Moedas do sesquicentenario da independencia dos Estados Unidos

moedas conmemorativas estadounidenses de 1926
Medio dólar do sesquicentenario dos EEUU [1][2]
A/: Bustos de G. Washington e de C. C. Coolidge.

Lendas: ✿ LIBERTY ✿ IN GOD WE TRUST / UNITED ·STATES · OF · AMERICA.

R/: Campá da Liberdade.

Lendas: SESQUICENTENNIAL · OF · AMERICAN · INDEPENDENCE / E · PLURIBUS · UNUM / 1776 / 1926 / · HALF · DOLLARั·

As moedas do sesquicentenario da independencia dos Estados Unidos son unha serie numismática emitida en 1926 consistente nunha peza de medio dólar de prata e outra de 2½ dólares de ouro, para conmemorar o 150 aniversario da Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América en 1776.

Ambas as moedas foron emitidas pola US Mint e cuñadas na Ceca de Filadelfia.

En virtude dunha lei de marzo de 1925 do Congreso dos Estados Unidos, pola que se constituíu a Comisión Nacional de Exposicións do Sesquicentenario, permitíuselle tamén a esta entidade a adquisición dun millón de moedas de medio dólar de prata e de 200.000 exemplares da moeda de ouro de 2½ especialmente deseñados para o acontecemento, que poderían despois venderse ao público cunha prima. A Comisión tivo problemas para acordar un deseño co gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, John R. Sinnock, polo que se lle pediu ao avogado, mecenas e numismático John Frederick Lewis (1860-1932) que presentase os seus esbozos.[3] Estes foron adaptados posteriormente por Sinnock, sen recoñecer a figura de Lewis, cuxa participación se descoñeceu durante catro décadas.

Ambas as moedas cuñáronse na cantidade máxima de exemplares autorizada, aínda que, ao non se vender na súa totalidade, unha parte importante da tiraxe foi devolta para a súa refundición na casa da moeda.

No anverso da moeda de medio dólar figuran os bustos do primeiro presidente, George Washington, e do presidente en exercicio na data de emisión, Calvin Coolidge, o que a converte na primeira moeda dos EEUU na que se representa un presidente en vida.

A campá do reverso deste medio dólar foi reutilizada por Sinnock —novamente sen recoñecer o mérito de Lewis— no deseño doutra moeda de medio dólar que emitiu por vez primeira en 1948.

2½ dólares do sesquicentenario dos EEUU [4][5]
A/: A Liberdade en pé sobre o globo terráqueo, co pergamiño da Declaración de Independencia na man dereita e un facho prendido na esquerda.

Lendas: UNITED · STATES OF · AMERICA / 1926 / 1776 / LIBERTY.

R/: Independence Hall.

Lendas: SESQUICENTENNIAL · OF AMERICAN · INDEPENDENCE / IN GOD / WE TRUST / E PLURIBUS UNUM / 2 ½ DOLLARSั. Marca de gravador (JRS).

Inicio editar

A iniciativa lexislativa para a creación dunha emisión monetaria conmemorativa da independencia dos Estados Unidos presentouse en nome da Comisión nacional da Exposición do Sesquicentenario dos Estados Unidos, encargada de organizar a coñecida como Exposición do Sesquicentenario en Filadelfia. Na lei do 3 de marzo de 1925, o Congreso dos EEUU constituíu a Comisión e autorizou a cuñaxe dun millón de moedas de medio dólar e de 200.000 moedas de dous dólares e medio, conmemorativas do 150 aniversario da independencia dos Estados Unidos. Estas moedas deberíanselle vender unicamente á Comisión ao seu valor nominal, para que despois esta as vendese ao público cunha prima,[6] e poder deste xeito sufragar os gastos da exposición cos beneficios xerados.[7][8]

 
O congresista por Pensilvania George P. Darrow, un dos impulsores da lei pola que se crearon as moedas conmemorativas do sesquicentenario da independencia dos EEUU.

A versión orixinal do proxecto de lei foi presentada o 16 de febreiro de 1925 na Cámara de Representantes polo congresista de Pensilvania George P. Darrow, e no Senado polo senador do mesmo Estado George W. Pepper, e nel prevíase inicialmente unha moeda de ouro de 1,50 dólares outra de prata de medio dólar para o 150 aniversario, e un billete dun dólar na honra da Declaración de Independencia.[9][10]

Dous días despois tivo lugar unha comparecencia ante o Comité de Artes Industriais e Exposicións da Cámara de Representantes, na que o congresista Darrow predixo que as moedas dun dólar e medio non contarían coa oposición nin do Tesouro nin da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas,[11] aínda que se equivocou, xa que o secretario do Tesouro, Andrew W. Mellon, acabou por non apoiala.[12] A Comisión tamén esperaba contar con conmemoracións da ampliación do país mediante a compra de Luisiana e a anexión de Texas, mais estas non se incluíron na versión final aprobada do proxecto de lei.[13] Así e todo, a Comisión seguiu tratando de que o Congreso aprobase a peza de 1,50 dólares e as demais conmemorativas propostas, polo menos ata agosto de 1925.[14]

En maio, H. P. Caemmerer, secretario da Comisión de Belas Artes, o organismo encargado de facer as recomendacións pertinentes antes da aprobación dos deseños das moedas, escribiu á Comisión do Sesquicentenario para se interesar polo que esta pretendía facer coas moedas. Ao non recibir resposta, escribiu novamente a finais de agosto, esta vez a Milton Medary, membro da Comisión de Belas Artes, para lle preguntar que progresos se fixeran ao respecto. Medary contestou que a Comisión do Sesquicentenario estaba xa en contacto co novo gravador xefe da Casa da Moeda, John R. Sinnock —o seu predecesor, George T. Morgan, morrera en xaneiro—, pero que Sinnock aínda non presentara uns deseños satisfactorios.[15]

Aparentemente insatisfeita co traballo de Sinnock, a Comisión do Sesquicentenario contratou a John Frederick Lewis para a creación dos deseños.[15] Lewis, que presidía a Academia de Belas Artes de Pensilvania desde 1906,[16] era máis coñecido como numismático que como artista.[17][18] O 8 de decembro de 1925, o director desta comisión, Asher C. Baker, presentoulle ao presidente da Comisión de Belas Artes, Charles Mooere, os bosquexos de Lewis, que se parecían xa bastante ao resultado finalmente cuñado. Baker referiuse aos deseños de Lewis para "as moedas" —en plural", o que pode implicar que tamén presentara esbozos para a moeda de dous dólares e medio, aínda que, de ser así, a Comisión de Belas Artes non lles deu curso e hoxe non se conservan.[19] Os deseños do medio dólar foron aprobados pola Comisión de Belas Artes coa condición de que os esbozos fosen convertidos en modelos por un escultor competente, e Moore enviounos o 11 de decembro ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert J. Grant. Os modelos de xeso resultantes, feitos por Sinnock, foron presentados á Comisión de Belas Artes o 13 de marzo de 1926 e, sen dúbida, foron aprobados, aínda que a carta de aprobación non se conserva.[19]

Os esbozos de Sinnock para a moeda de ouro de dous dólares e medio enviáronse á Comisión de Belas Artes o 27 de febreiro de 1926, dirixidos a un dos seus membros, o escultor Lorado Taft, para que dese a súa opinión. Moore enviou a aprobación da súa comisión a Grant o 26 de marzo con varias recomendacións, entre elas que se omitise o lema E LURIBUS UNUM, presente no anverso dos esbozos de Sinnock, así como os raios de Sol do reverso. En abril aprobáronse os modelos, tamén con pequenas suxestións.[20]

Deseño editar

Medio dólar de prata editar

 
A "Campá da Liberdade Luminosa" de Filadelfia, cuns 24 metros de alto, creada en 1926 por Frank C. English & Sons para a Exposición do Sesquicentenario.[21]

No anverso do medio dólar aparecen os bustos pegados de George Washington, o primeiro presidente dos Estados Unidos, e de Calvin Coolidge, quen ocupaba o cargo en 1926. Consonte os investigadores numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen, "ambos eran erróneos; Washington non era o presidente do Congreso Continental en 1776 e a imaxe de Coolidge era ilegal, xa que en virtude dunha lei do Congreso de 1866 ningunha persoa viva podía ser retratada en moedas nin en billetes dos Estados Unidos. Mais a lei fora violada en diferentes ocasións e volvería selo".[22] Aínda que Sinnock non creara previamente moeda ningunha coa imaxe dun presidente, si que o fixera con medallas presidenciais, baixo a dirección do gravador xefe Morgan.[23] Outros estadounidenses vivos, como o senador por Virxinia Carter Glass, apareceron en moedas conmemorativas, mais Coolidge foi o único presidente que aparece nunha moeda estadounidense estando vivo.[24][25]

A Campá da Liberdade que se amosa no reverso do medio dólar converte esta moeda como a primeira dese país que leva publicidade privada, xa que amosa o texto Pass and Stow na campá, pola desaparecida sociedade constituída por John Pass e John Stow, que refundiron a campá logo de que rompera inicialmente en.[24][25] As iniciais de Sinnock, JRS, están tamén no reverso, onde se trunca o busto de Washington.[26]

2½ dólares de ouro editar

 
O posterior medio dólar do bicentenario (1976) garda semellanza coa moeda de 2½ dólares do sesquicentenario.

Swiatek e Breen describen o anverso da moeda de ouro de dous dólares e medio como "moi Art Déco".[22] Nel aparece a Liberdade en pé sobre un globo terráqueo, cun píleo na cabeza, sostendo coa súa man dereita un pergamiño que representa a Declaración de Independencia dos Estados Unidos e coa esquerda un facho, que probablemente queira lembrar a Estatua da Liberdade. No reverso represéntase o Independence Hall, o lugar onde se asinou a declaración de independencia, co Sol nacente atrás. Á dereita, sobre a á dereita do edificio, están as iniciais de Sinnock como gravador.[27] Para Bowers, a representación do Independence Hall lembra moito a do coñecido como "medio dólar do bicentenario", cuñado medio século despois.[28] Como non se ven as agullas do reloxo do campanario do edificio, na moeda de 2½ dólares non é posible apreciar a hora, en tanto que no medio dólar do bicentenario se ve que marca as tres en punto.[29]

Valoracións do deseño editar

Por instancias da Comisión do Sesquicentenario, as moedas cuñáronse cun relevo moi superficial, polo que o resultado é deficiente.[17] O comerciante e escritor numismático Q. David Bowers opinou ao respecto que "desde o punto de vista do atractivo estético, a moeda de medio dólar está na parte inferior das listaxes de popularidade, xunto co medio dólar Monroe de 1923 da Ceca de San Francisco".[30]

O historiador da arte Cornelius Vermeule ten unha opinión máis positiva acerca destas emisións. Ao comentar o anverso do medio dólar eloxiou os seus aspectos técnicos, que demostran que a Casa da Moeda de Filadelfia aprendeu de intentos anteriores de redeseño de moedas. Para Vermeule o reverso é admirable e cualifica tanto a campá como as letras como "xoias de precisión". En relación co anverso da moeda de dous dólares e medio, Vermeule suxeriu que Sinnock "volvera en parte á iconografía alegórica do século XIX". Na súa opinión, a alegoría da Liberdade é demasiado descarada, co pergamiño e o facho, e sinalou que Sinnock acabou atopando un lugar máis apropiado para o facho na moeda de 10 centavos de Roosvelt de 1946. A figura en si, malia as roupaxes clásicas, "parece máis ben unha 'flapper' dos anos vinte, e a súa gorra acentúao".[31] En opinión de Vermeule, o reverso da moeda de ouro forma parte dunha tradición de vistas realistas de estruturas nas moedas estadounidenses que se repetiría coa moeda de cinco centavos de Jefferson, en 1938.[32]

Distribución e repercusión posterior editar

O primeiro exemplar do medio dólar do sesquicentenario foi cuñado polo alcalde de Filadelfia, W. Freeland Kendrick, nunha cerimonia especial na casa da moeda desa cidade o 19 de maio de 1926. Logo presentóuselle ao presidente Coolidge cando visitou a Exposición [33] e desde entón consérvase na Biblioteca e Museo Presidencial Calvin Coolidge.[18] Lewis, nunha carta do 5 de maio ao director da US Mint, Robert J. Grant, indicara o seu entendemento —erróneo— de que se colocaría unha marca nas primeiras mil moedas cuñadas, para as distinguir, e propuxo que fose o "K" inicial do apelido do alcalde, "Kendrick", mais isto non se fixo.[18]

 
Selo de 1926 do Servizo Postal dos EEUU conmemorativo da Exposición do Sesquicentenario da Independencia.

Na Casa da Moeda de Filadelfia cuñáronse 1.000.528 exemplares da moeda de medio dólar,por petición da Comisión, entre maio e xuño de 1926, e o exceso sobre a cuñaxe autorizada reservouse para a inspección e o ensaio na reunión de 1927 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[34] Tamén se produciron 200.226 exemplares da moeda de ouro de dous dólares e medio, nos mesmos meses de maio e xuño, igualmente cun exceso de moedas destinadas á Comisión de Ensaios. Esta moeda foi a segunda conmemorativa con valor de dous dólares e medio, despois da moeda conmemorativa da Exposición Panamá-Pacífico de 1915. A US Mint non volveu cuñar nuingunha nova moeda conmemorativa de ouro ata 1984, cando cuñou unha moeda de 10 dólares conmemorativa dos Xogos Olímpicos dos Ánxeles.[35]

A Exposición do Sesquicentenario inaugurouse en Filadelfia o 1 de xuño de 1926, financiada en parte con cinco millóns de dólares en bonos emitidos pola cidade. As obras de varios pavillóns non se concluíran e a súa construción continuou ata o pechamento da feira. Nela houbo moitas exhibicións de carácter científico, artístico e comercial, mais a maioría das empresas concorrentes perderon diñeiro coa súa participación, do mesmo xeito que a propia cidade, e segundo Bowers "nos anais das feiras e exposicións dos Estados Unidos, o evento do Sesquicentenario obtén unha baixa cualificación".[36]

A Comisión do Sesquicentenario encargouse da comercialización das moedas conmemorativas no lugar onde se celebraba a exposición, en tanto que a empresa Franklin Trust Company se encargaba da venda por correo. A moeda de medio dólar de prata vendíase ao prezo dun dólar e a de dous dólares e medio por catro dólares. No entanto, a súa venda non tivo o éxito que se esperaba e as previsións da Comisión pecaron de exceso de optimismo. A pesar de que houbo seis millóns de visitantes á exposición, cumpriu devolver para a súa refundición 859.408 exemplares da moeda de medio dólar, do millón que fora cuñado. E de igual xeito, dos 200.000 exemplares cuñados da moeda de ouro de dous dólares e medio houbo que refundir 154.207.[33] Isto non se fixo dunha soa vez: en xaneiro de 1930 devolvéranse 420.000 moedas de medio dólar e o resto fóronse devolvendo máis tarde.[37]

Segundo o comerciante numismático B. Max Mehl no seu traballo de 1937 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses: "Filadelfia, cunha poboación de máis de dous millóns de persoas [...] podería e debería ter vendido unha cantidade de moedas maior".[38] Arlie R. Slabaugh escribiu, no seu libro de 1975 sobre este mesmo asunto: "chamóusenos compracentes sobre a nosa independencia e o xeito de vida americano nos últimos anos, mais se xulgamos pola venda destas moedas, debeu ser moito peor en 1926!".[39]

 
 
O posterior medio dólar Franklin deseñado por Sinnock reproduce tamén a Campá da Liberdade, e a súa moeda de 10 centavos Roosvelt evoca o facho da moeda de 2½ dólares do sesquicentenario.

Sinnock reutilizou o reverso do medio dólar do Sesquicentenario para o seu deseño do medio dólar Franklin, cuñado por primeira vez en 1948, un ano antes do seu falecemento. Tanto a propia casa da moeda como algunhas publicacións atribuíron o mérito do deseño destas dúas a Sinnock exclusivamente, ata que Don taxay publicou a súa obra An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage en 1967, na que revelou a participación de Lewis no deseño.[36] Taxay referiuse á "mala atribución final e deliberada por parte da casa da moeda do artista que deseñou o medio dólar",[15] e escribiu que "talvez, despois destes corenta anos, sexa a hora de dar unha nova liña de recoñecemento".[40] Bowers indicou a este respecto, "Lewis e Sinnock deberían compartir o mérito".[36] Na edición de 2015 de A Guide Book of United States Coins, de R. S. Yeoman, menciónase a participación de ambos os deseñadores e valórase no mercado numismático o medio dólar en 90 dólares e a moeda de ouro en 450 dólares, aínda que as moedas en estados de conservación excelentes poden acadar prezos moi superiores.[41] Hoxe consérvanse moitos exemplares de ambas as moedas nun estado de conservación de "sen circular".[18]

Notas editar

  1. "½ Dollar Sesquicentennial of American Independence". Numista.com
  2. "Sesquicentennial of American Independence Half Dollar". United States Mint.
  3. Nota biográfica sobvre John Frederick Lewis. En Commemorative Coins of the United States. Professional Coin Grading Service.
  4. "2½ Dollars Independence". Numista.com
  5. "Sesquicentennial of American Independence Quarter Eagle". United States Mint.
  6. Flynn, K. (2008). Páxinas 350-351.
  7. "American Independence Sesquicentennial Commemorative Coin Legislation". United Staes Mint.
  8. Flynn, K. (2008). Páxina 223.
  9. "H. J. Res. 357". United States House of Representatives. 16 de febreiro de 1925. Páxina 3.919.
  10. "S. J. Res. 187". United States House of Representatives. 16 de febreiro de 1925. Páxina 3.789.
  11. "Hearings of the Committee on Industrial Arts and Expositions on H. J. Res. 357". United States House of Representatives. 18 de febreiro de 1925. Páxinas 9-10.
  12. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 76.
  13. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 225-226.
  14. Taxay, D. (1967). Páxinas 111-112.
  15. 15,0 15,1 15,2 Taxay, D. (1967). Páxina 111.
  16. Goodyear, Frank H. Jr. "A History of the Pennsylvania Academy of the Fine Arts, 1805-1976".
  17. 17,0 17,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 226.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Flynn, K. (2008). Páxina 169.
  19. 19,0 19,1 Taxay, D. (1967). Páxina 112.
  20. Taxay, D. (1967). Páxinas 112, 117.
  21. Austin, E. L.; Odell Hauser (1926). The Sesqui-Centennial International Exposition". Current Publications, Filadelfia, Páxina 67.
  22. 22,0 22,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 221.
  23. Vermeule, C. (1971). Páxina 171.
  24. 24,0 24,1 Swiatek, A. (2012). Páxinas 186-187.
  25. 25,0 25,1 Flynn, K. (2008). Páxina 168.
  26. Swiatek, A. (2012). Páxina 186.
  27. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 221-222.
  28. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 643.
  29. Swiatek, A. (2012). Páxina 192.
  30. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 227.
  31. Vermeule, C. (1971). Páxina 173.
  32. Vermeule, C. (1971). Páxinas 172-173.
  33. 33,0 33,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 187.
  34. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 226, 228.
  35. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 644-645.
  36. 36,0 36,1 36,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 226.
  37. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 227. Malia ter sido Coolidge o único presidente vivo nunha moeda estadounidense, non foi a única persoa viva. Thomas Kilby apareceu no medio dólar do Centenario de Alabama en 1921, e en 1936 Joseph Taylor Robinson apareceu no medio dólar de Arkansas-Robinson e Carter Glass apareceu no medio dólar do sesquicentenario de Lynchburg.
  38. Mehl, B. M. (1937). Páxina 21.
  39. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 73.
  40. Taxay, D. (1967). Páxina 117.
  41. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 294-295.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar