Juan Almeida Bosque

político e compositor cubano

Juan Almeida Bosque, nado na Habana o 17 de febreiro de 1927[1] e finado o 11 de setembro de 2009,[2] foi un político e compositor cubano.

Juan Almeida Bosque
Nacemento17 de febreiro de 1927
Lugar de nacementoA Habana
Falecemento11 de setembro de 2009
Lugar de falecementoA Habana
Causainfarto agudo de miocardio
NacionalidadeCuba
Alma máterUniversidade da Habana
Ocupaciónpolítico, compositor, militar e poeta
PremiosHeroe da República de Cuba, Premio Casa de las Américas e Medal of Friends of the Algerian Revolution
Na rede
Musicbrainz: af58638a-2e9f-4b60-987f-647cee96ea4c Discogs: 675940 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Foi considerado a terceira figura máis importante do poder cubano tras Fidel Castro e o seu irmán Raúl Castro.[3] Membro da loita contra a ditadura de Fulgencio Batista, participou no asalto ao cuartel Moncada en 1953 e dun xeito destacado na loita revolucionaria despois do desembarco do Granma.

Despois do triunfo da Revolución o 1 de xaneiro de 1959, Almeida ocupou numerosos cargos de responsabilidade: membro do Buró Político do Comité Central do Partido Comunista desde a súa fundación en 1965, deputado da Asemblea Nacional e vicepresidente do Consello de Estado, desde a primeira lexislatura. Tamén foi comandante da Revolución e presidente da Asociación de Combatentes da Revolución Cubana.

Na súa faceta de compositor e escritor compuxo máis de 300 cancións e escribiu unha ducia de libros.[4]

Traxectoria editar

Infancia e xuventude editar

Naceu na Habana nunha familia numerosa sendo o segundo de 12 irmáns.[5] Aos 11 anos deixou a escola e fíxose albanel.[6][7] Mentres estudaba Dereito na Universidade da Habana en 1952, fixo amizade co revolucionario Fidel Castro[3] e en marzo dese ano uniuse ao movemento anti-Batista. O 26 de xullo de 1953 participou xunto a Fidel, Raúl Castro, Abel Santamaría e outro cento de revolucionarios no asalto ao cuartel Moncada, en Santiago de Cuba.[7] A operación foi un fracaso: as forzas do ditador Fulgencio Batista repeleron o asalto e moitos dos atacantes foron abatidos, apresados ou torturados. Almeida foi un dos apresados e foi condenado a dez anos de cárcere. Foi internado no presidio Modelo, na Illa de Pinos.[7]

Expedición do Granma e Sierra Maestra editar

Grazas á presión popular e ás aspiracións políticas de Batista para lexitimar o seu goberno en eleccións populares, en 1955 foi amnistiado xunto aos seus compañeiros. Pola imposibilidade de desenvolver a loita en Cuba, viaxou a México xunto co resto dos moncadistas. Neste exilio político preparouse no manexo de armas e partiu para Cuba no iate Granma en 1956 cun pequeno grupo de expedicionarios.[7] Ao chegar foron atacados polo exército en Alegría de Pío, onde moitos revolucionarios morreron e outros espalláronse. Unha vez que os superviventes dispersos se reuniron e subiron á Sierra Maestra ao mando de Fidel Castro, destacou na loita militar contra o exército, polo que o 27 de febreiro de 1958 foi ascendido a comandante do Exército Rebelde e pasou a dirixir a Columna Santiago de Cuba.

En marzo dese mesmo ano, dirixiu a III Fronte Oriental Dr. Mario Muñoz Monroy, que inicialmente adoptara o nome de III Fronte de Operacións en Sierra Maestra.

Goberno revolucionario editar

Despois do triunfo da Revolución en 1959, ocupou cargos nas Forzas Armadas Revolucionarias (FAR). O 29 de marzo de 1962, Juan Almeida participou como vocal da Corte Revolucionaria presidida polo comandante Augusto Martínez Sánchez, que foi o encargado de procesar aos participantes na frustrada invasión de Baía de Cochinos o 17 de abril de 1961. Este tribunal estaba integrado tamén polos comandantes Guillermo García Frías, Sergio del Valle e Manuel Piñeiro.

Participou na fundación do Partido Comunista de Cuba e entrou a formar parte do seu Comité Central e do Buró Político en outubro de 1965.[7] Foi membro da Asemblea Nacional do Poder Popular dende a primeira lexislatura e vicepresidente do Consello de Estado de Cuba. Foi tamén presidente da dirección nacional da Asociación de Combatentes da Revolución Cubana (ACRC). A ACRC é a organización que rexe o traballo dos veteranos de guerra e dos militares de idade avanzada que se comprometen cos principios do Estado cubano.[5]

Morte editar

O 11 de setembro de 2009 ás 23:30 horas, faleceu por unha parada cardiorrespiratoria aos 82 anos.[2][4] Os seus restos mortais foron enterrados no mausoleo da III Fronte Oriental, en Santiago, xunto con outros loitadores da Revolución cubana.[8]

Traxectoria artística editar

O seu legado vai máis alá da loita revolucionaria, pois deixou tamén pegada na arte como escritor e como compositor musical. Compuxo máis de trescentas cancións, moitas delas durante o período guerrilleiro, das que fixeron varias producións discográficas, sendo editado o seu primeiro disco en 1959.[9] Algunhas das súas cancións máis populares son Dame un traguito, Esa mujer ou La Lupe, esta última con interpretacións de Amelita Frades e Silvio Rodríguez.[10]

Recoñecementos editar

No 40 aniversario do seu ascenso a comandante do Exército Rebelde foi condecorado co título de Heroe da República de Cuba e coa Orde Máximo Gómez de primeiro grao.[5] En 2003, recibiu a Medalla Conmemorativa 50 Aniversario do 26 de Xullo.[11]

Obras editar

  • Presidio
  • Exilio
  • Desembarco
  • La Sierra
  • Por las faldas del Turquino
  • Contra el Agua y el Viento, Premio Casa das Américas (1985)
  • La Única Ciudadana
  • El General en Jefe Máximo Gómez
  • ¡Atención! ¡Recuento!
  • La Sierra Maestra y más Allá
  • Algo nuevo en el desierto
  • La Aurora de los héroes

Notas editar

  1. "Juan Almeida Bosque". telegraph.co.uk (en inglés). 18-9-2009. Consultado o 17-9-2019. 
  2. 2,0 2,1 "Fallece el vicepresidente cubano Juan Almeida Bosque". El País (en castelán). 12 de setembro de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 "Macho en la vida" (en castelán). 11 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 "Falleció el Comandante de la Revolución Juan Almeida Bosque". granma.cu (en castelán). (arquivado en WebArchive o 9-11-2018). 12-9-2009. Archived from the original on 09-11-2018. Consultado o 17-9-2019. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Biografía de Juan Almeida Bosque". Granma (en castelán). 11 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  6. "Cuban revolutionary Almeida dies". BBC (en inglés). 12 de setembro de 2009. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 "Un héroe con música en el alma". Granma (en castelán). 10 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  8. "Sepultado Juan Almeida Bosque" (en castelán). 16 de setembro de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  9. "Juan Almeida: Revolución y Música" (en castelán). 11 de setembro de 2019. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  10. "Juan Almeida, una vida musical" (en castelán). 12 de setembro de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2019. 
  11. "Efemérides cubanas: La Historia el 26 de julio". tvcamaguey.co.cu (en castelán). (arquivado en WebArchive o 7-4-2014). 25-7-2013. Archived from the original on 07-04-2014. Consultado o 17-9-2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar