Dólar Eisenhower

Para outras moedas dun dólar dedicadas a Eisenhower, véxase Dólar de prata do centenario de Eisenhower e Dólar presidencial
Dólar Eisenhower [1][2]
A/: Cabeza de Dwight D. Eisenhower cara á esquerda. Data no exergo.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST.

R/: Aguia cunha póla de loureiro nas súas poutas sobre paisaxe lunar, baseado na insignia da misión Apollo 11.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / ONE DOLLAR

O dólar Eisenhower é unha moeda con valor facial dun dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1971 e 1978, caracterizada por amosar no seu anverso a figura do expresidente estadounidense Dwight D. Eisenhower.

No reverso represéntase unha imaxe estilizada en conmemoración da misión lunar Apollo 11 en 1969, baseada na insignia oficial desta misión. Ambas as faces foron deseñadas por Frank Gasparro, daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU.

O dólar Eisenhower é a primeira moeda dun dólar cuñada pola US Mint desde a cancelación da serie do "dólar Peace" en 1935. É tamén o derradeiro dólar cuñado no seu tamaño grande orixinal e a primeira deste valor e tamaño cuxas tiraxes destinadas á circulación non conteñen prata.

En 1965, por mor da suba do prezo do metal precioso, a US Mint comezou a cuñar moedas bañadas en cuproníquel, no canto da prata. Nos anteriores 30 anos non se cuñara ningunha moeda dun dólar mais, a partir de 1969, os lexisladores trataron de reintroducir no sistema moedas con este valor facial. Ademais, logo do falecemento de Eisenhower no mes de marzo, comezaron a xurdir propostas para honrar a súa figura cunha moeda. Malia contaren estes proxectos de lei cun grande apoio, a súa aprobación demorouse por unha disputa acerca de se a nova moeda debería ser de metal común ou levar un 40 % de prata. En 1970 chegouse a un acordo polo que se cuñarían moedas en metal común para a súa posta en circulación e, por outra parte, cun 40 % de prata destinadas aos coleccionistas. O presidente Richard Nixon, que fora vicepresidente con Eisenhower, asinou a lei que autorizaba a emisión desta nova moeda o 31 de decembro de 1970.

Aínda que a versión con prata tivo éxito comercial no mercado do coleccionismo, a versión estándar practicamente non chegou a utilizarse na circulación, coa excepción dos casinos de Nevada, onde pasaron a ocupar o lugar das fichas emitidas por particulares.

As moedas cuñadas tanto en 1975 como en 1976 amosan a dobre data 1776-1976 e portan un reverso especial, obra do gravador Dennis R. Williams, en conmemoración do centenario da independencia dos Estados Unidos. A partir de 1977, a Casa da Moeda comezou os seus intentos para a substitución do dólar Eisenhower por outro de menor tamaño e, neste sentido, o Congreso autorizou a creación do dólar Susan B. Anthony, que comezou a cuñarse en 1979, aínda que tamén con escaso éxito na circulación.

Antecedentes editar

 
"Dólar Peace" de 1928.

O dólar de prata nunca foi nos Estados Unidos unha moeda de ampla circulación, excepto no oeste do país. Serviu máis ben como medio para a monetización do metal e en moitas ocasións, logo da súa cuñaxe, ficaba nas bóvedas dos bancos. O coñecido como "dólar Peace", o último en circulación cuñado en prata, xa non se producía desde 1935 e na maioría dos anos do cuarto de século anterior o valor da súa prata non superaba os 70 centavos. No entanto, a partir da década de 1960 os prezos da prata subiron e as enormes reservas de dólares de prata nas mans dos bancos e do Goberno chegaron ás mans da poboación mediante o troco de "certificados de prata". Esta situación ocasionou unha escaseza de dólares de prata nos estados occidentais, onde estas moedas circulaban realmente, e alí foi onde máis interese se orixinou pola emisión de máis dólares.[3]

 
Cuñaxe privada, non oficial, do "dólar Peace" datado en 1964.

O 3 de agosto de 1964, o Congreso aprobou unha lei que prevía a cuñaxe de 45 millóns de dólares de prata. Esta lexislación promulgouse cando as moedas desapareceran da circulación ao subir o prezo da prata por riba dos 1,29 dólares a onza, o que fixo que os dólares de prata valesen máis como metal precioso que como moeda. Prevíase que estas novas pezas estivesen destinadas a seren utilizadas nos casinos de Nevada, onde os dólares de prata eran moi populares. As publicacións numismáticas queixábanse de que a cuñaxe dos dólares suporía un dispendio de recursos.[4] A lei aprobárase por instancias do líder da maioría no Senado, o demócrata por Montana Mike Mansfield, representante dun estado no que os dólares de prata tiñan moito uso.[5] Malia os esforzos da directora da Casa da Moeda dos EEUU, Eva Adams, o senador Mansfield negouse a tomar en consideración ningún tipo de cancelación nin demora e o 12 de maio de 1965 a Casa da Moeda de Denver comezou a cuñar unha nova tiraxe dos "dólares Peace"[6] (a ceca acadara en 1965 a autorización do Congreso para seguir cuñando moedas con data 1964).[7]

O 15 de maio de 1965 realizouse o anuncio público das novas pezas,[8] que foi recibido con moitas obxeccións. Tanto a poboación como moitos congresistas consideraron que a emisión supuña un mal uso dos recursos da US Mint nun momento de grave escaseza de moedas. O 24 de maio, un día antes dunha sesión convocada apresuradamente polo Congreso, Adams anunciou que as pezas cuñadas serían consideradas como unha tiraxe de proba, e non se debían considerar como para a súa posta en circulación. A Casa da Moeda declarou despois que se cuñaran 316.076 pezas, que finalmente foron refundidas entre grandes medidas de seguridade. Para se asegurar de que estes feitos non se producisen novamente, o Congreso incluíu unha disposición na Lei da Moeda (Coinage Act) de 1965 que prohibía a cuñaxe de dólares de prata durante un período de cinco anos.[9] Mediante esta lei tamén se eliminou a prata das moedas de dez e de vinte e cinco centavos, e reduciuse o contido deste metal ao 40 % na moeda de medio dólar.[10]

Proceso de aprobación editar

En 1969, a directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos durante a presidencia de Nixon, Mary Brooks, tratou de recuperar a moeda dun dólar. Naquel momento, o aumento do prezo dos metais preciosos ameazaba a continuidade do uso da prata no medio dólar co busto de Kennedy, aínda que Brooks esperaba manter o dólar como moeda de prata. A proposta de Brooks para un novo dólar de prata atopou a oposición do presidente do Comité Bancario da Cámara de Representantes, Wright Patman, a quen o predecesor de Nixon, Lyndon Johnson, convencera, en contra do seu criterio, de que seguise a utilizar a prata no medio dólar.[11]

O 28 de marzo de 1969 morreu o expresidente e xeneral na segunda guerra mundial Dwight D. Eisenhower. Pouco despois, a representante de Nova Jersey Florence Dwyer, republicana, como Eisenhower, suxeriu que a moeda dun dólar proposta levase a súa imaxe. Falou coa representante demócrata de Missouri Leonor Sullivan, quen estivo conforme con esa idea, en "igualdade de condicións", dado que o medio dólar amosaba o retrato do expresidente demócrata John F. Kennedy.[12] O congresista por Connecticut Robert N. Giaimo presentou un proxecto de lei para autorizar o dólar Eisenhower, que se cuñaría sen contido ningún de prata. A Comisión Conxunta da Moeda, formada por membros da Administración e do Congreso, incluído Giaimo, recomendou o dólar na primavera de 1969. Esta comisión pedía tamén que se eliminase a prata da moeda de medio dólar e que se transferisen do Tesouro á Administración de Servizos Xerais cantidades de dólares de prata pouco comúns, para que puidesen venderse. Giaimo Afirmou que a moeda sería útil nos casinos, que estaban a emitir as súas propias fichas ante a carencia de moedas dun dólar en circulación, e tamén na industria das máquinas expendedoras, que estaba empezando a vender artigos de maior prezo.[13]

O 3 de outubro de1969, o Comité Bancario da Cámara deu a súa aprobación á lexislación para a creación do dólar Eisenhower sen prata, e Patman declarou que esperaba tela aprobada polo pleno da Cámara a tempo para o aniversario do defunto presidente, o 14 de outubro.[14] O 6 de outubro, os patrocinadores do proxecto de lei perderon unha votación de trámite que tería permitido non poder presentar emendas. A pesar de que algúns representantes se pronunciaron en contra da forma en que se ía tomar en consideración a lei, o congresista por Iowa H. R. Gross opúxose á composición do metal base da moeda proposta: "non se lle faría ningunha honra á memoria do presidente Eisenhower cuñando un dólar quizais feito de chatarra".[15]

Ambas as cámaras votaron o 14 de outubro, o día do aniversario de Eisenhower. Aínda que a Cámara de Representantes aprobou o proxecto de lei apoiado pola Administración para un dólar de metal común, o Senado aprobou o proxecto de lei emendado polo senador de Colorado Peter Dominick, que pedía que a moeda se cuñase cun 40 % de prata. Unha carta de Mamie Eisenhower contribuíu á aprobación da emenda do Senado, lembrando que ao seu marido lle gustaba agasallar dólares de prata como recordo e que se esforzara por conseguir estas moedas cuñadas no ano do seu nacemento,1890.[16][17] O senador por Idaho James McClure declarou: "dalgún xeito está por baixo da dignidade dun gran presidente como o xeneral Eisenhower retirar a prata da moeda". O 29 de outubro de 1969, o representante de Texas Robert R. Casey presentou un proxecto de lei para honrar tanto a Eisenhower como a recente aluaxe do Apollo 11. Estas disposicións pasarían a formar parte do proxecto de lei promulgado que autorizaría o dólar Eisenhower.[18] Nun principio, Casey quería que o lema da misión lunar do Apollo 11 (We came in peace for all mankind, "vimos en paz para toda a humanidade") aparecese na moeda. Cando a Casa da Moeda o informou de que non habería sitio para esa inscrición, conformouse con solicitar no seu lugar que o reverso representase unha imaxe emblemática sobre ese tema.[19]

En marzo de 1970, ambas as cámaras chegaron a un compromiso mediante o cal se cuñarían 150 millóns de dólares cunha aliaxe de prata do 40 % para o mercado do coleccionismo, en tanto que os dólares circulantes carecerían de prata e se cuñarían en cantidades moi superiores.[20] Os 47,4 millóns de onzas troy de prata que cumprían para a cuñaxe das pezas de colección procedían do metal precioso que xa posuía o Goberno. O compromiso foi elaborado por McClure e outros congresistas republicanos, coa axuda de Brooks, de Idaho. McClure describiu este acordo como "moito menos do que o país merece, pero moito máis do que parecía que iamos obter".[21] A razón para ter unha edición con prata para os coleccionistas, e non toda a tiraxe, era evitar o acaparamento que xa sacara da circulación a moeda de medio dólar co busto de Kennedy.[22]

Aínda que o compromiso foi aprobado polo Senado en marzo de 1970,[23] foi bloqueado na Cámara polo representante Patman, que estaba decidido a acabar totalmente coa presenza da prata nesta emisión. O Senado volveu aprobar o proxecto de lei en setembro, esta vez engadíndoo a modo de cláusula a un proxecto de lei de sociedades bancarias que pretendía Patman. Este proxecto de lei, que tamén incluía disposicións para eliminar a prata do medio dólar e transferir os dólares de prata raros á Administración de Servizos Xerais, foi aprobado por un comité de conferencia e por ambas as cámaras. Nixon tiña a intención de deixar que o proxecto se convertese en lei sen a súa sinatura, mais cando os axudantes se decataron de que, como o Congreso levantara a sesión, non asinar o proxecto de lei suporía vetalo, o 31 de decembro de 1970 Nixon apresurouse a asinalo só uns minutos antes da media noite.[12][24][25]

Deseño editar

 
Retrato de Dwight D. Eisenhower en 1952.

Para o gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Frank Gasparro, a oportunidade de pór a Eisenhower nunha moeda foi a realización dun vello soño. O 19 de xuño de 1945, Gasparro fora unha das máis de catro millóns de persoas que se reuniran en Nova York para ver o desfile de celebración da vitoria aliada en Europa na segunda guerra mundial. Gasparro, daquela gravador axudante da US Mint, só se fixara na figura de Eisenhower e debuxara xa daquela uns trazos do xeneral, que anos máis tarde lle serviron para o deseño do anverso do dólar. Logo de que Gasparro consultase coa viúva do expresidente, Mamie Eisenhower, acerca dos deseños de ambas as faces da moeda, Brooks e Gasparro presentáronlle un galvano (un modelo metálico utilizado no proceso de deseño das moedas) o 1 de xaneiro de 1971.[26] Gasparro escribiu en 1991 que dispuxo de seis semanas para completar o traballo a partir de mediados de novembro de 1970. Tamén dixo que a súa ampla investigación sobre as aguias ao longo dos anos lle foi dunha grande axuda para o deseño do reverso e que os seus esbozos foron adoptados sen cambios. O gravador xefe, porén, non tivo unha liberdade total no proceso de deseño, xa que se lle ordenou que o anverso gardase semellanza co do cuarto de dólar Washington.[27]

Antes de se aprobar a lei, Gasparro xa preparara os reversos, tanto o que se utilizou finalmente como outro que tiña unha aguia heráldica máis formal, que ao historiador numismático e comerciante de moedas Q. David Bowers lle lembraba algunhas probas feitas para moedas da década de 1870. A instancias do Congreso, o gravador xefe creou un deseño en conmemoración da aluaxe do Apollo 11, baseado na insignia oficial da misión, que fora deseñada, entre outros, polo astronauta Michael Collins. Bowers considerou que a elección da aluaxe foi "un golpe de xenio", xa que permitiu que o dólar, que se utilizaría pouco no comercio, fose conmemorativo tanto de Eisenhower como da misión lunar.[28] Este reverso reproduce unha aguia (que representa o módulo lunar Eagle) planeando a baixa altura sobre a superficie da Lúa, sostendo nas súas gadoupas unha póla de oliveira, como símbolo da paz.[26]

 
Insignia da misión Apollo 11, base do deseño do reverso do dólar Eisenhower.

O uso da insignia da misión lunar fora recibido inicialmente con reticencias por algúns membros da Administración, por mor da expresión feroz da aguia; o concepto inicial de Gasparro atopou obxeccións similares. A directora da Casa da Moeda lembrou que Gasparro visitara o zoolóxico de Filadelfia para ver aguias e, ao seu regreso, preparara un deseño que, na súa opinión, facía énfase na natureza depredadora desta ave.[29] Brooks informou a Gasparro de que a aguia parecía "demasiado feroz, demasiado belicosa, demasiado agresiva" e pediulle que a realizase cunha expresión máis amable. Gasparro, que ao parecer estaba descontento por ter que facer este cambio,[30] describiu a versión final como "de aspecto agradable".[26] O Departamento de Estado tamén temía que a expresión da aguia puidese tomarse como ofensiva, e avogou por unha imaxe máis neutral.[31] A Terra pódese ver ao lonxe pola parte superior da aguia, e hai 13 estrelas, en alusión aos estados orixinais da Unión.[26]

Bowers considera que o busto de Eisenhower está "ben modelado" por Gasparro, e sinala que o feito de que a aguia do reverso sosteña só unha póla de oliveira, en lugar de soster tamén as frechas —símbolo da guerra—, "implicaba que o público aceptaría o deseño".[28] Non obstante, sinala que a expresión severa de Eisenhower foi amplamente criticada por non ser propia dun home que destaca pola súa xenialidade.[27]

Pola súa banda, o numismático David Lange opina que "o dólar Eisenhower é un dos produtos máis pobres que saíron da Casa da Moeda dos Estados Unidos". Lange escribiu que, aínda que Gasparro deseñou só unha face do medio dólar de Kennedy e o Lincoln Memorial para o reverso da moeda dun centavo, "o dólar Eisenhower foi o seu único deseño completo e debería terlle servido como escaparate do seu talento. Lamentablemente, trátase dun deseño mediocre que revela o seu típico tratamento pouco natural do cabelo de Ike e das plumas da aguia".[32] Algúns coleccionistas queixáronse, logo do seu lanzamento, sen se decataren de que Gasparro —que respondeu aclarando o deseño— seguira fielmente o deseño da insignia da misión lunar.[33]

Lanzamento editar

 
O deseño do dólar Eisenhower publicado polo Departamento do Tesouro en xaneiro de 1971 (probablemente a partir de fotografías do galvano).

O 25 de xaneiro de 1971 cuñáronse dous prototipos de dólares na Casa da Moeda de Filadelfia, que posteriormente foron destruídos.[34] No entanto, os coleccionistas atoparon polo menos dúas moedas datadas en 1971-S que foron certificadas tamén como prototipos.[35]

O feito de cuñar pezas de gran tamaño en cuproníquel resultou moi destrutivo para os cuños da Casa da Moeda, e Gasparro botou man en diversas ocasións do torno redutor Janvier para rebaixar o relevo que se utilizaría nas tiraxes destinadas á circulación e nas moedas bañadas en prata sen circular. O gravador xefe modificou directamente o cuño mestre resultante para restaurar polo menos algúns dos detalles que se perderan ao rebaixar o relevo. Porén, as moedas con acabamento especial (proof) cuñadas na Casa da Moeda de San Francisco seguiron a ter un altorrelevo.[36] Isto significou que en 1971 e durante unha gran parte de 1972 —ata que se utilizou aceiro de maior calidade nos cuños—, as moedas destinadas á circulación tiñan un relevo máis baixo e unha superficie menos detallada, en comparación coas moedas con acabamento especial (proof). Estas últimas cúñanse máis lentamente e, polo xeral, con varios golpes de cuño, para que se reproduzan á perfección todos os detalles.[37] A cuñaxe dos dólares Eisenhower para a súa posta en circulación comezou na Casa da Moeda de Denver o 3 de febreiro, aparentemente sen cerimonia ningunha. En Filadelfia tamén comezou a produción a principios de ano, aínda que Bowers, na súa enciclopedia exhaustiva dos dólares de prata e bañados, non dá conta dunha data concreta.[38] Os primeiros dólares Eisenhower en prata do 40 % con acabamento normal cuñáronse na Oficina de Ensaios de San Francisco —actual Casa da Moeda de San Francisco— o 31 de marzo de 1971, cunha manipulación cerimonial das prensas por parte de Brooks. A primeira das moedas cuñadas entregóuselle á viúva de Eisenhower, a segunda a David Eisenhower (neto de Dwight e de Mamie Eisenhower) e a terceira ao sogro de David Eisenhower, o presidente Nixon.[39]

 
Caixa de presentación da versión proof de prata do dólar Eisenhower de 1974-S, coñecida como Brown Ike.

O 29 de xaneiro de 1971, a US Mint anunciou o prezo dos dólares cun 40 % de prata que se cuñarían en San Francisco: tres dólares para as pezas estándar e 10 dólares para as que de acabamento especial con fondo puído (proof). Os pedidos acolleríanse por correo a partir do día 1 de xullo, cun límite de cinco moedas por comprador. Os formularios de pedimento para o público enviáronse a 44.000 oficinas de correos e a 33.000 oficinas bancarias, con instrucións de que non se repartisen ata o 18 de xuño. As series da Casa da Moeda coas moedas estándar da emisión anual de 1971 non incluían o dólar Eisenhower.[18]

As primeiras cuñaxes en San Francisco con acabamento especial (proof) tiveron lugar en xullo. Estas pezas comercializáronse nun estoxo de plástico disposto dentro dunha caixa marrón que levaba un selo cunha aguia dourada, e coñecíanse como Brown Ike; pola súa banda, as moedas de prata con acabamento estándar presentábanse envoltas nun plástico no interior dun sobre azul, e foron coñecidas como blue Ikes.[40] O 27 de xullo de 1971, o presidente Nixon presentoulle a primeira peza cuñada a Mamie Eisenhower nunha cerimonia na Casa Branca.[41] As vendas das pezas con 40 % de prata finalizaou o 8 de outubro; as primeiras moedas con acabamento proof enviáronse por correo aos coleccionistas que as solicitaran o día 14 de outubro, coincidindo co aniversario de Eisenhower.[34]

As tiraxes para a circulación do dólar Eisenhower, a maior moeda bañada das producidas pola US Mint,[42] puxéronse ao dispor da poboación en xeral a través das entidades bancarias o 1 de novembro de 1971. Moitas delas foron acaparadas polos coleccionistas e nos primeiros momentos houbo tal demanda que moitos bancos puxeron un límite dunha moeda por cliente. Moitas delas aparecían con pequenas deficiencias de cuñaxe, polo que era frecuente que os coleccionistas intentasen facerse con varios exemplares para escoller os que presentasen mellores condicións. Nalgúns casos apreciábase mesmo unha especie de película aceitosa que os coleccionistas se vían obrigados a limpar.[33][43]

Malia o grande interese inicial cara ao novo dólar por parte da poboación, a moeda non chegou a estar, xa desde o principio, en circulación efectiva. En 1976, un estudo do Departamento do Tesouro realizado conxuntamente cunha compañía privada revelou que o dólar Eisenhower tiña unha taxa de desgaste de arredor do 100 %, é dicir, que na maioría dos casos só se utilizaba a moeda nunha única transacción e logo deixaba de circular. En contraste, a taxa de desgaste da moeda de 25 centavos tendía a cero. Isto debíase ao tamaño e ao peso da moeda e á falta de usos potenciais.[44] Mesmo así, conseguiu substituír axiña as fichas de emisión privada que se utilizaban nos casinos de Nevada. Segundo o numismático Randy Camper, máis do 70 % dos dólares Eisenhower en circulación foron utilizados nestes establecementos de xogo.[45] Aínda que a industria das máquinas expendedoras fixera presión a prol do dólar Eisenhower, finalmente modificáronse poucas máquinas para que aceptasen estas moedas.[46] Lange indicou: "o feito é que estas moedas nunca circularon fóra dos casinos e nas zonas próximas, e non lembro ter visto xamais unha máquina expendedora que as aceptase".[32]

Produción editar

Primeiros anos (1971-1974) editar

 
Sobre de presentación da versión estándar en prata do dólar Eisenhower de 1973-S coñecida como Blue Ike.

A US Mint cuñou máis de 125 millóns de dólares Eisenhower en 1971, o cal significaba duplicar amplamente a súa produción anual histórica para moedas dun dólar. Malia o incremento da cuñaxe en 1972 a máis de 170 millóns, e a pesar do que a revista COINage cualificou como "medidas case históricas por parte da Casa da Moeda", a moeda non chegou a circular de facto.[47] Nun artigo de 1974 en COINage, o numismático Clement F. Bailey indicou: "o valor de circulación da moeda foi case nulo". A maioría deses dólares Eisenhower foron parar a coleccións numismáticas ou gardáronse como recordos.[48] Así e todo, as moedas de prata vendéronse tan ben que en outubro de 1971, a directora da ceca, Brooks, advertiu de que os pedidos destas moedas en calidade de proba para 1971 da ceca de San Francisco non serían satisfeitos ata ben entrado 1972. A directora atribuíu esta demora á gran demanda do público.[49] Vendéronse máis de 11 millóns de pezas de prata de 1971-S, delas máis de catro millóns en calidade especial (proof) .[40] En maio de 1972, o secretario do Departamento do Tesouro, John Connally, declarou ante un comité do Senado e describiu os beneficios que a US Mint obtivera coa versión en prata do dólar Eisenhower, que cualificou como "desmesurados", cun beneficio medio por moeda de 3,89 dólares, que se esperaba que aumentase á medida que a produción fose máis eficiente. Os funcionarios da Casa da Moeda consideraron, en relación con isto, que unha hipotética redución do prezo lles sentaría moi mal ás persoas que xa compraran as pezas con anterioridade.[50]

As moedas de prata de 1972 volvéronse a cuñar en San Francisco. As vendas diminuíron considerablemente, ata algo menos de 2,2 millóns de exemplares en condición estándar e 1,8 millóns en acabamento proof.[51] Os dólares Eisenhower de prata de 1972-S estiveron dispoñibles para a súa venda por correo desde o 1 de maio ata o 15 de xullo para a versión proof e do 1 de agosto ao 16 de outubro para a versión estándar.[34]

Cunha ampla subministración de dólares Eisenhower, a Reserva Federal dos EEUU non tivo necesidade de demandar ningún máis en 1973, polo que nese ano non se cuñou ningún para a circulación.[52] Os dólares cuñados este ano nas cecas de Filadelfia e de Denver tiveron como obxecto exclusivamente formar parte dos xogos de moedas emitidos para coleccionistas; porén, cos anos acháronse algúns exemplares en circulación, fóra destes xogos. Isto levou a especular que as 230.798 pezas que, segundo a información oficial, se fundiron ao non terse vendido todos os xogos previstos, en realidade foron postas en circulación.[53] John Wexler, Bill Crawford e Kevin Flynn, no seu traballo acerca dos dólares de Eisenhower, negan esta suposición e citan unha carta de 1974 do director adxunto da US Mint, Roy C. Cahoon, na que se afirmaba que, efectivamente, todos os dólares sobrantes dos xogos non vendidos foran fundidos.[45] Os dólares de 1973 de San Francisco producíranse unicamente en acabamento proof, para a súa inclusión tanto nos xogos de moedas de cuproníquel como nos blue Ikes e nos brown Ikes, de prata. As vendas das pezas de prata descenderon a un total de algo menos de 2,9 millóns.[54][55]

A moeda foi cuñada novamente para a súa circulación en 1974, e tamén foi incluída en todos os xogos, tanto estándar como para coleccionistas, e tanto en cuproníquel como en prata.[54][55] O Congreso ordenou que parte do diñeiro logrado pola venda das pezas de prata de 1974 cuñadas en San Francisco se utilizase para apoiar economicamente o Eisenhower College, en Seneca Falls, Nova York. Os coleccionistas de moedas consideraron que isto sentaba un mal precedente, aínda que se lle pagaron a esta universidade neste concepto uns nove millóns de dólares entre 1974 e 1978.[33] Porén, malia esta inxección de diñeiro, a universidade pechou as súas portas en 1982.[32]

Emisión conmemorativa do Bicentenario (1975-1976) editar

 
Emisión en prata conmemorativa do bicentenario da independencia, coa data 1776-1976 no anverso. No reverso aparece a Campá da Liberdade fronte á Lúa no canto da tradicional aguia.[56]

Entre 1892 e 1954, a US Mint viña emitindo moedas conmemorativas como medio de recadación de fondos para organizacións que se consideraban merecentes deste apoio federal. Na lexislación que autorizaba estas emisións nomeábase unha entidade patrocinadora, á que se lle permitía adquirir as moedas ao seu valor facial para, posteriormente, venderllas á poboación cunha prima, da que a entidade obtiña os seus beneficios. Diversos problemas con estas emisións deron lugar a unha firme oposición do Departamento do Tesouro, polo que non se realizou ningunha a partir de 1954.[57]

O Congreso creou en 1966 a Comisión do Bicentenario da Revolución Americana (ARBC), como órgano de supervisión do bicentenario da declaración de independencia dos Estados Unidos, en 1976. En 1970, o seu comité asesor sobre moedas e medallas recomendou a emisión dun medio dólar especial e, posteriormente, o comité solicitou o redeseño temporal das moedas dos EEUU que xa estaban en circulación. A directora Brooks, en nome da Casa da Moeda, apoiou esta proposta para redeseñar os reversos das moedas de cuarto dólar, de medio dólar e dun dólar, e para permitir xogos especiais de colección con baño de prata. O presidente Nixon asinou a lexislación que autorizaba estas emisións o 18 de outubro de 1973; consonte ela, as moedas destes valores cuñadas para a súa entrega despois do 4 de xullo de 1975 e antes do 31 de decembro de 1976 estarían dotadas duns reversos especiais e amosarían a dobre data 1776-1976.[58][59][60]

 
A directora da US Mint, Mary Brooks, entrégalle ao presidente Gerald Ford (centro) o primeiro xogo de moedas do Bicentenario, o 13 de novembro de 1974, en presenza de John Warner, presidente da Administración do Bicentenario da Revolución Americana.

Os deseños dos reversos para estas tres moedas do bicentenario determináronse a través dun concurso con participación pública, que se pechou en xaneiro de 1974, e en marzo proclamouse gañadora a proposta do estudante de Arte Dennis R. Williams, de 24 anos, para a moeda dun dólar (a persoa máis nova que deseñou unha moeda dos EEUU). Williams participara cun deseño que representaba a Campá da Liberdade superposta á Lúa. Gasparro modificou lixeiramente este modelo, simplificando os trazos visibles na superficie lunar e adaptando as letras e a campá.[61] Williams e os deseñadores das outras dúas moedas accionaron as prensas para a cuñaxe das primeiras probas destas moedas o 12 de agosto de 1974; un xogo destes prototipos foille presentado ao novo presidente, Gerald Ford.[62][63] O deseño de Williams foi ben acollido polo público, aínda que concitou as críticas dalgúns numismáticos, xa que a Campá da Liberdade xa fora utilizada previamente nalgunhas moedas (por exemplo, no medio dólar de Franklin).[33] Ante o temor de que unha nova moeda de curta tiraxe fose acaparada, a Casa da Moeda obtivo en decembro de 1974 o permiso para continuar coa cuñaxe das pezas ordinarias con data de 1974 ata que comezase a cuñar pezas do bicentenario.[64]

Variantes no reverso da emisión do Bicentenario
 
 
Tipo 1. Cuñado en 1975
Tipo 2. Cuñado en 1975-1976

Os dólares do Bicentenario cuñáronse a partir de febreiro de 1975 e foron o primeiro dos tres valores en pórse á disposición da poboación.[65] Os exemplares que levaban prata na súa composición comezaron a cuñarse, unicamente en San Francisco, o 23 de abril dese ano.[66] Na Casa da Moeda percibiuse que os dólares de cuproníquel non tiñan un bo acabamento na súa cuñaxe, o cal non ocorría coas pezas con baño de prata. Como consecuencia, Brooks, a directora da US Mint, ordenou suspender a produción para que Gasparro puidese arranxar os cuños. O cambio máis significativo consistiu en que os dólares da versión arranxada (coñecida como tipo 2) teñen unhas letras máis nítidas e estreitas no seu reverso. Todas as pezas con prata (todas cuñadas en San Francisco) son do tipo 1; cada unha das tres cecas cuñaron pezas tanto de tipo 1 como de tipo 2, na súa versión circulante de cuproníquel. Todos os dólares incluídos nas presentacións en calidade proof cuñados en 1975 son do tipo 1, en tanto que os cuñados en 1976 con este acabamento especial corresponden ao tipo 2.[67][68][69]

Os primeiros dólares Eisenhower do Bicentenario foron postos en circulación o 13 de outubro de 1975 —aínda que coa mencionada data de 1776-1976—.[70] Cuñáronse máis de 220 millóns de pezas.[71] Este deseño especial dos reversos non volveu ser utilizado con posterioridade a 1976;[72] a Casa da Moeda dos Estados Unidos comercializou estes dólares conmemorativos ata que se esgotaron as súas existencias a finais de 1986.[73]

Coñécese un exemplar de dólar Eisenhower do Bicentenario con baño de prata, similar ao que figuraba no xogo regalado ao presidente Ford en novembro de 1974 como prototipo. Explicouse que esta peza foi atopada na caixa dos grandes almacéns Woodward & Lothrop, en Washington. Thomas K. DeLorey, que daquela era reporteiro da revista numismática Coin World, falou co que pasaba por ser o seu descubridor e a versión non lle resultou crible; para DeLorey, ten máis consistencia a hipótese de que a moeda fose obtida subrepticiamente desde o Goberno. Este exemplar acadou un prezo de 30.000 dólares cando se ofreceu en poxa pública en 1987.[74]

Derradeiros anos e substitución (1977-1978) editar

Artigo principal: Dólar Susan B. Anthony.
 
Grupo de dólares Eisenhower de diferentes datas.

En 1975, o Tesouro estaba preocupado pola perda de recursos que estaba a supor a cuñaxe do dólar Eisenhower, que na realidade non se vía na circulación. Daquela contratou unha empresa privada para que avaliase cada un dos seus valores faciais dos que se compuña o sistema e posteriormente formulase recomendacións ao respecto. Esta compañía concluíu no seu informe que o dólar era demasiado grande e pesado para que circulase con eficacia, mais que se se reducía o seu diámetro aproximadamente nun terzo e o seu peso en dous terzos, podería utilizarse con éxito.[47][75] En xaneiro de 1977, xusto antes de deixar o seu cargo, o secretario do Tesouro da Administración de Ford, William E. Simon, propuxo a eliminación da moeda dun centavo e da de medio dólar, así como unha redución do tamaño do dólar.[76] Segundo Bowers, o Tesouro chegara a crer que unha moeda tan grande como o dólar Eisenhower non podería circular nunca nos Estados Unidos.[77]

 
O dólar Susan B. Anthony, de inferior tamaño, substituíu o dólar Eisenhower en 1979. Ambas as moedas comparten o deseño do reverso.

En tanto que o dólar Eisenhower agardaba pola súa substitución, en 1977 e en 1978 cuñáronse arredor de 50 millóns de pezas anualmente, retomando o deseño orixinario da aguia nos seus reversos. En ambos os anos, en Denver cuñáronse máis moedas que nas outras dúas cecas e xa non se emitiu ningunha versión en prata para coleccionistas; os Blue Ike e os Brown Ike, xa non se producían desde 1974.[78]

No Congreso, en outubro de 1978 propúxose que o novo dólar de tamaño reducido representase nos seus anversos a reformadora social e sufraxista Susan B. Anthony, en tanto que para os reversos se mantivo o deseño da aguia de Gasparro que xa viñera caracterizando o dólar Eisenhower. O novo dólar comezou a súa circulación en 1979.[79]

O dólar Eisenhower foi a derradeira moeda emitida para a súa circulación que contou cunha versión con contido de prata para os coleccionistas —a proporción de prata non pasou do 40 %—.[2] Foi tamén a derradeira moeda dun dólar cuñada no tamaño grande orixinal dos primeiros dólares de prata dos séculos XVIII e XIX,[80] e o único dólar deste tamaño cuñado en cuproníquel.[81]

Coleccionismo editar

Representación da Terra nos dólares Eisenhower [82]
 
 
 
De arriba a abaixo:

tipos I, II e III.

Non hai ningún dólar Eisenhower cunha rareza salientable, aínda que se coleccionen por datas e por marca de ceca, polo que un coleccionista medio pode lograr reunir sen dificultade un xogo completo de todos os emitidos. Porén, houbo moitos exemplares mal cuñados, que xeran pequenas variantes de cuño, sinaladamente nos anos 1971 e 1972. A isto hai que engadir que a maioría das pezas producidas sufriron marcas rabuñadas logo da súa cuñaxe, nos procesos de almacenamento e loxística, o que converte nun reto a consecución dun xogo completo en condicións de cuñaxe e conservación perfectas.[42][83]

Con todo, hai algunhas datas algo máis escasas, dado que nelas só se cuñaron moedas para a súa distribución en xogos completos a través das entidades bancarias, e non para a circulación ampla.[83] Sirva como exemplo o dólar de 1973-D, que nun estado de conservación próximo á perfección chegou a alcanzar os 12.925 dólares nunha poxa celebrada en xuño de 2013.[84] O prezo alcanzado por este exemplar explícase unicamente pola extraordinaria fineza da súa cuñaxe, dado que o prezo no mercado dun exemplar común desa data e desa ceca non supera os 10 dólares. [1]

Ademais, algúns espécimes de 1971-D presentan unha variedade pola que, ademais doutras diferenzas, a aguia carece de liñas nas cellas. Esta variedade deuse en chamar como "aguia amigable".[36]

O dólar de 1972 cuñado en Filadelfia componse de tres variedades, que se orixinaron á medida que Gasparro axustaba o seu deseño para aproveitar a mellor calidade do aceiro utilizado nos cuños. Brooks anunciou axustes no deseño a mediados dese ano na convención da American Numismatic Association en Nova Orleáns, aínda que non indicou o que se cambiaba exactamente. As tres variedades poden apreciarse observando detidamente a representación da Terra nos reversos: os dólares do tipo I presentan a terra algo achatada e a Florida apuntando cara ao sueste, coas illas na súa maioría ao sueste da punta da península. Nos do tipo II a terra é redonda apunta cara ao sur, cunha única illa ao sueste. Finalmente, o tipo III é similar ao segundo, agás por presentar dúas illas ao sur da península.[82] De entre estes, os exemplares do tipo II proceden dun único cuño do reverso, utilizado en marzo de 1972 e posto en servizo erroneamente en Filadelfia, xa que debería ser utilizado para as emisións de prata de San Francisco. O tipo III foi posto en servizo en setembro de 1972 en substitución do tipo I.[85] Os dólares co reverso do tipo I son os máis comúns, en tanto que os do tipo II alcanzan prezos elevados no mercado en condicións de conservación e fineza da cuñaxe excelentes, do mesmo xeito que o tipo 1 do Bicentenario (1776-1976), que só estaba dispoñible nos conxuntos emitidos para coleccionistas.[42][86]

Por outra banda, algúns dólares Eisenhower de 1971-S procedentes dos xogos completos carecen das serifas ou remates ao pé da letra " R " na palabra " LIBERTY ",[45] e isto repítese en todos os dólares cuñados en 1972, tanto nos circulantes como nos de acabamento especial proof. Logo de que a US Mint foi quen de adquirir aceiro de mellor calidade, estes remates volveron aparecer para o resto das emisións das tres cecas, coa excepción das do Bicentenario correspondentes ao tipo 1, onde non aparecen. Gasparro intentou en repetidas ocasións mellorar o detalle da cabeza de Eisenhower e, dado que o R é a letra máis próxima a ela, o máis probable é que estes cambios se fixesen para mellorar o fluxo do metal no proceso de cuñaxe.[87]

En 1974 e novamente en 1977, a Casa da Moeda de Denver cuñou un pequeno número de exemplares en discos bañados en prata. En ambas as ocasións, estes discos foran enviados a Denver desde a Oficina de Ensaios de San Francisco. As primeiras destas pezas de 1974 foron atopadas por dous comerciantes de blackjack de Las Vegas.[88] Os discos de 1974 estaban inicialmente destinados a seren utilizados nas series proof dos Brown Ike. A política da US Mint era que os discos preparados para as emisións de prata en condición proof que fosen rexeitados por non cumpriren os estritos parámetros de calidade fosen destinados entón aos Blue Ikes, mais estes colocáronse por erro no contedor dos discos rexeitados para as cuñaxes proof en cuproníquel, destinados a seren enviados a Denver para a súa cuñaxe alí como moedas circulantes. No relativo ás pezas datadas en 1977, estas son o resultado das pezas rexeitadas para as cuñaxes do Bicentenario en condición proof, que novamente se colocaron no contedor equivocado. Coñécense entre 10 e 20 exemplares de cada data. Wexler, Crawford e Flynn deron conta tamén da existencia dun dólar do Bicentenario (1976-1776-D) en prata da ceca de Denver, que posuía unha rareza moi superior, aínda que xamais apareceu nunha poxa pública nin foi presentado a ningún dos principais servizos de clasificación e certificación numismática, polo que non se puido ata o de agora corroborar a súa existencia.[69]

Bowers sinalou que o dólar Morgan, que se produciu entre 1878 e 1921 non foi moi coleccionado no seu momento, aínda que décadas despois se fixo moi popular no coleccionismo numismático, e suxeriu que algún día lle sucedería o mesmo ao dólar Eisenhower.[89] O numismático Charles Morgan escribiu en 2012, en relación co dólar Eisenhower:[42]

Hoxe en día é o maior logro da historia dos Estados Unidos no que respecta a moedas con baño metálico. Foi a moeda máis desafiante tecnicamente que se intentara nunca. […] Investigar o dólar Eisenhower é vital para os historiadores da numismática que queiran entender como foi a era posterior á prata. O dólar Eisenhower supuxo un nobre fracaso. Nese senso, é realmente unha moeda de colección perfecta.

Exemplares cuñados editar

Estas son as cantidades de dólares Eisenhower cuñados nas tres sucursais da Casa da Moeda dos Estados Unidos en que estes se produciron (Filadelfia, Denver e San Francisco):[90]

Data Ceca Cuproníquel [1][91] Prata [2][92]
Estándar Proof Estándar Proof
1971 ø 47.799.000
D 68.587.424
S 6.868.530 4.265.234
1972 ø 75.890.000
D 92.548.511
S 2.193.056 1.811.631
1973 ø 1.769.258
D 1.769.258
S 2.760.339 1.883.140 1.013.646
1974 ø 27.366.000
D 45.517.000
S 2.612.568 1.900.156 1.306.579
1976
(Bicentenario) 
ø 117.337.000
D 103.228.274
S 6.995.180 4.908.319 3.998.621
1977 ø 12.596.000
D 32,983,006
S 3.251.152
1978 ø 25.702.000
D 33.102.890
S 3.127.781

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "1 Dollar "Eisenhower Dollar"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 "1 Dollar "Eisenhower Dollar" Silver Collectors' Issue'". Numista.com
  3. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2844-2846.
  4. Breen, W. (1988). Páxina 461.
  5. Burdette, R. W. (2005). Páxina 78.
  6. Burdette, R. W. (2005). Páxina 86.
  7. Bardes, H. C. (1964).
  8. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 87-88.
  9. Burdette, R. W. (2005). Páxinas 98-101.
  10. Logan, C. (1979-a-). Páxina 36.
  11. Logan, C. (1979-a-). Páxina 37.
  12. 12,0 12,1 Logan, C. (1979-a-). Páxinas 37, 40.
  13. Haney, T. W. (1969).
  14. NYT (1969-a-).
  15. NYT (1969-b-).
  16. Grose, P. (1969).
  17. The Bulletin (1979).
  18. 18,0 18,1 Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2860.
  19. Ezerman, R. et al. (2007). Páxina 57.
  20. NYT (1970-a-).
  21. SDC (1970).
  22. Wolenik, R. (1971). Páxina 29.
  23. SR (1979).
  24. NYT (1970-b-).
  25. Gilkes, P. "Eisenhower dollar: Circulating dollar honors military hero, president ". En Coin World. Amos Publications.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 Haney, T. V. (1971-a-).
  27. 27,0 27,1 Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2855.
  28. 28,0 28,1 Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2851.
  29. Wolenik, R. (1971). Páxina 27.
  30. Ezerman, R. et al. (2007). Páxina 58.
  31. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2851.
  32. 32,0 32,1 32,2 Lange, D. W. (2006).
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2852.
  34. 34,0 34,1 34,2 Bailey, C. F. (1974). Páxina 10.
  35. "The Lydston and Chatman 1971-S Prototype Ikes". En The Eisenhower Dollar, 34. Páxinas 1-46.
  36. 36,0 36,1 Ezerman, R. et al. (2007). Páxinas 58-59.
  37. Wexler, J. et al. (2007). Páxinas 6-7.
  38. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2860, 2864.
  39. PC (1971).
  40. 40,0 40,1 Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2866.
  41. The Blade (1971).
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 Morgan, C. (2012).
  43. YV (1971).
  44. Logan, C. (1979-a-). Páxina 40.
  45. 45,0 45,1 45,2 Wexler, J. et al. (2007). Páxinas 8, 202.
  46. Herbert, A. (1998).
  47. 47,0 47,1 COINage (1979).
  48. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2870.
  49. Haney, T. V. (1971-b-).
  50. The Blade (1972).
  51. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2874.
  52. Bardes, H. C. (1973).
  53. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2877, 1880.
  54. 54,0 54,1 Breen, W. (1988). Páxina 464.
  55. 55,0 55,1 Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 344, 349.
  56. "1 Dollar "Eisenhower Dollar" Bicentennial". Numista.com
  57. Breen, W. (1988). Páxinas 581-582.
  58. Breen, W. (1988). Páxina 371.
  59. Marotta, M. E. (2001). Páxina 502.
  60. CWA (1977). Páxina 422.
  61. CWA (1977). Páxina 424.
  62. Breen, W. (1988). Páxina 472.
  63. CWA (1977). Páxinas 424-425.
  64. Ganz, D. L. (1976). Páxinas 66-68.
  65. CWA (1977). Páxina 10.
  66. Marotta, M. E. (2001). Páxina 503.
  67. Logan, C. (1979-a-). Páxina 42.
  68. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 232-233.
  69. 69,0 69,1 Wexler, J. et al. (2007). Páxina 8.
  70. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2897.
  71. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 333.
  72. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2852, 2854.
  73. Marotta, M. E. (2001). Páxina 542.
  74. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2901.
  75. Logan, C. (1979-b-). Páxina 42.
  76. Ganz, D. L. (1979-b-). Páxina 44.
  77. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 2954.
  78. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2914-2927.
  79. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2929-2930.
  80. "Why collectors enjoy “Ike” Dollars – our last large-size circulating $1 coins". Littleton Coin Company.
  81. O'Rourke, B. (2016). "Finding Ike dollar in general circulation uncommon". En Coin World. 23 de decembro.
  82. 82,0 82,1 "Earths Type 1, 2 & 3". The Ike Group (www.ikegroup.info)
  83. 83,0 83,1 Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2858.
  84. Reach, S. (2013).
  85. Wexler, J. et al. (2007). Páxina 7.
  86. Hicks, H. P. (1974). Páxina 644.
  87. Wexler, J. et al. (2007). Páxinas 182-184.
  88. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2852, 2890, 2917.
  89. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2857.
  90. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 252-253, 345.
  91. "1 Dollar "Eisenhower Dollar" Bicentennial". Numista.com
  92. "1 Dollar "Eisenhower Bicentennial Dollar" Silver Collectors' Issue". Numista.com

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Monografías editar

Artigos e outras fontes editar

Outros artigos editar

Predecesor:
Dólar Peace
 
Moeda dun dólar estadounidense

1971 - 1978
Sucesor:
Dólar Susan B. Anthony