Historiografía da Grecia Antiga

Por historiografía grega enténdese aquela realizada na Antiga Grecia, desde o século -V ata o século IV, desde Heródoto ata Zósimo, pasando por Tucídides, Posidonio, Polibio etcétera. En total, Jacoby, en Fragmente der griechischen Historiker, diferenciou 856 historiadores gregos, incluídos os mitógrafos e cronistas locais.

Heródoto, "pai da historiografía" e Tucídides, "pai do rigor histórico".

O concepto de historiografía naceu en Grecia,[1] aínda que se acepta que anteriormente xa existía unha concepción histórica en Oriente, un desexo de permanencia de todo o que se fixo. Agora ben, esa concepción histórica primitiva é unha mera transmisión de datos históricos que, como as listas reais do Antigo Exipto, carecían de análise histórica, polo que non se trataban de historiografía, sen negar por iso o seu valor documental.

Considérase a Heródoto o primeiro historiador, tanto na actualidade como na antigüidade.[2] Tucídides estableceu posteriormente a base racional e metodolóxica dunha historiografía nada como reacción ante o irracional da mitoloxía grega. Previamente, xa Hecateo de Mileto atenuara o sobrenatural, pero a separación total non se produce ata Tucídides. Heródoto concibiu a súa Historia como un medio de evitar o esquecemento daquilo que merecía ser recordado. Na Antiga Grecia víase tamén a historia como medio de mostrar exemplos, aínda que non modelos de acontecementos futuros. Así mesmo desde Heródoto os historiadores realizan un exame crítico do pasado e dos feitos supostamente acaecidos. O pai da historiografía, Heródoto, así o expresa en IV, 195, 2:

Realmente, ignoro se isto é verdade, simplemente consigno o que contan.[3]

En canto ás fontes, existía unha preponderancia das fontes orais sobre as escritas.[4] Nas orixes da historiografía era case obrigado o uso de fontes orais, pois a diferenza dos historiadores actuais, que se basean sobre todo na investigación de textos, os gregos antigos non dispoñían a maior parte das veces de suficiente material arquivístico ou bibliográfico. Con todo, cando xa si era posíbel traballar cos fondos das bibliotecas, os historiadores seguiron preferindo a tradición oral; e mesmo criticaron aos que só traballaban con fontes escritas como, por exemplo, Timeo. Ademais, hai que ter en conta que os gregos non adoitaban coñecer linguas bárbaras, xa que logo, Heródoto non podía entender por si mesmo as crónicas orientais, aínda que tampouco mostrou interese en coñecelas. A elección da tradición oral supoñía a necesidade das primeiras reflexións en canto ao método histórico, como é a crítica das fontes, a súa relación e graduación segundo o valor dos testemuños recolleitos. De aí por exemplo o seu empeño en mostrar todas as versións recoñecidas, aínda que considere algunhas erróneas. Así mesmo, a tradición oral obrigaba a establecer unha cronoloxía que ordenase os feitos illados trala súa recompilación. As fontes escritas quedaron relegadas aos arqueólogos ou antiquaria, é dicir, para o estudo dos tempos remotos.

Temática

editar
A historiografía grega non se interesa exclusivamente por feitos illados, senón polo decurso dos acontecementos na súa totalidade.
Schrader, As orixes da oratoria e a historiografía na Grecia clásica (p. 88).

Na historiografía grega en xeral supéranse os límites da historia local e ata Heródoto abarcou case todo o mundo coñecido polos gregos. O tema central foi a guerra, aínda que tamén houbo historia constitucional, tráxica, biografías e mesmo etnografía. A elección de tema fundamentábase no valor dos acontecementos sucedidos e na información dispoñíbel. Por exemplo para Heródoto un feito histórico tiña tal valor e non debía deixarse que fose esquecido. Tucídides pola súa banda elixiu a guerra do Peloponeso como tema central da súa obra polo motivo obvio de consideralo o punto álxido da historia que viviu. Con todo, dentro dese gran tema tivo que elixir constantemente entre temas menores con absoluta arbitrariedade. Como sinala Roussel en Os Historiadores Gregos, a arbitrariedade obrigou a Tucídides en ocasións a recargar a personaxes con detalles significativos, falseándoos en parte.[5]

Historia contemporánea

editar

A historiografía grega é maioritariamente contemporánea, é dicir, sobre a mesma época na que vivían os historiadores. Isto explícase porque había maior información sobre temas próximos no tempo, sobre todo había máis testemuñas orais, preferíndose esas fontes sobre as escritas. Tucídides, no seu afán polo rigor histórico, consideraba a experiencia persoal como imprescindíbel do mesmo xeito que Polibio.[6] Os propios historiadores consideraban máis fiábeis as obras que trataban sobre o contemporáneo. Ademais, a historia antiga grega parecía moi exigua ao lado da exipcia por exemplo. En calquera caso, o que o propio historiador vivía considerábao como un momento único e clave na historia, xa sexa a guerra do Peloponeso ou a expansión romana. Entendíano como o cambio dunha época a outra e como tal había que reflectilo.

O estudo das causas das guerras

editar

Dentro do contemporáneo, o tema preferente era a historia político-militar. Tucídides cría que a única historia verdadeira era a que trataba de política e guerras. Este criterio perdurou nos seguintes historiadores, xa sexa Xenofonte, Teopompo ou Polibio. Con todo, o historiador grego interesábase máis polos cambios constitucionais, aínda que xa Heródoto situou á guerra como o centro da historiografía. Arnaldo Momigliano, experto en historiografía, suscita que este menor interese polos enfrontamentos bélicos debíase a que eran algo cotián no mundo grego. Momigliano destaca en calquera caso a importancia do estudo das causas de cada guerra.[7] Heródoto remontouse ata os tempos máis remotos para explicar as Guerras Médicas, caendo no mito.[8] Tucídides supuxo un avance ao deixar de lado interpretacións míticas e diferenciar entre causas superficiais e profundas (ou "máis verdadeiras"). Este esquema foi ampliado por Polibio, que distingue entre o feito inicial que dá comezo á guerra, o pretexto para comezala e a verdadeira causa.[9]

Historia económica e social

editar

En xeral os autores gregos consideraron os temas económico-sociais de moito menor interese que os político-militares.[10] Existían breves e superficiais mencións a temas económicos, pero nunca se consideraron relevantes para o devir histórico. Esta falta de interese vese reflectida na práctica pola falta de estatísticas económicas na antigüidade.[11] En canto ao estudo da sociedade, tamén foi pobre e considerado de pouca importancia. Ata se consideraba degradante falar sobre as clases máis desfavorecidas.[12] En Grecia o único autor relevante que recolleu información sobre a sociedade foi o filósofo Aristóteles.[13]

Localización

editar
 
O mundo grego a mediados do século -VI

En xeral, a historiografía grega ten un nesgo rexional, tratando a maior parte das obras da propia historia grega sen importar demasiado a do resto de lugares. Hai excepcións como Heródoto que coas súas digresións realiza unha introdución á historia de Exipto ou de Persia, polos cales foi moi criticado chegando mesmo a ser considerado "amigo dos bárbaros"[14]. Doutra banda, a pouca profundidade do traballo de Heródoto en Oriente esporeou a que eles fixesen a súa propia historia, como fixo Manetón en Exipto. Outros autores tamén se ocuparon de Oriente, pero seguindo a Alexandre Magno, como Xenofonte ou posteriormente Flavio Arriano.

Grecia deixou de ser o tema primordial a mediados do período helenístico, co crecente poderío romano. O primeiro en intuír a posíbel importancia de Roma foi Timeo de Tauromenio, pero foi Polibio quen tratou primeiro o tema con maior profundidade. A partir do século -I e ata a decadencia final da historiografía grega, a historia sobre Roma foi a temática dominante e, segundo algúns autores, foi esa falta de renovación unha das causas desa deterioración.[15]

Crónicas locais

editar

Tanto autores antigos (Dionisio de Halicarnaso) como modernos (Wilamowitz) defenderon que os cronistas locais precederon aos primeiros historiadores, como sucedeu na historiografía romana. En calquera caso, a partir do século -V atópanse crónicas de cidades e santuarios. Sen apenas rigor histórico, concíbense, en xeral, como forma de exacerbar o orgullo local, proxectando en ocasións o presente sobre o pasado, distorsionándoo[16]. Existindo ata a decadencia final, os máis coñecidos foron os atidógrafos, no século -IV.

Teorías cíclicas

editar

Algunhas obras presentan ideas cíclicas ou de sucesión de imperios, como Heródoto ao expresar que os imperios se introducen sempre nunha dinámica de expansión insaciábel. Pese a que en ocasións se considerou que os historiadores gregos tiñan concepcións cíclicas do tempo histórico[17], especialmente Polibio, Tucídides e Heródoto, Momigliano négao rotundamente[18]. Para ese autor, que Tucídides expresase que a súa historia servía como modelo para o futuro non implica ningunha idea de eterno retorno. Acepta que Polibio é máis ambiguo, pero tampouco presenta ningunha teoría cíclica na súa obra[19].

Era máis común unha visión orgánica da historia, unha periodización mediante sucesión de ciclos exemplificada nunha sucesión vital: infancia, madurez e vellez. Esta era a visión que daba, por exemplo, Lucio Anneo Floro. Outras visións cíclicas son as das idades (prata, bronce, heroica e de ferro) de Hecateo de Mileto, baseadas na progresiva degradación, salvo a paréntese heroica, e finalmente un esquema de progreso cultural e tecnolóxico que abarcaba desde a barbarie á civilización. Estes esquemas naceron antes que a propia historiografía sendo logo adaptados e perfeccionados a grande escala polos historiadores.[19] O primeiro autor grego en plasmar este marco foi o poeta Hesíodo en Traballos e días[20].

Estilo e fontes

editar

Schrader determina tres elementos típicos principais. En primeiro lugar, a existencia dun proemio autobiográfico onde se destaca a importancia do feito a tratar. Este proemio aparece xa en Hecateo de Mileto. En segundo lugar, establécese a metodoloxía histórica, explicando o autor as súas fontes e que pasos seguirá para contar a súa historia. En terceiro lugar, a articulación da obra en partes narrativas e discursivas. Estes discursos son en xeral invención dos autores, aínda que aténdose ao sentido orixinal.[21] Para rematar, hai outros elementos típicos menos comúns e máis variábeis, tales como as escenas tipificadas na narración de batallas ou os excursos típicos de Heródoto.[22]

Sobre as fontes, en xeral, houbo un predominio das orais sobre as escritas, o cal determinou en parte a preeminencia da historia contemporánea, pola dificultade de recoller información oral, que non consistise en mitos, sobre tempos remotos. Ademais, historiadores como Tucídides ou Xenofonte baseáronse na súa memoria ao describir feitos nos que participaron.[4] Pola súa banda, o uso de fontes escritas aumentou en función do incremento do material dispoñíbel.

A elección das fontes, cando había máis dunha con contidos contraditorios, facíase segundo a máis probábel.[23] Esa elección non ten por que significar unha crenza de que esa versión é a certa e así o sinalaba Heródoto,[24] quen en ocasións se limitaba a dar varias versións sen preocuparse na validez de cada unha.

Situación do historiador

editar

Os historiadores gregos non obtiñan beneficio social ningún do seu labor.[25] A maioría eran expatriados ou exiliados, por exemplo Tucídides de Atenas ou Heródoto de Halicarnaso, o cal contrasta coa posición dos historiadores romanos, que formaban parte da elite dominante. Con todo, esta situación daba maior liberdade de crítica aos autores gregos, dándose poucos casos de persecucións. O máis coñecido é o de Calístenes, que foi mandado executar por conxurar contra Alexandre Magno. Dentro da propia historiografía considerábase de menor importancia a antiquaria, que facía referencia ao estudo dos tempos remotos.[26]

En canto á transmisión da súa obra, ata o século -V atraíase ao público mediante recitais de lectura. Este costume decaeu tras Tucídides, quen consideraba que a súa obra estaba feita para permanecer no futuro.[27] As lecturas volveron facerse moi comúns no período helenístico como unha forma de presentación da obra. Ademais, eran unha forma de conseguir un sustento económico polo labor historiográfico.[28] Nesa época non existían libros como na actualidade, escribíndose sobre papiro que se almacenaba en rolos. A lectura era difícil xa que non se marcaban nin os comezos de capítulo nin parágrafos e, en xeral, non había separación entre as palabras. Como cada obra se copiaba a man non existía unha gran dispoñibilidade dos textos historiográficos. Hai constancia da existencia dalgunhas tendas de libros, pero tratábase de pequenos negocios familiares sen circulación a escala comercial.[29]

Historia

editar

Orixes

editar
 
Busto de Heródoto, en Atenas.
O descubrimento do outro, o exotismo, máis que algunha especie de conciencia nacional, están na orixe das primeiras reflexións históricas.[30]
Roussel, Denis. Os historiadores gregos.

A historiografía grega nace no século -V da man de Heródoto.[2] Para algúns autores, trátase dun nacemento tardío polo maior peso do mito e a falta de interese por descubrir unhas orixes máis racionais.[31] Antes xa había textos de carácter histórico pero segundo Bravo, entre outros, non son fontes historiográficas ao carecer de espírito crítico.[32] Para Burrow, estas primeiras descricións históricas centrábanse en historias locais sobre as súas supostas orixes.[33] Schrader determina tres elementos básicos e definitorios da historiografía grega:[34]

  • O mito e a literatura arcaica. A historia primitiva arcaica constituíana os relatos lendarios, sendo Homero o maior expoñente dese período. Aínda que se rexeita que sexa un "primeiro historiador", algúns autores considérano o "posibilitador" da historiografía posterior.[35] Outros reducen a súa importancia, considerándoo o precursor da cronografía e de que nel nace a concepción de sucesión cronolóxica.[36] A presenza do mito só empezou a reducirse con Hecateo de Mileto ao constatar a longa historia oriental en comparación coa historia grega.
  • O afán explorador e investigador que daría orixe aos periplos.
  • O nacemento dunha concepción racional do mundo que levou por unha banda ao xurdimento dunha xeografía representativa ou cartográfica. Doutra banda, posibilitou a substitución do mito por esquemas racionais, xurdindo os logógrafos. Ademais, axudou ao nacemento da historiografía unha necesidade de afirmación persoal, creando xenealoxías que rastrexaban os antepasados das familias. Entre os logógrafos destacaron Cadmo de Mileto, Helánico de Lesbos e especialmente Hecateo de Mileto.[37] Ademais realizáronse anais rudimentarios, como a relación cronolóxica dos vencedores dos xogos olímpicos realizada por Hipias.

Outros autores sinalan como fundamental para o nacemento da historiografía grega a influencia oriental. O contacto co imperio persa volve conscientes aos gregos do que lles rodea e da súa herdanza cultural, sendo un estímulo para contar a súa historia.[38] Xa que logo, déixase nun segundo grado a importancia dunha conciencia nacional para o xurdimento da historiografía.[30]

Heródoto

editar
 
Posíbel visión do mundo segundo a Historia de Heródoto.
Artigos principais: Heródoto e Historia (Heródoto).

Foi considerado polos seus sucesores tanto o "pai da historia" como o "maior embusteiro".[39] Na actualidade está mellor considerado e, aínda que con reservas, considéraselle fiáble.[40] Os seus críticos na antigüidade críano amigo dos bárbaros, considerando as súas escritos historias interesantes pero alleas á verdade.[14]

Heródoto naceu entre os anos -490 e -480, nunha familia de notábeis de Halicarnaso. Implicado nunha conxura, debeu exiliarse marchando primeiro á illa de Samos e posteriormente a percorrer o mundo coñecido, quedando reflectido esa peregrinación na súa obra. O lugar da súa morte, acaecida en -425, non é seguro, aínda que na Suda se fixa en Turios.

Hai unha serie de características que converten a Heródoto en algo novo, diferente a todo o anterior: trátase dun autor persoal claramente definido e non conta ningunha historia narrada por musas, senón o resultado dunha investigación. Ademais a súa obra narra os sucesos do home; os deuses deixan de ter cabida na historiografía, polo menos de forma directa ou persoal.[41] Para Schrader, a obra de Heródoto está integrada por unha Historia de Lidia, unha Historia de Persia e unha Historia das Guerras Médicas. A súa Historia, dividida en nove libros na biblioteca de Alexandría, articulábase segundo un criterio ternario. Así mesmo, cada pasaxe articúlase en tres partes: unha introdución, unha digresión e a narración do episodio de que se trate podendo haber digresións adicionais nalgunhas partes.[42] A propia investigación de Heródoto tiña un criterio ternario.[43]

A Historia baséase principalmente nas fontes orais e en caso de obter distintas versións, expoñía as que máis fundamento tiñan para que cada un elixise.[44] En canto ás fontes escritas, destacaron polo seu uso tres grupos: os datos achegados por poetas; inscricións, listas oficiais e administrativas, así como oráculos; as informacións de logógrafos e literatura da súa época. O descoñecemento do idioma dalgunhas inscricións e listas oficiais facía que en ocasións Heródoto cometese erros na súa interpretación por unha mala tradución. En canto a influencias de autores anteriores, a crítica distingue unhas trinta pasaxes baseadas en Hecateo de Mileto.[45] Na súa obra destacan tamén as súas descricións xeográficas e etnográficas, en maior parte froito da súa propia experiencia como viaxeiro.[46]

Outros historiadores menores

editar

As únicas obras que poden ser consideradas históricas no principio e mediados do século -V proveñen dos logógrafos. Coñécense grazas ao labor compilador de Dionisio de Halicarnaso e a outros autores como Plutarco nos que se atopan fragmentos das obras dos logógrafos.[47] Neste século destaca entre eles Helánico de Lesbos.[48] A súa importancia obsérvase tamén no feito de que é mencionado por Tucídides e aínda que sexa unha mención crítica, só a el e a Heródoto ten a consideración de mencionalos. Tucídides destaca que Helánico é o único que trata a historia de Ática recente, aínda que sen exactitude cronográfica e de forma demasiado breve.[49] Helánico, quen escribiu sobre a historia de Atenas, foi un precursor das crónicas locais de historia contemporánea, superando ademais a Heródoto en cuestións de cronoloxía. O seu labor continuárono no século seguinte os atidógrafos. O último logógrafo coñecido foi Ferécides de Leros, que morreu no ano -400, sendo máis mitógrafo que historiador. É súa a versión máis antiga que se coñece do mito de Procris.

Tucídides

editar
 
Tucídides de Atenas.

Tucídides naceu en torno ao -460 - -455 en Atenas, nunha familia nobre con concesións de minas. É posíbel que ao iniciarse a guerra contra Esparta, Tucídides prestase servizo na súa cidade. No ano -424 foi elixido estratego e ante unha derrota militar foi considerado o culpábel, tendo que exiliarse. A súa morte acaeceu probabelmente no -398. Esa data está en consonancia coa afirmación de Marcelino (Vita, 34) de que Tucídides morreu na cincuentena.[50] Algúns investigadores modernos negan a súa condición de exiliado, véndoo como unha mostra da intromisión posterior de Xenofonte na obra de Tucídides.[51]

O seu traballo chegou á actualidade sen nome definido e dividido en oito libros, pero adóitase coñecer como a Historia da Guerra do Peloponeso.[52] A obra quedou inacabada, ao sorprender a morte a Tucídides. O momento no que se realizou a obra xerou un intenso debate historiográfico, denominado a "cuestión tucidídea". A discusión céntrase en dúas teorías: analítica e unitaria. A primeira propón que a obra se escribiu en diversas fases, mentres que a segunda, que se impuxo na actualidade, expón que toda a obra se escribiu de xeito continuado, debaténdose entón en que momento empezou Tucídides a escribir a obra.[53]

A súa obra supón un avance ao diferenciar as causas políticas da guerra en causas "superficiais" e "verdadeiras ou a razón profunda". Ademais, rexeita calquera intervención divina, distanciándose así de Heródoto. Tucídides quixo mostrar a guerra como inevitábel sendo para el a razón profunda o temor de Esparta ao poderío ateniense. Algúns investigadores consideran que o estudo das causas de Tucídides era aínda pouco elaborado e limitábase a sinalar os sentimentos profundos das poboacións.[54] Tucídides apenas influíu nos historiadores inmediatamente posteriores, pero co paso dos séculos converteuse nun modelo e con el iniciarase a linguaxe histórica, coa súa xerga particular, que logo imitarán historiadores romanos como Suetonio ou Tácito.[55]

En canto ás fontes, do mesmo xeito que Heródoto usa principalmente fontes orais, aínda que tamén fai uso de inscricións para coñecer cifras exactas, que no caso de que non coñecese non se inventaba. El mesmo asegura facer unha selección crítica dos informes orais, aproveitándose ademais de vivir moitos dos acontecementos como testemuña directa.[56]

Historiadores do século -IV

editar

Pese a que neste século se contan máis dun centenar de historiadores, apenas se conservaron fragmentos ou algunhas citas da maioría deles. Só de Xenofonte se conservou a súa obra completa, pola alta consideración que tiñan os seus escritos na antigüidade, o que contrasta co pouco recoñecemento dos investigadores actuais.[57] Neste século tivo maior éxito a filosofía, que non prestou interese polos traballos históricos nin metodoloxías rigorosas. Neste contexto quedan os traballos históricos de Platón nos que esvaece a separación entre realidade e mito, inventando incluso toda unha rexión como a Atlántida. Outros historiadores deste século son Teopompo, Éforo de Cumas, Ctesias e os atidógrafos.

Xenofonte e a Helénicas de Oxirrinco

editar
 
Xenofonte, busto en Berlín.
Artigo principal: Xenofonte de Atenas.

Naceu o -431 en Atenas, no seo dunha familia acomodada. De entre as súas obras destaca a continuación da obra inacabada de Tucídides, as Helénicas. Tamén fixo unha biografía de Ciro II o Grande, a Ciropedia e diversas obras sobre o proceso que se instruíu contra Sócrates. Ademais escribiu a Anábase onde narra a expedición militar de Ciro o Mozo contra Artaxerxes II. O propio Xenofonte participou nesa expedición. A Anábase contrasta coas obras anteriores sobre a historia grega ao centrarse nun período curto e nun só personaxe, o propio Xenofonte.[58]

As súas diferenzas con Tucídides son notábeis; por exemplo, recupera as influencias divinas nas Helénicas.[59] O estilo de Xenofonte é decadente e pesimista, con moita influencia retórica e pouca metodoloxía histórica. Aínda que se lle considera un historiador menor, o seu estudo é fundamental pola conservación de todas as súas obras, sendo a base de moitas teorías historiográficas sobre esa época.[60]

Xenofonte non foi o único continuador da obra de Tucídides. Ademais dunhas Helénicas pouco coñecidas de Teopompo, destacan as denominadas Helénicas de Oxirrinco. Ao longo do século XX fóronse descubrindo en Oxirrinco uns papiros que contiñan esta historia.[61] Segundo Lérida, a súa principal característica é a falta de estilo, pero conxúgase cunha correcta obxectividade e presentación dos feitos, que os fan unha fonte máis fiábel que Xenofonte.[61] A identidade do autor destes papiros non está clara, aínda que para moitos investigadores podería tratarse dun tal Cratipo de Atenas.[62] Tamén se pensa en Teopompo,[63] á parte doutras opcións menos plausíbeis como Éforo de Cime,[64] Androción, Anaxímenes ou Démaco.[65]

Teopompo

editar
Artigo principal: Teopompo.

Nacido en Quíos en -380, considérano o mellor historiador deste século.[66] Aínda que se perdeu toda a súa obra, quedan moitos fragmentos copiados por outros autores. Da súa obra máis temperá, as Helénicas, apenas quedan fragmentos. É unha continuación da obra de Tucídides, considerada de pouca importancia e propia da maduración como autor de Teopompo.[67] Desde os seus inicios, apréciase a influencia de Heródoto, Isócrates e Antístenes.[68]

A súa obra máis importante son as Filípicas, coñecida polos numerosos fragmentos en obras doutros autores. Teopompo foi o primeiro historiador que apreciou o esgotamento das teses de Tucídides e o cambio de escenario polo acceso ao poder de Filipo de Macedonia, desaparecendo a principal loita entre Esparta e Atenas. Nas súas Filípicas combina a crítica moral a Filipo polo seu comportamento, que lle levou ao seu asasinato, con loanzas ás súas accións políticas como defensor do panhelenismo. Así mesmo mostra o seu odio pola democracia e as institucións atenienses, considerándoas culpábeis da dexeneración das sociedades.[69]

Outros historiadores

editar
 
Grazas a Estrabón, aquí segundo un gravado do século XVI, coñécese a varios autores como Éforo ou Posidonio.

Entre o resto de historiadores destaca Éforo que, aínda que a súa obra estea perdida, foi citado e plaxiado por Diodoro e Estrabón entre outros. Escribiu unha Historia en trinta libros, unha historia xeral do mundo grego, desde o século -XI ata o -340, que mereceu o eloxio de Polibio como primeira historia universal.[70] A súa obra estivo moi influída polos conceptos retóricos de Isócrates, do que foi discípulo. Isto reflíctese nos seus discursos, completamente inventados.[70] Ademais a súa obra ten un prexuízo patriótico que o levaba a acusar a Heródoto de "filobarbarismo" por contar a historia de rexións alleas a Grecia.[71]

Outros autores foron Filisto de Siracusa e Ctesias. O primeiro escribiu unha Historia de Sicilia desde as orixes ata o final da guerra do Peloponeso, ademais dun estudo sobre Dionisio o Vello e un apéndice sobre o seu fillo o Novo. Da súa obra só quedan pequenos fragmentos en citas doutros autores, sendo na antigüidade moi recoñecido.[72] Pola súa banda, Ctesias escribiu Persica e Indica. Destacou polas súas furibundas críticas a Heródoto, acusándoo de mentireiro, o que non impediu que o plaxiase cando escribiu sobre períodos remotos. Gustou polo seu exotismo entre os seus contemporáneos, pero é alleo a calquera metodoloxía histórica.[73] A lista de autores é extensa (Artemón de Casandrea...).

Ademais, neste século destacan os atidógrafos, que contaban a historia da Ática. Ao perder Atenas o seu poderío, renaceu un interese polos tempos pasados que se reflectiu en autores como Clidemo que escribiu Atthis en catro libros ou Androción que publicou outra obra co mesmo nome. A súa característica principal era un patriotismo moi tradicionalista. Para rematar, quedan os historiadores que seguiron a Alexandre Magno, transmitindo o seu periplo. Ese séquito de historiadores arquivou todo o que sucedía nunhas Efemérides dirixidas por Eumenes de Cardia e Diodoto de Eritrea. Varios historiadores contaron a biografía de Alexandre: Calístenes de Olinto, que foi condenado a morte acusado de conxura; Tolomeo trala súa coroación en Exipto; e Aristóbulo. Estes dous últimos autores foron considerados na antigüidade como a fonte máis fiábel.[74]

Para rematar, hai que mencionar a influencia dunha filosofía en auxe sobre a historiografía. A historia considérase un medio máis para mostrar a filosofía. Así por exemplo o fai Platón, dividindo a historia nunha era anterior ao diluvio e unha etapa poscataclismo. Deste xeito pode "inventar" toda unha historia do mundo anterior, do que non quedarían probas físicas, mostrándoo como o seu modelo político. Sobre o mundo poscataclismo tamén fai unha historia Platón, aproveitándoa para as súas motivacións filosóficas, presentando un cadro pesimista e decadente.[75]

Período helenístico

editar
Artigo principal: Historiografía helenística.

Desde o comezo deste período, a historiografía perdeu o seu carácter político, orientándose cara á superficialidade e a ficción novelesca. O número de historiadores é moi alto, pero destacan pola súa metodoloxía e transcendencia Polibio, Posidonio e Timeo. Ademais do seu é o período da "historiografía tráxica", representada por exemplo por Filarco. Este tipo de historiografía é o máis representativo do momento, ao realzarse máis o valor literario que a historiografía en si.[76] Estes historiadores foron duramente criticados por Polibio, pois pensaba que os recursos tráxicos obstruían a procura de precisión e veracidade. Doutra banda tamén destaca pola magnitude da súa obra Diodoro Sículo, que realiza unha antoloxía da historiografía anterior na Bibliotheca Historica, formada por 40 libros e que trata desde o remoto universo mítico ata as campañas de César na Galia. Ao ser un resumo, a súa obra é, segundo Grant, superficial e pouco orixinal, aínda que destaca polo seu rexeitamento á introdución de discursos na trama.[77]

Artigo principal: Timeo de Tauromenio.

Era natural de Sicilia pero tivo que se exiliar a Atenas, permanecendo alí polo menos uns cincuenta anos, onde se deu a coñecer polas súas duras críticas, sendo alcumado “Timeo o denigrador”. Morreu en Sicilia en -260. É considerado o historiador máis destacábel dos comezos do período helenístico. Escribiu unha Historia Siciliana de trinta e oito libros e, ao final da súa vida, unha historia de Pirro. A súa principal característica é o uso maioritario das fontes escritas, o que lle valeu duras críticas de Polibio, que se converteu no seu maior crítico.[78] Tivo outros críticos como Polemón, que escribiu un Contra Timeo no século -II.

A obra de Timeo está perdida. Pese ás súas críticas coñécese na súa maior parte por Polibio. Así, na Historia Siciliana, primeiro había unha introdución de cinco libros e antes da parte narrativa un libro dedicado á natureza da historia. O resto do libro trataba da historia siciliana propiamente dita, con alusións á Magna Grecia. Segundo Momigliano, as liñas principais da historia eran a loita contra as tiranías e o conflito entre gregos e cartaxineses.

Doutra banda, Timeo introduce un tema inédito na súa obra: a historia de Roma. Crese que, brevemente na Historia Siciliana e de forma máis ampla na súa monografía sobre Pirro, estudou as orixes da incipiente civilización romana. Timeo foi o primeiro historiador en comprender o ascenso dunha nova potencia.[79] Tamén é destacábel por ser o primeiro en establecer unha cronoloxía co cómputo das Olimpiadas.[80]

Polibio

editar
Artigo principal: Polibio.

Foi o primeiro historiador grego en tratar o fenómeno romano, influído por Timeo, con profundidade. Naceu no ano -200 en Megalópolis. Pouco despois da conquista romana foi deportado a Roma xunto a outros notábeis da súa cidade. Durante a súa estancia alí fixo amizade cos Escipión, podendo seguir a Publio Cornelio Escipión Emiliano nas súas conquistas. En canto ao seu labor historiográfico, escribiu unhas Historias en corenta libros das que só se conservan case completos os cinco primeiros, quedando do resto unicamente fragmentos. A súa obra trata da historia do progreso romano e abarca desde a Primeira Guerra Púnica ata o ano -146, trala destrución de Corinto e Cartago.[81]

A principal crítica a Polibio é a súa excesiva loanza da política romana.[82] Como moito chega a ver inxusta a invasión de Sardeña,[83] pero considérao como algo puntual e non como unha mostra da política xeral romana. Igualmente fai críticas individuais como a Marco Claudio Marcelo, ao que acusa de pouco prudente,[84] pero non hai crítica xeral como pode habela contra a política dos estados gregos. Para Momigliano isto pode deberse a unha identificación, en parte, de Polibio co éxito romano, aínda que non a unha capitulación completa.[85]

Por outra banda, a Polibio recoñéceselle un avance no estudo das causas dos sucesos históricos. Polibio tiña en conta tres conceptos:[86]

  • Causa: conxunto de operacións mentais que predispoñen a actuar unha vez fíxose abstracción dos acontecementos previos.
  • Pretexto: o detonante ou o imperativo ineludíbel que obriga a pasar de inmediato á acción.
  • Comezo: adoita coincidir cun suceso especialmente memorábel.

Con este esquema teórico gañan importancia os individuos e as decisións que toman. En todo caso, este esquema non era totalmente sólido nin era válido en calquera circunstancia.[87] Polibio destaca ademais polas súas constantes alusións ao seu método e á súa elección pola historia contemporánea, xustificada segundo el pola constante renovación da materia e pola súa utilidade.[88]

Posidonio

editar
Artigo principal: Posidonio.

Viviu entre o século -II e o século -I e dedicouse a múltiples materias como a xeografía e a filosofía. Do seu labor histórico non se conserva nada, pero foi utilizado por moitos autores posteriores como Estrabón, Tito Livio, Diodoro ou Apiano. Continuou a obra de Polibio narrando un período comprendido entre o -135 ou o -145 e os comezos da ditadura de Sila. Destaca nel a súa crítica á escravitude, chegando a celebrar que os cidadáns de Quíos sexan convertidos en escravos por habela introducido previamente no mundo helénico.

Para algúns investigadores, Posidonio cometeu o mesmo erro que Polibio ao tratar aos romanos con pouca profundidade, obviar as diferenzas culturais entre romanos e gregos.[89] Tampouco fixo demasiadas críticas á política imperialista romana, pero si é máis duro que Polibio, criticando por exemplo o espolio comercial.[90]

Historiografía na época imperial

editar

A historiografía grega non desapareceu pola dominación romana. Segundo Momigliano, foi o ascenso e consolidación do cristianismo o que levou á decadencia do mundo grego e, xa que logo, da súa historiografía. Entón xurdiu un novo tipo historiográfico, a historiografía cristiá. En todo caso, outros autores, como Roussel, consideran que a historiografía grega non tiña máis que contar e a súa esgotamento era patente tras demostrarse o poderío romano.[15]

En calquera caso, no período comprendido entre o século -I e o século V d. C. a historiografía grega mantivo aínda mostras de viveza con autores como Dionisio de Halicarnaso (aínda no século -I), Apiano, Dión Casio ou Flavio Arriano. Como signo de decadencia historiográfica multiplicáronse as obras pseudohistóricas, entre cuxos autores destaca Pausanias.

Historia de Roma

editar
Artigo principal: Historia de Roma.

A partir do século -I Roma convértese no imperio máis potente do mundo coñecido grazas a unha agresiva política de expansión. A historiografía do momento non é allea ao poderío romano e a maior parte dos historiadores gregos viaxan a Roma para contar a historia do novo imperio. Ademais, nunha clara diferenciación cos autores helenísticos, os historiadores deste período introdúcense máis no modo de vida romano, coñecendo o latín por exemplo, aínda que nun principio aínda non se considera unha realidade allea ao mundo grego. En todo caso, Dionisio de Halicarnaso, ao coñecer o idioma, puido consultar con maior facilidade as fontes orixinarias, realizando unha Historia antiga de Roma, composta por vinte e dous libros, dos que se conservan dez. A súa obra carecía de espírito crítico e abusaba da retórica, pero en calquera caso era aínda allea a calquera forma de pseudohistoria.[91]

Apiano e Dión Casio tamén se dedicaron á historia romana. O primeiro escribiu no século II unha Historia romana en vinte e catro libros que se inicia coa chegada de Eneas a Italia. Pola súa banda, Dión Casio, xa no século III, volveu escribir outra Historia romana, demostrando a falta de temas e a repetición na que caía a historiografía grega. Neste caso, contaba con oitenta libros, desde a época mítica de Eneas ata o segundo consulado. Na obra de Dión Casio é cada vez máis patente a falta de crítica historiográfica, sendo unha obra ideada para contentar máis que con fins históricos.[92]

O único autor destacábel alleo ao tema da historia de Roma foi Flavio Arriano. Procedente da asiática Bitinia, escribiu unha historia oriental no século II, a Anábase de Alexandre. Con sete libros ten influencias de Heródoto, Tucídides e, en menor medida, de Xenofonte. Pese á súa orixinal elección de tema, Arriano tamén mostra signos da decadencia do xénero, sendo a súa obra pobre desde o punto de vista científico e caendo con frecuencia no encomio.[93]

Decadencia

editar

Houbo outros autores menos destacábeis que son unicamente mostras da progresiva dexeneración do xénero e da derivación á pseudohistoria e á literatura. Algúns destes foron Herodiano, que escribiu unha historia de Roma moi específica, trala morte de Marco Aurelio; Publio Herenio Dexipo, que se centrou máis nos prólogos que na obra en si mesma; Eunapio de Sardes autor de Vida de filósofos e sofistas e unha Crónica continuadora de Dexipo.

O último historiador grego recoñecido foi Zósimo, que viviu durante o reinado de Anastasio I. Escribiu unha Historia Nova contemporánea en seis libros, centrada nas sucesións imperiais. Atribuíu a decadencia romana ao rexeitamento dos deuses pagáns e é comparábel en canto á súa metodoloxía a Polibio.[94]

Limitacións

editar

A principal problemática da historiografía grega é a perda da maior parte das obras. Da maioría dos historiadores só se conservan fragmentos noutros autores, en ocasións sen sinalar claramente a súa orixe. Perdeuse a obra de autores como Hecateo de Mileto, Ctesias, Éforo, Teopompo e un longo etcétera.[95] Outro tipo de limitacións son as estritamente historiográficas, referentes ao uso dos historiadores gregos como fonte para os autores modernos. Grant sinala diversos problemas, entre eles: preferencia pola calidade literaria sobre a historiográfica, xustificación persoal do feito no pasado, influencias familiares e políticas, presenza de anacronismos, chauvinismo ou o gusto moralizante.[96] O mesmo autor conclúe en calquera caso que non hai que rexeitar o seu uso como fonte, senón simplemente ser cautelosos coa información que fornecen, sen deixar por iso de poder ser, así mesmo, apreciábeis desde o punto de vista artístico.[97]

Sobre as limitacións dos autores gregos, o filósofo francés Châtelet sinala ademais a súa deficiente cronoloxía e o rexeitamento dos feitos obxectivos cando estes non permiten restaurar unha orde clara.[98] Sinala, por exemplo, que en Heródoto hai máis preocupación por mostrar a magnitude do que se conta que de determinar os sucesos dunha época determinada.[99] O francés atribúe así mesmo as diferenzas científicas entre a historiografía actual e a grega á diferente concepción do pasado e a temporalidade, pois os gregos non consideraban ao home como suxeito da historia, senón que tiñan a idea dun "devir cósmico" prefixado.[100]

Nesgos persoais

editar

A obra dos historiadores gregos non foi allea ás súas vidas. Así, na obra da maioría pódense apreciar xustificacións de erros cometidos, lagoas nese sentido ou mesmo invencións. Esta tendencia será a tónica xeral nas autobiografías.[101] Así mesmo, son constantes as difamacións persoais de inimigos do autor. Deste xeito Tucídides atacou a Cleón, quen contribuíu ao seu exilio,[102] ou Xenofonte a Menón.[103] Do mesmo xeito hai que entender o ataque de Polibio a Timeo, a fin de consolidarse como o principal historiador de Grecia e Roma.[104] Polo lado contrario, tamén existían nesgos persoais favorábeis, como Polibio cos Escipión. Estas deformacións históricas foron xa visíbeis na antigüidade, e o mesmo Cicerón chamou a atención sobre elas.[105]

  1. Esta é a opinión dos historiadores actuais. Así o expresa por exemplo Finley, en Uso e abuso da historia, p. 11: "Os pais da Historia foron gregos".
  2. 2,0 2,1
    Heródoto é para nós o pai da historia como o era para Cicerón.
    Momigliano, A historiografía grega, p. 9
  3. Tradución de Schrader en As orixes da oratoria e a historiografía na Grecia clásica p. 123.
  4. 4,0 4,1 Grant, Hist... p. 54-58
  5. Roussel, Os historiadores gregos (p. 90-100)
  6. [Polibio] vangloriouse de que o período principal da súa historia caese dentro da duración da vida de persoas ás cales se lles podía preguntar.
    Momigliano, A historio... p. 48
  7. Os gregos chegaron a aceptar a guerra como un feito natural, como o nacemento e a morte, cos que nada hai que facer. Interesábanse polas causas da guerra, non polas causas da guerra como tal.
    Momigliano, A historio... p. 161
  8. No libro I (1-5), Heródoto enmarca as primeiras diferenzas entre gregos e persas nos raptos míticos, como o Ío.
  9. Roussel, Os historiadores gregos, p. 181
  10. Crearon a doutrina, hoxe non aceptada, de que a historia é un asunto esencialmente político (e tamén un asunto militar).
    Grant, Hist... p. 94
  11. Moitos deles [os historiadores gregos e romanos] eran conscientes dos factores económicos, aínda que os consideraban menos significativos que os feitos políticos; en consecuencia, apenas existen datos estatísticos no mundo antigo.
    Grant, Hist... p.82
  12. En xeral, a dignidade dos historiadores clásicos impedíalles falar dos serventes e dos pescadores ao modo como o fai por exemplo o Novo Testamento.
    Grant, Hist... p. 86
  13. Grant, Hist... p. 84
  14. 14,0 14,1 "Sobre a malevolencia de Heródoto" de Plutarco, publicado en Moralia (vol IX), Editorial Gredos (2002)
  15. 15,0 15,1
    Logo da revelación da potencia de Roma, a historiografía grega xa non podía crear nada novo.
    Roussel, Os hist... p. 202
  16. Nalgúns casos proxectaban o presente sobre o pasado e así fixeron de Teseo un rei democrático.
    Momigliano, A hist... p. 58
  17. Burrow Hist... p. 213
  18. De cando en vez sostívose que Heródoto, Tucídides e naturalmente Polibio tiñan unha concepción cíclica do tempo. Intentarei demostrar que non é verdade.
    Momigliano, A hist... p. 78
  19. 19,0 19,1 Momigliano, "O tempo na historiografía grega", incluído en A hist...
  20. Shotwell, Hist... p. 182-183
  21. Redacteinos tal e como, ao meu xuízo, cada orador debeu de expresar o máis apropiado sobre os diversos avatares, aténdome o máis escrupulosamente posíbel ao sentido xeral do que realmente se dixo.
    Tucídides (I 22, 1-2)
  22. Schrader As orixes... p. 110-121
  23. Cando dispoñen de dúas fontes contraditorias, os historiadores gregos e romanos adoitan optar pola que lles parece a versión máis probábel.
    Grant, Hist... p.63
  24. Heródoto, VII, 152
  25. Momigliano, A hist... p. 107
  26. Tucídides, Historia da Guerra do Peloponeso I, 21 critica aos autores anteriores polo seu pouca fiabilidade, ao se remontaren demasiado nos tempos remotos.
  27. En resumo, a miña obra foi composta como unha adquisición para sempre máis que como unha peza de concurso para escoitar un momento.
    Tucídides (I, 22)
  28. Momigliano, A hist... p. 109-113
  29. Finley, M. I. Os gregos da antigüidade (1975, V edición), Editorial Labor, Barcelona, p. 95-96
  30. 30,0 30,1 Roussel, Os histo... p. 20
  31. Shotwell, Hist... p. 183-184
  32. Ningún destes documentos pode ser considerado fonte historiográfica, posto que non hai neles intención de interpretar os feitos relatados, o que hoxe denominariamos espírito crítico
    Bravo, Historia do mundo antigo... p. 148-149.
  33. Estes precursores e, quizá, contemporáneos [de Heródoto] parece que escribiron sobre os pobos e as cidades, en xeral acerca das súas supostas orixes.
    Burrow, Hist... p. 42
  34. Schrader, Os orig... p. 162-186
  35. López, A historiografía en Grecia... p. 9
  36. Schrader, As orix... p. 164
  37. Momigliano, "Il razionalismo dei Ecateo de Mileto" en Terzo contributo alla storia degli studi classici e del mondo antico (Roma, 1966) p. 323-333
  38. Momigliano, A hist... p. 133
  39. Quamquam et apud Herodotum patres historiae et apud Theopompum sunt innumerabiles fabulae
    Cicerón, pasaxe obtida de Momigliano, A hist... p. 131
  40. Digamos rapidamente que Heródoto tivo éxito na súa empresa. recollemos agora suficientes testemuños para poder dicir que merece confianza.
    Momigliano, A hist... p. 136
  41. Segundo Schrader, na súa introdución á Historia (libros I e II).
  42. Schrader, As orix... p. 132-133
  43. A descrición xeográfica dun país; descrición dos costumes do pobo establecido no país en cuestión; e atención [...] ás cousas destacábeis
    Schrader, Os oríg... p. 132-133
  44. Oh rei, se non se expresan os diferentes puntos de vista, non é posíbel para o que debe optar elixir o mellor camiño, senón que debe seguir o que se lle suxire. Cando, pola contra, ambas opinións son expresadas, é posíbel recoñecer a mellor, do mesmo xeito en que só se pode recoñecer o ouro puro cando o fregan contra aquel que non o é.
    Heródoto, Historia (libro III, 10)
  45. Schrader, Os orig... p. 137
  46. Burrow, Hist p. 42-43
  47. Burrow, A hist... p. 41-42
  48. En realidade, a primeira historia de Grecia como tal é debida a Helánico de Lesbos, cara a finais do século -V, que elaborou unha crónica de acontecementos seguindo a lista de sacerdotisas do templo de Hera en Argos.
    Bravo, Historia do... p. 148
  49. Tucídides, Historia da Guerra do Peloponeso (libro I, 97)
  50. Torres Esbbarranch, J. J. na introdución á Historia da Guerra do Peloponeso.
  51. Canfora, L'historien Thucydude n'a jamais été exilé, DHA VI 1980, 287-289.
  52. A tradición legounos [a Historia da Guerra do Peloponeso] en oito libros e -perdóeseme, pois, por imitar a inercial costume de tantos editores- sen un título definido.
    López, A hist... p. 24
  53. Ramon Palerm, Estudos... p. 6-18
  54. Roussel, Os hist... p. 94
  55. Shotwell, Hist... p. 233
  56. En canto ás accións realizadas no curso desta guerra, evitei tomar as miñas informacións do primeiro que chegou e de fiarme das miñas impresións persoais. Tanto con respecto aos feitos dos que eu mesmo fun testemuña como a aqueles que outros me relataron, procedín en todos os casos a efectuar verificacións o máis escrupulosas posíbeis.
    Tucídides (I, 22).
  57. Shotwell, Hist... p. 234
  58. Burrow, Hist... p. 81
  59. Para achar a quen matar, os lacedemonios só tiñan dificultades na elección. Sen dúbida, foi un deus o que, nesta ocasión, lles ofreceu unha tarefa como non soñarían nunca en pedila nas súas pregarias.
    Xenofonte (IV, 4, 12).
  60. Menor, pois para algúns, [...] a súa extensa e variada obra segue sendo un filón tanto para comentarios históricos como para teorías historiográficas de todo tipo.
    López, A hist...
  61. 61,0 61,1 Lérida, Comen... p. 9-10
  62. Lérida, Comen... p. 161-178
  63. Lérida, Comen... p. 123-160
  64. Lérida, Comen... p. 179-193
  65. Lérida, Comen... p. 194-202
  66. Teopompo foi, ao parecer, o máis importante dos historiadores do século -IV
    Roussel, Os hist... p. 137
  67. Momigliano, A hist... p. 173
  68. Heródoto presentáballe aspectos historiográficos que podían ser renovados utilmente; Isócrates, ademais de confirmar o panhelenismo, indicáballe o valor da 'forma literaria'; Antístenes clarificáballe teoricamente a adhesión á mentalidade espartana e con iso armáballe o xuízo coa intrépida seguridade dos convencidos.
    Momigliano, A hist... p. 187
  69. Os bizantinos chegaran á incontinencia e a habituarse ás compañías e a beber nas tabernas, porque vivían desde había tempo en réxime democrático. [...] Os calcedonios [...] despois gustaron a democracia dos bizantinos, esborrollouse a súa vontade, tornándose na vida diaria borrachos e pródigos, de sabios e mesurados que eran.
    fragmento 62 [65], obtido de Momigliano, A hist... p. 191
  70. 70,0 70,1 Shotwell, Hist... p. 243
  71. Momigliano, A hist... p. 23
  72. É un autor de primeira orde, pleno, penetrante, conciso, case un Tucídides en pequeno.
    Cicerón, obtido de Roussel, Os hist... p. 136
  73. Utilizou [...] relatos de valor dubidoso e chismes de corte, pero non por iso tivo menos éxito.
    Roussel, Os hist... p. 137
  74. Cada vez que Tolomeo, fillo de Lago, e Aristóbulo, fillo de Aristóbulo, autores ambos dunha 'Historia de Alexandre', están de acordo sobre un punto, relatarei o que eles dixeron como un feito seguro.
    Arriano, obtido de Roussel, Os hist... p. 153
  75. Châtelet, "A filosofía platónica da historia" en Nac...
  76. Estes historiadores 'secuestran' o intelecto do lector mediante relatos fantásticos, inventan e atribúen aos protagonistas da historia discursos inverosímiles, e dan pé a excursos que se apartan dos motivos principais.
    López, A hist... p. 38
  77. Grant, Hist... p. 142
  78. [Polibio] acusouno de mentireiro e de bobo, reprochoulle non ser máis que un historiador de gabinete, perdido nos libros e os documentos acumulados sen espírito crítico, sen o menor coñecemento sobre as realidades da política e a guerra.
    Roussel, Os hist... p. 162-163
  79. [Timeo] apercíbese de que Roma, por efecto da vitoria sobre Pirro, estaba substituíndo aos gregos na posición de inimiga de Cartago. [...] Timeo recoñecía que Cartago e Roma estaban no mesmo plano.
    Momigliano, A hist... p. 218
  80. Shotwell, Hist... p. 245
  81. Cruz Andreotti, Polibio. Historias. (introdución) p. XVI-XIX.
  82. Momigliano, "Polibio, Posidonio e o imperialismo romano". Incluído en A historiografía grega.
  83. Polibio, Historias (III, 28, 2).
  84. Polibio, Historias (X, 32, 7-12).
  85. Isto non ha de interpretarse de modo banal, coma se Polibio houbese capitulado moralmente e intelectualmente fronte aos romanos e transformouse no seu axente.
    Momigliano, A hist... p. 230
  86. Segundo López, A hist... p. 39-40
  87. Malia o seu aparente rigor, os ensaios teóricos de Polibio non eran sempre moi sólidos.
    Roussel, Os hist... p. 181
  88. optei pola historia pragmática, ante todo porque se trata dunha historia cuxa materia renovar sen cesar e que esixe un tratamento moi orixinal, polo feito de que os nosos precursores non estaban capacitados para revelarnos o que ía suceder logo deles e, en segundo lugar, porque é o xénero que sempre foi máis útil
    Polibio (IX, 2), pasaxe obtida de Roussel, Os hist... p. 178
  89. Polibio e Posidonio estiveron en condicións de explicar o ánimo dos gregos dominados por Roma -tamén de razoar, desde a súa persoal perspectiva, as fases da expansión daquela nova potencia en relación á contorna (Cartago, estados helenísticos, pobos bárbaros)-, pero de ningún modo foron capaces de entender a Roma no seu complicado entramado sociocultural.
    López, A hist... p. 42
  90. É duro contra os publicanos e en particular ataca a explotación de Hispania e da Galia por parte de comerciantes e financeiros romanos.
    Momigliano, A hist... p. 233
  91. [Dionisio] realizou o seu traballo sen espírito crítico, pero con moita seriedade, a pesar do abuso dos discursos e outros procedementos retóricos.
    Roussel, Os hist... p. 201
  92. Non procede ver na súa obra nin o máis mínimo signo de crítica historiográfica; ao contrario, unha evidente inclinación ideolóxica á monarquía fai dela o produto inofensivo que os tempos demandaba.
    López, A hist... p. 144
  93. Segundo López, en A hist... p. 130-150
  94. Zósimo fora o Polibio da Decadencia romana.
    Momigliano, A hist... p. 243
  95. Véxase como exemplo a lista incompleta de Grant, Hist... p. 150-164
  96. Grant, "Desinformación e desacertos" nos Hist...
  97. Grant, Hist... p. 175-176
  98. Châtelet, Nac... p. 21
  99. [Heródoto] confunde a maxestade e a amplitude dunha civilización coa súa antigüidade, [...], sen esforzarse case nunca por determinar o lapso de tempo que separa os acontecementos.
    Châtelet, Nac... p. 22
  100. Châtelet, "O espírito historiador e a concepción grega do devir humano" en Nac...
  101. Grant, Hist... p. 89
  102. Tucídides, tan interesado en manterse atento á obxectividade, critica ao estadista e financeiro Cleón baseándose non só en razóns obxectivas senón deixándose arrastrar por certos motivos persoais.
    Grant, Hist... p. 88
  103. O retrato que nela [a Anabase] se nos fai doutro líder grego, Menón, resulta completamente unha difamación, por tratarse dun inimigo persoal do autor.
    Grant, Hist... p. 89
  104. Grant, Hist... p. 89-90
  105. Grant, Hist... 93

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bravo Castañeda, Gonzalo (1994). Historia del mundo antiguo: Una introducción crítica (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2773-9. 
  • Burrow, John (2009). Historia de las Historias: de Heródoto al siglo XX (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 9788474236996. 
  • Grant, Michael (2003). Historiadores de Grecia y Roma: información y desinformación (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-5606-2. 
  • López López, Matías (1991). La historiografía en Grecia y Roma: Conceptos y autores. Serie: Espai/Temps, Quaderns del Departament de Geografia i Història de l'Estudi General de Lleida, nº 9 (en castelán). Lleida: Departament de Geografía i Historia, Universitat de Barcelona. ISSN 0214-445X. 
  • Momigliano, Arnaldo (1984). La historiografía griega (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-243-0. 
  • Roussel, Denis (1975). Los historiadores griegos (en castelán). Buenos Aires: Siglo XXI. 
  • Shotwell, James T. (1982). Historia de la historia en el mundo antiguo (en castelán). Madrid: Fondo de Cultura Económica. ISBN 84-375-0215-2. 

Monografías

editar
  • Andrade, Nora, ed. (2003). Discurso y poder en la tragedia y la historiografía griegas (en castelán). Buenos Airres: Editorial Universitaria de Buenos Aires. ISBN 950-23-1264-3. 
  • Châtelet, François (1978). El nacimiento de la Historia: la formación del pensamiento historiador en Grecia (en castelán). Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0322-4. 
  • Lérida Lafarga, Roberto (2007). Comentario histórico de la Helénicas de Oxirrinco (PDF) (en castelán). Zaragoza: Institución Fernando el Católico, Deputación de Zaragoza. ISBN 978-84-7820-912-5. 
  • López Eire, Antonio; Schrader, Carlos (1994). Los orígenes de la oratoria y la historiografía en la Grecia clásica (en castelán). Zaragoza: Departamento de Ciencias de la Antigüedad de la Universidad de Zaragoza. ISBN 84-600-8987-8. 
  • Ramón Palerm, Vicente (1996). Estudios sobre Tucídides. Ensayo de un repertorio bibliográfico (1973-1995) (en castelán). Zaragoza: Departamento de Ciencias de la Antigüedad de la Universidad de Zaragoza. ISBN 84-920431-2-1. 

Fontes primarias

editar
  • Heródoto (1987/1992). . Madrid: (1992). Historia. Obra completa (en castelán). I (Libros I-II). (Trad. e notas de C. Schrader. Intr. de F. Rodríguez Adrados. Rev.: M. Jufresa Muñoz) (1ª edición, 4ª impresión ed.). Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-3482-8. 
  • Tucídides (1990). Historia de la Guerra del Peloponeso. Libros I-II (en castelán). Trad. e notas de J. J. Torres Esbarranch. Intr. general de J. Calonge. Rev.: E. Rodríguez Monescillo. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 84-249-1443-0. 

Outros artigos

editar