Wikipedia:A Taberna (propostas)/Arquivo 19

Este é un arquivo da sección A Taberna (propostas) da Taberna
Nesta páxina atópanse algúns dos fíos de conversa tratados nesta sección da Taberna que foron arquivados.
Por favor, non edites esta páxina. Para reavivar calquera destes debates, comeza un novo tema na páxina actual.
< Conversas vellas | Arquivos: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28, 29, 30, 31, 32, 33, 34

Preparación da portada para o entroidoEditar

Para que non pase o mesmo que co magosto e case pasa co Nadal, sería ben que lle votáramos unha ollada ó artigo entroido para telo listo para a ocasión. Xa lle din unha revisión ortográfica pero os expertos en creación de artigos poderían darlle unha manciña de pintura... ;). Igualmente habería que atopar algunhas fotos axeitadas e para que foran imaxe da semana. Aproveitemos agora que aínda estamos a tempo, que logo veñen as presas. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 14:19, 19 de xaneiro de 2011 (UTC)

AdministraciónEditar

Nova proposta para que o usuario Estevoaei sexa administrador. --Atobar (conversa comigo) 23:03, 2 de febreiro de 2011 (UTC)

Outra vez co modelo dos artigos de concellosEditar

Volvo poñer outro aviso porque xa temos bastante finiquitado o modelo pero como o estivemos cocendo só entre tres ou catro usuarios, e pola súa importancia (afectaría a tódolos artigos de concellos, non só de Galicia senón de toda a Galipedia), gustaríanos que toda a xente posible nos votara unha man para rematalo. Precisamos este modelo para usalo no Wikipedia:Wikiproxecto:Concellos 2011 no que estamos a tentar amañar todo o posible os artigos dos concellos de Galicia de cara ás vindeiras eleccións, e ten présa porque o tempo xa está enriba de nós.

Este modelo está en conversas para a súa creación dende o 17 de febreiro de 2008, mañá fará dous anos, ¿será hora xa de que naza ou haberá outro aborto? ;).

Agora mesmo penso que o modelo ten moi boa pinta, só queda darlle un par de pinceladas (por exemplo, agora a última dúbida é decidir ónde meter o apartado de "Medios de comunicación", en "Cultura" ou en "Economía") para as que precisamos da vosa axuda para que o revisedes e deixedes os vosos comentarios. Animádevos que non morde! ;),. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 13:42, 16 de febreiro de 2011 (UTC)

Cooperación con editoriais galegasEditar

Agora que acabo de comentar o da cooperación coa AELG para o uso de seu fondo de imaxes na Galipedia e tamén o gran traballo de Ramiro Torres e Alfredo Ferreiro para adaptaren os contidos das fichas dos membros da asociación ao formato de aquí, nos seus artigos respectivos [1], acordoume un tema de bastante interese para nós que tiven oportunidade de comentar con Manolo Bragado, vía correo electrónico. Coloco parte do cruce de correos e a partir da súa lectura entendo que deberíamos enviarlle unha carta. O texto é o seguinte:

  • Dixen eu:
(...) quédame pendente, porque non corre présa, comentar contigo unha proposta que me pediron que che trasladase [fora idea do usuario:Estevoaei], eu en calidade de galipedista e ti en calidade de presidente da Asociación Galega de Editores, e que ten que ver coa posibilidade de liberar cunha licenza compatíbel coa wikipedia as imaxes de portadas de libros. A lexislación americana permite o Fair Use, a española non, e por iso mentres que eles pode facer isto[os iso/isto son ligazóns a exemplos] ou isto (refírome a pósters, cubertas etc.) nós temos que deixalo en isto e isto. Este problema podería solucionarse se as editoras galegas outorgasedes un permiso explícito ao estilo do Fair Use, ou mesmo se manifestades por escrito a conformidade de uso desas imaxes na Galipedia. En fin, en realidade díxenche que quedaba pendente pero máis ou menos xa cho expliquei.
  • E respondeu Bragado:
O da Galipedia ten un doado amaño. Estou seguro que non haberá problema para asinar ese protocolo. Prégoche me enviedes unha carta sobre este asunto, en calidade de presidente da AGE. Na Asemblea do mes de marzo poderiamos resolvelo.

Xa logo, entendo que debemos mandarlle en canto sexa posíbel esa carta e se nada tronza xa temos outra boa nova para a galipedia. Saúdos. --Atobar (conversa comigo) 01:36, 18 de febreiro de 2011 (UTC)

Eu creo que se non aproveitamos a ocasión non temos perdón de deus. Tamén creo que a cousa ten fácil amaño. Por unha banda, deberiamos resolver aquí entre todos quen vai ser o interlocutor coa Asociación Galega de Editores (eu propoño a Atobar, por motivos obvios) e nesa nota facemos remisión a esta conversa, se cómpre. Por outro lado resolvemos tamén que tipo/tipos de licencia convén/conveñen máis para estes fins. A nota debería ter, na miña opinión, carácter informativo, explicando que coa simple inclusión dun pé no que se faga mención explícita da licencia correspondente, a imaxe podería ser empregada aquí e nas demais wikipedias. Por último, e para maior facilidade, conviría incluírlles unha ligazón á páxina de Commons (ou a que sexa) na que se explican as condicións de cada licenza. Así que agora a debater e a resolver. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 02:06, 18 de febreiro de 2011 (UTC)

Si que é unha estupenda oportunidade e inédita de todo, case non dou creto ó que leo... Pero isto só será para versións de baixa definición, ¿non?.
O que teñen que ter moi claro son as condicións das imaxes, teñen que permitir obras derivadas e uso comercial..., e non sei se isto lles chistará a tódalas editoriais asocidas á AGE..., pero sería unha bomba!! :). ¿Ou só afectaría ós libros editados pola propia asociación?. Aínda así sería unha gran e importante novidade.
Sobre estes temas eu non controlo moito pero ás veces vexo por commons adiante algo de autorizacións OTRS, ou algo parecido, que creo que está relacionado con isto. Si queredes pregunto outra xente que está máis metida neses asuntos.
Por outra banda xa me amolades, onte que fun por primeira vez a facer os meus pinitos como reporteiro caza-imaxes de escritores para a Galipedia vai quedar como unha anédota sin senso. Alá van ir as miñas imaxes de Francisco Xosé Fernández Naval, Yolanda Castaño, Marica Campo, Xulio Valcárcel, César Morán, e algún mais que non quedou movido (que non, que esta finde a ver si as poño ;). Onte foi unha enchenta vamos!! :). Saúdos, --Elisardojm (conversa) 12:11, 18 de febreiro de 2011 (UTC)
Ola! Obviamente, sería excelente esa cooperación. Non teño nin idea sobre licenzas pero supoño que, ao ser unha Asociación que abrangue a tódalas editoriais galegas (ou á maior parte delas), a licenza sería válida para tódolos libros editados polas editoriais pertencentes á mesma. Non creo que tivesen problema, ao fin e ao cabo é un xeito de daren a coñecer os seus produtos (xa sei que a Wikipedia non ten finalidade publicitaria, pero alguén con mentalidade empresarial ben pode vela como vehículo para tal fin). O que non sei é se habería que engadir unha licenza nova ás xa existentes, porque digo eu que non se lles podería aplicar ningunha das existentes...ou non? Xa vos digo que nisto das licenzas ándovos un pouco peixe... --Paradanta (Cóntame) 14:00, 18 de febreiro de 2011 (UTC)
Si eles ceden os seus dereitos coas condicións dalgunha licencia das que permite Commons non hai problema ningún. Son eles os que teñen que estar dacordo en aceptar as licencias. O maior problema penso que sería que acepten o uso comercial desas imaxes porque é o que máis lle doe ós empresarios, e sin iso non hai posibilidade de estar en Commons (todas as licencias de Commons permiten o uso comercial das obras). O de crear unha nova licencia penso que é imposible, iso depende de varios organismos internacionais como a organización Creative Commons, a Free Software Foundation e creo que tamén a Fundación Wikimedia... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 14:27, 18 de febreiro de 2011 (UTC)
Sería interesante que as fotos se publicaran baixo a mesma licenza que temos os textos da Wikipedia: CC-BY-SA 3.0, xa postos... --Alberte Si, dígame? 14:42, 18 de febreiro de 2011 (UTC)

Eu non sabía que a AELG tiña publicacións propias, nese caso a propia AEGL é quen de decidir cambiar as licencias para calquera das que non serven aquí e en Commons. No caso dos asociados, eles son quen teñen os dereitos sobre as súas obras, de modo que son eles os que teñen que tomar a decisión de publicar as portadas baixo a licencia correspondente, a AEGL non pode tomar esa decisión por eles. O que di Alberte é interesante, pero Commons tamén dá a posibilidade de escoller outros tipos de licenza que se cadra lles conveñen máis ós asociados da AEGL, eles dirán. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 15:12, 18 de febreiro de 2011 (UTC)

Recoñezo a miña ignorancia no tema dos dereitos das imaxes pero se a AGE ao final non permitira obras derivadas nin utilización comercial, non sería posible logo publicalas na Galipedia cunha licenza como esta [2], non se poderían subir a Commons nin a outras wikipedias pero si se poderían usar na Galipedia, ao igual que a wikipedia inglesa utiliza o fair use, que non poden subir a Commons pero si utilizala intenamente. --Cheluco 15:38, 18 de febreiro de 2011 (UTC)
Unha fantástica idea. Aproveito para lembrar que Xabier realizara unha pequena páxina de axuda, Wikipedia:Como doar materiais, que explica o procedemento a seguir. --Toliño Fala aquí comigo 15:50, 18 de febreiro de 2011 (UTC)
  • Creo que estamos falando con profesionais que entenden perfectamente -e teñen medios abondos para sabelo- o que cederían e o que están dispostos a ceder. A disposición favorable parece obvia e eles decidirán ata que punto queren chegar. Así que hai que remitirlles esa páxina de Commons nas que está todo perfectamente explicado e non é interpretación do interlocutor: é a nosa política oficial. E confío en que, nesas condicións, non tería que haber problemas para que marcasen as imaxes das portadas como GFDL (a verdade é que nunca acabei de entender eses matices). E se algunha editorial non está polo labor, que esas portadas queden excluídas. Non lle vexo problema. O certo é que a ocasión é de ouro e podemos saír beneficiados todos. Pero xunto a isto témo-lo problema da falta de definición (formato, procedemento) para ese sistema OTRS que cita Elisardo, e que nos abre a porta a imaxes alleas cuxo autor queira ceder dereitos: todos temos amigos que nos cederían gustosos algunhas das súas fotos para Galipedia e que hoxe por hoxe non podemos utilizar a falta de cómo acredita-la cesión de dereitos. Este tema tocouse xa moitas veces sen que o teñamos resolto, e xa vai sendo tempo. Urxe, xa que logo, que Atobar -por se-lo proposto- explique á AELG o que queremos, as condicións que tería a cesión que necesitamos e que a Galipedia enteire lles estaría eternamente agradecidos. E que alguén -¿Alberte, Toliño?- busque a fórmula para poñer en marcha esa segunda autorización OTRS. Sen présa pero sen pausa. Creo que hoxe pode ser un gran día Galipedia. Outro día temos que recuncar noutro tema non resolto: ¿pódese escanear e subir unha foto, debuxo, etc, dun autor morto hai máis de 70 anos pero do que, obviamente, non temos orixinal senón unha reprodución, facsímile, reedición, etc? ¿Os 70 anos da morte é condición suficiente ou non? Pedro --Lameiro (conversa) 15:54, 18 de febreiro de 2011 (UTC)
Unha cousiña, porque vexo que Xoacas fala da AEGL, que non existe, e pode dar pé a confusións: por un lado está a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e polo outro a AGE (Asociación Galega de Editores). Apuntado isto e como eu de licenzas non entendo, debatámolo tan a fondo como sexa posíbel, redactade esa carta que comentabamos quen mellor coñecedes o asunto, e eu comprométome a pasarlla a Bragado. --Atobar (conversa comigo) 15:58, 18 de febreiro de 2011 (UTC)

En Términos de uso (non hai versión en galego) están explicados os termos baixo os cales se publica calquera contido en calquera dos proxectos Wikimedia. Concretamente "cualquier texto del que usted detente los derechos de autor, y que publique, acepta licenciarlo bajo la Creative Commons Attribution/Share-Alike License 3.0 (Unported). Por razones de compatibilidad, también deberá licenciarlo bajo la GNU Free Documentation License (sin versión, sin secciones invariables, textos de cubierta o de contra cubierta). (...) las licencias sí permiten usos comerciales de sus contribuciones, siempre y cuando los usos que se les den sean de acuerdo a los términos de uso de la licencia respectiva. (...) Los archivos multimedia que no incluyan texto, son licenciados bajo una variedad de licencias que apoyan la meta de permitir acceso, redistribución y reutilización libre. Los requerimientos para tales licencias se encuentran en la política de licenciamiento de la Fundación Wikimedia". Esta uniformidade de criterios en todos os proxectos ten sentido de cara ó exterior: se estás dicindo que todo o material que emprega a wikipedia pode ser empregado pódense crear situacións conflitivas cando alguén use material suxeito a unha licencia excepcional, de modo que a proposta de Cheluco non é viable. O que di Lameiro é o máis sensato ó meu modo de ver: que decida outro. As licencias que contempla Commons son as que son, que a AELG (perdón pola confusión de siglas) escolla entre as que máis lle conveñen. E para rematar: o tema da reprodución dun facsímile xa o tratamos hai non moito, polo que eu deducín da lectura da lei de propiedade intelectual, o simple escaneado (refírome a un facsímile) non xenera dereitos no autor, de modo que o prazo que conta é o da morte do autor do orixinal. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 16:14, 18 de febreiro de 2011 (UTC)

Xoacas xa aclarou moi ben varios puntos dos comentarios, pero para tratar de centar un pouco as ideas habería que aclarar primeiro qué imaxes se van a ceder e quen ten os dereitos desas imaxes. ¿Que me contas disto Atobar?.
Por outra banda propoño, si vos parece ben, que na carta lle ofrezamos á asociación, si lle interesara, facer unha presentación do tema na súa asamblea para aclararlles as dúbidas que podan ter.
Por certo, Xoacas creo que tamén ten razón no dos facsímile pero estou recollendo e traducindo información de Commons e cando a teña xa vola comentarei. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 16:28, 18 de febreiro de 2011 (UTC)
  • Elisardo, eu o que che conto é o que xa expuxen aí arriba, porque non hai máis. Para o caso da AGE, entendo que non debemos facer unha exposición pormenorizada das distintas posibilidades senón unha carta moi concreta explicando cal cremos que é a maneira acaída para que nos poidan ceder as cubertas de libros e as imaxes dos autores, que de aí eles o debatan e que acepten. Todo o demais, é dicir, o que se discuta aquí sobre como usar unha licenza ou outra, pois é un tema de aquí e non para andar a enlear con el fóra. --Atobar (conversa comigo) 11:12, 19 de febreiro de 2011 (UTC)
Un detalle, as imaxes que se liberarían ¿están en poder da AGE ou son dos seus asociados?. Porque si son da AGE, ela decide o que facer con elas e sería bastante doado poñerse dacordo con eles, pero si son de cada asociado, cada un tomará a súa propia decisión e habería que tratar de forma individual con eles. O que quero saber é, neste tema a AGE, ¿ten ela as fotos para liberar ou só quere informar ós seus asociados desta posibilidade?. É para saber mellor cómo enfocar un pouco a carta. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 02:25, 20 de febreiro de 2011 (UTC)

¬¬ Elisardo, rei, iso xa o dixen eu máis arriba. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 02:32, 20 de febreiro de 2011 (UTC)

Boeno eu creo que me liei un pouco con isto pero co que entendín fixen un esquema para a carta. Votádelle un vistazo a ver si vale e todo o que quera pode meterlle man a gusto. Haberá que andar lixeiros con isto xa que si teñen a asamblea en marzo o tempo non sobra...

Sobre o de proporlles na carta unha charla sobre o tema das licenzas non dixéchedes nada, eu podería contactar con un rapaz que ten bastantes coñecementos sobre o tema e que, si está libre, podería facela co apoio dos que queramos participar (a única pega é que non fala galego). Vós diredes. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 09:48, 24 de febreiro de 2011 (UTC)

(Lanzo a pedra pero escondo a man, que non vou ter moito tempo e dispoñibilidade): Quizais o que deberiamos ofrecer é alguén que os axude a subir as imaxes; Organizármonos entre varias persoas (un axuda a Xerais, outra persoa a Galaxia, outra a Cumio...) e ir subindo con criterio (primeiro imaxes de autores d@s que aínda non temos foto, despois capas de libros que teñen artigo...).
Paréceme bastante ben redactada a carta da subpáxina de Elisardo.
Teño curiosidade por saber o que se falará na asemblea de editoriais. Cabe a posibilidade de que algunhas se presten e outras non :/ A ver que pasa. --Estevo(aei)pa o que queiras... 11:40, 24 de febreiro de 2011 (UTC)

  • Modifiquei o texto de Xoacas na páxina de conversa da carta de Elisardo. --Atobar (conversa comigo) 12:11, 24 de febreiro de 2011 (UTC)
Pasei os cambios de Atobar á páxina principal cuns arranxiños. Por outra banda penso que será mellor que modifiquedes directamente a páxina principal para ter un sitio centralizado. É que a versión da páxina de conversa non coincide coa da páxina principal e revisar as modificacións e comparalas en dúas páxinas ó mesmo tempo é un lío.
Sobre a proposta de Estevoaei estou dacordo e asumo que está implícito na carta, pero pode facerse máis explícito ou comentarse os detalles máis adiante en caso de que se acepte. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 13:07, 24 de febreiro de 2011 (UTC)

E isto, como vai?. Xa se mandou a carta?, aínda hai que revisala máis?... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 17:18, 2 de marzo de 2011 (UTC)

Como finalmente saia adiante a proposta vou quedar contentísimo. --Estevo(aei)pa o que queiras... 19:02, 2 de marzo de 2011 (UTC)
Moi ben, a ver o que nos contan :). Sobre o de OTRS acabo de atopar esta información en wp:es: es:Wikipedia:OTRS. Poño a ligazón por si fai falta no futuro pero ó mellor xa podiamos ir facendo a tradución. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 12:56, 4 de marzo de 2011 (UTC)
  • Resposta de Manuel Bragado o 11 de abril de 2011
Enviei un correo a todos os membros recomendando a vosa proposta. Agardo que cunda efecto.
E un correo desta mañá ao meu enderezo por parte de Raquel López, de Ouvirmos:
Son Raquel López de Ouvirmos. Recibimos unha comunicación de Manuel Bragado comentándonos a vosa solicitude para poder publicar as nosas imaxes na Galipedia. Por nós, non hai ningún problema, podedes utilizar o que querades. Non sei se é preciso que indiquemos algo sobre o tema das licenzas na nosa web, espero que nos poidas asesorar tamén ao respecto.

Isto é o que hai polo momento. Vós me diredes que lle digo sobre as licenzas. Supoño que o mellor é que engadan no fondo da páxina un botón de creative commons indicando que todas as imaxes contan cunha licenza deste tipo. Vale con iso? --Atobar (conversa comigo) 11:08, 12 de abril de 2011 (UTC)

A solución do botón sería a ideal, equivalería ó que pasa con Flickr, que a carón de cada foto ten una iconiña coa licenza baixo a cal está publicada. Dese modo non hai máis que remitir á páxina onde está a foto para que a licenza sexa comprobable. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 11:49, 12 de abril de 2011 (UTC)

É unha boa nova! :). Agora que habería que concretar un pouco, ¿que imaxes queren liberar?. Si queren liberar só as imaxes que teñan publicadas na web a solución do botón sería sinxela, si as queren liberar todas, claro.
Pero si queren ir máis aló e liberar, por exemplo, imaxes das portadas dos libros que editan, non abondaría con iso. No segundo caso habería que facelo co sistema do OTRS. Con ese sistema poderían liberar os dereitos das imaxes ou escaneos que se fagan das súas portadas, só con baixa resolución se o queren así (dicindo que só se permiten as imaxes tal x cal). Pódeselles comentar tamén a ver o que lles parece. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22:23, 12 de abril de 2011 (UTC)

P.D. Por certo, aqui teñen iconas para poñer na web ;), e logo a imaxe que escollan poden ligala coa páxina que puxeches ti Atobar.

CambRedEditar

Os vindeiros 18, 19 e 20 de marzo celébrase a CambRed. É unha party informática no concello de Cambre, ó lado de Coruña. Estiven pensando que alí xa teñen local, publicidade, ordenatas, conexión a internete e xente, xa teñen todo o que precisamos para facer un pequeno acto da Galipedia..., ¿que tal si lles propoñemos facer un taller de edición?.

Non sei si xa terán tódalas actividades organizadas pero penso que non terán moito problema con isto, só teñen que darnos un horario e como iso funciona con varias actividades en paralelo poden poñernos onde queran. Logo a xente vai participando nas actividades que máis lles interesan.

Penso que sería unha boa oportunidade de promocionar o proxecto e no que se podería conseguir achegar algún novo galipedista...

Eu meteríame neste tinglado si lle interesara a alguén máis, porque penso que sería unha boa oportunidade de achegar o proxecto a xente nova que seguramente está a usalo e que podería interesarse un pouquiño por el. Xa me contaredes. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 01:34, 28 de febreiro de 2011 (UTC)

Eu apúntome. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 01:42, 28 de febreiro de 2011 (UTC)
Mola! :). O que habería que facer primeiro é poñerse en contacto con eles a ver si lles interesa. ¿Que tal algo así?:
Asunto proposta de taller de edición da Galipedia:
Boas, somos un grupo de usuarios da Galipedia aos que nos gustaría propor un taller para a vosa party. O taller consiste nunha pequena introdución á Galipedia e a distintas prácticas de edición para que os interesados adquiran os coñecementos básicos cos que poder colaborar neste proxecto. Sería impartido por usuarios expertos que explicarían o funcionamento da Galipedia, resolverían as dúbidas que tivesen os asistentes e axudaríanlles a facer as súas primeiras colaboracións.
Esperamos que esta actividade sexa do voso interese e se tedes calquera dúbida podedes contactar con nós.
Saúdos
¿Poñemos algo máis?. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 10:20, 28 de febreiro de 2011 (UTC)

A min paréceme estupendo como primeira toma de contacto. Haberá que mandárllelo e esperar a que se manifesten. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 11:25, 28 de febreiro de 2011 (UTC)

  Feito!. --Elisardojm (conversa) 11:39, 28 de febreiro de 2011 (UTC)
E xa temos resposta!:
Ola, por nós non hay ningún problema en que impartades o taller, nos parece unha boa idea.
Este tipo de cousas as soemos facer o sábado pola tarde, de tódolos xeitos nos adaptaríamos ó voso horario.
cales son as condicións para impartir o taller?
qué precisades?
saúdos
(Omito datos de contacto). ¿Que lle contamos agora? :). Saúdos, --Elisardojm (conversa) 14:04, 28 de febreiro de 2011 (UTC)
Eu penso que se tiveran un proxector para conectar ó portátil para que a xente pudera ver o que imos facendo xa tiñamos máis que de abondo. Total internete xa van ter, e mesas e sillas digo eu que tamén. ¿Fará falta algo máis?.
A min o sábado pola tarde váleme ben... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 00:39, 1 de marzo de 2011 (UTC)

Pois si, fará falta que nos vexamos antes ti e máis eu para ver que é o que lles contamos a estas xentes. O venres? Xoacas(ti si que es lindo, ho) 00:52, 1 de marzo de 2011 (UTC)

¿Mándolles xa un correo co do proxector e que podemos ir o sábado?. ¿Ou espero a que falemos?.
¿Este venres?. Os venres véñenme mal, tería que ser outro día... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 01:06, 1 de marzo de 2011 (UTC)

Manda, manda. Propón ti o día, venme ben calquera día a última hora, salvo mañá. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 01:13, 1 de marzo de 2011 (UTC)

Acabo de mandar o correo. Eu estou libre hoxe, mércores :), e o xoves, sempre a última hora. A min váleme calquera dos dous días. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 23:43, 1 de marzo de 2011 (UTC)
Xa me responderon:
Boas, entón cando fagamos o horario da party contamos con vos para o sabado a tarde. Cando poidades enviadenos un logo da vosa asociación para poder poñeros na web como colaboradores.
¿Que lles dicimos?, ¿que non temos asociación?. ¿Poderían usar algún logo da Galipedia?. Penso que non porque eses logos deben ter todos copyright... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 13:17, 2 de marzo de 2011 (UTC)

É certo, teñen copyright, pero podemos usar un dos logos do décimo aniversario, por exemplo o da dereita, que ten licenza Creative Commons CC-BY-SA-3.0. Ou ben que os da party usen o logo da Galipedia, baixo a súa responsabilidade (ninguén vai vir desde Florida a darlles un tirón de orellas), como xa se fixo o día que montaches ti o de Culleredo. Isto no vai ser a Wikipedia, podemos piratear un pouco. Iso si, haberá que tranquilizar un pouco ós de WM-ES, que ultimamente andan un pouco revolucionados co das licenzas. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 13:34, 2 de marzo de 2011 (UTC)

Vale. E ó final, ¿cándo falamos?. ¿Hoxe ou mañá?. Ti dirás... Saúdos, --Elisardojm (conversa) 17:16, 2 de marzo de 2011 (UTC)
Xa lles mandei o correo ós de CambRed.
Outra cousa, este taller vai ser o sábado 19 pola tarde así que os que podan, e queran, poderían estar un pouco pendentes dos novos usuarios para axudalos co que podan. Graciñas e un saúdo, --Elisardojm (conversa) 02:37, 6 de marzo de 2011 (UTC)

Pois aínda non sei a hora na que se vai facer este evento da CambRed, pero polo menos polo momento a Galipedia xa sae na súa páxina web como entidade colaboradora :). E o que acabo de ver nesa mesma webe é que teñen unha canle para retransmitir en directo a party, iso si, non teño nin idea do que van votar aí, pero é ben curioso!.

Por si estes temas lle interesaran a alguén, aviso de que xa está programada a Xuventude Galicia Net deste ano, a party que organiza a Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, e que será entre o 15 e o 17 de abril. Si se xuntan dúas ou tres persoas interesadas en organizar algunha actividade podería presentarse á organización para ver si lles interesa.

Estes meses estou traballando en todos estes eventos fóra da rede porque penso que é moi necesario para o proxecto, xa que si se quere que isto vaia adiante creo que é importante que se nos achegue toda a xente que sexa posible. Unha persoa sola non pode facer unha enciclopedia destas características, nin cinco, nin dez..., fai falta moita xente interesada, e si non veñen eles pois haberá que ir buscalos... :)

Eu estou rematando unha presentación para o do CambRed, que é unha revisión da que adaptei para o evento de Culleredo, e que tentarei de poñer accesible nalgún lado para todo o mundo. É bastante básica pero podería servir de base para outras actividades que se queran facer. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 23:01, 17 de marzo de 2011 (UTC)

Boeno, vou agora mesmo para a CambRed, a ver que tal sae todo. --Elisardojm (conversa) 15:26, 19 de marzo de 2011 (UTC)
Ó final onte asistiron 6 persoas e déronse de alta dous deles. Pero había algún que xa controlaba bastante. Vou buscar algún sitio para poñer a presentación por si alguén quere votarlle un vistazo. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 23:49, 20 de marzo de 2011 (UTC)

Deixei a presentación en meta por si lle valera a alguén. Aínda hai que pulila un pouco máis pero pode valer de base ou para coller ideas. Orixinalmente está en formato ODP pero non fun capaz de grabala en meta, si alguén a quere nese formato só ten que avisar. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 00:51, 22 de marzo de 2011 (UTC)

Outra volta de porca, Wiki Loves MonumentsEditar

Boas dende Commons estase a organizar un novo proxecto, Wiki Loves Monuments.

O pasado ano WM-NL (Capítulo neerlandés de Wikimedia), no marco dun proxecto para a Wikipedia en neerlandés, organizou un concurso fotográfico para obter fotografías dos monumentos dos Países Baixos. Este ano decidiron ampliar o concurso a toda Europa. Así, púxose en marcha o proxecto Wiki Loves Monuments 2011, co que se pretende conseguir fotografías para tódolos monumentos de Europa. Aínda que este proxecto inicialmente está centrado en Commons, está claro que os seus froitos irán para tódalas wikis. Ó mesmo tempo este proxecto necesita ás wikis para definir os seus obxectivos e conseguir información deles.

Wikimedia España, como o resto de capítulos participantes, colabora coordinando o concurso para España e comezouse facendo algunhas listas en Commons e outras wikis. A elaboración destas listas é necesaria para saber que monumentos participan no concurso. O que se decideu, para acotar un pouco o ámbito, foi centrarse únicamente nos obxectos declarados BIC que tivesen a categoría de monumento. O proxecto utiliza as listas de monumentos, e os artigos sobre eles, que xa haxa nas wikis. Eu comecei aquí coa Lista de monumentos da provincia de Pontevedra, cando estén as listas de Galicia traerei as do resto de comunidades cando estén listas para completar a nosa información.

A información máis detallada está en Commons, en Commons:Wiki Loves Monuments 2011. Podedes ver exemplos de listas como ca:Llista de monuments de la Plana Baixa ou fr:Liste des monuments historiques de l'Ain.

Todos os que estén interesados poden sumarse a esta iniciativa, creando información dos monumentos ou colaborando coa organización do proxecto.

Esta é a fase inicial do concurso e aínda hai bastantes cousas por organizar pero tamén hai tempo, as fotos participantes serán as que se suban a Commons entre o 1 e o 30 de setembro. Si alguén precisa máis información que non dubide en comentalo. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 23:30, 28 de febreiro de 2011 (UTC)

Boas, abreuse unha consulta en Commons para crear un novo logotipo para o proxecto WLM. Os que queran achegar novas propostas poden poñelas aquí e os que queran facer comentarios ou votar tamén. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 12:26, 31 de marzo de 2011 (UTC)

Concurso de ideas para campaña de captación de editoras.Editar

Ola, xente! Un dos temas que se tocaron no último encontro en Pontevedra foi a escasísima implicación de mulleres no proxecto da Galipedia. Isto deixa á Galipedia un pouco orfa, polo que se me ocorreu propoñer un concurso de ideas para o deseño dunha campaña destinada a captar editoras que desexen contribuír á Galipedia.

Os que teñan ideas para a devandita campaña que as vaian propoñendo aquí e entre todos escolleremos a que nos pareza mellor. Pode ser algunha frase que se inclúa na parte superior de cada páxina (ao xeito das que houbo durante a campaña do aniversario e que creo que elaborou Toliño) ou a organización dalgún tipo de evento (como os que organizou Elisardojm) co propósito de animar ás mulleres a colaboraren.

Que vos parece? Saúdos! --Paradanta (Cóntame) 08:25, 23 de abril de 2011 (UTC)

  • Efectivamente, a presenza habitual de mulleres na Galipedia é unha das nosas asignaturas pendentes. Calquera cousa que se poida facer para estimula-la súa implicación no proxecto será boa. Temos que exprimi-la cabesiña a ver se o conseguimos. Pedro --Lameiro (conversa) 09:31, 23 de abril de 2011 (UTC)

Nacido e nadoEditar

Como non vía que houbera unha Taberna como no Galizionario, plantexei esta cuestión na miña páxina de conversa. Pero de contado me avisaron de que si a había, o que agradezo moito, e copio aquí a miña proposta.

Xa sei que algunhas das normas da Galipedia son un tanto peculiares (por no dicilo doutra maneira). Quixera referirme a un caso, que non sei se se contempla nas normas, que é aparente teima de usar, no cabezallo das biografías, sempre, o termo nado, participio irregular do verbo nacer, e nunca (agás nalgunhas cuxa 1ª edición redactei eu) o seu sinónimo nacido, que é o participio regular do antedito verbo. A primeira vista paréceme un caso de diferencialismo (con respecto ao castelán) que, pola súa insistencia, case cae no hiperenxebrismo (no sentido de que, ao parecer, en galego normativo non existe o participio nacido).

Pero existe. Como mostra, uns exemplos tirados do Galizionario (que se rexe polas mesmas normas lingüísticas ca Galipedia):

Cando se busca nado, palabra non rexistrada, dase como páxina onde se encontra esa voz só en:

  • abortivo (...) Nado antes de tempo. (...)

En cambio, se buscamos nacido, atopamos:

  • bastardo (...) nacido fóra de matrimonio. (...)
  • merengue (...) Nacido en República Dominicana, onde máis se escoita a súa característica melodía, acompañada pola tambora (tambor de dous parches), a (...)
  • funk (...) Nacido como unha evolución dalgúns elementos do soul, hard rock e o jazz anteriores, o funk consolidouse como un estilo propio e (...)
  • technologie (así, en francés) (...) τέχνη téchnè ("arte", "industria", "habilidade") e o sufixo -"logie" nacido, el tamén de grego antigo λóγος , logos ("palabra", "discurso") (...)

Vós diredes. Un cordial saúdo. ----Xoio (fálame) 20:01, 25 de abril de 2011 (UTC)

  • Segundo o VOLGA ambos os dous termos existen, o que mo vén corroborando o Dicionario Xerais de Sinónimos e Antónimos (2007) de Xerais, que os presenta coma sinónimos. Xa que logo, debe prevalecer a opción escollida polo primeiro editor, polo que se este usa unha desas opcións a primeira vez que edita o artigo esa forma é a que debe permanecer. Son relativamente novo na Galipedia (levo un ano e tres meses) mais supoño que a insistencia no emprego da forma nado será unha simple cuestión de costume. Saúdos, Xoio. --Paradanta (Cóntame) 20:34, 25 de abril de 2011 (UTC)
Facer notar que, ó ser este un soporte dixital, a elección dunha soa das formas simplifica a busca de información, coma efemérides, por exemplo [4]--. HombreDHojalata.conversa 20:40, 25 de abril de 2011 (UTC)
Discrepo sobre que as normas da Galipedia sexan un tanto particulares (son da opinión que son cada vez máis completas e marcadamente permisivas e limpas; basta ir dar unha volta polas wikis veciñas para comprobalo). En todo caso, subxectividade á marxe, o que está claro é que son as que nos demos e saíron todas e cada unha dos consensos aos que os galipedistas chegaron e chegamos en 7 anos de existencia. Canto da validez de nado, é total. Con todo o respecto para o Galizionario, non é -hoxe cando menos- unha referencia válida. Si o é o VOLGa. O cabezallo é moito máis claro se ten un formato concreto, e precisamente este tema da introdución das biografías xa se discutiu. Pensouse se poñer Fulano (Caracas, 1879-1943, Cedeira) foi un carpinteiro, Fulano (1879-1943) foi un carpinteiro venezolano e moitas outras fórmulas, e optouse por Fulano, nado en Caracas en 1879 e finado en Cedeira en 1943, foi un carpinteiro venezolano. É tan simple coma iso, e a min paréceme unha fórmula perfectamente válida. Sóame mesmo que o temos oficializado por algures, non sei se no libro de estilo, na guía, nalgunha norma... Sería cousas de o pescudar. Un segundo argumento é o que expón HombreDHojalata, de carácter práctico. Fóra do cabezallo, como é costume desta wiki, respéctase a opción do editor, se é nacido queda nacido e se é nado é nado. Conclusión: non lle vexo ningún problema, ao contrario. --Atobar (conversa comigo) 22:37, 25 de abril de 2011 (UTC)


  • Ola a todos, e moitas grazas polas vosas respostas. Con todo, quizais non me expliquei ben, a abusei da miña retranca. A cuestión é máis gramatical ca unha crítica ás normas de Galipedia que, co debido respecto ao amigo Atobar (e á normas que, como usuario, acato), serán as que no seu día vos deches e estarán superconsensuadas, cousa que non dubido o máis mínimo, pero non por iso deixan de seren peculiares (no sentido de 'particulares').
  • Naturalmente que tanto nado como nacido existen, amigo Paradanta; eu non dixen iso, senón que parecía que non existían para a Galipedia. Para sabermos iso non temos que ir ao VOLG, basta con ter uns mínimos coñecementos de gramática. Porque, ademáis, o VOLG só serve para comprobar se tal ou cal termo é normativo (dentro do corpus que abrangue, aque aínda é bastante insuficiente), pero que non informan (nin é esa a súa misión), sobre particularidades gramaticais. Eu, que son castelán falante nativo e que, pola miña idade, non tiven a sorte de ser esclolarizado en galego (polo menos en parte), e que tiven que aprender o noso idioma pola miña conta, aos 16 anos, polo procedemento de escoitar á xente, ler a Cunqueiro e manexar o dicionario de don Eladio, e aínda que son "de ciencias", presumo, inmodestamente, de ter eses coñecementos mínimos.
  • Como dixen na presentación deste asunto a debater, nacido e nado son paricipios, regular e irregular, respectivamente, do verbo nacer. E sabido é (ou debería selo) que o participio irregular, en galego, só se pode usar (e non obrigatorioamente, digo: se pode usar) cando se emprega con valor de adxectivo. Por exemplo, dise "uha bolsa de patacas fritas", e non "una bolsa de patacas fritidas"; pero tamén se pode dic ir, indistintamente, "o neno ten as pernas tortas" ou "o neno ten as pernas torcidas". Nótese que, nos dous casos, o participio úsuase como adxectivo.
  • Hai outras formas, correctas desde o punto de vista gramatical, de referirse á circunstacia do nacemento de alguén, ou dalgunha cousa. Por exemplo, xa que dita circunstancia aconteceu nun pasado, usar o pretérito: Rosalía naceu no hospital de Santiago; ou utlizar o presente (cun sentido de pasado), menos recomendábel, pero admitido: Rosalía nace en Santiago. Pero é gramaticalmente incorrecto dicir Rosalía, nada en Santiago (mesmo parece indicar, literalmente, que Rosalía se baña no Sar —no Sarela non se pode nadar—). De calquera xeito, nunha publicación seria, como é a Galipedia, debemos ser escrupulosos no manexo da lingua, e usar unha linguaxe o máis pulida posíbel (onte mesmo corrixín un pé de foto no que se dicía que o edificio que se retrataba, despois da morte do seu primeiro director, foi nomeado co nome de aquel, no canto de denominado —dar un nome—).
  • Amigo HombreDHojalata, xa sei que Galipedia é un soporte dixital, faltaría máis. Pero ese problema que dis podería resolverse doadamente facendo máis uso do modelo #REDIRECT. E así non habería tantos problemas como hai agora, e como tiven eu en varias ocasións, a última, onte, cando ao comprobar que non había biografía de Odón Abad Flores e comezar a redactala, por outra incidencia vin que si estaba a de Odón Luís Abad Flores; custáballe tanto ao redactor da 1ª edición poñer un REDIRECT a Odón Abad Flores, ou mesmo a Odón E. Luís Abad Flores? Penso que debemos facilitar ao máximo a navegación pola Galipedia porque, como ben dixeches, é un soporte dixital, non que non se poden consultar índices alfabéticos.
  • Volvendo ao das normas da Galipedia. Éche ben curioso, amigo Atobar, que ou pensar na introdución das biografías barallásedes as fórmulas Fulano (Caracas, 1879-1943, Cedeira) foi... (que non me extraña que a desbotásedes por incorrecta: debería ser Fulano (Caracas, 1879 - Cedeira, 1943) foi..., Fulano (1879-1943) foi... "e moitas outras fórmulas", e que se optara por Fulano, nado en Caracas en 1879... e non incluíras, entre os exemplos rexeitados, Fulano, nacido en Caracas en 1879.... Se cadra, estaba incluída nas "moitas outras fórmulas" (pero é significacivo que a esqueceras).
  • Finalmente. Pido desculpas pola extensíón das miñas explicacións. Será que teño pouca capacidade de síntese. Son un novato nisto —a pesar da miña lonxeva idade—, non levo nin seis meses de wikipedista, pero a miña intención é a de colaborar co mellor ánimo na edición de datos "certos", "fiábeis" e expresados coa maior pulcritude posíbel, a pesar dos meus moitos erros, e de achegar o meu pequeno gran de area a este magnífico proxecto. E unha despedida especial para Atobar. Grazas especiais para ti, polo moito que me axudas nos meus problemas de principiante, polo tempo que che fago perder no teu traballo e polo moito que te molestas comigo (ollo!, no sentido de "ocuparte de min", non quero máis malentendidos). --Xoio (fálame) 14:28, 26 de abril de 2011 (UTC)
Xoio, eu encantado de axudar no que poida, e que discrepe contigo neste punto non significa que non poña en valor as túas valiosas achegas. Ben, paso directamente ao tema de nacido/nado: son perfectamente válidas as dúas formas. E non hai un mal emprego dun, como apuntas. Do latín nascere temos o participio natum>nado, co mesmo valor ca o regular nacido. Non se trata de nada que raie co hiperenxebrismo, nin dun problema de diferencialismo (repara na forma italiana, por mencionar unha lingua familiar). Non hai ningún problema en usalo como o usamos. Unha referencia válida pódela atopar nas acepcións que figuran para ambas dúas formas no Gran Dicionario Xerais (2009). E insisto: ponse nado no cabezallo por unha cuestión de estética, de claridade e de utilidade, mais fóra desta intro cómuns ás biografías, uns se decantaran por nado e outros por nacido, e a opción que escolla o primeiro editor será a que quede. Na Galipedia non hai preferencias alén das que marquen as gramáticas universitarias, o ILG a RAG. Non hai moito máis ca iso. Por certo, os verbos cómpre poñelos en pasado; Rosalía marcha a tal sitio e ten tanto fillos en tal outro sería outra fórmula, pero non a da Galipedia (e penso que tampouco a do resto de wikipedias -véxase o libro de estilo-). Un saúdo e a seguir contribuíndo, que o proxecto xa ves que paga a pena e que nos fai aprender a todos, teñamos 80 ou 18 anos. --Atobar (conversa comigo) 14:53, 26 de abril de 2011 (UTC)

Eu son, digamos, de ciencias, e non podo saber quen leva a razón como non sexa vendo cal dos razoamentos me parece máis coherente, pero neste caso so dous semellan igualmente sólidos, de modo que me limitarei a expoñer as miñas dúbidas:

  • Xoio: dis que "o participio irregular só se pode usar cando se emprega con valor de adxectivo". Por que motivo un participio non se pode usar con valor de participio? Parece contraditorio falar de participio cando só pode ser adxectivo.
  • De novo Xoio: dis que che parece "un caso de diferencialismo [co castelán] que, pola súa insistencia, case cae no hiperenxebrismo". Non se podería dicir, no caso contrario, que estamos caendo no mimetismo co castelán?

Xoacas(ti si que es lindo, ho) 14:58, 26 de abril de 2011 (UTC)


  • Atobar, se nou houber discrepancias habería que inventalas, para favorecer a discusión e, a fin de contas, aumentar os coñecementos. Eu si que creo que, no caso dos praticipios dos verbos que os teñen regular e irregular non son exactamente intercambiábeis. Dis que na Galipedia non hai preferencias alén das que marquen as gramáticas universitarias, o ILG e a RAG. Non sei se estes dous exemplos que vou poñer son de gramáticas o suficientemente universitarias; os seus autores, son profesores universitarios na materia:
  • Di Rosario Álvarez (por certo, directora do ILG) et alii en Gramática galega, Galaxia, Biblioteca Básica da Cultura Galega, 1986, páx. 401:
"Sen embargo, nun importante número de verbos, ó lado do participio regular, existe un adxectivo cun significado e uso próximo ó del (...) Como o participio é en si mesmo fundamentalmente un adxectivo, os límites entre os usos verbais e adxectivais destas formas están desdebuxados, e varían caso por caso e falantre por falante, dependendo do seu propio sentimento lingüístico. De tódolos xeitos, o máis xeral é o emprego das formas regulares como elemento auxiliado nas perífrases verbais, frente ó uso das outras formas como atributo nas construccións como ser e estar, como complemento predicativo, e como adxacente dun nome. (...)
  • Como non son de letras, o último parágrafo non entendín moi ben, pero o que eu quero dicir penso que está máis claro na gramática de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Gramática da lingua galega. II. Morfosintaxe, A Nosa Terra, 2000, páx. 429:
"Hai, ademais, un número importante de verbos de uso común que apresenta dous participios, un regular e outro irregular, tendo normalmente o primeiro función verbal e o segundo función adxectiva. (Unha vez limpada a habitación, entrou / A habitación está limpa):
Fai noite pecha no local escuro cheo polo bafo do viño que ferve agurgullante. (Ramón Otero Pedrayo, A lagarada, Nós, A Cruña, 1928)."
  • É dicir, no caso de verbos con participios regulares e irregulares ten normalmente o primeiro función verbal e o segundo función adxectiva. Logo nado, normalmente, só se debe usar como adxectivo, e non como participio. Por exemplo en frases do tipo: Ao neno, apenas nado, levárono ao hospicio. En cambio: O neno nacido prematuramente pasou á incubadora.
  • Xoacas, efectivamente dixen iso, como case di Freixeiro Mato (el di normalmente). O que non dixen foi que o participio non se puidera usar como participio. Onde viches iso?
Canto ao diferencialismo (e máis o hiperenxebrismo) foron "excesos verbais" para dar maior énfase ao meu argumento. E, en todo caso, usar nacido forma absolutamente válida no galego, non me parece calco do castelán, aínda que coincidan (por iso falara de diferencialismo).--Xoio (fálame) 19:55, 26 de abril de 2011 (UTC)

Miniproxecto "Día das Letras Galegas" 2011Editar

O artigo do protagonista do Día das Letras Galegas 2011, Lois Pereiro, ten moi pouca presenza interlingüística. Traducilo sería unha forma, coma outra calquera, de dar a coñecer unha pequena parte da cultura galega. Os usuarios que dominan outros idiomas anímanse?

Repasados todos os babel, amais do galego e castelán, so temos usuarios activos con nivel 4 ou nativo nestas seis linguas: br, ca, en, fr, pt e ja--. HombreDHojalata.conversa 19:42, 27 de abril de 2011 (UTC)

Estouno cavilando, inda que sexa pequeno, creo esta noite o artigo en fr. (antes quero "corrixir" algo sobre Manuel Antonio. --Elvira (conversa comigo) 12:54, 28 de abril de 2011 (UTC)
Eu podo crealo en catalán e se é necesario en inglés. Vou empezar agora mesmo. --Imxavitooh 14:04, 28 de abril de 2011 (UTC)
Tentarei facer algo, aínda que sexa para comezar, en alemán.--Adorian (fálame) 20:21, 28 de abril de 2011 (UTC)
Eu vou ver de o poñer en bretón, que queda exótico ;) --Servando2 (Dime) 23:40, 28 de abril de 2011 (UTC)   Feito!
Sería particularmente interesante crear o artigo na wikipedia inglesa, xa que é a wiki máis lida. Eu podo intentalo pero non sei se terei nivel de inglés dabondo. Alguén que domine ben esta lingua se ofrece voluntario para facelo mellor ca min? Saúdos!--Paradanta (Cóntame) 14:50, 29 de abril de 2011 (UTC)
Xa hai versión en inglés, pero non está completamente traducida. Os que queran poden votarlle un repaso porque o meu inglés escrito algunhas veces sáeme un pouco pataqueiro. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22:53, 29 de abril de 2011 (UTC)
Xa está completamente traducida, só modifiquei tres detalliños menores. Un saúdo. --Paradanta (Cóntame) 08:09, 30 de abril de 2011 (UTC)
Puxen avisos nas tabernas do aragonés, vasco e estremeño, a ver si se animan a facerlle un artigo pequeno. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 00:19, 1 de maio de 2011 (UTC)
Sinttoo moito, na wiki francesa, non hai case nada de momento, teño moitos problemas coa conexion internet. O artigo fr non é (sera) exatamente unha traduciòn, pero sera tan longo polo menos. --Elvira (conversa comigo) 13:00, 1 de maio de 2011 (UTC)
Puxen peticións de tradución nas wikis en ruso, polaco e xaponés, que creo que son das dez máis grandes as únicas que faltan por artigo. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 12:34, 2 de maio de 2011 (UTC)

Propoño, tamén, telo en portada todo o mes de maio e pospor o artigo que xa está aprobado anteriormente (Catedral de Santiago) para o mes xuño. Participade, por favor, votando na páxina Wikipedia:Sobre_Galicia/Votacións--. HombreDHojalata.conversa 20:55, 28 de abril de 2011 (UTC)

Topónimos de estados dos EEUUEditar

Por que están Oregon e Michigan sen acento, como se fosen graves? Propoño movelos a Oregón - Oregon e Míchigan - Michigan. Tamén propoño que Maine, Estados Unidos da América [sic] se mova ó principal Maine.   Sobreira (parlez) 16:04, 6 de xuño de 2011 (UTC)

En xaneiro de 2012, Maine, Estados Unidos da América foi movido a Maine, Estados Unidos de América. --Estevo(aei)pa o que queiras... 18:53, 4 de xaneiro de 2012 (UTC)