Estación da Coruña

estación ferroviaria
(Redirección desde «Estación da Coruña - San Cristovo»)

A estación da Coruña, tamén coñecida como A Coruña–San Cristovo, é a principal estación de ferrocarril da cidade da Coruña. É de carácter terminal e dela parten servizos de media distancia a todas as cidades galegas e de longa distancia a varios puntos da península. Está chamada a ser a futura estación intermodal da cidade[1][2].

A Coruña
Exterior da estación
SituaciónAvenida do Ferrocarril, 2 15007 A Coruña
ServizosAseosServizos adaptadosAparcadoiroCafeteríaCarros portavultosAlugamento de coches Venda de Billetes
Liñas
Longa DistanciaAlvia, Intercity, Trenhotel
Media distanciaAvant, MD, Rexional
Intermodalidade
Bus
5, 11, 14, 20, 22
Taxi
Si
Alugueiro de coches
Si
Alugueiro de bicis
Si
Na rede
www.adif.es

O edificio principal, acabado en 1935, é obra de Antonio Gascué Echeverría e insírese no estilo neorrománico. Presenta unha fasquía senlleira dentro da arquitectura ferroviaria española, se ben garda semellanza coa Estación Central de Helsinqui, construída no modernismo nórdico.

A estación está situada na avenida do Ferrocarril[3] xunto á rolda de Outeiro, no barrio dos Mallos-Estación[4], relativamente apartada do centro urbano. Hai outra estación na cidade, a de San Diego, adicada ao tráfico de mercadorías.

Situación ferroviaria

editar

Na Coruña rematan os dous eixes ferroviarios que conectan Galicia coa Meseta. Por un lado, a liña férrea 800 da rede, que ten a súa orixe en León, p. k. 550,6 e polo outro, a liña férrea 822, que nace en Zamora, p. k. 453.[5]

Historia

editar

O ferrocarril chegou á Coruña o 10 de outubro de 1875 coa apertura do tramo A Coruña-Lugo da liña férrea que pretendía unir Palencia con A Coruña.[6] A Compañía de los Ferrocarriles de Asturias, Galicia y León foi a encargada das obras.[7] A devandita compañía creouse para continuar coas obras iniciadas por Noroeste e xestionar as súas liñas ante a quebra desta. Non obstante, a situación financeira desta última tamén se volveu rapidamente delicada, sendo absorbida por Norte en 1885.[7] Ese mesmo ano marcou a apertura doutro importante tramo entre Brañuelas e Ponferrada que permitía unir A Coruña con Madrid grazas ao empalme de Venta de Baños. Con ese motivo, Norte decidiu construír na cidade a primeira estación como tal, xa que as infraestruturas iniciais, como era o costume na época, eran provisionais. Levantouse así un edificio de planta rectangular, dúas alturas e disposición lateral ás vías, dotado dunha pequena marquesiña que protexía parcialmente a plataforma lateral.

 
A Estación Central de Helsinqui, construída en 1911 garda similitude coa estación da Coruña.

A principios do século XX, o monopolio ferroviario de Norte viuse ameazado pola aprobación do plan Guadalhorce. Impulsado polo xeneral Primo de Rivera, o plan pretendía completar a rede ferroviaria existente, esencialmente radial, con novos trazados. Unha das liñas que contemplaba era a entrada a Galicia polo sur, dende Zamora a Ourense para seguir por Santiago ata A Coruña.

En 1935, Antonio Gascué Echeverría concluía as obras do novo recinto destinado a recibir os trens da nova liña.[8] Para distinguir ambas as estacións decidiuse chamar A Coruña-Término á de Norte, e A Coruña-San Cristovo á nova, situada a apenas 400 metros da anterior. Construída a estación, só faltaban as vías, un elemento esencial que non obstante se atrasou, principalmente por dous factores: a guerra civil e a enorme complexidade dalgúns tramos. O 14 de abril de 1943, con RENFE como operador exclusivo da rede dende 1941, logrouse concluír o tramo Santiago de Compostela-A Coruña. Desta forma chegaban os primeiros trens a San Cristovo. Non obstante, houbo que esperar ata 1957 para que por fin se completase a liña Zamora-A Coruña. Con ela a estación pasou de ser unha estación de trens rexionais a recibir trens de longo percorrido que viñan de Madrid.[9] Por iso considerouse necesario concentrar todo o tráfico ferroviario de pasaxeiros nun mesmo recinto. Apelando ao seu mellor equipamento e ás súas amplas dimensións, San Cristovo non tivo problemas en gañarlle a batalla á vetusta estación de Norte. En 1958 construíuse un ramal que permitía que a liña do norte enlazase directamente co novo trazado desprazando case definitivamente á antiga estación, que recibiu o seu golpe de graza en 1964 ao ser devastada por un incendio.[9]

Na década dos anos 80, a marquesiña orixinal de fibrocemento foi substituída por outra que dotaba de maior luminosidade ao feixe de vías. En maio de 2018 concluíron as obras para anovar por completo a cuberta da nave principal, o que incluíu o repintado da estrutura de metálica; o investimento foi superior ao millón de euros.[10]

Futura estación intermodal

editar

Nos anos 2000, o futuro da estación someteuse a diferentes estudos baseándose principalmente nas directrices do urbanista Joan Busquets, para agrupar nun mesmo recinto a estación de tren, de autobuses, taxis e metro lixeiro, barallándose posibilidades de incluír vivendas e ata un xardín botánico nela. De todas as opcións presentadas ao concurso da nova estación intermodal, preseleccionáronse sete, das cales se debía elixir unha para maio de 2011. As sete propostas foron presentadas por Rafael Moneo, Richard Rogers, MVRDV, Toyo Ito, Juan Herreros, Cruz y Ortiz e César Portela[11], resultando esta última elixida por unanimidade. A finais do 2012, o Goberno central solicitou aos gañadores do proxecto a presentación dunha nova proposta cun custo máis baixo.[12]

Predio de viaxeiros

editar
 
Interior da estación

Deseñado polo arquitecto Antonio Gascué Echeverría, foi rematado en 1935. É de estilo neorrománico, dentro do movemento chamado arquitectura de pastas. Ergueito en pedra, vidro e ferro de fundición, ten forma de U, como a maioría de estacións terminais. A fachada é de granito sen traballar e ten unha torre de reloxo colocada nunha esquina. O reloxo dá as horas tocando "Negra Sombra".

A nave que alberga as vías ten unha lonxitude de 100 metros. Os seus 33 m de ancho serven para situar catro plataformas, dúas laterais e dúas centrais, ás que acceden seis vías. Todo iso está cuberto por unha estrutura metálica de grandes luces, con 11 arcos remachados.[13] Fóra da gran marquesiña as plataformas gozan dunha protección adicional que se prolonga outros 160 m máis.

Conta cun vestíbulo, ampla sala de espera, puntos de información, venda de billetes, comisaría, cafetaría, libraría, diversos locais comerciais, aseos, servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida, alugamento de coches e varios aparcadoiros exteriores.

Servizos ferroviarios

editar

Longa Distancia

editar

Actualizados a 18 de xuño de 2016.

Tren Orixe Paradas intermedias Destino Observacións
Alvia Madrid-Chamartín Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña 2 trens de luns a venres 1 tren sábados e domingos
Alvia Alacant-Terminal Villena AV · Albacete-Los Llanos · Cuenca-Fernando Zóbel · Madrid-Puerta de Atocha · Madrid-Chamartín · Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña 1 tren semanal por sentido
Alvia Barcelona-Sants Camp de Tarragona · Lleida-Pirineus · Zaragoza-Delicias · Tudela de Navarra · Castejón de Ebro · Tafalla · Pamplona · Vitoria · Miranda de Ebro · Burgos-Rosa de Lima · Palencia · Sahagún · León · Astorga · Bembibre · Ponferrada · O Barco de Valdeorras · A Rúa-Petín · San Clodio-Quiroga · Monforte de Lemos · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña 4 trens semanais por sentido
Intercity Hendaia Irún · Donostia · Zumarraga · Altsasu · Vitoria · Miranda de Ebro · Briviesca · Burgos-Rosa de Lima · Palencia · Sahagún · León · Astorga · Bembibre · Ponferrada · O Barco de Valdeorras · A Rúa-Petín · Monforte de Lemos · Ourense-Empalme · O Carballiño · Santiago de Compostela A Coruña 1 tren diario por sentido
Trenhotel Rías Galegas Madrid-Chamartín Ávila · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · O Carballiño · Santiago de Compostela A Coruña 1 tren diario por sentido
Trenhotel Galicia Barcelona-Sants Camp de Tarragona · Lleida-Pirineus · Zaragoza-Delicias · Tudela de Navarra · Castejón de Ebro · Logroño · Miranda de Ebro · Burgos-Rosa de Lima · Palencia · León · Astorga · Ponferrada · O Barco de Valdeorras · A Rúa-Petín · San Clodio-Quiroga · Monforte de Lemos · Sarria · Lugo · Curtis · Betanzos-Infesta A Coruña 1 tren diario por sentido

Media distancia

editar

Actualizado a 1 de xaneiro de 2018.

Liñas Trens Orixe/Destino <> Destino/Orixe
Avant A Coruña <> Ourense-Empalme
MD A Coruña <> Vigo-Urzáiz
1 Rexional A Coruña <> Vigo-Guixar
4 MD A Coruña <> Monforte de Lemos
Ourense-Empalme
5 MD A Coruña <> Ferrol

Galería de imaxes

editar
  1. Foto da estación na web dos Mallos
  2. Foto aérea da estación
  3. "Las calles Joaquín Planells y Salvador y Merino cambian de nombre". La Opinión de A Coruña (en castelán). 25-2-2016. Consultado o 18-3-2016. 
  4. Páxina do Barrio dos Mallos-Estación
  5. Rede ferroviaria española Arquivado 18 de outubro de 2013 en Wayback Machine. 'Ministerio de Fomento
  6. Cronoloxía básica do ferrocarril español de vía ancha Arquivado 14 de outubro de 2013 en Wayback Machine. Fundación de los Ferrocarriles Españoles
  7. 7,0 7,1 Asturias á Galicia y León (A.G.L.) Compañía del Ferrocarril del Noroeste de España Arquivado 29 de agosto de 2018 en Wayback Machine. Spanishrailway
  8. "Coñece a túa cidade - Estación de San Cristovo". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2010. Consultado o 14 de maio de 2011. 
  9. 9,0 9,1 Estación de La Coruña Revista Vía Libre
  10. Emiliano Mouzo (2018-05-16). "El final de las obras en la cubierta deja a la vista una iluminación espectacular". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2018-10-12. 
  11. "Estación intermodal A Coruña". cesarportela.com (en castelán). Consultado o 2018-10-12. 
  12. Gabriel Lemos (2012-11-11). "El Gobierno ordena abaratar el proyecto de la intermodal". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2018-10-12. 
  13. "La estación de San Cristobal. Concello da Coruña". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2014. Consultado o 18 de outubro de 2012. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar