Moeda de leprosaría
As moedas de leprosaría ou moedas de lazareto eran unhas cuñaxes especificamente realizadas para a súa circulación exclusiva en institucións ou áreas xeográficas (frecuentemente illas) dedicadas ao tratamento de persoas afectadas de lepra. O motivo destas emisións era evitar o contaxio da doenza ao resto da poboación polo contacto coas moedas comúns. Porén, hoxe coñécese que a lepra non se transmite doadamente polo contacto con obxectos casuais, senón mediante un contacto máis íntimo, constante e prolongado cunha persoa enferma.[1][2][3][4]
Estas moedas emitíronse despois do primeiro Congreso da Lepra de Berlín en 1897, no que se apostou polas políticas de segregación.[5] O seu período de uso abrangue entre 1901 e arredor de 1955.[2][3]
Territorios de emisión
editarPrimeiras emisións en Colombia
editarAs primeiras moedas de leprosaría que se coñecen cuñáronse en 1901 para o seu uso nos lazaretos colombianos de Agua de Dios, Caño de Loro e Contratación.[2][3][6][7][8][9]
O Decreto 300 do 12 de marzo de 1901 autorizou a emisión dunha primeira serie de moedas de cinco valores, pertencentes ao sistema monetario xeral de Colombia: 2 1/2, 5, 10, 20 e 50 centavos, coa lenda REPUBLICA DE COLOMBIA, a data (1901) e a palabra LAZARETO. Estas moedas cuñáronse en distintas aliaxes de cobre e por un valor total aproximado de 20.000 pesos. [10][11][12][13][14]
Unha segunda emisión foi ordenada mediante un Decreto do 30 de novembro de 1907. Esta serie, cuñada en metal branco, componse dos valores de 1, 5 e 10 centavos, coa lenda REPUBLICA DE COLOMBIA - LAZARETO e a data (1907) nos seus anversos e o valor dentro dunha grilanda nos seus reversos.[10][12][14][15]
A terceira emisión (con data 1921) foi autorizada mediante o Decreto 2209 de 1918 e o Decreto 68 de 1919, o primeiro deles para os valores de 1, 2 e 5 centavos, e o segundo para as moedas de 10 e de 50 centavos. Aínda que con algunha diferenza de deseño, as lendas son as mesmas que na serie anterior. A cuñaxe total desta serie correspondeu a un valor de 100.000 pesos.[10][12][14][15]
As derradeiras moedas das leprosarías colombianas levan a data de 1928 e emitíronse só co valor de 50 centavos.[10][12][14][15]
Excepto as moedas da segunda serie, todas as demais amosan como motivo principal a cruz octogonal de San Lázaro (tamén chamada templaria).[10][12][14][15]
Filipinas
editarEntre 1913 e 1930 emitíronse en Manila, primeiro en aluminio e posteriormente en cuproníquel, moedas para o seu uso no lazareto da illa de Culión durante o período de administración estadounidense das Illas Filipinas.[2][3][16][17]
Realizáronse seis emisións coas lendas CULION LEPER COLONY - PHILIPPINE ISLANDS nos seus anversos e BUREAU OF HEALTH ou PHILIPPINE HEALTH SERVICE nos reversos. As dúas primeiras series, de 1913 e 1920, cuñáronse en aluminio con cuños elaborados pola compañía privada Frank & Co., e as seguintes na Casa de Moeda de Manila. A terceira serie (1922) tamén era de aluminio, en tanto que as tres seguintes, de 1925, 1927 e 1930, foron cuñadas en cuproníquel. En total, estímase que entre 1913 e 1920 se cuñaron na illa 169.000 moedas de leprosaría.[2][17][18][19][20]
- 1913: 1/2, 1, 5, 10 e 20 centavos, e 1 peso.
- 1920: 10 e 20 centavos, e 1 peso.
- 1922: 20 centavos e 1 peso.
- 1925: 1 peso.
- 1927: 1 e 5 centavos.
- 1930: 1 e 10 centavos.
Anverso | Reverso | Lenda do A/ | Lenda do R/ | Metal | Diámetro | Tiraxe | |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1913 | BUREAU OF HEALTH | CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS | Aluminio | 35 mm | 8.600 | ||
1920 | BUREAU OF HEALTH | CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS | Aluminio | 35 mm | 4.000 | ||
1922 | PHILIPPINE HEALTH SERVICE | CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS | Cuproníquel | 35 mm | 8.280 | ||
1925 | PHILIPPINE HEALTH SERVICE | CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS | Cuproníquel | 35 mm | 20.000 |
En 1942 emitiuse tamén papel moeda co mesmo propósito, durante a ocupación xaponesa da segunda guerra mundial. Este diñeiro especial mantívose en uso durante décadas e deixouse de utilizar cando a lepra pasou a ser unha doenza tratable medicamente. Finalmente, en 2006 a illa foi declarada libre de lepra.[2][18][19][20]
Panamá
editarEntre 1919 e 1952 cuñáronse moedas especiais para a súa circulación na leprosaría de Palo Seco, nunha zona da Canle de Panamá que se atopaba baixo a administración dos Estados Unidos, país onde foron cuñadas.[2][3][21]
A serie componse de moedas de latón con valores de 1, 5, 10, 25 e 50 céntimos, e dun dólar. Estas moedas presentan a particularidade de seren cuñadas cun orificio central cuadrangular.[2]
As lendas son PALO SECO CANAL ZONE nunha das súas faces e REDEEMABLE FOR (valor) IN MERCHANDISE, na face oposta.[2]
Venezuela
editarEn 1913 e 1916 producíronse senllas emisións de moedas de leprosaría en Venezuela con valores de cinco céntimos e de 1/8, 1/2, 1, 2, 5 10 e 20 bolívares. Estas moedas non amosaban data ningunha e levaban a lenda LAZARETO NACIONAL MARACAIBO, en alusión ao lugar onde se usaban.[2]
Ese modelo imitouse exactamente noutros lazaretos venezolanos, aínda que non cos mesmos valores. Todos os valores teñen un anverso común no que se amosa o nome do lazareto xunto co ano de emisión, e un reverso onde se indica o valor da moeda. O deseño destas pezas é moito máis simple que o das colombianas.[2][3]
A partir das iniciais de 1913 e 1916 fixéronse dúas emisións máis. Unha delas foi en 1936 para a "Leprosería Nacional de Cabo Blanco", con valores de 5, 12 1/2 e 50 centavos, e 1, 2, 5, 10 e 20 bolívares, e a derradeira emisión tivo lugar en 1939, para as "Leproserías Nacionales Isla de Provinencia", con idénticos valores que a anterior, excepto pola omisión da moeda de 20 bolívares.[2][3]
Todas as moedas de leprosaría venezolanas foron cuñadas en latón.[3]
Brasil
editarBrasil tamén cuñou moedas para dous lazaretos, todas elas en bronce. Para usar na Colonia de Santa Teresa emitíronse cinco valores, de 100, 200, 300, 500 e 1000 reis, nunha tiraxe que se supón moi pequena, tendo en conta os escasísimos exemplares que se conservan. Outros cinco valores, de 100, 200, 500, 1000 e 5000 reis, foron emitidos en máis cantidade para a súa circulación no "Hospicio Dos Lazaros".[3]
Xapón
editarEn 1919 realizouse unha emisión de moedas de lazareto no sanatorio xaponés de Tama Zenshoen, que máis tarde se estendeu a outros sanatorios do país. Trátase de cuñaxes privadas das propias institucións sanitarias e non de emisións gobernamentais. Cando os pacientes eran hospitalizados, o diñeiro que traían era cambiado polo de curso interior e, no caso dalgúns sanatorios, neste cambio subtraíase unha porcentaxe destinada a subsidio para os pacientes máis pobres. Cara a 1955 este sistema foi abolido no Xapón, nalgúns casos a raíz de prácticas irregulares ligadas a el.[2]
Malaisia
editarEn 1935 e 1936, a cidade de Sungei Buloh, en Malaisia, imprimiu unha serie de billetes con valores de cinco e dez céntimos, e dun dólar, coa particularidade de estaren emitidos cunha inscrición en catro linguas (inglés, chinés, árabe e támil): SUNGEI BULOH SETTLEMENT VALID FOR GOODS WORTH (valor) WITHIN THE SUNGEI BULOH SETTLEMENT ONLY.[3][22][23]
A primeira serie (4 de febreiro de 1935) tivo como único valor o de 5 centavos e estaba impresa en branco e negro, cunhas dimensións de 115 por 83 milímetros. A segunda serie, máis elaborada, ten en común a figura dun picapeixe nunha rocha co sol nacente ao fondo. Os billetes de 5 e 10 centavos teñen unhas medidas de 120 x 63 mm, e os dun dólar de 120 x 80 mm.[3][22][23]
A partir dunha análise destes billetes por parte do doutor Gordon Alexander Ryrie, determinouse que estes non estaban contaminados pola lepra. Todos estes billetes foron queimados en 1938.[23]
Outros países
editarTamén existiron emisións de diñeiro para o uso nas leprosarías noutros países como China, Costa Rica, Corea, Nixeria, Tailandia e as Indias Occidentais Danesas.[2][3]
Notas
editar- ↑ McFadden R. (1993).
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 "Cuando las leproserías utilizaban su propia moneda para evitar contagios al exterior". En La Burbuja Verde.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 "Monedas para lazaretos a principios del siglo XX". Ruiz Calleja (blog numismático).
- ↑ Hilario, Y. (2014). "La lepra, una enfermedad curable y poco transmisible". En Diario Libre. 27 de xaneiro.
- ↑ Shubhada S. Pandya. "The First International Leprosy Conference, Berlin, 1897: the politics of segregation". En Scientific Electronic Library Online.
- ↑ Benavides Pava, D.; Barrera Orjuela. J. D. (2017).
- ↑ Sotomayor-Tribín, H. A. (2011).
- ↑ Crismatt. Mouthon. C. "El lazareto de Caño de Loro". Estado de Cartagena de Indias.
- ↑ "Reseña Histórica Arquivado 03 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Sanatorio de Contratación. Gobierno de Colombia.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Yepes, A. (2013).
- ↑ Yepes, A. (2010).
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 "Una numismática para los lazaretos". En Sotomayor-Tribín, H. A. (2011). Páxina 347.
- ↑ McFadden R. (1993). Páxina 21.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Benavides Pava, D.; Barrera Orjuela. J. D. (2017). Tabla 6: "Sistema monetario (circulación de la moneda especial)".
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 Yepes, A. (2011).
- ↑ Wheeler, M. M. (1913).
- ↑ 17,0 17,1 17,2 "Culion leper colony coinage - Palawan". En History of the Philippine Coinage.
- ↑ 18,0 18,1 Lannon, D. (2017).
- ↑ 19,0 19,1 Perez, G. S. (1929).
- ↑ 20,0 20,1 Jarcho, S. (1973).
- ↑ McFadden, R. R. et al. (1993). Páxina 54.
- ↑ 22,0 22,1 Tan, S. (2014).
- ↑ 23,0 23,1 23,2 Teoh, I. (1970). "Unique experiment with currency notes. En The Star. Xaneiro-febreiro. Páxina 7.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Benavides Pava, D.; Barrera Orjuela. J. D. (2017). "Lazareto de Agua de Dios, frente a los valores sociales invertidos". En Dimensión Empresarial. Vol. 15. Nº 1.
- Jarcho, S. (1973). "Medical Numinsmatic Notes, IX: Coins of the Leper Colony at Culion and of the Philippine Health Service". En Bulletin of the New York Academy of Medicine. 49 (2): 156–159.
- Lannon, D. (2017). "Disinfect Before Handling: The Story of Culion Leper Colony and Its Coinage". En The California Numismatist. 14 (2): 28-40.
- McFadden R. (1993). The Numismatic Aspects of Leprosy: Money, Medals and Miscellanea. McDonald Associates.
- Perez, G. S. (1929). "The Leper Colony Currency of Culilon". En Numismatic Notes and Monographs. American Numismatic Society.
- Sotomayor-Tribín, H. A. (2011). "El lazareto de Caño del Loro, bahía de Cartagena, Colombia". En Revista de Ciencias Biomédicas. 2(2):338-348.
- Tan, S. (2014). Standard Catalogue of Malaysia Singapore Brunei Coin & Paper Money. 21ª ed. International Stamp & Coin Agency. Kuala Lumpur.
- Wheeler, M. M. (1913). "The Culion leper colony". En The American Journal of Nursing. 13(9), 633–666.
- Yepes A. (2010). "Monedas para leprosos en Colombia. Variedades en la serie de 1901". En Notas Numismáticas.10:10-15.
- Yepes A. (2011). "Monedas para leprosos en Colombia. Variedades en la serie de 1907, 1921 y 1928. En Notas Numismáticas. 11: 9-15.
- Yepes, A. (2013). "Lepra y Coleccionismo en Colombia" Arquivado 03 de outubro de 2019 en Wayback Machine.. En Medicina. Vol. 35. Nº 3. Bogotá. Páxinas 237-242. ISSN 0120-5498.