André

nome masculino

André[1] é un nome de varón da onomástica galega e portuguesa de orixe grega. Deriva do termo ανήρ (anēr), xenitivo ανδρός (andrós), que indica o home como oposto da muller (mentres que home na súa acepción de humano é άνθρωπος, ánthropos, ανθρώπου, anthrópou); ανήρ pode estar ligado coa raíz indoeuropea ner que significa home, forza vital.[2] Pode entenderse o seu significado coma home forte, viril e bravo, e malia a etimoloxía e significado, en galego úsase Andrea (ás veces Andreia) coma forma feminina do nome.

Imaxe en Santo André de Cesar (Caldas de Reis).

André tamén é un apelido galego e francés. Nun documento galego de 1321 xa se nomeaba un Martin André e un Johan Andres.[Cómpre referencia]

O nome en Galiza editar

 
André, o apóstolo.

O nome de André foi moi común en Galiza, infinidade de parroquias teñen a Santo André como padroeiro, e até 10 levan incluído no nome da aldea Santo André (ás veces pronunciado santandré).

A forma galega do nome, André, coincidente coa portuguesa e a francesa, foi desprazada en gran parte pola castelá Andrés, con todo nos últimos anos estase a recuperar a forma propia en nenos.

En xaneiro de 2016 632 varóns levan o nome de André en Galiza. En España 1 722 (en parte pola coincidencia co nome francés), sendo con todo, Pontevedra a provincia de España con maior porcentaxe do nome, seguida de Ourense.[3] A variante castelá Andrés lévana como nome en Galiza 7 472 varóns (no total de España 118 951 homes). O feminino, Andrea, corresponde a 8 441 mulleres galegas, polo que é moi abondoso en Galiza, sendo a provincia de Pontevedra a de maior porcentaxe en toda España. A variante Andreia lévana 63 mulleres galegas, é tamén en Galiza onde se dan as maiores porcentaxes de toda España.

O apelido André aparece nas catro provincias galegas, cun total de 429 persoas, sendo máis frecuente en Pontevedra e especialmente en Ourense, cunha porcentaxe de 0,23, a maior de toda España[4].

Santoral editar

30 de novembro: Santo André, apóstolo de Xesús Cristo.

Variantes galegas editar

  • Feminino: Andrea, ás veces coa variante arcaica Andreia.
  • Hipocorísticos: Necho, Nes.
  • Diminutivos: Andresiño e Andy (forma proveniente do inglés).

Variantes noutras linguas editar

Variantes noutras linguas
Albanés Ndreu
Alemán Andreas
Etíope Andreyas
Árabe أندراوس (Andraous)
Armenio Andreas
Asturiano Andrés, Andresu
Bretón Andreo
Búlgaro Андрей (Andrej)
Catalán Andreu
Checo Ondřej, Andrej
Corso Andria
Croata Andrija, Andreas
Dinamarqués Andreas
Eslovaco Ondrej, Andrej
Esloveno Andrej
Español Andrés
Esperanto Andreo
Estoniano Andreas
Éuscaro Ander
Finés Andreas
Francés André
Gaélico escocés Anndrais
Galés Andrés
Galego André
Grego Ανδρέας (Andréas)
Hebraico אנדראס (Andras)
Neerlandés Andreas
Húngaro András
Inglés Andrew
Irlandés Aindriú
Islandés Andreas
Italiano Andrea
Latín Andreas
Letón Andrejs
Lituano Andrejus
Maltés Andrija
Noruegués Andreas
Occitano Andrièu
Polonés Andrzej
Portugués André
Romanés Andrei
Ruso Андрей (Andrej)
Sardo Andrìa
Serbio Андреј (Andrej)
Sueco Andreas
Ucraíno Андрій (Andriy)
Xaponés アンドレス (Andoresu)
Xeorxiano ანდრია (Andria)

Historia editar

A forma na que coñecemos o nome André, en grego é Andreas, que atopamos xa nunha das historias de Heródoto. É, polo tanto, un nome que en tempos de Xesús levaba xa a usarse máis de 500 anos, como o de Filipe ("aquel que ama os cabalos"), o outro discípulo con nome grego. É da familia léxica de "anhr" (anér), que significa "home valoroso" ou "viril", e de andreia (andréia), que significa "valentía" pola súa proximidade aos valores masculinos.

As orixes deste nome remóntanse á antiga Grecia, onde os loiadores calificaban de "andré" aos gañadores. Entendendo así por este termo un cualificativo cunha carga emotiva importante, razón pola que levar a cabo unha revolución uníndose varios "andrés" e agrupándose baixo o pseudónimo de 'Andreanos', cuxo berro de guerra característico ao comezaren cada batalla era "Andreano a morrer!"

Santo André editar

Artigo principal: André Apóstolo.

Segundo a tradición cristiá Santo André é un dos doce apóstolos de Xesús, cuxo nome figura nas enumeracións que os catro Evanxeos fan dos apóstolos. Era irmán de Pedro, o primeiro dos apóstolos, ao que Xesús encomendaría a misión de rexer a Igrexa.

De acordo con dita tradición, procedía de Betsaida e era un modesto pescador no lago de Xenezaret. Moraba en Cafarnaum, par de Pedro e maila dona deste. Escoitaba con interese as predicacións de Xoán o Bautista, cando este anunciou aos que acodían a se bautizar, que el non era ninguén, que non era digno nin de desagulletar as fitas das sandalias de Xesús. Encarreirouse, logo, cara a el. André escoitou a Xesús durante horas e quedou conturbvdo. Contoullo a seu irmán Pedro e conduciuno até Xesús. Un día atopounos aos dous a pescar e díxolles: "Seguídeme, que eu vos farei pescadores de homes". E dende aquela rexeitaron canto tiñan e se dedicaron a axudar a Xesús na súa misión evanxelizadora.

Trala morte de Xesús, logo de ter evanxelizado André os escitas e os colonos gregos de Heraclea, Sinop e Trebisonda, tornou a Xerusalén, onde sufriu martirio nunha cruz en forma de aspa, que pasaría a se chamar a "Cruz de Santo André". Isto tería ocorrido polo ano 95 da nosa era, e o seu corpo foi trasladado a Constantinopla o ano 357.

Etnografía galega editar

  • Por Santo André, toma o porco polo pé[5].

Toponimia editar

Artigo principal: Santo André.

O nome de Santo André proliferou extraordinariamente na xeografía. En Galiza é un topónimo frecuente, levándoo 10 parroquias e 18 lugares ou aldeas como nome, ademais de ser patrón de moitas outras. Un dos santuarios desta advocación máis famoso é o de Santo André de Teixido, no concello coruñés de Cedeira, onde se mesturan lendas cristiás e pagás.

Personaxes célebres editar

Santos editar

Reis editar

Monarcas e membros de casas reais
Hungría André I, rei de Hungría (1047-1061).
André II, rei de Hungría e de Croacia (1205-1235).
André III, rei de Hungría (1290-1301).
Nápoles André I, rei de Nápoles e conde da Provenza (1343-1345).
Rusia Tsares de Rusia
André I Bogolyubsky, primeiro Gran Príncipe de Vladimir (1168-1174).
André II, oitavo Gran Príncipe de Vladimir (1249-1252).
André III, décimo terceiro Gran Príncipe de Vladimir (1294 - 1304).

Outras personalidades editar

Galegos editar

  • André de Iria, (século VI), primeiro bispo galego da diocese de Iria documentado.
  • André Pena Graña, Ferrol, 1955, é un historiador contemporáneo galego especializado en investigacións sobre a cultura céltica.
  • Eloy Luís André, Verín, 1878, foi un filósofo e psicólogo galego.

Outras personalidades editar

  • Nomes en diferentes linguas: André, Andrés, Andreu, Andrew, Andrei...
 
André-Marie Ampère.
 
André Masséna.
 
Andrew Johnson.
 
Andrés Bello.

Notas editar

  1. Nome galego en Diccionario galego-castelán, Terceira Edizón, Leandro Carré Alvarellos (1951), A Coruña, Roel
  2. Diccionario griego clásico online Arquivado 23 de outubro de 2013 en Wayback Machine., Instituto Lingüístico de la Universidad de Texas.
  3. Instituto Nacional de Estadística - http://www.ine.es/tnombres/formGeneralresult.do?L=0&vista=1&orig=ine&cmb4=99&cmb6=Andr%E9&cmb7=1&x=12&y=9
  4. http://www.ine.es/apellidos/formGeneralresult.do?L=0&vista=1&orig=ine&cmb3=99&cmb6=Andr%E9&x=11&y=9
  5. Literatura popular de Galicia, 1881, Juan Antonio Saco y Arce. Ed. De J. L. Saco, Ourense

Véxase tamén editar

Outros artigos editar