Usuario:Elisardojm/Carta AGE

Estimado señor Bragado:

Os principais administradores e usuarios activos da Galipedia poñémonos en contacto con vostede na súa calidade de presidente de Asociación Galega de Editores para solicitarlle a colaboración da entidade no proxecto colaborativo da Galipedia, unha enciclopedia de acceso libre e de balde creada en lingua galega que nestes momentos conta con máis de 68.000 artigos.

Un dos problemas co que nos atopamos no noso día a día é a falta de imaxes publicadas cunha licenza que permita o seu uso nesta enciclopedia. Este problema é maior nos artigos sobre libros e escritores contemporáneos, posto que por motivos lexislativos resulta moi complicado conseguir este tipo de imaxes.

A nosa petición consiste en que vostedes publiquen as portadas dos libros que editan e as fotografías dos seus escritores cunha licenza compatible para así podérmolas incluír nos artigos da Galipedia. Pensamos que esta iniciativa será positiva tanto para a Galipedia como para vostedes mesmos, de feito estamos convencidos. Para isto teñen a posibilidade de escoller entre as seguintes licenzas copyleft:

  • A GFDL, GNU Free Documentation License (Licenza Pública Xeral de GNU), que obriga a manter o recoñecemento ao autor orixinal, a que se distribúa coa mesma licenza, é dicir GFDL, e que conteña o texto completo. Esta licenza úsase principalmente para textos e é a que se usa na Galipedia.
  • A CC-BY, Creative Commons Attribution (Creative Commons recoñecemento), que unicamente obriga a recoñecer os créditos da obra do xeito especificado polo autor ou polo licenciador.
  • A CC-BY-SA, Creative Commons Attribution ShareAlike (Creative Commons recoñecemento compartir igual), que obriga a recoñecer os créditos da obra do xeito especificado polo autor ou polo licenciador así como a distribuír as copias coa mesma licenza, é dicir CC-BY-SA.

Ademais das licenzas mencionadas, existe tamén a posibilidade de publicar, liberadas, as imaxes no dominio público.

Todas estas licenzas permiten que as obras sexan copiadas, redistribuídas, modificadas e tamén vendidas.

Pola nosa parte ofrecémoslle á AGE o noso asesoramento e colaboración en todo este proceso para facer que lles sexa o máis sinxelo posible.

Esperamos que esta idea sexa do seu interese, e que acepten participar neste proxecto aberto a todos.

Un cordial saúdo,