.[24]
Da seguridade dos activos do Tesouro e outros do Goberno, así como da dos visitantes e das persoas traballadoras en todas as instalacións da US Mint, encárgase un corpo especial de policía denominado Policía da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[25]
Marcas de ceca
editarMarca | Cidade | Imaxe | Marca | Cidade | Imaxe | |
---|---|---|---|---|---|---|
Sen
marca |
Filadelfia | M | Manila | |||
C | Charlotte | O | Nova Orleáns | |||
CC | Carson City | P | Filadelfia | |||
D | Dahlonega | S | San Francisco | |||
D | Denver | W | West Point |
Series anteriores
editarAs moedas cuñadas nas cecas sucursais da Casa dea Moeda dos Estados Unidos con anterioridade a 1908 amosan a súa marca de ceca nos seus reversos. A única excepción produciuse nun período breve en 1838 e 1839, cando as de valores faciais máis grandes, cuñadas en ouro e en prata, amosan as marcas de ceca de Dahlonega, Charlotte e Nova Orleáns (D, C e O, respectivamente) nos seus anversos, por riba da data.
Entre 1965 e 1967, cando a Casa da Moeda dos Estados Unidos se dedicou á substitución das moedas de prata en circulación por outras en metais básicos, prescindiuse temporalmente do uso das marcas de ceca, co gallo de disuadir os coleccionistas do acaparamento de moedas correspondentes a cada unha das cecas. Logo desa pausa, a partir de 1968 as marcas de ceca trasladáronse aos anversos das moedas de cinco e de dez centavos, e de cuarto e de medio dólar, e desapareceron nas moedas dun dólar na súa reintrodución na circulación en 1971.[26]
Serie circulante actual
editarNas actuais moedas en circulación, a situación das marcas de ceca difire considerablemente en cada tipo de moeda:[26]
- 1 centavo (centavo Lincoln): de xeito diferente ás demais moedas, o centavo co busto de Lincoln sempre tivo a súa marca de ceca no anverso, baixo a data, á dereita do busto, desde a introdución desta moeda en 1909.
- 5 centavos (5 centavos Jefferson): a marca de ceca atopábase no anverso preto da grafila, entre 1968 e 2005, á dereita do busto de Thomas Jefferson. Co redeseño desta moeda en 2006, a marca pasou a estar baixo a data, na esquina inferior dereita.
- 10 centavos ou dime (10 centavos Roosevelt): a marca de ceca sitúase no anverso por riba da data, á dereita do busto de Franklin D. Roosevelt.
- 1/4 dólar (1/4 de dólar Washington): á dereita do busto de George Washington.
- 1/2 dólar (1/2 dólar Kennedy): centrada baixo o busto de John F. Kennedy, por riba da data.
- 1 dólar.
- Serie Eisenhower (1971-1978): centrada baixo o busto de Dwight D. Eisenhower, por riba da data.
- Serie Susan B. Anthony (1979-1981 e 1999): á esquerda do busto de Susan B. Anthony.
- Serie Sacagawea (desde 2000): nas moedas cuñadas ata 2008, a marca está xusto debaixo da data; a partir de 2009, a data, a marca de ceca e o lema E pluribus unum foron trasladados ao canto da moeda.
- Serie presidencial (2007-2016): no canto da moeda, xunto coa data.
- Serie "innovación americana" (desde 2018): no canto da moeda, xunto coa data.
O caso do "P" de Filadelfia
editarPor mor da escaseza de níquel durante a II de guerra mundial, a composición da moeda de cinco céntimos, dese metal, cambiouse para lle engadir prata. Para marcar este cambio, as moedas de cinco centavos cuñadas na ceca de Filadelfia, que ata entón nunca levaran marca de ceca, pasaron a amosar a inicial "P" por riba da cúpula do edificio do reverso. O mesmo cambio sucedeu tamén nas moedas de cinco centavos emitidas polas cecas de San Francisco e Denver. Esta situación excepcional mantívose ata 1946, cando, acabada a guerra, a moeda de cinco centavos regresou á súa composición habitual.[26]
A marca de ceca P para Filadelfia reapareceu en 1979 nas moedas dun dólar da serie Susan B. Anthony. Posteriormente, en 1982 apareceu en todas as moedas de circulación xeral excepto a dun céntimo, a cal, coa excepción de 2017, continúa sen amosar a marca de ceca nas moedas cuñadas en Filadelfia. Do mesmo xeito, os centavos cuñados na década de 1980 en San Francisco e en West Point tampouco levan marca ningunha, xa que a produción desta moeda neses anos se considerou como suplementaria da de Filadelfia (as moedas procedentes das tres cecas neses anos son indistinguibles).[26]
En 2017, en conmemoración do 225º aniversario da Casa da Moeda dos Estados Unidos, a marca de ceca P de Filadelfia colocouse extraordinariamente nos anversos das moedas dun centavo co busto de Lincoln por primeira vez en máis dun século de vida desta moeda.[27]
Notas
editar- ↑ "United States Mint Law and Legal Definition". En US Legal.
- ↑ 2,0 2,1 "About the United States Mint". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 Sitio web da Oficina de Gravado e Impresión. Departamento do Tesouro dos EEUU.
- ↑ "Tours & Facilities". United States Mint.
- ↑ Journals of the Continental Congress. Vol. 22. 1782. Washington. Gobernment Printing Office. 1914. Páxinas 86-87.
- ↑ "Coinage Act of April 2, 1792". United States Mint.
- ↑ "United States Mint". U.S. Department of the Treasury.
- ↑ "United States Mint Headquarters". United States Mint.
- ↑ 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 "History". United Satates Mint.
- ↑ Taylor, S. (2008). "Chief Engravers of the U.S. Mint, Part 1: 1793-1917". SCV Historical Society.
- ↑ Gilkes, P. (2014). "Collector Basics: The Dalles Mint never finished for U.S. Mint". En Coin World. 19 de decembro.
- ↑ "The History of the Carson City Mint". United States Mint.
- ↑ "A Talk with Miss Margaret Kelly, Director of the U. S. Mint Arquivado 21 de febreiro de 2022 en Wayback Machine.". En The New York Times. 6 de agosto de 1911.
- ↑ "Culion leper colony coinage - Palawan". En History of the Philippine Coinage.
- ↑ "U.S. Mint Philadelphia Facility". United States Mint.
- ↑ "U.S. Mint Denver Facility". United States Mint.
- ↑ McMorrow-Hernandez, J. (2017). "US Coins: 50 Years of Modern Proof Sets". En Coin News. 25 de abril.
- ↑ "First Production Strike of Susan B. Anthony Dollar Coin Announced by Mint Director Stella B. Hackel". United Satates Mint.
- ↑ "U.S. Mint San Francisco Facility". United States Mint.
- ↑ Sieber, A. (2010). Warman's Modern US Coins Field Guide: Values and Identification. Krause Pub. Páxina 66. ISBN 978-1440213809
- ↑ "Roosvelt Dimes 1996". Numismatic Guaranty Corporation.
- ↑ "U.S. Mint West Point Facility". United States Mint.
- ↑ "Fort Knox Bullion Depository". United States Mint.
- ↑ "31 U.S. Code § 5136. United States Mint Public Enterprise Fund". Legal Information Institute.
- ↑ Bryn, B. (2006). "United States Mint Police". En Police. The Law Enforcement Magazine. 1 de decembro de 2006.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 "Mint Marks". United States Mint.
- ↑ McMorrow-Hernandez, J. (2017). "Philadelphia Mint Quietly Releases 2017-P Lincoln Cent". En Coin News. 16 de xaneiro.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda dos Estados Unidos |
Outros artigos
editar- Casa de moeda
- Cuñaxe
- Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos
- Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
- Policía da Casa da Moeda dos Estados Unidos
Bibliografía
editar- Bowers, Q. D. (2016). A Guide Book of the United States Mint. Whitman Publishing. ISBN 978-0794843977
- Evans, G. G. (1885). Illustrated History of the United States Mint with a Complete Description of American Coinage. George G. Evans. Filadelfia.
- Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Atlanta. Whitman Publishing. ISBN 079481972-9
- Taxay, D. (1966). The United States Mint and coinage. Arco Publishing.