Díbatag

(Redirección desde «Dibatag»)

O díbatag[4] (Ammodorcas clarkei) é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos[3].

Ammodorcas clarkei

Ilustración de Joseph Smit datada en 1891.
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Xénero: Ammodorcas
Thomas, 1891
Especie: A. clarkei
Nome binomial
Ammodorcas clarkei
(Thomas, 1891) [2] [3]
Área de dispersión de Ammodorcas clarkei
Área de dispersión de Ammodorcas clarkei

Área de dispersión de Ammodorcas clarkei
Lámina de Ammodorcas clarkei en: Sclater, P. L. et al. (1894): The book of antelopes. Londres: R.H. Porter.

Trátase dunha especie monotípica, isto é, a única do seu xénero, e non se recoñecen subespecies.[3]

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1891 polo zoólogo británico Michael Rogers Oldfield Thomas, en Ann. Mag. Nat. Hist., ser. 6, 7: 304.[3]

Etimoloxía editar

Xénero editar

O nome do xénero, Ammodorcas, está formado pola raíz Ammo- e dorcas. Ammo- deriva do latín científico Ammōnītēs, derivado do latín medieval cornū Ammōnis, literalmente 'o corno de Amón'. Ammōnis era o nome do deus Amun do antigo Exipto (Amón, ou Amón-Ra) en grego antigo Ἄμμων, Ammōn (equivalente ao deus romano Xúpiter), adorado en África baixo a forma dun carneiro.[5] E dorcas é a daptación ao latín do grego antigo δορκάς, dorkás, 'gacela'.[6]

Especie editar

O nome específico, clarkei é unha homenaxe que Thomas dedicou ao cazador austriano T. W. H. Clarke, que recolectou o espécime tipo no norte de Somalia.[7]

Outros nomes vulgares editar

Na bibliografía internacional é común denominalo dibatag, adaptado en galego como díbatag[4], nome que procede do somalí, fomado polas palabras dabu ('cola') e tag ('ergueita'), xa que cando o animal está alarmado foxe erguendo a cabeza e a cola[8] e tamén como antílope de Clarke.[9]

Características editar

Aparencia xeral editar

É un antílope con aparencia de gacela, semellante ao Litocranius walleri, de tamaño mediano e constitución grácil, coas patas e o pescozo moi longos e finos, adaptados aos seus costumes de comer ramallos de árbores e arbustos. Ten os ollos grandes, as orellas longas e un fociño alongado, cónico. A cola é moi longa, fina, e remata nunha borla arredondada; cando o animal está alarmado e corre coa cabeza levantada, levananta tesa a cola cara a arriba ou cara a adiante. Os cornos son moderadamente longos (de entre 25 e 32 cm), fortemente curvados na base, suavemente diverxentes, falciformes, curvados cara a arriba e cara a atrás, e despois cara a adiante.[8] [10] [11] Este antílope presenta dimorfismo sexual, xa que as femias, aínda que son semellantes aos machos, adoitan seren máis pequenas e carecen de cornos.[12]

Coloración editar

A coloración da súa pelaxe, polas partes superiores, é gris purpúrea escura, con tonalidads rubias, sen ningunha banda lateral; as partes inferiores e as nádegas son brancas. A cara ten unha mancha central de cor castaña escura e, a cada lado, unha lista branca desde a base de cada corno até o fociño; a área ao redor dos ollos é branca e, desde o ollo até o foiño presenta unha lista escura. A cola é totamente negra.[8] [10]

Dimensións editar

A lonxitude de cabeza e tronco e de 103 a 117 cm, cunha altura na cruz de 80 a 90 cm. O macho pesa entre 20 e 35 kg, mentres que a femia oscila entre os 22 e os 29 kg. A longa cola mide de 30 a 36 cm.[8] [13]

Hábitat e distribución editar

 
Mapa de 1894 que mostra a distribución histórica de Ammodorcas clarkei en Somalilandia.
 
Follas de Commiphora caudata, unha das plantas preferidas de A. clarkei.

Hábitat editar

Vive en chairas con arbustos espiñentos baixos (non en zonas de matogueiras densas, diferenciándose nisto do antílope xirafa), que alternan con matas de herba e, algunhas veces, en chairas herbosas.[8] [13]

Distribución editar

Este antílope habita en paraxes semidesérticos do norte de Somalia e do leste de Etiopía, na rexión do Ogadén.[3]

Bioloxía editar

Costumes editar

O antílope de Clark vive usualmente en pequenos grupos de 3 a 5 individuos e, algunhas veces, en agrupacións failiares de até 9 cabezas. É un animal moi tímido, e está sempre alerta, movéndose en zonas amplas.[8]

Alimentación editar

Comen fundamentalmente ramas de pequenos arbustos, preferentemente dos xéneros Acacia e Comminphora, alcanzando os brotes tenros grazas ao seu longo pesozo; ao igual que o antílope xirafa é quen de sosterse en pé sobre as patas traseiras, coas dianteiras apoiadas nun tronco ou unha rama. Tamén se alimentan de bagas de varias especies do xénero Solanum e, ás veces, pastan herba, cando está verde.[8]

Repodución editar

Alcanzan a madurez sexual contra os 12 ou os 18 meses de idade. A xestación dura 204 días, e as femias paren unha cría (ás veces dúas) unha vez ao ano. A súa lonxevidade é de 10 e 12 anos.[13]

Status editar

Ammodorcas clarkei é unha especie escasa, aínda que localmente poden ser bastante comúns. A pesar de estar protexida, é obxecto de caza furtiva para aproveitar a súe pel. Por outra parte, a destrución do seu hábitat natural a causa do progresivo aumento do gando doméstico é tamén unha seria ameaza para a súa supervivencia.[8] Por iso a UICN cualifica o seu status como vulnerábel.[1]

Inimigos naturais editar

Son obxecto de depredación por parte de leóns, hienas, licaóns, guepardos, servais, caracais e, para os inmaturos, tamén o ratel e varias aguias, aínda que os leopardos son os seus depredadores principais.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Heckel, J. O., Wilhelmi, F., Kaariye, X. Y. & Amir, O. G. (2008). "Ammodorcas clarkei. In: IUCN 2010. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2010.1". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2012. Consultado o 10 de outubro de 2018. 
  2. Thomas, O. (1 June 1891). "On some antelopes collected in Somali-land by Mr. T. W. H. Clarke". Proceedings of the Zoological Society of London: 206–212. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Ammodorcas clarkei. In: Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005). Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  4. 4,0 4,1 Definición de díbatag no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  5. Ammon In: Charlton T. Lewis & Charles Short (1879): A Latin Dictionary. Oxford: Clarendon Press. ISBN 978-01-9864-2015.
  6. dorcas no Online Etymology Dictionary.
  7. Beolens, Bo; Watkins, Michael; Grayson, Michael (2009). The Eponym Dictionary of Mammals. JHU Press. p. 80. ISBN 978-0-8018-9533-3. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 236.
  9. Antilope de Clarke (Ammodorcas clarkei) en ManimalWorld.
  10. 10,0 10,1 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 101.
  11. Matthews, L. Harrison (1977): La Vida de los Mamíferos, Tomo II. Historia Natural Destino, vol. 17. Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-0700-X.
  12. Castelló, J. R. (2016): Bovids of the World: Antelopes, Gazelles, Cattle, Goats, Sheep, and Relatives. Princeton, Nova Jersey, USA: Princeton University Press. pp. 162–63. ISBN 978-0-691-16717-6.
  13. 13,0 13,1 13,2 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 102.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Xénero editar

Especie editar