O Che Guevara na Revolución cubana

(Redirección desde «O Che Guevara na Revolución Cubana»)

Ernesto Guevara de la Serna, o Che Guevara, foi un protagonista decisivo na Revolución Cubana, a revolución que afastou ó ditador Fulgencio Batista da illa. Despois da vitoria axudou a retirar os tradicionais lazos económicos que xunguían Cuba e os Estados Unidos para facer un achegamento á URSS. Xa que logo Guevara xogou un papel primario na formación da política exterior cubana, ó defender unha posición "antiimperialista" e ó apoiar movementos esquerdistas revolucionarios en América Latina e África.

O Che Guevara.

Guerrilla na Revolución Cubana editar

Artigo principal: Revolución Cubana.
 
Mapa de Cuba, cos principais lugares de actividade guerrilleira

O 10 de marzo de 1952 un golpe de Estado dirixido polo xeneral Fulgencio Batista derrocara ó presidente democrático Carlos Prío Socarrás, do Partido Auténtico, nun marco internacional que transitaba os primeiros momentos da guerra fría entre os Estados Unidos e a Unión Soviética. Batista instalou unha sanguenta ditadura co argumento de combater o comunismo. Con todo o escandaloso nivel de corrupción e violación dos dereitos humanos levou á conformación dunha oposición xeneralizada partidaria da insurrección para apartar do poder a Batista[1], do que participaron os partidos políticos de oposición, os sindicatos, e o movemento estudantil.

Nese contexto actuaría o Movimiento 26 de Julio, unha evolución revolucionaria do Partido Ortodoxo, de ideoloxía basicamente nacionalista-antiimperialista, buscando en todo momento artellar as súas forzas con outros sectores opositores, co proxecto de establecer un goberno democrático nacionalista. Pola súa banda, a pesar de manter relacións estreitas con Fidel Castro e a guerrilla en Serra Maestra, o Partido Socialista Popular (comunista) criticou a experiencia guerrilleira atribuíndolle unha intención puramente aventureira e golpista. Finalmente, varias forzas políticas tiñan por entón organizacións armadas ademais do Movimiento 26 de Julio, como o Directorio Revolucionario 13 de Marzo, o Partido Socialista Popular e o Segundo Frente Nacional del Escambray.

A desastre da chegada a Cuba editar

O 25 de novembro de 1956 un grupo de 82 guerrilleiros do Movimiento 26 de Julio que adestraron en México embarcáronse rumbo a Cuba no iate Granma (en inglés diminutivo de grandmother). Dirixidos por Fidel Castro, no grupo atopábanse tamén Raúl Castro e o Che Guevara entre outros.

A travesía durou sete días, dous máis do agardado, debido o cal o grupo que ía apoiar a súa chegada a Cuba xa se retirara. Na mañanciña do 2 de decembro o iate ancorou na costa suroccidental, preto da praia de Las Coloradas, no Golfo de Guacanayabo, polo que os rebeldes deberon deixar a maior parte das municións, alimentos e medicamentos no barco.

Tres días despois, cando aínda trataban de organizarse, o grupo foi emboscado polo exército en Alegría de Pío. É durante ese ataque cando o Che, o médico do grupo, deixou a maleta médica por unha caixa de munición dun compañeiro abatido, un momento que tempo despois definiría como o marco divisor na súa transición de doutor a combatente[2].

A maior parte do grupo morreu no combate, foron executados ou detidos. O resto dispersouse e volveuse reunir en Serra Maestra o 21 de decembro. Guevara foi ferido superficialmente no pescozo e caeu nunha especie de sopor do que foi sacado por Juan Almeida Bosque, para reorganizar un grupo de oito homes en situación desesperada pola fame, a sede e a persecución do exército.

A cantidade exacta de sobreviventes descoñécese. Aínda que a historia oficial fala de "doce", sábese que en Serra Maestra reuníronse polo menos 20 guerrilleiros dos 82 que chegaron no Granma.

Nesa oportunidade o Che Guevara foi severamente reprendido por Fidel Castro debido á perda das armas, que foran escondidas por orde daquel na casa dun campesiño logo revisada polo exército.

A desastre do desembarco foi noticia de primeira páxina e na lista de mortos dada polo goberno aparecían os dous irmáns Castro e Ernesto Guevara, afectando fondamente á súa familia. Con todo o último día do ano recibiron unha nota manuscrita súa, con selo do correo cubano, que dicía:

Queridos viejos: Estoy perfectamente, gasté solo 2 y me quedan cinco. Sigo trabajando en lo mismo, las noticias son esporádicas y lo seguirán siendo, pero confíen en que Dios sea argentino. Un gran abrazo a todos, Teté.[3]

Serra Maestra, un difícil comezo editar

 
Mapa de Serra Maestra

Serra Maestra é un cordón montañoso alongado situado sobre a costa no extremo sueste da illa de Cuba, a pouco máis de 800 km da súa capital, A Habana.

Os rebeldes sobreviventes reagrupáronse de seguida nas montañas de dita serra para organizar unha guerrilla contra o ditador cubano Fulgencio Batista, que estaba apoiado polos Estados Unidos.

Unha vez establecido o grupo guerrilleiro en Serra Maestra o Movimiento 26 de Julio organizouse en todo o país coa fin de apoiaren á guerrilla na serra. Entre os dirixentes máis importantes que actuaban atopábanse: Frank País, Vilma Espín, Celia Sánchez, Faustino Pérez, Carlos Franqui, Haydée Santamaria, Armando Hart, René Ramos Latour (Daniel).

En Serra Maestra, o Che Guevara actuou como médico e combatente, a pesar de sofrer de fortes ataques de asma. O Che subliña a importancia de facerse aceptar pola poboación abastecendo de coidados os pobos illados ou alfabetizando. Os rebeldes fortalécense lentamente, aumentando o seu armamento, recadando apoio e o recrutamento de moitos campesiños, intelectuais e traballadores urbanos. Guevara mostra grande afouteza e talento en combate e logo tórnase un dos homes de confianza de Fidel Castro.

Guevara tamén impuxo a súa personalidade ó amosarse estrito fronte ós actos de indisciplina, de traizón e criminais, non só na propia tropa, senón tamén con respecto ós soldados inimigos e ós campesiños que habitaban a zona. Esta face fíxose evidente o 17 de febreiro de 1957, cando descubriron que un dos guerrilleiros, Eutimio Guerra, era un traidor que revelara ó inimigo a situación do grupo, o que permitiu ó exército bombardear a súa posición no pico Caracas e logo emboscalos nos Altos de Espinosa, póndoos ó bordo da derrota definitiva. Fidel Castro decidiu entón que sería fusilado por traizón, pero sen indicar quen o executaría. Ante a indecisión xeral foi o Che Guevara quen o fixo, amosando unha frialdade e dureza fronte os crimes en tempos de guerra[4]. Pola contra, Guevara parece actuar con tolerancia fronte ós erros dos seus propios homes e os prisioneiros inimigos. En varias oportunidades interveu ante Fidel Castro para evitar execucións[5], así como atendeu medicamente a soldados feridos, prohibindo estritamente as torturas ou o fusilamento de prisioneiros[6].

Durante os primeiros meses de 1957 o grupiño guerrilleiro mantivo moi poucos combates, de escasa envergadura.

A finais de febreiro apareceu no New York Times, o xornal máis lido dos Estados Unidos, unha entrevista a Fidel Castro realizada por Herbert Matthews en Serra Maestra. O impacto foi enorme e comezou a xerar unha certa simpatía cara aos guerrilleiros na opinión pública nacional e internacional. Nese momento, coa fin de estreitar relacións cos campesiños que habitaban na Serra, o grupo guerrilleiro comezou a ofrecer os servizos médicos do Che Guevara, que comezou así a ser coñecido na rexión.

O 28 de abril Fidel Castro logrou outro forte golpe de efecto: deu unha conferencia de prensa para a canle de radio e televisión norteamericana CBS, no cumio do pico Turquino, a montaña máis alta de Cuba.

Para finais de maio o exército guerrilleiro medrara a 128 combatentes ben armados e adestrados e o 28 de maio produciu a súa primeira acción de certa magnitude, o ataque ó Cuartel de El Uvero, onde morreron 6 guerrilleiros e 14 soldados e houbo gran cantidade de feridos de ámbolos bandos. Logo do combate Castro tomou a decisión de deixar ó Che Guevara a cargo dos feridos para non demorar ó grupo principal ante a inminente persecución por parte das tropas do goberno.

O Che e catro homes (Joel Iglesias, Alejandro Oñate («Cantinflas»), Juan Vitalio Acuña Núñez e un guía) deberon entón facerse cargo de agochar, protexer e curar ós sete guerrilleiros feridos durante cincuenta días. Nese lapso Guevara non só atendeu e mantivo protexidos a todos, senón que impuxo disciplina no grupo, recrutou novos guerrilleiros, obtivo o apoio dun gran latifundio da zona e estableceu un sistema de aprovisionamento e comunicación coa cidade de Santiago de Cuba. Cando volveu xuntarse co resto, o 17 de xullo, o Che tiña un pequeno exército autónomo de 26 combatentes. Para entón os rebeldes xa conseguiran liberar un pequeno territorio ó oeste do Pico Turquino e 200 homes disciplinados. Ese día Fidel Castro decidiu formar unha segunda columna con 75 homes, á que denominaría despois Cuarta Columna. Simultaneamente ascendeu a Che Guevara ó grao de capitán e cinco días despois designouno comandante da formación. Até ese intre só Fidel Castro tiña grao de comandante. En diante o trato cara a el debía ser de «Comandante Che Guevara».[7]

Comandante da Cuarta Columna editar

A Segunda Columna (chamada logo «Cuarta» para confundir ó inimigo) estivo integrada orixinalmente por catro pelotóns a cargo de Juan Almeida, Ramiro Valdés, Ciro Redondo e Lalo Sardiñas. Posteriormente integraríase Camilo Cienfuegos, con quen establecería unha estreita amizade, substituíndo a Lalo Sardiñas como o seu segundo ó mando.

Lograría, tras algunhas batallas e escaramuzas vitoriosas (Bueycito, El Hombrito), tomar o control da zona do Hombrito e establecer unha base permanente. Alí construíu un hospital e unha panadería entre outros, para crear unha infraestrutura industrial de apoio. Tamén lanzou o xornal El Cubano Libre.

As tropas do goberno estaban dirixidas por Ángel Sánchez Mosquera quen implementou unha política de guerra sucia na rexión. O 29 de novembro de 1957 atacaron causando dúas mortes, entre elas a de Ciro Redondo. O Che resultou ferido (nun pé) do mesmo xeito que Cantinflas e outros cinco combatentes e a base do Hombrito quedou completamente destruída. A columna trasladouse entón ó lugar chamado La Mesa, onde volveron construír a base con toda a súa infraestrutura e pondo ademais en marcha unha radio, Radio Rebelde, que comezou emitir o 24 de febreiro de 1958 e aínda se atopa no ar.

 
Raúl Castro xunto a Guevara, en 1958.

No comezo de 1958 Fidel Castro converteuse no home máis solicitado pola prensa internacional e decenas de xornalistas de todo o mundo ían a Serra Maestra a entrevistalo. Pola súa banda o Che Guevara converteuse no persoeiro central da prensa que defendía a Batista. Evelio Lafferte, un tenente do exército cubano tomado prisioneiro e que logo pasou a integrar a columna do Che recordaba:

A propaganda contra el (Guevara) era masiva; dicíase que era un asasino a soldo, un criminal patolóxico..., un mercenario, que prestaba servizos ó comunismo internacional... que utilizaban métodos terroristas que socializaban ás mulleres e quitaban ós fillos... eles dicían que ós soldados que caían prisioneiros, amarrábanos a unha árbore e abríanlles o ventre cunha baioneta[8]

O Che entraría en conflito con algúns dirixentes do Movimiento 26 de Julio. Estes considerábano un marxista extremista con demasiada influencia sobre Fidel Castro, e aquel considerábaos "dereitistas" cunha concepción tímida da loita e dispostos a compracer aos Estados Unidos. Filosoviético declarado, escríbelle en 1957 ó seu amigo René Ramos Latour: "pertenzo, pola miña formación ideolóxica, ós que cren que a solución dos problemas de este mundo está detrás do que se chama o pano de aceiro". Confirmábase ademais admirador de Iosif Stalin: "o que non leu os catorce tomos dos escritos de Stalin non pode considerarse como completamente comunista".

A ofensiva de Batista e a creación da Oitava Columna editar

 
Che Guevara dacabalo en Serra Maestra, 1959

O 27 de febreiro de 1958 Fidel Castro decidiu ampliar as operacións da guerrilla creando tres novas columnas baixo mando de Juan Almeida, Raúl Castro e Camilo Cienfuegos, a quen designou comandantes. Almeida debía actuar na zona oriental de Serra Maestra, Raúl Castro debía abrir unha Segunda Fronte e instalarse na Serra Cristal, ó norte de Santiago de Cuba. En abril Camilo Cienfuegos foi designado xefe militar da zona comprendida entre a cidades de Bayamo, Manzanillo e Las Tunas, mentres que Castro establecía o seu cuartel xeral en La Plata.

O 3 de maio realizouse unha Reunión en Altos de Mompié do Movimiento 26 de Julio, que resultou chave e na que foi drasticamente reorganizado para impor a hexemonía de Fidel Castro e do grupo da serra por riba dos outros integrantes. O Che Guevara, que tivo un papel fundamental na mesma escribiu en 1964 un artigo referíndose ó feito:

Lo más importante es que se analizaban y juzgaban dos concepciones que estuvieron en pugna durante toda la etapa anterior de la guerra. La concepción guerrillera saldría de allí triunfante, consolidado el prestigio y la autoridad de Fidel... Surgía ya una sola capacidad dirigente, la de la Sierra, y concretamente, un dirigente único, un comandante en jefe, Fidel Castro.[9]

Para entón o exército de Fulgencio Batista, ás ordes do xeneral Eulogio Cantillo preparaba unha ampla ofensiva sobre os rebeldes. Fidel Castro dispuxo entón que Che Guevara deixase a Cuarta Columna e fixésese cargo da Escola Militar en Minas del Frío, na cal adestrábanse os novatos. Este púxose a organizar febrilmente a retagarda, construíndo até unha pista aérea preto de La Plata. Neses días Camilo Cienfuegos escribiulle:

Che. Hermano del alma: Recibí tu nota, veo que Fidel te ha puesto al frente de la Escuela Militar, mucho me alegra pues de ese modo podremos contar en el futuro con soldados de primera, cuando me dijeron que venías a «hacernos el regalo de tu presencia», no me agradó mucho, tú has desempeñado papel principalísimo en esta contienda; si te necesitamos en esta etapa insurreccional más te necesita Cuba cuando la guerra termine por lo tanto bien hace el Gigante en cuidarte. Mucho me gustaría estar siempre a tu lado, fuiste por mucho tiempo mi jefe y siempre lo seguirás siendo. Gracias a ti tengo la oportunidad de ser ahora más útil, haré lo indecible por no hacerte quedar mal. Tu eterno chicharrón. Camilo.[10]

O 6 de maio comezou a ofensiva. O exército contaba con 10.000 homes, dos cales dúas terceiras partes eran soldados que realizaban o servizo militar obrigatorio. O plan era gastar ós guerrilleiros, que entón contaban con 280 homes e algunhas mulleres, con bombardeos masivos de napalm e explosivos para ir rodeándoos nun círculo cada vez máis estreito.

Durante as primeiras semanas da ofensiva as forzas do goberno estiveron a piques de derrotar á guerrilla, que sufriu grandes perdas e desorganización nas súas filas. Pola súa banda Guevara organizou cos recrutas da escola de Minas del Frío unha nova columna, que levou o número Oito e o nome de Ciro Redondo en homenaxe a un dos seus lugartenentes caído en combate o ano anterior.

Porén as tropas gobernamentais foron incapaces de acurralar ós guerrilleiros, que escorregaban permanentemente, e para xullo os rebeldes comezaron a recuperar a ofensiva. O 20 de xullo obtiveron a súa primeira gran vitoria en Jigüe e o mesmo día a meirande parte das forzas opositoras asinou o Pacto de Caracas, recoñecendo a Fidel Castro como comandante en xefe.

O 28 de xullo a columna ó mando do Che cercou ás tropas do goberno nas Vegas, que fuxiron abandonando a posición. O 30 de xullo morreu en combate René Ramos Latour, principal adversario do Che Guevara no Movimiento 26 de Julio, quen escribiu no diario:

Profundas divergencias ideológicas me separaban de René Ramos y éramos enemigos políticos, pero supo morir cumpliendo con su deber, en la primera línea y quien muere así es porque siente un impulso interior que yo le negara y que en esta hora rectifico.[11]

O 7 de agosto de 1958 o exército iniciou a súa retirada en masa da Serra Maestra. A debilidade de Batista fíxose evidente e Fidel Castro decidiu entón espallar a guerra ó resto de Cuba. O Che Guevara e Camilo Cienfuegos debían marchar ó norte para dividir a illa en dúas e preparar o ataque á estratéxica cidade de Santa Clara, mentres que Fidel e Raúl Castro permanecerían controlando a rexión para atacaren finalmente Santiago de Cuba.

A batalla de Santa Clara editar

Artigo principal: Batalla de Santa Clara.
 
Monumento a Che Guevara en Santa Clara, onde se atopan enterrados os seus restos

O 31 de agosto de 1958 as columnas do Che Guevara e Camilo Cienfuegos avanzaban. Tardaron seis semanas en chegar á zona montañosa do Escambray, na antiga provincia de Las Villas, integrada polas actuais provincias de Villa Clara, Sancti Spíritus e Cienfuegos, no centro da illa, logo de atravesar uns 600 km de zonas pantanosas, acosados polos avións e pelotóns do goberno.

Guevara instalaría o seu campamento en Caballete de Casas, unha chaira inaccesible situada a 630 metros de altura, no actual municipio de Sancti Spíritus[12]. Alí creou unha escola militar seguindo o modelo utilizado en Serra Maestra para adestrar novos voluntarios, así como unha central hidroeléctrica, un hospital, diversos talleres e fábricas e un xornal: El Miliciano. Na zona actuaban outras forzas guerrilleiras, e tamén actuaban as forzas guerrilleiras e políticas locais do Movimiento 26 de Julio cuxo principal dirixente era Enrique Oltuski. Nese tempo, o Che tamén coñecería a Aleida March, unha activa militante do Movimiento 26 de Julio de ideas anticomunistas, que se convertería na súa segunda esposa en 1959 e con quen tería catro fillos.

En Las Villas o Che Guevara terminou de dar forma á Columna Oito situando nos postos chave ós homes nos que máis confiaba, a maioría provenientes dos sectores máis humildes.

 
Che na batalla de Santa Clara, 1958

A finais de novembro as tropas do goberno atacaron a posición do Che Guevara e Camilo Cienfuegos. Os combates duraron unha semana, ó final da que o exército de Batista retirouse desordenadamente e con grandes perdas de homes e de equipos. Guevara e Cienfuegos contraatacaron entón, seguindo unha estratexia de illamento das guarnicións do goberno entre si, dinamitando os camiños e pontes ferroviarias. Nos días seguintes os rexementos foron capitulando un a un.

Logo, a columna de Cienfuegos dirixiuse a tomar Yaguajay, nunha importante batalla que se estendeu dende o 21 até o 31 de decembro, mentres que Guevara tomaba Remedios e o porto de Caibarién o 26 de decembro e ó día seguinte o cuartel de Camajuaní, onde as tropas do goberno fuxiron sen combater.

Quedou así libre a verea para atacar Santa Clara, cuarta cidade de Cuba e derradeiro bastión do goberno antes da Habana. Batista fortificou Santa Clara enviando 2.000 soldados e un tren blindado, a ordes do oficial máis capacitado á súa disposición, o coronel Joaquín Casillas. En total as forzas do goberno sumaban 3.500 soldados para facer fronte a 350 guerrilleiros. O 28 de decembro comezou o ataque. A batalla foi sanguenta e estendeuse durante tres días por toda a cidade. Alí morreu un dos homes máis destacados da Columna Oito, Roberto Rodríguez Fernández «Vaquerito». Guevara establecera que a prioridade da batalla era o tren blindado, o que foi finalmente tomado o 29 de decembro pola tarde.

 
Tren blindado capturado polo Che, hoxe transformado en monumento

A toma do tren blindado foi a acción causante da caída de Batista. Coñecida a noticia, o ditador tomou a decisión de fuxir de Cuba, o que fixo poucas horas despois, ás tres da mañá do 1 de xaneiro de 1959, cos seus familiares, e varios funcionarios, entre eles o presidente electo Andrés Rivero Agüero e o seu irmán que era o alcalde da Habana.

Namentres as forzas rebeldes triunfantes en toda a illa, entre elas as tropas de Guevara procedían a deter a membros da ditadura de Batista e fusilar a aqueles considerados como criminais de guerra en xuízos sumarísimos[13]. En Santa Clara o Che Guevara deu a orde de fusilar ó xefe de policía, Cornelio Rojas, entre outros detidos. O coronel Joaquín Casillas, quen fora condenado en 1948 por asasinar o sindicalista Jesús Menéndez e logo deixado en liberdade, foi detido e tamén resultou morto. A versión oficial indica que Casillas foi morto mentres intentaba fuxirse, pero é altamente probable que fose fusilado por orde do Che Guevara[14].

Seguindo ordes de Fidel Castro, as columnas do Che Guevara e Camilo Cienfuegos dirixíronse entón á Habana.

Goberno revolucionario editar

1959 editar

Unha vez tomado o poder, a oposición formou un novo goberno. O Presidente foi Manuel Urrutia Lleó e o Primeiro Ministro José Miró Cardona. Os ministros foron Regino Boti (Economía), Rufo López Fresquet (Facenda), Roberto Agramonte (Relacións Exteriores), Armando Hart (Educación), Enrique Oltuski (Comunicacións), Luis Orlando Rodríguez (Interior), Osvaldo Dorticós Torrado (Leis Revolucionarias) e Faustino Pérez (Recuperación de Propiedade Adquirida Ilegalmente). Fidel Castro permanecía como Comandante en Xefe das Forzas Armadas. O 2 de xaneiro, o Comandante Ernesto Guevara, foi designado por Castro fiscal xefe da Fortaleza de San Carlos de La Cabaña[15]. Durante os 5 meses neste posto decide detencións e supervisa persoalmente os xuízos, como parte do proceso coñecido como Comisión Depuradora contra persoas consideradas criminais de guerra ou moi asociadas co réxime de Batista. O número de execucións foi de 50 a 550 persoas segundo as fontes[16][17][18][19].

A opinión persoal de Guevara sobre os fusilamentos foi exposta ó público ante as Nacións Unidas o 11 de decembro de 1964:

Nosotros tenemos que decir aquí lo que es una verdad conocida, que la hemos expresado siempre ante el mundo: fusilamientos, sí, hemos fusilado; fusilamos y seguiremos fusilando mientras sea necesario. Nuestra lucha es una lucha a muerte. Nosotros sabemos cuál sería el resultado de una batalla perdida y también tienen que saber los gusanos cuál es el resultado de la batalla perdida hoy en Cuba.[20]
 
Che Guevara nunha fotografía a cor, 2 de xuño de 1959

O 7 de febreiro de 1959 o goberno sancionou unha nova Constitución que incluía un artigo especialmente redactado para o Che Guevara, outorgando a cidadanía a calquera estranxeiro que combatese a Batista durante dous anos ou máis e exercido o cargo de comandante durante un ano. Poucos días despois o presidente Urrutia declarou a Ernesto Guevara como cidadán cubano de nacemento[21]. Nese ano regulariza a súa situación con Aleida March, casando con ela o 2 de xuño do mesmo ano. Xuntos visitaron Exipto, India, Xapón, Indonesia, Paquistán e Iugoslavia

Logo desenvolveu diversas funcións fundamentais, entre elas Director do Departamento de Industrialización do Instituto Nacional de Reforma Agraria (INRA), Ministro de Industria e presidente do Banco Nacional, ademais de representar internacionalmente a Cuba en varias ocasións entre as que se destacan as que levaron á sinatura dos acordos comerciais e militares coa Unión Soviética. Che Guevara pensaba que existía unha ligadura entre a reforma agraria e a guerrilla e dicía o seguinte:

El guerrillero es, fundamentalmente, y antes que nada, un revolucionario agrario. Interpreta los deseos de la gran masa campesina de ser dueña de la tierra, dueña de los medios de producción, de sus animales, de todo aquello por lo que ha luchado durante años, de lo que constituye su vida y constituirá también su cementerio... Este Movimiento no inventó la Reforma Agraria. La llevará a cabo. La llevará a cabo integramente hasta que no quede campesino sin tierra, ni tierra sin trabajar.[22]
 
O presidente Manuel Urrutia Lleó co Che Guevara e Camilo Cienfuegos, por volta de 1959

Simultaneamente os xornalistas Jorge Ricardo Masetti e Carlos María Gutiérrez propuxéronlle crear unha axencia de novas independente, tomando de exemplo a Agencia Latina de Noticias que creara Juan Perón. O proxecto aprobouse e Cuba creou a axencia Prensa Latina, aínda existente, e na que traballaron intelectuais como Gabriel García Márquez ou Rodolfo Walsh.

O 12 de xuño saíu na primeira das súas viaxes diplomáticas internacionais, coa fin de abrir novos mercados para o azucre, produto fundamental da economía cubana, por entón dependente de forma case exclusiva do mercado norteamericano. Entre os destinos da súa viaxe visitou países e líderes que estaban impulsando experiencias de cambios sociais profundos (Bloque comunista, Movemento de Países Non Aliñados), entre eles Exipto, onde se reuniu co xeneral Gamal Abdel Nasser; Indonesia, onde se entrevistou con Sukarno; a India, onde coñeceu a Jawaharlal Nehru; Iugoslavia, con Josip Broz Tito; Nikita Khrushchev, a Unión Soviética; Mao Tse Tung, a China; Eduardo Víctor Haedo, o Uruguai; Arturo Frondizi, a Arxentina; Jânio Quadros, o Brasil e Ahmed Ben Bella en Alxeria. Entre outros importantes resultados da viaxe, Cuba estableceu relacións comerciais coa Unión Soviética que finalmente se comprometeu a mercar medio millón de toneladas de azucre. Por aquel entón a cota cubana no mercado estadounidense era de case 3 millóns de toneladas. Pronunciou discursos ante a Asemblea Xeral da ONU e nunha reunión do Consello Económico e Social da OEA.

Polarización interna e achegamento á URSS editar

Dende os seus cargos económicos o Che Guevara impulsou a nacionalización de empresas nacionais e estranxeiras e sectores chaves da economía, a planificación centralizada e o traballo voluntario. Guevara procurou tamén desenvolver a industria pesada mediante a industria siderúrxica, coa fin de rachar a especialización económica e a dependencia do azucre.

 
Simone de Beauvoir, Jean Paul Sartre e o Che Guevara conversando en Cuba en 1960. Sartre escribiría despois que o Che era «o ser humano máis completo da nosa época»

O 28 de xullo de 1960, ante o Primeiro Congreso de Mocidades Latinoamericanas, realizado na Habana, o Che sostivo un concepto que logo desenvolvería amplamente: a idea do «home novo socialista», ó que concibía como un novo tipo humano que se desenvolvería á vez do socialismo, e no que o sentimento de solidariedade e compromiso coa sociedade imporíase ó interese e egoísmo persoal. O traballo voluntario era para el unha expresión fundamental do home novo. El persoalmente dedicaba todos os sábados ó traballo voluntario, nas liñas de produción das fábricas, como obreiro nas obras de construción, e promovía esa actitude entre os demais funcionarios.

Unha das características polas que se destacou o Che Guevara na función pública foi unha estrita austeridade e a falta de privilexios para el e a súa familia que insistiu en extremar. Por exemplo, cando foi designado presidente do Banco Nacional, renunciou aos 2.000 pesos que lle correspondían polo cargo, mantendo só o seu salario de comandante, que era de 250 pesos. Cando os seus pais visitárono en Cuba en 1959, el púxolles un automóbil á súa disposición pero lles comunicou que debían pagar a gasolina. Non levaba á súa esposa nas viaxes internacionais e prohibía ó persoal militar baixo as súas ordes que concorresen a cabaretes, prostíbulos e calquera festa que non obedecese estritamente ás necesidades da misión[23].

O 7 de novembro de 1960 o Che Guevara viaxou durante dous meses polos países comunistas: Checoslovaquia, Unión Soviética, China, Corea e Alemaña Democrática. Na Unión Soviética foi invitado a compartir co primeiro ministro Nikita Khrushchev e o resto do Soviet Supremo á tribuna principal no desfile de celebración do aniversario da Revolución Rusa, o que constituía un feito excepcional.

Nikolai Leonov, embaixador da Unión Soviética en Cuba, lémbrao deste xeito:

Era un persoeiro altamente organizado; non tiña nese senso nada de latinoamericano, era máis ben alemán. Puntual, exacto, era asombroso para todos os que coñeceron América Latina[24].

Un informe de intelixencia do Departamento de Estado dos Estados Unidos avalía o resultado da viaxe de Guevara así:

Cando finalizou a visita, Cuba tiña acordos comerciais financeiros, ademais de vínculos culturais, con todos os países do bloque, relacións diplomáticas con todos menos Alemaña Oriental e acordos de asistencia científica e técnica con todos menos Albania.[25]

Confrontación cos Estados Unidos editar

 
Crise dos mísiles de Cuba: foto do sitio onde se instalaron en 1962

O 3 de xaneiro de 1961, nunha das últimas medidas do seu goberno antes de entregar o poder a John F. Kennedy, o presidente Eisenhower curtou as relacións diplomáticas entre os Estados Unidos e Cuba.

O 17 de abril de 1961 produciuse a Invasión de Baía de Cochinos dende Nicaragua, onde foron despedidos e arengados polo ditador Luis Somoza Debayle, por parte dun exército de 1.500 homes maioritariamente cubanos, adestrados en Guatemala, utilizando buques da United Fruit Company[26], con apoio aberto da CIA. Ó día seguinte era evidente que o exército cubano controlara a situación. A CIA pediulle entón ó presidente Kennedy, quen asumira menos de tres meses antes, a intervención aberta de Estados Unidos coa Forza Aérea, mais este negouse.

Catro meses despois Kennedy propuxo unha Alianza para o Progreso na reunión da OEA en Punta do Leste, un inédito plano de axuda masiva para o desenvolvemento dos países latinoamericanos. É obvio que foi a Revolución Cubana e o apoio que lle demostraba a poboación o que impulsou aos Estados Unidos a promover un plan que tiña por obxectivo declarado minguar a pobreza e as desigualdades no subcontinente. Cuba, representada na ocasión polo Che Guevara, non se opuxo en principio ó plano norteamericano, pero sostivo que era necesario primeiro que os Estados Unidos permitise o libre comercio dos produtos latinoamericanos, eliminase os subsidios proteccionistas ós seus produtos, e que se promovese a industrialización da América Latina.

En oportunidade desa viaxe, Guevara reuniuse cos presidentes democráticos da Arxentina, Arturo Frondizi, e do Brasil, Jânio Quadros. Os dous presidentes foron derrocados pouco despois en senllos golpes militares apoiados polos Estados Unidos de América.

O fracaso da Invasión de Baía de Cochinos causou o despido do director da CIA, Allen Dulles, e a súa substitución por John McCone. En novembro de 1961 a CIA estableceu un xigantesco programa chamado "Operación Mangosta", dirixido por Edward Lansdale, co fin de organizar actos de sabotaxe, terrorismo, asasinatos dos líderes cubanos, ataques militares e infiltracións que desestabilizasen o goberno cubano e leváseo cara ó colapso para outubro de 1962[27]. A ofensiva de illamento contra Cuba avanzou en xaneiro de 1962 cando os países americanos tomaron a decisión de excluíla da OEA.

Como resposta, a finais de xuño de 1962, a Unión Soviética e Cuba tomaron a decisión de instalar mísiles atómicos en Cuba, o que entendían era o único xeito de disuadir a Estados Unidos de invadir Cuba[28], ademais de supor para as relacións soviético-estadounidenses un paso máis na guerra fría. Guevara tivo unha participación activa na elaboración do tratado entre Cuba e a Unión Soviética, viaxando alí a finais de agosto para pechalo. O feito levaría á chamada crise dos mísiles de Cuba que puxo ó mundo ó bordo da guerra nuclear e finalizaría cun dificultoso acordo entre Kennedy e Khrushchev, polo cal Estados Unidos comprometeuse a non invadir Cuba e retirar os mísiles que tiña instalados en Turquía apuntando á Unión Soviética, e esta a retirar os mísiles cubanos.[29]

O 4 de decembro de 1962 o diario británico Daily Worker publicou unha entrevista ó Che Guevara realizada por Sam Rusell. Alí expresou cruamente a súa molestia polo acordo entre Kennedy e Khrushchev declarando:

Si los cohetes hubieran permanecido, los hubiéramos usado todos y dirigido hacia el corazón mismo de los Estados Unidos, incluyendo Nueva York, en nuestra defensa contra la agresión. Pero no los tenemos, así que pelearemos con lo que tenemos.[30]

Internacionalización da revolución editar

O Che Guevara sempre tivo un pensamento fortemente internacionalista. Non só era partidario de que se abrisen novas experiencias guerrilleiras noutras partes do mundo, senón que pensaba que só xeneralizando a loita armada en América Latina, Asia e África sería posible derrotar o imperialismo. Guevara discrepaba abertamente coa estratexia de coexistencia pacífica que propuña a Unión Soviética.

O Che comezou a organizar e promover experiencias guerrilleiras en América Latina, destacándose as que se abriron en Guatemala, Nicaragua, o Perú, Colombia, Venezuela e a Arxentina. Todas elas fracasaron, pero nalgúns casos sentaron as bases de futuros movementos guerrilleiros, como a Fronte Sandinista de Liberación Nacional en Nicaragua e os Tupamaros no Uruguai.

Esta posición levou a un forte enfrontamento do Che Guevara cos partidos comunistas de América Latina, que en xeral non aprobaban a estratexia de loita armada xeneralizada. Desexaba ferventemente iniciar a revolución no seu país natal, pero o intento fracasou. Isto levouno a avaliar a posibilidade de participar noutros lugares distintos do seu país e até noutros continentes. Nese sentido, África comezou a aparecer como unha posibilidade adecuada.

Desaparición de Cuba editar

 
Guevara e Gamal Abdel Nasser, no Exipto, en 1965.

En decembro de 1964, o Che Guevara viaxa a Nova York, como xefe da delegación cubana na ONU onde pronuncia un discurso contra a política exterior estadounidense[31]. O 17 de decembro, empeza unha xira internacional de 3 meses, na que visita China, Exipto, Alxeria, Ghana, Guinea-Bisau, Malí, Benín, a República do Congo e Tanzania, con paradas en Irlanda, París e Praga. En Pyongyang, declara que Corea do Norte é un modelo no cal Cuba debe inspirarse[32]. En Alxer, o 24 de febreiro, fai o seu derradeiro discurso na dianteira da escena internacional, no cal declara : Non hai fronteiras nesta loita até a morte. Non podemos quedar indiferentes cara o que pasa en calquera parte do mundo. A vitoria de calquera país fronte ó imperialismo é a nosa vitoria, do mesmo xeito ca derrota de calquera destes países é a nosa derrota[33].

Dúas semanas despois da súa volta a Cuba onde é acollido por Fidel e Raúl Castro, desaparece literalmente da vida pública. A súa actividade en 1965 é un misterio.

As causas da súa desaparición son sempre controvertidas e poden ser atribuídas a diversas razóns:

  • o fracaso da industrialización;
  • a presión dos Soviéticos e dunha parte dos responsables cubanos sobre Castro. En efecto, estes desaprobaban a aliñación económica e ideolóxica pro-chinesa do Che, sobre todo nunha época onde se facía a ruptura sino-soviética e onde a economía cubana dependía cada vez máis da URSS. Guevara era considerado por moitos como un avogado da estratexia maoísta en Suramérica. Os seus detractores comparaban o seu plano de industrialización ó grande salto adiante chinés;
  • outros suxiren que Castro tomara sombra da popularidade de Guevara e empezaba a consideralo como unha ameaza. Atopan sospeitosas as súas explicacións sobre a súa desaparición e sorprende que o Che non faga nunca un anuncio público das súas intencións.

Logo da crise dos mísiles cubanos, tomou como unha traizón de Khrushchev, que deu o visto e prace á retirada dos mísiles sen consultar a Castro, Che Guevara volveuse escéptico en canto ó papel da URSS. Tal como se revela no seu último discurso en Alxer, chegou á conclusión que o hemisferio norte, levado polos Estados Unidos ó oeste e pola URSS ó leste, explota o hemisferio sur. Apoia á República Democrática do Vietnam do Norte na guerra do Vietnam e anima ó pobo dos outros países en vías de desenvolvemento a tomar as armas e a crear numerosos Vietnam[34]. Con todo, tanto Guevara como Castro son partidarios dunha "fronte antiimperialista unida" e intentan en sucesivas ocasións reconciliar a Unión Soviética e a China.

Presionado pola especulación internacional e os rumores en canto ó destino do Che, Fidel Castro declara o 16 de xuño de 1965 que informará ó pobo con respecto ó Che cando el mesmo o decidira. O 3 de outubro, Castro revela unha carta non datada, escrita por Guevara á súa atención, na cal reafirma a súa solidariedade coa revolución cubana pero declara a súa intención de ir combater no estranxeiro pola revolución[35].

Tamén anuncia a súa dimisión de todos os seus postos no goberno, no partido e no exército. Renuncia tamén á cidadanía cubana que se lle outorgara. Castro revelará pouco despois que sabía onde Guevara estaba pero que non o diría, engadindo que o seu antigo camarada de armas estaba en boa saúde.

Parte primeiro para o Congo, na África (onde se atopa con Kabila). Despois do fracaso dos combates no Congo, parte para Bolivia, onde tenta estabelecer unha base guerrilleira para loitar pola unificación dos países da América Latina. Mais enfronta dificultades co terreo descoñecido e en conquistar a confianza dos campesiños. É finalmente cercado e capturado o 8 de outubro de 1967 e executado ó día seguinte por un comando ás ordes de axentes da CIA. Os boatos que cercaron a execución de Che Guevara levantaron dúbidas sobre a identidade real do guerrilleiro, que utilizaba documentos uruguaios falsos. A confusión estabelecida en torno do caso culminou na desaparición do seu corpo, que só se atopou trinta anos despois.

Escritos do Che na Revolución editar

Che Guevara era un cronista prolífico das súas propias accións, xa que rexistraba os episodios da súa vida en diarios. Entre 1959 e 1964, Guevara publicou as versións dos seus Pasajes de la guerra revolucionaria en xornais cubanos como Verde Olivo. Estes traballos constituíron un material excepcional para os historiadores.

Notas editar

  1. Pérez-Stable, Marifeli. "La transición pacífica que no tuvo lugar (1954-1956)" (PDF). Revista Encuentro (en castelán). primavera-2002 (24): 283–305. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xuño de 2019. Consultado o 11 de xuño de 2019. 
  2. (en castelán)''« Quizás esa fue la primera vez que tuve planteado prácticamente ante mí el dilema de mi dedicación a la medicina o a mi deber de soldado revolucionario. Tenía delante de mí una mochila llena de medicamentos y una caja de balas, las dos eran mucho peso para transportarlas juntas; tomé la caja de balas, dejando la mochila … » cita de « Verde Olivo », Habana, Cuba, 26 febreiro 1961. Guevara, Ernesto Che. Pasajes de la Guerra Revolucionaria, Habana, Cuba: 1963, Ediciones Unión.
  3. Carta a los padres desde la Sierra Maestra, diciembre de 1956, Centro de Estudios Che Guevara Arquivado 16 de outubro de 2007 en Wayback Machine. Fonte citada: Guevara Lynch, Ernesto: Mi hijo el Che, Plaza Janes, España, 2000.
  4. Anderson:231-232
  5. Anderson:259,312
  6. Anderson;221, 252, 270
  7. (en castelán) Pacho O'Donnell, "Che, la vida por un mundo mejor", random house mandatori, 2003, p.123
  8. Anderson,294
  9. Guevara, Ernesto (1964). Una reunión decisiva, en Pasaja de la Guerra Revolucionaria, 1965. (ver artigo en liña) Arquivado 22 de outubro de 2007 en Wayback Machine.
  10. Carta de Camilo Cienfuegos al Che Guevara, 24 de abril de 1958 (ver texto aquí) Arquivado 28 de marzo de 2008 en Wayback Machine.
  11. Anderson:319
  12. "Caballete de Casas, la escuela de la guerrilla: mirada al campamento del Che en el Escambray, por Katia Monteagudo, con fotos de Juan Carlos Gort, Revista Bohemia Digital, 31 de xaneiro de 2007". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2008. Consultado o 04 de decembro de 2007. 
  13. Taibo, Paco Ignacio: Guevara also known as Che, St. Martin Press, 1999; Fontova, Humberto, Fidel: Hollywood's Favorite Tyrant, Regnery Publishing, Inc., 2005, pag. 70
  14. Anderson: 355; Galería de asesinos de Batista: Joaquín Casillas Lumpuy, Líbrínsula, Cuba, Año 1, Nro.20, Venres, 21 de maio de 2004 Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
  15. (en inglés) Love And Violence Arquivado 09 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.. BBC Open University.
  16. (en inglés) Anderson, Jon Lee. Che Guevara: A Revolutionary Life, New York: 1997, Grove Press, p. 372 and p. 425.
  17. (en inglés) Skidmore, Thomas E. (and Peter H. Smith), Modern Latin America, 4th paperback ed., 2000, p 273.
  18. (en inglés) Thomas, Hugh. Cuba or the Pursuit of Freedom. Cambridge, MA: Da Capo Press, April 1998 (Updated edition). ISBN 0-306-80827-7.
  19. Documental sobre Ernesto Guevara en Canal Historia.
  20. "Intervención en la Asamblea General de las Naciones Unidas en uso del derecho de replica, Ernesto Guevara, 11 de decembro de 1964". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2007. Consultado o 05 de decembro de 2007. 
  21. Anderson:379-380
  22. Guevara, Ernesto. ¿Qué es un guerrillero?, revista Revolución, 19 de febreiro de 1959
  23. Anderson: 412
  24. Anderson:461-462.
  25. Anderson:471
  26. Anderson: 480)
  27. Anderson: 495
  28. Anderson: 498
  29. Eric Hobsbawm (1995) Historia del siglo XX, Barcelona, Crítica, ISBN 84-7423-712-2 pg. 234.
  30. Castro's Warhawk, Time, December 21, 1962
  31. (en castelán) Ler Arquivado 21 de xuño de 2006 en Wayback Machine.
  32. (en inglés) Bruce Cumings, Korea’s Place in the Sun: A Modern History (édition mise à jour), W.W. Norton and Company, 2005, p. 404
  33. (en inglés) Ernesto Che Guevara, (éditeurs Rolando E. Bonachea and Nelson P. Valdés), Che: Selected Works of Ernesto Guevara, Cambridge, MA: 1969, p. 350.
    Ernesto Che Guevara, English Translation of Complete Text of Algiers Speech, Online at Sozialistische Klassiker Arquivado 11 de maio de 2006 en Wayback Machine.
  34. (en inglés) Ernesto Che Guevara, «English Translation of Complete Text of his Message to the Tricontinental». (en castelán) Ver ademais o texto castelán orixinal no Wikisource.
  35. (en inglés) Ernesto Che Guevara, « Che Guevara's Farewell Letter », 1965. Traduction en anglais du texte complet: Che Guevara's Farewell Letter no Wikisource.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar