Edwin de Northumbria
Edwin (tamén coñecido como Eadwine, Ēadwine ou Æduini en inglés antigo), nado c. 586 e finado o 12 de outubro de 633, foi rei de Deira e de Bernicia, coñecidos máis tarde conxuntamente baixo o nome de Northumbria. O seu reino durou desde 616 até a súa morte. Converteuse ao cristianismo e foi bautizado no ano 627. Tras a súa morte na Batalla de Hatfield Chase foi venerado como santo.
Edwin foi fillo de Aella, rei de Deira. A súa irmá Acha estivo casada con Aethelfrith, rei do veciño reino de Bernicia. Foi tío de Hereric (morreu c. 604), o cal foi pai da abadesa Hilda de Whitby e Hereswith, esposa do irmán do rei Anna de Anglia Oriental.
Traxectoria
editarInfancia e exilio
editarA Crónica Anglosaxoa conta que despois da morte de Aella un tal Aethelric asumiu o poder. A identidade exacta de Aethelric é incerta. Puido ser un irmán de Aella, un irmán máis vello de Edwin, un nobre calquera, ou o pai de Aethelfrith. O mesmo Aethelfrith foi tamén probabelmente rei de "Northumbria" (Deira e Bernicia xuntos) desde non despois de 604. Durante o reino de Aethelfrith, Edwin estivo no exilio. A localización do seu temperán exilio como neno é descoñecida, pero algúns relatos de Rexinaldo de Durham e Godofredo de Monmouth, sitúan a Edwin no Reino de Gwynedd, acollido polo rei Cadfan ap Iago, o que explicaría o posterior conflito entre Edwin e o seu suposto irmán adoptivo Cadwallon. Sobre os anos 610 atopábase en Mercia, baixo a protección do rei Cearl, con cuxa filla Cwenburg casou.
Sobre o ano 616, Edwin atopábase en Anglia Oriental, agora baixo a protección do rei Raedwald. O monxe historiador Beda conta que Aethelfrith quería que Raedwald asasinase a Edwin, o seu indesexado rival, e que Raedwald estivo en disposición de facelo, de non ser porque a súa esposa o persuadiu xusto a tempo. Pola contra, Raedwald enfrontouse a Aethelfrith nunha batalla preto do río Idle en 616, na cal Aethelfrith, e o fillo de Raedwald, Raegenhere, morreron. Edwin foi coroado rei de Northumbria, nomeando a Raedwald como Bretwalda; os fillos de Aethelfrith exiliáronse a Dalriada e Pictavia. O feito de que Edwin se fixese co poder, non só da súa terra natal, Deira, senón tamén de Bernicia, puido deberse ao apoio de Raedwald, de quen probabelmente seguiu sendo súbdito a principios do seu reinado. O reinado de Edwin marca unha interrupción no férreo dominio de Northumbria polos bernicianos.
Edwin como rei
editarCoa morte de Aethelfrith, e do poderoso Aethelberht de Kent no mesmo ano, Raedwald e o seu aliado Edwin estaban nunha boa posición para se faceren co dominio de toda Inglaterra, e así o fixo Raedwald até a súa morte, unha década despois. Edwin anexionou o pequeno reino britano de Elmet despois da morte do seu rei Ceretic. Elmet fora probabelmente un reino vasalo de Mercia e a partir dese momento, de Edwin. O reino de Lindsey, moito máis extenso, foi sometido probabelmente despois de c. 625, tras a morte do rei Raedwald.
Por esas datas Edwin e Eadbald de Kent eran aliados, e como a súa primeira esposa Cwenburg xa morrera, Edwin expúxose casar coa irmá de Eadbald, Aethelburg de Kent. Segundo Beda, Eadbald só aceptaría que a súa irmá casase con Edwin se este se convertía ao cristianismo. O matrimonio da merovinxia Berta con Aethelberht de Kent, os pais de Eadbald, resultara na conversión ao cristianismo de Kent, e o de Aethelburg con Edwin faría o mesmo en Northumbria.
A expansión cara a occidente de Edwin puido comezar a principios do seu reinado. A principios dos anos 620 hai evidencias dunha guerra entre Edwin e Fiachnae mac Báetáin de Dál nAraidi, rei de Ulaid en Irlanda. Sábese que existiu un poema, perdido posteriormente, que facía reconto das campañas de Fiachnae contra os saxóns, e os anais Irlandeses relatan a toma ou asedio de Bamburg, en Bernicia, nos anos 623-624. A morte de Fiachnae no ano 626, a mans do seu homónimo, Fiachnae mac Demmáin dos Dál Fiatach, e a morte deste un ano despois na batalla contra Dalriada, probabelmente facilitaron a Edwin as súas conquistas na provincia marítima de Irlanda.
En tempos de Edwin, as guerras entre reinos veciños formaban parte da rutina, producíanse regularmente, mesmo anualmente, para así obter tributos e escravos.
A casa real mudábase regularmente dunha “cidade real” a outra, consumindo a comida ofrecida polos súbditos, cobrando tributo das facendas, dispensando xustiza, e asegurándose de que a autoridade real se fixese presente por todo o reino. As cidades reais nos tempos de Edwin foron, entre outras, Yeavering en Bernicia, onde se descubriron rastros dun anfiteatro feito de madeira; Campodunum en Elmet (quizais Barwick), Sancton en Deira e Goodmanham, o lugar onde o sacerdote pagán Coifi destruíu os ídolos, segundo Beda. O reino de Edwin incluía as cidades romanas de York e Carlisle, e parece ser que ambas foron de importancia no século VII, aínda que non está claro se a vida urbana continuou durante este período.
A conversión de Edwin ao Cristianismo
editarA versión de Beda acerca da conversión de Edwin destaca dous acontecementos importantes. O primeiro produciuse durante o exilio de Edwin, e conta como Paulino de York lle salvou a vida. O segundo evento ocorreu tras o seu matrimonio con Aethelburg, cando un axente de Cwichelm de Wessex o tentou asasinar en York, o día de pascua do 626. Estes sucesos influirían na decisión de Edwin de permitir o bautizo da súa filla Eanflæd e ademais prometeu adoptar o cristianismo se a súa campaña contra Cwichelm fose exitosa. Á parte destes feitos, a representación xeral que Beda fai de Edwin, é a dun rei indeciso, medorento de afrontar riscos, e sen capacidade de decidir se ser cristián ou non.
Ademais, a influencia da raíña Aethelburg non pode ser ignorada xa que, sendo da dinastía merovinxia, era cristiá e evanxelizadora por natureza e, por tanto, tal e como o fixo a súa nai co seu pai, tería a intención de converter a Edwin. Tamén houbo cartas que o papa Bonifacio V mandou a Edwin e a Aethelburg, o que demostra o esforzo do papa en cristianizar a illa. Dado que Kent estaba baixo influencia dos francos, estes estaban tamén interesados en converter aos seus parentes xermánicos, e en estender o seu poder e influencias. Beda fai referencia ao bautizo de Edwin e dun dos seus comandantes, o 12 de abril de 627. O fervor de Edwin, segundo Beda, levou a que o fillo de Raedwald, Eorpwald tamén se convertese ao cristianismo.
Edwin como Rei Supremo
editarO primeiro obstáculo para Edwin veu pouco despois do seu matrimonio e alianza con Kent, en Canterbury no verán de 625. Ao ofrecer a súa protección a reis menores, como o rei de Wight, Edwin arruinou as ambicións de Cwichelm de Wessex. A resposta de Cwichelm foi mandar un asasino, como xa se comentou. Edwin non reaccionou inmediatamente a esta afronta, o que suxire que, ou ben se sentía incapaz de facelo, ou que a descrición que Beda fai del como líder indeciso era certa. Despois do infrutuoso intento de asasinato, Edwin comprometeuse a se converter ao cristianismo se daba derrotado a Cwichelm.
Edwin foi o rei máis poderoso dos gobernantes anglosaxóns desde 627 até a súa morte, reinando en Bernicia, Deira, gran parte de Mercia, a Illa de Man e Anglesey. A súa alianza con Kent, a debilidade de Wessex e as súas recentes vitorias déronlle poder e autoridade. O imperium, como Beda o chamou, que Edwin posuía foi logo asimilado ao concepto de Bretwalda, inventado posteriormente polos reis saxóns no século IX.
Como símbolo da súa autoridade sobre os outros reis, Edwin adoitaba soster unha tufa (un feixe de ás nunha xavelina ou lanza, unha insignia militar de orixe romana) que lle confería popularidade e respecto. Tamén recibía tributo dos príncipes de Gales. Baixo a súa soberanía as leis foron tan respectadas que, tal como testemuña Beda o Venerable, se dicía que unha muller podería viaxar a través da illa cun bebé no seu peito sen temor de ser insultada.
O suposto medio irmán de Edwin Cadwallon aparece na historia c. 629, pero Cadwallon foi derrotado e, ou ben se rendeu á autoridade de Edwin ou se exiliou. Coa derrota de Cadwallon, a autoridade de Edwin parece haberse mantido estábel por varios anos, ata que Penda de Mercia e Cadwallon se rebelaron contra el en 632-633.
Morte e legado
editarEdwin foi derrotado por Penda e Cadwallon na batalla de Hatfield Chase no outono de 633, perdendo a vida. Dos dous fillos maiores que Edwin tivo con Cwenburg de Mercia, Osfrith morreu tamén en Hatfield Chase, e Eadfrith foi capturado por Penda de Mercia e asasinado un tempo despois.
Os seus restos foron levados a Whitby, pero a súa cabeza, posto que foi decapitado, levouse á igrexa de Saint Peter, en York, onde aínda se atopa.
Despois da morte de Edwin, a raíña Aethelburg e Paulino de York, volveron a Kent, levando consigo ao seu fillo Uscfrea, á súa filla Eanflæd de Deira, e ao fillo de Osfrith, Yffi, para exiliarse con eles. Uscfrea e Yffi foron enviados á corte de Dagoberto I, rei dos francos, parente de Aethelburg, pero morreron pouco despois. Eanflæd viviu para casar co seu primo, o rei Oswiu de Northumbria, fillo de Acha e Aethelfrith. Tamén se converteu en santa, do mesmo xeito que os seus pais.
O reino de Edwin foi dividido despois da súa morte. O seu sucesor foi Osric, fillo do tío paterno de Edwin Aelfric, en Deira, e por Eanfrith, fillo de Aethelfrith e a irmá de Edwin Acha, en Bernicia. Os dous convertéronse ao paganismo, e os dous foron asasinados por Cadwallon. Posteriormente, o irmán de Eanfrith, Oswald derrotou e deu morte a Cadwallon e uniu a Northumbria unha vez máis. Desde ese momento, con excepción de Oswine fillo de Osric, o poder de Northumbria estivo en mans dos idaneses, os descendentes de Ida de Bernicia, até mediados do século XIII.
Despois da súa morte, Edwin foi venerado como santo por algúns, aínda que o seu culto foi substituído en gran medida polo máis popular culto a Oswald, quen foi asasinado en 642. Ambos morreron en batalla a mans de inimigos comúns, os britanos e os pagáns de Mercia, o que fixo que ambos fosen vistos como mártires polos anglos; Con todo, o trato que Beda dá a Oswald demostra que o percibía como un santo indiscutíbel, un status que non lle conferiu a Edwin.
O recoñecemento de Edwin de Northumbria procede en gran parte das referencias de Beda, escritas desde o punto de vista inglés e cristián, e baséase principalmente na súa traballosa conversión ao cristianismo. O seu reino unido do norte non sobreviviu á súa morte, nin tampouco o proselitismo ao cristianismo do seu reino, xa que os seus sucesores renunciaron ao cristianismo e reconvertéronse á súa primitiva relixión pagá. Cando se compara o reinado de Edwin co do seu cuñado pagán Aethelfrith, ou co dos fillos de Aethelfrith, ou co do pagán Penda de Mercia, ponse de manifesto que a súa figura non era tan importante na primeira metade do século VII. Poida que os feitos máis significantes do reinado de Edwin fosen as súas derrotas, o apoxeo de Penda e Mercia, e o retorno do exilo irlandés dos fillos de Aetrhelfrith, quen uniron o reino de Northumbria coas provincias marítimas irlandesas por varias xeracións.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda.
- A Crónica Anglosaxoa".
- Anais Irlandeses.