Abrir o menú principal

Heroe do Traballo Socialista

Medalla.

Heroe do Traballo Socialista (en ruso Герой Социалистического Труда, transliterado como Geroi Sotsialisticheskogo Truda) era un título honorífico na Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, a máxima distinción para progresos excepcionais na cultura e economía do país. Creado o 27 de decembro de 1938 por decreto do Presidium do Soviet Supremo, era entregado polo mesmo Presidium a quen tivera contribuído ó desenvolvemento da industria, agricultura, transporte, tecnoloxía e comercio soviéticos, potenciando así o poderío e a gloria da Unión. Só o Presidium podía retirarlle o título a alguén.

Aos heroes do traballo socialista éralles outorgada a Orde de Lenin, unha das máis altas condecoracións outorgadas pola Unión Soviética, así como un diploma do Presidium do Soviet Supremo. Co obxecto de distinguir especialmente os portadores da distinción, o Presidium introduciu a medalla de ouro Fouce e Martelo o 22 de maio de 1940. Pasouse a entregar entón a medalla xunto coa Orde de Lenin e o diploma correspondente. A medalla sempre se leva sen cinta, ó igual que a medalla ó Heroe da Unión Soviética.

Se un heroe do traballo socialista volvía a ser merecedor da distinción, outorgábaselle unha segunda medalla Fouce e Martelo. Adicionalmente, construíase na cidade natal do dobre heroe unha escultura do seu busto en bronce para celebrar a ocasión. Para o 1 de setembro de 1971, 16 245 persoas foran premiadas co título de Heroe do Traballo Socialista. Á súa vez, 105 persoas recibiran dúas ou máis medallas Fouce e Martelo.