Lingua polaca

lingua eslava do nordeste de Europa

O polaco[2] é unha lingua eslava do nordés de Europa, oficial na República de Polonia e no Condado de Vilnius. Forma parte da póla lequítica das linguas eslavas setentrionais e existe un alto grao de intercomprensibilidade co checo e o eslovaco.

Polaco
Polski
Outros nomes:Polaco
Falado en: Polonia, condado de Vilnius e minorías noutros países
Rexións: Europa
Total de falantes: 50 millóns (38 millóns en Polonia)
Posición: 30
Familia: Indoeuropea
 Balto-eslava
  Eslava
   Eslavo occidental
    Polaco
Status oficial
Lingua oficial de: Polonia
Unión Europea
Regulado por: Consello da lingua polaca
Códigos de lingua
ISO 639-1: pl
ISO 639-2: pol
SIL: POL
Mapa
Status

O polaco está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

Historia

editar

A historia desa lingua divídese en catro períodos: antigo (séculos XII - XVI), medio (século XVI - 1780), novo (1780 - 1945) e moderno. A lingua polaca pertence á rama lequítica do grupo occidental eslavo, xunto con dialectos extintos dos eslavos que viviron ao leste dos ríos Oder (Odra en polaco) e Elba. A historia rexistrada da lingua polaca comeza cunha bula papal en latín, do 1136, polo arcebispo de Gniezno, na cal aparecen 410 nomes polacos persoais e xeográficos. O rexistro polaco máis antigo dátase do século XIII, sendo do século XIV o texto continuo máis antigo.

No século XVI xa se pode falar de lingua literaria máis ou menos normativa, que contén algunhas características do dialecto da rexión da Gran Polonia, no oeste do país, e da rexión da Pequena Polonia, no sueste, estando a historia da época da Polonia conectada con centros político-relixiosos desas rexións (Gniezno, Poznań e Cracovia). As influencias diferenciadas de ambos dialectos acabaron coa selección da variante máis próxima ao checo, que tivo forte influencia no comezo do século X, cando o cristianismo entrou na Polonia vía Bohemia. A lingua literaria polaca tivo desenvolvemento continuo desde entón, aínda que o latín teña sido un serio adversario, concorrendo co polaco ata o final do século XVIII.

En 1924, o novelista Władysław Reymont gañou o Premio Nobel de Literatura. Outros novelistas e poetas que tamén gañaron o Nobel foron Henryk Sienkiewicz, en 1905, Czesław Miłosz, en 1980 e Wisława Szymborska, en 1996.

Dialectos

editar

O territorio lingüístico polaco divídese tradicionalmente en cinco grandes zonas dialectais, correspondentes ás rexións histórico-xeográficas da Gran Polonia, Pequena Polonia, Silesia e Casubia. Esta división non inclúe os territorios do oeste e do norte (aproximadamente o 25% do territorio polaco actual) que pertencían a Alemaña ata a segunda guerra mundial, poboados despois polos chamados falantes de novos dialectos.

A maioría dos falantes dialectais mostran tendencia á diglosia, ou sexa, falan dúas linguas, a forma dialectal e a lingua normativa.

A lingua caxubia, considerada polos lingüistas polacos durante o réxime comunista só un dialecto do polaco (por razóns políticas), agora goza do estatuto oficial dunha lingua rexional e, como tal, é protexida e promovida polo estado polaco.

Gramática

editar

O polaco contemporáneo posúe sete fonemas vocálicos e 35 consoantes, representados polo alfabeto latino, con algúns sinais diacríticos. Os sons que non existían no latín foron transcritos coa utilización de dígrafos, como sz e cz, que son fricativas sibilantes sonora (j portugués) e xorda (x galego) respectivamente; ou por medio de marcas diacríticas como ź e ś, procedentes do checo. O único sinal polaco do seu alfabeto é a letra Ł, que equivale á semiconsoante w. Ao longo da súa evolución, o polaco deixou de distinguir entre vogais longas e breves.

O polaco é a única lingua eslava que posúe vogais nasais (ą e ę), orixinarias das vogais nasais do antigo eslavo. É unha lingua moito flexionada e os verbos conxúganse variando en xénero, persoa e número; a orde das palabras na frase é bastante flexíbel, por conta da clareza dada pola declinación de substantivos e adxectivos.

Alfabeto

editar

O alfabeto polaco ten 32 caracteres; 9 son vocálicos e 23 son consonánticos.

A Ą B C Ć D E Ę F G H I J K L Ł M N Ń O Ó P R S Ś T U W Y Z Ź Ż
a ą b c ć d e ę f g h i j k l ł m n ń o ó p r s ś t u w y z ź ż

Os caracteres Q V X - q v x aparecen só en palabras de orixe estranxeira. Son chamados "caracteres históricos" e frecuentemente non se consideran parte do alfabeto polaco contemporáneo.

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para polaco.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar