Elite é un grupo minoritario dentro dunha sociedade e que ten un status superior ao resto de integrantes da mesma.

Dentro dunha mesma sociedade poden existir distintas elites, dependendo dos intereses particulares de cada unha delas. A existencia destas elites en plural relaciónase coa crecente diferenciación da sociedade. Na medida que distintos campos sociais se van facendo cada vez máis autónomos (arte, economía, ciencia, política etc.), van emerxendo elites sectoriais que defenden os seus propios puntos de vista. Dende este ángulo, un dos problemas centrais das sociedades modernas é a integración horizontal, é dicir, o mantemento de relacións medianamente harmónicas entre distintas elites sectoriais. Por outra banda, tamén presentan o desafío da integración vertical, isto é, o establecemento dun contacto fluído co común da poboación.

Na historia do pensamento social este tema foi estudado dende a antigüidade, a partir de conceptos de sabedoría e virtude. No entanto, é cara a fins do século XVIII e comezos do XIX cando a noción de elite cobra gran relevancia. A aparición do termo elite no francés está intimamente relacionado cos ideais republicanos, en tanto o concepto simboliza a demanda de que quen exerce o poder debe ser escollido segundo criterios de mérito e non segundo criterios de adscrición.

En termos analíticos, os pais dunha Teoría de elites son Caetano Mosca e Vilfredo Pareto, aínda cando algúns tamén consideran a relevancia fundacional de Robert Michels, sobre todo pola súa lei sobre a crecente oligarquización dos partidos políticos en particular e das organizacións sociais en xeral. Outro autor de grande relevancia é Wright Mills, xa que el acuñou o termo de elite de poder. Con este concepto faise referencia ao núcleo de poder que en Estados Unidos se produce entre as elites económicas, políticas e militares.

Actualmente existe certo consenso en que as elites son necesarias na sociedade e que sería máis ben quimérico pensar na súa inexistencia. De feito, coa caída dos socialismos reais e o solpor da utopía dunha sociedade sen clases, as elites volven lentamente a ocupar un lugar central na teoría social. O propio dunha teoría de elites é o acento do conflito entre distintas elites, así como tamén a imputación de responsabilidade polo decurso que vai adoptando a sociedade e, para rematar, a énfase na axencia antes que na estrutura. De feito, as elites poden ser concibidas como actores claves para posibilitar ou impedir o cambio dunha sociedade.

Etimoloxía editar

Elite provén de da palabra francesa élite, e esta do latín eligere (significa elixir ou seleccionar). En francés, o acento agudo non é un acento de intensidade, senón que indica que o "e" se pronuncia pechado. En español entendeuse erroneamente que o acento agudo de "élite" era de intensidade, polo que normalmente se pronuncia como unha palabra esdrúxula, porén esta pronuncia está considerada incorrecta pola Real Academia. En galego, igual que en portugués e en español a pronuncia correcta é con acento no i.

Bibliografía editar

  • Artigo Teoría das elites no Dicionario Crítico de Ciencias Sociais.
  • Elites and Society: T.B. Bottomore.