Soberano (moeda)
- Para outros significados, véxase a páxina de homónimos Soberano.
Soberano (moeda) † | |
---|---|
Sovereign en Inglés | |
Anverso | Reverso |
Ámbito: | Reino Unido Australia Canadá India Suráfrica |
Fracción: | - Cuarto de soberano. - Medio soberano. |
Moedas: | - Soberano. - Dobre soberano. - Quíntuplo soberano. |
Emisor: | Banco de Inglaterra |
O soberano é unha moeda de ouro do Reino Unido, co valor nominal dunha libra esterlina. Cuñada desde 1817 ata os nosos días, orixinariamente foi unha moeda circulante de uso tanto en Gran Bretaña como noutros lugares do mundo e posteriormente converteuse nunha moeda de investimento e colección.[1][2] Emitíronse tamén medios soberanos, dobres soberanos e quíntuplos soberanos.[3]
A súa tipoloxía máis característica é a da cabeza do monarca no anverso e o San Xurxo loitando co dragón no reverso, coas siglas BP no exergo, á dereita da data, correspondentes ao seu deseñador: Benedetto Pistrucci.[4]
A moeda tomou o seu nome doutra anterior do Reino de Inglaterra, implantada por Henrique VII en 1489 abandonada en 1603.[5][6]
Co valor dunha libra ou 20 xilins, o soberano substituíu a guinea, cuñada entre 1663 e 1814, que valía 21 xilins (1,05 libras).[7]
O soberano do Reino de Inglaterra (1489-1603)
editarAnteriormente ao soberano británico moderno existira outra moeda coa mesma denominación no Reino de Inglaterra, creada por Henrique VII en 1489. Aquela moeda tiña un diámetro de 42 milímetros e pesaba 15,55 gramos, o dobre da moeda de ouro que existía no momento do seu nacemento, o ryal, de orixe baixomedieval. Aquel primixenio soberano estableceuse como consecuencia da chegada de grandes cantidades de ouro a Europa procedente da África occidental na década de 1480, e Henrique VII denominouno nun principio dobre ryal, aínda que de camiño o rebautizou co nome de soberano.[8] Tratábase dunha moeda cun valor excesivo como para ser útil no uso cotián, polo que é probable que servira só como peza de representación e prestixio para ser concedida a persoeiros relevantes.[9][10]
O soberano inglés fora a primeira moeda que fixara o seu valor nunha libra e continuou cuñándose a nome dos diferentes monarcas ao longo do século XVI, aínda que con algunhas variacións na lei e no tamaño.[11] Xacobe I puxo en circulación un soberano ao seu nome ao acceder ao trono inglés en 1603.[12] Porén, o ano seguinte, pouco despois de autoproclamarse rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda, emitiu unha nova moeda de proclamación para simbolizar a unión das coroas inglesa e escocesa, cuxo valor equivalía a 20 xilins, que denominou unite.[13]
Na década de 1660, a partir da restauración de Carlos II e coincidindo co inicio da mecanización da Real Casa da Moeda do Reino Unido (Royal Mint), emitiuse unha nova moeda de ouro de 20 xilins, inicialmente sen unha denominación especial pero que de camiño comezou a coñecerse como "guinea", en referencia á procedencia do ouro co que estaba cuñada.[14] Naquel momento, as moedas valorábanse en función do valor dos metais cos que estaban cuñadas, e o prezo do ouro en relación co da prata aumentou con posterioridade á aparición da guinea; xa que logo, a guinea pasou a adquirir de facto un valor de 21 xilins e, en ocasións, ata seis peniques máis. Así as cousas e tendo en conta que a moeda se fixera moi popular no comercio, o valor da moeda foi fixado oficialmente polo Goberno en 21 xilins de prata en 1717, suxeito a revisións á baixa, aínda que na práctica estas non se produciron.[15] Coa popularización da guinea, abandonouse o uso da denominación "soberano" referida á moeda de ouro; de feito, a palabra non aparece recollida no dicionario Samuel Johnson (A Dictionary of the English Language), publicado en 1755.[16]
A situación económica e monetaria sufriu perturbacións co estoupido das guerras napoleónicas, que provocaron o acaparamento do ouro por parte da poboación. Entre as medidas tomadas para lle dar fluidez ao comercio estivo a de emitir billetes con valor facial dunha libra para suplir a ausencia da moeda de ouro correspondente. Despois da guerra, o Parlamento, a través dunha Lei da moeda promulgada en 1816, Gran Bretaña asumiu oficialmente o padrón ouro e a libra pasou a definirse como unha cantidade determinada deste metal. A maioría dos axentes económicos prefería dispor dunha moeda con valor de 20 xilins, en lugar de seguir a usar a guinea (de 21).[17] No entanto, a Lei da moeda de 1816 non especificaba o tipo de moeda que se debería emitir.[18] Un comité do Consello Privado do Rei aconsellou a emisión de moedas de ouro co valor de dez e de vinte xilins de prata, e outras de dúas e de cinco libras, ditame que foi aceptado polo príncipe rexente Xurxo IV, o 3 de agosto de 1816.[19] Para esta nova moeda retomouse a denominación de "soberano", probablemente promovida por anticuarios e numismáticos en lembranza da antiga moeda do século XVI.[16]
O moderno soberano británico (1816-)
editarCaracterización
editar- Valor: 1 libra esterlina.
- Aliaxe: ouro (91,7 %) e cobre (8,3 %).
- Peso en ouro: 0,2354 onza troy.
- Peso: 7,98805 g.
- Diámetro: 22,05 mm.
- Grosor: 1,52 mm.
- Canto: estriado.
- Cecas e marcas de ceca: Londres (R), Melbourne (M), Sydney (S), Ottawa (C), Perth (P), Pretoria (SA) e Bombai (I).
Creación
editarWilliam Wellesley Pole (1763-1845), o irmán máis vello do Duque de Wellington, foi nomeado mestre de ceca en 1812, coa encomenda de reformar a Real Casa da Moeda de Londres. Pole fora un dos que defenderan a continuidade da guinea por mor do gran número destas moedas en circulación e polo enorme traballo que se precisaba para as substituír con soberanos.[20] Porén, en febreiro de 1817 chegou á ceca a orde formal do Goberno para cuñar moedas de ouro cun peso de 7,988 gramos, é dicir, os novos soberanos. Esta orde baseábase na decisión tomada ao respecto o 3 de agosto de 1816 por Xurxo IV (daquela aínda como príncipe rexente).[21]
A principios de 1816, chegara a Londres o escultor italiano Benedetto Pistrucci, cuxa reputación lle facilitou a súa relación coas elites da sociedade.[22][23] Alí, a ilustradora Lavinia Spencer presentoulle os modelos en cera que o gravador Nathaniel Marchant fixera de San Xurxo e o dragón, e encargoulle que os reproducise con estilo grego, para formar parte da indumentaria do seu marido como Cabaleiro da Orde da Xarreteira. Pistrucci aceptou a encarga e produciu un camafeo, tomando como modelo para a imaxe do santo un camareiro italiano do Hotel Brunet, en Leicester Square, onde Pistrucci residía desde a súa chegada a Londres.[24][25]
O mesmo ano da súa chegada a Londres, Pole contratou a Pistrucci para crear os modelos das novas moedas, e este suxeriulle o motivo do San Xurxo e o dragón, que acababa de manexar no camafeo de Lady Spencer, como axeitado para elas.[26][27][28] Elaborou entón unha cabeza en xaspe do rei Xurxo III, para ser utilizada como modelo para os soberanos e para as moedas de prata máis pequenas. Ademais, preparou un modelo en cera de San Xurxo e o dragón, en principio para o seu uso nas moedas de prata de media coroa, aínda que finalmente foi aceptado para as do soberano. Como os gravadores da Royal Mint non foron quen de reproducir en aceiro os deseños de Pistrucci, foi el mesmo o que se encargou do gravado dos cuños.[29]
Os deseños de Pistrucci
editarO deseño de Pistrucci para o reverso dos novos soberanos presenta a San Xurxo a cabalo espido e con armadura só nos pés, agarrando coa súa man esquerda unha renda da brida. Na cabeza leva un casco e, nos primeiros esbozos, sobresaía por detrás un guecho de cabelo. A súa capa flúe no aire por detrás do cabaleiro, suxeita por diante cunha fíbula. Coa súa man dereita sostén un gladius.[30] O cabalo do santo aparece ser medio atacando o dragón, medio encolléndose ante el, que xace ferido de morte pola lanza do santo.[4][31] Ante a nudez de San Xurxo nesta representación, o crítico de arte John Ruskin considerou estraño que o santo estivese espido ante un encontro tan violento.[32]
O deseño orixinal de 1817 aínda levaba o cabaleiro portando un anaco da lanza rota, o que foi substituído pola espada nas moedas cuñadas despois de 1821, cando se eliminou a xarreteira que orixinalmente rodeaba o deseño, do que se desprende que, na escena, San Xurxo rompeu a lanza nun momento anterior, nun primeiro encontro co dragón.[33][34] Neses axustes do deseño en 1821 tamén se eliminou o guecho de cabelo que sobresaía por detrás do casco, que posteriormente foi recuperado en 1887, modificado en 1893 e en 1902, e finalmente eliminado en 2009.[30][35][36]
O deseño de San Xurxo e o dragón son de estilo neoclásico, á moda dos gustos londinienses da época, e pode estar inspirado polos Mármores de Elgin (procedentes do Partenón de Atenas), expostos en Londres desde 1807 e probabelmente vistos por Pistrucci ao pouco da súa chegada. Este estilo dos soberano non era habitual na moeda británica do século XIX, máis habituada aos deseños heráldicos, aínda que concordaba cos desexos de Pole de que o soberano se amosase como claramente diferente da guinea.[37]
Anos de circulación (1817-1914)
editarPrimeira época (1817-1837)
editar“ | Consideramos que cómpre ordenarmos que se cuñen certas moedas de ouro, que deberían chamarse “soberanos ou moedas de vinte xilins” cada unha das cales debería ter un valor de vinte xilins e o peso de cinco pennyweights e tres grans, 2740⁄10000 do peso troy padrón para o ouro [...] E crimos conveniente ordenar que en cada unha das devanditas moedas de ouro que se cuñe, se amose no anverso a cabeza da Súa Maxestade, coa inscrición “Georgius III. D.G: Britanniar. Rev. F. D.” e o ano da data; e para o reverso a imaxe de San Xurxo armado sentado a cabalo enfrontándose co dragón cunha lanza, o devandito obxecto situado na ennobrecida xarreteira, co lema “Honi soit qui mal y pense” e, no canto, o granulado inventado recentemente. Proclamación de Xurxo IV como Príncipe Rexente. 1 de xullo de 1817.[38] |
” |
Cando o soberano entrou en circulación a finais de 1817, non gozou inicialmente da aceptación da poboación, que prefería a comodidade do papel moeda que os novos soberanos deberían substituír. Esta falta de demanda provocou que as tiraxes diminuísen drasticamente nos primeiros anos, desde as 2.347.230 pezas en 1818 ata as 3.574 ao ano seguinte.[39] Outro motivo para a escasa cantidade de soberanos cuñados en 1819 foi unha proposta, finalmente rexeitada, feita polo economista David Ricardo para eliminar o ouro como metal de cuñaxe. Despois de abandonar esta idea en 1820, o Banco de Inglaterra animou a poboación a utilizar estas moedas, aínda que a súa aceptación medraba moi paseniño. Debido a que as dificultades para o intercambio dos billetes da guerra se foron superando, que o soberano foi gañando en popularidade e que os billetes dos valores inferiores foron empezando a escasear, en 1826 o Parlamento prohibiu a emisión en Inglaterra e en Gales de máis papel moeda cun valor inferior a cinco libras.[40]
Moitos dos primeiros soberanos saíron das illas naqueles primeiros anos; en 1819, Robert Peel estimou que dos cinco millóns de libras en ouro cuñadas en Francia desde o ano anterior, tres cuartas partes do ouro utilizado proviña das novas moedas británicas, que foran fundidas.[40] E na seguinte década de 1820 saíron para Francia aínda moitos máis soberanos, xa que estes tiñan partes de prata aliada co ouro, que se podía separar de maneira rendible, regresando con frecuencia o ouro a Gran Bretaña, onde era cuñado novamente en soberanos. A partir de 1829, a Royal Mint eliminou a presenza de prata nos soberanos, aínda que non logrou evitar que seguisen saíndo do país.[41]
Xurxo III faleceu en xaneiro de 1820 e foi sucedido por Xurxo IV, que ata entón actuaba como príncipe rexente. Porén, a Royal Mint decidiu continuar usando o busto de Xurxo III ata que concluíse o ano.[42] Para as novas moedas xa co busto de Xurxo IV nos anversos, Pistrucci modificou o San Xurxo e o dragón dos reversos, eliminando a xarreteira e o lema. Foi tamén nesta ocasión cando se colocou a espada na man do santo en lugar da lanza partida, así como o cabelo tras o casco, e tamén se refinou lixeiramente a capa.[43]
O deseño dos anversos xa emitidos a nome de Xurxo IV presentaba a cabeza laureada do monarca, baseada no busto que Pistrucci elaborara para a medalla conmemorativa da coroación. A nova versión foi autorizada mediante unha Orde do Consello do 5 de maio de 1821, e este novo busto apareceu nas moedas cuñadas entre ese ano e 1825.[44]
Mais o rei non estaba satisfeito co seu busto e ordenou que se deseñase un novo, baseado no do escultor Francis Chantrey, que era máis do seu agrado. Pero Pistrucci rexeitou copiar o traballo doutro artista, coa conseguinte prohibición de que seguise a traballar na Real Casa da Moeda.[44]
Nesa conxuntura, encargóuselle ao segundo gravador (máis tarde gravador xefe) William Wyon a translación ás moedas do busto de Chantrey, que apareceu xa nas moedas emitidas en 1825. Tamén se decidiu prescindir do característico San Xurxo e o dragón, xa que ao novo mestre da ceca lle desagradaban varios sos seus aspectos. O redeseño encargóuselle ao gravador de moeda francés Jean Baptiste Merlen.[45] Os novos reversos amosaban presentou as armas reais do Reino Unido, coroadas, cos leóns de Inglaterra en dous dos seus cuartos, e os de Escocia e a arpa de Irlanda nos restantes. No escudo aparecen as armas coroadas de Hannover. O San Xurxo e o dragón non volveron protagonizar os reversos dos soberanos ata 1871.[46][47]
A ascensión ao trono de Guillerme IV en 1830, á morte do seu irmán Xurxo, levou consigo novos cambios nos deseños dos soberanos. Do gravado do busto real encargouse novamente William Wyon, baseándose tamén, como antano, nun busto esculpido por Chantrey. Utilizáronse dous bustos lixeiramente diferentes, co que habitualmente se fala dun "primeiro busto", utilizado na maioría das moedas emitidas en 1831 (o primeiro ano de produción) e nalgunhas de 1832, e un "segundo busto", utilizado nun prototipo da moeda datado en 1831 e nalgunhas pezas de 1832, e xa xeneralizado a partir de 1833.[48]
Os reversos dos soberanos de Guillerme IV amosan novamente as armas reais do Reino Unido, coa data precedida da palabra latina ANNO ("ano"). Estes reversos utilizáronse invariables cada ano ata a morte do rei, en 1837.[48][49]
Era vitoriana
editarCo acceso ao trono da Raíña Vitoria en 1837 púxose fin á unión persoal entre Gran Bretaña e a casa de Hannover, xa que segundo a Lei Sálica, aplicada nesta última, unha muller non podería ocupar o trono de Hannover. Esta circunstancia obrigaba a cambiar tanto os anversos como os reversos dos soberanos.[50]
Wyon deseñou para os anversos un retrato de xuventude da raíña, e Merlen encargouse de gravar os reversos, que representaban as armas reais dentro dunha grilanda, e probabelmente xogado algunha parte en deseñalo. Este soberano renovado aprobouse o 26 de febreiro de 1838 e emitiuse desde ese ano ata 1874, coas únicas excepcións de 1840 e de 1867.[51][52]
Os soberanos co deseño do escudo nos seus reversos cuñados en Londres entre 1863 e 1874 levan uns números de pequeno tamaño baixo o escudo, que identifica o cuño que se utilizou para a súa cuñaxe. Non se conserva ningún documento que acredite o porqué desta práctica, aínda que se supón que sería un método de rastrexabilidade das moedas elaboradas con cada cuño para poder facer cálculos sobre o seu desgaste.[53]
En 1850 cuñáranse e entraran en circulación arredor de 94 millóns de libras en moedas dun soberano, non só nas Illas Británicas senón tamén noutros territorios. Esta dispersión foi impulsada polo Goberno británico, que vía nos soberanos un instrumento para as súas ambicións imperialistas. Mais o ouro é un metal brando e a circulación intensa ía facendo que estes se deteriorasen. En 1838, cando o gran legado do adiñeirado James Smithson (1765-1829) foi convertido en ouro en preparación para levalo aos Estados Unidos, como el deixara disposto, as autoridades estadounidenses pediron soberanos acabados de cuñar, para evitar que estes tivesen mingua de metal debida ao desgaste provocado pola circulación. A principio da década de 1840, o Banco de Inglaterra estimaba que arredor do 20 por cento dos soberanos en circulación tiñan falta de peso por ese motivo. Así as cousas, para potenciar a reputación do soberano no comercio, o Banco de Inglaterra acometeu un programa de recuñaxe, fundindo moedas de peso lixeiro e utilizando o ouro para a cuñaxe de novos soberanos co peso legal.[54] Entre 1842 e 1845, o Banco fixo esta operación con arredor de 14 millóns de libras, aproximadamente un terzo do ouro en circulación. Con isto, non só restableceu os soberanos ao seu peso e valor estándar, senón que paralelamente acabou coas xa escasas guineas que se mantiñan en circulación.[55] Os posuidores de moedas de ouro que non foran recuñadas só podían utilizalas polo seu peso real, e non polo valor nominal, co que no mellor dos casos perderían algúns peniques na operación.[56]
Esta situación provocou tamén un incremento dos controis na propia Casa da Moeda de Londres; de feito, en 1866, pesábase individualmente cada soberano.[57] Como resultado destes esforzos, o soberano converteuse, parafraseando o historiador da economía John Clapham (1873-1946), na "xefa das moedas do mundo".[58]
A febre do Ouro de California sumada a outras descubertas producidas nas décadas de 1840 e 1850, potenciou a cantidade de ouro dispoñible e tamén a cantidade de soberanos cuñados, con 150 millóns de libras en moedas dun soberano e de medio soberano entre 1850 e 1875. Mais o problema do desgaste continuaba, por mor da súa grande circulación: estimábase que estas moedas perdían notablemente o seu peso logo de 15 anos en circulación. Unha nova Lei da moeda de 1870 fixo máis estritos os controis da Royal Mint, ao requirir que cada soberano pasase individualmente e anualmente a Proba do Pyx.[59] Como resultado, rexeitáronse moitos soberanos e foron enviados á recuñaxe (e, en menor medida, tamén moedas de medio soberano).[60]
Cando en 1882, se pechou a ceca para realizar unhas obras, un factor decisivo para pechar produción durante un ano en lugar de trasladala a outra casa de moeda foi o informe do Banco de Inglaterra que aseguraba que existía unha cantidade excesiva de soberanos en circulación, co que a parada non suporía problemas importantes.[61]
Os avances tecnolóxicos fixeron posible que os soberanos se pesasen individualmente con máquinas automáticas no Banco de Inglaterra, xa na década de 1890. Ademais, para facilitar o mantemento do peso legal dos soberanos, unha nova Lei de moeda datada en 1889 permitía o cambio das moedas minguadas por outras novas conforme o seu valor nominal, co que era o Estado o que asumía a desvalorización pola perda de peso.[59] Esa mesma lei autorizaba tamén o Banco de Inglaterra para trocar as moedas cuñadas con anterioridade ao reinado de Vitoria, antes de que o 22 de novembro de 1890, todas estas moedas de ouro de reinados anteriores fosen desmonetizadas o 28 de febreiro de 1891.[62]
Como resultado de todas estas actuacións, a porcentaxe de soberanos en circulación con peso inferior ao establecido era soamente do catro por cento en 1900.[59]
Na época vitoriana, o soberano comezou a ser visto en obras de ficción: en Oliver Twist de Dickens, a señora Bumble cobrou pola súa información 25 soberanos; Joseph Conrad, nas súas novelas ambientadas en Latinoamérica, refírese varias veces a capitáns de barco que acumulan os seus aforros en soberanos. A pesar de que moitas destas moedas eran fundidas cando chegaban a terras estranxeiras (como as do legado smithsoniano), tamén era unha moeda circulante en ducias de colonias británicas e mesmo en nacións como Brasil e Portugal.[63]
En 1871, o director da Royal Mint, Charles Fremantle, restaurou o clásico deseño do San Xurxo e o dragón nos reversos dos soberanos, no seo dunha campaña para embelecer as moedas.[64][65] Este cambio foi aprobado pola raíña e autorizado pola Real Orde do Consello do 14 de xaneiro dese mesmo ano. Porén, ambos os deseños (o do escudo e o de San Xurxo) foron cuñados indistintamente na ceca de Londres entre 1871 e 1874, e nas súas sucursais australianas ata 1887; a partir de aí recuperouse por completo o antigo deseño de Pistrucci.[66] No caso dos medios soberanos, isto non sucedeu ata 1893.[67]
Canto aos anversos, a cabeza xuvenil da raíña deseñada por Wyon utilizouse nos soberanos cuñados entre 1838 e 1887, cando foi substituída pola coñecida como cabeza "do xubileo", obra do medallista vienés Joseph Edgar Boehm.[68] Este novo deseño sufriu fortes críticas e foi substituído en 1893 por un novo busto da raíña xa anciá, deseño de Thomas Brock.[69][70][71]
A morte de Vitoria en 1901 obrigou a crear un novo anverso para as moedas emitidas a nome do seu fillo e sucesor, Eduardo VII, do que se encargou George William de Saulles, que comezaron a producirse en 1902.[72] Au falecer o novo monarca en 1910, o medallista australiano Bertram Mackennal deseñou un novo busto para o seu sucesor, Xurxo V, en tanto que o San Xurxo e o dragón permanecían nos seus reversos.[73][74]
-
Busto de Guillerme IV.
-
Busto de Vitoria.
-
Busto de Eduardo VII.
-
Busto de Xurxo V
-
Busto de Isabel II.
-
Reverso tipo con escudo de armas
Os soberanos de Australia
editarA descuberta de ouro en Australia en 1851 provocou a inmediata solicitude das autoridades locais para o establecemento dunha sucursal da Royal Mint nas súas colonias naquelas latitudes. As autoridades de Adelaida non esperaron a que Londres actuase e estableceron de camiño un obradoiro de ensaio no que cuñaron a que se coñece como "libra de Adelaida". Finalmente, en 1853 unha Orde do Consello aprobaba o establecemento dunha ceca en Sydney (Sydney Mint), á que seguiría a de Melbourne (Melbourne Mint) en 1872 e a de Perth (Perth Mint) en 1899.[75]
A lei que regulaba a moeda de Nova Gales do Sur, que entrou en vigor o 18 de xullo de 1855, estipulaba que as moedas de ouro debían chamarse "soberano" e "medio soberano", e debían ter o mesmo peso e valor que as cuñadas na ceca londiniense.[77]
As primeiras emisións de soberanos de Sydney, ata 1870, amosaban un busto da raíña Vitoria similar ao das moedas cuñadas no Reino Unido, mais cunha coroa aborixe típica de Australia no seu cabelo. No reverso aparecía o nome da ceca sucursal, SYDNEY MINT, a palabra AUSTRALIA e o valor facial, ONE SOVEREIGN.[75]
Inicialmente, estas moedas non tiñan curso legal fóra de Australia, xa que existían suspicacias tanto polo seu deseño como pola cor clara do ouro utilizado na súa cuñaxe (por mor dunha maior porcentaxe de prata na aliaxe), mais despois de 1866 os soberanos australianos pasaron a ter o mesmo recoñecemento que os cuñados en Londres. A partir de 1870 unificáronse mesmo os deseños cos da metrópole, coa única diferenza dunha marca de ceca S (Sydney) ou M (Melbourne), e máis tarde P (Perth). As cecas de Melbourne e Sydney mantiveron o deseño do escudo ata 1887 nos seus reversos cando este foi abandonado en Londres, por mor da popularidade que tiña alí. As grandes tiraxes das cecas sucursais das colonias implicaron que en 1900 arredor do 40 por cento dos soberanos que circulaban en Gran Bretaña proviñan de Australia.[75][78] Os cuños para os soberanos cuñados en Australia eran fabricados na Royal Mint de Londres.[79]
As casas de moeda de Melbourne e de Perth pararon de cuñar soberanos en 1931, e a de Sydney pechou en 1926.[80]
Os soberanos do Canadá
editarLogo da Febre do Ouro de Klondike, o Goberno canadense solicitou o establecemento dunha sucursal da Royal Mint no seu territorio, o cal ocorreu en 1908, cando se inaugurou en Ottawa o que hoxe é a Royal Canadian Mint. A nova ceca cuñou anualmente pequenas cantidades de soberanos coa marca de ceca C entre 1908 e 1919, coa excepción de 1912.[81]
Outros territorios emisores
editarFuncionaron tamén como cecas sucursais da Royal Mint cuñadoras de soberanos as de Bombai, na India, en 1918 e coamarca de ceca I, e a de Pretoria, en Suráfrica, entre 1923 e 1932, coa marca de ceca SA.[80] Estes últimos soberanos de Pretoria de 1932 foron os derradeiros en emitirse como moeda circulante co seu valor nominal.[82]
Para facer fronte á elevada demanda de moedas de ouro no mercado da India xa independente, onde non se permite a súa importación, en 2013 retomouse a emisión de soberanos nese país.[83] Encárgase da súa cuñaxe, baixo licenza, a empresa mixta suíza e india MMTC-PAMP, nas súas instalacións preto de Delhi, con control de calidade por parte da Royal Mint.[84] Estas moedas son curso legal en Gran Bretaña.[85]
Moeda de comercio (1914-1979)
editarA finais do século XIX, varios ministros británicos de Facenda cuestionaron os beneficios de basear as existencias de ouro do país maioritariamente en ouro amoedado. Randolph Churchill propuxo depender menos das moedas de ouro e pasar ás de prata de alto valor e, de feito, a breve moeda de prata de dous floríns e a de catro xilins dese mesmo metal foron creadas como resultado daquelas propostas. O sucesor de Randolph Churchill, George Goschen, instou a emisión de billetes para substituír o ouro en circulación e declarou que preferiría ter 20 millóns de libras en ouro no Banco de Inglaterra que 30 millóns de soberanos nas mans do público. O medo a que se xeneralizase a falsificación do papel moeda sacudiu a confianza como consecuencia da súa proposta.[86]
En marzo 1914, John Maynard Keynes sinalou que as grandes cantidades do ouro que chegaban desde Suráfrica estaban a facer que o soberano cobrase aínda máis importancia:
“ | A combinación da demanda de soberanos na India e en Exipto coa situación de Londres como centro distribuidor do ouro surafricano está a situar rapidamente o soberano como a moeda de ouro predominante do mundo. Posibelmente estea destinado a manter no futuro esa mesma posición internacional, do mesmo xeito que a tivo durante séculos o real de oito español procedente de México.[87] | ” |
Á medida que Gran Bretaña se aproximaba á guerra na crise de xullo de 1914, moitas persoas quixeron converter en ouro os seus billetes do Banco de Inglaterra, co que as reservas de ouro do banco caeron de 27 millóns de libras o 29 de xullo a 11 millóns o 1 de agosto dese mesmo ano. Tras a declaración de guerra de Alemaña o 4 de agosto, o goberno puxo en circulación billetes dunha libra e de dez xilins no canto das moedas dun soberano e de medio soberano.[88] Tamén se impuxeron restricións ao envío de ouro cara ao estranxeiro, e a fundición das moedas pasou a ser considerado delito.[89] Pero o cambio do ouro ao papel non satisfacía a todos: J.J. Cullimore Allen, no seu libro sobre os soberanos publicado en 1965, lembra a recepción da súa primeira nómina tras o cambio a billetes, e como os traballadores se amosaban dubidosos e solicitaban que se lles pagase con ouro, ata que o propio Allen cambiou por papel moeda cinco soberanos do seu propio peto e os traballadores ficaron máis tranquilos.[90] A conversión en ouro non staba prohibida, mais o ministro de facenda sinalou esa acción como antipatriótica por ir en contra do esforzo económico que supuña a guerra. Ante ese tipo de chamamentos, poucos seguiron insistindo na reivindicación dos pagamentos en ouro e, a mediados de 1915, xa era raro ver algunha destas moedas no comercio londiniense. A moeda foi utilizada como reclamo en carteis de propaganda que instaban a contribuír aos gastos da guerra.[88]
Malia continuar cuñándose en Londres ata fins de 1917, a maioría servían para manter as reservas de ouro da nación ou para o pagamento de débedas de guerra cos Estados Unidos.[91] En países estranxeiros, porén, si que se mantiñan en circulación, sobre todo en Oriente Medio.[92]
As cecas australianas sucursais da Royal Mint continuaban a cuñalos, xa que alí as circunstancias económicas eran diferentes. Despois da guerra, os soberanos xa non regresaron ao comercio en Gran Bretaña, xa que as moedas valían máis polo valor en ouro que polo valor facial. En 1925, o chanceler Winston Churchill, asegurou a aprobación da Lei do padrón ouro de 1925, que restauraba ese padrón para Gran Bretaña, aínda que con ouro para mantelo en reserva e non para utilizalo na circulación. O esforzo fracasou —Churchill considerouno como a peor equivocación da súa vida—, aínda que algúns soberanos moi desgastados foron fundidos e recuñados con data 1925 e postos en circulación máis tarde. Moitos dos soberanos australianos emitidos no período da posguerra serviron para apoiar moeda, en tanto que os surafricanos se utilizaron maioritariamente para a exportación e para o pagamento dos traballadores nas minas de ouro.[93][94]
No momento en que Eduardo VIII chegou ao trono en 1936 xa non se emitiron soberanos para a súa circulación soberanos para circulación, senón só formando parte da serie anual para conmemorar a súa coroación. Cun busto do monarca obra de Humphrey Paget e con data de 1937, estes soberanos non foron autorizados antes da abdicación do rei en decembro de 1936 e son considerados probas numismáticas, non moedas circulantes. De extremada rareza, un destes soberanos foi vendido en 2014 por 516.000 libras, o que supuxo un récord de prezo para unha moeda británica nunha poxa.[95]
Tamén se cuñaron soberanos e dobres soberanos en condición de proba numismática os datados en 1937 a nome do seu irmán e sucesor, Xurxo VI, tamén deseñado por Paget.[96] Os soberanos de Xurxo V datados en 1925 foron recuñados en 1949, 1951 e 1952.[97][98]
O soberano mantívose como unha moeda moi popular para o comercio en Oriente Medio e noutros lugares despois da segunda guerra mundial. As pequenas emisións de 1925 non eran suficientes para satisfacer esa demanda, o que foi suplido en parte por falsificacións de procedencia tanto europea como asiática, que en ocasións tiñan o mesmo ouro que as moedas regulamentarias. Deuse entón unha persecución xudicial destas prácticas, proceso no que os seus defensores argumentaban que podían falsificarse ao non seren xa moedas oficiais e de curso legal. No entanto, os soberanos mantiñan a súa legalidade en virtude da Lei de moeda de 1870.[99]
Novamente, os soberanos foron emitidos en 1953, o ano da coroación de Isabel II, amosando nos seus anversos o retrato real deseñado por Mary Gillick, aínda que só se cuñaron unhas poucas pezas destinadas a exhibirse nos museos máis importantes.[100] Un destes soberanos de 1953 vendeuse nunha poxa de 2014 en 384.000 libras.[85] En 1957, o Tesouro do Reino Unido decidiu defender o status do soberano tanto continuando os procesos xudiciais contra a falsificación como emitindo novas tiraxes anuais.[100] Os emitidos nos períodos 1957-1959 e 1962-1968 co busto da raíña deseñado por Gillick son considerados moedas de investimento.[101][102]
O problema da falsificación reduciuse coa cuñaxe de arredor de 45 millóns de soberanos en 1968 e cos esforzos dos avogados do Tesouro, que deron como resultado a aceptación do curso legal do soberano polos tribunais supremos de varios estados europeos.[103] En 1966, o Goberno de Harold Wilson impuxo restricións ao atesouramento de moedas de ouro para loitar contra a inflación, polo que mesmo os coleccionistas tiñan que dispor dunha licenza do Banco de Inglaterra. A medida foi ineficaz, xa que impulsou o comercio clandestino do ouro, e foi abandonada en 1970.[104]
A presenza do soberano na cultura popular continuou: na novela de 1957 From Russia, with Love ("Desde Rusia con amor"), de Ian Fleming, o personaxe Q dálle a James Bond un maletín que contén 50 soberanos, que posteriormente utiliza para distraer o vilán cando este o ameaza cunha pistola.[105]
O soberano sobreviviu a decimalización do sistema monetario británico e o traslado da Royal Mint desde Londres a Llantrisant, en Gales. O derradeiro soberano coa cara deseñada por Gillick foi cuñado en 1968, cando foi cambiado por un novo deseño de Arnold Machin que se mantivo ata 1974.[106]
A Derradeira moeda cuñada na antiga sede da Royal Mint en Tower Hill en 1975 foi un soberano.[107]
Moeda de investimento e de colección (1979 en adiante)
editarA partir de 1979 o soberano continuou emitíndose anualmente, aínda que xa non como moeda de curso legal senón destinada á compravenda de ouro para o investimento, a modo de pequeno lingote, e tamén para satisfacer a demanda dos coleccionistas.[108] En 1985, o retrato real de Arnold Machin foi substituído por un novo de Raphael Maklouf.[109]
En 1989 emitiuse un soberano conmemorativo do 500 aniversario da primeira cuñaxe dunha moeda con ese nome, a de Henrique VII de 1489. A moeda, deseñada por Bernard Sindall, evoca o deseño daquel soberano primixenio ao amosar a raíña entronizada e ollando á fronte, do mesmo xeito que aparecía Henrique VII no seu soberano. O reverso da moeda de 1489, amosaba a dobre rosa dos Tudor e as armas reais, tamén foi retomado para a emisión de 1989, aínda que cos trazos máis actualizados.[110][111] Esta moeda foi merecedora do premio Moeda do Ano de 1991 ás mellores cuñaxes de 1989, na categoría de Moeda de Maior Relevancia Histórica, outorgado pola editora estadounidense Krause Publications.[112][113]
Ian Rank-Broadley encargouse do deseño do cuarto busto da raíña nos soberanos, que comezou a utilizarse na emisión de 1998 e se mantivo ata a de 2015. En 2002 deseñouse un reverso especial para a celebración do quincuaxésimo aniversario da subida ao trono de Isabel II (Golden Jubilee), cunha adaptación das armas reais nun escudo a cargo de Timothy Noad, que lembra o escudo dos soberanos do século XIX.[114] Nos anos 2005 e 2012 (este último o do 75º aniversario do reinado) cuñáronse reinterpretacións do San Xurxo e o dragón, a primeira deseñada por Noad e a segunda por Paul Day. En 2009, o cuño do reverso foi gravado utilizando as ferramentas propias do reinado de Xurxo III, coa esperanza de reproducir mellor a esencia do deseño de Pistrucci.[115]
En 2015 cambiouse novamente o retrato da raíña nas emisións regulares, seguindo un deseño de Jody Clark.[116] Porén, a moeda de 2016 conmemorativa do 90º aniversario da raíñada ten un anverso deseñado por James Butler.[117] A moeda de 2017, que conmemora os 200 anos do nacemento do soberano moderno, retoma o deseño orixinal de Pistrucci de 1817, incluídos o lema e a xarreteira que foran retirados en emisións posteriores.[118][119][120] Na emisión de 2022 utilizouse un reverso deseñado por Noad na honra do Xubileu de Platino de Isabel II, que representaba unha interpretación propia do escudo real.[121]
Logo do pasamento de Isabel II en setembro de 2022, a Royal Mint anunciou a emisión de soberanos a nome do novo rei, Carlos III, coa súa efixie no anverso e cunha representación das armas reais no reverso realizada por Clark, en memoria de Isabel e o seu longo reinado. Cando se empezaron a aceptar pedidos o 15 de novembro, a demanda foi tal que os visitantes da páxina web da Royal Mint tiveron que facer colas virtuais.[122] Para a coroación de Carlos III en maio de 2023, a casa da moeda emitiu soberanos que amosaban un busto coroado do rei, co reverso de Pistrucci. Tanto o busto coroado como o non coroado, emitidos por primeira vez en 2022, foron deseñados por Martin Jennings.[123] Para 2024, o retrato de Carlos sen coroa de Jennings emparellouse co reverso de Pistrucci en cada unha das moedas da serie de soberanos cuñadas con acabamento proof, desde o cuarto de soberano ata o quíntuplo soberano.[124]
Por outra parte, en 2017 descubriuse unha colección de 633 soberanos e 280 medios soberanos dentro dun piano que fora doado a unha universidade en Shropshire, Inglaterra. As moedas, que datan de 1847 a 1915, foron atopadas por un técnico ao que se lle encargou a afinación do instrumento, pegadas en pequenas bolsiñas e paquetes baixo o teclado. As indagacións sobre os seus propietarios iniciais ou sobre os seus herdeiros non deron resultado ningún.[125]
Coleccionismo, outros usos e fiscalidade
editarMoitos dos deseños do soberano alternativos ao regular emitidos a partir de 1989 tiveron o obxectivo de estimular o seu coleccionismo. A Royal Mint está autorizada para vender soberanos de ouro directamente ao público, en lugar de ter que canalizar a súa produción a través do Banco de Inglaterra, como ocorría en épocas anteriores.[126] Asemade, ao ter a consideración legal de moeda de curso legal, a súa adquisición está exenta do imposto sobre os beneficios do capital para os residentes no Reino Unido.[127]
Ademais do seu uso como moeda ao longo da súa historia, o soberano foi utilizado como complemento da vestimenta sobre todo polos homes xa no século XIX, colocándoos, por exemplo, nas cadeas dos seus reloxos de peto, como sinal de prestixio. As mulleres tamén os utilizaban como parte das súas xoias, formando parte de brazaletes ou a modo de pendentes.[128] No século XXI asociouse o uso dun soberano no anel como unha mostra da subcultura chav.[129]
As casas de poxas numismáticas interésanse particularmente polos soberanos con datas en que se cuñaron poucos exemplares.[130] Este é o caso, por exemplo dos de Eduardo VIII de 1937 e os de Isabel II de 1953, así como outros como os de 1819. Tamén é particularmente escaso o soberano de 1863 que amosa o número 827 no anverso no canto das iniciais de William Wyon iniciais, que probablemente se trate dun número de lingote utilizado de xeito experimental, aínda que as investigacións ao respecto non deron unha explicación concluínte.[131] Outras pezas escasas son os poucos soberanos cuñados en Londres en 1879, a maioría dos cales se atopa ademais en deficientes condicións de conservación.[66] Da coñecida como "libra de Adelaida" cuñáronse só 24.768 exemplares, dos que sobreviviron moi poucos ata a actualidade.[132]
O soberano foi, por si mesmo, motivo de conmemoración. Ademais do antedito soberano londiniense de 2017 conmemorativo dos 200 anos do nacemento desta moeda, a australiana Perth Mint emitiu en 2005 unha moeda de ouro valor facial de 25 dólares que reproduce o deseño do reverso dos soberanos da Sydney Mint anteriores a 1871.[133][134]
Notas
editar- ↑ "Soberano" en Digalego. Dicionario de galego.
- ↑ "Soberano". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Medio soberano" e "Doble soberano". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ 4,0 4,1 "1 Sovereign - George III". En Numista.
- ↑ Alfaro Asins, C. (2009). "Soberano".
- ↑ "Tudor Sovereign Arquivado 04 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
- ↑ "Guinea, Coin Type from United Kingdom - detailed information". Online Coin Club.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 61.
- ↑ "Tudor Souvereign Arquivado 04 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
- ↑ "1 Sovereign - Henry VII Group I; cross fitchee". En Numista.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 15.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 3-4.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 41.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 45.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 47.
- ↑ 16,0 16,1 Clancy, K. (2017). Páxina 57.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 52-55.
- ↑ Seaby, P. (1985). Páxinas 116-117.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 7.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 55.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 56.
- ↑ "Benedetto Pistrucci Arquivado 25 de maio de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
- ↑ Pollard, G.
- ↑ Marsh, M. A. (1996). Páxina 15.
- ↑ Farey, R. (2014). Páxina 52.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 91.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 58.
- ↑ Rodgers, K. (2017). Páxinas 43-44.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 8.
- ↑ 30,0 30,1 Allen, J. J. C. (1965). Páxina 13.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 92.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 63.
- ↑ "1 Sovereign - George IV". En Numista.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 10-16.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 109.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 101.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 62-63.
- ↑ Ruding, R. (1819). Páxinas 47-48.
- ↑ Rodgers, K. (2017). Páxina 44.
- ↑ 40,0 40,1 Clancy, K. (2017). Páxina 64-67.
- ↑ Craig, J. (2010). Páxina 304.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 13.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 98.
- ↑ 44,0 44,1 Clancy, K. (2017). Páxina 66-67.
- ↑ Klancy, K. (2017). Páxinas 66-67.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 99.
- ↑ "1 Sovereign - George IV". En Numista.
- ↑ 48,0 48,1 Marsh, M. A. (2017). Páxinas 21-27.
- ↑ "1 Sovereign - William IV". En Numista.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 69.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 27-38.
- ↑ "1 Sovereign - Victoria 1st portrait; Shield". En Numista.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 29, 31.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 70-71.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 484.
- ↑ Craig, J. (2010). Páxina 310.
- ↑ Craig, J. (2010). Páxina 322.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 511.
- ↑ 59,0 59,1 59,2 Clancy, K. (2017). Páxinas 76-77.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxinas 520-521.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 525.
- ↑ Hayter, H. H. (1891). Páxina 433.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 73, 78-79, 85.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 73.
- ↑ "1 Sovereign - Victoria 1st portrait; St George". En Numista.
- ↑ 66,0 66,1 Marsh, M. A. (2017). Páxina 47.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 65.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 47, 57.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 64.
- ↑ "1 Sovereign - Victoria 2nd portrait". En Numista.
- ↑ "1 Sovereign - Victoria 3rd portrait". En Numista.
- ↑ "1 Sovereign - Edward VII". En Numista.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 69, 77.
- ↑ "1 Sovereign - George V". En Numista.
- ↑ 75,0 75,1 75,2 Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 131-132.
- ↑ Cuhaj, G. S. (2009). Páxina 82.
- ↑ Potter, C. (1893). Páxina 137.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 28-29, 64.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 530-531.
- ↑ 80,0 80,1 Marsh, M. A. (2017). Páxinas 78-87.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 69-72, 81.
- ↑ Rodgers, K. (2017). Páxina 46.
- ↑ "Chidambaram rules out lifting ban on import of gold coins". The Indu. Nova Delhi. 22 de outubro de 2013.
- ↑ "The Souvereign Arquivado 26 de decembro de 2014 en Wayback Machine.". MMTC PAMP.
- ↑ 85,0 85,1 Rodgers, K. (2017). Páxina 47.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 78.
- ↑ Keynes, J. M. (1914). Páxina 155.
- ↑ 88,0 88,1 Clancy, K. (2017). Páxinas 89-91.
- ↑ Josset, C. R. (1962). Páxinas 143-144.
- ↑ Allen, J. J. C. (1965). Páxina 7.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 77.
- ↑ Josset, C. R. (1962). Páxinas 141.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 92-93.
- ↑ Allen, J. J. C. (1965). Páxina 10.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 88-89.
- ↑ "2 Pounds - George VI". En Numista.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 90-91.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 95.
- ↑ Allen, J. J. C. (1965). Páxinas 15-16.
- ↑ 100,0 100,1 Clancy, K. (2017). Páxinas 95-97.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 97.
- ↑ "1 Sovereign - Elizabeth II 1st portrait". En Numista.
- ↑ Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). Páxina 598.
- ↑ Seaby, P. (1985). Páxina 173.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 94-95.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 94, 97-98.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxina 99.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxina 98-99.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxinas 116-117.
- ↑ "1 Sovereign - Elizabeth II Gold Sovereign Anniversary". Numista.com
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxinas 118-119.
- ↑ "Coin of the Year Awards". Numismaster.com
- ↑ Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 102.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 104-105.
- ↑ "2015 Proof Gold Sovereign 5th Portrait". En Sovereign Cellar.
- ↑ "The Sovereign 2016". The Royal Mint.
- ↑ "The Sovereign 2017 Gold Bullion Coin Arquivado 13 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
- ↑ Marsh, M. A. (2017). Páxinas 95-96, 106.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 102-103.
- ↑ Alexander, M. (2021). "United Kingdom: New 2022 gold sovereigns released. The first coins in the Platinum Jubilee Collection Arquivado 10 de novembro de 2023 en Wayback Machine.". En Coin Update. 15 de novembro.
- ↑ Abbott, L. (2022). "Royal Mint's website runs queuing system as collectors rush for memorial Sovereign with King Charles' portrait". En Rutland & Stamford Mercury. 15 de novembro.
- ↑ "A Sovereign Fit for a King". Royal Mint.
- ↑ "The Sovereign 2024 Five-Coin Gold Proof Set". Royal Mint.
- ↑ Davies, C. (2017). "Mystery gold sovereign hoard found in piano declared to be treasure". En The Guardian. 20 de abril.
- ↑ Clancy, K. (2017). Páxinas 99-103.
- ↑ "Bullion & Capital Gains Tax Arquivado 13 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
- ↑ Allen, J. J. C. (1965). Páxina 14.
- ↑ Rumsey, N.; Harcourt, D. (2014). The Oxford Handbook of the Psychology of Appearance. Oxford University Press. ISBN 9780198723226
- ↑ Marsh, M. A. (1996). Páxinas 186-192.
- ↑ Marsh, M. A. (1996). Páxinas 10, 31.
- ↑ Allen, J. J. C. (1965). Páxinas 56-57.
- ↑ Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). Páxina 133.
- ↑ "2005 Perth Mint Numismatic Coins. Collector Coins Arquivado 13 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". The Perth Mint Australia. Páxina 5.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Soberano |
Bibliografía
editar- Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
- Allen, J. J. C. (1965). Sovereigns of the British Empire. Londres. Spink & Son.
- Celtel, A.; Gullbekk, S. H. (2006). The Sovereign and its Golden Antecedents. Oslo. Monetarius. ISBN 978-82-996755-6-7
- Clancy, K. (2017). A History of the Sovereign: Chief Coin of the World. Llantrisant. Royal Mint. 2ª ed. (1ª ed.: 2015). ISBN 978-1-869917-00-5
- Craig, J. (2010). The Mint. Cambridge. Cambridge University Press. (1ª ed.: 1953). ISBN 978-0-521-17077-2
- Cuhaj, G. S. (2009). Standard Catalog of World Coins 1801-1900. Iola. Krause Publications. ISBN 978-0-89689-940-7
- Dyer, G. P.; Gaspar, G. P. (1992). "Reform, the New Technology and Tower Hill". En Challis, C. E. (ed.). A New History of the Royal Mint. Cambridge. Cambridge University Press. Páxinas 398-606. ISBN 978-0-521-24026-0
- Farey, R. (2014). "Benedetto Pistrucci (1782-1855). Part 1". En Coin News. Setembro. Páxinas 51-53.
- Hayter, H. H. (1891). Victorian Year-Book for 1890-91. 18ª ed. Melbourne. Sands & McDougall.
- Hubbard, A. (2003). "How George III lost France: Or, Why Concessions Never Make Sense". En Electric review: a High Tory online journal of politics, art and literature. 14 de xullo.
- Josset, C. R. (1962). Money in Britain. Londres. Frederick Warne and Co.
- Keynes, J. M. (1914). "Currency in 1912". En The Economic Journal. Royal Economic Society. 24 (93): 152-157.
- Marsh, M. A. (1996). Benedetto Pistrucci: Principal Engraver and Chief Medallist of the Royal Mint, 1783-1855. Hardwick. Michael A. Marsh. ISBN 978-0-9506929-2-0
- Marsh, M. A. (2017). The Gold Sovereign. Exeter. Token Pub. (1ª ed.: 1980). ISBN 978-1-908828-36-1
- Pollard, G. "Pistrucci, Benedetto". En Oxford Dictionary of National Biography.
- Potter, C. (1893). Pamphlets issued by the New South Wales Commissioners for the World's Columbian Exposition, Chicago. Sydney. Government Printer.
- Rodgers, K. (2017). "Britain's Gold Sovereign". En Coin News. Xuño. Páxinas 43-47.
- Ruding, R. (1819). A supplement to the Annals of the Coinage of Britain. Londres. John Nichols and Son.
- Seaby, P. (1985). The Story of British Coinage. Londres. Seaby. ISBN 978-0-900652-74-5
Outros artigos
editar- Libra esterlina
- Quíntuplo soberano
- Guinea (moeda)
- Royal Mint
- Benedetto Pistrucci
- Lei da moeda de 1816 (Reino Unido)
- Lei da Moeda de 1870 (Reino Unido)