O pano de aceiro[1][2] ou a cortina de ferro[3] é un termo que fai referencia á fronteira, non só física senón tamén ideolóxica e simbólica, que dividía Europa despois da segunda guerra mundial.

Europa dividida polo pano de aceiro

Historia

editar

Winston Churchill popularizou a expresión nunha conferencia nos Estados Unidos o 5 de marzo de 1946, na que dixo:

Dende Stettin, no Báltico, a Trieste, no Adriático, caeu sobre o continente [Europa] un pano de aceiro.
Wiston Churchill

A fronteira da que falaba Churchill dividía aos estados capitalistas aliñados política, económica e militarmente cos Estados Unidos e os estados socialistas que facían o seu coa Unión Soviética. En realidade, o termo fora cuñado polo que fora ministro de Propaganda da Alemaña nazi Joseph Goebbels, que vaticinaba o 25 de febreiro do 1945, nun artigo intitulado "O ano 2000", no semanario Das Reich:

Se os alemáns baixan as súas armas, os soviéticos, de acordo co arranxo ao que chegaron Roosevelt, Churchill e máis Stalin, ocuparán todo o leste e o sueste da Europa, así como a meirande parte do Reich. Unha cortina de aceiro [ein eiserner Vorhang] caerá sobre este enorme territorio controlado pola Unión Soviética, detrás da cal as nacións serán destruídas. A prensa xudía en Londres e Nova York seguirá aplaudindo probablemente.
Joseph Gobbels

A división tamén se fixo patente en dous sistemas militares contrapostos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (1949) e o Pacto de Varsovia (1955), así como nas alianzas económicas; dunha banda o Plan Marshall e o Consello de Axuda Mutua Económica doutra. Esta división en dous bloques enfrontados nas súas concepcións políticas, militares e económicas, deu lugar á situación coñecida co nome de Guerra fría.

Unicamente Iugoslavia, dirixida polo Mariscal Tito, adoptou na disputa unha posición neutra aínda sendo socialista e atopándose ao leste da cortina. Ao oeste desta, Finlandia e Austria mantiñan tamén unha política de relativa neutralidade respecto aos bloques, procurando manter relacións cordiais coa Unión Soviética. Nos medios de comunicación dalgúns países occidentais, empregouse o termo de finlandización para describir, en sentido negativo, unha política que, segundo ditos medios, servía aos intereses soviéticos.

  1. "pano". Diccionario enciclopédico galego universal 47. La Voz de Galicia. 2003-2004. pp. 58–59. ISBN 84-7680-429-6. 8 pano de aceiro POLÍT Expresión que indica as fronteiras que existían entre a URSS e os países comunistas de Europa oriental e o bloque occidental desde 1946 ata o afundimento destes réximes comunistas. 
  2. "pano". Enciclopedia Galega Universal 13. Ir Indo Edicións. 1999-2002. pp. 205–206. ISBN 84-7680-288-9. 12 pano de aceiro POLÍT Expresión que indica as fronteiras que existían entre a URSS e os outros países comunistas de Europa Oriental, dunha banda, e o bloque occidental, doutra, ata o afundimento destes réximes comunistas. Foi popularizada por Winston L. S. Churchill (iron curtain) a partir de 1946. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cortina.