Xaguarundi

felino americano

O xaguarundi,[2] Puma yagouaroundi, é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos félidos, subfamilia dos felinos e tribo dos felininos, para a maioría dos autores, unha das dúas que integran o xénero Puma.

Xaguarundi
Puma yagouaroundi

Puma yagouaroundi cacomitli
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Feliformia
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae
Xénero: Puma
Especie: P. yagouaroundi
Nome binomial
Puma yagouaroundi
(Geoffroy Saint-Hilaire, 1803)
Área de distribución do xaguarundi
Área de distribución do xaguarundi

Subespecies
Vexase o texto
Sinonimia
Vexase o texto
Cabeza de xaguarundi.
Xaguarundi no zoo de Děčín, República Checa.
Xaguarundi de pelaxe escura, no Parc de Félins, Lumigny-Nesles-Ormeaux, Sena e Marne (Francia).

É un gato algo máis pequeno que o seu parente próximo, o puma (Puma concolor), de pelaxe de parda a negra uniforme, que vive en América, dende o sueste de México até o centro da Arxentina, onde caza animais pequenos.

O seu estado de conservación considérase pola UICN como de preocupación menor.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1803 polo naturalista francés Étienne Geoffroy Saint-Hilaire,[3][4] en Catal. Mam. Mus. Hist. Nat.: 124,[3] baixo o nome de Felis yagouaroundi.

Etimoloxía editar

Para a do xénero, ver Puma.

O epíteto específico, yagouaroundi deriva do guaraní yaguarundy, relacionado co tupí jaguarundy ('gato salvaxe'), e entrou nas linguas modernas na década de 1800 a través da portugués.[5][6]

Sinónimos editar

A través do tempo, a especie coñeceuse polos sinónimos:

  • Felis yagouaroundi Geoffroy Saint-Hilaire, 1803
  • Felis unicolor Thraill, 1819
  • Felis eyra Fischer, 1814
  • Felis cacomitli Berlandier, 1859
  • Felis apache Mearns, 1901
  • Felis fossata Mearns, 1901
  • Felis panamensis Allen, 1904
  • Felis yaguarondi Lacépède, 1809
  • Puma yaguaroundi Lacépède, 1809
  • Puma yaguaroundi Desmarest, 1816
  • Herpailurus yagouarondi Severtzov, 1858
  • Herpailurus yagouaroundi Lacépède, 1809
  • Herpailurus yaguarondi Lacépède, 1809

Sinónimos do nome específico editar

  • yaguaroundi Lacépède, 1809
  • yagouaroundi Desmarest, 1816.[3]

Nomes vulgares editar

Na maioría dos idiomas modernos coñécese co nome vulgar de xaguaroundi, coas adaptacións propias de cada lingua (jaguarundi, jaguarondi, Jaguarundi, etc.).

Ademais, nalgúns países da súa área de distribución, coñécese tamén polos nomes populares de:

  • Nos países de lingua española: gato colorado, gato moro, león brenero, onza, tigrillo e leoncillo.[1]
  • No Brasil: gato-mourisco, eirá, gato-preto e maracajá-preto.[7]

Notas taxonómicas editar

Inicialmente Puma foi clasificado como un subxénero de Felis por McKenna e Bell (1997),[8] que separaron a yagouaroundi como outro subxénero, Felis (Herpailurus). Johnson e O'Brien (1997),[9] Bininda-Emonds et al. (1999),[10] e Mattern e McLennan (2000),[11] consideraron concolor e yagouaroundi como monofiléticos, sendo Acinonyx o grupo irmán.[3]

Controversia taxonómica editar

A maioría dos autores non consideran o xénero Herpailurus, descrito en 1858 por Nikolai Severtzov e que moitos autores consideran un sinónimo de Puma Jardine, 1834.[12] Este xénero foi "resucitado" en 2017 polo grupo de expertos da UICN,[13] que é monoespecifico, xa que comprende unha soa especie, Herpailurus yagouaroundi (o xaguarundi), que a mairoría dos autores clasifican dentro do xénero Puma, como Puma yagouaroundi.[3][4]
Polo tanto, segundos estes autores, ambos os xéneros, Puma e Herpailurus, serían monoespecíficos, é dicir, cada un con cadasúa especie.

Subespecies editar

Antes de 2017 recoñécíanse dentro da especie (e moitos autores aínda recoñecen), as seguintes oito subespecies (inclúense as respectivas áreas de distribución):[3][4]

  • Puma yagouaroundi ameghinoi (Holmberg, 1898) (oeste da Arxentina, Chile)
  • Puma yagouaroundi carcomitli (Berlandier, 1859) (sur de Texas e leste de México)
  • Puma yagouaroundi eyra (G. Fischer, 1814) (o Brasil, Paraguai e a Arxentina)
  • Puma yagouaroundi fossata (Mearns, 1901) (sur de México até Honduras)
  • Puma yagouaroundi melantho (Thomas, 1914) (o Perú e o Brasil)
  • Puma yagouaroundi panamensis (J. A. Allen, 1904) (desde Nicaragua até Ecuador)
  • Puma yagouaroundi tolteca (Thomas, 1898) (México occidental; rexistráronse avistamentos non confirmados tanto en Arizona como en Sonora)
  • Puma yagouaroundi yagouaroundi (Geoffroy Saint-Hilaire, 1803) (a Güiana e a Amazonia).[14]

A partir de 2017, o Cat Classification Taskforce of the Cat Specialist Group da UICN, como quedou dito, considera ao xaguarundi como membro do xénero Herpailurus, e non recoñece ningunha subespecie.[13]

Características editar

 
Xaguarundi de pelaxe rubia, no Parc de Félins, Lumigny-Nesles-Ormeaux, Sena e Marne (Francia).

O xaguarundi é un gato de pequeno tamaño, algo máis grande que un gato doméstico, con cranio e cara moi semellantes aos do puma (Puma concolor).

Presenta dúas formas na coloración da súa pelaxe: unha de cor parda avermellada (rubia), e outra parda escura, case negra ou agrisada, podendo estar presentes ambas na mesma camada.[15]

Este felino alcanza unha lonxitude de 50 a 70 cm de longo, máis a cola, que mide de 30 a 60 cm. A súa altura na cruz, por termo medio, é de 33 cm.[16]

Os adultos acadan un peso de entre os 3,5 e os 9,1 kg.[17]

A súa constitución aseméllase en xeral á do puma, aínda que a diferenza deste, o seu talle é moi inferior, posúe orellas máis pequenas, corpo máis alongado, patas máis curtas e as súas cores son máis variadas (avermellados, negros, grises claro e escuro); do mesmo xeito que no puma, a súa cor é sempre uniforme, sen manchas.

Distribución e hábitat editar

A área de distribución do xaguarundi vai dese o sur de Texas e ambas as zonas costeiras de México, polo norte, até o leste dos Andes, tan ao sur como a Patagonia arxentina.[1]

Habita zonas de terras altas, matogueiras, bosques semideciduos, bosques húmidos, pasteiros, xeralmente preto dun curso de auga. Aínda que en xeral vive en terras baixas, tamén se atopa en altitudes de até os 3 200 msnm.[15][18]

En 2015 rexistrouse a presenza do xagarundi en Cerro Largo, Uruguai.[19]

Víronse xaguarundis en Florida desde principios do século XX. Asúmese que a especie foi introducida, pero non se sabe cando ocorreu a introdución. A súa presenza en Florida atribúese a un escritor de Chiefland que nalgún momento importou os animais do seu hábitat nativo e liberounos preto da súa cidade natal e noutros lugares do Estado. Non se coñecen espécimes vivos ou mortos, pero se informaron moitos avistamentos considerados cribles polos biólogos. O primeiro delos ocorreu en 1907, e foi seguido por varios avistamentos adicionais en toda a península de Florida desde a década de 1930 até a de 1950. O primeiro informe oficial publicouse en 1942. Despois diso informáronse menos avistamentos confiábeis e, en 1977, W. T. Neill concluíu que a poboación diminuíra. Porén, os avistamentos continuaron. Tamén se rexistraron na zona costeira de Alabama desde a década de 1980, o que pode ser evidencia de que a poboación de Florida migrara cara ao norte.[20]

Así mesmo, o xaguarundi tamén se viuo nos arredores do Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.[21]

Ecoloxía e comportamento editar

Hábitos editar

Os xaguarundis son principalmente diúrnos, sendo activos durante o día. Séntense cómodos nas árbores, pero prefiren cazar no chan. Aínda que parecen seren algo máis gregarios que moitos outros gatos, e toleran a presenza achegada doutros membros da súa especie, na natureza xeralmente encóntranse sos, o que suxire un estilo de vida solitario. O seu territorio é moi variábel, dependendo da contorna local; referiuse que os individuos esténdense en territorios de 6,8 a 100 km2. Ao igual que outros gatos, os olores marcan o seu territorio rabuñando o solo ou as pólas achegadas, fregando a cabeza, urinando e deixando as súas feces descubertas.[15]

Son tímidos e solitarios e, evidentemente, moi cautelosos coas trampas.[20]

Poden emitir unha infrecuentemente ampla gama de vocalizacións, que inclúen ronróns, asubíos, zunidos, sons de parolas e incluso un chío parecido ao dun paxaro.[15]

Alimentación editar

Comen case calquera animal pequeno que poidan atrapar, tipicamente capturan roedores, pequenos réptiles e aves. Tamén se observou que matan presas máis grandes, como lagomorfos (coellos e lebres) e sarigüeias; outras presas relativamente infrecuentes inclúen peixes e mesmo titís. Como moitos outros gatos, tamén inclúen na súa dieta unha pequena cantidade de vexetación e artrópodos.[15]

Reprodución editar

O momento da época da reprodución dos xaguarundis non está claro, e parece que se poden reproducir durante todo o ano. O estro dura de tres a cinco días, e é marcado pola femia, que regularmente arrola sobre o seu lombo e esparexe urina. Despois dun período de [xestación] de 70 a 75 días, a femia pare unha camada dun a catro gatiños nunha gorida construída nunha matogueira densa, unha árbore oca ou unha cuberta similar.[15]

Os gatiños nacen con manchas na parte inferior do corpo, que van desaparecendo a medida que medran. Os xuvenís son capaces de inxerir alimentos sólidos ao cabo dunhas seis semanas, aínda que comenzan a xogar coa comida da súa nai desde as tres semanas. Alcanzan a madurez sexual aproximadamente aos dous anos de idade. En catividade poden vivir até 10 anos.[15]

Ameazas, conservación e status editar

Ameazas editar

 
Pel de xaguarundi.

Os xaguarundis non son particularmente cazados para obter a súa pel (aínda que algúns os cazan con este obxectivo), pero están sufrindo unha diminución sa súa poboación debido á perda de hábitat. O Texas Parks and Wildlife Department (Departamento de Parques e Vida Silvestre de Texas) expresou a súa preocupación de que a presenza de xaguarundis no sur de Texas pode verse en perigo debido á perda do hábitat natural deste gato.[22]

Conservación editar

As poboacións de Puma jagouaroundi en América do Norte e de Centroamérica figuran no Apéndice I do CITES. Todas as demais poboacións enuméranse no Apéndice II do CITES. P. y. cacomitli, P. p. Fossata, P. y. panamensis e P. p. tolteca considéranse en perigo de extinción e aparecen na Endangered Species Act of 1973 (Lei de especies en perigo de extinción) dos Estados Unidos de América; esta é unha varias (unhas ducias) de leis ambientais dos Estados Unidos, aprobadas na década de 1970, e serve como lexislación promulgada para levar a cabo as disposicións descritas na Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES).[23]

A especie está protexida na maior parte da súa área de distribución, e a súa caza está prohibida na Arxentina, Belize, o Brasil, Bolivia, Colombia, Costa Rica, os Estados Unidos, Guatemala, Güiana Francesa, Honduras, México, Panamá, Paraguai, Suriname, o Uruguai e Venezuela, e permitida pero suxeita a regulamentación no Perú.[18]

Requíerense estudos adicionais sobre a ecoloxía da especie, a demografía, a historia natural e as ameazas. Suponse que as poboacións en áreas protexidas son moi baixas, probabelmente debido ao impacto das maiores densidades de ocelotes.[24]

Paradoxalmente, esta especie moitas veces percíbese como non ameazada debido á súa visibilidade (xa vimos que é e diúrna) e que moitas veces vive en hábitats abertos.

Status editar

Porén, a pesar de todas as consideracións anteriormente citadas, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Evolución editar

O xaguarundi está estreitamente relacionado co puma, aínda que este é moito máis grande e pesado, e ten unha estrutura xenética e unha gornición cromosómica. Ambas as especies situáronse tradicionalmente no xénero Puma, pero, como vimos, desde 2017, algúns autores clasifícano no xénero Herpailurus,[1] e até hai pouco ambos os gatos clasificábanse no xénero Felis.

Segundo un estudo xenómico dos félidos de 2006, un antepasado das liñaxes Leopardus, Lynx, Puma, Prionailurus e Felis actuais migraron a través da ponte de terra de Bering desde Asia cara ás Américas hai uns 8,0-8,5 millóns de anos. As liñaxes posteriormente diverxeron nesa orde.[25]

Estes estudos indican que o puma e o xaguarundi están máis próximos ao guepardo moderno de África e Asia Occidental,[25][26] pero a súa relación aínda non está resolvida. Suxeriuse que os antepasados do guepardo se separaron dá liñaxe Puma nas Américas e emigraron a Asia e África,[25][26] mentres que outras investigacións suxiren que o guepardo diverxeu no Vello Mundo.[27] Polo tanto, non está claro o perfil da pequena migración felina a América.

Por outra parte, antes de mediados da década de 1990, os guepardos situáronse na subfamilia monotípica Acinonychinae (acinoniquinos) debido ás súas especializacións anatómicas para a súa característica de corredor. Tanto o puma como o xaguarundi clasificáronse no xénero Felis xunto coa maoría dos gatos que ronronean. Na década de 1990, a primeira evidencia molecular baseada no ADN mitocondrial, o ADN nuclear e os datos cromosómicos encontraron que o guepardo está situado entre os gatos que ronronean, cos pumas e os xaguarundis como os seus parentes máis achegados.[28][29][30]

Como resultado, o puma e o xaguarundi foron reclasificados no xénero Puma e Acinonychinae foi recoñecido como un sinónimo júnior de Felinae.[31] Estudos moleculares máis avanzados baseados en datos xenómicos encontraron un forte apoio para esta agrupación. Segundo os datos actuais, os acinoniquinos separáronse doutros gatos hai uns 6,7 millóns de anos. O guepardo foi o primeiro en separarse de Puma hai uns 4,9 millóns de anos. Logo, o puma e o xaguarundi separáronse hai 4 millóns de anos.[32][33][34] Ademais do traballo molecular, varios estudos morfolóxicos que se centraron no cranio apoiaron a relación entre Puma e Acinonyx.[35][36]

Mentres que para a maioría dous autores o xaguarundi está clasificado no xénero Puma, a especie difire do puma debido ao seu tamaño e algunhas outras diferenzas anatómicas, o que fixo que algúns autores os sitúen no seu propio xénero, Herpailurus.[13][37]

Filoxenia editar

Segundo o grupo de expertos da UICN, a tribo Acinonychini (acinoniquinos) dos felinos comprende tres xéneros, cada un cunha soa especie existente na actualidae: o puma (en Puma), o xaguarundi (en Herpailurus) e o guepardo (en Acinonyx).[13]

A continuación móstrase a filoxenia das especies actualmente existentes da tribo dos acinoniquinos:

 Tribo Acinonychini

Guepardo (Acinonyx jubatus)  

Xaguarundi (Herpailurus yagouaroundi)  

Puma (Puma concolor)  

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Caso, A., de Oliveira, T. & Carvajal, S. V. (2015): Jaguarundi. Herpailurus yagouaroundi na Lista vermella da UICN. Versión 2018-2. Consultada o 18 de decembro de 2018.
  2. Puma yaguyaroundi en Wikispecies.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Puma yagouaroundi É. Geoffory Saint-Hilaire, 1803. en MSW.
  4. 4,0 4,1 4,2 Puma yagouaroundi (É. Geoffroy Saint-Hilaire, 1803) no ITIS,
  5. jaguarundi no Dictionary.com
  6. jagurundi Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine. en Memidex. Free online Dictionary.
  7. Ferreira, A. B. H. (1986): Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro: Nova Fronteira, p. 980.
  8. Malcolm C. McKenna and Susan K. Bell (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. New York, NY, USA: Columbia University Press. ISBN 978-0-2311-1013-6.
  9. Johnson, Warren E. and Stephen J. O'Brien (1997): "Phylogenetic reconstruction of the felidae using 16S rRNA and NADH-5 mitochondrial genes". Journal of Molecular Evolution, Volume 44, Supplement 1, pp. 98–116.
  10. Bininda-Emonds, O. R. P., Gittleman, J. L. & Purvis, A. (1999): "Building large trees by combining phylogenetic information: a complete phylogeny of the extant Carnivora (Mammalia)" Biol. Rev. Cambridge Phil. Soc. 74: 143–175.
  11. Michelle Y. Mattern and Deborah A. McLennan (2000): "Phylogeny and Speciation of Felids", Cladistics 16 (2): 232-253.
  12. Herpailurus Severtzov, 1858 no GBIF.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Kitchener, A. C., Breitenmoser-Würsten, C., Eizirik, E., Gentry, A., Werdelin, L., Wilting A., Yamaguchi, N., Abramov, A. V., Christiansen, P., Driscoll, C., Duckworth, J. W., Johnson, W., Luo, S.-J., Meijaard, E., O’Donoghue, P., Sanderson, J., Seymour, K., Bruford, M., Groves, C., Hoffmann, M., Nowell, K., Timmons, Z. & Tobe, S. (2017). "A revised taxonomy of the Felidae: The final report of the Cat Classification Task Force of the IUCN Cat Specialist Group" (PDF). Cat News. Special Issue 11. 
  14. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Puma yagouaroundi' (TSN 726257)" (en inglés). 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Sunquist, Mel; Sunquist, Fiona. Wild cats of the World. University of Chicago Press. ISBN 0-226-77999-8. 
  16. Boitani, Luigi & Stefania Bartoli (1985): Guía de Mamíferos. Barcelona: Ediciones Grijalbo, p. 313.
  17. "Jaguarundi (Felis yagouaroundi tolteca)" (PDF). United States Fish and Wildlife Service. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de novembro de 2012. Consultado o 21 de setembro de 2018. 
  18. 18,0 18,1 Nowell, K. G & Jackson, P. (1996): Wild Cats. Status Survey and Conservation Action Plan. Gland, Switzerland and Cambridge, UK.: IUCN/SSC Cat Specialist Group. ISBN 2-8317-0045-0.
  19. Grattarola, F., Hernández, D., Duarte, A., Gaucher, L., Perazza, G. et. al. (2016). "Primer Registro de Yaguarundi (Puma yagouaroundi) (Mammalia: Carnivora: Felidae) en Uruguay, con comentarios sobre monitereo participativo". Boletín de la Sociedad Zoológica del Uruguay 25 (1):85−91.. 
  20. 20,0 20,1 Simberloff, D.; Schmitz, D. C.; Brown, T. C. (1997). Strangers in Paradise: Impact and Management of Nonindigenous Species in Florida. Washington, D.C.: Island Press. ISBN 1-55963-430-8. Consultado o 19 de decembro de 2018. 
  21. Un florilège de faune sauvage au Centre Spatial Guyanais.
  22. Endangered Species. Tpwd.state.tx.us (15-04-2003). Consultada o 19 de decembro de 2018.
  23. U.S. Fish and Wildlife Service. International Affairs. Consultada o 19 de decembro de 2018).
  24. Oliveira, T. G. de (1994): Neotropical cats: ecology and conservation. São Luís, MA, Brasil: EDUFMA.
  25. 25,0 25,1 25,2 Johnson, W. E.; Eizirik, E.; Pecon-Slattery, J.; Murphy, W. J.; Antunes, A.; Teeling, E.; O'Brien, S. J. (6 de xaneiro de 2006). "The Late Miocene radiation of modern Felidae: A genetic assessment". Science 311 (5757): 73–77. PMID 16400146. doi:10.1126/science.1122277. Consultado o 19 de decembro de 2018. 
  26. 26,0 26,1 Culver, M.; Johnson, W. E.; Pecon-Slattery, J.; O'Brien, S. J. (2000). "Genomic Ancestry of the American Puma" (PDF). Journal of Heredity (Oxford University Press) 91 (3): 186–97. PMID 10833043. doi:10.1093/jhered/91.3.186. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16-06-2007. Consultado o 19-12-2018. 
  27. Barnett, R.; I. Barnes; M. J. Phillips; L. D. Martin; C. R. Harington; J. A. Leonard; A. Cooper (2005). "Evolution of the extinct Sabretooths and the American cheetah-like cat". Current Biology (Cell Press) 15 (15): R589–R590. PMID 16085477. doi:10.1016/j.cub.2005.07.052. 
  28. Janczewski, D. N.; Modi, W. S.; Stephens, J. C. & O'Brien, S. J. (1995). Molecular evolution of mitochondrial 12S RNA and cytochrome b sequences in the pantherine lineage of Felidae. Molecular Biology and Evolution, 12 (4): 690-707.
  29. Johnson, W. E. & O’brien, S. J. (1997). Phylogenetic reconstruction of the Felidae using 16S rRNA and NADH-5 mitochondrial genes. Journal of Molecular Evolution, 44 (1): 98-116.
  30. Mattern, M. Y. & McLennan, D. A. (2000). "Phylogeny and speciation of felids". Cladistics, 16 (2): 232-253.
  31. Wozencraft, W. C. (1993): Order Carnivora. Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference, pp. 279-348.
  32. Johnson, W. E., Eizirik, E., Pecon-Slattery, J., Murphy, W. J., Antunes, A., Teeling, E., & O'Brien, S. J. (2006): "The late Miocene radiation of modern Felidae: a genetic assessment". Science, 311 (5757): 73-77.
  33. Culver, M. (2009): "Lessons and insights from evolution, taxonomy, and conservation genetics". Cougar: ecology and conservation: 27-40.
  34. Li, G., Davis, B., Eizirik, E., & Murphy, W. (2015): "Phylogenomic evidence for ancient hybridization in the genomes of living cats (Felidae)". Genome research, gr-186668.
  35. Salles, L. O. (1992): "Felid phylogenetics: extant taxa and skull morphology (Felidae, Aeluroidea). Amer. museum Novitates.
  36. Segura, V., Prevosti, F., & Cassini, G. (2013): "Cranial ontogeny in the Puma lineage, Puma concolor, Herpailurus yagouaroundi, and Acinonyx jubatus (Carnivora: Felidae): a three‐dimensional geometric morphometric approach". Zoological Journal of the Linnean Society, 169 (1): 235-250.
  37. Hunter, L. (2015): Wildcats of the world. Londres: Bloomsbury Press. ISBN 978-1-4729-1219-0.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar