Bóvidos

familia de mamíferos artiodáctilos
(Redirección desde «Bovidae»)
Bóvidos
Bovidae

Rango fósil: mioceno - actualidade

Búfalo acuático salvaxe
(Bubalus bubalis arnee ou Bubalus arnee)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Gray, 1821
Subfamilias
Véxase o texto

A dos bóvidos (Bovidae) é unha familia de mamíferos artiodáctilos ruminantes que comprende, segundo os autores, entre oito e dez subfamilias (algúns chegan a admitir até a ducia), entre as que destacan a dos bovinos (Bovinae), que inclúe bois, bisontes e búfalos; a dos caprinos (Caprinae), que agrupa a cabras, ovellas e rebezos, e a dos antilopinos (Antilopinae), ou antílopes verdadeiros, que comprende as numerosas especies de gacelas e outros antílopes.

Os seus hábitats naturais son moi variados, estendéndose desde o Ártico até o trópico de Cáncer, habitando sobre todo en rexións de praderías e sabanas, no vello mundo (Eurasia e África) e en Norteamérica.

A domesticación dalgúns bóvidos comezou no neolítico, coas ovellas, en Mesopotamia, hai 10.000 anos.

Características

editar
 
Impala (Aepyceros melampus).
 
Alcelafo (Alcelaphus buselaphus).
 
Gacela dorcas (Gazella dorcas).
 
Hippotragus niger.
 
Bisonte americano (Bison bison).
 
Vaca rubia galega (femia de Bos taurus).
 
Saola (Pseudoryx nghetinhensis).
 
Cebú (Bos indicus).
 
Búfalo africano, ou búfalo cafre (Syncerus caffer).
 
Pucú (Kobus vardonii), macho.
 
Dic-dic de Kirk (Madoqua kirkii), femia.
 
Cabra montesa (Capra pyrenaica).
 
Muflón (Ovis musimon).

Todos eles teñen como característica en común unha alimentación estritamente herbívora (excepto a maioría dos duiqueros, que son omnívoros.)

Tanto as femias como os machos presentan unhas protuberancias na fronte (cornos). Os cornos non están ramificados, e normalmente son curvos ou retortos. A súa estrutura é ósea, e están recubertos por unha funda córnea que nunca muda.

En xeral, as súas especies habitan en climas temperados e tropicais.

Os bóvidos máis grandes poden chegar a pesar cerca dunha tonelada e ter unha altura na cruz de 2 m (bois, búfalos, bisontes). Por outra parte, os máis pequenos poden pesar tan só 3 kg e non ser máis grandes que un gato doméstico (dic-dics).

Algúns deles son macizos, pesados e musculosos (como o touro), mentres que outros poden ser áxiles, con patas finas e longas (como as gacelas).

A maioría dos membros desta familia congréganse en grupos grandes con estruturas sociais moi complexas, pero existen casos nos que o seu comportamento non é gregario.[1]

Os bóvidos ocupan unha ampla área de dispersión, incluíndo zonas de climas e hábitats diferentes, podendo vivir en desertos, na tundra e en bosques tropicais.

Tal e como se mencionou son ruminantes, tendo o seu estómago policompartimentado; na etapa adulta teñen catro compartimentos gástricos ou estómagos (rume ou panza, retículo ou barrete, libro ou omaso e calleiro ou abomaso —que é o verdadeiro estómago, o que segrega o suco gástrico—).

As diferentes funcións de cada compartimento abarcan todo o proceso de dixestión dos vexetais inxeridos, que poden ser forraxe (pasto) ou produtos agrícolas (palla, feo, alfalfa etc.) no caso de seren animais domésticos.

Nas etapas infantís, os bóvidos só teñen desenvolvido o abomaso, e aliméntanse unicamente de leite materno; nese momento non se consideran ruminantes. Aproximadamente aos tres meses de idade, segundo a especie, xa adoitan ter en funcionamento as catro cavidades estomacais, polo que poden xa considerarse ruminantes.

Clasificación

editar

A familia foi definida en 1821 polo zoólogo británico John Edward Gray (1800-1875), na súa obra "On the natural arrangement of Vertebrose Animals".[2]

Taxonomía

editar

Tradicionalmente considerábase que a familia comprendía as dez subfamilias seguintes:

Familia Bovidae

Autores como Cabrera separan os xéneros Rupicapra (rebezos) e afíns da subfamilia dos Caprinae e forman con eles a dos Rupicaprinae.[5]

Porén, a maioría dos autores reducen actualmente o número de subfamilias a oito:[6][7][8]

Familia Bovidae

O último bóvido

editar

A última especie de bóvido descubriuse en data tan recente como 1992, na Reserva Natural de Vu Quang,[9] nas selvas do norte de Vietnam, preto da fronteira con Laos.
Este raro animal, coñecido polos lugareños como sao la (e na bibliografía internacional como saola ou boi de Vu Quang), foi clasificado como Pseudoryx nghetinhensis, e adscrito á liñaxe dos xéneros Bos e Bison (tribo dos bovininos).[10]
Ante o perigo de que desaparecese esta especie, (e outra, descuberta na mesma selva, e no mesmo ano, pero pertencente á familia dos cérvidos e clasificada como Megamuntiacus vuquangenisis), as autoridades do país ampliaron considerabelmente a reserva, limitando ademais a explotación forestal.
Na reunión do CITES de novembro de 1994, en Fort Lauderdale, Florida, Estados Unidos acordouse incluír ambas as especies no "anexo I" deste convenio internacional, o que implica a prohibición total do seu comercio.[11]

Evolución e filoxenia

editar

A familia dos bóvidos coñécese grazas a fósiles do mioceno temperán, hai ao redor de 20 millóns de anos (MA). Os primeiros bóvidos indiscutíbeis foron os Eotragus, que viviron hai 18 MA en Europa, África e Paquistán. Eran animais pequenos, algo parecidos ás gacelas, e vivían probabelmente en ambientes forestais.

Os bóvidos diversificáronse rapidamente no mioceno tardío, nun período no que a Terra sufriu un quecemento que levou a unha gran mestura das faunas de África, Eurasia e Norteamérica.[12][13]Esta radiación miocena tardía, que ampliou notabelmente o número de especies, debeuse en parte a que moitos bóvidos se adaptaron a hábitats máis abertos, como as praderías (no mioceno había ao redor de 78 xéneros, en comparación cos 50 actuais).[14] O seu desenvolvemento tivo lugar no vello mundo, onde aínda son numerosos, especialmente en África.[15]

Nos primeiros tempos da súa historia evolutiva, os bóvidos dividíronse en dous clados principais, Boodontia (de dentes de boi) e Aegodontia (de dentes de cabra). Esta temperá división entre Boodontia (de orixe euroasiática) e Aegodontia (de orixe africana) atribúesa á división entre estas masas de terra continental. Cando estes continentes se uniron posteriormente, a barreira que os illaba desapareceu, e ambos os grupos se expandiron os uns cara aos terriotorios dos outros.[16]

No mioceno medio os bóvidos xa estaban presentes no conxunto do vello mundo, e unhas poucas especies chegaron no plistoceno a Norteamérica a través do estreito de Bering.[15]

Un posíbel cladograma represéntase a continuación:[Cómpre referencia]

Bovidae

Dicdics, antílopes ananos, oribís etc. (Neotragini)[17]

Antílopes verdadeiros (Antilopinae)

Duíqueros (Cephalophinae)

Alcelafinos (Alcelaphinae)

Impala (Aepycerotinae)

Antílopes cabalo (Hippotraginae)

Redunca (Reduncinae)

Antílopes de cornos espirais (Strepsicerotini)[18]

Touros (Bovinae)

Cabras (Caprinae)

En Galicia e en Europa

editar

Na Península Ibérica, ademais das tres especies domésticas, vacas, cabras e ovellas, habitan outras tres dos xéneros Capra, Ovis e Rupicapra.[19]

Os bóvidos salvaxes da nosa terra estiveron suxeitos a repoboacións e reintroducións. O rebezo galego (Rupicapra pyrenaica parva), que en tempos pasados fora moi común nas serras orientais lindantes con Asturias e León, estivo a piques da extinción pero, na actualidade, está recolonizando estes hábitats a causa das medidas para a protercción da especie e, sobre todo, da súa reintrodución na montaña leonesa. A cabra montesa autóctona, Capra pyrenaica lusitanica, que vivira nas serras orientais e surorientais, extinguiuse a mediados do século XIX). Na actualidade inténtanse repoboar estas zonas con individuos da subespecie C. p. victoriae.[19]

O caso do muflón

editar
Artigo principal: Carneiro bravo.

O carneiro bravo ou muflón (Ovis musimon = Ovis aries musimon) extinguiuse hai milenios do continente europeo debido á caza excesiva e aos cambios climáticos, e quedou relegado ás illas de Córsega, Sardeña e Chipre, e foi reintroducido nesta última illa durante o neolítico.

En séculos posteriores volveu ao continente da man do home, adaptándose perfectamente e sendo hoxe en día unha especie en expansión, sobre todo nas zonas montañosas, de xeito que hoxe xa non está en perigo de extinción (aínda que o seu status é, segundo a UICN, de VU (vulnerábel),[20] e é obxecto en moitos lugares de actividade cinexética.

Nos anos 1930 lográronse introducir de contrabando algúns exemplares no continente, en Italia, exemplares que foron liberados en primeiro lugar en zonas protexidas e, despois, en territorios libres, estando hoxe moi estendidos nos Apeninos e nos seus contrafortes. Tamén existen importantes poboacións en Alemaña e na República Checa.

Na península italiana o muflón é unha especie xestionada, pero soamente na selección dos espécimes (como a maioría dos ungulados silvestres, agás o xabaril). Só en Sardeña, onde viven máis de 2.000 exemplares, aínda hoxe é unha especie protexida en risco de extinción pola caza furtiva e a competencia dos rabaños de ovellas.

 
Rebezo (Rupicapra pyrenaica).

En tempos recentes introduciuse tamén na Península Ibérica, nas illas Canarias, nos Estados Unidos (incluído Hawai) e en numerosos coutos de caza de todo o mundo, mesmo en lugares tan afastados de Europa como Chile ou a Arxentina.[21]
O muflón está distribuído en España nos Portos de Tortosa-Beceite, entre Tarragona, Teruel e Castelló, en Tenerife (Parque Nacional dos Canellóns do Teide), na serra de Cazorla (provincia de Xaén) e de Alcaraz (provincia de Albacete), na reserva de caza da Moa de Cortes (Valencia), na serra do Cid (Alacant), nas serranías de Cuenca e de Ronda (esta, na provincia de Málaga), no Parque Natural dos Alcornocales (Cádiz), no Pireneo catalán, na reserva de caza do Alt Pirineu (Lleida), nos montes do Invernadeiro (Ourense) e no Parque Natural da Serra da Moa e cabo Tiñoso, en Cartaxena (Rexión de Murcia).

  1. Kowalski, Op. cit. pp. 441-445.
  2. Publicada en London Medical Repository 15: 296–310.
  3. Incluída por moitos autores, como tribo, Pantholopini, na subfamilia dos Caprinae. Ouros inclúen esta tribo na subfamiulia dos Antilopinae).
  4. Incluída en Reduncinae, segundo o SIIT e o NCBI.
  5. Cabrera, Ángel (1914): Fauna ibérica. Mamíferos Madrid: Museo Nacional de Ciencias Naturales.
  6. Wilson, Don & Reeder, DeeAnn, eds. (2005): Mammal Species of the World (3ª edición). Baltimore: Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 978-0-8018-8221-0. [1] Arquivado 14 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
  7. Bovidae no SIIT.
  8. Bovidae no NCBI.
  9. Desde 2002, Parque Nacional de Vu Quang.
  10. Dung, Vu Van; Giao, Pham Mong; Chinh, Nguyen Ngoc; Tuoc, Do; Arctander, Peter & MacKinnon, John (1993): "A new species of living bovid from Vietnam" Nature 363: 443-445.
  11. Daviña Facal, Luís (1999): "Dous novos grandes mamíferos" en Lingua e Ciencia. Vigo: Xerais. ISBN 84-8302-355-5, p. 152.
  12. Conrad A. Matthee & Scott K. Davis (2001): "Molecular Insights into the Evolution of the Family Bovidae: A Nuclear DNA Perspective".
  13. Ropiquet, A. & Hassanin, A. (21 de decembro de 2004). "Molecular phylogeny of caprines (Bovidae, Antilopinae): the question of their origin and diversification during the Miocene". Journal of Zoological Systematics and Evolutionary Research (en inglés) 43 (1): 49–60. ISSN 0947-5745. doi:10.1111/j.1439-0469.2004.00290.x. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2019. Consultado o 09 de abril de 2019. 
  14. Savage, R.J.G., & Long, M.R. (1986). Mammal Evolution: an illustrated guide. New York: Facts on File. pp. 232–235. ISBN 0-8160-1194-X. 
  15. 15,0 15,1 Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, p. 441.
  16. Hassanin, Douzery; Douzery, E.J. (1999). "The tribal radiation of the family Bovidae (Artiodactyla) and the evolution of the mitochondrial cytochrome b gene" (PDF). Molecular Phylogenetics and Evolution 26 (2): 227–243. PMID 10603253. doi:10.1006/mpev.1999.0619. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xullo de 2011. Consultado o 18 de setembro de 2014. 
  17. Algúns zoólogos, como T. Haltenorth (ver bibliografía), consideran este grupo como unha subfamilia, a dos Neotraginae.
  18. Algúns autores consideran este grupo como unha subfamilia, a dos Tragelaphinae.
  19. 19,0 19,1 Díaz d'a Silva er al. (2007), p. 139.
  20. Ovis musimon na Lista vbermella de especies ameazadas da UICN.
  21. Santiago-Moreno, et al. (2004): "El muflón europeo (Ovis orientalis musimon Schreber, 1782) en España: Consideraciones históricas, filogenéticas y fisiología reproductiva. Galemys, 16 (2): 3-20.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Díaz d'a Silva, J. I. & Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar