Anna May Wong
Anna May Wong, nada co nome Wong Liu-tsong o 3 de xaneiro de 1905 nos Ánxeles e finada o 3 de febreiro de 1961 en Santa Monica, foi unha actriz estadounidense, considerada a primeira estrela de cine chinoamericana,[1] a primeira desta orixe en gañarse o recoñecemento internacional.[2] Durante a súa carreira actuou no cine mudo, no cine sonoro, na televisión, no teatro e na radio.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (zh-hant) 黃柳霜 3 de xaneiro de 1905 Os Ánxeles, Estados Unidos de América |
Morte | 3 de febreiro de 1961 (56 anos) Santa Monica, Estados Unidos de América |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Angelus-Rosedale Cemetery (en) |
Relixión | Ciência Cristã (pt) |
Educación | Los Angeles High School (en) |
Altura | 1.650 mm |
Actividade | |
Ocupación | actriz de cinema, cantante, actriz de televisión, actriz de teatro, escritora |
Período de actividade | 1919 - |
Familia | |
Pais | Wong Sam Sing e Gon Toy Lee |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Nada nos Ánxeles no seo dunha familia de chinoamericanos de segunda xeración, Wong sentiuse atraída cara á actuación dende unha idade temperá. Durante a época do cine mudo actuou no filme The Toll of the Sea de 1922, un dos primeiros filmes rodados a cor, e no filme de 1924 de Douglas Fairbanks The Thief of Bagdad, tralo que se converteu nunha icona de moda e acadou a fama internacional en 1924. Frustrada polos papeis secundarios estereotipados que representaba en Hollywood, Wong trasladouse a Europa a finais dos anos 1920, sendo a protagonista de varias obras de teatro e filmes destacados, entre eles o filme de 1929 Piccadilly. Pasou a primeira metade dos anos 1930 viaxando entre os Estados Unidos e Europa realizando diversos traballos no teatro e no cinema. Actuou en varios filmes dos inicios da época do cine sonoro coma Daughter of the Dragon de 1931 e Daughter of Shanghai de 1937, así como xunto a Marlene Dietrich no filme de 1932 de Josef von Sternberg Shanghai Express.[3]
En 1935 a Metro-Goldwyn-Mayer rexeitou tela en consideración para o papel protagonista da personaxe chinesa O-Lan na versión cinematográfica da obra de Pearl S. Buck The Good Earth, escollendo no seu lugar a actriz de raza branca Luise Rainer. Wong pasou o ano seguinte viaxando pola China, visitando a vila ancestral da súa familia e estudando a cultura chinesa. A finais dos anos 1930 foi a protagonista de varios filmes de serie B para Paramount Pictures, representando papeis de persoas chinesas e chinoamericanas desde unha perspectiva positiva. Durante a segunda guerra mundial ocupou o seu tempo e diñeiro na procura de axuda para a causa chinesa contra o Xapón. Nos anos 1950 volveu á escena pública realizando varias aparicións televisivas.
En 1951 Wong foi a protagonista do programa de televisión The Gallery of Madame Liu-Tsong, o primeiro programa televisivo dos Estados Unidos cunha protagonista de orixe asiática.[4] Sen poder chegar a realizar os seus plans de actuar de novo no cinema co filme Flower Drum Song, Wong faleceu en 1961 ós 56 anos de idade a causa dun infarto, tras padecer unha cirrose nos últimos anos da súa vida.[5][6][7] Trala súa morte, Wong foi recordada durante décadas principalmente polos seus papeis estereotipados de "Dama Dragón" e de "muller recatada" que adoitaban ofrecerlle para representar. A súa vida e carreira foron avaliadas de novo a comezos do século XXI grazas a varias obras literarias e filmes retrospectivos.
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarAnna May Wong naceu o 3 de xaneiro de 1905 co nome de Wong Liu-tsong na rúa Flower Street dos Ánxeles, preto de Chinatown, nunha comunidade integrada de residentes de orixe chinesa, irlandesa, alemá e xaponesa.[8][9] Foi a segunda de sete irmáns, filla de Wong Sam-sing, propietario da lavandería Sam Kee Laundry nos Ánxeles, e da segunda esposa deste, Lee Gon-toy.[10]
Os pais de Anna May eran chinoamericanos de segunda xeración. Os seus avós maternos e paternos residiran nos Estados Unidos dende polo menos o ano 1855.[11] O seu avó paterno fora un mercador propietario de dúas tendas en Michigan Hills, unha zona de minaría de ouro no condado de Placer. Era orixinario de Chang On, unha vila preto de Taishan na provincia de Guangdong.[12] O pai de Anna May pasara os seus anos de mocidade viaxando entre os Estados Unidos e a China, onde casou coa súa primeira muller e tivo un fillo no ano 1890.[13] Volveu ós Estados Unidos a finais dos anos 1890 e casou coa súa segunda esposa Lee Gon Toy, a nai de Anna May, en 1901, ó mesmo tempo que continuaba apoiando economicamente a súa familia na China.[14] A irmá máis vella de Anna May, Lew Ying (Lulu), nacera a finais de 1902.[15]
En 1910 a familia trasladouse ó barrio de Figueroa Street, sendo os únicos chineses no seu edificio e convivindo na súa maioría xunto a familias de orixe mexicano e de Europa oriental. A distancia entre este novo fogar e Chinatown axudáronlle a Anna May a asimilar a cultura estadounidense.[16] Asistiu nun primeiro momento a unha escola pública xunto coa súa irmá, pasando a estudar posteriormente na escola chinesa presbiteriana por mor do acoso racial que sufrían por parte doutros estudantes. Aquí recibía clases en inglés, mais Anna May asistía tamén a clases de chinés polas tardes e os sábados.[17]
Nesa mesma época a produción estadounidense de cinema comezara a trasladarse dende a costa leste ata a zona dos Ánxeles, e Anna May comezou a asistir asiduamente ós cinemas Nickelodeon, obsesionándose cos "flickers", faltando á escola e usando os cartos para a comida para ir ó cinema. Malia o desacordo do seu pai, Anna May decidiu tratar de facerse unha carreira na industria cinematográfica. Ós nove anos de idade solicitoulle insistentemente a varios cineastas que lle desen un papel nos seus filmes,[18] e ós 11 anos de idade adoptou o seu nome artístico de Anna May Wong.[19]
Primeiras actuacións
editarEn 1919 Anna May estaba traballando nos grandes almacéns de Ville de Paris en Hollywood cando Metro Pictures anunciou que precisaban 300 extras femininos para o filme de Alla Nazimova The Red Lantern. Sen o coñecemento do seu pai, unha amizade axudouna a conseguir un papel non acreditado como extra no filme portando unha lanterna.[21] Durante os dous anos seguintes traballou de forma continua como extra en varios filmes, incluíndo aparicións en filmes de Priscilla Dean e Colleen Moore. Aínda na súa época estudantil, Anna May sufriu unha doenza diagnosticada como baile de san Vito, que lle obrigou a perder varios meses de escola. O seu pai levouna a ver a un practicante de medicina tradicional chinesa e os tratamentos resultaron ter éxito, malia que a propia Anna May afirmaría posteriormente que isto debérase máis ó seu desagrado por estes métodos.[22] Porén, o confucianismo e particularmente o taoísmo e as ensinanzas de Laozi terían unha grande influencia na filosofía persoal de Anna May durante a súa vida.[23] A vida familiar da súa familia incluía tamén o pensamento cristián na forma do presbiterianismo, e xa en idade adulta Anna May foi científica cristiá durante un tempo.[24]
Con dificultades para manter ó día os seus deberes escolares e a súa paixón no cinema, deixou o instituto dos Ánxeles en 1921 procurando unha carreira a tempo completo como actriz.[25][26] Reflectindo sobre esta decisión, Anna May afirmou nunha entrevista para a revista Motion Picture Magazine en 1931: "Era tan nova cando comecei que sabía que aínda tiña xuventude se fracasaba, polo que decidín darme 10 anos para obter o éxito como actriz".[27] Ese mesmo ano recibiu a súa primeira acreditación pola súa actuación en Bits of Life, considerado o primeiro filme antolóxico, no que representou o papel da muller da personaxe de Lon Chaney, Toy Ling, nun segmento titulado "Hop".[28] Anos despois Anna May afirmou que recordaba este papel con agarimo por ser a única vez na que representou o papel dunha nai.[29]
Á idade de 17 anos representou o seu primeiro papel protagonista no filme en dúas cores Technicolor The Toll of the Sea. Escrito por Frances Marion, a historia do filme era unha adaptación libre da ópera Madama Butterfly. A revista Variety destacou positivamente a Anna May, indicando que realizara unha actuación "extraordinariamente boa".[30] Pola súa banda no New York Times unha crítica indicou: "A señorita Wong provoca no espectador toda a simpatía que esixe o seu papel e nunca repele a un por exceso de 'sentimento' teatral. Ten un papel difícil, un papel que sae mal nove veces de cada dez, pero a súa é a décima actuación. Completamente inconsciente da cámara, cun bo sentido da proporción e unha precisión pantomímica destacada ... Debería aparecer de novo e máis a miúdo na pantalla".[31]
Malia estas críticas positivas, Hollywood resultou ser pouco dado a crear papeis protagonistas para Anna May. A súa etnia foi un detrimento para que os cineastas estadounidenses a visen como unha actriz protagonista. David Schwartz, conservador xefe do Museo Americano da Imaxe en Movemento, afirmou que "medrou ata un nivel de fama de estrela de Hollywood, mais Hollywood non soubo que facer con ela".[32] Anna May pasou os seguintes anos realizando papeis secundarios fornecendo o que James Parish denominou unha "atmosfera exótica",[33] como por exemplo actuando no papel dunha concubina no filme de 1923 de Tod Browning titulado Drifting.[27] En xeral os produtores cinematográficos capitalizaron a crecente fama de Anna May, pero ó mesmo tempo relegárona a papeis secundarios.[34]
Fama e papeis secundarios
editarA idade de 19 anos Anna May foi seleccionada para o papel secundario de escrava mongol no filme de 1924 de Douglas Fairbanks The Thief of Bagdad. Representando un papel estereotipado de "Dama Dragón", as súas breves aparicións en pantalla foron notables tanto para a audiencia coma para a crítica.[35] O filme conseguiu uns 2 millóns de dólares de recadación,[36] contribuíndo a introducir a Anna May ó público xeral.[35] Tras este segundo papel prominente, Anna May trasladouse a vivir ó seu propio apartamento. Consciente de que os estadounidenses víana coma unha "estranxeira" malia nacer e terse criado en California, Anna May comezou a cultivar unha imaxe "flapper".[37] En marzo de 1924 chegou a un acordo para crear a compañía Anna May Wong Productions, planeando producir filmes sobre mitoloxía chinesa. Porén, descubriu que o seu colega de negocios estaba realizando prácticas deshonestas, polo que tras denuncialo e gañar o xuízo, disolveuse a empresa.[38] A súa carreira viuse limitada polas leis antimestizaxe dos Estados Unidos que lle impedían bicarse en pantalla con actores doutras razas, incluso se o personaxe era asiático pero representado por un actor de raza branca,[39] polo que a Anna May resultáballe difícil conseguir un papel de protagonista.[40]
Anna May continuou recibindo ofertas de papeis secundarios exóticos, representando a indíxenas nativas en dous filmes de 1924. Rodada no Territorio de Alasca, representou a unha esquimó en The Alaskan, e de volta nos Ánxeles representou á princesa Tiger Lily en Peter Pan. Ámbolos dous filmes foron rodados por James Wong Howe, e Peter Pan foi o de maior éxito, converténdose nun éxito da tempada de Nadal dese ano.[41][42] Ó ano seguinte Anna May obtivo eloxios da crítica polo seu papel de muller oriental manipuladora no filme Forty Winks.[43][44] Malia as críticas favorables continuaba a sentirse insatisfeita cos seus papeis e comezou a procurar outros traballos. En 1925 uniuse a un grupo de actores nun circuíto de vodevil que non obtivo éxito, polo que acabou retornando a Hollywood.[45]
En 1926, Anna May participou xunto a Norma Talmadge na cerimonia da colocación da primeira pedra do Grauman's Chinese Theatre, aínda que non foi invitada a deixar as súas pegadas no cemento.[46][47] Nese mesmo ano foi a protagonista do filme The Silk Bouquet, re-titulado The Dragon Horse en 1927, un dos primeiros filmes estadounidenses producido con contribucións chinesas, fornecidas neste caso pola asociación Chinese Six Companies de San Francisco. A historia do filme desenvolvíase na China durante a dinastía Ming, e incluía a actores asiáticos nos papeis de personaxes asiáticos.[48]
Anna May continuou realizando papeis secundarios. As personaxes femininas asiáticas dos filmes de Hollywood tendían cara a dous polos estereotipados: o de "muller recatada" inocente e sacrificada, e o de "Dama Dragón" ladina e deshonesta. En Old San Francisco de 1927, dirixido por Alan Crosland para a Warner Brothers, Anna May representou o papel dunha "Dama Dragón", a filla dun mafioso.[49] En Mr. Wu, tamén de 1927, compartiu pantalla nun papel secundario de Lon Chaney e Louise Dresser,[50] e en The Crimson City, publicada en 1928, representou de novo un papel secundario a Myrna Loy e John Miljan.[51]
Traslado a Europa
editarCansa de repetir o mesmo tipo de papeis e de ver que os papeis protagonistas de personaxes asiáticas se lle daban a actrices non asiáticas, Anna May deixou Hollywood en 1928 e trasladouse a Europa.[52] Entrevistada por Doris Mackie en 1933 para a revista Film Weekly, Anna May afirmou que "estaba cansada dos papeis que tiña que representar".[53][54] Wong comentou ó respecto disto: "Queda pouco para min en Hollywood, xa que, en lugar de chineses reais, os produtores prefiren a húngaros, mexicanos, indios americanos para os papeis chineses".[55]
En Europa Wong pasou a ser unha sensación, sendo a protagonista de filmes destacados como Schmutziges Geld en 1928 e Großstadtschmetterling en 1929. En relación a crítica alemá sobre o filme Schmutziges Geld, o The New York Times indicou que Anna May foi "aclamada non só como unha actriz de talento transcendente, senón tamén como unha gran beleza", e que "os críticos de Berlín, unánimes no seu eloxio tanto da estrela coma da produción, ignoraron mencionar que Anna May naceu en América. Só mencionan as súas orixes chinesas".[56] En Viena actuou no papel protagonista da opereta Tschun Tschi nun alemán fluído.[54] Un crítico austríaco escribiu: "Fräulein Wong tivo á audiencia perfectamente no seu poder e a discreta traxedia da súa actuación foi profundamente conmovedora, saíndo airosa da parte xermanofalante cun gran éxito".[57]
Durante a súa estancia en Alemaña Anna May trabou amizade co director Leni Riefenstahl. As súas amizades achegadas con varias mulleres durante a súa vida, incluíndo a Marlene Dietrich e Cecil Cunningham, darían lugar a rumores sobre a súa condición de lesbiana, o que danou a súa reputación pública.[58] Estes rumores supoñían tamén unha vergoña para a súa familia, que xa se opuxera nun primeiro momento a súa carreira como actriz, naquel entón non considerada unha profesión completamente respectable.[59]
O produtor londiniense Basil Dean adquiriu os dereitos da obra A Circle of Chalk para que Wong actuase xunto a Laurence Olivier, sendo esta a súa primeira actuación no Reino Unido.[54] As críticas que recibiu polo seu acento californiano provocaron que Anna May procurase adestramento vocal na Universidade de Cambridge para practicar a pronunciación recibida.[60] O compositor Constant Lambert, obsesionado con Anna May tras vela en varios dos seus filmes, asistiu á estrea da obra e posteriormente compuxo Eight Poems of Li Po dedicándollos a ela.[61]
Anna May apareceu no filme Piccadilly en 1929, o seu último filme mudo e o primeiro de cinco filmes ingleses nos que tivo un papel protagonista, que ademais causou sensación no Reino Unido,[62] e recibiu críticas positivas na prensa.[63] Gilda Gray era entón a actriz máis cotizada, mais a revista Variety comentou que Wong "eclipsa á estrela" e que "dende o momento que a Srta. Wong baila na despensa da cociña, róuballe 'Piccadilly' á Srta. Gray".[63][64] Malia que o filme presentaba a Anna May no seu papel máis sensual, de novo non podía bicar ó seu interese amoroso do filme, de raza branca, polo que se eliminou unha controvertida escena cun bico planeado antes da súa estrea.[65] Esquecido durante décadas, o filme Piccadilly foi restaurado posteriormente polo British Film Institute.[66] Richard Corliss da revista Time cualificou Piccadilly como o mellor filme de Anna May Wong,[9] e o xornal The Guardian afirmou que a redescuberta deste filme e a actuación de Wong foran os responsables da restauración da reputación da actriz.[46]
Durante a súa estancia en Londres Anna May estivo ligada romanticamente co escritor e executivo Eric Maschwitz, quen escribiu as letras do tema "These Foolish Things (Remind Me Of You)" como unha evocación do seu anhelo pola súa separación.[46][67] O primeiro filme sonoro de Wong foi The Flame of Love de 1930, que gravou en francés, inglés e alemán. Malia que a súa actuación foi eloxiada, en particular polo seu manexo das tres linguas, as tres versións do filme recibiron críticas negativas.[68]
Regreso a Hollywood
editarDurante os anos 1930 os estudios de cinema estadounidenses procuraban novos talentos en Europa, e Wong recibiu unha oferta dun contrato con Paramount Studios en 1930, retornando ós Estados Unidos. Grazas ó prestixio e adestramento dos seus anos en Europa conseguiu un papel protagonista na obra de Broadway On the Spot,[69] drama que tivo 167 representacións e que posteriormente filmaría baixo o título Dangerous to Know estreado en 1938.[70] O director da obra quería que Anna May empregase as maneiras xaponesas típicas derivados de Madame Butterfly na súa representación da personaxe chinesa, mais ela negouse. No seu lugar empregou os seus coñecementos sobre o estilo chinés para darlle á personaxe un maior grao de autenticidade.[71]
En novembro de 1930 a súa nai foi atropelada por un automóbil diante da súa casa de Figueroa Street e faleceu.[72] A familia permaneceu nese fogar ata 1934, cando o seu pai volveu á China xunto ós irmáns máis novos de Anna May,[73] quen estivera costeando a súa educación.[74] Antes de partir o seu pai escribiu un breve artigo para a revista chinoestadounidense Xinning, no que expresaba orgullo pola súa filla, agora famosa.[75]
Coa promesa de actuar nun filme de Josef von Sternberg, Anna May aceptou outro papel estereotipado, a vingativa filla de Fu Manchu, no filme de 1931 Daughter of the Dragon.[76] Este sería o último papel estereotipado de "chinesa malvada" no que actuou,[77] e tamén a única aparición como protagonista xunto ó outro único actor asiático famoso da época, Sessue Hayakawa. Malia ter o papel protagonista percibiu uns 6 000 $ por esta actuación, en comparación cos 10 000 $ de Hayakawa e os 12 000 $ de Warner Oland, quen só aparece uns 23 minutos en total no filme.[78]
Wong comezou a utilizar o seu novo status de celebridade para realizar declaracións políticas. Como exemplo, a finais de 1931 escribiu unha dura crítica do incidente de Mukden e da subsecuente invasión xaponesa de Manchuria.[79][80] Tamén comezou a falar máis abertamente sobre as causas chinoamericanas e pola consecución de mellores papeis no cinema. Nunha entrevista de 1933 para a revista Film Weekly titulada "I Protest", Wong criticaba o estereotipo negativo de Daughter of the Dragon afirmando: "Porqué na pantalla os chineses teñen que ser sempre os malvados? [...] Nos non somos así. Como poderíamos selo, cunha civilización tantas veces máis antiga que o Oeste?"[81][82]
Anna May actuou xunto a Marlene Dietrich no papel dunha cortesá sacrificada no filme de Sternberg Shanghai Express de 1932.[76] As súas escenas sexualmente cargadas xunto a Dietrich foron destacadas por varios críticos e alimentaron os rumores sobre a posible relación entre as dúas actrices.[83] Malia que a crítica coetánea centrouse na actuación de Dietrich e na dirección de Sternberg, os historiadores posteriores declararon que a actuación de Anna May eclipsou á de Dietrich neste filme.[76][84] Pola súa banda, a prensa chinesa levaba tempo valorando a súa carreira con críticas mixtas, e foi pouco favorable sobre a súa actuación en Shanghai Express. Un xornal chinés incluíu o titular "Paramount Utiliza a Anna May Wong para Producir Filme para Deshonrar a China", afirmando que "malia que é deficiente na representación artística, fixo máis que suficiente para deshonrar á raza chinesa".[85] A crítica chinesa consideraba que a súa sexualidade en pantalla espallaba estereotipos negativos sobre as mulleres chinesas.[86] As críticas máis virulentas procedían das fontes achegadas ó goberno nacionalista, mais os intelectuais e os liberais chineses da época non sempre se amosaron tan en contra dela, como por exemplo cando a Universidade de Pequín lle outorgou un doutoramento honorífico en 1932.[87]
Tralo seus éxitos en Europa e o seu papel prominente en Shanghai Express, a súa carreira en Hollywood volveu ó seu padrón anterior. Por mor das normas antimestizaxe do Código Hays non lle ofreceron o papel feminino protagonista en The Son-Daughter, que finalmente representaría Helen Hayes. A Metro-Goldwyn-Mayer considerábaa "demasiado chinesa para representar a unha chinesa" no filme,[88] e a Oficina Hays non lle permitiría representar escenas románticas co protagonista masculino do filme, Ramón Novarro, xa que este non era asiático.[76] Wong tiña programado representar o papel da amante dun xeneral chinés corrupto no filme de 1933 de Frank Capra titulado The Bitter Tea of General Yen, pero este papel foi finalmente para Toshia Mori.[89]
Decepcionada con Hollywood unha vez máis, Wong volveu ó Reino Unido e permaneceu alí durante case tres anos. Ademais de actuar en catro filmes, realizou unha xira por Escocia e Irlanda como parte dun espectáculo de vodevil. Tamén apareceu no programa do 25º aniversario do rei Xurxo en 1935.[90] O seu filme de 1934 Java Head, malia que xeralmente se considera un traballo menor, foi o único no que Wong aparece bicando ó protagonista masculino. O biógrafo Graham Russell Hodges argumentou que este podería ser o motivo polo que o filme era un dos favoritos de Anna May.[91] Durante a súa estancia en Londres coñeceu a Mei Lanfang, unha das estrelas máis famosas na ópera de Pequín da época, que lle ofreceu instruíla na opera chinesa se algunha vez visitaba a China.[92]
Rexeitamento da MGM en The Good Earth
editarNos anos 1930 a popularidade das novelas de Pearl Buck, en especial de The Good Earth, ademais da crecente simpatía estadounidense pola China na súa loita contra o imperialismo xaponés, abriu novas oportunidades para papeis chineses máis positivos nos filmes estadounidenses.[93] Anna May volveu ós Estados Unidos en xuño de 1935 co obxectivo de obter o papel de O-lan, a protagonista feminina na versión cinematográfica da MGM de The Good Earth. Dende a publicación da novela en 1931, Wong fixera público o seu desexo de representar á protagonista nesta versión,[94] e dende o ano 1933 os xornais dos Ánxeles estiveran promocionándoa como a mellor elección para ese papel.[95] Porén, o estudio aparentemente nunca a tivo en conta para o papel xa que Paul Muni, actor de ascendencia europea, representaría o papel do esposo de O-lan, Wang Lung, e o Código Hays non permitía a mestizaxe en pantalla. O goberno chinés tamén lle aconsellou ó estudio que non seleccionase a Anna May para o papel. O conselleiro chinés da MGM comentou: "sempre que aparece nun filme, os xornais poñen a súa imaxe co texto 'Anna May volve a humillar á China".[96]
Segundo a propia Anna May, no seu lugar ofrecéronlle o papel de Lotus, unha deshonesta cortesá que axuda a destruír a familia protagonista e seduce ó seu fillo máis vello.[97] Wong rexeitou este papel, dicíndolle ó produtor en xefe da MGM Irving Thalberg: "Se me deixas representar a O-lan, estarei encantada. Pero estas pedíndome – con sangue chinesa – que só faga o indolente papel no filme composto por un elenco completamente estadounidense representando a personaxes chineses".[95] O papel protagonista foi finalmente para Luise Rainer, quen gañaría o seu segundo Oscar á mellor actriz por esta actuación.[98] A irmá de Anna May, Mary Liu Heung Wong, actuou no filme nun papel secundario.[99] O rexeitamento da MGM a considerar a Anna May Wong para este papel de gran perfil dunha personaxe chinesa foi segundo Sarah Berry "un dos casos máis notables de discriminación de actores nos anos 1930".[100]
Viaxe pola China
editarTrala perda do papel protagonista en The Good Earth, Wong anunciou que tiña plans para realizar unha viaxe pola China durante un ano, para visitar o seu pai e a súa familia en Taishan.[73][101] A maiores da oferta de Mei Lanfang para ensinarlle as técnicas da ópera chinesa, Anna May desexaba aprender máis do teatro chinés e utilizar traducións en inglés deste tipo de obras para representar mellor varias obras chinesas diante de audiencias internacionais.[74][102] Nunha entrevista do xornal San Francisco Chronicle declarou: "Durante un ano, estudarei a terra dos meus pais. Quizais á miña chegada, sentireime como unha estranxeira. Porén quizais, atoparei a miña vida pasada asumindo unha calidade onírica de irrealidade".[73]
Embarcando en xaneiro de 1936, rexistrou as súas experiencias nunha serie de artigos publicados en varios xornais estadounidenses como o New York Herald Tribune,[90] o Los Angeles Examiner, o Los Angeles Times e a revista Photoplay.[103] Durante unha parada en Toquio no seu camiño a Shanghai, os reporteiros locais, curiosos pola súa vida romántica, preguntáronlle se tiña plans para casar, ó que ela respondeu: "Non, estou casada coa miña arte" (inglés: "No, I am wedded to my art"). Ó día seguinte os xornais xaponeses informaron que Anna May Wong estaba casada cun rico home cantonés chamado Art.[90][104]
Durante a súa viaxe pola China, Anna May continuou a recibir fortes críticas por parte do goberno nacionalista e da comunidade cinematográfica do país.[105] Tiña dificultades para comunicarse en moitas zonas da China, xa que ela criárase no dialecto de Taishan en lugar do mandarín. En declaracións posteriores afirmou que algunhas das variedades do chinés soábanlle "tan estrañas para min como o gaélico ... polo que tiven a estraña experiencia de falar co meu propio pobo a través dun intérprete".[106]
O peso da fama internacional pasoulle factura na súa vida persoal, manifestándose en forma de episodios de depresión e ira repentina, así como nun abuso do tabaco e do alcol.[107] Sentíndose irritable na súa chegada a Hong Kong, Wong foi atipicamente irrespectuosa coa multitude que agardaba por ela, recibindo apupos da xente alí reunida e marchándose de forma apresurada.[108] Tras unha curta viaxe por Filipinas, a situación calmouse e Anna May reuniuse coa súa familia en Hong Kong. Xunto ó seu pai e irmáns visitou a súa familia no fogar familiar ancestral preto de Taishan.[101][109] Pasou máis de 10 días alí e visitou varias vilas veciñas antes de continuar a súa viaxe polo país.[110] De volta a Hollywood, Wong reflexionou sobre o seu ano na China e a súa carreira: "Estou convencida de que nunca podería actuar no Teatro Chinés. É unha situación moi triste ser rexeitado polos chineses porque son 'demasiado americana' e polos produtores americanos porque prefiren outras razas para actuar nos papeis chineses".[101] O seu pai tamén retornaría posteriormente ós Ánxeles no ano 1938.[111]
Finais dos anos 1930
editarPara completar o seu contrato con Paramount Pictures, Wong realizou unha serie de filmes de serie B a finais dos anos 1930. Descartados habitualmente pola crítica, nestas películas representou papeis non estereotipados que recibiron considerable publicidade na prensa chinoestadounidense polas súas imaxes positivas. Estes filmes de baixo orzamento eran máis atrevidos que as estreas de maior perfil, e Anna May aproveitounos para representar a personaxes chinoestadounidenses máis profesionais e de maior éxito. Segundo Shirley Lim, esta serie de papeis contrarrestaron a imaxe prevalente das representacións estadounidenses dos chinoestadounidenses.[113] En contraste coa habitual crítica negativa dos seus papeis por parte da crítica chinesa, o cónsul chinés nos Ánxeles deu a súa aprobación para os guións finais de dúas destas películas, Daughter of Shanghai de 1937 e King of Chinatown de 1939.[114]
En Daughter of Shanghai Wong representou o papel protagonista de muller asiaticoestadounidense escrito de novo para ela como heroína da historia, dispoñendo a trama en movemento en lugar de presentala como unha personaxe máis pasiva como estaba planeado orixinalmente.[115] O guión do filme foi adaptado para ela ata tal punto que chegou a recibir o título de traballo Anna May Wong Story.[102] En relación a este filme, Anna May afirmou nunha entrevista para Hollywood Magazine: "Gústame o meu papel nesta película máis que calquera outro que tivese antes ... porque esta película dálle un respiro ós chineses – temos papeis empáticos para variar! Para min iso significa moito".[116][114] The New York Times publicou unha crítica positiva en xeral, comentando sobre a súa orixe como filme de serie B: "Un elenco infrecuentemente competente salva ó filme das peores consecuencias de certas banalidades inevitables. [O elenco] ... combina con decorados efectivos para reducir as probabilidades naturais en contra de calquera película da tradición de Daughter of Shanghai".[117] En outubro de 1937 a prensa publicou rumores de que Anna May tiña plans de casar co protagonista masculino deste filme, o seu amigo da infancia e actor coreanoestadounidense Philip Ahn.[101] Wong respondeu a estes rumores afirmando que "sería como se casase co meu irmán".[118]
Bosley Crowther non foi tan condescendente con Dangerous to Know de 1938, filme ó que cualificou como un "melodrama de segunda clase, dificilmente merecedor dos talentos do seu elenco xeralmente capaz".[119] En King of Chinatown Anna May representou a unha cirurxiá que sacrifica un ascenso lucrativo para dedicarse a axudar ós chineses a loitar contra a invasión xaponesa.[120] Frank Nugent do The New York Times criticou negativamente o filme. Malia que comentou positivamente a súa promoción dos chineses na loita contra o Xapón, indicou que "... Paramount debería ternos aforrado a nos e ó seu elenco ... a necesidade de ser molestados con tremenda farsa".[121]
Paramount tamén empregou a Anna May como titora para outros actores, como por exemplo para Dorothy Lamour no seu papel de muller euroasiática en Disputed Passage.[101] Wong actuou en varios programas de radio, incluíndo un papel de 1939 como "Peony" na adaptación de The Patriot de Pearl Buck para o programa de radio The Campbell Playhouse de Orson Welles.[122] Durante os anos 1930 e 1940 tamén viaxou polos Estados Unidos, Europa e Australia cun espectáculo de cabaré, que incluía cancións en cantonés, francés, inglés, alemán, danés, sueco e outras linguas.[9]
En 1938, tras vender o seu vestiario de varios filmes e doar os cartos obtidos para axudas á causa chinesa, a asociación Chinese Benevolent Association of California honrouna polo seu traballo en apoio ós refuxiados chineses.[123] En 1942 escribiu un prólogo para un libro de receitas titulado New Chinese Recipes, un dos primeiros libros de receitas chineses, doando os beneficios que obtivo por isto á organización United China Relief.[124] Cansa dos papeis estereotipados que lle perseguiran durante a súa carreira en Hollywood, Anna May Wong visitou Australia durante uns 3 meses no ano 1939, sendo a atracción estelar dun espectáculo de vodevil titulado Highlights from Hollywood no Teatro Tivoli de Melbourne.[125][126]
Últimos traballos e morte
editarEn 1942 Anna May Wong foi a protagonista nos filmes Bombs over Burma e Lady from Chungking, ámbolos dous cunha intención propagandística antixaponesa e producidas polo estudio Producers Releasing Corporation. Wong doou o salario obtido polos dous filmes á organización United China Relief.[127] The Lady from Chungking diferenciábase dos habituais filmes de guerra de Hollywood en que os chineses aparecían representados como heroes no lugar de vítimas rescatadas polos estadounidenses. Incluso cando os personaxes estadounidenses son capturados polos xaponeses, o obxectivo principal dos protagonistas chineses non é liberalos, senón previr que os xaponeses entren na cidade de Chongqing. O filme finaliza cun discurso de Anna May no que fala do nacemento dunha "nova China".[127] Tanto o The Hollywood Reporter coma Variety criticaron positivamente a actuación de Anna May en The Lady from Chungking, malia que criticaron negativamente o argumento do filme.[127]
Durante estes anos Wong investiu en inmobles, adquirindo varias propiedades en Hollywood.[128] Converteu a súa casa de San Vicente Boulevard en Santa Monica en catro apartamentos,[129] servindo como caseira destes dende finais dos anos 1940 ata 1956, cando se mudou a vivir co seu irmán Richard a 21st Place en Santa Monica.[130]
En 1949 o seu pai faleceu nos Ánxeles á idade de 91 anos.[111] Tras unha ausencia de seis anos, Anna May volveu a actuar nun pequeno papel no filme de serie B titulado Impact.[131] Dende o 27 de agosto ata o 21 de novembro de 1951 foi a protagonista nunha serie de detectives da DuMont Television Network escrita especificamente para ela, The Gallery of Madame Liu-Tsong,[131] usando o seu nome de nacemento para a personaxe,[9] unha tratante de arte chinesa involucrada en traballos de detective e intrigas internacionais.[132] Os dez episodios da serie de media hora de duración emitíronse durante o horario de máxima audiencia,[133] e malia que estaba planeada unha segunda tempada, DuMont cancelou a serie en 1952. Non se coñecen copias existentes da serie ou dos seus guións.[134] Tras esta serie a saúde de Anna May comezou a deteriorarse. A finais de 1953 sufriu unha hemorraxia interna, que o seu irmán atribuíu ó comezo da menopausa, o seu abuso do alcol e ás preocupacións financeiras.[135]
En 1956 Wong fixo de anfitrioa nun dos primeiros documentais estadounidenses sobre a China narrados na súa totalidade por un chinoamericano. Emitido como parte da serie de viaxes Bold Journey da ABC, o programa incluía gravacións realizadas durante a súa viaxe de 1936 á China.[136] Anna May realizou tamén varios papeis invitados en series de televisión como Adventures in Paradise, The Barbara Stanwyck Show e The Life and Legend of Wyatt Earp.[137]
En 1960 Anna May volveu ó cinema en Portrait in Black, con Lana Turner como protagonista, a súa última aparición no cinema. Anna May tiña planeado representar o papel de Madame Liang na produción cinematográfica de Flower Drum Song de Rodgers and Hammerstein, pero non puido realizalo debido os seus problemas de saúde.[138] O 3 de febreiro de 1961 Anna May Wong faleceu ós 56 anos de idade a causa dun ataque ó corazón mentres durmía no seu fogar de Santa Monica,[6][139] dous días despois da súa última aparición en pantalla no programa de televisión The Barbara Stanwyck Show. Os seus restos foron incinerados e soterrados na tumba da súa nai no Cemiterio Angelus-Rosedale dos Ánxeles.[140][139]
Filmografía
editarLegado
editarSegundo Shirley Lim, grazas ós seus filmes, aparicións públicas e aparicións prominentes en revistas, Anna May Wong contribuíu a humanizar ós chinoestadounidenses nos ollos da audiencia de raza branca durante un período de racismo e discriminación pública. Para Lim os chinoestadounidenses consideráranse perpetuamente estranxeiros na sociedade estadounidense, mais os filmes e a imaxe pública de Anna May establecérona como unha cidadá chinoestadounidense nun momento en que as leis discriminaban á inmigración e cidadanía chinesas. Lim argumentou que a imaxe híbrida de Wong disipou as nocións coetáneas de que o Leste e o Oeste eran inherentemente diferentes.[142]
Tanto nos Estados Unidos coma en Europa, Anna May Wong estivera considerada unha icona de moda durante máis dunha década. En 1934 a Mayfair Mannequin Society de Nova York votouna como "A muller mellor vestida do Mundo", e no ano 1938 a revista Look nomeouna "A moza chinesa máis fermosa do Mundo".[143] Polas súas contribucións na industria do cinema, Anna May recibiu unha estrela no número 1708 de Vine Street durante a inauguración do Paseo da Fama de Hollywood en 1960.[144] A súa imaxe tamén quedou representada nun dos catro piares da escultura "Gateway to Hollywood" situada na esquina sueste de Hollywood Boulevard e La Brea Avenue, xunto ás actrices Dolores del Río (hispanoestadounidense), Dorothy Dandridge (afroamericana) e Mae West (estadounidense de raza branca).[145]
Entre os seus filmes, só Shanghai Express mantivo a atención da crítica nos Estados Unidos nas décadas seguintes á súa morte. En Europa, especialmente en Inglaterra, os seus filmes apareceron de forma ocasional en diversos festivais. Wong foi unha figura popular dentro da comunidade gai que adoitaba reclamala coma un dos seus membros e mantívoa como símbolo pola marxinación que sufriu por parte do mainstream.[146] Malia que se mantiveron as críticas nacionalistas chinesas das súas representacións dos estereotipos de "Dama Dragón" e muller recatada, Anna May quedou eventualmente esquecida na China.[147] Porén, a importancia do seu legado dentro da comunidade cineasta asiaticoestadounidense mantívose grazas ao Premio á Excelencia Anna May Wong, outorgado anualmente na celebración dos Premios das Artes Asiaticoamericanas,[148] e no premio anual outorgado pola comunidade de Deseñadores de Moda Asiáticos, que leva o seu nome dende o ano 1973.[146]
Durante décadas trala súa morte, a imaxe de Anna May Wong mantívose como un símbolo na literatura e no cinema. No poema de 1971 "The Death of Anna May Wong", Jessica Hagedorn fala da súa carreira de "tráxico encanto" e presenta á actriz como unha "fráxil presenza maternal, unha muller asiaticoamericana que conseguiu 'dar a luz' ás mulleres asiaticoamericanas na pantalla durante a época jazz".[149] A personaxe de Anna May en Shanghai Express foi o tema do poema de 1989 de John Yau "No One Ever Tried to Kiss Anna May Wong", no que interpreta a carreira da actriz como unha serie de romances tráxicos.[150] Na versión cinematográfica de 1993 de David Cronenberg da obra de 1986 de David Henry Hwang M. Butterfly, a imaxe de Wong aparece brevemente como símbolo da "diva tráxica".[151] A súa vida tratouse na obra de ficción China Doll, The Imagined Life of an American Actress escrita por Elizabeth Wong en 1995.[152]
Pouco antes do centenario do seu nacemento sucedéronse varias avaliacións novas da súa vida e carreira. Publicáronse tres das obras principais sobre a actriz e realizáronse varias retrospectivas completas dos seus filmes tanto no Museo de Arte Moderna coma no Museo Americano da Imaxe en Movemento de Nova York.[66] A biografía de 2003 Perpetually Cool: The Many Lives of Anna May Wong (1905–1961) escrita por Anthony Chan foi a primeira obra importante sobre Anna May Wong, escrita segundo o propio autor "dende unha perspectiva e sensibilidade asiaticoamericanas únicas".[153] En 2004 Philip Leibfried e Chei Mi Lane realizaron un exame exhaustivo da súa carreira coa publicación de Anna May Wong: A Complete Guide to Her Film, Stage, Radio and Television Work. Outra das obras importantes sobre a actriz foi a biografía de Graham Russell Hodges titulada Anna May Wong: From Laundryman's Daughter to Hollywood Legend, publicada por primeira vez en 2004. Finalmente no ano 2009 publicouse unha biografía ilustrada de Anna May Wong dirixida a nenos, titulada Shining Star: The Anna May Wong Story.[154]
En 2022, a figura de Anna May Wong foi homenaxeada ao ser a protagonista da quinta das moedas estadounidenses dun cuarto de dólar da serie Mulleres Americanas, dedicada ás mulleres máis representativas da historia dos Estados Unidos.[155]
Notas
editarTodas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario.
- ↑ Chan 2003, p. xi.
- ↑ Gan 1995, p. 83.
- ↑ Zia, Helen; Gall, Susan B. (1995). Notable Asian Americans. Nova York: Gale Research. p. 415. ISBN 978-0-8103-9623-4.
- ↑ "Film reveals real-life struggles of an onscreen "Dragon Lady"". UCLA Newsroom. 3 de xaneiro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2018. Consultado o 3 de xaneiro de 2018.
- ↑ Hodges 2012, p. 197.
- ↑ 6,0 6,1 Hodges 2012, p. 205.
- ↑ "Actress Anna May Wong's Life Story to Be Told on Big Screen". NBC News. 1 de agosto de 2014. Consultado o 3 de xaneiro de 2018.
- ↑ Hodges 2004, pp. 2, 5.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Corliss, Richard (29 de xaneiro de 2005). "Anna May Wong Did It Right". Time. pp. 1–4. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2012. Consultado o 3 de xaneiro de 2018.
- ↑ Finch & Rosenkrantz 1979, p. 231.
- ↑ Hodges 2012, p. 1.
- ↑ Hodges 2012, p. 6.
- ↑ Chan 2003, p. 13.
- ↑ Hodges 2012, pp. 1, 7–8, 10.
- ↑ Hodges 2012, p. 2.
- ↑ Hodges 2012, p. 5.
- ↑ Hodges 2012, pp. 13–15.
- ↑ Hodges 2012, p. 21.
- ↑ Wollstein 1999, p. 248.
- ↑ "Author Lauds History Written By Neilan for League Picture". Exhibitors Herald 13 (2): 45. 9 de xullo de 1921.
- ↑ Chan 2003, p. 31.
- ↑ Hodges 2012, pp. 26–27.
- ↑ Chan 2003, pp. 145–146.
- ↑ Hodges 2012, p. 225.
- ↑ Lim 2005, p. 51.
- ↑ Hodges 2012, p. 41.
- ↑ 27,0 27,1 Wollstein 1999, p. 249.
- ↑ Gan 1995, p. 84.
- ↑ Hodges 2012, p. 35.
- ↑ "The Toll of the Sea". Variety: 35. 1 de decembro de 1922. ISSN 0042-2738.
- ↑ "The Toll of the Sea". The New York Times. 27 de novembro de 1922. Consultado o 3 de xaneiro de 2018.
- ↑ Anderson, Melissa (2 de marzo de 2006). "The Wong Show". Time Out New York. Consultado o 24 de marzo de 2008.
- ↑ Parish 1976, pp. 532–533.
- ↑ Hodges 2012, p. 58.
- ↑ 35,0 35,1 Hodges 2012, p. 49.
- ↑ Balio, Tino (2009). United Artists: The Company Built by the Stars. University of Wisconsin Press. p. 45. ISBN 978-0-299-23004-3.
- ↑ Chan 2003, pp. 37, 139.
- ↑ Chan 2003, pp. 37–38.
- ↑ Leong 2005, pp. 181–182.
- ↑ Hodges 2012, p. 64.
- ↑ Hodges 2012, pp. 45–46.
- ↑ Bergfelder, Tim (2004). "Negotiating Exoticism: Hollywood, Film Europe and the cultural reception of Anna May Wong". En Fischer, Lucy; Landy, Marcia. Stars: The Film Reader. Psychology Press. pp. 61–62. ISBN 0-415-27892-9.
- ↑ Hodges 2012, p. 51.
- ↑ Hall, Mordaunt (3 de febreiro de 1925). "Forty Winks". The New York Times. Consultado o 3 de xaneiro de 2018.
- ↑ Wollstein 1999, p. 250.
- ↑ 46,0 46,1 46,2 Sweet, Matthew (6 de febreiro de 2008). "Snakes, Slaves and Seduction; Anna May Wong.". The Guardian. Consultado o 20 de marzo de 2008.
- ↑ Hodges 2012, p. 66.
- ↑ Chan 2003, p. 185.
- ↑ Liu 2000, p. 24.
- ↑ "Mr. Wu (1927)". IMDb. Consultado o 3 de xaneiro de 2018.
- ↑ "The Crimson City (1928)". IMDb. Consultado o 3 de xaneiro de 2018.
- ↑ Chan 2003, p. 42.
- ↑ Leong 2005, pp. 83, 187.
- ↑ 54,0 54,1 54,2 Wollstein 1999, p. 252.
- ↑ Parish 1976, p. 533.
- ↑ "BERLIN PRAISES MISS WONG.; Her First Film Produced In Germany Acclaimed at Premiere.". The New York Times. 22 de agosto de 1928. Consultado o 4 de xaneiro de 2018.
- ↑ Parish 1976, p. 534.
- ↑ Wollstein 1999, pp. 252, 253, 256.
- ↑ Hodges 2012, p. 87.
- ↑ Hodges 2012, p. 97.
- ↑ Motion, Andrew. The Lamberts: George, Constant and Kit. New York: Farrar, Straus and Giroux, 1986. ISBN 0-374-18283-3. p. 161.
- ↑ Hodges 2012, p. 92.
- ↑ 63,0 63,1 Leibfried & Lane 2010, p. 70.
- ↑ "Piccadilly". Variety. 24 de xullo de 1929. ISSN 0042-2738.
- ↑ Chan 2003, pp. xiii, 213, 215, 219.
- ↑ 66,0 66,1 Hsu, Shirley (23 de xaneiro de 2004). "Nobody's Lotus Flower: "Rediscovering Anna May Wong" Film Retrospective". UCLA International Institute. Consultado o 4 de xaneiro de 2018.
- ↑ Hodges 2012, p. 178.
- ↑ Chan 2003, pp. 51–53.
- ↑ Lim 2005, p. 56.
- ↑ Hodges 2012, p. 187.
- ↑ Lim 2005, p. 57.
- ↑ Hodges 2012, p. 112.
- ↑ 73,0 73,1 73,2 Chan 2003, p. 90.
- ↑ 74,0 74,1 Hodges 2012, p. 155.
- ↑ Hodges 2012, p. 148.
- ↑ 76,0 76,1 76,2 76,3 Wollstein 1999, p. 253.
- ↑ Lim 2005, p. 59.
- ↑ Corliss, Richard (3 de febreiro de 2005). "That Old Feeling: Anna May Win". Time. p. 4. Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2008. Consultado o 4 de xaneiro de 2018.
- ↑ Hodges 2012, p. 118.
- ↑ Chan 2003, pp. 95–96.
- ↑ Leong 2005, pp. 83–187.
- ↑ Lim 2005, p. 58.
- ↑ Chan 2003, p. 232.
- ↑ Lim 2005, p. 60.
- ↑ Leong 2005, p. 74.
- ↑ Leong 2005, p. 75.
- ↑ Hodges 2012, p. 125.
- ↑ Hodges 2012, p. 128.
- ↑ Hodges 2012, pp. 127–128.
- ↑ 90,0 90,1 90,2 Gan 1995, p. 89.
- ↑ Hodges 2012, pp. 144, 217.
- ↑ Hodges 2012, pp. 150, 155.
- ↑ Leong 2005, pp. 75, 94.
- ↑ Hodges 2012, pp. 150–151.
- ↑ 95,0 95,1 Hodges 2012, p. 152.
- ↑ Hodges 2012, p. 151.
- ↑ Leong 2005, p. 76.
- ↑ Sarris, Andrew (1998). You Ain't Heard Nothin' Yet: The American Talking Film History and Memory, 1927–1949. Oxford University Press. p. 388. ISBN 9780195038835.
- ↑ Chan 2003, p. 261.
- ↑ Berry, Sarah (2000). Screen Style: Fashion and Femininity in 1930s Hollywood. Minneapolis: University of Minnesota Press. p. 111. ISBN 0-8166-3312-6.
- ↑ 101,0 101,1 101,2 101,3 101,4 Parish 1976, p. 536.
- ↑ 102,0 102,1 Liu 2000, p. 29.
- ↑ Liu 2000, pp. 28–29.
- ↑ Chan 2003, p. 97.
- ↑ Hodges 2012, pp. 159–160.
- ↑ Chan 2003, p. 99.
- ↑ Hodges 2012, p. 134.
- ↑ Hodges 2012, pp. 165–167.
- ↑ Chan 2003, pp. 122–123.
- ↑ Hodges 2012, p. 168.
- ↑ 111,0 111,1 Chan 2003, p. 280.
- ↑ Hodges 2012, p. 180.
- ↑ Lim 2005, pp. 47, 63, 67.
- ↑ 114,0 114,1 Leong 2005, p. 94.
- ↑ Lim 2005, p. 66.
- ↑ Leung, Louise (1938). "East Meets West". Hollywood Magazine 27 (4-12): 40, 55.
- ↑ Crisler, B.R. (24 de decembro de 1937). "Daughter of Shanghai (film review)". The New York Times.
- ↑ Wollstein 1999, p. 256.
- ↑ Crowther, Bosley (11 de marzo de 1938). "Dangerous to Know (film review)". The New York Times.
- ↑ Lim 2005, p. 47.
- ↑ Nugent, Frank (16 de marzo de 1939). "King of Chinatown (film review)". The New York Times.
- ↑ Hodges 2012, p. 191.
- ↑ Leong 2005, p. 95.
- ↑ Hodges 2012, p. 203.
- ↑ "Oriental stardust: Anna May Wong in White Australia". ABC Radio National. 21 de xullo de 2013. Consultado o 5 de xaneiro de 2018.
- ↑ Groves, Derham (14 de novembro de 2013). "Anna May Wong’s Lucky Shoes: 1939 Australia through the eyes of an Art Deco diva". Universidade de Melbourne. Consultado o 5 de xaneiro de 2018.
- ↑ 127,0 127,1 127,2 Leong 2005, p. 101.
- ↑ Finch & Rosenkrantz 1979, p. 156.
- ↑ Parish 1976, p. 538.
- ↑ Wollstein 1999, pp. 257–258.
- ↑ 131,0 131,1 Chan 2003, p. 78.
- ↑ Camhi, Leslie (11 de xaneiro de 2004). "Film: A Dragon Lady and a Quiet Cultural Warrior". The New York Times.
- ↑ Chan 2003, p. 80.
- ↑ Hodges 2012, pp. 216–217.
- ↑ Hodges 2012, pp. 217–218.
- ↑ Chan 2003, p. 124.
- ↑ Chan 2003, pp. 81, 268.
- ↑ Chan 2003, pp. 80–81.
- ↑ 139,0 139,1 Wilson, Scott (2016). Resting Places: The Burial Sites of More Than 14,000 Famous Persons. McFarland. p. 823. ISBN 9781476625997.
- ↑ Leibfried & Lane 2010, p. 91.
- ↑ 141,0 141,1 "Anna May Wong". IMDb. Consultado o 4 de xaneiro de 2018.
- ↑ Lim 2005, pp. 49–51.
- ↑ Chan 2003, p. 33.
- ↑ Chung, Hye-seung (2006). Hollywood Asian: Philip Ahn and the Politics of Cross-ethnic Performance. Filadelfia: Temple University Press. p. 26. ISBN 1-59213-516-1.
- ↑ Negra, Diane (2001). Off-White Hollywood: American Culture and Ethnic Female Stardom. Londres: Routledge. p. 1. ISBN 0-415-21678-8.
- ↑ 146,0 146,1 Hodges 2012, p. 232.
- ↑ Hodges 2012, pp. 231–232.
- ↑ Chan 2003, p. 276.
- ↑ Liu 2000, p. 35.
- ↑ Liu 2000, pp. 31–33.
- ↑ Liu 2000, pp. 34–35.
- ↑ "Elizabeth Wong". UCSB Special Collections: California Ethnic and Multicultural Archives. 2008. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2010. Consultado o 8 de marzo de 2010.
- ↑ Chan 2003, p. xvii.
- ↑ ""Shining Star" The Anna May Wong Story" by Paula Yoo, illus. by Lin Wang". Publishers Weekly 255 (29): 125. 2008.
- ↑ "Anna May Wong Quarter". United States Mint.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anna May Wong |
Bibliografía
editar- Chan, Anthony B. (2003). Perpetually Cool: The Many Lives of Anna May Wong (1905–1961) (en inglés). Lanham, Maryland: The Scarecrow Press. ISBN 0-8108-4789-2.
- Finch, Christopher; Rosenkrantz, Linda (1979). Gone Hollywood: The Movie Colony in the Golden Age (en inglés). Nova York: Doubleday. ISBN 978-0-385-12808-7.
- Gan, Geraldine (1995). "Anna May Wong". Lives of Notable Asian Americans: Arts, Entertainment, Sports (en inglés). Nova York: Chelsea House. ISBN 978-0-7910-2188-0.
- Hodges, Graham Russell (2012) [2004]. Anna May Wong: From Laundryman's Daughter to Hollywood Legend (en inglés) (2ª ed.). Hong Kong University Press. ISBN 9789888139637. doi:10.5790/hongkong/9789888139637.001.0001.
- Leong, Karen J. (2005). The China Mystique: Pearl S. Buck, Anna May Wong, Mayling Soong, and the Transformation of American Orientalism (en inglés). Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-24422-2.
- Leibfried, Phillip; Lane, Chei Mi (2010). Anna May Wong: A Complete Guide to Her Film, Stage, Radio and Television Work (en inglés). McFarland. ISBN 9781476609324.
- Lim, Shirley Jennifer (2005). "I Protest: Anna May Wong and the Performance of Modernity". A Feeling of Belonging: Asian American Women's Public Culture, 1930–1960 (en inglés). New York University Press. ISBN 0-8147-5193-8. OL 3405212M.
- Liu, Cynthia W. (2000). "When Dragon Ladies Die, Do They Come Back as Butterflies? Re-imagining Anna May Wong.". En Hamamoto, Darrell Y.; Liu, Sandra. Countervisions: Asian American Film Criticism (en inglés). Filadelfia: Temple University Press. ISBN 1-56639-776-6.
- Parish, James (1976). "Anna May Wong". Hollywood Players: The Thirties (en inglés). New Rochelle, Nova York: Arlington House Publishers. ISBN 0-87000-365-8.
- Wollstein, Hans J. (1999). "Anna May Wong". Vixens, Floozies, and Molls: 28 Actresses of late 1920s and 1930s Hollywood (en inglés). Jefferson, Carolina do Norte: McFarland. ISBN 0-7864-0565-1.