A domesticación é a acción ou o efecto de facer doméstico algún ser vivo, é dicir, que viva a carón do ser humano, que se críe na casa. O termo deriva do latín domus, que significa «casa», e domesticus, que ten o mesmo significado que o termo actual. Describe o paso dende estado salvaxe a estado doméstico dalgúns animais pola acción do home. Este proceso prodúcese por mor dos intereses humanos de obter das especies salvaxes alimento, servizo, compaña, roupa, etc.,e comezou hai arredor de once mil anos.[1]

O cordeiro, unha das primeiras especies en ser domesticadas.

Unha especie domesticada, animal ou vexetal, é unha especie que desenvolveu unhas características morfolóxicas, fisiolóxicas, ou mesmo comportamentais novas e hereditarias, como resultado dunha interacción prolongada, dun control ou dunha selección á mantenta por parte do ser humano.

A domesticación fai referencia tamén ó estado no cal a reprodución, as curas e a alimentación dos animais, ou o ciclo das plantas son controlados de xeito máis ou menos directo polo ser humano. Na linguaxe corrente, a expresión «animal doméstico» emprégase acotío no senso de animal de compaña. Este último termo pódese aplicar a un animal individual, mentres que a domesticación concirne unha poboación ou unha especie enteira. Unha acepción ampla da domesticación tende a tratar tódalas formas de interacción regular da especie humana cunha especie animal.

A principal utilidade das plantas e animais domésticos é a produción de alimentos, así como a doutros produtos útiles como a la, o algodón, ou a seda. Malia isto, os motivos da práctica da gandería ou da agricultura non son sempre estritamente utilitarios e inclúen o pracer, a recreación ou prácticas relixiosas. A domesticación ds plantas e dos animais veu da man dos inicios da agricultura e foi un factor esencial no desenvolvemento da civilización. No pasado permitiu a revolución neolítica, mais tamén é un proceso que aínda se mantén até a actualidade.

Carpas koi, variedade ornamental da carpa.

O proceso de domesticación editar

Datas e lugares de domesticación editar

 
Figura en bronce dun bode atopada en Cefisia, probablemente fabricada en Ática no século -V.

As domesticacións esténdense dende o neolítico até a actualidade, agás a do can, que precede en diversos millenios a cría doutras especies e a sedentarización. A Idade Media é un período no que non se coñece ningunha nova achega na domesticación, mentres que a partir do século XIX prodúcese unha importante medra de novas especies criadas, e nalgúns casos pódese falar de domesticación.

As datas e os lugares das antigas domesticacións foron calculados con procedementos esencialmente arqueolóxicos, e máis polo miúdo, arqueozoolóxicos. Estes métodos consisten en examinar ou revisar os resultados das escavacións con ocupación humana prehistórica. Os restos animais son datados segundo os métodos arqueolóxicos:

  • Determínase a especie á cal pertencen;
  • Considérase igualmente a idade á cal morreu, así como o tipo de animal (posiblemente domesticado), que representan;
  • Baséase noutros indicios como os rastros observables de sacrificios e matanzas.

Trátase de determinar a presenza ou non de animais salvaxes ou de cría, e máis globalmente a natureza das súas relacións cos humanos. Deste xeito, o esqueleto dun gato que atopado a carón dunha tumba humana indica que se trataba probablemente dun animal de compaña.[2] Unha certa homoxeneidade na idade dos animais atopados indica a existencia dunha gandería na que se mataban os animais á idade óptima.

As novas técnicas, e en particular o estudo do ADN mitocondrial, permiten revisar as datas de domesticación, así como a árbore xenealóxica das especies domésticas actuais, polo que estes coñecementos continúan evolucionando. A liñaxe do can, en particular, teríase separado da do lobo hai entre 150 000 e 100 000 anos. É posible que o devanceiro do can se asociase con grupos humanos que seguía para obter restos de comida, tendo un papel de alerta, ou mesmo de axuda na caza. A data de domesticación que dan as fontes arqueolóxicas correspondería entón cun intre no que a relación se fixo máis estreita e existía un control máis grande do home sobre o animal, hai uns 17 000 anos.[3]

 
Bestiario no Antigo Exipto, contra o -1400.

O proceso de domesticación e a difusión das especies e técnicas de gandería esténdense sobre longos períodos de tempo e non están ben determinados. Por diversas especies recoñécense diversos centros de domesticación diferentes. Isto non exclúe os cruzamentos que se fixeron posteriormente, e semella inútil tentar determinar o devanceiro salvaxe de cada raza dunha especie doméstica.

Despois da do can, o primeiro escenario no que es produciu a domesticación foi no Oriente Próximo, en particular na parte que chamada Crecente Fértil. Tamén destaca Asia oriental, a conca do Mediterráneo e América do Sur. Algunhas rexións do mundo non coñeceron ningunha domesticación de especies locais até épocas moi recentes, como é o caso de Australia ou o sur de África.

Nalgunhas áreas, a domesticación produciuse de xeito independente, por evolución cultural dos grupos humanos locais e por adaptación de especies silvestres locais. Noutras, a domesticación foi influída (pola domesticación de especies locais a partir do coñecemento doutras áreas) ou importada (por pasar o cultivo e a gandería de especies xa domesticadas a outras áreas).[4] Hai 5 áreas nas que existen probas concluíntes de domesticación independente, 4 máis nas que hai indicios e 3 máis onde se produciu a domesticación despois de recibir influencia foránea. A táboa seguinte amosa estes territorios e algúns exemplos de especies domesticadas.[5]

Zonas de domesticación de especies locais producida de xeito independente ou por influencia foránea
Zona Especies domesticadas 1ª data comprobada de domesticación
Plantas Animais
Zonas de domesticación local independente
Sueste de Asia (Crecente fértil) trigo, chícharo, oliva ovella, cabra -8500
China (concas do río amarelo e do río Yangstsé) arroz e millo miúdo porco, eiruga de seda antes do -7500
Mesoamérica (centro e sur do México actual) millo, feixón, caiota, pataca, mandioca pavo antes do -3500
Os Andes e a Amazonia pataca, mandioca llama, coello das indias antes de -3500
Leste dos actuais Estados Unidos xirasol, quinoa ningún animal local domesticado antes de -2500
Zonas de posible domesticación local independente
Sahel africano sorgo, arroz africano galiña de Guinea antes do -5000
África Occidental de clima tropical iñame, palma de aceite ningún animal local domesticado antes do -3000
Etiopía café, tef ningún animal local domesticado ? descoñécese a datación
Nova Guinea Cana de azucre, banana ningún animal local domesticado ? posiblemente -7500
Zonas de domesticación local despois da chegada de cultivos procedentes doutras zonas
Europa Occidental durmideira, avea común ningún animal local domesticado entre o -6000 e -3500
Val do Indo sésamo, berenxena cebú -7000
Exipto sicómoro, xunca doce burro, gato -6000

Fonte: Diamond, Jared (2011). Armas, gérmenes y acero (en castelán) (2a ed. ed.). Barcelona: DeBolsillo. p. 115. ISBN 978-84-8346-326-0. 

O número de especies domésticas dispoñibles aumentou drasticamente a partir do século XVI en ámbolos costados do Atlántico, co que se chamou intercambio colombiano. O continente americano tiña con anterioridade cinco especies de animais domésticas, das cales só o can era coñecido no mundo antigo. Os cabalos e bois chegaron a América a través deste intercambio, mentres que un gran número de plantas domésticas americanas foron introducidas en Europa, Asia e África.

Proceso de domesticación editar

Téñense proposto diversas situacións iniciais que conducirían á domesticación de animais. A tradición de adoptar crías de animais é un fenómeno que explica a orixe da domesticación, e dende esta maneira é doado obter animais que se familiarizaron dende pequenos cos humanos. Porén, é preciso lembrar que o proceso de domesticación implica a cría de liñaxes de animais durante moitas xeracións, que non é o que pasaría se se capturasen sempre novos animais salvaxes. Por outra banda, esta práctica, que aínda existe na actualidade, é característica dos pobos cazadores-recolectores, que precisamente non teñen animais domésticos. Por este motivo, estes aprovisionamentos estarían integrados nunha cultura baseada na caza e non na gandería, e existiría unha oposición entre sociedades «de aprovisionamento» e sociedades «de domesticación».[6][7] Este sistema non semella poder ser considerado un xeito de domesticación. Ademais, mentres que o factor cultural é probablemente esencial para explicar a domesticación (ou a non-domesticación) dunha especie, o sistema económico e cultural dunha sociedade non é fixo. A meirande parte das sociedades baseadas na caza crían cans, polo que este sistema tería sido un elemento chave da domesticación.[8]

É posible que a domesticación pasase por unha fase de mutualismo entre animais e seres humanos, é dicir, un achegamento e unha axuda mutua. De feito, esta relación obsérvase aínda hoxe no can paria, e crese que foi unha etapa da domesticación do porco.

Diversas especies foron obxecto dunha tradición de caza que posteriormente evolucionaron cara a un control das poboacións, e unha xestión de poboación salvaxe razoable. Esta caza podería terse convertido en selectiva, escollendo, por exemplo, os animais meirandes e os machos con proporcións máis grandes, e conducindo cara a un tipo de gandaría extensiva, máis intensificada. Todos estes estadios practícanse actualmente cos renos en diferentes rexións. Este proceso semella ter afectado a diferentes especies, entre as cales destacan as cabras, as ovellas, e pequenos camélidos como as llamas.[8]

Finalmente, a gandería podería ter comezado sinxelamente con animais capturados e despois criados en estrita catividade. Este é o caso da maioría de domesticacións recentes ou contemporáneas. É nesta situación que o control e a selección poden ser máis fortes, facendo posible unha transformación máis rápida das especies seleccionadas. O guión de domesticación dunha especie podería ter ocorrido segundo un destes esquemas ou ter sido unha combinación simultánea ou sucesiva.

No caso do coello, as etapas da domesticación foron establecidas na Idade Media, que constitúen unha reserva de caza. Con algúns destes coellos practicouse unha selección, permitida pola captura dos animais vivos grazas ós furóns. Esta selección conduciu á aparición das primeiras variedades de coello durante o século XVI, que se distinguen pola súa cor e o seu tamaño.[9] A gandería intensificouse e a forte selección levou a unha gran variabilidade de razas domésticas. O comportamento do coello de gandería evolucionou probablemente de xeito conxunto por mor dunha selección de animais menos salvaxes, podendo ser unha selección tan intencional como indirecta; os animais máis difíciles de recapturar non podían ser dados a novos criadores.

As prácticas de cría e de selección que se poden observar ó longo da historia poden dar unha idea de como se desenvolveu o proceso de domesticación. Son prácticas moi variadas, igual que o són os coñecementos e representacións que teñen os criadores dos mecanismos da herdanza e da influencia que podían exercer sobre unha poboación animal. Algúns deles facían unha selección metódica dentro dun rabaño, mentres que outros non concibían a influencia que podía ter a elección dos reprodutores nos seus produtos, dentro dunha especie ou variedade. Con todo, estes criadores podían ver o interese de adquirir unha nova liñaxe ou efectuar cruzamentos con animais de orixe diferente e participar así na súa difusión.

Por outra banda, a selección exercida polos criadores está lonxe de manter sempre a mesma dirección, un tipo de práctica aplicada a diversas especies e en diferentes épocas que consiste, por exemplo, en sacrificar os animais de crecemento máis grande ou máis rápido, e deixar que os outros completen o seu crecemento. Esta práctica, que ten un efecto de contraselección, foi denunciada como tal polos observadores, coma no caso das ovellas, ou na piscicultura, onde a práctica de "pesca de fondo" é repoboar unha lagoa despois da súa pesca, devolvendo só os peixes máis pequenos. Así, malia que a carpa ten unha longa tradición de cría en Francia, o rendemento da cría destes peixes era frouxo. Introducíronse liñaxes de crecemento moito máis rápido provenientes de Europa central a finais do século XIX, cos cales se practicaba a cría selectiva. Entre a diversidade das prácticas, destaca a que consistía en facer que unha femia fose montada por conxéneres salvaxes polas calidades reais ou supostas que iso lle outorgaba ós animais (can-lobo, porco-xabaril, en Europa). Malia que iso semella opoñerse ó proceso de domesticación, estas hibridacións poderían ter contribuído a combinar os caracteres domésticos (especialmente os comportamentais) dunha especie cos dunha subespecie local salvaxe ben adaptada ó seu medio. Este foi probablemente o caso das razas de cans nórdicos.

A domesticación dunha especie é froito dunha historia múltiple difícil de reconstruír. Os factores importantes son a predisposición de cada especie, as prácticas dos criadores ou protocriadores en períodos longos que efectúan unha selección consciente ou non, e os intercambios de animais que permiten que as liñaxes máis domesticadas se espallen.

Aspecto biolóxico editar

 
Vacas da raza hereford, seleccionada para a produción de carne.

O proceso de domesticación comeza cando un número limitado de animais son illados doutros individuos da especie salvaxe. Esta poboación pode experimentar un fenómeno de microevolución, por mor da adaptación ás condicións da gandería e da selección humana.[10] Esta evolución está marcada pola aparición de trazos domésticos, é dicir, dos novos caracteres considerados como mutacións xenéticas conservadas, mentres que os alelos que os portan seguirían a ser raras ou terían sido eliminadas pola selección natural en estado salvaxe.

Trátase de caracteres morfolóxicos, como po exemplo un tamaño meirande ou máis cativo que o da especie salvaxe, coloracións novas, o pelo longo, rizado ou o rabo acurtado. Tamén son caracteres fisiolóxicos, como o aumento da fecundidade ou a precocidade do crecemento. Obsérvase tamén a perda de caracteres morfolóxicos como os cornos nalgunhas razas de cordeiro, ou de aptitudes como unha diminución da mobilidade, da velocidade de carreira ou da capacidade de voo, así como a perda de aptitudes comportamentais. Isto fundamenta unha interpretación da domesticación como unha alteración do xenotipo, cousa que é indiscutible no caso do albinismo. Buffon describe a domesticación como unha dexeneración.[11] A variabilidade morfolóxica é importante en certas especies, e moito menos noutras coma o camelo bactriano. Tamén se interpretan as transformacións da domesticación co concepto de neotenia, segundo a cal os caracteres morfolóxicos (como as orellas que colgan) ou condutistas (como o agarimo), orixinalmente propios dos estadios xuvenís, mantéñense até a idade adulta.

Xa que as primeiras especies domesticadas foron criadas dende hai algúns milenios, existe un debate sobre se isto é realmente indispensable. Experimentos específicos[12] e as domesticacións máis recentes demostran que, cunha selección intensa, as transformacións típicas da domesticación poden aparecer relativamente axiña, nun intervalo dunha ou algunhas decenas de xeracións.

Dende un punto de vista ecolóxico, algunhas especies son criadas en estado doméstico nun medio idéntico ou moi semellante ó dos seus devanceiros salvaxes, coma o camelo ou o reno. En troques, é preciso subliñar que o número relativamente baixo de especies domésticas é compensado pola súa distribución, a miúdo moi ampla, en medios e en climas variados e moi diferentes dende o lugar de orixe da especie. A galiña, orixinaria de rexións tropicais, é criada até o círculo polar ártico, e o porco, orixinario de rexións temperadas, é criado mesmo en climas ecuatoriais, onde é preferido a outras especies de súidos orixinarias destes climas pero non domesticadas. A dieta das especies domésticas pode variar moito por mor do acceso ós recursos naturais dun novo medio, e, evidentemente, á alimentación artificial, na que os cereais cultivados son primordiais, mesmo para os cans. Resulta difícil determinar en que medida estes cambios de clima e de dieta foron acompañados por unha adaptación fisiolóxica hereditaria cara a unha eventual tolerancia dos animais domésticos a estas variacións. Cunha ollada diferente, determinados autores estimaron que as especies domésticas foron seleccionadas entre as que estaban menos especializadas dende un punto de vista alimentario e ecolóxico[13] (especies euriocas). Os desprazamentos e introducións por parte do ser humano de especies domésticas a lugares onde non estaban presentes tivo consecuencias importantes sobre o equilibrio ecolóxico dende o neolítico,[14] xa que poden converterse en especies invasores e provocar a desaparición de especies locais.

Aspecto comportamental editar

 
Un can fox terrier coa súa dona.

A domesticación non é só unha modificación dos trazos físicos dunha especie, senón tamén do seu comportamento. Esta evolución consiste en primeiro lugar nun carácter menos fero ou salvaxe, unha tolerancia ou unha familiaridade máis marcada cara aos humanos, e a mitigación dos comportamentos potencialmente perigosos para o home. Tamén é unha adaptación ás condicións de cría, e polo tanto ós grupos importantes e a promiscuidade, que poden ser mal tolerados polos conxéneres salvaxes.

O etólogo Konrad Lorenz describiu notablemente a domesticación como un empobrecemento dos comportamentos sociais especializados en prol da hipertrofia das necesidades básicas, como a reprodución e a alimentación.[15] En efecto, o comportamento social en xeral semella máis variado nos animais salvaxes que nos seus conxéneres domesticados.[16]

No caso do can, a evolución comportamental semella moito máis radical e non se pode reducir á perda do carácter fero ou salvaxe. A capacidade dos cadelos de interpretar os sinais de comunicación humanos é superior á dos lobos e dos primates.[17] Xa que en parte poden ser o resultado dunha educación o adestramento, o agarimo que ten un can cara ao seu mestre e a tendencia a obedecelo son caracteres innatos xurdidos da domesticación.

Tamén se emprega a etoloxía en referencia á domesticación cando se fala dos trazos comportamentais que permiten ou permitiron que unha especie fose domesticada; o principal sería o carácter social dunha especie. O feito que esta especie vivise en grupos xerarquizados permitiría ó criador exercer un control sobre estes animais asumindo a posición de elemento dominante do grupo.

Aspecto zootécnico editar

Artigo principal: Cría selectiva.

Actualmente, os obxectivos da domesticación de novas especies ou a mellora das razas xa domesticadas concirnen esencialmente á produción. Trátase da adaptación ás condicións de cría, a fecundidade, a velocidade de crecemento, e acotío a calidade da carne ou doutros produtos como o leite ou a la.

Os rexistros máis antigos descubertos que recollen listas de liñaxes,amosando unha formalización da selección dos animais, datan do século -XVI e están escritos en lingua hitita. A selección moderna das especies recorre a ferramentas notablemente estatísticas aplicadas ós coñecementos xenéticos. Requiren dunha avaliación tan obxectiva como sexa posible dos suxeitos e unha organización rigorosa dos programas de cría, co fin de obter unha mellora do rendemento das liñaxes en función de obxectivos determinados. Estas seleccións son implementadas por organizacións especializadas.

A selección sobre a base de criterios estritos de rendemento é criticada polos inconvenientes que comporta, como por exemplo a fraxilidade dos suxeitos,[18] ou pola ameaza que representa par a biodiversidade das razas domñesticas, impoñendo un número reducido de liñaxes. Como resposta, téndese a integrar criterios de selección máis amplos, como a facilidade de parto, ademais do rendemento ó aleitar ou o crecemento. Esta selección tamén pode intentar responder a necesidades moi precisas, como unha redución dos elementos máis contaminantes das feces dos animais, que representan un problema en sitacións de cría intensiva.[19] Por outra banda, as variedades pouco seleccionadas (chamadas «rústicas») son recoñecodes* non só como recursos xenéticos potenciais, senón tamén pola súa adaptación a determinados xeitos ou sistemas de cría intensiva. O CNRS francés calculou no 2005 que o 50% das razas de paxaros domésticos están en vía de extinción.[20] A selección dos animais está relacionada cuns obxectivos e un tipo de cría determinados. Ademais, se as organizacións especializadas se encargan da selección, isto pode reducir a autonomía dos produtores e deixalos nunha situación de dependencia cara estas organizacións, especialmente no tocante ó tipo de produción.

Malia estes límites, a selección actual ten unha grande eficacia. O progreso xenético obtido pode ser significativo sobre un período duns anos, cousa que amosa que a transformación das especies domésticas non está nin de lonxe rematada. Os esforzos tamén se concentran nas novas especies criadas, especialmente peixes.

Aspecto cultural editar

A domesticación tamén é un fenómeno cultural polo feito de que ó comezo implica un cambio radical da relación do home coa natureza e coas especies concernidas. Aparentemente, os sistemas culturais humanos e a súa evolución son o primeiro factor que determina a domesticación ou non domesticación das especies.

Notas editar

  1. "domesticació". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  2. Un chat apprivoisé à Chypre, plus de 7000 ans avant J.C., Comunicat del CNRS, Abril del 2004. Article original: J.-D. Vigne, J. Guilaine, K. Debue, L. Haye i P. Gérard, Early taming of the cat in Cyprus, Science, 9 de abril de 2004.
  3. BBC NEWS|Science/Nature|Origin of dogs traced
  4. Diamond, Jared (2011). Armas, gérmenes y acero (en castelán) (2a ed. ed.). Barcelona: DeBolsillo. pp. 112–113. ISBN 978-84-8346-326-0. 
  5. Diamond, Jared (2011). Armas, gérmenes y acero (en castelán) (2a ed. ed.). Barcelona: DeBolsillo. pp. 113–115. ISBN 978-84-8346-326-0. 
  6. J. F. Downs, Domestication: an examination of the Changing Social Relationship Between Man and Animals, 1960, citado por J.-P. Digard.
  7. Philippe Descola, Pourquoi les Indiens d'Amazonie n'ont-ils pas domestiqué le Pécari ? en De la préhistoire aux missiles balistiques B. Latour i P. Lemonnier (dir), París, 1994, La Découverte: 329-344
  8. 8,0 8,1 Jean-Pierre Digard, L'homme et les animaux domestiques: Anthropologie d'une passion, 1990.
  9. Van Damme, Dirk; Ervynck, Anton: Furets et lapins médiévaux au château de Laarne (Flandres orientales, Belgique). Contribution à l'histoire d'un prédateur et de sa proie, Universidade de Liexa, 1991, ISSN 077724913. citado en Promethee.philo Arquivado 01 de abril de 2012 en Wayback Machine..
  10. Achilles Gautier, Domestication animale et animaux domestiques prétendument oubliés, Universidade de Liexa, 1991, ISSN 077724913, citado en Promethee.philo Arquivado 01 de abril de 2012 en Wayback Machine..
  11. Patricia Pellegrini, De l'idée de race animale et de son évolution dans le milieu de l'élevage, Ruralia, maio de 1999 (Versión en liña).
  12. Un experiment dut a terme a Rússia al llarg de cinquanta anys consistí a seleccionar guineus segons criters comportamentals. Tendeix a mostrar la possibilitat d'una evolució ràpida vers la domesticació, així com la relació entre els caràcters comportamentals i els fenotípics. « Early canid domestication : the farm fox experiment », American Scientist, Vol. 87 No. 2 (marzo/abril 1999) Artigo de Lyudmila N. Trut, Ph.D. (Documento en liña Arquivado 15 de agosto de 2015 en Wayback Machine.), (en inglés).
  13. Jean-Sébastien Pierre Éthologie et domestication Arquivado 21 de outubro de 2005 en Wayback Machine., 2005, Universidade de Rennes 1, clase, 34 p, páxina 20.
  14. Vigne J.-D., 1994. « Les transferts anciens de mammifères en Europe occidentale : histoires, mécanismes et implications dans les sciences de l’homme et les sciences de la vie », En : Des animaux introduïts par l’homme dans la faune de l’Europe (L. Bodson, editor). Colloque d’histoire des connaissances zoologiques, 5, Universidade de Liexa, B : 15-38.
  15. Autobiografía de Konrad Lorenz, publicada en Les Prix Nobel en 1973, editor Wilhelm Odelberg, Nobel Foundation, Estocolmo, 1974 (Versión en liña Arquivado 08 de xullo de 2008 en Wayback Machine.). (en inglés)
  16. Domestication et comportement Arquivado 22 de xullo de 2015 en Wayback Machine. de Jacques Goldberg, Bulletin de la Société zoologique de France, 2003, vol. 128, no. 4, páx. 89
  17. Mind of a dog Arquivado 05 de outubro de 2006 en Wayback Machine., New Scientist magazine, 26 febreiro 2000 (en inglés).
  18. A. Sanchez, M. Plouzeau, P. Rault, M. Picard (2000). INRA, ed. "Croissance musculaire et fonction cardio-respiratoire chez le poulet de chair". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2015. Consultado o 18 de xullo de 2015. 
  19. omafra.gov.on.ca (ed.). "Compendium des recherches sur l'environnement financées par le MAAO Autres recherches en environnement (EN)". Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2007. Consultado o 18 de xullo de 2015. 
  20. le journal du CNRS, ed. (N°183, abril del 2005). "Une cryobanque pour les oiseaux domestiques". 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Juliet Clutton-Brock, A Natural History of Domesticated Mammals, Cambridge University Press, segunda edición, 1999, (ISBN 0-521-63495-4). (en inglés)
  • Jean-Pierre Digard, L'homme et les animaux domestiques : Anthropologie d'une passion, Fayard, colección. «le temps des sciences», 1990 (ISBN 2-213-02466-9). (en francés)
  • PRODUCTIONS ANIMALES - Revista editada por INRA Volume 17 - Número 3 - xullo de 2004 - número especial: Domestication des poissons Ler en liña (en francés)
  • Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon Histoire Naturelle générale et particulière avec la description du cabinet du roi par Mrs. De Buffon et Daubenton, Tomo cuarto, nova edición en Ámsterdam, de J.H. Schneider M. DCCLXVI. Ler en liña Arquivado 22 de xullo de 2015 en Wayback Machine. (en francés)
  • Philippe Orsini, Les animaux domestiques, Muséum d'Histoire naturelle, Toló, 2001. (en francés)
  • Francis Petter, Les animaux domestiques et leurs ancêtres, Bordas, 1973, (2-04-007853-3). (en francés)

Ligazóns externas editar