David Rittenhouse

científico estadounidense e director da US Mint


David Rittenhouse, nado en Filadelfia o 8 de abril de 1732 e finado na mesma cidade o 26 de xuño de 1796, foi un astrónomo, inventor, reloxeiro, matemático, topógrafo, construtor de aparellos científicos e funcionario estadounidense, que exerceu como o primeiro director da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1][2]

Infotaula de personaDavid Rittenhouse

David Rittenhouse

Biografía
Nacemento8 de abril de 1732.
Roxborough, Filadelfia.
Pensilvania.
Morte26 de xuño de 1796 (64 anos)
Filadelfia.
Pensilvania.
Lugar de sepulturaCemiterio Laurel Hill, Filadelfia
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
abril de 1792 – xuño de 1795 Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
EducaciónUniversidade Rutgers, Nova Jersey.
Actividade
Campo de traballoAstronomía, matemáticas, xeodesia e horologia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Lugar de traballo Filadelfia Editar o valor em Wikidata
OcupaciónAstrónomo, inventor, matemático, Director da US Mint.
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosElizabeth Rittenhouse (en) Traducir, Esther Rittenhouse (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
ParentesBenjamin Smith Barton (sobriño) Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura

WikiTree: Rittenhouse-300 Find a Grave: 22735 Editar o valor em Wikidata
Notes
Membro de:
American Academy of Arts and Sciences.
Royal Society.
American Philosophical Society.

Traxectoria editar

Primeiros anos e formación editar

David Rittenhouse, fillo dos granxeiros Elizabeth Williams e Matthias Rittenhaus, naceu o 8 de abril de 1732 en Roxborough, no antigo municipio de Germantown, posteriormente incorporado a Filadelfia.[3][4][5][6]

Cando finou o seu tío, David herdou as súas ferramentas de carpintaría e os seus manuais de instrucións. Sendo aínda un neno, David demostrou unha grande intelixencia ao crear modelos a escala, entre eles un dun muíño de auga e outro da fábrica de papel do seu bisavó, William Rittenhouse. En lugar de asistir á escola primaria, recibiu a súa primeira educación de xeito autodidacta, grazas aos libros da súa familia, e demostrou unha grande habilidade coas ciencias e as matemáticas.[5] Aos seus 13 anos, xa dominaba as leis do movemento e da gravidade de Isaac Newton.[3]

Con 17 anos construíu un reloxo con engrenaxes de madeira[7][8] e cando tiña 19 anos puxo en marcha un taller de reloxos, compases e instrumentos científicos na granxa dos seus pais.[3][4][5]

A súa habelencia cos instrumentos, sinaladamente cos reloxos, levouno a construír dous planetarios mecánicos do Sistema Solar, un deles para o College of New Jersey (a actual Universidade de Princeton) e o outro para o College of Philadelphia (hoxe Universidade de Pensilvania),[3] cuxo administrador era un amigo seu, o reverendo William Smith.[5]

Traballo como topógrafo editar

 
Compás de topógrafo de David Rittenhouse, que se cre que lle foi regalada a George Washington en 1782.

A David Rittenhouse débenselle moitos avances notables. Durante a primeira parte da súa carreira exerceu como topógrafo para Gran Bretaña e posteriormente para o Goberno de Pensilvania. O seu levantamento topográfico da fronteira entre Delaware e Pensilvania de 1763-1764 abrangueu un círculo de 12 millas arredor da sede municipal de New Castle, Delaware. O traballo de Rittenhouse foi tan preciso e tan ben documentado que se incorporou sen modificacións ao levantamento de Charles Mason e Jeremiah Dixon da fronteira entre Pensilvania e Maryland.[5]

Máis tarde, David Rittenhouse axudou a establecer os límites doutros estados e territorios, tanto antes como despois da Independencia, entre eles os límites entre Nova Jersey, Nova York e Pensilvania. En 1763 Mason e Dixon iniciaron un estudo da fronteira entre Pensilvania e Maryland, aínda que este traballo se interrompeu en 1767. En 1784 Rittenhouse e Andrew Ellicott completaron este levantamento da liña Mason-Dixon ata o extremo suroeste de Pensilvania. Cando concluíu o traballo de Rittenhouse como topógrafo, retomou o seu interese científico.[5]

Afiliación a sociedades editar

 
Retrato aparecido na revista Polyanthos, de Boston, en 1814.[9]

Algúns astrónomos que estudaran o planeta Venus elixiron a Rittenhouse para levar a cabo o estudo da traxectoria deste planeta en 1769 e a súa atmosfera. El era a persoa axeitada para realizar ese estudo, xa que dispuña dun observatorio persoal construído por el mesmo na granxa familiar.[3] O seu telescopio era moi semellante a algúns dos que hoxe están en funcionamento.

Rittenhouse ingresou na Sociedade Astronómica Americana, entre outras entidades asociativas e académicas. O 1 de xaneiro de 1768 foi elixido membro da Sociedade Filosófica Americana, onde ocupou os postos de secretario (1771), bibliotecario (1772), conservador (1772), vicepresidente (1779-1783) e finalmente, logo do pasamento de Benjamin Franklin en 1790,[10] presidente da sociedade (1791-1796). Igualmente, foi elixido membro da Academia das Artes e das Ciencias dos EEUU en 1782,[11] e foi un dos poucos norteamericanos da súa época que formou parte da Royal Society, de Londres.[3][5]

Director da US Mint editar

 
Presentación das primeiras moedas cuñadas na US Mint (pintura de John Ward Dunsmore), co presidente Washington (cuarto pola esquerda), o daquela secretario de estado Thomas Jefferson (5º), a primeira dama Martha Washington (sentada), David Rittenhouse (7º), e os oficiais da ceca Henry Voigt (8º) e Adam Eckfeldt (9º).

David Rittenhouse foi nomeado tesoureiro de Pensilvania entre 1777 e 1789. A experiencia adquirida con este posto e a mediación do presidente George Washington fixeron que fose nomeado como primeiro director da Casa da Moeda dos Estados Unidos,[3] posto que fora creado pola Lei da Moeda de 1792.[12] O 2 de abril dese mesmo ano inaugurouse a Casa da Moeda, aínda que non comezaría a cuñar as súas primeiras moedas ata catro meses despois. Rittenhouse, que estaba convencido de que o deseño das moedas era un fiel reflexo da idiosincrasia e da cultura dun país, foi nomeado director o día 13 de abril e asumiu o cargo o 1 de xullo.[5][13][14]

As primeiras cuñaxes leváronse a cabo a partir duns cubertos de prata proporcionados polo propio presidente Washington, na mañá do 30 de xullo de 1792. Os primeiros espécimes foron cuñados á man por Rittenhouse, para probar a maquinaria e o proceso, e entregáronselle a Washington como agradecemento pola súa contribución para a posta en marcha da ceca. Eses primeiros deseños non foran aínda aprobados polo Congreso, como era preceptivo para a produción das moedas circulantes a grande escala, que non comezou ata 1793. Rittenhouse, aducindo problemas de saúde, dimitiu como director da Casa da Moeda o 30 de xuño de 1795.[5][14]

Vida familiar editar

 
A casa que fora de David Rittenhouse, nunha fotografía de ca. 1917.[15]

David Rittenhouse casou dúas veces; a primeira delas con Eleanor Coulston,[3] o 20 de febreiro de 1766, e con ela tivo dúas fillas: Elizabeth (nada en 1767) e Ester (en 1769). Eleanor finou o 23 de febreiro de 1771 aos 35 anos, polas complicacións dun terceiro parto frustrado, pouco despois de que a familia se instalara en Filadelfia.[5]

En segundas nupcias casou a finais de 1772 con Hannah Jacobs,[3][16] que morreu tres anos despois del, a finais de 1799.[5]

En 1786, Rittenhouse construíu unha nova casa de estilo xeorxiano en Filadelfia, xunto cun observatorio octogonal. Neste novo fogar mantiña un faladoiro cada noite de venres con asistentes habituais como Benjamin Franklin e Francis Hopkinson, entre outros. Thomas Jefferson escribiu que prefería asistir a estas tertulias que "pasar unha semana enteira en París".[17]

David Rittenghouse finou en Filadelfia na madrugada do 26 de xuño de 1796, catro días despois de sufrir febres e dores de estómago, que o seu sobriño diagnosticou como cólera.[5] Foi soterrado no cemiterio Laurel Hill, desa cidade.[18]

Contribucións científicas editar

Tránsito de Venus editar

Artigo principal: Tránsito de Venus.
 
Diagrama das observacións de David Rittenhouse do tránsito de Venus en 1769.

En 1768, o mesmo ano en que ingresou como membro da American Philosophical Society (APS), Rittenhouse anunciou os seus plans para observar o tránsito de Venus por diante do Sol desde varios lugares. A APS convenceu o Goberno para que apoiase o proxecto coa achega dun orzamento de 100 libras destinadas á adquisición de novos telescopios, e os membros da sociedade ofrecéronse voluntarios para dotar de persoal a metade das 22 estacións establecidas, cando chegase o acontecemento.[19][20]

O tránsito de Venus tivo lugar o 3 de xuño de 1769.[5] A grande emoción que sentiu Rittenhouse ao observar un acontecemento tan infrecuente e para o que se preparara durante un ano fixo que se desmaiara durante a observación. Ademais dos traballos preparatorios, a semana anterior estivera enfermo. Deitado de costas baixo o telescopio, orientado cara ao Sol da tarde, recuperou a consciencia ao cabo duns minutos e retomou as observacións, acompañado por colaboradores como William Smith e John Lukens. O seu relato do tránsito, publicado en Transactions of the American Philosophical Society, non menciona o episodio do desmaio, pero todo o demais está minuciosamente rexistrado e documentado.[5][21]

Rittenhouse utilizou as observacións para deducir que a distancia entre a Terra e o Sol era de 150 millóns de quilómetros. O informe que se publicou do tránsito foi moi aclamado polos científicos europeos e, a partir de aí, Rittenhouse mantivo correspondencia con outros astrónomos do seu tempo, como Jérôme Lalande e Franz Xaver von Zach.[19]

Planetarios editar

En 1770, Rittenhouse trasladouse a residir en Filadelfia e, nun taller instalado na súa propia casa, completou a construción dun planetario mecánico do Sistema Solar.[5] O College of New Jersey, que lle concedera a Rittenhouse a titulación honorífica de Master in Arts en 1767, adquiriu este planetario.[3][20]

Rittenhouse construíu despois un novo planetario, aínda máis avanzado, que permaneceu en Filadelfia; o Estado de Pensilvania pagoulle 300 libras como agradecemento pola súa contribución.[5][22] Un dos colaboradores de Rittenhouse neste proxecto foi o reloxeiro Henry Voigt,[23] quen foi tamén xefe de cuñaxe na Casa da Moeda baixo a súa dirección. Voigt reparou posteriormente o planetario, en 1806, e foi coinventor do primeiro varco de vapor práctico, xunto con John Fitch.

Outras contribucións editar

En 1781, Rittenhouse foi o primeiro estadounidense en avistar Urano.[24] Catro anos máis tarde, en 1785, Rittenhouse fabricou a que puidera ser a primeira reixa de difracción, utilizando 50 pelos finamente enrolados entre parafusos, cunha separación aproximada de 100 liñas por polgada.[25][26][27] Trátase da mesma técnica que utilizou Joseph von Fraunhofer en 1821 para a súa reixa de difracción de arame.

No seu libro Notes on the State of Virginia (1832), Thomas Jefferson cita a Rittenhouse, xunto con Benjamin Franklin e George Washington, como exemplo de "xenio do Novo Mundo", polos seus avances en astronomía e pola súa construción de enxeños tecnolóxicos.[28]

Datas salientables editar

 
Tumba de David Rittenhouse no cemiterio Laurel Hill, en Filadelfia.[18]

Estas son algunhas das datas máis salientables na vida de David Rittenhouse:

Legado e homenaxes editar

 
O cráter Rittenhouse, na Lúa.
 
Rittenhouse Square, en Filadelfia.
  • Rittenhouse dálle nome a un cráter da Lúa (Cráter Rittenhouse).[31]
  • Un dos principais parques do centro de Filadelfia chámase, na súa honra, Rittenhouse Square.[32]
  • Un dos laboratorios da Universidade de Pensilvania leva tamén o seu nome.[33]
  • Un colega e admirador de Rittenhouse, Francis Hopkinson, formou parte da comisión que redactou a Lei da Bandeira de 1777, que define as estrelas sobre un campo azul como "unha nova constelación". Algúns estudosos consideran isto como unha homenaxe a Rittenhouse. O biógrafo Brooke Hindle escribiu: "poucos admiraban a Rittenhouse dun xeito máis incontroladamente que Francis Hopkinson".[34]
  • En 1871, o Congreso autorizou a US Mint para a cuñaxe dunha medalla conmemorativa de David Rittenhouse, deseñada por William Barber.[35][36]
  • En Norristown, Pensilvania, existe a David Rittenhouse Junior High School.[37]
  • William Barton, un sobriño de Rittenhouse, tamén membro da American Philosophical Society, publicou a súa biografía: Memoirs of the life of David Rittenhouse (1813).[38]

Notas editar

  1. "Rittenhouse, David (1732-1796)". En Encyclopædia Britannica. Vol. 23. 1911.
  2. "Rittenhouse, David (1732-96)". En The New International Encyclopædia. 1905.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 "David Rittenhouse (1732-1796)". Penn. University Archives & Records Center.
  4. 4,0 4,1 Lock, J. D. (2001) Arquivado 22 de febreiro de 2019 en Wayback Machine..
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 5,17 5,18 5,19 5,20 5,21 5,22 5,23 "David Rittenhouse Papers: Background note". American Philosophical Society.
  6. "David Rittenhouse". MacTutor History of Mathematics Archive.
  7. Barton, W. (1813). Páxina 97.
  8. Sweinhart, F. C. (1941). "Early Pennsylvania Clocks and Their Makers". En The Bulletin of the Historical Society of Montgomery County. Historical Society of Montgomery County. Volume 3. Nº 1. Páxina 43. ISSN 0362-8590
  9. Polyanthos. Vol. 3. Marzo, 1814.
  10. Benjamin Franklin, no seu testamento, deixoulle a Rittenhouse un telescopio a cambio do uso do observatorio de Rittenhouse. Véxase o testamento de Franklin en WikiSource.
  11. Members of the American Academy of Arts & Sciences: 1780-2019". American Academy of Arts and Sciences. Páxina 513.
  12. Lei da Moeda de 1792.
  13. "History". United Satates Mint.
  14. 14,0 14,1 McMorrow-Hernandez, J. (2018). The United States Mint in Philadelphia. Arcadia Pub. ISBN 978-1-4671-2919-0. Páxina 13.
  15. Faris, J. T. (1917). Old roads oot of Philadelphia. Lippincott, Filadelfia.
  16. Nova do casamento. En Pennsylvania Gazette. 23 de decembro de 1772. Páxina 3.
  17. Keim, K.; Keim, P. (2007). A Grand Old Flag. A History of the United States through Its Flags. Dorling Kindersley, Nova York. Páxina 43. ISBN 978-0-7566-2847-5
  18. 18,0 18,1 "David Rittenhouse". Laurel Hil Cemetery.
  19. 19,0 19,1 Purvis, T. L. (1995). Revolutionary America, 1763-1800. Facts On File, Nova York. Páxina 289. ISBN 0-8160-2528-2
  20. 20,0 20,1 Keim, K.; Keim, P. (2007). Op. cit. Páxina 40.
  21. Smith, W.; Lukens, J.; Rittenhouse, D.; Sellers, J. (1769). "Account of the transit of Venus over the sun's disk, as observed at Norriton, in the county of Philadelphia, and province of Pennsylvania, June 3, 1769". En Transactions of the American Philosophical Society.
  22. Keim, K.; Keim, P. (2007). Op. cit. Páxina 41.
  23. Rice, H. C. (1954). Páxina 34.
  24. Purvis, T. L. (1995). Revolutionary America, 1763-1800. Facts On File, Nova York. Páxina 289. ISBN 0-8160-2528-2
  25. Rittenhouse, D. (1786). "An optical problem, proposed by Mr. Hopkinson, and solved by Mr. Rittenhouse". En Transactions of the American Philosophical Society. 2. Páxinas 201-206.
  26. Greenslade, T. B. (2004). "Wire Diffraction Gratings Arquivado 03 de febreiro de 2022 en Wayback Machine.". En The Physics Teacher. Volume 42. Nº 2. Páxina 77.
  27. Cope, T. D. (1932). "The Rittenhouse diffraction grating". David Rittenhouse Papers MSS.SMS.Coll.11: 377–382.
  28. Jefferson, T. (1832). Notes on the state of Virginia. Lilly and Wait, Boston. Páxinas 68-69
  29. Cajori, F. (1899). "The Teaching and History of Mathematics in the United States". En Circular of Information. Nº 3. U.S. Government Printing Office. Páxinas 40-41.
  30. Davis, J. A. "Democratic-Republican Societies". En The Encyclopedia of Greater Philadelphia.
  31. "Rittenhouse". Gazetteer of Planetary Nomenclature.
  32. Skaler, R. M.; Keels, T. H. (2008). Philadelphia's Rittenhouse Square. Arcadia Pub., Charleston. ISBN 978-0-7385-5743-4
  33. "David Rittenhouse Laboratory". University of Pennsylvania.
  34. Keim, K.; Keim, P. (2007). Op. cit.
  35. "Subject: David Rittenhouse, American, 1732-1796". Yale University Gallery.
  36. "David Rittenhouse Medal". Brooklin Museum.
  37. Ficha do centro Arquivado 16 de xuño de 2022 en Wayback Machine.. National Register of Historic Places.
  38. Barton, W. (1813).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Predecesor:
Cargo creado en 1792
 
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1792 - 1795
Sucesor:
Henry William de Saussure