Literatura galesa

A literatura galesa é a feita en galés (cymraeg) no País de Gales, nación que forma parte do Reino Unido da Gran Bretaña, ou nesa lingua feita por membros da diáspora galesa.

Libro Vermello de Hergest

Historia

editar

Primeiras mostras:

editar

Os cynfeirdd e a súa hengerdd

editar
 
Llyfr Du Caerfyrddin.

Coñécese con nome de cynfeirdd (primeiros bardos) os autores primeiros dos que temos noticia. A súa obra é definida como a hengerdd (a poesía vella).[1] En principio engloba só os autores do século VI, pero hai certa tendencia a incluír os bardos posteriores previos aos gogynfeirdd, os do período do canu'r bwlch (séculos VII-XI).

Os testemuños escritos máis antigos en galés consérvanse no Codex Juvencus, datado do século X, e conservado na Universidade de Cambridge. Tamén na Historia Brittonum de Nennio, datada do 800, se fala e danse nomes dos primeiros poetas galeses. As obras dos cynfeirdd, primeiros poetas do período prenormando, agás dúas ou tres pezas, sobreviviron grazas aos manuscritos dos séculos XII-XIV:

Aínda que os datos son inseguros, é certo que os poemas recollidos son máis antigos que as copias. Mentres que o antigo britónico era unha lingua sintética, o novo galés, aparecido no século VI, é unha lingua analítica. Nennio, discípulo do bispo Elfodd de Bangor, afirma que os poetas Blwchfardd, Cian, Talhaern tad Awen, Taliesin e Neirin ou Aneirin, compuxeron poesías en galés na época do rei Ida (547-559), fillo de Eobba, primeiro rei de Bernicia.[2]

Os poetas do período, chamados bardos, eran auténticos mestres na versificación fundamentada en aliteración e a rima (dous ou tres versos sucesivos acabados na mesma sílaba). A maior parte das obras son odas heroicas ou lais, cantan as proezas guerreiras e a xenerosidade de Urien de Rheged (reino situado entre as actuais Wigtown e Kirkcudbright, na actual Escocia), e choraban a morte do seu fillo Owain. O Llyfr Aneirin, composto por un poeta que viviu entre o 510 e o 570, contén o poema Y Gododdin, de 900 versos e con interpolacións de épocas posteriores; foi composto en cúmbrico, dialecto británico próximo ao galés, e conmemoraba a expedición por unha parte de 300 guerreiros comandados por Mynyddawg Mwynfawr de Caereidyn (onda a actual Edimburgo, Escocia), para capturar a fortaleza romana de Cataractonium ou Catraeth (hoxe Catterick, Yorkshire) aos saxóns do reino de Deira. Trátase de poesía heroica con linguaxe directa e sinxela, de expresión vigorosa e coa rima interna de correspondencia consonántica, chamada cynghanedd. Tamén o consideran compositor algúns anos máis tarde do poema "Eglinion ac Misseld". No referente a Taliesin, escribiu en xénero heroico a Oda a Cynan Garwyn de Powys.[3][4]

Canu'r Bwlch

editar

Dos séculos VIII ao X consérvanse poucos poemas soltos de autores como Morfran, Meugan, Arofan, bardo de Selyf ap Cynan, e Afan Ferddig, bardo de Cadwallon ap Cadfan, morto o 613 en Hexham loitando contra Oswald de Bernicia, e autor de Moliant Cadwallon (Eloxio a Cadwallon), aínda que outros estudosos o atribúen a Cynddylan ap Cyndrwyn (s. VII). Tamén é importante a obra anónima Edmyg Dinbych (Elexía a Denbigh), do século IX.[5]

Como autor máis coñecido daquela época ou cronista cómpre destacar a Gildas mab Kaw. Compuxo en latín De Excidio Britannie (talvez data do 540), onde describe as pelexas entre pictos, saxóns e romanos, e aparece a frase Arturi regis totius maioris Britannie, primeira referencia á figura lendaria do rei Artur.

 
Facsímile dunha páxina do Llyfr Taliesin

Tamén destacaron como obras máis tardías o Armes Prydein (A gran profecía de Britania, 940) de cariz épico, onde vaticina a unión dos galeses cos británicos do Norte, Cornualla, Irlanda e Armórica para opórense ao rei saxón Aethelstan de Wessex; a Kanu y gwint (Canción do vento, s.X-XI); Hanes Taliesin (Historia de Taliesin), similar ao Armes…, pero contén o famoso diálogo entre Myrddin (Merlín) e Taliesin; e Brut y Tywysogion (Crónica dos Príncipes), grande crónica de Gales, recollida posteriormente polos monxes do Císter. Estas obras serían consideradas os máis importantes en galés do período, e influíron na obra de cronistas posteriores como Geoffrey de Monmouth, Gautier Map e Gerard Le Cambrien, compiladores do ciclo artúrico en latín ou francés na corte de Henrique II de Inglaterra.

As poesías de Llywarch Hen (s. VI) chegáronnos por dúas sagas dun xograr de Powys do século IX sobre Llywarch e Heledd, irmá de Cynddylan ap Cyndrwyn, coa métrica englyn embelecida pola aliteración. Describe as loitas entre os reinos de Powys e Mercia, na que Llywarch perdeu 24 fillos. Ambas as dúas son figuras dolorosas (diriad) por un destino desafortunado (dedwydd) e choran o orgullo perdido (traha). Outros fragmentos atopados da época son:

Todas elas recollidas no Llyfr Du Caerfyrddin (Libro Negro de Caerfyrddin).[7] Tamén destacan os mitos de Myrddin Wyllt (Merlín o salvaxe), o salvaxe do bosque quen toleou ao ver unha batalla, o cal o fará profeta. En definitiva do período prenormando, entraron tamén en temas bíblicos ou lendas estranxeiras, como os de Hércules, Alexandre ou o irlandés Corroín Mac Dairi. Tamén se recolleron moitas sobre Avalon, o antigo Edén dos celtas, cuxo nome pode provir do galés Ynys Afalon (Illa das Mazás) ou ben de Affallach (O reino dos mortos). Tamén se cre que no século VI se celebrou a primeira Eistedfodd, festival de música e poesía, talvez reunido en Conway por Maelgwn, pero non está datada con certeza ata o século IX.

Este período levará do 1100 ao 1350 aproximadamente, e tamén foi chamado dos bardos dos príncipes (beirdd y Tywysogion en galés). A consolidación do reino de Gwynedd permitiu unha evolución literaria en galés. Os bardos dividíanse en graos segundo a aprendizaxe que seguiran. O máis alto, ou pencerdd (cabeza de canción), cantaba na corte as proezas do seu señor, dos santos e de deus, e tiña prohibido cantar o amor ou a natureza. O bardd teulu cantaba á familia do señor, e podía cantar o amor, a natureza e as mulleres. O máis baixo, o cerddorion (trobador) dedicábase á poesía obscena e satírica, así como ás historias orais cyfarwyddyd, desenvolvidas e recollidas posteriormente nos Mabinogion.

Esta graduación baseada no ensino persistiu, e durante o reinado de Henrique IV de Inglaterra, a Eistedfodd ou Trono dos Bardos daba certificados e encargábase que os poetas dos chanzos máis baixos non caesen na mendicidade. Porén, iso provocou tamén un conservadorismo lingüístico e literario, porque o arcaísmo era considerada de bo gusto. Os bardos, asemade, adoitaban pertencer á mesma familia, como o caso de Meilyr Brydydd, o seu fillo Gwalchmai ap Meilyr e o seu neto Meilyr ap Gwalchmai, todos eles na corte de Gwynedd en Aberffraw.

Os principais poetas do período serían Gwalchmai (fl. 1130-1180) autor da canción de primavera Gorhoffedd (Vangloria) e da sátira contra os monxes Kynddelw; o seu fillo Meilyr ap Gwalchmai, autor de Arwyraim Owain (Exaltación de Owain, 1137); Cynddelw Brydydd Mawr "O gran poeta", fl. 1155-1200) da corte de Powys; Owain Cyfeiliog (1140-1197) poeta e príncipe de Powys, autor de Hirlas Owain (O corno bebedor gris de Owain); Hywel ab Owain (morto o 1170), príncipe de Gwynedd, cantor do amor do país, cos xéneros marwnad (elexía) e moliant (eloxio); e Gruffudd ab yr Ynad Coch "Fillo da Xustiza Vermella"), quen escribiu en 1282 uns Marwnadau á morte do rei Llywelyn ap Gruffudd.

Tamén destacou o xénero marwysgafn (Canción no leito de morte), de cariz relixioso, onde se confesan os pecados pola proximidade da morte, e outras proezas dos santos. Os últimos poetas, con todo, inclináronse polas novas rimas, como as awdlau. Os máis famosos serían Gruffudd ap Maredudd ap Dafydd (fl. 1352-1382), Gruffydd ap Dafydd ap Tudur (fl. 1380), Casnodyn (fl. 1320-1340) e outros.

No referente á prosa profana, no século IX apareceron na igrexa de San Teilo as primeiras glosas de tradución latina ao galés, e do século X data o fragmento chamado Computus, parte dun libro de astronomía con moitos latinismos. Tamén data do 1200 unha nova versión en galés das leis de Hywel Dda, no Libro Negro de Chirck. Os textos históricos eran recollidos polos cyfarwyddiaid, moi influídos polos bardos, quen recitaban tamén contos orais mesturando folclore, heroísmo, mitoloxía e feitos históricos. Os máis importantes deles foron os Mabinogion, recollidos no Llyfr Gwyn Rhydderch (Libro Branco de Rydderch) e no Llyfr Coch Hergest (Libro Vermello de Hergest), e conteñen once historias como As catro pólas de Mabinogi, Culhwch ac Olwen (1100), O soño de Rhonabwy (s. XIII), Owain ac Luned, Geraint ac Enid, Peredur fab Efrawg, Branwen uerch Lyr, Math fab Mathonwy, Lludd ac Llevelys e O soño de Macsen, todas elas de cariz cabaleiresco e mostran as loitas entre os señores, matrimonios e vinganzas. Tamén contén as Avellanau (Poema das maceiras, s.XIII), dedicado a Merlín.

De moitas destas historias evolucionaría posteriormente o ciclo artúrico. Tamén se traduciron ao galés numerosas obras latinas, como Delw y Byd (Imago mundi) de Honorio Augustoduniense, a Gwelediagaeth Bawl Abostol (Visión do apóstolo Paulo), a tradución de Epicteto de Hierápolis Ystoria Adrian ac Ipotis, a Cynghoreu Catwn (Disticha Catonis) de Dionisio Catón, Y Bibyl Ynghymraec (Promptuarium Bibliae), a Hystoria Gryddyd ap Cynan, a Ystoria Brenhined y Brytanyeit, tradución da Historia Regum Brittaniae (1136) de Geoffrey de Monmouth, que serviu de base histórica ao mito artúrico, Ystoriaeu Seint Greal (O santo Graal) e Saith Doethion Rufein (Historia de Perceval). Tamén se atoparon versións do Cantar de Roldán e de diversos libros de leis.

Os bardos dos nobres ou cywyddwyr

editar

O período do 1350 ao 1450, con todo, é o considerado como á Idade de ouro dos cywyddau.[8] Despois da conquista anglonormanda, aínda eran importantes nas cortes de Gwynedd e Powys os uchelwyr (aristócratas), quen subvencionaban os bardos, a pesar de que minguaría o prestixio tanto dos pencerdd como do bardd teulu. Ademais, no sur morreu a vella canción e só se mantería a tradición oral. O gran poeta desta época foi Dafydd ap Gwilym (1340-1370), autor dunha poesía descritiva dos costumes da época e considerada como contemporánea de Geoffrey Chaucer. Tamén compuxo 101 poemas dedicados á loura Morudd, con forte influencia provenzal. Considérano discípulo de Llywelyn e Ifon Hael, e destacou en descartar os vellos arcaísmos e adoptar novas formas como o cywydd e a traethawdl (copla de sete sílabas), así como o llatai ou mensaxe amorosa inventada por Llywarch ap Llywelyn (Prydydd y Moch, 1173-1220), e o dyfaliad ou poema descritivo.

Outros poetas contemporáneos seus serían Gruffudd ab Adda ap Dafydd (morto o 1344), Iolo Goch (1320-1398), Llywelyn Goch Ap Meurig Hen (fl. 1360-1390), coa elexía Marwnad Lleucu Llwyd, Gruffudd Llwyd ap Dafydd (fl. 1380-1410), poeta oficial de Owain Glyndŵr, Rhys Goch Eryri (1365-1448), Llywelyn ab y Moel (morto o 1440), e sobre todo Siôn Cent (morto o 1430), quen compuxo numerosos cywyddau brud (Cancións semipoéticas) e cywyddau'r Byd (Loas aos vellos tempos).

Posteriormente, apareceron algúns autores de calidade inferior, como Dafydd Nanmor (1420-1490), Llywelyn y Glyn (1447-1486) e Guto'r Glyn (fl. 1440-1493). Outros mostraron certa conciencia nacional, como Maredudd ap Rhys (fl. 1430-1450), Hywel Swrdwal (fl. 1430-1460), Tudur Penllyn (fl. 1470), Dafydd Llwyd ap Llywelyn (1420-1500) e Hywel Cilan (1435-1470).

Séculos XVI e XVII

editar

Os sacerdotes preocupados pola lingua converteron e galés nun idioma literario moderno, e crearon tamén unha lingua standard. Durante o período do 1450 ao 1650 os cywyddau acadaron unha nova Idade de Ouro, con poetas como Dafydd ab Edmwnd (fl. 1449-1500), discípulo de Maredudd ap Rhys, e que o 1451-1453 fixo arranxos de arpa e voz para competicións poéticas. Conseguiu que a Eistedfodd tradicional de Caerfyrddin cambiase a métrica tradicional, e seguido polo seu sobriño Tudur Aled (morto en 1526) e por Gutun Owain (fl. 1460-1500) reuniron un o 1523 en Caerwys (Y Fflynt), que se repetiría no 1568, moi ligado, con todo, ao sistema bárdico antigo.

Tamén conseguiron da raíña Isabel I de Inglaterra a creación dunha Comisión de Vinte Nobres do Norte de Gales para redimir a Orde Bárdica dos poetas "indesexábeis" que daban mala fama á poesía galesa en xeral. Así, o 20 de maio do 1594 doce deles convocaron unha Eistedfodd, pero non existe proba documental ningunha de que se celebrase.

Porén, na reforma protestante, o feito de que os Tudor fomentasen o inglés, e que os nobres galeses se establecesen na corte de Londres, destruíron a cultura antiga e os seus vínculos coa lingua. Aínda así, iniciaríase unha nova tradición popular na poesía galesa, comezada coa obra de Rhys Prichard (1579-1644) de Llanymddyfri, autor de Cannwyll y Cymry (A bufarda dos galeses, 1646) onde utiliza a métrica inglesa, e as súas Penillion telyn (1676), composicións para recitar con arpa.

Os últimos bardos serían Sion Tudur (morto o 1602), quen satirizou a aristocracia, Edmwnd Prys (1544-1623), decano de Meirionnydd, e Wiliam Cynwal (morto o 1588), William Llŷn (1535-1580), Siôn Phylip (1544-1620) e Simwnt Fychan (morto en 1606). Pero contra o 1550 iniciaríase a prosa moderna en galés, conforme as normas do renacemento e a reforma protestante, cun vocabulario enriquecido por neoloxismos.

No referente ás obras inspiradas na reforma protestante, podemos destacar:

Pola súa banda, os católicos romanos atacaron o anglicanismo como algo importado de Inglaterra, e chamaron tamén a preservar a antiga relixión. Entre a literatura católica pódese destacar:

Este renacemento tamén propiciou a aparición das primeiras gramáticas galesas con criterio científico, aínda que mantiñan fortes influencias bárdicas, como:

Coa chegada do puritanismo, paradoxalmente, chegou tamén un importante estalido da literatura en lingua galesa do século XVII. Os principais autores do período serían:

Século XVIII: restablecemento da Eisteddfod

editar
 
Retrato de Edward Williams, que escribiu co pseudónimo de Iolo Morganwg

O século XVIII comezou con poetas que seguían os metros e temática do anterior período, como William Phylip (morto o 1669), Huw Morys (Pontymeibion) (1622-1709), quen deixou de utilizar o verso libre e se decantou polo verso con cadencia silábica, e Lewis Morris (Llywelyn Ddu o Fôn) (1701-1765) autor de numerosas composicións para arpa, Penillion telyn.

A pegada do metodismo, con todo, notouse pronto na cultura galesa. O 1751 fundaríase en Londres a Cymdeithas y Cymmrodorion ou Sociedade dos Cymmrodorion, promovida polos membros da comunidade galesa de Londres, William Wynn (1709-1760), Edward Richard (1714-1777) e Evan Evans (Ieuan Fardd) (1731-1788), para traducir as obras dos bardos galeses, e se caracterizou polo neobardismo, o neodruidismo e a revalorización do pasado céltico. O 1771 esta sociedade pasou a chamarse Cymdeithas Gwyneddigion, e desde o 1789 dedicouse a promover a recuperación dos festivais bárdicos, as Eisteddfodau, con concursos de poesías onde se reproducían os antigos metros. Un dos máis asiduos foi o gran poeta galés Goronwy Owen (1723-1769), inspirado en Lewis Morris e os clasicistas ingleses, quen reintroduciu na literatura galesa as poesías awdl e cywydd, creando escola. Con todo, como tiña un talante aventureiro, emigrou a América (como moitos dos seus compatriotas) e morreu en Virxinia.

Polo setembro do 1789 reuniuse en Bala unha renovada Eisteddfod, patrocinado por Thomas Jones de Corwen, quen apelou ao patrocinio da Gwyneddigion para que saíse adiante. Así, o seguinte celebraríase o 1790 en Saint Asaph, e decidiuse que se celebrase a primeira semana de agosto seguindo un cerimonial druídico inventado por Edward Williams - Iolo Morgannwg (1747-1826), poeta romántico que tomou como modelo de lingua a Welsh grammar (1728) composta por Siôn Rhydderch. A Eisteddfod reuníase baixo os auspicios da Gorsedd Beirdd Ynys Prydain (Trono dos Bardos da Illa de Britania), organización que se encargaba do patrocinio e respondía ao lema Y gwir yn eryn y byd (A verdade por riba de todo). Despois de que se reuniren en Llanrwst (1791) e Dinbych (1792), decídese definitivamente que se reúnen unha vez ao ano, así como un festival de danza folclórica en Llangollen, no val de Dyfrdwy.

Despois do éxito do que se celebrou en Caerfyrddin o 1819, tornarase a maior exhibición de folclore galés, mestura de festival, acontecemento patriótico e recital de cancións e de poesía (recitar e compoñer) con acompañamento de arpa, cantos, bailes e cerimonias druídicas. Foi a primeira mostra de mantemento da independencia nacional, pero asemade desenvolveu algúns novos xéneros como a awdl (oda) grazas a poetas como Twm o’r Nant, Dafydd Ddu Eryri e Gwallter Mechain. E o seu exemplo esporeará a celebración de festivais similares non só no resto do mundo celta (a Bretaña, Cornualla), senón tamén no mundo latino (Occitania, Cataluña e Galicia, e o País Vasco vinculado a el).

Desde o 1819 a Eisteddfod será patrocinada pola Sociedade dos Cymmrodorion, agora con sede en Dyfed, que integraría definitivamente a Gorsedd como tribunal, a un tempo que os nobres e ricos iniciaban tamén o seu mecenado. Desde o que se celebrou en Llangollen o 1858, comezou a tomar un talante nacionalista e reivindicativo, e desde o de Dinbych no 1860 decidiuse que se celebrase alternativamente cada ano nunha cidade do Norte de Gales e nunha cidade do Sur. Finalmente, no 1880 toma o nome de National Eisteddfod Association.

Grazas a estas celebracións, creouse unha nova escola literaria, con autores como Dewi Wyn o Eifion (1784-1841), Dafydd Ddu Eryri (1759 -1822), mestre e gramático autor de awdlau, e Ebenezer Thomas (Eben Fardd) (1802-1863). Pero con eles a poesía clásica decaeu definitivamente. Formouse unha nova xeración de versificadores libres influídos polo metodismo, así como a idea da cynghanedd ou solicitude de preservación da cultura galesa, que aos poucos será levada á práctica no terreo político. Os principais autores serían:

  • William Williams (Pantycelyn) (1717-1791) autor das escolmas de himnos Caniadau y rhai sydd ar y Môr o Wydr (Cancións dos que están no Mar de Vidro).
  • Ann Griffiths (1776-1805) autora de himnos relixiosos e poesía popular.

os poetas metodistas:

Século XIX

editar
 
John Blackwell.

Durante a primeira metade do século XIX produciuse un forte desenvolvemento cultural en lingua galesa. O 1814 editaríase en Abertawe a revista semanal en galés Seren Gomer (Estrela de Gomer, baixo os auspicios da igrexa non conformista por Joseph Harris (Gomer)[9], e manterase como mensual ata o 1920. Sobre o 1866 editábanse en galés uns 120.000 exemplares en diversos semanais e mensuais, a pesar de que os burgueses promovían cada vez máis o uso unicamente do inglés na vida pública.

Dúas figuras bastantes importantes do período serían Thomas Price (Carnhuanawc) (1787-1848), capelán de Cwm Du, quen colaborou co bretón Jean-François-Marie Le Gonidec na elaboración do seu dicionario, o 1820 fundou unha escola totalmente en galés e o 1838 organizou unha recepción aos poetas bretóns na Eisteddfod galesa; tamén foi autor do tratado histórico Hanes Cymru a chenedl y Cymry (Historia de Gales e da nación galesa, 1836-1842), de cariz bastante nacionalista. E William Owen Pughe (Idrison) (1759-1835), fundador do diario pola lingua Y Greal e autor dun importante Geriadur cenhedlaethol Cymraeg ac Saesnog (Dicionario inglés galés-inglés, 1803, reeditado o 1832), e doutros como a Cadwediogaeth yr iaith gymraeg (Gramática da lingua galesa, 1808). Tamén destacaron John Robert Pryse (Golydddan) (1840-1862), fillo de Robert John Pryse (1807-1889), autor dunha Hanes Llenyddiaeth Gymreig (Historia da literatura galesa).

O movemento galés recibiu un forte impulso cando o 1843 o metodista Thomas Gee (1815-1898) fundou á revista Y Faner (A bandeira)[10], a máis antiga que aínda se publica en galés, desde onde comezaron as reivindicacións de autogoberno a un tempo que facía novas edicións dos Mabinogion e das Henchwedlau (Vellas historias). Desde o 1854, ademais, Gee promoveu Y Gwyddoniadur Cymreig (A Enciclopedia Galesa), que non só foi unha publicación, senón tamén un movemento no que se ampararon a maior parte de autores en lingua galesa daquel momento.[11] O 1876 patrocinaría a fundación da Eisteddfod Genedlaethol para organizar os concursos poéticos, e o 1879 publicaron por encargo da Enciclopedia Galesa a Hanes y Brytaniaid a'r Cymry (Historia dos Británicos e dos Galeses).

 
John Jones, cuxo nome bárdico era Talhaiarn.

Entre eles destacarían autores como:

Tamén serían importantes William Thomas (Islwyn) (1832-1878), autor do poema Y storm (A tormenta).

Tamén serían importantes as revistas e os críticos literarios. Durante estes anos destacaron a culta Y Traethodydd (O Ensaísta) e a popular Geiniogweth, ámbalas dúas fundadas polos críticos literarios William Rees (Gwilym Hiraethog) (1802-1883), autor de Aelwyd F'ewythr Robert (O fogar do tío Robert, 1852); Samuel Roberts (1800-1885), tamén ensaísta e Lewis Edwards (1809-1887).

Século XX

editar

Entre finais do século XIX e comezos do século XX destacaron algúns autores bastantes ligados ao desenvolvemento da nova Universidade de Gales. Trátase de:

Do 1922 ao 1951 editouse a revista literaria Y Llenor (O literato), completada co diario Barddas (Bardismo) e con Ysgrifau Beirniadol (Ensaios críticos). Destacarían como autores:

Outros autores destacados foron:

Das etapas posteriores tamén haberá que destacar autores como:

  1. Clancy, Joseph P. (1970). The earliest Welsh poetry. Londres : Macmillan Publishers. ISBN 978-0-333-10959-5. 
  2. Ifor Williams (ed.), Canu Taliesin, t. ix.
  3. English Writers: An Attempt Towards a History of English Literature.
  4. "EBK: King Cynan Garwyn of Powys". www.earlybritishkingdoms.com. Consultado o 2022-08-18. 
  5. Morris, Lewis (1878). Celtic remains. London, J. Parker. 
  6. Pichel, Ricardo; Barreiro, Xavier Varela (2017). "El fragmento gallego-portugués del "Livro de Tristam". Nueva proposta cronológica y diatópica". Madrygal. Revista de Estudios Gallegos (en castelán) 20: 159–214. ISSN 1988-3285. doi:10.5209/MADR.57636. 
  7. Daniel Huws of the National Library of Wales (Llyfrau Cymraeg 1250-1400, Aberystwyth 1993).
  8. "Cywydd ; Poesia galesa". Literaturas do mundo (en portugués). 2020-09-14. Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2022. Consultado o 2022-08-18. 
  9. "Plaque unveiled for 200th anniversary of Seren Gomer". BBC News (en inglés). 2014-04-12. Consultado o 2022-08-18. 
  10. "GEE, THOMAS (1815 - 1898), Calvinistic Methodist minister, journalist, and politician ; Dictionary of Welsh Biography". biography.wales (en inglés). Consultado o 2022-08-18. 
  11. Encyclopaedia Cambrensis =Y gwyddoniadur Cymreig. Dinbych : Thomas Gee. 1856. 
  12. "EDWARDS, THOMAS (Twm o'r Nant; 1739 - 1810), poet and writer of interludes". biography.wales ; Dictionary of Welsh Biography (en inglés). Consultado o 2022-08-18. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Johnston, Dafydd (1994), The literature of Wales. Cardiff : University of Wales Press. ISBN 0-7083-1265-9.
  • Parry, Thomas (1955), A history of Welsh literature. Translated by H. Idris Bell. Oxford : Clarendon Press.
  • Stephens, Meic (Ed.) (1998), The new companion to the literature of Wales. Cardiff : University of Wales Press. ISBN 0-7083-1383-3.

Ligazóns externas

editar