Abrir o menú principal

O reino de Powys emerxeu durante a Idade Media, despois da retirada romana de Britania. Baseada na tribo dos ordovicos no oeste e os cornovios no leste, as súas fronteiras orixinais estendíanse desde os montes Cámbricos no oeste ata a moderna rexión de West Midlands no leste. Posuía as fértiles ribeiras dos vales do Severn e do Tern, rexión que aparece denominada na literatura galesa posterior como o paraíso de Powys. O nome deriva do latín pagus, que significa campo, aínda que tamén ten connotacións de pagán, pois tardou en se en cristianizar. Esta rexión formaba parte dunha provincia do Imperio romano, con capital en Viroconium Cornoviorum (a moderna Wroxeter), a cuarta maior cidade romana en Britania. Abarcaba, máis ou menos, o territorio do actual condado de Powys.

Teyrnas Powys
Reino de Powys

século V1160
 

Bandeira Escudo
Capital Caer Guricon, Pengwern, Mathrafal, Welshpool
Lingua galés
Goberno Monarquía
Presidente
 • século V Brochwel Ysgithrog
 • Finado en 616 Selyf ap Cynan
 • Finado en 755 Elisedd ap Gwylog
 • 1063-1075 Bleddyn ap Cynfyn
 • 1116-1132 Maredudd ap Bleddyn
 • 1132 - 1160 Madog ap Maredudd
Historia
 • Establecido século V

Índice

A Idade MediaEditar

Reinos galeses 400-800
(O mapa orixinal apud William Rees 1959
reprodución en 'Hanes Cymru' de John Davies )

Durante a Alta Idade Media, Powys foi gobernada pola dinastía dos Gwerthernion, descendentes de Vortigern e a princesa Severa, filla de Magno Máximo. A arqueoloxía demostrou que, inusualmente para a época, Viroconium Cornoviorum sobreviviu como núcleo urbano ata ben entrado o século VI, e ben puido ter sido a capital do reino. Nennio parece identificar o lugar como Caer Guricon. Nos séculos seguintes, a fronteira leste de Powys foise poboando de anglos procedentes do reino de Mercia. Foi un proceso gradual, e o control de West Midlands por estes non se completou ata o s. VIII.

As comunidades galesas foron devastadas por unha gran praga procedente de Exipto en 549. As cidades e o campo acabaron despoboados por igual. Porén, os anglos víronse menos afectados por esta praga porque apenas tiñan contactos comerciais co continente naquela época. Debido ao minguante poder humano e a´crecente usurpación territorial por parte dos anglos, o rei Brochwel Ysgithrog cambiou a corte de Caer Guricon á máis defendíbel Pengwern (Sherwsbury).

En 616, o exército de Æthelfrith de Northumbria enfrontouse aos galeses de Powys. O rival do monarca de Northumbria, Edwin de Deira, vivía naquela época exiliado en Gwynedd. Crese que Æthelfrith intentaba capturalo, pero o rei de Powys, Selyf Sarffgadau, denegoulle o paso polo seu reino. Vendo unha oportunidade de ampliar o seu reino entre o norte de Gales e Rheged, Æthelfrith invadiu o norte de Powys, forzou unha batalla cerca de Chester e venceu a Selyf e os seus aliados. Beda cóntanos que ao principio da batalla o pagán Æthelfrith matou 1200 monxes do mosteiro de Balor-Is-Coed (Balor do bosque baixo) porque, como dixo, loitan contra nós cos seus rezos. Selyf morreu na batalla, sendo o primeiro rei de Powys en ser enterrado en Meifod, localidade refundada polo seu irmán San Tysilio. No século VII a Igrexa galesa aínda era independente de Roma, e Tysilio foi o seu bispo, con grande influencia en todos os acontecementos do país. A esta vila, que se converteu no mausoleo da dinastía, tamén a chaman Eglwys Tysilio (Igrexa de Tysilio).

Se o rei Cynddylan de Pengwern procedese da familia real de Powys (cousa que parece dubidosa), entón tamén habería forzas de Powys na batalla de Maes Cogwy. A consecuencia desta batalla, Pengwern foi saqueada, a súa familia real asasinada e gran parte do territorio anexionado a Mercia e Powys. Estes sucesos rememoráronse nos poemas galeses como a desolación da princesa Heledd (Canu Heledd[1]) ao coñecer a morte do seu irmán (Marwnad Cynddylan, a elexía a Cynddylan).

Powys viviu certo rexurdimento con sucesivas campañas vitoriosas fronte a Inglaterra en 655, 705-707 e 722. A corte foi trasladada ao castelo de Mathrafal (717), posibelmente polo rei Elisedd ap Gwylog. Os éxitos de Elisedd conduciron ao rei Ethebaldo de Mercia a construír o Muro de Wat, que se cadra se fixo co propio acordo de Elisedd. Porén, por esa fronteira norte, desde o val do Severn ata o esteiro do Dee, a cidade de Croesoswallt (Oswestry) acabou sendo para Powys. O rei Offa de Mercia continuou esta obra ao construír a Muralla de Offa. Este novo límite moveu Oswestry de novo ao lado inglés da fronteira, e Offa atacou a Powys en Hereford en 760, 778, 784 e 796. A fronteira permaneceu na Muralla de Offa ata o s. XII, cando os galeses recuperaron o territorio entre os ríos Dee e Conwy, territorio coñecido daquela como Perfeddwad.

Rhodri, Hywel e GruffyddEditar

Powys veuse unida a Gwynedd cando o rei Merfyn Frynch de Gwynedd casou coa princesa Nest, a irmá do rei Cyngen de Powys, último representante da dinastía Gwertherion. Coa morte de Cyngen en 855, Rhodri o Grande converteuse en rei de Powys, tras ter herdado Gwynedd o ano anterior. Isto formou as bases para as continuas demandas de Gwynedd sobre Powys os seguintes 443 anos.

Rhodri o Grande gobernou completamente sobre todo o actual Gales ata a súa morte en 877. Os seus fillos crearon as súas propias dinastías: Merfyn herdou Powys, mentres que os seus irmáns Anarawd ap Rhodri e Cadell crearon a dinastía Aberffraw, en Gwynedd e a dinastía Dinefwr, respectivamente.

En 942 Hywel ap Cadell de Deheubarth (neto de Rhodri a través do seu fillo Cadell) herdou Gwynedd pola morte do seu curmán Idwal Foel. Ao mesmo tempo tomou Powys, de Llywelyn ap Merfyn, e arranxou o matrimonio entre os fillos de ambos. Hywel fundou Deheubarth en 920 á parte da herdanza materna e paterna, e mantivo relacións moi próximas con Aethelstan de Inglaterra, visitando frecuentemente a súa corte. Hywel estudou o sistema legal inglés e reformou as leis galesas. Peregrinou a Roma e, cando volveu en 928, trouxo consigo unha colección de leis que foron bendicidas polo Papa. Influenciado polos ingleses, Hywel foi o primeiro en cuñar moeda propia en Gales, con ceca en Chester. En 945 celebrou unha asemblea en Whitland para escriturar as leis, coa axuda do famoso clérigo Blefywryd. Por estes traballos déronlle o nome de Bo (Hywel Dda en galés), e o seu reino destacou como inusualmente pacífico. Trala súa morte Gwynedd regresou á dinastía Aberffraw. Porén, Powys e Deheubarth foron divididos entre os seus fillos.

Maredudd ab Owain reconstruíu o reino do seu avó Hywel o Bo. Era rei de Deheubarth e Powys cando en 986 se fixo con Gwynedd. Combateu a usurpación inglesa en Powys e as crecentes invasións viquingas en Gwynedd. Lémbrano por ter pagado aos viquingos un penique por cada refén capturado, unha gran suma naquela época. Coa morte de Maredudd (999), Powys pasou ao seu neto Llywelyn ap Seisyll, fillo de Anghared, a filla máis vella de Maredudd (co primeiro esposo desta, Seisyll ap Owian), mentres que Deheubarth foi repartido entre os seus fillos. Gwynedd temporalmente retornou á dinastía dos Aberffraw. Na seguinte centuria perderon importancia as principais familias nobres, debido a que as incursións viquingas e incesante estado de guerra permitiron aos usurpadores derrocar os Aberffraw e os Dinefwr, que non se recuperaron ata finalizar o século.

Gruffyd, o fillo de Llywelyn, uniría todo Gales baixo o seu reinado, desprazando aos seus curmáns en Deheubarth e aumentando os seus aliados políticos en Inglaterra. Trala morte de Gruffydd, Deheubarth tivo varios gobernantes ata que a dinastía Dinefwr retornou ao poder en 1063, na persoa de Maredudd ab Owain ab Edwin.

Casa de MathrafalEditar

Co segundo esposo da princesa Anghared (a filla de Maredudd ap Owain de Deheubarth e Powys), Cynfyn ap Gwerstan, fundouse a dinastía dos Mathrafal. A dinastía toma o seu nome do histórico castelo de Mathrafal. Bleddyn ap Cynfyn, fillo de Anghared, herdou Powys á morte do seu medio irmán Gruffydd ap Llywelyn (1063), produto do primeiro matrimonio da súa nai. Bleddyn (lobo en galés) asegurouse Gwynedd ese mesmo ano tras unha batalla que o enfrontou a un pretendente dos Aberffraw, Cynan ap Iago. Ao ano seguinte Eduardo o Confesor, rei de Inglaterra, apoiou a Bleddyn no trono. Bleddyn é lembrado por reformar as leis de Hywel Dda.

Bleddyn e o seu irmán Rhiwallon loitaron xunto aos anglosaxóns contra os conquistadores normandos. En 1067 aliáronse co rei Eadric o Salvaxe de Mercia para repeler o ataque normando a Hereford. E en 1068 cos condes Edwin de Mercia e Morcar de Northumbría noutro ataque normando. En 1070, Bleddyn derrotou aos seus medio sobriños, os fillos de Gruffydd ap Llywelyn, na batalla de Mechain no seu intento por tomar Gwynedd. Bleddyn morreu en 1075, no transcurso dunha campaña en Deheubarth contra Rhys ab Owain. Coa morte de Bleddyn, Gwynedd pasou ao seu curmán Trehaearn ap Caradog, que morreu en 1081 na batalla de Mynydd Carn, tralo que o reino recaeu de novo na dinastía dos Aberffraw, con Gruffydd ap Cynan. Powys foi dividida entre os fillos de Bleddyn: Iorwerth, Cadwgan y Maredudd.

Despois de que Guillerme de Normandía se asegurase Inglaterra, deixou que os baróns normandos creasen en Gales os seus señoríos. Así, creouse a Marca Galesa ao longo da fronteira entre Inglaterra e Gales. En 1086 o conde normando Roger Montgomery de Shewsbury finalizou a construción dun castelo no vao de Rhydwhiman sobre o Severn, o castelo de Montgomery. Tras Montgomery outros normandos reclamaron os cantrefi de Ial, Cynllaith, Edernion e Nanheudwy. Desde alí tomaron Arwstle, Ceri e Cedwain. Ademais da totalidade de Powys, gran parte de Gales estaba en mans normandas ao finalizar 1090. Os tres fillos de Bleddyn ap Cynfyn endureceron a resistencia e a súa pretensión de recuperar Powys, e en 1096 xa recuperaran a maior parte de Powys, incluíndo ol castelo de Montgomery. Roger Montgomery revelouse contra o rei Guillerme II de Inglaterra e as súas terras foron confiscadas (1102) e entregadas a Payne Fitzjohn, quen incitou a Filipe de Brose a atacar Builth, e a Hugh Mortimer a atacar Elfael e Maelienydd. Nos s. XII e XIII a Casa de Mathrafal loitou por manter as súas terras en Powys fronte aos baróns da Marca e un rexurdinte Gwynedd. En 1160 o reino caeu vítima da lei galesa de sucesión ye foi dividido nos principados do norte e do sur. Divididos eran aínda máis febles, e mentres que o reino do norte, Powys Fadog, apoiaba as aspiracións independentistas do veciño Gwynedd baixo Owain Gwynedd, Llywelyn o Grande e Dafydd ap Llywelyn, reis de Gwynedd, o reino do sur, Powys Wenwynwyn, tiña frecuentes enfrontamentos con Gwynedd. En 1267, os dous reinos de Powys prestaron homenaxe ao rei de Gwynedd Llywelyn o Derradeiro Rei como Príncipe de Gales. Pero Gruffudd ap Gwenwynwyn, Señor de Powys Wenwynwyn, cambiou de alianza en 1274 e exiliouse en Inglaterra. Regresou a Gales en 1276 despois da primeira ocupación inglesa e na definitiva campaña de 1282, as tropas de Gruffud foron determinantes na caída de Llywelyn cando, xunto a Roger Lestrange e Roger Mortimer, emboscaron e asasinaron ao príncipe galés. Coa morte de Llywelyn, Gales perdeu a súa independencia. Tralo Estatuto de Rhuddlan (1284) todos os títulos principescos de Gales foron abolidos e Powys desapareceu incorporado aos novos condados de Breconshire, Radnorshire, Montgomeryshide e parte de Denbighshire.

Gobernantes de PowysEditar

Reis de Powys

  • Casa de Gwertherion
  • - Gwrtheyrn (o gran rei Vortigern)
  • Casa de Manaw
  • Príncipes de Mathrafal de Powys

Desde 1160 Powys foi dividido en dúas partes. A parte do sur chamouse Powys Wenwynwyn por Gwenwynwyn ab Owain Cyfeiliog ap Madog, mentres que a do norte se chamou Powys Fadog por Madog ap Gruffydd Maelor ap Madog.

Véxase taménEditar