Galipedia
Galipedia Wikipedia en galego | |
---|---|
![]() Wikipedia, A enciclopedia libre
| |
Lingua: | Galego |
Data de creación: | 8 de marzo do 2003 |
Artigos: | 170.650 |
Ligazón: | Wikipedia en galego |
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega[1], unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003[2] e ten agora mesmo 170.650 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.[3]
Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade. Existen tamén diversas páxinas de estatística, entre as que figuran Especial:Estatísticas e Wikipedia:Estatísticas.
TraxectoriaEditar
HistoriaEditar
A Wikipedia en galego apareceu o 8 de marzo de 2003. Nese mesmo día, rexistrouse o usuario máis antigo, ILVI. Axiña comezou a traballar na que sería a primeira versión da Portada. E non sería até catro días despois cando creou o primeiro artigo da base de datos: grupo. Logo seguiría con outras entradas como ou, cal, ciencias experimentais, ciencias humanas, ciencias ocultas, ciencias aplicadas e botánico.
Meses despois rexistrouse Agremon e converteuse no primeiro administrador galego da Wikipedia en galego. El mesmo emprega por vez primeira o termo Galipedia para referirse amigablemente ao proxecto, que aínda contaba con menos dun ano de existencia. Aos poucos, mentres tanto, a Galipedia vai sendo citada por algunhas páxinas web de xornais e outras entidades, que se interesan polo labor realizado nela.
CaracterísticasEditar
Trátase dunha enciclopedia colaborativa en lingua galega aberta ás achegas de todo o mundo, con aceptación das diversas correntes de pensamento, sempre que estas non sexan agresivas coas demais. Canto ao contido, está aberta a todos os temas, dende o deporte ou a gastronomía de cada país até as biografías dos persoeiros da física, a astronomía, a lingüística ou a Historia do Reino de Galicia, por exemplo.
Dous puntos que a separan das enciclopedias ao uso son por unha banda un crecemento desorbitado e pola outra a súa capacidade para chuchar información e adaptala de maneira practicamente inmediata. Así, por exemplo, os obituarios ou as novas consideradas transcendentes e de carácter enciclopédico, en moitas ocasións, pasan a formar parte da Galipedia en cuestión de horas ou mesmo de minutos. Así mesmo, isto é posíbel grazas ao contacto co resto de wikipedias (máis de 270), de onde se tiran traducións e modelos, entre outros.
A licenza que emprega é a chamada licenza pública xeral de GNU.
En setembro de 2011, o 31% dos artigos da Galipedia estaban categorizados ou subcategorizados dentro da categoría Galicia.[4]
ImaxesEditar
Canto das imaxes, a Galipedia conta cun fondo propio ademais daquel común que achega Wikimedia Commons. Isto non sucede con todas as linguas da Wikipedia. Na actualidade hai cargados 2.711 ficheiros, a maioría deles imaxes, de forma interna. A comezos de febreiro de 2013 tiña 101 305 imaxes distintas entre todos os artigos do proxecto (244 226 contando as imaxes duplicadas), e as imaxes máis usadas, sen contar iconas, bandeiras etc, eran Concellos menos poboados de Galiza.PNG usada 1284 veces (incluída no modelo {{Concellos de Galicia en progreso}}), e Piazza del Campidoglio.jpg usada 1.082 veces (incluída no modelo {{Xeografía en progreso}}).[3]
EdiciónEditar
O número de editores activos varía dende 2009 entre 260 e 330 aproximadamente. Destes, ao redor dunha vintena son moi activos e entre ningún e 3 son aqueles que polo xeral rebordan as 1.000 edicións mensuais. A media de creación de artigos des que se abrira o proxecto en abril de 2002 é de 8250 por ano; porén, se soamente temos en conta o último período (de 2007 a 2010, ambos os dous anos incluídos), daquela esta media aumenta até 11.400 novos artigos. Arredor dun 35% destes artigos foron creados polos 10 editores máis activos.
A categorización, tanto de artigos coma de imaxes, rolda o 100%.
Artigos de calidadeEditar
- Artigo principal: Wikipedia:Artigos de calidade.
A Galipedia conta con 209 artigos de calidade. O primeiro en adquirir esta distinción foi o artigo Club Baloncesto Breogán, o 20 de xuño de 2010. Máis tarde pasarían a engrosar a listaxe os artigos de Castelao, Ramón Piñeiro, Lugo, Hórreo galego, Reino de Galicia, Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, Valentín Paz-Andrade, Alzamento de Pascua, Caso do metílico, Praga, The Beatles, Lenin, Alemaña, Real Club Celta de Vigo, Prestige, Catedral de Santiago de Compostela e Tristan und Isolde, e ós que se irían sumando moitos outros co paso do tempo. No ano 2018, coincidindo co 15 aniversario do proxecto, superáronse os 150 artigos de calidade.
No ano 2016 comezaron a escollerse tamén os artigos bos, dos que actualmente se conta con 85, sendo o primeiro escollido o artigo Slipknot.
Factor humanoEditar
A Galipedia deu pé a unha comunidade de persoas colaboradoras con vencellos comúns, a pesar das múltiples diferenzas de procedencia, como a idade, a xeografía ou a ideoloxía. Así, lévanse a cabo encontros de usuarios nos que se fala da historia da Galipedia, da súa realidade presente e dos seus obxectivos futuros. Con todo, tamén existe un grupo de amizade formado ao redor da enciclopedia, que deu pé a grupos en redes sociais como Facebook[5] ou Twitter[6]. A presenza feminina é reducida entre as persoas que editan na Galipedia, problema este común ás demais wikipedias.[7]
Amais da actividade a través da rede, lévanse a cabo proxectos de difusión da Galipedia, como charlas en centros educativos ou encontros para aprender o seu manexo. Así, o 15 de xaneiro de 2011 (10º aniversario da Wikipedia), houbo unha xuntanza en Culleredo e outra en Ribadeo[8]. En setembro dese mesmo ano desenvolveuse un obradoiro na Cidade da Cultura.
No 2011, o 15 de xaneiro (aniversario da Wikipedia) e o 8 de marzo (aniversario da Galipedia) leváronse a cabo retos de edición para acadar novos récords. En xaneiro propúxose facer 5000 edicións nun día (das que se fixeron pouco máis de 4500) e en marzo propúxose facer 500 artigos novos nun día (creándose uns 450).
O 9 de marzo de 2013 celebrouse o 10º aniversario da Galipedia cun encontro en Santiago de Compostela que incluíu varios relatorios relacionados co coñecemento libre e o activismo cultural.
Ao longo da súa historia, a actividade da Galipedia apareceu reflectida en diversos medios de comunicación, con entrevistas a persoas usuarias na TVG[9] ou Radio Galega, e artigos en Xornal de Galicia, Vieiros ou Praza pública.
En marzo de 2018 celebrouse o décimo quinto aniversario do proxecto co primeiro Wikimaratón polo Día Internacional da Muller e un galencontro en Ourense.
O 4 de xullo de 2018 escureceu as súas páxinas seguindo a actuación que comezara a Wikipedia en italiano, ante a votación no Parlamento Europeo dunha Directiva sobre dereitos de autor na Unión Europea.[10]
E-dixgalEditar
E-dixgal é unha contorna virtual de aprendizaxe da Xunta de Galicia para usuarios rexistrados, nenos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, que inclúe unha ligazón directa á portada da Galipedia.[11]
Logotipos conmemorativos da evolución temporalEditar
Wikipedia | GL | EN | |
---|---|---|---|
celebración | nº artigos | aniversario | aniversario |
6 de decembro de 2006 | |||
23 de xuño de 2007 | |||
3 de decembro de 2007 | |||
8 de marzo de 2008 | |||
15 de xaneiro de 2011 | |||
8 de marzo de 2011 | |||
6 de setembro de 2012 | |||
4 de marzo de 2013 | |||
8 de marzo de 2015 | |||
8 de marzo de 2018 |
RecoñecementosEditar
- Recibiu o "G" de platino no ano 2006, a maior distinción, nos premios RdL da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.[12]
- Premio Xoán Manuel Pintos (2018) ao compromiso coa lingua. Outorgado polo Concello de Pontevedra.[13][14]
- Premio Rosalía de Castro (2018) de promoción da lingua. Outorgado pola Deputación da Coruña.[15][16]
NotasEditar
- ↑ A denominación Galipedia ten carácter oficioso, namentres que a forma Wikipedia é a única con carácter de oficialidade.
- ↑ Historial da primeira portada da Galipedia.
- ↑ 3,0 3,1 Número de imágenes de la Galipedia (en castelán).
- ↑ categorycount tool.
- ↑ Grupo da Galipedia en Facebook.
- ↑ Perfil da Galipedia no Twitter.
- ↑ Wikipedia busca más mujeres escritoras para sus artículos
- ↑ O día de Wikipedia Arquivado 30 de setembro de 2011 en Wayback Machine..
- ↑ Capítulo 299 de Ben falado, programa da TVG.
- ↑ Fernández, Marcus (5 de xullo de 2018). "A Galipedia tamén escurece as súas páxinas". Código Cero. Consultado o 9 de xullo de 2018.
- ↑ Portada de E-dixgal
- ↑ "A Resaka das Letras premia a Galipedia como mellor sitio web en galego". Vieiros. 1/6/2006.
- ↑ "Apego, os mestres Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e a Galipedia, premios Xoán Manuel Pintos 2018". Diario de Pontevedra. 1 de marzo de 2018. Consultado o 1 de marzo de 2018.
- ↑ Apego, Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e a Galipedia, Premios Xoán Manuel Pintos-2018, na páxina web do concello de Pontevedra.
- ↑ "A Galipedia e Pirilampo gañan o Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua da Deputación da Coruña". Consultado o 5 de xullo de 2018.
- ↑ Foto do Premio Rosalía de Castro de Lingua (2018) de promoción da lingua
Véxase taménEditar
Outros artigosEditar
- Wikipedia
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
- Enciclopedia Galega Universal
- Enciclopedia Temática Ilustrada A Nosa Terra
- Enciclopedia temática de Galicia
- Lista de wikipedias
Ligazóns externasEditar
- Capítulo 299 de Ben falado, programa da TVG.
- Estatísticas mensuais da Galipedia (en inglés).
- Aniversario da Galipedia no Portal das Palabras.