Saloth Sar, nado en Prek Sbauv (Kompung Thom) en data incerta (algunhas fontes dan o 19 de maio de 1925[1], e outras o 19 de maio de 1928[2][3]) e finado en Anlong Veng o 15 de abril de 1998, foi un dirixente comunista camboxano coñecido como Pol Pot, líder da guerrilla dos Khmer vermellos dende a xénese destes na década de 1960 até a súa propia morte.

Pol Pot
Nome completoសាឡុត ស
AlcumePol Pot
Nacemento19 de maio de 1925 e 19 de maio de 1928
Lugar de nacementoPrek Sbauv
Falecemento15 de abril de 1998
Lugar de falecementoAnlong Veng District
SoterradoAnlong Veng District
NacionalidadeIndochina Francesa, Reino do Camboja, República Khmer, Kampuchea Democrático, República Popular de Kampuchea, State of Cambodia e Camboxa
Relixiónateísmo
Alma máterEFREI Paris e Lycee Sisowath
Ocupaciónpolítico e oficial
PaiSaloth Phem
CónxuxeKhieu Ponnary
IrmánsSaloth Chhay
PremiosHeroe da República Popular Democrática de Corea e Order of the National Flag
Na rede
Find a Grave: 2744 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Foi tamén primeiro ministro de "Kampuchea Democrática", que foi a forma na que se constituíu politicamente o actual Reino de Camboxa baixo o poder do seu réxime totalitario entre 1975 e 1979. Creador dun estado de corte maoísta (e polo tanto pro-chinés), Saloth Sar pasou á historia como o principal responsable do denominado xenocidio camboxano, que na actualidade é a principal razón da constitución dun tribunal internacional dende 2006 para xulgar ós líderes sobreviventes do réxime.

Traxectoria editar

Unha vez conquerido o poder en 1975, Saloth Sar levou a cabo unha drástica política de recolocación da poboación dos principais centros urbanos no campo como unha medida determinante cara ao tipo de comunismo que desexaba implantar. Os medios empregados incluíron o exterminio dos intelectuais e outros "inimigos burgueses". O resultado disto foi a desaparición de polo menos un millón e medio de persoas. Tomando as estatísticas presentadas por K. D. Jackson, o 17 de abril de 1975, ano no que os Khmer vermellos tomaron Phnom Penh, había en Camboxa unha poboación de 7,3 millóns de habitantes, reducidos a 6 millóns en 1978[4]. K. D. Chandler sinala como motivos deste drástico descenso da poboación -que calcula en 1,5 millóns de desaparecidos- a desnutrición, os traballos forzados e as enfermidades mal atendidas en xeral, pero 200.000 persoas, probablemente máis, foron executadas sen xuízo, clasificados como "inimigos", entre os que se contaban nenos, anciáns e persoas pertencentes incluso ó mesmo Partido[5]. Porque a meirande parte das vítimas pertencían á etnia khmer, Jean Lacouture denominou a este proceso "auto-xenocidio"[6]

A súa política incluía a oposición a Vietnam que fixo efectiva con numerosos ataques a ese país[7], o que causou unha invasión masiva de Camboxa en 1979 que precipitou o réxime cara a súa fin.

Infancia e primeiros estudos editar

Saloth Sar, como xa se dixo, naceu en Prek Sbauv, Kompung Thom, Camboxa, o 19 de maio de 1925 ou 1928[8], sendo o máis novo de sete fillos dun home de próspera facenda.

Ós seis anos a súa familia trasladouse a Phnom Penh para vivir co seu irmán, un oficial da Garda Real, onde Sar frecuenta a Pagoda de Prata. A súa familia tiña conexións coa familia da Dinastía Norodom: unha curmá de Saloth Sar crecera no Palacio Real como bailarina e chegou a ser esposa consorte do rei Sisowath Monivong, a súa irmá máis vella, Saroeung, foi elixida tamén como consorte do rei ós 15 anos, e en 1928 o seu irmán máis vello, Loth Suong, comezou unha carreira de protocolo na corte[9], feito que poría a Saloth Sar en contacto coa elite da capital e do budismo khmer. Aprendeu ben o francés e estudou coa elite católica de Camboxa, aínda que nunca recibiu un diploma.

Como moitos estudantes do seu tempo, Saloth Sar uniuse ós movementos anticolonialistas da Indochina Francesa (Camboxa, Vietnam e Laos) liderado polo que sería o máximo representante da revolución vietnamita: Ho Chi Minh. Entraría entón en contacto co Partido Comunista Indochino, que era entón ilegal no país.

Saloth Sar en Francia editar

En 1948, baixo a rexencia do novo rei Norodom Sihanouk, gañou unha bolsa de estudos do Goberno para estudar radioelectricidade en París con rapaces como Thiounn Thioeunn, Chumm e o seu irmán Mumm. Despois de desembarcar en Marsella, chega en tren a París o 1 de outubro de 1949. Inscríbese na Escola Francesa de Radioelectricidade, aínda que nunca demostrou moito interese polos estudos, de feito non chegou a rematalos. Na capital francesa, o grupo camboxano demostrou un gran nacionalismo e a oposición a calquera inxerencia vietnamita nos asuntos camboxanos. Antes da chegada de Saloth Sar a Francia, en xullo de 1946, os membros deste grupo rexeitaran asistir a unha reunión con Ho Chi Minh, na Conferencia de Fontainebleu, nos arredores de París[10].

Formou parte do capítulo camboxano do Partido Comunista Francés, o que o levaría a fundar o chamado "Grupo de Estudo de París", célula principal que xeraría os futuros Khmer vermellos e no cal participarían Ieng Sary, Khieu Samphan, Khieu Ponnary e Son Sen, quen serían pezas fundamentais na conformación do devandito movemento. Este grupo adicouse entón ao afondamento das ideas marxistas e do comunismo sempre en relación co Partido Comunista Francés. Traballaron arduamente en adherir os estudantes camboxanos en Francia ás súas ideas revolucionarias en contra da monarquía do rei Norodom Sihanouk, quen entón avanzaba na súa propia loita anticolonialista. Na súa obra Monarquía ou democracia afirma:

A monarquía é un vil postulado que vive do sangue e a suor dos campesiños. Só a Asemblea Nacional e os dereitos democráticos darán ós camboxanos un espazo de respiro... A democracia que substituirá á monarquía é unha institución sen igual, pura coma o diamante.

Regresa ó seu país en 1953 sen ter obtido o diploma despois de tres intentos por acadalo. Xa en Camboxa, casa con Khieu Ponnary, compañeira do Grupo de Estudo de París e a primeira muller camboxana en obter un diploma; e escollen o aniversario da Toma da Bastilla, 14 de xullo de 1956, para o seu matrimonio. Ieng Sary casaría coa irmá de Khieu Ponnary, estudante de William Shakespeare, de nome Khieu Thirith. O "Grupo de Estudo de París" sería a célula principal dos acontecementos que se desenvolverían nas seguintes catro décadas[11].

Regreso a Camboxa editar

Saloth Sar atopa no seu regreso a Phnom Penh unha Camboxa convulsa entre o rei Norodom Sihanouk, quen pretendía tomar a bandeira da independencia do país e non deixar que o fixesen os comunistas e as faccións radicais, que esixían a Francia unha independencia inmediata.

O futuro Pol Pot únese entón á alianza comunista vietnamita-khmer onde os vietnamitas lle aprenden como "traballar coas masas de base, fundar os comités de independencia a nivel de aldeas, membro por membro[12], pero segundo testemuña dun antigo camarada de Pol Pot, este dicía que a independencia camboxana debía ser liderada exclusivamente polos mesmos camboxanos[13]. Os intentos de restablecer a antiga orde colonial por parte de Francia logo da derrota do Xapón en 1945 víronse obstaculizados por un forte sentimento nacionalista manifestado en protestas e que tería como máximo estímulo a detención de dous monxes budistas en 1942 polos seus sermóns pro-nacionalistas. Algúns dos monxes uniríanse ás loitas pola independencia; dous dos máis soados serían Son Ngoc Minh e Tou Samouth que en 1946 se afiliarían ao Partido Comunista de Indochina liderado por Ho Chi Minh e que serían os fundadores do Partido Comunista de Camboxa. Pero o ideal de Saloth Sar sempre permaneceu firme respecto a manter unha separación de calquera influencia vietnamita ou doutras nacións.

Saloth Sar como revolucionario editar

O Partido Comunista Indochino disolveuse en 1951 nas tres faccións nacionais (Vietnam, Camboxa e Laos). A facción camboxana daría orixe ó Partido Revolucionario Popular de Kampuchea, PRPK, coa presenza preponderante de Saloth Sar e o seu "Grupo de Estudo de París", como xa se indicou.

O rei Norodom Sihanouk adiantaría unha campaña de represión do comunismo no país, tanto previa como posterior á independencia en 1954 e o seu recoñecemento en 1957, en parte tamén motivado polo seu temor a calquera influencia vietnamita. Colaborou na fundación do Partido Comunista Camboxano. En 1962 é asasinado Tou Samouth, o principal líder do comunismo camboxano e cuxa morte permanece sumida no misterio. Algunhas fontes suxiren que iso formaba parte da estratexia de Saloth Sar para garantir o dominio absoluto do seu liderado no Partido Comunista, xa que efectivamente se presenta para dirixilo, como suxire Kiernan:

A súa grande familiaridade co escenario político urbano e o seu aparente asasinato de Tou Samouth en 1962, finalmente permite ó grupo de Pol Pot tomar o liderado do Partido Comunista a principios de 1963[14].

Así mesmo N. Chanda sostén que:

Seguindo a misteriosa desaparición de Samouth en xullo de 1962, Pol Pot tomou a responsabilidade do secretariado do partido clandestino. Pronto, Pol Pot, o seu cuñado Ieng Sary, Son Sen e outros fuxiron ás selvas para a reorganización clandestina do partido. Non se soubo deles ata 1970" [15].

A disputa entre o radicalismo de Saloth Sar caracterizado pola súa posición abertamente antiestadounidense e antivietnamita por unha banda, e quen defendían un comunismo moderado pola outra, faise evidente e tráelle antipatías de parte de Vietnam xa a finais dos 60. Así o expresou o viceministro de relacións exteriores de Hanoi ó xornalista Nayan Chanda en 1978 referíndose ó grupo de Pol Pot como "partisanos" que "non tiveron unha participación activa nas loitas de independencia", non seguiron a "liña correcta" ó lado vietnamita en Camboxa e cuxo comunismo era "infantil"[16].

Comeza a Guerra de Vietnam editar

A guerra de Vietnam (1958 - 1975) significaría para Camboxa a apertura a un longo período de guerra e inestabilidade. O príncipe Norodom Sihanouk, entón primeiro ministro, declarou o país neutral no conflito. Denunciou reiteradamente a inxerencia doutros Estados nunha situación que Sihanouk vía como exclusiva dos vietnamitas no seu intento de reunificar o país. Esta postura anti-intervencionista púxoo en contraposición dos intereses estadounidenses. Pola súa banda, Estados Unidos insistiu en que o príncipe sostiña unha neutralidade ficticia e que prestaba o territorio camboxano como refuxio do Viet Cong[17]. O 18 de marzo de 1970, mentres o príncipe estaba nunha xira internacional, o xeneral Lon Nol, co apoio de Washington, levou a cabo un golpe de Estado e alineou a Camboxa cos Estados Unidos e Vietnam do Sur. Este feito non significou outra cousa que unha oportunidade histórica para Saloth Sar. Co príncipe afastado do poder e un inimigo visible como Lon Nol, os Khmer vermellos poderían coller as bandeiras da liberación do país que Sihanouk non permitira durante a independencia do mando francés. O Grupo de Estudo de París tomou o control definitivo do PRPK e cambioulle o nome polo de Partido Obreiro de Camboxa. Entre as súas primeiras decisións estaría a separación definitiva de calquera nexo vietnamita. Saloth Sar xa fora elixido primeiramente Camarada Tres no comité central do partido, e - logo da misteriosa morte de Samouth - Secretario Xeral do POC en 1968. En xullo de 1970, despois do golpe de Estado de Lon Nol, Saloth Sar e moitos dos membros do POC deixaron Phnom Penh e crearon unha guerrilla denominada Oficina 100 nas fronteiras con Vietnam do Norte, ó nordeste de Camboxa. Nese momento o Viet Cong pediulle atrasar a súa axenda revolucionaria en Camboxa até que os estadounidenses fosen expulsados de Vietnam do Sur.

Saloth Sar é ben recibido na China, feito que o convence para desligarse aínda máis dos vietnamitas, motivo polo cal apoia o cambio de nome do partido por Partido Comunista de Kampuchea (PKK), pero o común da xente comeza a chamalos "Khmer vermellos" (Kamae Poah Kroión en khmer ou "Khmer Rouge" en francés). O comité central de tal partido é coñecido como Angkar, traducido como "a nación" ou "a organización".

Logo dunha viaxe a Vietnam do Norte, refúxiase no nordeste de Camboxa para vivir cunha tribo montañesa. Impresionado pola simplicidade da súa vida, con poucas cousas materiais, convéncese entón que ese é o ideal do comunismo. Ese mesmo ano xorden gromos revolucionarios en varias provincias do país e, un ano despois, os Khmer vermellos tiñan case controlada toda a rexión montañosa do norte e as fronteiras con Vietnam; ademais establece o "Exército Revolucionario de Camboxa". Coa axuda dos Estados Unidos, o exército oficial de Lon Nol intentou febles campañas en contra da guerrilla, pero sen éxito.

En marzo de 1969 Estados Unidos levou a cabo bombardeos secretos ó norte de Camboxa, tratando de destruír os refuxios do Viet Cong e cortar o final da Ruta Ho Chi Minh. Autorizados polo recentemente elixido presidente Richard Nixon e liderados polo seu director de seguridade nacional Henry Kissinger, tales bombardeos pódense considerar ilegais posto que os Estados Unidos non fixera unha declaración de guerra oficial contra Camboxa nin dado o tempo establecido pola lexislación internacional para unha acción deste tipo. Durante catorce meses foron lanzadas en chan camboxano 110.000 toneladas de bombas, e os bombardeos continuarían até 1973, polo que se determina que foron 539.129 t en total, é dicir, tres veces e media máis do que Estados Unidos lanzou contra o Xapón durante a segunda guerra mundial. As vítimas camboxanas chegaron ás 600.000 persoas mortas e fontes da CIA estimaron que ditos bombardeos non fixeron outra cousa que incrementar a popularidade dos Khmer vermellos entre os campesiños camboxanos do norte do país. Só entre 1969 e 1973 contáronse 150 mil vítimas civís[18].

En 1973 prodúcense os primeiros éxitos dos Khmer vermellos contra o exército republicano do ditador Lon Nol, e o 60% do país quedou baixo o seu control. Mentres, Nixon, sen autorización gobernamental, intensificaba os bombardeos contra o país nun desesperado intento por deter a avanzada guerrilleira, do mesmo xeito que estaba sucedendo en Vietnam do Norte.

Debilitación dos Estados Unidos editar

A Península Indochina ardía nunha guerra de grandes proporcións e o goberno dos Estados Unidos deuse conta moi tarde do fracaso das súas políticas. Mentres Vietnam do Norte avanzaba sen tregua para alcanzar o seu obxectivo de reunificación baixo dominio comunista, os Khmer vermellos pechaban dende todos os puntos do país a Phnom Penh como unha tenaza, ante o cal se deron as primeiras saídas precipitadas de estranxeiros e membros simpatizantes da ditadura de Lon Nol. Os Khmer vermellos argumentaban que a súa loita era para defender e restituír no poder ó deposto príncipe Norodom Sihanouk que facía o papel de gobernante no seu exilio da China mentres tanto, sen poder tomar parte no novo capítulo de historia que se escribía no seu país. En 1974 os homes de Saloth Sar capturan a antiga capital, a cidade de Udong, a poucos quilómetros ó norte de Phnom Penh. A cidade foi destruída e os sobreviventes dispersados como preludio do que viría despois. En abril de 1975 a capital estaba completamente sitiada, as súas rúas ateigadas de refuxiados que fuxían, uns dos bombardeos estadounidenses e outros do avance da guerrilla: dous millóns de refuxiados xuntábanse en Phnom Penh ese ano[19]. Os guerrilleiros cortaron todos os medios de contacto coa capital e a fin da guerra era cuestión de días.

A caída de Phnom Penh editar

Artigo principal: Caída de Phnom Penh.

O día 17 de abril de 1975 está marcado como o da "Caída de Phnom Penh" baixo o avance dos Khmer vermellos. Os estadounidenses tiveron que abandonar un intento de fornecer alimentos e enerxía á cidade ó estilo da ponte aérea de Berlín cando o Aeroporto Internacional de Pochentong foi branco de intensos ataques guerrilleiros, mentres o ditador Lon Nol saía chorando do seu país nun helicóptero estadounidense cara a Hawai, onde morrería en 1985[20]. Lon Nol nunca máis volvería ó seu país. Aínda que os estadounidenses, os estranxeiros doutras nacionalidades de certa significación política e a plana maior do ditador foron evacuados, os estadounidenses deixaron na sitiada cidade mandos medios e un gran número de persoas que serían carne de canón para o novo réxime.

No ánimo dos dous millóns de persoas que se atopaban na cidade o 17 de abril, a vitoria evidente da guerrilla sobre os ocupantes e o ditador significaba dalgún xeito o remate das penurias da guerra, e por esta razón os fríos Khmer vermellos foron recibidos coa esperanza de que a paz chegaría por fin ó país. Pero os habitantes da cidade non estaban dentro dos plans de Saloth Sar e os seus. Pronto mostrarían cara a eles unha violencia inusitada e denominaríanos inimigos de Estado baixo o código "xente do 17 de abril". Ós ollos de Saloth Sar, os habitantes da cidade representaban a clase opresora, mentres que o pobo lexítimo era só o campesiñado. Dous millóns de habitantes da capital e das poboacións principais do país foron obrigados a ir ó campo. Saloth Sar comezou entón a usar o nome de Pol Pot e declarou a 1975 como o Ano Cero, co que quería indicar o inicio dun proceso de "purificación" da sociedade camboxana do capitalismo, a cultura occidental, a relixión e calquera influencia estranxeira, en cuxa mira estaban principalmente os vietnamitas. O 13 de abril Camboxa celebrara o inicio dun novo ano segundo o seu propio calendario nacional, a fin do "ano do tigre" e o comezo do "ano da lebre". Ó día seguinte, o 14, a capital recibiu os primeiros impactos da guerrilla e un auténtico "ano novo" comezaría para Camboxa.

Saloth Sar, agora definitivamente Pol Pot, estivo sempre a favor dun completo illamento do país, unha economía autosuficiente e un estado agrario. Todos os estranxeiros, que se refuxiaron na embaixada francesa, foron expulsados, e as embaixadas pechadas (con excepción da francesa e algunhas de certos países simpatizantes como China e Corea do Norte). Comeza a aplicación inmediata, sen termos medios, do socialismo no que se denominou o "gran salto". Foi o primeiro e até o de agora único país que viviu semellante experiencia, e dun xeito sorprendentemente rápido:

  • Abolición da moeda.
  • Abolición do mercado.
  • Abolición das escolas.
  • Destrución de calquera infraestrutura urbana.
  • Conversión forzada de toda a poboación camboxana en cultivadores.

Todas as cidades, aldeas e centros urbanos foron baleiradas, os habitantes procedentes dos principais centros urbanos como Phnom Penh e Battambang foron clasificados como a "Xente do 17 de abril", é dicir, aqueles que antes desa data non se uniron ás guerrillas comunistas e que, segundo a mentalidade de Saloth Sar e dos Khmer vermellos, puxéronse ó lado de Lon Nol e dos Estados Unidos. Esa "Xente do 17 de abril" foron vítimas de sospeitas de espionaxe, colaboración con poderes estranxeiros, burgueses e inimigos do "pobo". Todos os camboxanos foron levados a traballar no campo.

Creación da Kampuchea Democrática editar

 
Mapa feito con cranios das vítimas do réxime, exhibido no Museo Tuol Sleng
Artigo principal: Kampuchea Democrática.

Entre novembro e decembro de 1975 levouse a cabo un encontro nacional de membros do Partido no Estadio Olímpico de Phnom Penh. Nuon Chea proclamou entón que a nova Camboxa tiña xa dúas universidades: unha era o traballo produtivo e a outra o combater o inimigo vietnamita[21]. Era o preludio da "guerra despois da guerra" como foi chamada polo xornalista N. Chanda na súa obra. O 5 de xaneiro de 1976 os Khmer vermellos declararon o nacemento do novo Estado co nome de Kampuchea Democrática. O Príncipe Norodom Sihanouk, quen regresara como un suposto Xefe de Estado restituído ó poder logo da ditadura, perdera xa calquera capacidade de influencia sobre os asuntos políticos do seu país e era só unha figura protocolaria, case ó mesmo estilo do tempo colonial. Foi pronto obrigado a renunciar o seu cargo como Primeiro Ministro e posto literalmente en prisión no Palacio, un dos únicos remanentes da destruída Phnom Penh. Asumiu entón a presidencia Pol Pot, aínda que a súa identidade, así coma as dos máximos dirixentes da Kampuchea Democrática e de Angkar (o Partido) sempre estarían en segredo (a xente non sabía quen era en verdade Pol Pot nin o asociaban con Saloth Sar, tamén coñecido como Camarada Un). En principio, Pol Pot foi oficialmente o Primeiro Ministro da Kampuchea Democrática, despois o cargo pasará a Ieng Sari, aínda que Pol Pot reterá de facto o poder.

A aseveración de Pol Pot de que a liberación do país fora feita sen inxerencias estranxeiras é difícil de demostrar. Evidencias fornecidas tanto pola CIA como por Vietnam demostran que o Viet Cong facilitou armamento ós Khmer vermellos para tomar Phnom Penh, a cal caeu antes de que o fixese Saigón o 29 de abril de 1975. Do mesmo xeito, a China contribuíu con artillaría a cambio do caucho camboxano.[22] Con todo, a posición de Pol Pot foi sempre a de demostrar que Camboxa non necesitaba de ningunha forza estranxeira para sobrevivir, e en tal sentido mantivo o país nun illamento case total durante o tempo do réxime. Unha das obsesións do líder foi a de protexer o partido central dos que consideraba perigos externos e internos, e polo tanto foi considerada prioritaria para el a existencia de todo un sistema de defensa que incluía prisións de alta seguridade como a S-21, a principal, pero non a única, institución de interrogación no país. Goffman defínea como un exemplo extremo de total institucionalización cuxa misión era a de "protexer o Partido asasinando todos os prisioneiros e en parte alterando as súas biografías para poñelas acorde cos requirimentos e sospeitas do Partido"[23]. Aínda que se di en termos xerais "prisión", Chandler denomínaa máis ben como un centro de torturas e interrogación en sentido máis estrito[24]. Nunha entrevista que Pol Pot concedeu en 1997 ó xornalista Nate Thayer, negou calquera coñecemento da existencia de S-21:

Tomei só grandes decisións en grandes temas. Quero dicirlle a vostede - Tuol Sleng foi unha exhibición vietnamita. Un xornalista escribiu sobre iso. A xente fala de Tuol Sleng, Tuol Sleng, Tuol Sleng... Cando escoitei por vez primeira sobre Tuol Sleng foi na Voz de América. Escoiteino dúas veces[25].

Chandler comenta respecto diso que Pol Pot debeu coñecer a Tuol Sleng baixo o código "S-21". A xornalista Christine Chameau entrevistou a Ieng Sari, o segundo home forte da Kampuchea Democrática, quen respondeu respecto diso:

"Nunca dixen que non escoitara sobre Tuol Sleng... Sempre falabamos en nomes codificados, e seguridade foi para nós S-21".

Á pregunta de quen daba as ordes sobre S-21, Ieng Sari respondeu:

"Para cousas políticas como esa, Khieu Samphan"[26].

Tanto para Thayer como para Chandler, esta última resposta de Ieng Sari carece de documentos históricos que a corroboren. Os dous homes de maior rango en S-21 reportaban directamente ós que se denominaban os "camaradas maiores" (bong kang le en khmer), os cales permaneceron inamovibles durante todo o tempo do réxime: Pol Pot, Nuon Chea, Ta Mok, Son Sen e Khieu Samphan.

Desaparición dunha cuarta parte da poboación editar

 
Arquivos da prisión S-21 onde se conservan evidencias de torturas
Artigo principal: Xenocidio camboxano.

Comeza así un período da historia camboxana no que, segundo a maioría das fontes, perecería unha cuarta parte da poboación, o que foi xeralmente cualificado de xenocidio camboxano. Este período foi ignorado pola comunidade internacional no seu tempo, en parte polo movemento de moitos grupos occidentais que vían con simpatía a un país que lograra derrotar ó Imperialismo ianqui. O total illamento do país facía difícil manter unha observación internacional dos sucesos, e protestas solitarias como a de François Ponchaud (un misioneiro católico) ou tamén as denuncias de Amnistía Internacional foron vistas con descrédito. Sería logo da invasión vietnamita de 1979 e o ingreso na Organización das Nacións Unidas en 1993 cando o mundo abriría os ollos á realidade do drama humano vivido alí entre 1975 e 1979.

De acordo ás conclusións de David Hawk[27], os crimes imputables ó réxime de Pol Pot son os seguintes:

  • Torturas sistemáticas.
  • Práctica extensa de execucións extra-xudiciais.
  • Programas específicos de xenocidio contra grupos relixiosos e minorías étnicas.
  • Declive substancial da poboación nacional.

As evidencias que proban a existencia dos crimes mencionados poden ser clasificadas do seguinte xeito:

  • Testemuños dos sobreviventes, tanto de vítimas como dos mesmos vitimarios. Os relatos das vítimas forman parte até da tradición oral na Camboxa contemporánea.
  • Testemuños dos refuxiados de guerra en Tailandia, especialmente logo de iniciada a invasión por parte de Vietnam. Os refuxiados foron os primeiros en relatar episodios do sanguento réxime. Estes testemuños produciron unha gran cantidade de material documental como libros, vídeos e arte gráfica.
Os testemuños coinciden todos nos seguintes feitos históricos:
  • A evacuación precipitada dos grandes centros urbanos.
  • A marcha forzada durante un período de tres meses cara a diferentes sectores do país.
  • A ruda colectivización da produción e a colectivización da vida cotiá (todos tiñan que vivir xuntos).
  • A abolición da moeda.
  • Os ataques cotiáns ás relixións e ás tradicións culturais.
  • A realización rutineira de execucións sumarias.
  • A fame e as epidemias.
  • Os centros de interrogación e tortura descubertos polos vietnamitas en 1979.
  • As foxas comúns atopadas e escavadas con esqueletos humanos de todas as idades.
  • O dramático descenso da poboación a escala global en polo menos un millón e medio de persoas e, así mesmo, a redución de minorías étnicas como os Cham, os camboxanos de orixe vietnamita, e os de orixe chinesa.
  • A gran cantidade de material elaborado nesa época polos mesmos Khmer vermellos como as fotografías das vítimas, os seus testemuños asinados baixo tortura, informes elaborados a superiores por mandos medios, ordes e cartas. A maioría deste material achouse nas prisións, especialmente na de Tuol Sleng, e con el fíxose o Museo do Xenocidio de Tuol Sleng.

Todas estas evidencias e materiais están sendo sistematizadas na actualidade polo Centro de Documentación de Camboxa (DC-Cam)[28], creado en 1980 para recompilar e clasificar todo o material posible sobre os crimes cometidos durante o réxime de Kampuchea Democrática.

Decadencia do réxime editar

En 1977 revélase que "Angkar" é o Partido Comunista Camboxano, (PCC). Prodúcense considerables fames no país, comezan conflitos nas fronteiras con Tailandia, Laos e Vietnam, e este último comeza a ter máis relacións coa URSS que con China.

Pol Pot anunciaría en decembro de 1976 a todos os oficiais que debían prepararse para unha guerra de guerrillas convencional, e por primeira vez fala de Vietnam como "inimigo da Kampuchea Democrática"[29]. O 27 de xaneiro de 1977 unha incursión dos Khmer vermellos asasinou 30 campesiños tailandeses ao mesmo tempo que empezaban a causar disturbios nas fronteiras con Laos. Pero os acontecementos máis graves déronse na fronteira con Vietnam: segundo os informes vietnamitas, dende marzo de 1977 os Khmer vermellos lanzaron unha ofensiva continua na zona suroccidental de Vietnam, con incursións que atacaron o exército dese país e a poboación campesiña, especialmente en Ha Tien e Chau Doc. Estes informes vietnamitas coinciden con testemuños de refuxiados dese país no exterior, segundo os Arquivos Contemporáneos de Keesing[30]. Pol Pot aseguraba entón que o inimigo (Vietnam), non se "atrevería a atacarnos" porque, segundo o seu modo de ver, Vietnam era menos potente que Camboxa (posiblemente confiado na amizade que tiña coa China e a inimizade da China con Vietnam). Para Pol Pot, o xeito no que Vietnam atacaba a Camboxa non era abertamente, senón de xeito silencioso, infiltrándose nas filas khmer. Isto levaríao a desenvolver unha auténtica paranoia que o levaría a pescudar o "inimigo oculto" no interior do seu propio partido. Pola contra, Vietnam sempre se referiría ó comunismo camboxano coma "o seu irmán", segundo testemuñan refuxiados camboxanos que entraron en Vietnam en 1977. Sería só a partir de 1978 cando as autoridades vietnamitas comezarían a ver os Khmer vermellos doutro xeito.

Kampuchea Krom foi unha antiga provincia camboxana que pasou a mans dos vietnamitas no século XIX e que hoxe é o sur de Vietnam. Na actualidade existe unha poboación significativa de vietnamitas de etnia khmer que se senten naturalmente máis próximos á súa patria ancestral ca a Vietnam. Dende a perspectiva de Pol Pot, a "recuperación" do dito territorio era un deber histórico para Camboxa e esa foi a principal causa dos ataques no suroccidente do Vietnam, onde morreron numerosos campesiños tanto de etnia khmer como vietnamita.

O 6 de xaneiro de 1978 Pol Pot dirixiríase así ás tropas na zona oriental:

Cada camboxano ha de matar 30 vietnamitas co fin de avanzar cara á liberación, loitar fortemente para recuperar o sur de Vietnam[31].

Nunha entrevista que fixo Ben Kiernan a Heng Sarim sobre o propósito das incursións en Vietnam, este respondeu:

El dixo (Pol Pot) que tiñamos que liberar esa parte e facer rebelarse á xente do sur e derrocar a Vietnam e tomar o sur... El díxonos que tiñamos que motivar ós khmer que vivían no sur de Vietnam, os khmer krom, a alzarse en rebelión[32].

Mentres os Khmer vermellos se concentraban en atacar a todos os seus "inimigos", Radio Phnom Penh convocaba os habitantes do oriente do país a "levantar as bandeiras do celo nacional, confrontar o deber de xenreira e de sangue en contra do... expansionismo e o anexionismo"[33].

En 1978 Pol Pot lanzou a campaña para "descubrir" o que el chamaba o inimigo oculto. A súa idea de que o Partido e o Exército estaban infiltrados de vietnamitas e de axentes da CIA fixo que moitos dos seus homes fosen detidos, interrogados, torturados e executados. A teoría do réxime foi que dentro do Partido había inimigos e que localizalos e eliminalos era unha obriga, custase o que custase. Os "inimigos contra-revolucionarios" debían desaparecer, nun proceso que Pol Pot chamou de "varrida e limpeza" (boh somat en khmer)[34]. Un dos lemas do partido era "unha man para a produción e outra para combater o inimigo"[35]. Vann Nath, un dos poucos sobreviventes de S-21, dixo a Alexander Hinto que "a palabra inimigo tiña un gran poder... ó escoitala, todos no poñiamos nerviosos[36].

O "inimigo oculto" volveuse unha obsesión para Pol Pot e, se non existían, el mesmo crearíaos ben cedo. Para el, os "inimigos externos" eran visibles, doados de identificar e de combater, pero os "inimigos no interior" eran unha tarefa na que todos debían implicarse. No seu anuncio da existencia do Partido Comunista de Kampuchea (PCK), dixo á asemblea:

Dentro da sociedade camboxana existen semellantes contradicións de vida e morte como inimigos que pertencen a variadas redes de espionaxe traballando para os imperialistas e reaccionarios internacionais que planean entre nós levar a cabo accións subversivas, actividades en contra da revolución... Eses elementos son un número reducido, só un un ou dous por cento da poboación[37].

Interpretando literalmente as palabras do discurso de Pol Pot e seguindo a lectura de Chandler, un 1% ou 2% dos 7 millóns de camboxanos que había, supuñan entre 70 e 140 mil persoas que estaban consideradas "inimigos do Estado". Pol Pot dicía que os inimigos non podían ser tratados todos do mesmo xeito: uns debían ser "re-educados" e outros debían ser "neutralizados". Mentres se mantiña o dito discurso, centos de persoas eran interrogadas, torturadas e executadas en S-21.

En 1978, durante o aniversario do Partido Comunista de Kampuchea, Pol Pot expresou:

O 17 de abril de 1975 significou unha gran vitoria como nunca se viu en máis de dous mil anos de historia de Kampuchea. Matar os inimigos da revolución foi outra meticulosa vitoria próxima ós eventos do 17 de abril.[38]

O 10 de maio do mesmo ano nunha transmisión de Radio Kampuchea Democrática, dirixiría as seguintes palabras no contexto dos ataques a Vietnam:

Debemos combater para defender a independencia, soberanía e integridade territorial de Camboxa. Debemos vivir autonomamente, defendéndonos. Debemos tratar de eliminar o crecente número de inimigos, tantos como nos sexa posible e tratar de manter as nosas forzas ó máximo. Temos unha forza pequena, pero temos que atacar forzas grandes. Ese é o noso lema guía.[38]

Os ataques reiterados ao territorio vietnamita e as persecucións dentro do propio partido combinaríanse para precipitar rapidamente a fin do réxime. Comezou xa desde 1978 unha vaga de desercións que prepararían os elementos para un novo episodio no chan camboxano: a invasión vietnamita efectuada cos propios camboxanos.

Invasión vietnamita editar

O 25 de decembro de 1978 Vietnam lanza unha invasión militar sobre Camboxa cos propios camboxanos que se refuxiaran nese país. Entre eles estaba un mozo que sería o futuro líder da Camboxa de posguerra, Hun Sen, e que desertara dos Khmer vermellos xunto con outro grupo significativo de persoas, que hoxe conforman a cúpula máxima do goberno do Reino de Camboxa.

O 7 de xaneiro de 1979 Vietnam toma Phnom Penh. O Príncipe Norodom Sihanouk foxe a China e Pol Pot e os seus homes foxen ás selvas do norte. Vietnam funda a chamada República Popular Camboxana (RPC), con Heng Samrin, antigo militante dos Khmer vermellos, como Xefe de Estado. Este ten que afrontar as hostilidades da Fronte de Liberación Nacional do Pobo Camboxano, movemento non comunista, liderado por Son Sann, e da Fronte de Unidade Nacional para unha Independencia Neutral, Pacífica e Cooperativa (FUNCINPEC), liderada polo príncipe Norodom Sihanouk. En febreiro, China lanza unha invasión limitada de Vietnam como resposta á invasión vietnamita de Camboxa, mais retirouse cedo alegando que xa castigara bastante a Vietnam. Semella que tivo máis influencia na retirada chinesa as boas relacións entre Vietnam e a URSS.

O Xeneral Vo Nguyen Giap foi o responsable de dirixir a invasión da Camboxa de Pol Pot con 100 mil soldados e 20 mil guerrilleiros khmer do que se facía chamar Fronte Unida de Kampuchea cuxo dirixente era un ex-khmer vermello, Heng Samrin. A invasión, na cal Pol Pot non creu até que non a viu sobre Phnom Penh, comezou o 25 de decembro de 1978 e o 7 de xaneiro de 1979 o territorio camboxano estaba case sometido nas rexións máis importantes. O 17 de xaneiro de 1979 China comezaría en represalia á súa propia invasión de Vietnam, que de todas as maneiras non alcanzou as proporcións das de Vietnam en Camboxa. De todas as maneiras, as hostilidades na fronteira chinesa-vietnamita continuarían até a retirada do exército vietnamita de Phnom Penh. Aínda así, a ocupación vietnamita deulle a Pol Pot unha nova bandeira para outra campaña de liberación nacional, na cal atopou o apoio de varios países como Tailandia, que temían o comunismo vietnamita. China continuou protexéndoo e os mesmos Estados Unidos pretenderon utilizalo como un medio de contraposición para a hexemonía do Vietnam na rexión.

A imaxe de Pol Pot ben pronto se embazaría mentres se ían facendo públicos os testemuños de vítimas sobreviventes e refuxiados, e atopábanse numerosas evidencias das atrocidades cometidas. As divisións no interior do Partido, iniciadas antes da invasión vietnamita, racharíano, e Pol Pot sería contestado até por figuras da súa enteira confianza como Ieng Sari, quen chegaría a facelo enteiramente responsable dos desmandos do réxime; unha posición que seguirían os demais líderes dos Khmer vermellos, especialmente logo dos diálogos de paz co novo Goberno.

Decadencia de Pol Pot editar

 
Unha das poucas imaxes de Pol Pot que sobreviviron á caída do réxime, conservada no Museo do Xenocidio de Tuol Sleng en Phnom Penh

En 1982 os Khmer vermellos, o FLNPC e o FUNCINPEC forman unha coalición contra Vietnam. O príncipe Norodom Sihanouk é escollido como presidente da Coalición, Khieu Samphan é o vicepresidente e Son Sen o primeiro ministro. Refuxiado nas selvas, Pol Pot renuncia en 1985 como comandante dos Khmer vermellos na insurxencia, aínda que retén a súa supervisión. En 1987 organiza encontros con Hun Sen, o primeiro ministro da PRK e aínda que se abren vías de comunicación, non se chega a acordos. En maio de 1988 Vietnam anuncia plans de retirada dos seus 50.000 soldados de Camboxa para fins de ano. En xullo de 1988 os representantes de todas as partes en conflito reúnense en Bogor, Indonesia. Vietnam condiciona a súa retirada de Camboxa á completa desaparición dos Khmer vermellos. China acusa a URSS do seu apoio á presenza vietnamita en Camboxa e esixe a súa completa retirada, pero non acepta ningún papel de Pol Pot no goberno que ha de se formar. Do 30 de xullo ó 30 de agosto de 1989 prodúcese a Conferencia Internacional sobre Camboxa en Francia. China promete suspender as axudas ós Khmer vermellos e esixe a Vietnam que se retire do país. Hun Sen queda á cabeza do país como primeiro ministro.

O 23 de outubro de 1991, as catro faccións enfrontadas asinan o tratado de paz establecendo un goberno de transición supervisado polas Nacións Unidas. O príncipe Sihanouk regresa ó país e establécese unha monarquía constitucional elixida por consulta popular. En 1993 convócanse eleccións pluripartidistas. Os Khmer vermellos boicotéanas asegurando que están manipuladas polos vietnamitas. En 1996 os Khmer vermellos empezan a desintegrarse. Ieng Sari acusa a Pol Pot de ser o principal responsable dos asasinatos políticos. Divisións internas provocan desercións dos desmoralizados guerrilleiros, enfeblecéndose progresivamente a guerrilla khmer. En 1997 Pol Pot manda executar a Son Sen, convencido de que está colaborando co goberno camboxano, e fai asasinar tamén á súa esposa e fillos. Tal feito carrexaríalle a perda das simpatías dos seus derradeiros aliados. O 25 de xullo Ta Mok, Camarada Cinco e comandante militar dos Khmer vermellos, ordena o arresto de Pol Pot, sométeo a un xuízo popular e senténciao a vivir na prisión pola morte de Son Sen e a súa familia. Para entón, Pol Pot xa está doente. Durante o xuízo, Pol Pot acepta conceder unha entrevista ó xornalista Nate Thayer da "Far Eastern Economic Review", na que asegura que os asasinatos se deberon á falta de experiencia no goberno e á mala actuación dalgunhas persoas, e que el non é un home violento.

Morte editar

Saloth Sar, quen pasaría á historia como Pol Pot, morreu o 15 de abril de 1998, no medio das selvas camboxanas que na súa mocidade inspiraran os seus ideais. Era oficialmente prisioneiro do grupo que fundara catro décadas atrás, os "Khmer vermellos". Os informes oficiais establecen que a súa morte se debeu a un ataque cardíaco, pero os rumores dun atentado á súa vida presentáronse como unha posibilidade. O seu corpo foi incinerado nunha fogueira de coches vellos, nun lugar ó norte do país preto de onde morreu, e que posteriormente foi rodeado por unha barreira de láminas de ferro.

En maio, o exército camboxano capturou as últimas localizacións dos Khmer vermellos, moitos dos seus líderes entregáronse ó Goberno e algúns foron amnistiados como Ieng Sari. O entón herdeiro da liña de mando, Ta Mok, foxe querendo refuxiarse en Tailandia, pero é capturado e levado prisioneiro a Phnom Penh, onde morrerá en 2006. Permaneceron pequenos núcleos de Khmer vermellos no país sen organización e liderado, que ós poucos se integrarían á nova sociedade camboxana da posguerra.

Legado editar

Evidentemente a figura de Pol Pot trae ó xuízo da historia outros personaxes, quizabes máis escuros e enigmáticos e a outras nacións que entraron no xogo da Guerra de Vietnam. Schanberg, por exemplo, especula que se os Estados Unidos non apoiasen o golpe de Estado de Lon Nol en 1970, os comunistas teríano derrocado máis rapidamente e establecerían un Estado comunista ou socialista sen os resultados dramáticos que se coñecen:

A ironía do invento dos EEUU en Camboxa é que foron os causantes do tipo de comunismo que se estableceu alí.[39].

Con todo, o proxecto político de Pol Pot está historicamente demostrado como un pensamento que tivo tempo de ser madurado desde a súa estancia en Francia (1948 - 1953) e que foi executado ó pé da letra nunha experiencia única na historia da humanidade. O xornalista socialista francés Jean Lacouture di que existen dúas razóns para entender o fracaso da revolución comunista camboxana e a súa extrema violencia:

Primeiro, o total illamento da revolución. Desenvolveuse na xungla, liderada por guerrilleiros que foran incomunicados do resto do mundo. Baseouse en campesiños sen un real control ideolóxico e sen serios camaradas revolucionarios. Semellante revolución é bastante difícil de manter dentro dos límites da lóxica e de guiar nunha dirección razoable.[40].

Con frecuencia o nome de Pol Pot relaciónase con xenocidio e masacres, por exemplo, como o mencionou o presidente de Cuba, Fidel Castro, nun discurso en 1983:

Búsquese na historia do movemento revolucionario, e verase máis dunha vez a conexión entre o imperialismo e quen asumen posicións aparentemente extremistas de esquerda. Pol Pot e Ieng Sari, xenocidas de Kampuchea, non son hoxe os máis fieis aliados do imperialismo ianki no sueste de Asia? Nós, en Cuba, dende que xurdiu a crise en Granada, ó grupo de Coard, por chamalo dalgún xeito, chamabámolo o "grupo polpotiano".[41].

A primeira consecuencia do sanguinario réxime é, sen dúbida, a invasión de Vietnam en 1979 e, con iso, o fortalecemento da política exterior vietnamita na rexión, contrastada pola China. A guerra civil e a guerra contra a ocupación vietnamita prolongaron o tempo de violencia no país por un período até máis longo do que durou o réxime. En consecuencia, Camboxa pasou a encabezar a lista dos países máis pobres do Extremo Oriente e a vivir da axuda internacional. Unha era de permanente violencia entre 1970 e 1989 decimou a poboación, suspendeu durante un longo tempo o proceso educativo da poboación infantil e xuvenil, fixo retroceder ó país en saúde pública poñéndoo como un dos máis vulnerables a enfermidades como a SIDA, e atrasou o desenvolvemento económico. Todo nun intento de abordar unha reforma social e agraria radical que propiciou o desprazamento da poboación urbana ó campo.

En 2007, o país viviu un rápido proceso de desenvolvemento grazas a unha relativa paz, e unha nova xeración que non coñeceu a guerra medra con outra visión da historia, nun país onde o 70% da poboación é menor de 30 anos[42]. O Tribunal Internacional establecido en 2007 en Phnom Penh para xulgar os crimes de guerra dos Khmer vermellos, puxo o tema de novo de actualidade e o nome de Pol Pot volveu mencionarse.

Notas editar

  1. Datos biográficos de Pol Pot na BBC
  2. Brother Number One, David Chandler, Silkworm Book, 1992 p.7
  3. "Pol Pot Biography". Notablebiographies.com. Consultado o 2009-02-27. 
  4. K. D. Jackson: "The Khmer Rouge in Context" (tr.gl. "Os Khmer vermellos en contexto"), p.3, en: Cambodia 1975-1979.
  5. D. Chandler: "Voices from S-21" (tr.gl. "Voces de S-21"), Preface.
  6. J. Lacouture: "The Bloodiest Revolution" (tr.gl. "A Revolución máis sanguenta").
  7. Os Khmer vermellos atacaron illas vietnamitas por vez primeira o 12 de maio de 1975, ó que Vietnam responde coa invasión dunha illa camboxana o 12 de xuño do mesmo ano. O 24 de setembro de 1977 os Khmer vermellos lanzaron intensos ataques a aldeas vietnamitas causando numerosas vítimas: N. Chanda, "Brother Enemy, the War After the War", p. 412.
  8. Esta sección está fundamentada na obra "The Pol Pot Regime, Race, Power and Genocide in Cambodia under the Khmer Rouge, 1975-1979" de B. Kiernan, pp. 9 e ss.
  9. Idem, B. Kiernan, p. 10.
  10. Idem, B. Kiernan, p. 10-11.
  11. "Most of the Pol Pot's Paris friends, like the Thiounn brothers, Khieu Samphan, and two Khmer Krom students, Ien Sary and Son Sen, remained in his circle for over forty years" (tr.gl. "A maioría das amizades de París de Pol Pot, como os irmáns Thiounn, Khieu Samphan e dous khmer da Kampuchea Krom (o sur de Vietnam), Ien Sary e Son Sen, permanecerían no seu círculo durante máis de corenta anos), Idem, B. Kiernan, p. 11.
  12. "Idem, B. Kiernan, p. 11
  13. B. Kiernan, "How Pol Pot, pp. 30-32, 119-122.
  14. "Idem, B. Kiernan, p. 13.
  15. o.c. "Brother Enemy", N. Chanda, p.59
  16. "N. Chanda: "Brother Enemy", p. 60.
  17. M. Osborne:
    A imaxe dun Sihanouk invencible foi quebrantada dende que as elites urbanas e a burguesía recontaban os costos da súa política económica e besbellaban ansiosamente sobre as súas relacións exteriores que lles levaron a ter máis de 40 mil soldados comunistas vietnamitas en chan de Camboxa, en: "Sihanouk, Prince of Light, Prince of Darkness" (tr. gl. "Sihanouk, príncipe de luz, príncipe de escuridade"), p.209.
  18. B. Kiernan, The Pol Pot Regime, p. 24.
  19. N. Chanda, "Brother Enemy", p. 4.
  20. N. Chanda, op.cit. p. 5.
  21. B. Kiernan en "The Pol Pot Regime", p. 101.
  22. Idem, p.102.
  23. D. Chandler: Voices from S-21, p. 15.
  24. "Strictly speaking, S-21 was an interrogation and torture facility rather than a prison" (tr.gl. "Estritamente falando, S-21 foi un centro de interrogación e tortura no canto dunha prisión"), Idem, p.15.
  25. Thayer: "Day of Reckoning", citado por D. Chandler no seu "Voices from S-21", pp. 7-8.
  26. Thayer: "Day of Reckoning", citado por D. Chandler no seu "Voices from S-21", p. 164.
  27. David Hawk: "The Photographic Record" (tr.es. "Registro fotográfico"), en "Cambodia, 1975-1979", pp 209-213.
  28. "Web do Centro de Documentación de Camboxa". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2013. Consultado o 11 de decembro de 2012. 
  29. B. Kiernan, The Pol Pot Regime, p. 357.
  30. Keesing?s Contemporary Archives, 27 de outubro de 1978, mencionados nun artigo de Laura Summers en "Bulletin of Concerned Asian Scholars (BCAS), 11, 4 (1979), citado por B. Kiernan en "Pol Pot Regime", p. 358.
  31. B. Kiernan: "Pol Pot Regime", p. 387, "Each Cambodian is to kill thirty Vietnamese, in order to move forward to liberate, to fight strongly in order to take southern Vietnam back".
  32. Idem, p. 387.
  33. Emisión do 7 de xaneiro de 1978, Radio Phnom Pehn, H10.
  34. D. Chandler, "Voices from S-21", p. 41.
  35. Locard: "Petit livre rouge", 133, citado por D. Chandler en "The Pol Pot Regime", p. 174.
  36. Hinton: "Why did you kill?", citado por D. Chander, op.cit. p. 174.
  37. D. Chandler, "The Pol Pot Regime", p. 42.
  38. 38,0 38,1 Huy Vanna: "The Khmer Rouge Division 703", p.3
  39. Schanberg, 1975, citado por K. Quinn en "Cambodia 1975-1979", p.215.
  40. Lacouture, 1978: citado por K. Quinn en "Cambodia 1975-1979", p.216.
  41. Fidel Castro: "Discurso no acto de despedida de duelo dos heroes caídos", A Habana, 14 de novembro de 1983.
  42. Segundo o informe da Banca Mundial sobre Camboxa para 2007 publicado en "The Cambodia Daily", marzo de 2007.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar