Æthelfrith de Northumbria
Æthelfrith (tamén Aethelfrido, Aethelfrith, Etelfrido), finado c. 616, foi rei de Bernicia desde c. 593 até c. 616; e tamén foi, desde c. 604, o primeiro rei berniciano que reinou en Deira, un reino ao sur de Bernicia. Tendo en conta que Deira e Bernicia foron os dous reinos que formaron o coñecido posteriormente como Reino de Northumbria, pode ser considerado, en termos históricos, o primeiro rei de Northumbria. Tamén é lembrado polas súas exitosas campañas contra os britanos e pola súa vitoria sobre o reino irlandés de Dalriada. Aínda que foi derrotado e morreu en batalla e foi substituído polo seu rival dinástico, a súa liña foi finalmente restaurada no trono na década de 630.
Nome orixinal | (en) Æthelfriþ |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século VI |
Morte | c. 616 River Idle, Reino Unido (en) |
Causa da morte | morte en combate, morto en combate |
Rei de Northumbria | |
604 – 616 – Edwin de Northumbria → | |
Rei de Deira | |
604 – 616 ← Æthelric (en) – Edwin de Northumbria → | |
Rei de Bernicia | |
592 – 616 ← Hussa de Bernicia | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Leodwaldings (en) |
Cónxuxe | Acha Bebba |
Fillos | Offa (?) () Acha Oslac (?) () Acha Oswudu (?) () Acha Oslaf (?) () Acha Ebe de Coldingham () Acha Eanfrith de Bernicia () Acha Oswald de Bernicia () Acha Oswiu de Northumbria () Acha |
Pai | Æthelric de Bernicia |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Encyclopædia Britannica |
Unificación do Reino
editarÆthelfrith, fillo de Æthelric e neto de Ida, aparentemente foi sucesor de Hussa como rei de Bernicia ao redor do ano 592 ou 593; a ascensión de Æthelfrith puido ser complicada, con rivalidades entre as diferentes dinastías, e os familiares de Hussa. A Historia Brittonum conta que Æthelfrith reinou en Bernicia por doce anos e en Deira por outros doce, o cal se pode interpretar como que reinou en Bernicia desde 592 até 604, ano no que tamén empezou a reinar en Deira. Os seus predecesores eran personaxes historicamente escuros; Æthelfrith é o rei berniciano máis antigo do que se coñecen detalles significativos. O historiador Frank Stenton dixo que "a historia continuada de Northumbria, e en efecto a de toda Inglaterra, comeza co reino de Æthelfrith", e que "el foi realmente o fundador do reino histórico de Northumbria, e foi lembrado como o primeiro gran líder que saíu dos anglos setentrionais".
Beda narra os grandes éxitos de Æthelfrith contra os britanos, aínda que tamén o críticou polo seu paganismo (a conversión de Northumbria non comezou senón até a década despois da súa morte).
Áedán mac Gabráin, o rei de Dalriada (ao noroeste de Bernicia), alarmouse polos éxitos do berniciano, e en 603 dirixiu "unha inmensa e ponderosa armada" contra Æthelfrith. Aínda que Æthelfrith comandou unha forza inferior, venceu na Batalla de Desgastan; a maioría do exército de Áedán morreu nesta batalla, e Áedán apenas puido escapar. Beda conta que a vitoria de Æthelfrith foi tan devastadora que os reis irlandeses non volveron declarar guerra ningunha, até os tempos do mesmo Beda. A batalla tamén lle custou cara a Æthelfrith; Beda conta que Teobaldo, o irmán de Æthelfrith, morreu, "con case todo o exército que comandaba". Hering, o fillo de Hussa, o predecesor de Æthelfrith, tamén é mencionado como parte ao lado dos invasores, o cal indica que si existiu unha rivalidade entre as dinastías de Bernicia. Æthelfrith puido chegar a acordos con Dalriada, xa que despois disto, as campañas militares de Æthelfrith tiveron lugar noutras partes de Gran Bretaña, e os seus fillos puideron refuxiarse na Dalriada irlandesa despois da morte de Æthelfrith.
Æthelfrith obtivo o control de Deira ao redor de 604; as circunstancias disto son descoñecidas. Que obtivese poder en Deira a través dunha conquista puidese explicar porqué o fillo de Aella, Edwin e Hereric, sobriño de Edwin, os cales eran notábeis membros da realeza deirana tiveron que exiliarse.
Tamén por aquela época naceu Oswald, o fillo de Æthelfrith. Oswald era fillo de Acha, filla de Aella, e por tanto irmá de Edwin. Aínda que Beda non menciona explicitamente que Æthelfrith casou con Acha, pénsase que así o fixo. Ambos se puideron casar antes de tomar o poder en Deira, nese caso o matrimonio puido facilitar a toma do poder, ou se puideron casar despois para consolidar o seu poder en Deira.
A Historia Brittonum conta que Æthelfrith lle deu a cidade de Din Guaire á súa primeira esposa, Bebba, pola cal foi renomeada Bebbamburg. Beda tamén menciona que Bebbamburg foi nomeada en honra a unha raíña chamada Bebba, aínda que non menciona a Æthelfrith. Mencionouse que ela "foi probablemente a primeira e máis importante esposa de Æthelfrith".
Masacres
editarEntre os anos 613 e 616, Æthelfrith atacou Powys e derrotou ao seu exército na Batalla de Chester, na que morreu o rei de Powys Selyf Sarffgadau, xunto con outro rei chamado Cetula, probablemente Cadwal Crysban de Rhôs. Masacrou tamén aos monxes de Bangor-Is-Coed que se achaban reunidos para axudar aos britanos coas súas oracións. Beda di que decidiu atacalos porque, aínda que estaban desarmados, estábanselle opondo por medio das oracións. Dise que morreron ao redor de 1.200 monxes, con só 50 que lograron escapar. A vitoria de Æthelfrith en Chester subliñouse por ter unha grande importancia estratéxica, xa que puido provocar a división dos britanos de Gales e os do norte; con todo, notouse que Beda enfocou máis o masacre dos monxes e non inclúe detalle ningún da batalla, nin a menciona como decisiva.
Hereric foi envelenado mentres que se hospedaba na corte de Ceretic, rei de Elmet; Æthelfrith puido ser o responsábel do asasinato xa que isto consolidou a súa liña ao poder en Bernicia.
Edwin terminou en Anglia Oriental, baixo a protección do seu rei, Redwald. Æthelfrith mandou mensaxeiros para subornar a Redwald con "unha gran suma de diñeiro" para que asasinase a Edwin; Beda reporta que o seu primeiro intento non tivo ningún efecto, pero Æthelfrith mandou máis mensaxeiros e ameazou coa guerra se Redwald non accedía. (Subornos e ameazas como estas tamén puideron ser usadas para conseguir o asasinato de Hereric). Redwald eventualmente accedeu a matar a Edwin ou entregalo aos mensaxeiros de Æthelfrith, pero foi aparentemente disuadido pola súa esposa, a cal lle dixo que unha cousa así non seria merecedora da súa honra. Redwald entón levantou un exército e marchou en contra de Æthelfrith, e ao redor de 616 Æthelfrith foi derrotado e morreu no lado leste do río Idle por un exército de Redwald; Beda dixo que Æthelfrith tiña un exército inferior, xa que Rewald non lle deu suficiente tempo para agrupar forzas bastantes.
Despois da morte de Æthelfrith, Edwin converteuse en rei de non só de Deira senón tamén de Bernicia; os fillos de Æthelfrith, Eanfrith, Oswald, e Oswiu escaparon cara á o norte. Despois da morte de Edwin en 633 na Batalla de Hatfield Chase, Eanfrith retomou temporalmente o poder de Bernicia, e Oswald de Northumbria tomou poder de toda Northumbria despois da morte de Eanfrith. Desde este punto os descendentes de Æthelfrith reinaron até principios do século XIII.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Historia ecclesiastica gentis Anglorum, por Beda.
- Crónica anglosaxoa.
- D. P. Kirby: The Earliest English Kings.
- Historia Brittonum de Nennio.