Konstantin Chernenko
Konstantin Ustínovitch Chernenko (en ruso Константи́н Усти́нович Черне́нко; en ucraíno: Костянтин Устинович Черненко; romanizado: Konstantin Ustinovich Chernienko), nado en Bolshaya Tes no Krai de Krasnoyarsk, do Imperio ruso, o 24 de setembro de 1911 e finado en Moscova o 10 de marzo de 1985,[1][2] foi presidente do Soviet Supremo da URSS e secretario xeral do Partido Comunista desde 1984 até a súa morte o 10 de marzo de 1985, e xefe supremo do Buró Político. segundo posto máis alto da xerarquía soviética, desde 1971 até 1984, cando asumiu, en efecto, o posto máis alto do país.[3]
Despois da súa morte, os países socialistas de Europa do Leste non superarían os cinco anos, e a Unión Soviética, de feito, sete.[4]
A pesar do seu curto mandato, Chernenko conquistou un gran poder dentro do partido, sendo un segundo home, moi parecido a un vicepresidente, desde principios dos anos 70, baixo a dirección de Leonid Brezhnev, acompañándoo en numerosas viaxes ao estranxeiro e servindo como un conselleiro político durante a década de 1970 e principios dos anos 80, conseguindo as súas maiores fazañas mesmo antes de converterse en Secretario Xeral, o que fixo que a súa contribución á Unión Soviética e a Rusia durante os anos de Brezhnev fose máis eminente que durante o propio goberno.
Así, en 1982, despois da morte de Leonid Brezhnev, Chernenko perdeu a carreira para ser secretario xeral ante Iuri Andropov. Porén, graves problemas de saúde provocaron a morte de Andropov en 1984, polo que Chernenko sucedeuno como secretario xeral do PCUS, presidente do Presidium do Soviet Supremo da Unión Soviética (xefe de Estado) e presidente do Consello de Defensa. Dirixiu unha reforma educativa e diversos axustes na estrutura burocrática do Estado. En política exterior, negociou un pacto comercial con China. Despois de apenas un ano no poder, Chernenko, tamén padecendo graves problemas de saúde, morreu en marzo de 1985. Os seus restos están enterrados na necrópole do muro do Kremlin de Moscova.
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarKonstantin Chernenko naceu nunha familia pobre de campesiños, orixinaria da cidade siberiana de Bolshaya Tes (actualmente no distrito de Novosiolovsky no ikrai de Krasnoiarsk), o 24 de setembro de 1911.[1] O seu pai, Ustin Demidovich Chernenko, era de orixe ucraína, e traballaba nas minas de ouro e cobre mentres que a súa nai se ocupaba dos traballos agrícolas axudada por Konstantin.
Inicios políticos
editarChernenko uniuse ao Komsomol (a Liga dos Mozos Comunistas) en 1926 e poucos anos despois, en 1931,[1] converteuse en membro de pleno dereito do Partido Comunista. De 1930 a 1933, serviu na garda de fronteiras soviética na fronteira chinesa e, despois de completar o seu servizo militar, volveu a Krasnoiarsk como propagandista do réxime de Stalin, principalmente no apoio á política de eliminación dos gulags. En 1933, traballou no Departamento de axitación e propaganda do Comité Central do Partido en Novosiolovsky. Poucos anos despois, foi ascendido a xefe do mesmo departamento en Uyarsk Raykom.
Chernenko ascendeu nas filas do partido, chegando a ser director do partido en Krasnoiarsk, antes de ser nomeado xefe adxunto do Departamento de propaganda do Comité Central del PCUS en 1939. A principios da década de 1940, comezou unha estreita relación con Fyodor Kulakov, e foi nomeado secretario do Comité Territorial para a Propaganda do Partido.[5] En 1945, obtivo un diploma nunha escola de formación do partido en Moscova, e despois completou un curso a distancia para profesores en 1953, e traballou durante ese ano no Instituto Pedagóxico de Chisinau.
Ascenso político
editarO primeiro gran cargo na carreira de Chernenko chegou ao ser nomeado en 1948 para dirixir o departamento de propaganda do partido na República Socialista Soviética de Moldavia, onde estivo até 1956. Durante este período, coñeceu a Leonid Brezhnev que foi o primeiro secretario do partido local entre 1950 e 1952. Fixéronse grandes amigos e Chernenko seguiu a Brezhnev en 1956, para ocupar un posto semellante de xefe de propaganda e axitación no Comité Central do PCUS, en Moscova. En 1960, despois de que Brezhnev fose nomeado presidente do Presidium do Soviet Supremo, Chernenko converteuse no seu xefe de gabinete.[1]
Cando, en 1964, o líder soviético Nikita Khrushchev foi deposto e Brezhnev sucedeuno como líder do partido, a carreira de Chernenko subiu ao primeiro plano. Foi nomeado xefe do Departamento Xeral do Comité Central en 1965, e recibiu o mandato de fixar a axenda do Politburó, así como de preparar borradores de numerosos decretos e resolucións do Comité Central. Tamén supervisaba as escoitas telefónicas e os dispositivos de escoita encubertos en varias oficinas dos principais membros do Partido. Outro dos seus traballos foi asinar diariamente centos de documentos do Partido, traballo que fixo durante os seguintes 20 anos. Mesmo despois de ser secretario xeral do Partido, continuou asinando papeis referidos ao Departamento Xeral (cando xa non podía asinar fisicamente documentos e, no seu lugar, utilizaba un facsímile).
En 1971, Chernenko foi ascendido a membro de pleno dereito do Comité Central do Partido; supervisou o traballo do partido no buró de Cartas e ocupouse da correspondencia. En 1976, foi elixido secretario da Oficina de Cartas. En 1977, foi candidato a entrar no Politburó, e conseguiuno en 1978, converténdose en membro de pleno dereito, acadando o segundo posto de maior rango (despois do secretario xeral) na xerarquía do Partido.
Durante os derradeiros anos de Brezhnev, Chernenko traballou plenamente na ideoloxía do Partido: encabezou delegacións soviéticas no estranxeiro, acompañou a Brezhnev a importantes reunións e conferencias e foi membro da comisión que revisou a redacción da Constitución soviética de 1977. En 1979, participou nos Acordos SALT, sobre limitacións de armas estratéxicas, celebrados en Viena.
Trala morte de Mikhail Suslov, en 1982, Chernenko era o principal ideólogo do partido[1] e despois da morte de Brezhnev en novembro de 1982, especulouse con que o posto de secretario xeral sería ocupado por Chernenko. Porén, non conseguiu o apoio suficiente para a súa candidatura dentro do Partido e, finalmente, o director da KGB, Iuri Andropov, asumiu o relevo como sucesor de Brezhnev.
Líder da Unión Soviética
editarMais a mala saúde de Andropov provocou a súa morte en 1984. Malia que este preferira como sucesor a Gorbachev fronte a Chernenko por, entre outros motivos, padecer tamén unha enfermidade terminal,[6] ao contar co apoio dos partidarios de Brezhnev, Chernenko foi nomeado secretario xeral da URSS, presidente do Presidium e líder do Consello de Defensa.
No momento do seu ascenso ao primeiro posto do país, Chernenko era visto principalmente como un líder de transición que podía dar tempo á "Vella Garda" do Politburó para escoller un candidato aceptable da seguinte xeración de liderado soviético. Mentres tanto, viuse obrigado a gobernar o país como parte dun triunvirato xunto ao ministro de Defensa, Dmitriy Ustinov e o ministro de Asuntos Exteriores, Andrei Gromyko.[7] Isto converteuse nun problema crecente xa que a enfermidade de Chernenko levouno a perderse as reunións con cada vez maior frecuencia, Por outra banda, Yegor Ligachov escribiu nas súas memorias que Chernenko fora elixido Secretario Xeral sen obxeccións. Na sesión do Comité Central do 13 de febreiro de 1984, catro días despois da morte de Andrópov, o presidente do Consello de Ministros, Nikolai Tikhonov, nomeara a Chernenko como secretario xeral, e o Comité votou por el.
No funeral de Andropov, Chernenko estaba moi deteriorado e apenas puido ler o panexírico[8] e rematou o seu discurso entre tose e náuseas. Os presentes esforzáronse por comprender o significado do que estaba a dicir pois falaba rapidamente, tragaba palabras, non paraba de tusir e detivérase varias veces para limpar os beizos e a testa. Subiu ao Mausoleo de Lenin por unha escaleira mecánica recentemente instalada e baixara coa axuda de dous gardacostas.[9]
Chernenko representou un retorno ás políticas de finais da era Brezhnev. Con todo, apoiou un maior papel dos sindicatos, e a reforma da educación e da propaganda. O único cambio de persoal que fixo Chernenko foi a destitución do xefe do Estado Maior, o mariscal Nikolai Ogarkov quen foi substituído polo mariscal Sergey Akhromeyev.
En política exterior, negociou un pacto comercial coa China. Malia os chamamentos á distensión, Chernenko fixo pouco para evitar a escalada da Guerra Fría cos Estados Unidos. Por exemplo, en 1984, a Unión Soviética impediu unha visita a Alemaña Occidental do líder da Alemaña Oriental, Erich Honecker. Porén, a finais do outono de 1984, os EUA e a Unión Soviética acordaron retomar as conversacións sobre o control de armas a principios de 1985 e, en novembro de 1984, realizou unha viaxe a GranBretaña e Chernenko reuniuse co líder do Partido Laborista británico, Neil Kinnock.[10]
En 1980, os Estados Unidos lideraron un boicot internacional aos Xogos Olímpicos de verán celebrados en Moscova en protesta pola invasión soviética de Afganistán. E dado que os seguintes Xogos Olímpicos de verán de 1984 tiñan lugar nos Ánxeles, California, o 8 de maio de 1984, baixo o liderado de Chernenko, a URSS anunciou a súa intención de non participar nos Xogos, alegando "preocupacións de seguridade e sentimentos machistas e unha histeria antisoviética que se axitaban nos Estados Unidos".[11] Ao boicot uníronse 14 países satélites e aliados do Bloque do Leste, incluídos Cuba (pero non Romanía). A acción foi amplamente vista como unha vinganza polo boicot liderado por Estados Unidos aos Xogos de Moscova. Os países boicoteadores organizaron os seus propios " Xogos da Amizade " no verán de 1984.[12]
Antes da súa morte, Chernenko asinou documentos preliminares que indican que o 9 de maio de 1985, o día do 40º Desfile do Día da Vitoria, a cidade de Volgogrado pasaría a chamarse Stalingrado. Na súa carta á filla de Stalin, Svetlana Alliluyeva, escribiu sobre "a próxima restauración da xustiza en relación coa memoria e a herdanza de IV Stalin", que presumiblemente se refería á rehabilitación política de Stalin.[13] Malia a aparente limitación do cargo, a maioría dos obxectivos políticos de Chernenko xa foran acadados durante a vasta administración de Brezhnev, polo que os principais logros de Chernenko no poder buscaron cubrir o que o limitaba cando aínda era subordinado de Brezhnev; entre outros asuntos, destacan as reformas educativas. e a estruturación burocrática do Estado, pero principalmente cuestións diplomáticas (as distensións de Brezhnev), que acabou continuando Chernenko.
Nunha viaxe a España, despois de que Chernenko baixase do avión, interpretouse a marcha presidencial estadounidense "Hail to the Chief" en lugar da marcha soviética "Da Zdravstvuiet Nasha Derzhava", que teñen comezos moi similares. O feito casualmente produciu un achegamento entre os Estados Unidos de América e a Unión Soviética propiciando un encontro entre o membro do Politburo Volodímir Scherbitski e o Presidente Ronald Reagan.[14] [15]
Problemas de saúde e morte
editarChernenko comezou a fumar aos nove anos[16] e, de adulto, sempre se soubo que era un gran fumador.[17] Moito antes da súa elección como secretario xeral, desenvolvera enfisema e insuficiencia cardíaca no lado dereito. En 1983 estivo tres meses ausente das súas funcións por mor dunha bronquite, pleurese e pneumonía. O historiador John Lewis Gaddis describiuno como "un xeriátrico debilitado tan parecido a un zombi que non pode avaliar os informes de intelixencia, alarmantes ou non" cando sucedera a Andropov en 1984.[18]
A principios de 1984, Chernenko estivo hospitalizado durante máis dun mes pero seguiu traballando enviando notas e cartas ao Politburó. Durante o verán, os seus médicos enviárono a Kislovodsk para os balnearios minerais, pero o día da súa chegada ao resort a saúde de Chernenko deteriorouse e contraeu pneumonía. Chernenko non regresou ao Kremlin ata máis tarde en 1984. Como parte das súas funcións, concedeu Ordes a cosmonautas e escritores na súa oficina, pero non puido camiñar polos corredores e foi conducido nunha cadeira de rodas.
A finais de 1984, Chernenko case non podía abandonar o Hospital Clínico Central, unha instalación moi vixiada no oeste de Moscova, e o Politburó estaba colocando un facsímile da súa sinatura en tódalas cartas, como fixera Chernenko coas de Andrópov cando estaba a morrer. A enfermidade de Chernenko foi recoñecida publicamente, por primeira vez, o 22 de febreiro de 1985 durante un mitin electoral televisado no distrito de Kuibyshev, no nordeste de Moscova, onde o secretario xeral presentouse como candidato ao Soviet Supremo da RSFS rusa. foi alí cando o membro do Politburó, Viktor Grishin, revelou que o secretario xeral estaba ausente de acordo co consello dos médicos.[19] Dous días despois, nunha escena televisada que conmocionou á nación, Grishin arrastrou ao enfermo terminal Chernenko da súa cama do hospital ata unha urna para votar.[20] O 28 de febreiro de 1985, Chernenko apareceu unha vez máis na televisión para recibir as credenciais parlamentarias e leu un breve comunicado sobre a súa vitoria electoral: "a campaña electoral rematou e agora toca levar a cabo as tarefas que nos marcaron os electores e os comunistas que se pronunciaron".[19]
O enfisema e os danos pulmonares e cardíacos asociados empeoraron significativamente para Chernenko nas últimas tres semanas de febreiro de 1985. Segundo o médico xefe do Kremlin, Yevgeny I. Chazov, a causa da morte foi o enfisema[1] mais, Chernenko. tamén desenvolvera tanto hepatite crónica como cirrose hepática.[11] O 10 de marzo ás 15:00, Chernenko caeu en coma e morreu máis tarde esa noite ás 19:20, aos 73 anos. Unha autopsia revelou que a causa da morte foi unha combinación de enfisema crónico, corazón agrandado e danado, insuficiencia cardíaca conxestiva. e cirrose hepática.
Chernenko converteuse no terceiro líder soviético en morrer en menos de tres anos. Ao ser informado no medio da noite da súa morte, o presidente dos Estados Unidos, Ronald Reagan, comentou: "Como vou chegar a acordos cos rusos se eles están a morrer antes que min?".[21]
Funeral
editarFoi homenaxeado cun funeral de estado e foi enterrado na Necrópole do Muro do Kremlin, a honra máis alta que un soviético podía recibir despois da morte, nunha das doce tumbas individuais situadas entre o Mausoleo de Lenin e o muro do Kremlin. Foi a última persoa que foi enterrada alí. Comandado por Gorbachov, o seu funeral foi máis espléndido que o de calquera outro líder soviético, coa excepción de Stalin,[22] que representaba o fin da chamada Era da Estabilidade, que tamén levaría consigo os ideais socialistas dos países de Europa Oriental.
No seu funeral estiveron presentes numerosas delegacións de países socialistas para saudar tamén ao recentemente xurado secretario xeral Mikhail Gorbachev, encabezados por Todor Jivkov de Bulgaria, János Kádár de Hungría, Erich Honecker da Alemaña Oriental, Nicolae Ceausescu de Romanía, Wojciech Jaruzelski de Polonia, Gustav Husák de Checoslovaquia, Raul Castro de Cuba, Babrak Karmal de Afganistán, Kim Il-sung de Corea do Norte, Veselin Đuranović de Iugoslavia, Li Peng da República Popular Chinesa, Daniel Ortega de Nicaragua, José Eduardo dos Santos de Angola e outros, como Cambodia, Laos, Vietnam, Mozambique, Etiopía e o Iemen, xunto cos líderes de partidos e organizacións comunistas estranxeiras.
Tamén estiveron presentes líderes estranxeiros, entre eles Javier Pérez de Cuéllar da ONU, Rajiv Gandhi da India, Yasuhiro Nakasone do Xapón, Agatha Barbara de Malta, Margaret Thatcher do Reino Unido, Brian Mulroney do Canadá, Alessandro Pertini de Italia, Felipe González de España, Iasser Arafat de Palestina, Muhammad Zia-ul-Haq de Paquistán, George HW Bush de Estados Unidos, Helmut Kohl de Alemaña Occidental ou François Mitterrand de Francia, entre outros.[23]
Anunciouse un período de loito de tres días en todo o país.[24][25] India,[26] Iraq,[26] Siria[27] e Nicaragua[28] declararon tres días de loito; Paquistán declarou dous días de loito;[29] Alemaña[30] e Checoslovaquia[31] declararon un día de loito.
O impacto de Chernenko —ou a súa falta— quedou patente na forma en que se relatou a súa morte na prensa soviética. Os xornais soviéticos publicaron noticias sobre a morte de Chernenko e o nomeamento de Gorbachov o mesmo día. Os xornais tiñan o mesmo formato: a páxina 1 informaba da sesión do Comité Central do partido do 11 de marzo que elixiu a Gorbachov e imprimía a biografía do novo líder e unha gran fotografía del; na páxina 2, anunciouse a morte de Chernenko e imprimiuse o seu obituario.
Despois da morte dun líder soviético era habitual que os seus sucesores abrisen a súa caixa forte. Cando Gorbachov abriu a caixa forte de Chernenko, descubriuse que contiña unha pequena carpeta de papeis persoais e varios paquetes grandes de diñeiro; atopáronse máis cartos na súa mesa. Non se sabe de onde conseguira o diñeiro nin para que pretendía usalo.[32]
Vida persoal
editarChernenko tivo un fillo, Albert, nado en 1935 do seu primeiro matrimonio, que se converteu nun destacado teórico xurídico soviético, que trala desaparición da Unión Soviética, converteuse nun militante comunista de base, e morreu o 11 de abril de 2009.[33] Coa súa segunda esposa, Anna Lyubimova (con que casou en 1944), tivo outras dúas fillas, Elena (que traballaba no Instituto de Historia do Partido) e Vera (que traballaba na embaixada soviética en Washington), así como un fillo, Vladimir, que foi editor no Goskino. En 2012 publicáronse documentos e arquivos segundo os cales, Chernenko casara, polo menos, en cinco ocasións e tivera varios fillos, o que puido ser o motivo do estancamento da súa carreira e a estancia en Moldavia durante a década de 1940.[2]
Tiña unha dacha (casa de verán estatal) chamada "Sosnovka-3", en Troitse-Lykovo, na beira de río Moscova.
Premios e honores
editar- Heroe do Traballo Socialista (en tres ocasións: 1976, 1981 e 1984)
- Orde de Lenin (en catro ocasións: 1971, 1976, 1981 e 1984)
- Orde da Bandeira Vermella do Traballo (en tres ocasións: 1949, 1957 e 1965)
- Medalla "Polo Traballo durante a Gran Guerra Patriótica 1941–1945" (1945)
- Medalla Xubileo "En conmemoración do 100 aniversario do nacemento de Vladimir Ilyich Lenin" (1969)
- Medalla Xubileo "30 anos da Vitoria na Gran Guerra Patriótica 1941–1945" (1975)
- Medalla Xubileo "60 anos das Forzas Armadas da URSS" (1978)
- Premio Lenin (1982)
- Premio Estatal da URSS (1982)
- Orde de Karl Marx (Alemaña do Leste)
- Orde de Georgi Dimitrov (Bulgaria)
- Orde de Klement Gottwald (Checoslovaquia)
- Orde de Sukhbaatar (Mongolia)
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Jessup (1998), p. 121
- ↑ 2,0 2,1 Maksimenkov, Leonid (16 de marzo de 2015). "Человек одного года". kommersant.ru (en ruso). Consultado o 19 de abril de 2023.
- ↑ "MIA - Konstantín Chernenko". www.marxists.org; páxina en inglés, castelán, portugués e galego. Consultado o 2022-08-30.
- ↑ "Las reformas de Gorbachov y la disolución en Rusia - Embajada de Rusia". www.embajadaderusia.org (en castelán). Consultado o 2022-08-30.
- ↑ Hough (1997), p. 67
- ↑ De Lama, George (16 de febreiro de 1985). "CHERNENKO TERMINALLY ILL: U.S.". chicagotribune.com (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2023.
- ↑ Saxon, Wolfgang (12 de marzo de 1985). "SUCCESSION IN MOSCOW: SIBERIAN PEASANT WHO WON POWER; KONSTANTIN CHERNENKO, A BREZHNEV PROTEGE, LED BREIF REGIME". nytimes.com (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2023.
- ↑ Redacción (16 de febreiro de 1984). "Briton Thinks Chernenko Is Ill Washington Post Foreign Service". washingtonpost.com (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2023.
- ↑ Parris, Matthew (6 de xuño de 2009). "A shell of a man, propelled by anger and pride". thetimes.co.uk (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2023.
- ↑ Redacción (12 de marzo de 1985). "SUCCESSION IN MOSCOW: A PRIVATE LIFE, AND A MEDICAL CASE; Briton Is Optimistic On Gorbachev Views". nytimes.com (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2023.
- ↑ 11,0 11,1 Altman, Lawrence K. (12 de marzo de 1985). "SUCCESSION IN MOSCOW: A PRIVATE LIFE, AND A MEDICAL CASE; AUTOPSY DISCLOSES SEVERAL DISEASES". The New York Times (en inglés): 19. ISSN 0362-4331. Consultado o 2022-03-13.
- ↑ Edelman, "." ., Robert Simon (2015). "The Russians are not coming! The Soviet withdrawal from the games of the XXIII Olympiad". International Journal of the History of Sport (en inglés) 32 (1): 9–36.
- ↑ "Реабилитация Сталина и другие вещи, которые хотел слелать Черненко" [Rehabilitación de Stalin e outras cousas que Chernenko quería realizar]. dzen.ru (en ruso). 22 de xullo de 2020. Consultado o 23 de abril de 2023.
- ↑ http://historia.abril.com.br/guerra/kbg-capa-guerra-fria-suja-518169.shtml Arquivado 29 de decembro de 2009 en Wayback Machine. Guerra Fria e Suxa
- ↑ http://www.gordon.com.ua/images/doc/scherbic-3-0336c.jpg Arquivado 31 de agosto de 2022 en Wayback Machine. Fotografia - Scherbitski e Reagan encóntranse en Washington, 1984
- ↑ Post (2004), p. 87
- ↑ Burns, John F. (16 de febreiro de 1984). "WORLD ATTENTION TURNS TO CHERNENKO'S HEALTH". nytimes.com (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2023.
- ↑ Gaddis (2005), p. 228
- ↑ 19,0 19,1 Mydans, Seth (1 de marzo de 1985). "A HALTING CHERNENKO IS ON TV AGAIN". nytimes.com (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2023.
- ↑ Volkogonov (1998), Autopsy... p. 72
- ↑ Dowd, Maureen (18 de novembro de 1990). "Where's the Rest of Him?". ytimes.com (en inglés). Consultado o 19 de abril de 2023.
- ↑ YouTube:Konstantin Chernenko Funeral - Part I Procession
- ↑ YouTube: Dignitarios no funeral de Konstantin Chernenko
- ↑ Doder, Dusko (12 de marzo de 1985). "Gorbachev Becomes Soviet Leader Hours After Chernenko Dies at 73". washingtonpost.com (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2023.
- ↑ Tyner, Howard A. (12 de marzo de 1985). "GORBACHEV CHOSEN". chicagotribune.com (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2023.
- ↑ 26,0 26,1 Redacción (12 de marzo de 1985). "East, West Leaders Mourn Chernenko’s Death". latimes.com (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2023.
- ↑ Karsh (1991), pp.163-177
- ↑ Rohter, Larry (23 de marzo de 1985). "SANDINISTA GOVERNMENT VIEWED AS LEFTIST HYBRID". nytimes.com (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2023.
- ↑ Saeed, M. Yousuf (segundo cuatrimestre 1985). Pakistan Institute of International Affairs, ed. "PAKISTAN FOREIGN POLICY—A QUARTERLY SURVEY". Pakistan Horizon 38 (2): 3–18. JSTOR 41393726. Consultado o 24 de abril de 2023.
- ↑ Kaufman, Michael T. (12 de marzo de 1985). "SUCCESSION IN MOSCOW: TRIBUTES FROM ABROAD; MOSCOW'S ALLIES EXTEND CONDOLENCES". nytimes.com (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2023.
- ↑ Šprinc, Radek (14 de abril de 2010). "Státní smutek a Den smutku v české historii" [Loito nacional e Días de loito na historia checa]. chrudimsky.denik.cz (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2023.
- ↑ Volkogonov (1998), The Rise... p. 430
- ↑ "КПРФ в Новосибирске - Новости ; Partido Comunista de Rusia recorda a Albert Chernenko e os grandes feitos del e de seu pai para coa humanidade e Rusia". kprfnsk.ru (en ruso). Consultado o 2022-08-31.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Konstantin Chernenko |
Bibliografía
editar- Gaddis, John Lewis (2005). The Cold War: A New History. Colección: Penguin Books: History (en inglés). Londres: Penguin Press. ISBN 978-1594200625.
- Hough, Jerry F. (1997). Democratization and revolution in the USSR, 1985–1991 (en inglés). Washington D.C.: Brookings Institution Press. ISBN 0-8157-3748-3.
- Jessup, John E. (1998). An Encyclopedic Dictionary of Conflict and Conflict Resolution, 1945-1996 (en inglés). Westport, CT / Londres: Greenwood Press. ISBN 0-313-28112-2.
- Karsh, Efraim (1991). Soviet Policy towards Syria since 1970 (en inglés). Londres: Palgrave Macmillan. ISBN 978-1-349-11484-9. doi:10.1007/978-1-349-11482-5.
- Post, Jerrold M. (2004). Leaders and Their Followers in a Dangerous World: The Psychology of Political Behavior (en inglés). Ithaca, NY / Londres: Cornell University Press. ISBN 0-8014-4169-2.
- Volkogonov, Dmitri (1998). Autopsy for an Empire: The Seven Leaders Who Built the Soviet Regime (en inglés). Nova York: The Free Press. ISBN 0-684-83420-0.
- Volkogonov, Dmitri (1998). The Rise and Fall of the Soviet Empire (en inglés). Nova York: HarperCollins. ISBN 9780006388180.
Ligazóns externas
editarPredecesor: Iuri Andropov |
Secretario Xeral do PCUS 1984-1985 |
Sucesor: Mikhail Gorbachev |
Predecesor: Vasili Kuznetsov |
Presidente do Presidium do Soviet Supremo da URSS 1984-1985 |
Sucesor: Vasili Kuznetsov |