Isabel I de Inglaterra

raíña de Inglaterra e de Irlanda desde 1558 ata a súa morte

Isabel I[1] (en inglés Elizabeth I), nada no Palacio de Placentia o 7 de setembro de 1533 e finada no Palacio de Richmond o 24 de marzo de 1603, foi raíña de Inglaterra e de Irlanda desde 1558 ata a súa morte. Tamén foi coñecida polos nomes de A Raíña Virxe, Gloriana e Boa Raíña Bess.

Isabel I
Raíña de Inglaterra e Señora de Irlanda

Reinado17 de novembro de 155824 de marzo de 1603
Coroación15 de xaneiro de 1559
Nacemento7 de setembro de 1533
Palacio de Placentia, Greenwich,  Inglaterra
Falecemento24 de marzo de 1603 (69 anos)
Palacio de Richmond, Surrey  Inglaterra
SepulturaAbadía de Westminster
PredecesorMaría I
SucesorXacobe I
Casa realTudor
ProxenitoresHenrique VIII de Inglaterra
Ana Bolena

Na rede
Musicbrainz: 4a92242a-4084-4966-803a-024c597a4db0 Discogs: 1374670 WikiTree: Tudor-1 Find a Grave: 1973 Editar o valor em Wikidata

Isabel foi filla de Henrique VIII e a súa segunda muller, Ana Bolena, quen foi executada cando Isabel tiña dous anos e medio. O matrimonio de Ana e Henrique foi declarado nulo, polo que Isabel foi considerada como filla ilexítima. O seu medio irmán, Eduardo VI, herdou o trono inglés tras a morte de Henrique VIII en 1547, e gobernou ata a súa propia morte en 1553, deixando a coroa en mans de Lady Jane Grey, ignorando as reclamacións das súas irmás Isabel e María, por medio da Terceira Acta de Sucesión. A decisión de Eduardo foi finalmente rexeitada e María converteuse na raíña. María I de Inglaterra mandou encerrar a Jane Grey na Torre de Londes, onde morreu en 1554. Pola súa banda Isabel foi encerrada baixo a sospeita de apoiar aos rebeldes protestantes.

En 1558, tras a morte de María sen herdeiros, Isabel converteuse na nova raíña. O seu reinado é coñecido como o Período isabelino ou Era Dourada. Foi un período de desenvolvemento, marcado polos primeiros pasos na fundación daquilo que sería o Imperio Británico, e pola produción artística crecente, principalmente na dramaturxia, que rendeu nomes como Christopher Marlowe e William Shakespeare. No campo da navegación, o capitán Francis Drake foi o primeiro inglés en dar a volta ao mundo, mentres no área do pensamento Francis Bacon predicou as súas ideas políticas e filosóficas. Os cambios estendíanse á América do Norte, onde se deron as primeiras tentativas de colonización, que resultaron en xeral en fracasos.

Isabel I no anverso dun soberano ca. 1558-1603.

Isabel foi unha monarca temperamental e moi decidida. Esta última característica, vista con impaciencia polos seus conselleiros, frecuentemente a mantiña lonxe de desavinzas políticas. Así como seu pai, Henrique VIII, Isabel era afeccionada a escribir, tanto prosa como poesía.

O seu reinado estivo marcado pola prudencia na concesión de honras e títulos. Soamente oito títulos maiores: un de conde e sete de barón no reino de Inglaterra, máis un baronato en Irlanda, foron creados durante o seu reinado. Isabel tamén reduciu substancialmente o número de conselleiros privados, de trinta e nove a dezanove. Máis tarde, pasaron a ser só catorce conselleiros.

A colonia inglesa de Virxinia (futuro estado norteamericano, logo da independencia dos Estados Unidos), recibiu ese nome en homenaxe a Isabel I.

Mocidade editar

 
Brasón da Casa de Tudor.

Isabel era a única filla viva do rei Henrique VIII coa súa segunda esposa, Ana Bolena, marquesa de Pembroke, con quen casou en segredo, estímase, entre o inverno de 1532 e xaneiro do ano seguinte. Naceu no palacio de Placentia, sito en Greenwich, o 7 de setembro de 1533. Henrique preferiría un fillo home para asegurar a sucesión da Casa de Tudor, pero no momento do seu nacemento, Isabel era a presunta herdeira ao trono de Inglaterra. Logo de que a raíña Ana non tivera un herdeiro masculino, Henrique mandou que fose executada, baixo a falsa acusación de traizón (a práctica de adulterio contra o rei era considerada traizón), de incesto co seu irmán máis vello e de bruxaría. Isabel tiña entón tres anos de idade e foi declarada ilexítima, perdendo o título de princesa, e foi nomeada, simplemente, como lady Isabel e viviu no exilio, mentres o seu pai casaba e se divorciaba de varias outras mulleres. A última esposa do rei, Catarina Parr, insistiu na reconciliación entre os dous, e Isabel, xunto coa súa medio-irmá María, filla de Catarina de Aragón, foi restablecida na liña de sucesión tralo príncipe Eduardo.

A primeira titora de Isabel foi lady Bryan, unha baronesa á que Isabel chamaba "Muggie". Con catro anos, a titora da princesa pasou a ser Catarina Chapernowne. Chapernowne desenvolveu unha relación moi próxima con Isabel e converteuse na súa confidente e amiga para o resto da súa vida. Fora designada pola propia Ana Bolena antes de que esta fose executada. Matthew Parker, o confesor da súa nai, mantiña un especial interese polo benestar de Isabel, principalmente despois de que Ana, xa temendo pola súa morte, confiáselle a paz espiritual da súa filla. Máis tarde, Parker converteríase no primeiro arcebispo de Canterbury en asumir o cargo trala coroación de Isabel.

Henrique VIII morreu en 1547 e foi sucedido por Eduardo VI. Catherine Parr casou con Thomas Seymour e levou a Isabel para a súa casa. Seria aí onde Isabel recibiría a súa instrución formal. Abnegada, aprendeu a falar ou ler en seis idiomas: a lingua do seu país, o inglés, así como o francés, italiano, castelán, grego e latín. Baixo a influencia de lady Parr e de seu profesor Roger Ascham, converteuse ao protestantismo.

En 1553, Eduardo morría con quince anos, deixando un testamento que substituía o de seu pai. Contrariando a Lei de Sucesión de 1544, o documento excluía a María e a Isabel da sucesión ao trono e declaraba a Xoana Grey súa herdeira. Xoana ascendeu ao trono, mais foi deposta menos de dúas semanas despois. Apoiada polo pobo, María entrou triunfante en Londres, coa súa medio-irmá Isabel ao seu lado.

María, despois de consolidar un casamento co príncipe español Filipe, futuro rei Filipe II, pasou a temer unha posible deposición e substitución por Isabel. O duque de Suffolk volveu proclamar que a súa filla Lady Jane Grey era a raíña. En apoio a Isabel, Thomas Wyatt liderou unha forza invicta ata a súa chegada a Londres desde Kent. Tras ser esmagadas as rebelións, o duque de Suffolk, a súa filla Lady Jane Grey e o seu marido foron encarcerados por alta traizón e executados. Isabel, a pesar de declarar a súa inocencia no caso Wyatt foi encarcerada durante dous meses na Torre de Londres e máis tarde baixo arresto domiciliado no Palacio de Woodstock. O español esixiu a execución de Isabel, pero poucos ingleses terían interese na execución dun membro da popular dinastía de Tudor. María tentou retirar a Isabel da liña de sucesión, mais o parlamento non o permitiu. Logo de dous meses na Torre, Isabel foi posta en prisión no seu domicilio baixo a garda de Sir Henry Bedingfield. A finais dese mesmo ano, cando María pensaba estar grávida, permitíuselle a Isabel retornar á corte co consentimento do propio Filipe, dado que este estaba preocupado coa posibilidade de que, a consecuencia da morte da súa esposa durante o parto, esta fora sucedida por María Estuardo, que acabou por converterse en raíña de Escocia. Durante o tempo restante do seu reinado, María I (que era católica fervorosa) perseguiu os protestantes de forma implacable. Tentou converter a Isabel, que finxiu ser católica, mantendo, na realidade, as súas crenzas protestantes.

Comezo do reinado editar

 
Coroación de Isabel I

En 1558, cando morreu María I, Isabel ascendeu ao trono. Era moito máis popular que a súa irmá. Dise que cando se soubo da morte de María, moitas persoas saíron ás rúas a celebralo.

Isabel foi coroada o 15 de xaneiro de 1559. Non había un arcebispo de Canterbury na época para presidir a cerimonia. O último católico en ocupar o posto foi o cardeal Reginald Pole, que morreu poucas horas despois da raíña María. Como os principais bispos declinaran en participar na coroación (porque Isabel era filla ilexítima tanto baixo o dereito canónico como pola estatutaria, ademais de ser protestante), foi Owen Oglethorpe, un bispo de menor importancia, de Carlisle, quen a coroou. A comuñón non foi celebrada por Oglethorpe, senón polo capelán persoal da raíña, para evitar o uso dos ritos católicos. A coroación de Isabel I foi a última en que o latín foi usado durante a celebración, pasando as celebracións posteriores a ser en inglés. Máis tarde, Isabel conseguiu convencer o capelán da súa nai, o xa citado Matthew Parker, de converterse en arcebispo. Este aceptou, soamente por lealdade e honra á memoria da nai da raíña, visto que consideraba particularmente complicado servir a Isabel.

Un dos asuntos máis importantes durante o inicio do reinado de Isabel foi de materia relixiosa. O primeiro home escollido para tratar da cuestión foi sir William Cecil. A Lei de Uniformidade de 1559 requiría o uso do Libro de Oración Común dos protestantes nos servizos da igrexa. O control papal sobre a Igrexa de Inglaterra fora restabelecido baixo María I, pero foi anulado por Isabel. A propia raíña asumiu o título de "Suprema Gobernante da Igrexa Anglicana", en vez de "Cabeza Suprema", xa que diversos bispos e outras figuras públicas consideravan que o título era impropio para unha muller. A Lei de Supremacia de 1559 obrigaba ós oficiais públicos a facer un xuramento que recoñecía o control da soberana sobre a Igrexa, con severos castigos en caso de desobediencia.

Moitos bispos estaban insatisfeitos coa política relixiosa isabelina. Estes foran retirados da cadeira eclesiástica e substituídos por outros que mostraban maior servilismo en relación á supremacía da raíña. Apuntou tamén un consello privado enteiramente renovado, cesando a moitos conselleiros católicos no proceso. Baixo o mandato de Isabel, o faccionamento no consello e nos conflitos da corte diminuíu bastante. Os conselleiros principais de Isabel eran sir William Cecil (lord Burghley), Secretario de Estado, e sir Nicholas Bacon, Lord Gardián do Gran Selo. Entre os seus leais conselleiros e secretarios, un tornouse notorio por crear o primeiro servizo de espionaxe de Inglaterra: sir Francis Walsingham era secretario de negocios internos e xefe do servizo de espionaxe.

Isabel reduciu a influencia de España sobre Inglaterra. Aínda que Filipe II a axudara a rematar as Guerras Italianas coa paz de Cateau-Cambrésis, Isabel permaneceu diplomaticamente independente. Adoptou o principio de "Inglaterra para os ingleses". O seu outro reino, Irlanda, nunca se beneficiou de tal filosofía. A implantación de costumes inglesas en Irlanda mostrouse impopular entre os seus habitantes, así como a política relixiosa da raíña.

Logo do seu ascenso, moitos se cuestionaron sobre posibles lazos matrimoniais para Isabel. A razón de que nunca casase é incerta. Pode que sentira repulsa, motivada polos malos tratos que as esposas de Henrique VIII recibiran. Outra hipótese é que estivese afectada psicoloxicamente pola suposta relación que puidera ter con lord Seymour durante a súa infancia. Rumores da época imputábanlle un defecto físico do que estaba receosa de revelar: quizais marcas deixadas pola varíola. É tamén posible que Isabel non desexase compartir o poder da coroa ou que, dada a inestabilidade da situación política, temese ter que enfrontarse a rebelións apoiadas por faccións aristocráticas, no caso de establecer matrimonio con algún representante dalgunha desas faccións. A única cousa que se sabe con certeza é que a voda seríalle particularmente dispendiosa e custaríalle tamén certa independencia, xa que todas as propiedades e rendas de Isabel herdadas do seu pai serían súas soamente mentres estivese solteira.

Tamén é lóxico entender que só tiña dúas opcións, ambas malas: ou casaba cun estranxeiro, e neste caso corría o risco de perder non só a independencia persoal senón tamén a do seu reino, como ocorrera coa súa irmá, que fixera de Inglaterra un apéndice dos intereses españois; ou casaba cun súbdito, e neste caso elevaba unha familia de súbditos á condición de dinastía. Manterse solteira, dicir que "tiña desposado o seu país", foi unha sabia política que lle garantiu boas condicións de goberno, ademais de popularidade (aínda que nos primeiros anos do reinado a presión fose grande para que contraese matrimonio), mais ao prezo de non ter un sucesor de seu corpo. En realidade, Isabel resístese ata o fin en definir quen herdará o trono. Aparentemente, a súa mención mais clara da súa elección é, no leito de morte, cando di que "soamente un rei poderá herdar o trono" que é seu, nunha alusión inequívoca a Xacobe VI de Escocia, que lle sucederá como Xacobe I de Inglaterra, e marcará o final da dinastía Tudor e o inicio da Estuardo.

Conflitos contra Francia e Escocia editar

A raíña atopou unha rival perigosa na súa curmá, a católica María Estuardo, raíña de Escocia e esposa do rei francés Francisco II. En 1559, María Estuardo declarouse raíña de Inglaterra, apoiada por Francia. En Escocia, a nai de María Estuardo, María de Guisa, intentou aumentar a influencia dos franceses en Gran Bretaña permitindo a construción de fortificacións do exército francés en territorio escocés. Un grupo de señores escoceses aliados de Isabel conseguiu depoñer a María de Guise. Baixo presión inglesa, os representantes de María asinaron o tratado de Edimburgo, que ordenaba que as tropas francesas retirásense de Escocia. Aínda que María rexeitase vehementemente ratificar o tratado, este tivo o efecto desexado, e a ameaza representada por Francia foi afastada de Gran Bretaña.

Cando morreu o seu marido, María Estuardo retornou a Escocia. Mentres iso, en Francia, a persecución católica aos hugonotes deflagrou as Guerras Relixiosas Francesas. Isabel, secretamente auxiliou ós hugonotes. Feita a paz con Francia en 1564, desistindo de reivindicar a última posesión inglesa na Francia continental, Calais, despois da derrota dunha expedición inglesa en Le Havre. Isabel, entre tanto, non desistiu da súa reivindicación á Coroa francesa, que se mantiña desde o reinado de Eduardo III durante a Guerra dos Cen Anos (século XIV). Soamente renunciouse a tal pretensión polos monarcas británicos no reinado de Xurxo III no século XVIII.

Crises e rebelións editar

No final de 1562, Isabel contraeu a varíola, pero sobreviviu. En 1563, alarmado pola doenza case fatal da raíña, o Parlamento esixiu que casase ou nomease un herdeiro para impedir a guerra civil se chegase a morrer. Ela negouse a facer ámbalas cousas, e en abril, suspendeu temporalmente o Parlamento, como era súa prerrogativa. O Parlamento non pode por tanto volver ao asunto ata que Isabel precisou do seu consentimento para aumentar impostos, en 1566. A Cámara dos Comúns ameazou reter fondos ata que a raíña admitira indicar un sucesor, pero ela negouse de novo.

Diferentes liñas de sucesión foran consideradas durante o reinado de Isabel. Unha liña posible era a de Margarida Tudor, irmá mais vella de Henrique VIII, que pasaba por María I de Escocia (María Estuardo). A outra alternativa probábel descendía dunha irmá mais nova de Henrique, María Tudor, duquesa de Suffolk; nese caso, a próxima raíña seria lady Catarina Grey, irmá de Xoana Grey. Unha posibilidade aínda mais remota sería a ascensión de Henry Hastings, o conde de Huntingdon, que podería reivindicar súa descendencia de Eduardo III (século XV). Cada posible herdeiro tiña algunha desvantaxe: María I era católica, lady Grey casara sen o consentimento da raíña e lord Huntingdon, que era puritano, nin sequera tiña pretensións de aceptar a coroa.

María Estuardo sufría cos seus propios problemas en Escocia. Isabel suxerira que casara co protestante Robert Dudley, primeiro conde de Leicester, como tentativa de influenciar a liña de sucesión de Escocia. Leicester, na verdade, fora amante da propia Isabel. María Estuardo rexeitou e, en 1565, casou co católico Henry Stuart, lord' Darnley. Este, con todo, foi asasinado en 1567, despois de que a parella xa pasase por varias pelexas e disputas entre si. María, enseguida, casou co suposto asasino do propio marido, James Hepburn, conde de Bothwell. Os nobres escoceses rebeláronse, aprisionando a María e forzándoa a abdicar en favor do seu fillo, que asumiu o trono co nome de Xacobe VI.

En 1568 morreu Catarina Grey, a última herdeira viable ao trono inglés. Deixou un fillo, pero foi considerado ilexítimo. A súa herdeira era a súa irmá, lady María Grey. Isabel foi forzada de novo a considerar un sucesor escocés, da liña da irmá do seu pai, Margarida Tudor. Con todo María I (María Estuardo), era impopular en Escocia, onde continuaba prisioneira. Máis tarde, escapou da súa prisión e fuxiu a Inglaterra, onde foi capturada por forzas inglesas. Isabel viuse ante unha disxuntiva: enviala aos nobres escoceses sería considerado demasiado cruel; enviala a Francia converteríaa nun triunfo poderoso nas mans do rei francés; restaurarlle o trono de Escocia podería ser visto como un xesto heroico, pero causaría gran tensión entre os escoceses; encerrala en prisión en Inglaterra permitiría a participación directa de María en conxuras contra a raíña. Isabel escolleu esta última opción: María foi confinada durante dezaoito anos, a maior parte deles no castelo e mansión de Sheffield, baixo custodia de George Talbot. Aínda que a obra de Friedrich Schiller, María Estuardo, teña un dos seus momentos máis dramáticos no enfrontamento das dúas raíñas logo de case dezaoito anos de reclusión da escocesa, a verdade é que nunca se atoparon.

En 1569, Isabel enfrontouse a un gran levantamento coñecido como a "rebelión do Norte", instigada por Thomas Howard (duque de Norfolk), Charles Neville (conde de Westmorland) e Thomas Percy, (conde de Northumberland). O papa Pío V apoiou a rebelión católica excomungando a Isabel e declarándoa deposta nunha bula papal. A bula da deposición, Regnans in Excelsis, foi promulgada en 1570, cando a rebelión xa fora derrotada. Con todo, tras este acto pontificio, a política de Isabel de tolerancia relixiosa converteuse en implacable. Empezou a perseguir aos seus inimigos relixiosos, o que levou ao xurdimento de novas conspiracións católicas para depoñela do trono. Con todo, os padres católicos eran tolerados, mentres que os sacerdotes xesuítas, e soamente eles, eran executados coa crueldade usual da época.

O seguinte inimigo ao que se enfrontou Isabel foi o seu antigo cuñado, Filipe II, rei de España. Tras un ataque sorpresa lanzado por Filipe contra os navíos corsarios dos capitáns Francis Drake e John Hawkins en 1568, Isabel esixiu a captura dun navío do Tesouro español en 1569. A atención de España xa estaba dirixida cara aos Holanda onde intentaba sufocar unha rebelión e non tiña recursos dispoñibles para declarar unha guerra contra Inglaterra.

Filipe II participou ademais en máis dunha conspiración para destronar a Isabel, aínda que algo remiso nalgúns casos. O cuarto duque de Norfolk participou tamén no primeiro destes complots: a "conspiración de Ridolfi" de 1571. Tralo descubrimento e errada desta conspiración católica, o duque de Norfolk foi executado e María Estuardo perdeu a pouca liberdade que lle restaba. España, que viña establecendo relacións cordiais con Inglaterra desde a unión de Filipe á antecesora de Isabel, pasou a mostrarse hostil.

En 1571, sir William Cecil converteuse en barón de Burghley e en 1572 foi elevado á importante posición de tesoureiro maior. O seu posto como secretario de estado foi ocupado polo xefe da rede de espionaxe de Isabel, sir Francis Walsingham.

Tamén en 1572, Isabel fixo unha alianza con Francia. A matanza do día de San Bartolomeu, na que miles de protestantes franceses foron mortos, fixo máis fráxil a alianza pero non a crebou. Isabel ata comezou negociacións sobre unha unión con Henrique, duque de Anjou (e despois rei Henrique III de Francia e Polonia). Máis tarde, negociou outra voda co irmán máis novo de Henrique, François, duque de Anjou e de Alençon. Cóntase que durante unha viaxe posterior a Francia en 1581, Isabel "retirou un anel do seu dedo e púxoo na man do duque de Anjou, como indicativo de determinadas condicións existentes entre os dous". O embaixador español relatou que ela realmente declarara que o duque de Anjou sería o seu marido. Con todo, Anjou, do que dicían que era homosexual, retornou a Francia e morreu en 1584 antes de que puidese casar.

Guerra contra España editar

 
Cadro de 1588 conmemorativo da vitoria sobre a Armada Española (vista ao fondo).

En 1580, o Gregorio XIII enviou forzas para axudar ás rebelións de Desmond en Irlanda que, con todo, fallaron. A rebelión foi dada como terminada en 1583. Mentres tanto, Filipe II adquiriu Portugal e, xunto co trono portugués, recibiu o mando de mar a fóra. Despois do asasinato do estadista holandés Guillerme de Orange, Inglaterra comezou a apoiar abertamente as Provincias Unidas dos Países Baixos, que se rebelaban nesa época contra o dominio español. Esta situación, xunto co conflito económico con España e a pirataría inglesa contra colonias españolas, conduciu ó estalido da guerra anglo-española de 1585-1604. En 1586 o embaixador español foi expulsado de Inglaterra pola súa participación en conspiracións contra Isabel. Temendo tales conspiracións, o Parlamento promulgou a Lei de Asociación de 1584, que ditaba que calquera asociado nunha conxura para asasinar ao soberano sería inmediatamente excluído da liña de sucesión. A pesar da lei, unha tentativa posterior de golpe contra Isabel tomou forma e foi coñecida como a Conspiración de Babington. A conspiración foi descuberta por sir Francis Walsingham, responsable da rede de espías inglesa. María Estuardo foi acusada de complicidade e foi executada no castelo de Fotheringhay o 8 de febreiro de 1587.

No seu testamento, María deixou para Filipe a súa reivindicación ao trono inglés. Filipe comezou entón a planificar unha invasión. En abril de 1587, sir Francis Drake queimou a frota española en Cádiz, retardando os plans españois. En xullo de 1588, a Armada Invencible, unha gran frota de 130 navíos con preto de 30.000 homes, alzou veas coa esperanza de axudar o exército español, baixo o mando do duque de Parma e que estaba en Holanda, a atravesar o canle da Mancha e comezar a invasión. Isabel intentou incentivar ás súas tropas cun discurso notable: o discurso ás tropas en Tilbury onde pronunciou a famosa frase: "sei que teño o corpo dunha muller débil e fráxil; pero teño tamén o corazón e o estómago dun rei - e dun rei de Inglaterra!".

O ataque español foi repelido pola frota inglesa, comandada por Charles Howard e por sir Francis Drake, axudados polo mal tempo o día da batalla. A Armada "Invencible" foi forzada a retornar a España. A popularidade de Isabel aumentou de forma extraordinaria coa vitoria. A batalla, con todo, non foi decisiva, e a guerra con España continuou. A guerra foi freada tamén nos Países Baixos, que continuaron loitando pola independencia, e en Francia, onde un protestante, Henrique IV, reivindicou o trono. Isabel enviou 20.000 homes e subsidios de 300.000£ para apoiar a Henrique IV, ademais de 8.000 tropas e subsidios de 1 000 000£ para os holandeses. Malia que Henrique rompese a súa promesa e converterse ao catolicismo, Isabel permaneceu ao seu lado.

Os navíos corsarios ingleses continuaron atacando navíos do Tesouro españois vindos de América. Os corsarios máis famosos foron sir John Hawkins e sir Martin Frobisher. En 1595 e en 1596, unha expedición desastrosa levou ás mortes tanto de John Hawkins como de Francis Drake. Tamén en 1595, unha forza española desembarcou en Cornualla. Tras queimar algunhas vilas e saquear abastecementos, retornaron a España.

En 1596 Inglaterra retirouse por fin de Francia, con Henrique IV xa plenamente establecido no trono, trala derrota da liga católica que se lle opoñía. Isabel enviou 2.000 tropas adicionais para Francia tras a toma española de Calais. Inglaterra intentou atacar os Azores en 1597, pero fallou. Algunhas batallas aínda ocorreron ata 1598, cando Francia e España fixeron finalmente as paces. A guerra anglo-española entrou nunha fase de estancamento trala morte de Filipe II aquel ano. En parte por mor da guerra, as tentativas ultramarinas de colonización, por parte de Raleigh e de Gilbert, erraron, e os asentamentos norteamericanos se estancaron ata que Xacobe I negociase a paz no Tratado de Londres de 1604.

Últimos anos editar

En 1598, o principal conselleiro de Isabel, lord Burghley, morreu. O seu cargo político herdouno o seu fillo, Robert Cecil, que xa ocupaba a secretaría de estado desde 1590. Isabel fíxose un tanto impopular por mor da súa práctica de conceder monopolios reais, o que motivaba constantes reclamacións por parte do Parlamento. No seu famoso "Discurso Dourado", Isabel prometeu reformas. Así, doce monopolios reais foron disoltos por decreto real. Pero estas reformas foron superficiais e a práctica de obter fondos das concesións de monopolios continuou.

Á vez que se enfrontaba a España, Inglaterra enfrontouse tamén a unha rebelión en Irlanda, coñecida como Guerra dos Nove Anos. Hugh O'Neill, conde de Tyrone, proclamouse rei, pero foi declarado un traidor en 1595. Intentando evitar dúas guerras, Isabel chegou a unha tregua con Tyrone, que inmediatamente buscou auxilio xunto o rei español. España intentou enviar dúas armadas a Irlanda, pero ambas as dúas expedicións fallaron. En 1598, Tyrone ofreceu unha tregua. Tras a finalización da tregua, os ingleses sufriron a súa peor derrota durante a rebelión irlandesa na Batalla de Yellow Ford.

Un dos principais membros da mariña, Robert Devereux, conde de Essex, foi nomeado lord-tenente de Irlanda e foi encargado de esmagar a rebelión irlandesa, en 1599. Fracasou por completo e retornou a Inglaterra sen o permiso da raíña en 1600, sendo castigado por iso coa perda de todos os seus cargos políticos. Un ano despois dirixiría unha revolta contra a raíña e acabou sendo executado. Essex, fillastro do xa falecido conde de Leicester, fora amante da raíña —e se non foi, houbo polo menos amor dela por el; mandar executalo foi extremadamente duro para a vella monarca.

Charles Blount, barón de Mountjoy foi, entón, enviado a Irlanda para substituír o conde de Essex. Lord Mountjoy intentou bloquear as tropas de Tyrone e sometelas por fame. Nese momento, España enviou 3.000 tropas para axudar aos irlandeses. A coroa española xustificaba a intervención lembrando que Isabel con anterioridade axudara á rebelión holandesa contra España. Mountjoy derrotou ás tropas españolas e irlandesas na Batalla de Kinsale. O conde de Tyrone rendeuse algúns días logo da morte de Isabel.

Morte editar

Isabel I enfermou en febreiro de 1603, sufrindo de debilidade e insomnio. Morreu o 24 de marzo no palacio de Richmond. Con sesenta e nove anos de idade, foi a monarca máis lonxeva en gobernar Inglaterra ata a súa época. A súa marca só foi superada cando Xurxo II morreu con setenta e sete anos en 1760. Isabel foi enterrada na abadía de Westminster, á beira da súa irmá María I. O epitafio do seu túmulo é a inscrición latina "Compañeiras no trono e na sepultura, descansamos aquí dúas irmás, Isabel e María, na esperanza dunha resurrección".

O testamento deixado por Henrique VIII declaraba que Isabel debía ser sucedida polos descendentes da súa irmá máis nova, María Tudor, duquesa de Suffolk, en detrimento dos descendentes escoceses da súa irmá máis vella, Margarida Tudor. Se a súa vontade fose atendida, Isabel sería sucedida entón por lady Anne Stanley. Se, con todo, as regras da primoxenitura masculina prevalecesen, o sucesor sería Xacobe VI, rei de Escocia. Outros nobres podían aínda reivindicar o trono. Incluíanse entre estes Edward Seymour, barón de Beauchamp (fillo ilexítimo de Catarina Grey) e William Stanley, conde de Derby (tío de Anne Stanley).

Algunhas fontes históricas refiren que Isabel nomeou a Xacobe o seu herdeiro no seu leito de morte. De acordo cunha historia dubidosa, cando lle preguntaron sobre quen nomearía como herdeiro, Isabel respondería, "quen podería ser, ademais do meu curmán de Escocia?". De acordo con outra, dixo, "quen ademais dun rei podería suceder a unha raíña?". Finalmente, unha terceira lenda suxire que permaneceu en silencio ata a súa morte. Non hai ningunha evidencia para probar calquera deses episodios. En todo caso, ningún dos herdeiros alternativos reivindicou o trono. Xacobe VI, o único sucesor viable, foi proclamado rei de Inglaterra co nome de Xacobe I algunhas horas logo da morte de Isabel. A proclamación de Xacobe I abriu un precedente histórico porque foi feita, non polo propio monarca, senón por un Consello de Ascensión, xa que Xacobe atopábase en Escocia. Os Consellos de Ascensión e non os novos monarcas, continúan facendo a proclamación dos reis na práctica moderna.

Legado editar

Isabel demostrou ser un dos monarcas máis populares da historia de Inglaterra. Ocupou o sétimo lugar en Os cen británicos máis importantes, que foi organizada pola BBC en 2002, superando a tódolos demais monarcas que apareceron na listaxe.

En cambio os historiadores en xeral parecen non admirar tanto o reinado de Isabel. Aínda que durante este período Inglaterra obteña moitas vitorias militares, Isabel foi unha figura menos importante que outros monarcas como, por exemplo, Henrique V. Isabel foi criticada tamén por apoiar o tráfico de escravos en Inglaterra. Os seus problemas con Irlanda serven tamén para manchar seus rexistros.

Doutra banda, Isabel foi unha raíña acertada, axudando firmemente á nación, aínda herdando unha enorme débeda nacional da súa irmá María. Baixo o seu mando, Inglaterra evitou unha invasión española. Isabel tamén conseguiu impedir o estalido dunha guerra relixiosa ou civil en chan inglés. As súas realizacións, con todo, foron esaxeradamente encomiadas logo da súa morte. Foi descrita algúns anos máis tarde como unha gran defensora do protestantismo en Europa cando, en realidade, vacilaba frecuentemente antes de ir en auxilio dos seus aliados protestantes. Como sir Walter dixo en relación á súa política exterior, "a súa Maxestade fixo todo pola metade".

Notas editar

  1. Tanto a Enciclopedia Galega Universal como a Diciopedia do século 21 utilizan esta forma

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Isabel I de Inglaterra
Nacemento: 7 de setembro de 1533 Falecemento: 24 de marzo de 1603


Títulos Reais
Precedido por
María I de Inglaterra e Filipe


Raíña de Inglaterra e Irlanda
1558–1603
Sucedido  por
Xacobe I de Inglaterra