Medio dólar Franklin

antiga moeda de prata estadounidense
Medio dólar Franklin [1]
A/: Busto de Benjamin Franklin cara á dereita. Marca de gravador (JRS) no truncamento do busto e data.

Lendas: · LIBERTY / IN GOD WE TRUST.

R/: Campá da Liberdade e unha pequena aguia á súa dereita. Marca de ceca sobre a campá (D ou S).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / HALF DOLLAR.

O medio dólar Franklin é unha moeda de prata co valor facial de medio dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1948 e 1963, que presenta como motivo central do seu anverso o busto do pai fundador Benjamin Franklin e no reverso a Campá da Liberdade, cunha pequena aguia ao seu lado.

A moeda cuñouse cunha aliaxe do 90 % de prata nas cecas de Filadelfia (sen marca de ceca), Denver (D) e San Francisco (S), cunha tiraxe total de máis de 460 millóns de exemplares.

A daquela directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, era unha admiradora da figura histórica de Franklin e quería renderlle tributo nunha moeda. Para tal efecto, en 1947 encargoulle ao gravador xefe da casa da moeda, John R. Sinnock, que preparase os cuños para unha moeda de medio dólar na honra de Franklin. Como Sinnock faleceu en maio de 1947, o seu deseño viuse completado polo seu sucesor como gravador xefe, Gilroy Roberts. A casa da moeda presentou os deseños á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos para recadar o seu ditame e, malia non ser este enteiramente positivo, mantivéronse os deseños orixinais de Sinnock e Roberts.

Logo do lanzamento á circulación desta moeda en abril de 1948, a US Mint recibiu a acusación de que as iniciais JRS de Sinnock no truncamento do ombreiro de Franklin supuñan unha homenaxe velada ao ditador soviético Josef Stalin —aínda que este non tiña un segundo nome que comezase por R—. Non se fixo ningún cambio ao respecto e a ceca pública estadounidense respondeu que as letras eran simplemente as iniciais do artista —a mesma acusación xurdira xa coa aparición dos dez centavos co busto de Roosevelt en 1946, igualmente obra de Sinnock—.

A moeda cuñouse con regularidade desde 1948 ata 1963. A partir de 1964 foi substituída polo coñecido como medio dólar Kennedy, emitido na honra do presidente asasinado John F. Kennedy. Aínda que a moeda segue a ter legalmente a consideración de curso legal, tanto o seu valor no mercado do coleccionismo como o propio valor da prata que contén —8,37 dólares en decembro de 2021— exceden amplamente o seu valor nominal.

Antecedentes e inicio editar

 
A directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, avogaba por colocar o busto de Franklin no medio dólar.

A admiración que a directora da US Mint, Nellie Tayloe Ross, sentía cara á figura de Benjamin Franklin levouna á necesidade de homenaxealo coa súa presenza nunha moeda dos Estados Unidos. En 1933, o gravador xefe Sinnock creara xa unha medalla coa imaxe de Franklin, o que é probable que espertase en Ross o seu desexo.[2] No seu momento, Franklin opuxérase á colocación de retratos nas moedas do país;[3] el prefería a inclusión de proverbios dos que a poboación que utilizaba as moedas puidese tirar proveito a través da reflexión.[4] Nunha entrevista de 1948, Ross indicou que Franklin só coñecía a monarquía británica viva mediante a súa representación nas moedas e que era presumible que pensase de xeito diferente sobre unha república que honra a figura dun fundador falecido.[3] De feito, Franklin podería estar máis desgustado polo deseño do reverso. Como dixo o investigador numismático Jonathan Tepper: "Se Benjamin Franklin soubese que aparecía nun medio dólar xunto a unha aguia, é moi probable que se anoxase bastante, xa que el detestaba este animal, ao que se refería adoito como preeiro; como era un home práctico, Franklin colocou o pavo salvaxe como ave nacional".[5]

Unha lei de 1890 prohibía a substitución dunha moeda sen a intervención do Congreso dos EEUU, a non ser que xa levase en circulación como mínimo 25 anos desde a súa primeira emisión. O anterior medio dólar da "Liberdade camiñando" e a moeda de 10 centavos Mercury emitíranse por vez primeira en 1916, polo que poderían ser substituídas libremente sen a intervención do Congreso a partir de 1940.[6]

 
O anverso da medalla de Franklin creada polo gravador xefe da US Mint, John Sinnock, serviu de base para o do medio dólar Franklin.

Os funcionarios da US Mint consideraron entón a posibilidade de pór a Franklin na moeda de 10 centavos de 1941, mais este proxecto foi arquivado por mor da gran demanda de moedas que sufriu a casa da moeda cando os Estados Unidos entraron na segunda guerra mundial.[7] Durante a guerra, a ceca pública pensou na posibilidade de engadir un ou varios valores faciais novos na moeda nacional, e Sinnock preparou un deseño de Franklin en previsión dunha nova emisión, que non se chegou a producir.[8] A moeda de dez centavos —coñecida como dime— foi redeseñada en 1946 para representar o presidente caído Franklin D. Roosevelt, que estivera relacionado estreitamente coa ONG March of Dimes.[7] O deseño da Liberdade camiñando era visto como anticuado polos funcionarios da US Mint, e a única outra moeda que se cuñaba e que podería ser substituída era o centavo co busto de Lincoln. Mais Abraham Lincoln seguía a ser unha figura moi querida e Ross non quería ser a responsable de eliminalo da moeda estadounidense.[9]

Deseño editar

Así as cousas, en 1947, Ross pediulle a Sinnock que realizase un deseño para un medio dólar con Franklin como protagonista, e o gravador xefe adaptou o seu deseño anterior da medalla para o anverso desta moeda,[2] para o que se baseara nun busto de Franklin creado por Jean-Antoine Houdon.[7] Pola súa banda, Sinnock baseou o seu deseño para o reverso no do medio dólar conmemorativo do sesquicentenario da Independencia dos Estados Unidos, que el mesmo creara en 1926 coa Campá da Liberdade como motivo principal.[2]

 
O reverso do medio dólar do sesquicentenario dos EEUU (1926) serviu de base para o do medio dólar Franklin.[10][11]

O escritor numismático Don Taxay descubriu máis tarde que Sinnock baseara a súa Campá da Liberdade nun esbozo de John Frederick Lewis.[12] Sinnock faleceu en maio de 1947, antes de concluír o deseño do reverso, polo que este tivo que ser completado polo novo gravador xefe, Gilroy Roberts.[7]

Do mesmo xeito que o traballo de Sinnock nos dez centavos de Roosevelt, o retrato está deseñado con liñas sinxelas, con Franklin vestido cun traxe de época. A pequena aguia á dereita da campá do reverso engadiuse con posterioridade ao deseño inicial, cando os funcionarios da casa da moeda se decataron de que a Lei da Moeda de 1873 esixía que aparecese unha aguia en todas as moedas dos Estados Unidos cun valor facial superior aos dez centavos.[9]

A Casa da Moeda dos Estados Unidos solicitou o preceptivo ditame da Comisión de Belas Artes, á que se lle proporcionou un molde en chumbo do anverso e unha representación do reverso, que Don Taxay supón que debeu ser un modelo en xeso. O 1 de decembro de 1947, o presidente da comisión, Gilmore Clarke, escribiulle á directora Ross para lle comunicar que non tiñan obxección ningunha sobre o anverso, que recoñecían como "un bo traballo de Sinnock"; no entanto, acerca do reverso...:[13]

A aguia que aparece no modelo é tan cativa que resulta insignificante e apenas se distinguirá cando o modelo se reduza ao tamaño dunha moeda. A Comisión dubida en aprobar a Campá da Liberdade tal e como se amosa, coa fenda da campá visible; amosala podería dar lugar a xogos de palabras e a declaracións despectivas para a cuñaxe de moedas dos Estados Unidos.

A Comisión desaproba os deseños.

O numismático Paul Green sinalou máis tarde: "Ao longo dos anos, é probable que houbese aínda máis xogos de palabras e declaracións despectivas se se intentase representar a campá sen ningunha fenda".[14] A Comisión de Belas Artes propuxo a creación dun concurso de deseño baixo os seus auspicios.[15] As súas opinións, que só tiñan carácter consultivo,[5] foron rexeitadas polo Tesouro e a nova moeda foi aprobada polo secretario desta institución, John W. Snyder, o que Taxay atribúe á falta de vontade de desacreditar a Sinnock.[15]

Lanzamento e produción editar

 
O lanzamento do medio dólar Franklin foi portada da revista The Numismatist en xuño de 1948.

O 7 de xaneiro de 1948, o Tesouro emitiu un comunicado de prensa anunciando a nova moeda de medio dólar.[16] A desaprobación da Comisión de Belas Artes non se incluíu neste comunicado e no seu lugar indicábase que o deseño fora unha idea de Ross e que este recibira a "entusiasta aprobación" do secretario Snyder. O comunicado salientaba a reputación de Franklin como aforrador e expresaba a esperanza de que o medio dólar servise como recordatorio de que o diñeiro sobrante debería utilizarse para adquirir bonos e selos de aforro. Franklin converteuse na quinta persoa —e a primeira non presidente— en ser honrada cunha emisión de moeda estadounidense de curso legal, despois de Lincoln, Roosevelt, George Washington e Thomas Jefferson.[17]

Nun discurso pronunciado co gallo da presentación do deseño en xaneiro de 1948, Ross indicou que se lle instara a colocar o busto de Franklin na moeda dun céntimo, pola súa asociación co proverbio "un centavo aforrado é un centavo gañado".[12] E ante isto, Ross argüíu: "Estarán de acordo, creo, en que a peza de medio dólar, ao ser máis grande e de prata, se presta moito máis a producir un efecto impresionante".[12] O 29 de abril de 1948, un día antes do lanzamento da moeda, Ross celebrou unha cea para 200 persoas no Instituto Franklin de Filadelfia, na que cada invitado recibiu como agasallo un medio dólar Franklin cunha tarxeta asinada por ela.[4][18]

As novas moedas de novo dólar puxéronse en circulación por vez primeira no mediodía do 30 de abril de 1948,[19] aniversario da toma de posesión de George Washington como presidente dos Estados Unidos en 1789. Puxéronse ao dispor do público nun posto situado nas escaleiras do edificio da delegación do Tesouro de Nova York, por parte de empregados do Franklin Savings Bank vestidos con traxes da época da Revolución Americana.[20]

No ambiente de paranoia antisoviética que se vivía na época nos Estados Unidos, a moeda de dez centavos Roosevelt creada por Sinnock xa creara queixas dalgúns cidadáns que consideraban que as iniciais de John Sinnock no anverso da moeda facían referencia realmente a Josif Stalin e foran colocadas alí por algún infiltrado do Kremlin dentro da US Mint. Realmente as iniciais, colocadas no truncamento do busto de Franklin, non eran JS, senón JRS —de John Ray Sinnock—, mais aínda así a casa da moeda seguiu a recibir queixas no mesmo sentido coa moeda de medio dólar, ás que respondeu co que o historiador numismático Walter Breen cualificou como "indignados desmentidos oficiais".[7][18] Segundo o The New York Times: "A xente escribiu esixindo saber como a casa da moeda descubrira que Stalin tiña un segundo nome".[21] Outro rumor xurdido coa aparición desta moeda foi que o "o" pequeno da palabra "of" era un erro, polo que as moedas serían retiradas. Este rumor tivo unha vida máis curta que o de Stalin.[18]

Logo do asasinato de John F. Kennedy o 22 de novembro de 1963, o Congreso e a Casa da Moeda dos EEUU mobilizáronse axiña para autorizar e producir un novo medio dólar na súa homenaxe. Coa autorización desta nova moeda, coñecida como "medio dólar Kennedy", o 30 de decembro de 1963, a serie do medio dólar Franklin chegou á súa fin.[22] Walter Breen informou do rumor da existencia de dólares Franklin datados en 1964, probablemente producidos nunha tiraxe de proba para comprobar os cuños con esa data, mais o feito é que non se chegou a coñecer a especie física de ningún destes espécimes.[18]

En total cuñáronse arredor de 453 millóns de exemplares do medio dólar Franklin destinadas á circulación ordinaria, mais outros 15.886.955 en acabamento proof para o coleccionismo numismático.[1][23][24]

Coleccionismo editar

O medio dólar Franklin cuñouse en cantidades relativamente pequenas nos seus primeiros anos,[9] xa que a súa demanda era limitada debido á superabundancia de medios dólares do tipo "Liberdade camiñando" en circulación. Este foi o motivo de que na Ceca de Denver non se cuñase nin un só exemplar en 1955 nin en 1956, para acomodar a oferta á demanda da moeda.[25] Pola súa banda, a Ceca de San Francisco pechou en 1955 e non reabriu ata 1965.[26] En 1957, coa mellora das condicións económicas, a demanda das pezas comezou a aumentar.[25] A partir de 1962 cuñáronse tiraxes moi superiores, o que supuxo o inicio dun grande aumento da demanda, que culminaría coa grande escaseza de moedas de 1964.[9] Hoxe non hai ningunha data rara do medio dólar Franklin, xa que mesmo no caso das de tiraxes máis baixas houbo moitos exemplares que se gardaron no seu momento. A partir de 1950, a US Mint comezou a emitir na Ceca de Filadelfia tiraxes desta moeda con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate—, en cantidades inferiores, polo que acadan un prezo superior no mercado numismático actual. Cuñáronse arredor de 468 millóns de exemplares de medio dólar Franklin, incluídas tanto as proof como as de acabamento ordinario.[12]

 
Plano detalle dun medio dólar Franklin da variante coñecida como "Bugs Bunny".

Unicamente existen 35 modelos diferentes da moeda, tendo en conta as diferenzas de data e marca de ceca, o que a converte nun obxecto de coleccionismo relativamente económico.[25] A maiores, existen pequenas variantes de cuño que espertan o interese dos coleccionistas. A máis coñecida é a coñecida como "Bugs Bunny", de 1955, causada por un encontro dos cuños de ambas as faces, que fai que as ás da aguia do reverso repercuta nunha marca na boca de Franklin, que pode lembrar os dentes prominentes dun coello.[27]

A calidade dos medios dólares diminuíu na segunda metade da década de 1950, por mor da deterioración da matriz a partir da cal se elaboraban os novos cuños.[28] Nun intento inicial para a mellora da calidade das pezas, na casa da moeda fixéronse lixeiras modificacións nos deseños dos cuños e nos anos 1958 e 1959 cuñáronse exemplares tanto co cuño orixinal ("tipo I") como co cuño reaxustado ("tipo II"). Unha diferenza apreciable entre ambos os tipos é o número de plumas longas da cola da aguia do reverso: catro no tipo I e só tres no tipo II. Das moedas cuñadas na Ceca de Filadelfia, corresponden ao tipo II entre o 5 % e o 10 % das datadas en 1958 e arredor do 70 % das de 1959. Pola súa banda, todas as cuñadas na Ceca de Denver nestes anos corresponden ao tipo I.[5] Os gravadores da casa da moeda gravaron novamente a matriz mestra antes de comezar a cuñaxe de 1960, co que a calidade das moedas mellorou considerablemente a partir dese ano.[28]

Enténdese como un medio dólar Franklin particularmente ben cuñado aquel en que se aprecien completas e ben delimitadas as sete liñas da parte inferior da campá do reverso, así como os tres guechos de cabelo á dereita da orella de Franklin, no busto do anverso. Moitos dos exemplares foron danados pola fricción dentro dos rolos en que as moedas se empaquetan para a súa distribución, e os seus efectos fanse notar principalmente na fazula de Franklin e no centro da Campá da Liberdade.[29]

Consonte as tiraxes, as datas clave nesta serie son 1948, 1949-S, 1953 e 1955. Á marxe das cantidades cuñadas, moitos medios dólares Franklin acabaron fundíndose, polo prezo da prata que conteñen, o que fai que algunhas datas sexan máis raras, independente da cantidade de exemplares cuñados.

Tiraxes anuais editar

Na seguinte táboa reflíctense as tiraxes anuais do medio dólar Franklin en cada unha das tres casas de moeda onde se produciu:[1][24]

Ano Casa da Moeda de Filadelfia Casa da Moeda
de Denver
Casa da Moeda
de S. Francisco
Total Proof [30]
1948 3.006.814 4.028.600
1949 5.614.000 4.120.600 3.744.000
1950 7.742.123 51.386 8.031.600
1951 16.802.102 57.500 9.475.200 13.696.000
1952 21.192.093 81.980 25.395.600 5.526.000
1953 2.668.120 128.800 20.900.400 4.148.000
1954 13.188.202 233.300 25.445.580 4.993.400
1955 2.498.181 378.200
1956 4.032.000 669.384
1957 5.114,000 1.247.952 19.966.850
1958 4.042.000 875.652 23.962.412
1959 6.200.000 1.149.291 13.053.750
1960 6.024.000 1.691.602 18.215.812
1961 8.290.000 3.028.244 20.276.442
1962 9.714.000 3.218.019 35.473.281
1963 25.239.645 3.075.645 67.069.292
TOTAIS 141.367.280 [15.886.955] 295.415.425 32.107.400

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "½ Dollar "Franklin Half Dollar"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 376.
  3. 3,0 3,1 "Benjamin Franklin opposed putting portraits on coins". En The Portsmouth Times. 13 de maio de 1948. Páxina 28.
  4. 4,0 4,1 Tomaska, R. (2002). Páxina 3.
  5. 5,0 5,1 5,2 Tepper, J. (1990-a-).
  6. Breen, W. (1988). Páxinas 413, 416.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Tomaska, R. (2011). Páxina 21.
  8. Tomaska, R. (2002). Páxinas 4-5.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Lange, D. W. (2006). Páxina 172.
  10. "½ Dollar Sesquicentennial of American Independence". Numista.com
  11. "Sesquicentennial of American Independence Half Dollar". United States Mint.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 "1948–63 Half Dollar Franklin History". Coin Community Family.
  13. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 376-377.
  14. Tomaska, R. (2002). Páxina xi.
  15. 15,0 15,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 377.
  16. "Details of New Half-Dollar Design with Benjamin Franklin’s Profile". United States Mint. 7 de xaneiro de 1948.
  17. "Benjamin Franklin half dollar to be issued". Press service S-589. United States Department of the Treasury. 7 de xaneiro de 1948.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Breen, W. (1988). Páxina 416.
  19. "Striking of Benjamin Franklin-Liberty Bell Half-Dollars". United States Mint. 15 de Abril de 1948.
  20. "New half dollar for museum archives". En The New York Times. 1 de maio de 1948.
  21. Shuster, A. (1959).
  22. Breen, W. (1988). Páxina 418.
  23. Guth, R.; Garrett, J. (2005). Páxina 96.
  24. 24,0 24,1 Breen, W. (1988). Páxinas 417-418.
  25. 25,0 25,1 25,2 Restifo, H. (1975).
  26. "Minting of coins with less silver to start on Monday". En Ocala Star-Banner. 24 de agosto de 1965. Páxina 24.
  27. Tomaska, R. (2011). Páxina 68.
  28. 28,0 28,1 Tomaska, R. (2011). Páxina 84.
  29. Tepper, J. (1990-b-).
  30. Nesta columna indícase o número de exemplares con acabamento proof que se distribuíron nos xogos anuais para coleccionistas, Esta cantidade xa está incluída na da tiraxe total.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Predecesor:
Medio dólar da Liberdade camiñando
 
Moeda de medio dólar estadounidense

(1948 - 1963)
Sucesor:
Medio dólar Kennedy