O neodruidismo[1][2][3] é unha forma moderna de espiritualidade ou relixión que proclama a reverencia e a harmonía coa natureza, o repecto a todos os seres vivos e o ambiente. Moitas formas de neodruidismo son relixións neopagás, mais outras son simplemente filosofías de vida non necesariamente de natureza relixiosa.[4][5] Orixinouse en Gran Bretaña durante o século XVIII, no comezo como un movemento cultural, adquirindo connotacións relixiosas ou espirituais a partir do século XIX.

Símbolo dos druídas.
Grupo de druídas en Stonehenge, Inglaterra.

O principio fundamental do druidismo (ou druidaria) é o respecto e a reverencia da natureza, e isto implica a participación activa en movementos medioambientais. Outra crenza entre os druídas modernos é a veneración dos antergos, particularmente os das sociedades prehistóricas.

Xurdindo no século XVIII durante o movemento romanticista, que glorificaron ós antigos pobos "celtas" da Idade de Ferro británica, os druídas modernos comezaron a imitar os sacerdotes doutrora. Porén, pouca información exacta se coñece sobre eses antigos sacerdotes, polo que o movemento druídico moderno non ten relación directa cos ritos do pasado.[6]

Na primeira metade do século XX, os druídas modernos desenvolveron organizacións fraternais semellantes ós da masonería que empregaron a figura romántica dos druídas e bardos británicos como símbolo de espiritualidade indíxena. Algúns deses grupos eran puramente fraternais e culturais, creando tradicións a partir da imaxinación nacional británica. Outros fusionáronse con movementos como os da cultura do corpo e o naturismo. Dende os anos 1980 algúns grupos de druídas modernos adoptaron a mesma metodoloxía para a reconstrución do neopaganismo celta nun esforzo de crear unha práctica máis exacta historicamente. Porén, existe unha grande controversia sobre canto hai de semellante entre os druídas modernos e os da Idade de Ferro.[7]

En Galiza existe a Irmandade Druídica Galaica (IDG) desde 2011, que estende a súa presenza polo territorio da vella Gallaecia. Este grupo procura a recuperación da druidaria deste territorio (entendida como a súa relixión nativa) e o seu recoñecemento como relixión oficial, conseguido de feito en xullo de 2015 coa súa incorporación ó rexistro de entidades relixiosas do Ministerio de Xustiza [8].

Notas editar

  1. A Reformed Druid Anthology.
  2. Orr 2000.
  3. Nichols 1990.
  4. Harvey 2007. p. 17.
  5. Orr 2000. p. 07.
  6. "Modern Druids have no direct connection to the Druids of the Iron Age. Many of our popular ideas about the Druids are based on the misunderstandings and misconceptions of scholars 200 years ago. These ideas have been superseded by later study and discoveries." [1] Arquivado 23 de decembro de 2012 en Archive.is
  7. Bonewits 2006. pp. 128-140.
  8. Irmandade Druídica Galaica. "É oficial". Consultado o 22 de novembro de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar