Abrir o menú principal

André Pichot, nacido en 1950, é un científico francés, investigador en epistemoloxía e historia da ciencia, no CNRS. É coñecido, sobre todo a partir dos anos 1960, polos seus escritos criticando asuntos relacionados coa xenética, en particular a influencia que a bioloxía moderna tivo nas ideoloxías que sosteñen a euxenesia e o racismo.

André Pichot
Nacemento1950
NacionalidadeFrancia
Ocupaciónfilósofo da ciencia e historiador da ciencia
editar datos en Wikidata ]

Historia da cienciaEditar

No que se refira á historia da ciencia, Pichot, na súa Histoire de la notion de vie, pasa revista ás teorías sobre a vida que se sucederon desde a Antigüidade até a aparición da bioloxía moderna. Coa axuda de numerosas citas, trata de situar o significado destas teorías no contexto dos coñecementos e das ideas existentes na época en que se formularon.

Para o período moderno analiza particularmente as teorías de Lamarck, Claude Bernard, Darwin e dos fundadores do darwinismo (que, segundo el, habería que chamar weismannismo, do nome do que considera ser o seu principal teórico August Weismann). Pichot ocúpase en reavaliar os papeis de Lamarck e de Darwin. Así, segundo el, foi Darwin, e non Lamarck, quen elaborou a teoría da transmisión dos caracteres adquiridos e foi Lamarck, e non Darwin, quen construíu unha verdadeira teoría da evolución; Darwin buscaba de feito establecer unicamente o mecanismo polo cal as especies se diferenciaban, de aí, segundo Pichot, o título da obra de Darwin Da orixe das especies por medio da selección natural, ou a preservación das especies favorecidas na loita pola supervivencia.[1]

Pichot móstrase moi crítico sobre a historia da bioloxía, sobre o seu ensino e a súa presentación ao gran público. Denuncia, nas súas obras, as omisións, os erros, mesmo as falsificacións dos biólogos e dos historiadores actuais, e as tomas de posicións "ambiguas" de certos científicos sobre o racismo, a euxenesia ou sobre as manipulacións xenéticas. (Véxase Des biologistes et des races (Os biólogos e as razas), ou Clonage: Frankenstein ou Pieds-Nickelés? [2]

Segundo Pichot, a bioloxía moderna está nunha impasse teórica que enmascara coa axuda de operacións mediáticas e de perversión tecnolóxica [3] (Téléthon, anuncios falsos de terapias milagreiras, secuenciacón do xenoma humano etc). O dominio do neodarwinismo e da bioloxía molecular (dous "dogmas segundo certos biólogos, especialmente Francis Crick) terían, segundo Pichot, esterilizado case calquera tentativa de pensar o vivente doutra maneira que como unha máquina. A analoxía mecanicista remóntase ao século XVII e non é máis que unha metáfora cómoda, a falta doutras mellores; hoxe en día, segundo el, a máquina chegaría a ser o modelo exclusivo mediante o cal os científicos intentan apreender o vivente.[4] Pero tal concepción do vivente é moi criticábel.[5] Segundo Pichot non sairá nada bo da bioloxía moderna.[3]

André Pichot defendeu as súas posicións no xornal Le Monde ou na revista Esprit, e presentouse como testemuña a favor de René Riesel en Montpellier en 2001 en ocasión do proceso intentado polo CIRAD contra as persoas que saquearan un laboratorio público de investigación no que se traballaba nun arroz transxénico.

O papel pouco relucente da bioloxía, segundo André PichotEditar

No libro La société pure, de Darwin à Hitler, Pichot considera que a euxenesia e o "darwinismo social" eran ideas compartidas polo conxunto dos biólogos antes da segunda guerra mundial, o que levou a certos países occidentais a adoptar leis euxénicas (especialmente nos Estados Unidos, Alemaña e Escandinavia).[6] Como a aplicación de teorías euxénicas conduciu a eutanasia de centos de milleiros de persoas durante o III Reich, estes científicos, segundo André Pichot, esforzaríanse despois da guerra en facer esquecer a súa contribución a aqueles acontecementos.

En efecto, Pichot considera que baixo o impulso do darwinismo, a euxenesia e o racismo foron o obxecto de teorías científicas na fin do século XIX (por exemplo Ernst Haeckel) e na primeira metade do XX.

Principais obrasEditar

  • Éléments pour une théorie de la biologie, éd. Maloine, 1980.
  • La Naissance de la science, Tome I. Mésopotamie, Égypte, Tome II. Grèce présocratique, éd. Gallimard, coll. Folio/Essai, Números 154 e 155, 1991.
  • Petite Phénoménologie de la connaissance, éd. Aubier, 1991.
  • Histoire de la notion de vie, éd. Gallimard, coll. TEL, 1993.
  • Presentación (páxs. 7-49), notas (páxs.655-692), Bibliografía e vida de Lamarck in Lamarck, Philosophie zoologique, Paris, GF-Flammarion, 1994.
  • L’Eugénisme, ou les généticiens saisis par la philanthropie, éd. Hatier, coll. Optiques, 1995.
  • Histoire de la notion de gène, éd. Flammarion, coll. Champs, 1999.
  • La Société pure: de Darwin à Hitler, éd. Flammarion, 2000 (coll. Champ, 2001).
  • Aux origines des théories raciales, de la Bible à Darwin, éd. Flammarion, 2008.

Ademais dos libros, Pichot publicou numerosos artigos científicos en varias revistas, entre elas Bulletin de la Société Francophone de Biologie Théorique, Fundamenta Scientae, La Recherche, Philosophia Scientae e Rue Descartes, ademais nos Anais de varios Congresos internacionais nos que participou como relator. E tamén, para coñecemento do gran público, en revistas e xornais como a revista Esprit e, sobre todo, no xornal Le Monde.

NotasEditar

  1. Pichot, A. (1963): Histoire de la notion de vie. Paris: Gallimard.
  2. Les Pieds Nickelés foi unha serie de banda deseñada creada por Louis Forton, publicada por primeira vez o 4 de xuño de 1908 na revista L'Épatant. Véxase: Questions/réponses sur les Pieds Nickelés (Preguntas/respostas sobre os Pés niquelados). A expresión pés niquelados significa "os que non se levan no traballo", que vén ou ben do feito de que os pés de níquel serían demasiado valiosos como para que serviran para andar ou traballar, ou ben de que os "pieds niclés", pés afectados de raquitismo, non permitirían un traballo continuado. Segundo Jean Tulard, a expresión provén dunha peza de Tristan Bernard. Véxase: Jean Tulard, Les Pieds Nickelés de Louis Forton (1908-1934), Armand Colin. ISBN 978-2200350550.
  3. 3,0 3,1 Véxase Mémoire pour rectifier les jugements du public sur la révolution biologique.
  4. Véxase Histoire de la notion de vie, conclusión.
  5. Véxase por exemplo Gérard Nissim Amzallag, La raison malmenée, critique des idées reçues en biologie moderne (libro con prefacio de Pichot e que prolonga a análise histórica e crítica deste para o período contemporáneo).
  6. Soutullo, Daniel (2001): Sobre clons e xenes. Santiago de Compostela: Laiovento. Páxs. 135 e 145-151.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • Lewotin, Richard Charles (2000): A doutrina do ADN. A bioloxía como ideoloxía. Santiago de Compostela: Laiovento, col. Ensaio. Número 139. ISBN 84-89896-78-X
  • Pichot, André (1963): Histoire de la notion de vie. Paris: Gallimard.
  • Pichot, André (1991): La Naissance de la science, Volume I Mésopotamie, Égypte, Volume II Grèce présocratique. Paris: Gallimard, col. Folio/Essai, Números 154 e 155.
  • Soutullo, Daniel (1997): De Darwin ao ADN. Santiago de Compostela: Laiovento, col. Ensaio. Número 81. ISBN 84-87847-88-9
  • Soutullo, Daniel (2001): Sobre clons e xenes. Santiago de Compostela: Laiovento, col. Ensaio. Número 150. ISBN 84-89896-92-5

Ligazóns externasEditar