Bisonte americano

O bisonte americano (Bison bison), tamén denominado erroneamente búfalo,[2] é unha especie de gran mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos (Bovidae).

Bisonte americano
Rango fósil: Plistoceno - actualidade

B. b. bison
Imaxe alternativa
Debuxo histórico
Audio de bisonte
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Bovinae
Xénero: Bison
Especie: B. bison
Nome binomial
'Bison bison'
(Linnaeus, 1758)

Subespecies

B. b. athabascae
B. b. bison

Sinonimia

Bos americanus
Bos bison
Bison americanus
Bison bison montanae

Características

editar

O bisonte americano ten unha lonxitude de até 3 m, e unha alzada de até 1,90 m de altura na cruz, e un peso de 450 a 1.350 kg. A súa pelaxe é mesta, de cor parda escura durante o inverno, e máis liviá e de cor parda clara durante o verán. Tanto os machos como as femias teñen pequenos cornos curvos, que usan como defensa e para loitar, os machos, na época de celo.[3] O cornos son menos prolongados que os do bisonte europeo.[4]

 
Animación dun bisonte de 1887. Fotos de Eadweard Muybridge.

A mediados do século XIX ocupaban unha ampla zona de Norteamérica, nas planicies do norte de México, os Estados Unidos e o Canadá, desde o Gran Lago do Escravo (nos Territorios do Noroeste, no Canadá) até México, e desde o leste de Oregón até os montes Apalaches, formando grandes rabaños de até 100.000 individuos no inverno.[5]

A colonización do Oeste americano levouno ao bordo da extinción, recuperándose posteriormente algo a súa poboación, que vive hoxe protexida en Parques Nacionais e Reservas, en estado de semidomesticidade.[6]

Reintroduciuse nas planicies do norte de México, esperándose unha pronta recuperación da especie onde adoitaba pastar en séculos anteriores.[7]

Distínguense dúas subespecies: o bisonte de planicie (Bison bison bison) e o bisonte de bosque (Bison bison athabascae) do Canadá.

O bisonte americano na cultura nativa

editar
 
Bisonte americano.

Até o século XVII o bisonte americano percorría plácida e abundantemente os territorios do norte do continente norteamericano. O chamado coloquialmente búfalo era venerado por moitas das tribos nativas. Nalgunhas nacións indíxenas a caza deste animal era acompañada dun gran respecto e admiración polas súas calidades e en agradecemento por todos os beneficios que achegaba. Dise que no momento da morte do bisonte o cazador amerindio acercábase a inhalar o seu último alento como forma de absorber espiritualmente as súas virtudes. Foi coñecido como "dador de vida", pois todo deste animal era utilizado.

 
Bisonte americano no dólar American buffalo (2001)

Os usos incluían alimentación, abrigo, indumentaria relixiosa, combustíbel (secábanse as dexeccións ao sol) e materiais de construción (as peles usábanse, ademais de para vestir, para construír as tendas). O bisonte albino ou búfalo branco é unha deidade, aínda presente no século XXI; por exemplo, entre os síux e os lakota, os líderes espirituais están atentos para excluílos da cacería, pois é un ser respectado, venerado e admirado de acordo coa lenda da "Muller Búfalo", de Dakota.

Á chegada dos españois a América era tal a cantidade de bisontes que os conquistadores encontraron nas grandes praderías norteamericanas, que chamaron á extensa rexión limitada polas Montañas Rochosas ao oeste, e os montes Apalaches ao leste, "Llanos de Cíbola",[8] e foi a esa rexión á que se dirixiu Francisco Vázquez de Coronado en busca das míticas Sete Cidades de Cíbola.

A matanza do bisonte e o seu regreso ás grandes chairas

editar
 
Cerca do exterminio: montaña de cranios de bisonte (ca. 1870). Os seus ósos pulverizados vendíanse como fertilizante.

A cacería do bisonte americano precipitouse despois da chegada dos ingleses á costa leste do continente, pois o valor das peles era bastante elevado e funcionou como un catalizador para a matanza de miles de animais.

Cando as nacións nativas foron desprazadas, o bisonte americano foi masacrado até case a súa extinción no século XIX, quedando só 750 espécimes contra 1890.[9]

O Parque zoolóxico do Bronx, Nova York, Estados Unidos, mantivo unha das mandas sobreviventes, a partir da cal restablecéronse pequenas poboacións no Parque Nacional de Yellowstone e noutras reservas naturais. A actual poboación de bisontes americanos é de aproximadamente 350.000 exemplares, cando a poboación estimada antes da chegada de Colón a América era de 60-100 millóns de cabezas.

Hoxe en día, máis de 250.000 (dos 350.000 bisontes que quedan) críanse para consumo humano. A súa carne ten menos graxa e colesterol que a carne de vacún.

O ano 2009 o goberno dos Estados Unidos doou crías e algúns exemplares adultos ao goberno mexicano para a súa reintrodución neste país (un total de 23 bisontes, 20 femias e 3 machos, provenientes de Dakota do Sur e Colorado. A día de hoxe, a Área natural protegida El Uno en Janos, Chihuahua conta con bisontes en completa liberdade, dos que 43 xa naceron na reserva.[10]

O bisonte americano é o mamífero emblema do estado norteamericano de Wyoming.

  1. Gates, C. & Aune, K (2008). "Bison bison". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o November 10, 2008. Database entry includes a brief justification of why this species is of Near threatened.
  2. Véxase Bisonte.
  3. The Penny Cyclopædia of the Society for the Diffusion of Useful Knowledge por Society for the Diffusion of Useful Knowledge (Gran Bretaña), publicado por C. Knight, 1835.
  4. Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, p. 442.
  5. "Bison bison range map; American Bison". Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2009. Consultado o 11 de maio de 2012. 
  6. Kowalski, Op. cit.
  7. "Regresan los bisontes a Chihuahua". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2010. Consultado o 11 de maio de 2012. 
  8. Cíbolo, feminino cíbola', era unha denominación castelá antiga para bisonte.
  9. Datos do IUNC, 2008.
  10. "Liberan bisontes en Janos, Chihuahua.". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2012. Consultado o 17 de agosto de 2011. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Fagan, Brian M. (2005): Ancient North America. 4ª ed. Londres: Thames & Hudson. ISBN 978-0-500-28532-9.
  • Koller, Larry (1959): Fireside Book of Guns. Nova York: Simon and Schuster.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar